Leite

Traballan nun sistema para elaborar racións de precisión que reduce un 10% os custos de alimentación

O Centro de Investigacións de Mabegondo e o Ligal desenvolven unha técnica analítica que lle permitiría ser máis competitivas ás ganderías de leite galegas. Calcúlase que o sector aforraría entre 20 e 40 millóns de euros ao ano en forraxes e concentrados

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 26/08/2020 12:25 p.m.

 

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) está a traballar, en colaboración co Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (Ligal), no desenvolvemento dun sistema avanzado de valoración nutricional dos alimentos co fin de determinar con precisión o valor enerxético e de nitroxenados das forraxes consumidas nas explotacións de vacún de leite. 

Búscase ter información precisa sobre o valor nutricional das forraxes máis utilizadas nas explotacións de leite galegas para realizar un racionamento máis eficiente, reducir custos e gañar competitividade, entre outros aspectos, entre os que estarían tamén os medioambientais, grazas á redución de emisións producidas.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Trátase dun proxecto de investigación cooperativa que persegue incrementar a capacidade analítica do Ligal mediante a creación e mantemento de aplicacións NIRS innovadoras, que permitan a predición directa da composición química, dixestibilidade e degradabilidade ruminal da proteína en forraxes frescas e ensiladas (pradeira e millo forraxeiro), proporcionando os parámetros de enerxía e proteína requiridos polos modernos programas de racionamento para vacas de leite.

A mellora na eficiencia das racións podería supoñer un aforro para as explotacións de entre un 5 e un 10% dos custos de alimentación

A través desta tecnoloxía NIRS, relaciónase a información espectral dos alimentos cos datos de valor nutricional mediante técnicas estatísticas avanzadas, o que permite mellorar o manexo da alimentación animal para garantir a viabilidade económica e ambiental do sector produtor leiteiro galego, segundo destaca en nota de prensa a Consellería do Medio Rural. Neste senso, é preciso incrementar o uso de forraxes de calidade e a súa eficiencia de utilización no racionamento das vacas de leite para que o propio sector poida ser cada vez máis competitivo.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Así, un incremento de precisión na valoración nutricional das forraxes poderíase traducir nunha redución estimada de ata un 5-10% do custo da ración nas granxas leiteiras. Polo tanto, para un gasto estimado en alimentación anual das granxas leiteiras galegas de aproximadamente 400 millóns de euros, a aplicación xeneralizada das novas tecnoloxías podería achegar un beneficio de ata 20-40 millóns de euros cada ano para o conxunto do sector respecto da situación precedente.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada