Desenvolvemento rural

Terceiro ataque do lobo en dous meses nunha granxa de Rodeiro

Os cánidos mataron a un burro que a explotación mercara para tratar de evitar novas perdas, xa que o burro adoita rebuznar en canto detecta o perigo. Unións Agrarias pide inmediatas medidas da Xunta

Campo Galego 09/08/2016 9:24 a.m.

A granxa de Carlos Daparte, en Carboentes (Rodeiro), vén de sufrir o terceiro ataque do lobo en dous meses. En xuño, o lobo deulle conta de dúas xovencas, cunha diferenza de 15 días entre os dous ataques, e agora, na noite do domingo ó luns, matoulle un burro que a explotación mercara precisamente para tratar de evitar as incursións dos cánidos.

Os burros adoitan rebuznar en canto detectan ó lobo, o que a miúdo frustra os ataques, e tamén son capaces de facerlle fronte, pero nesta ocasión foron os cánidos os que gañaron a partida. O animal pasaba a noite nun prado xunto ás cuadras e as vivendas, pero a pesar da proximidade á aldea, ninguén se percatou do ataque nocturno ata a mañá deste luns, cando apareceu morto.

Manexo do gando
A presión do lobo está a deixar á granxa de Carlos sen alternativas. A explotación láctea, que manexa un rabaño dunhas cen cabezas, entre vacas adultas e recría, adoitaba ter nos pastos ós animais de recría en canto pasaban dun ano, pero ante as reiteradas perdas, plantéase mantelos estabulados de xeito permanente.

"Os pastos son un xeito de reducir custos de alimentación, pero ante esta situación, hai que manter o gando na corte"

“Os pastos son un xeito de reducir custos de alimentación, pois temos herba suficiente todo o ano. Ao primeiro, tiñamos as xovencas nunha carballeira que tiña un cuberto e que estaba valada, pero matáronos alí un animal e baixámolas entón a pastos do agro”, lembra Carlos Daparte. A morte dunha segunda xovenca fixo que optase entón por soltar ós animais só no prado que está á beira das propias cortes e das vivendas do lugar, pero tamén ata alí chegaron os lobos.

Na noite do domingo ó luns, os cánidos mataron o burro que custodiaba a corte, aínda que a desfeita puido ser maior, pois as xovencas tiñan acceso libre ó prado e o lobo tamén tiña a entrada despexada para o establo.

Perdas na parroquia
Os danos dos lobos afectaron tamén a outros veciños no último ano: “Hai pouco mataron unhas ovellas e no 2015 matáronlle unha xovenca a outra explotación da zona”, sinala Carlos. A situación é de preocupación na parroquia, pois nas últimas semanas un veciño dixo ter visto nas proximidades unha manda de cinco lobos un día a primeira hora da mañá.

Os problemas que causa a fauna salvaxe en Carboentes exténdense ademais ó xabarín. Os cuantiosos danos do ano pasado sobre o millo levaron este ano á granxa de Carlos a sementar só a metade da superficie.

[box style="0"]

Peticións de Unións Agrarias

Os problemas que está a causar o lobo no Deza suscitaron esta primavera unha reunión de Unións Agrarias coa Consellería de Medio Ambiente. A organización considera que existe unha sobrepoboación do cánido na comarca e demanda medidas de control selectivo por parte da Administración.

Unións considera que hai que acometer medidas de control selectivo

Unións pide tamén unha valoración axeitada dos danos, pois entende que as indemnizacións agora non cubren as perdas reais. O pago inmediato das axudas compensatorias é outro dos puntos sobre os que incide o sindicato. O secretario comarcal de Unións, Román Santalla, considera que non é de recibo que haxa gandeiros que tardan máis de dous anos en cobrar, o que en ocasións, di, desanima ós afectados a pedir as axudas.

Por último, Unións tamén pediu que Medio Ambiente valorase a posibilidade de abandonar gando morto no monte para reducir a presión dos lobos sobre as granxas.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada