Viña

Trasdovento, viños feitos na viña

A adega máis nova de Monterrei, certificada desde o 2016, xa obtivo este ano un Acio de Prata nas Catas de Viños de Galicia. O seu impulsor, Antonio Diz, destaca como clave do seu traballo o manexo do viñedo. “O fundamental é lograr unha materia prima excelente”, valora

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 31/07/2017 8:45 p.m.

Trasdovento é a adega máis nova da denominación de orixe de Monterrei, certificada no 2016, pero nace dunha experiencia vitivinícola que se remonta varios séculos. O seu impulsor, Antonio Diz Francisco, medrou entre as viñas e conserva aínda unha adega construída pola súa familia no 1810. A filosofía de Trasdovento céntrase en lograr unha uva de calidade, baseada en rendementos baixos na viña e nos menores tratamentos posibles.

O traballo da adega Trasdovento, que afronta esta campaña a súa terceira vendima como tal, xa mereceu este ano un recoñecemento nos premios da Cata de Viños de Galicia, cun Acio de Prata en viños de colleitas anteriores para o seu mencía do 2015, criado en barrica de carballo francés.

"Logramos un mencía que pasa de 14º cunha carga importante de polifenois e taninos. Se queremos competir en tintos, ese é o camiño" (Antonio Diz)

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Antonio fala marabillas dese viño, do que embotellou 6.000 unidades baixo a marca ‘Quérote’. “Estamos en Oímbra, nas ladeiras de Monterrei, nunha zona moi influenciada pola conca do río Douro e cunha altitude ideal para a produción de tintos. Para este viño, seleccionamos uva de cepas vellas e nas que practicamos un manexo de baixos rendementos, buscando máis carga de polifenois e taninos no viño. O que o proba sorpréndese. É un mencía que pasa dos 14º e cunha cor que non collen outros viños”, detalla Antonio. “Se queremos competir en tintos a nivel estatal, temos que ir por este camiño”, valora.

Os seus tintos elabóranse cunha base de mencía de arredor do 75% e teñen tamén un aporte de outras uvas: araúxa (tempranillo), sousón e bastardo, unha variedade esta última propia de Monterrei que se caracteriza por proporcionarlle cor e grao ó viño, segundo destaca Antonio. “Busco complementar á uva mencía pero sen rachar a estrutura do viño”, subliña.

En brancos, Trasdovento céntrase en viños elaborados nun 90% a partir de verdello, un clon local de godello, e de treixadura, dúas variedades nobres que se acompañan de pequenas aportacións de loureira e de albariño.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Mercado
Antonio, que xa tivera unha experiencia anterior como copropietario doutra adega da denominación, está atopar unha boa receptividade no mercado os seus viños, sobre todo en viñotecas, restauración e tendas. “Sempre pensei que a denominación de Monterrei ten un potencial incrible para triunfar no mercado. Agora mesmo na denominación estamos posicionados moi ben en relación calidade – prezo, pero fáltanos algo para lograr un maior impacto”, recoñece.

A produción total de viño da adega ronda as 60.000 botellas, comercializada baixo as marcas Trasdovento, Alto do Bocelo e Quérote. É un volume que lle permite á adega manter un control total sobre a uva que utiliza, toda ela de 11 hectáreas de viñedos propios ou alugados.

Viticultura
O manexo da viña é a principal preocupación do seu propietario. “Son un perfeccionista no viñedo á hora de podar e de coidalo”, recoñece Antonio. “O fundamental é controlar o traballo na viña e a materia prima. Orientámonos a ter baixos rendementos e tratamos de lograr unha uva sa, que estea aireada e con poucos tratamentos. Facemos unha poda en verde unha vez que pasan as xeadas, na última parte de maio, e tamén retiramos uvas en agosto, no envero da uva”, detalla Antonio.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"O fundamental é controlar a materia prima. Queremos obter unha uva sa, aireada e con poucos tratamentos"

As cepas teñen unha idade mínima de 15 anos e hai pés de verdello e de mencía de ata 120 anos, hoxe en día todos en espaldera para facilitar a mecanización dos tratamentos. En materia de sanidade vexetal, os viñedos de Oímbra presentan escasos problemas de mildeu e si unha maior incidencia de oídio. “Se a uva está aireada e con tratamentos de xofre, contrólase, pero hai que estar atentos, porque os ataques son frecuentes”.

O chan dos viñedos desbrózase e estércase con materia orgánica, principalmente con xesta e toxo. “Son partidario de traballar o solo coa incorporación de materia orgánica e de evitar os herbicidas”, apunta Antonio, que insiste unha e outra vez na importancia do traballo no viñedo para lograr bos viños.

Este ano, a zona de val de Monterrei sufriu as xeadas tardías, que nalgúns viñedos levaron por diante boa parte da colleita. Non foi o caso en Trasdovento, que se beneficiou do seu emprazamento en ladeira e rexistrou un menor impacto. “Nos viñedos da parte baixa si afectou e houbo que aplicar abonos foliares e aminoácidos para tratar de ter poda para o ano que vén”, explica Antonio, que bota en falta un maior apoio das Administracións ós viticultores más afectados.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada