Noticias de empresa

Ucoga, premio Galicia Segura 2018

Campo Galego 03/04/2018 6:50 p.m.

Ucoga, unha correduría de seguros galega especializada no ámbito agrogandeiro, obtivo o premio Galicia Segura 2018 á Mediación. O galardón, concedido pola Fundación Inade – Instituto Atlántico del Seguro, recoñece a “capacidade de Ucoga para convertirse no vertebrador da xerencia de riscos e do seguro no sector agroalimentario do norte de España”.

Ucoga, unha firma fundada no 2013 e integrada por unha ducia de cooperativas agrogandeiras de referencia en Galicia, é a primeira correduría que recibe o premio Galicia Segura na última década. Na lista de premiados desta edición do galardón, figura tamén o grupo asegurador Zurich, a asociación de corredores de seguros Aunna, o catedrático de Dereito Mercantil José Luis García Pita e o director xeral de Icea, José Antonio Sánchez Herrero.

No caso de Ucoga, o xurado subliña que o galardón recoñece a “contribución de Ucoga á mellora da gobernanza das cooperativas é á mellora da xestión de riscos nas explotacións gandeiras, así coma á regulación do transporte no sector agroalimentario”.

O acto de entrega dos premios Galicia Segura 2018, que contará coa presenza de autoridades e representantes do sector empresarial e do seguro, celebrarase o luns 14 de maio en Santiago. O premio está dotado dun diploma e unha medalla. A ceremonia de entrega vertebrará os actos oficiais cos que a Fundación Inade conmemorará o 110 aniversario da promulgación da primeira Ley del Seguro de España.

Etiquetado
Ir a la portada