Agroalimentación

Torta de Sarria, a receita da avoa Filomena

Lourdes Pombo decidiu no 2015 cambiar o seu xeito de vida para adicarse á repostería, recuperando elaboracións familiares e innovando con outras propias. Do seu obrador saen creacións con ingredientes naturais que non levan conservantes

Camilo Friol 31/08/2021 7:32 p.m.

[caption id="attachment_142677" align="aligncenter" width="1000"] Lourdes, nunha feira antes da covid, coa tarta de améndoa e castaña e outros produtos que elabora[/caption]

"Até a crise do 2010 traballei no sector da construción, primeiro en Vigo, logo en Lugo e finalmente en Sarria. Vinme achegando", conta Lourdes Pombo, enxeñeira industrial de formación. Pero a empresa para a que traballaba pechou e foi ese "un momento de pensar en cambiar de vida". Condicionada polo ERE e pola maternidade, apostou pola repostería, "que foi algo que sempre me gustou moito", engade.

Hoxe o que Lourdes constrúe son doces, sobremesas e larpeiradas. "Non me custou decidirme, tíñao claro e cando tomo unha decisión non me volvo para atrás", afirma. Cun investimento inicial que non foi moi elevado, adaptou un local na casa para destinalo a obrador. Alí é onde prepara os pedidos e onde investiga novas creacións.

Lourdes fixo o seu primeiro hoxaldre aos 14 anos e cando o ERE da empresa de construción para a que traballaba a deixou no paro retomou aquela afección xa como negocio

Comezou elaborando unha receita familiar que facía a súa avoa Filomena e a súa nai Carmen nas festas ou nas matanzas. Hoxe segue a ser o seu produto estrela e o que dá nome ao obrador. A torta de améndoas e castañas Val de Sarria faise en dous formatos, de 800 e de 260 gramos. Lourdes adaptou a receita familiar orixinal, de hai moitos anos, aos gustos actuais. Ademais dun 20% de améndoa e un 10% de castañas leva fariña de trigo integral, manteiga, ovos, azucre moreno, produtos lácteos, licor, sal, bicarbonato e xenxibre.

O seu produto estrela é unha tarta de améndoas e castañas que se facía na súa casa para as festas e as matanzas

Á torta de Sarria fóronse engadindo outras receitas tradicionais galegas, como as cocadas ou os amendoados, que Lourdes fai con améndoa máis enteira. "Gústame máis a textura e o sabor", di. "Busco ingredientes puros", engade. Emprega, por exemplo, fariñas integrais e semiintegrais, nunca fariñas refinadas, e no caso de levar azucre, este é azucre de caña.

Creacións propias

[caption id="attachment_142662" align="aligncenter" width="1000"] As 'Panxoliñas' son galletas con forma de estrela montadas con chocolate ao xeito dunha árbore de Nadal[/caption]

Lourdes foi tamén ampliando a súa gama de produtos con creacións orixinais, como as pastas de xarope de pradairo ecolóxico, que non levan azucre; as Berveniñas, unhas galletas con herba luísa; ou as Veganiñas, feitas de cacao, aguacate, mazá, fariña de espelta integral e aceite de oliva. "Son as últimas que saquei e están gustando moito", asegura.

Busco ingredientes puros e as receitas son orixinais miñas; todos os anos adico un tempo a investigar

A maiores dos produtos dispoñibles todo o ano, Lourdes elabora doces específicos para distintas épocas do ano, como o Nadal, unha época de moito traballo na que fai mazapáns e tamén Panxoliñas, unhas galletas en forma de estrela montadas con chocolate formando unha árbore de Nadal. "Saqueinas no 2015 e cada vez vendo máis tamén", di.

Pretende achegar ao consumidor á repostería caseira saudable e de calidade

"Todos os anos adícolle un tempo a investigar e crear receitas orixinais miñas", explica. Pretende achegar ao consumidor á repostería caseira saudable e de calidade e procura empregar, na medida do posible, materias primas locais para contribuir a mellorar a vida no rural porque o seu é un deses proxectos que demostra que é posible emprender no rural. Un ano despois de poñer en marcha a seu obrador de pastelería tradicional recibiu un premio de emprendemento, o Premio Nacional de Emprendedoras, e gusta de colaborar con outras mulleres da comarca de Sarria que tamén optaron por crear empresas de alimentación en base a produtos de calidade da zona.

Elaboración artesá sen conservantes

A premisa fundamental coa que Lourdes traballa é facer produtos naturais sen conservantes e elaborados artesanalmente. No seu obrador, de feito, só hai un robot que emprega para as masas máis complicadas e un forno. É a única maquinaria existente. O resto consiste en traballo manual e creatividade.

A clave está en facelo como se fose para ti, con materias primas naturais, pouco azucre e sen aditivos

O do traballo artesán é, ademais, algo moi presente na casa de Lourdes. Xermán, a súa parella, é luthier e fabrica instrumentos musicais galegos. A súa filla Xulia tamén colabora e encárgase de debuxar as etiquetas e de catar as novas creacións... "Procuramos coidar a presentación", destaca Lourdes.

Traballo fundamentalmente sobre pedido e en función diso vou elaborando para que o produto vaia sempre fresco

Organiza o traballo no obrador segundo a demanda. "En función dos pedidos elaboro máis ou menos días, nunhas épocas tres días á semana e noutras máis. De novembro a Noiteboa, por exemplo, todos os días, incluídos sábados e domingos", conta. "Non ten sentido ter almacenado produto, así chega sempre fresco ás tendas e aos clientes, vai feito do mesmo día ou do día antes como moito. Ao non levar conservantes a caducidade é curta, varía entre 15 días e 3 meses dependendo do produto", explica.

Agasallos personalizados

[caption id="attachment_142665" align="aligncenter" width="1000"] Coida a presentación e algúns dos produtos van nunha caixiña cilíndrica de madeira debuxada por ela mesma[/caption]

Lourdes fai tamén agasallos personalizados para celebracións como vodas ou bautizos, aínda que agora mesmo isto está aparcado por mor da pandemia sanitaria. O coronavirus paralizou tamén outra das súas liñas comerciais, a das feiras. "Eu ía a moitas, facía unhas 15 ou 20 feiras no ano, sobre todo de produtos artesáns e algunha de carácter profesional", lembra.

Este foi un ano sen feiras, pero aumentaron os pedidos para enviar como presentes

Pero a caída de vendas nas feiras foi compensado en parte co aumento de pedidos nas casas. "Penso que a raíz do coronavirus a xente tamén se volcou máis en mercar produto máis próximo e as tendas tradicionais tamén venderon máis e víronse beneficiadas", considera. "Foi un Nadal moi intenso, con moitos pedidos, a verdade", recoñece.

Preparou distintas cestas para enviar como presente tanto por parte de particulares como de empresas que queren agasallos máis personalizados. Pero iso tamén multiplica o traballo. "Non teño empregados, eu elaboro, fago traballo comercial, reparto e vou ás feiras", explica. Ademais destas citas e eventos, as tendas especializadas son a súa principal canle de venda. Surte a tendas de toda Galicia e mesmo ten algunhas en Madrid ou Barcelona.

Etiquetado
Ir a la portada