Viña

Terceira vendima máis abondosa da década en Galicia

A colleita 2019 sáldase con 64 millóns de quilos recollidos, dos que 51 millóns corresponden a variedades brancas e 12,8 a variedades tintas. Albariño, godello, treixadura e mencía, as variedades máis traballadas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 15/11/2019 6:24 p.m.

A vendima do 2019 nas cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia foi a terceira máis abondosa na última década, só superada polas de 2011 (que foi récord absoluto) e de 2018, que tan só foi un 0,17% superior á campaña deste ano. Así se reflicte nun informe de Medio Rural do que dá conta a Xunta en nota de prensa.

O documento sinala que, pechada a campaña, nas cinco denominacións de orixe galegas colleitáronse un total de 63.906.700 quilos de uva, dos cales algo máis de 51 millóns corresponderon a variedades brancas e os 12,8 millóns restantes a castes tintas.

Por denominacións, a de Rías Baixas ocupou de novo o primeiro lugar en volume de produción, cuns 32,4 millóns de uva recollidos, que representan algo máis da metade do total. Seguiulle a do Ribeiro, con 11,8 millóns de quilos e a continuación as de Ribeira Sacra (7,2 millóns), Valdeorras (6,8 millóns) e Monterrei, con algo máis de 5,6 millóns de quilos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O informe sinala tamén que este ano as tres denominacións de menor produción (Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei) aumentaron a cantidade vendimada, colocándose moi por riba da media do último decenio. Tamén se incrementou a produción no Ribeiro.

Ademais, destaca o feito de que as variedades preferentes das DO, potencialmente produtoras de viños de calidade, seguen a ter un peso fundamental no conxunto da vendima. Así, as uvas Albariña, Godello e Treixadura representaron, respectivamente, un 62,4%, un 13,6% e un 11,1% da uva branca total e a Mencía supuxo o 76,1 % da uva tinta total colleitada.

Viticultores e adegas
Outros datos recollidos polo informe de Medio Rural refírense, por exemplo, aos 9.844 titulares de viñedo e ás 426 adegas implicadas na campaña. Así mesmo, para os labores de control, os consellos reguladores mobilizaron 81 efectivos, entre o persoal fixo e os eventuais contratados especificamente para tal finalidade. A maiores, a Consellería do Medio Rural reforzou este seguimento de xeito totalmente coordinado cos consellos reguladores, co despregamento de 22 técnicos máis.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada