Category Archives: Portada Lista

O Caxigo, unha cooperativa con 40 anos de servizo ás granxas da Terra Chá

O Caxigo é unha cooperativa de gandeiros ubicada no lugar de Vián (A Pastoriza, Lugo), da que os socios se benefician de diversos servizos, dende o apoio na xestión a servizo veterinario. É unha cooperativa que se mantivo fiel a súa esencia de servizo de proximidade, adaptándose ás necesidades de cada explotación, aínda que isto lle supoña ter un tamaño máis reducido. A orixe do Caxigo sitúase no ano 1984, cando un grupo de gandeiros decidiu asociarse para facer a compra conxunta de abono. Un par de anos máis tarde xa se iniciaban os tramites de constitución da nova sociedade, sumando progresivamente novos servizos aos gandeiros, como a comercialización en conxunto do leite, un equipo veterinario propio, servizo de substitución ou asesoramento técnico e económico. Nos últimos anos debido ao descenso de gandeiros en activo, algún servizo como o veterinario, foi exteriorizado.
“Chegamos a 115 explotacións entregando leite, hoxe somos 14 de leite e 19 de carne”
Esta sociedade centra a súa actividade en granxas da zona da Terra Chá e a súa traxectoria acompaña paralelamente á situación do agro galego. Explica Antonio Alvite, presidente dende o 2014, “actualmente a cooperativa está formada por 80 socios, principalmente de A Pastoriza, pero tamén de concellos veciños como Meira, Abadín, Riotorto ou Castro de Rei. En activo quedamos 14 explotacións de leite e 19 de carne, nalgúns anos chegamos a ser 115 granxas. Certo é que o volume de venda non experimentou ese descenso, pois entregamos mensualmente uns 400.000 litros de leite e utilizamos a cooperativa como figura intermediaria para a negociación en conxunto”. Antonio lamenta o cambio da normativa de contratos lácteos desde o 2015, pois “dalgunha maneira quedamos desprotexidos, dado que a industria e o gandeiro tiñan que ter relación directa, polo que deixamos de actuar como primeiros compradores”. O Caxigo é unha das tantas cooperativas que había espalladas pola xeografía galega e que posteriormente se foron integrando en grupos de maior tamaño. “Nalgunha ocasión valoramos a posibilidade de integrarnos, pero creo que o trato que pode recibir o gandeiro sería moi diferente. Temos que pensar que cooperativas como esta realizan unha importante labor social no entorno, en primeiro lugar porque sempre axudaron a ter mellores prezos e por outra parte, a proximidade da entidade co socio, xerando unha relación de confianza mutua”.
O Caxigo e a cooperativa O Xeixo colaboran na prestación de servizos ós seus respectivos socios
Esta entidade ofrece servizos propios, pero tamén colabora con outras cooperativas. O Caxigo tira man de Clun e Aira para o suministro de penso e compleméntase con outra cooperativa próxima, como O Xeixo (A Pastoriza), en diversos servizos. “Nós temos un axente de substitución que poden solicitar socios de O Xeixo e igualmente nós podemos utilizar o servizo de calidade de leite ou o subministro de gasóleo que teñen eles. Somos pequenas entidades e debemos colaborar entre nós, pois algúns dos servizos non os poderiamos ofrecer de xeito individual”. Dende un simple trámite de dar de alta ou baixa un animal, ata a xestión de subvencións ou recomendacións para a fertilización das parcelas, o asesoramento do Caxigo ós socios é amplo. “É un traballo simple pero fundamental o de ter un apoio técnico para aquelas granxas que teñen dificultades para realizar trámites. Tamén ofrecemos axuda coa veciñanza en pequenos trámites administrativos, poñendo a cooperativa ao servizo do pobo. Ademais, tal e como se presenta o futuro, con esixencias como o caderno dixital ou o veterinario de explotación, cremos que debemos manter ou, na medida do posible, reforzar esta figura”, explica Antonio, cunha ollada no futuro máis próximo.

“As subvencións dannos mala imaxe, son partidario de que desaparezan e de que a nosa produción se pague polo que vale”

No contexto actual dos ultimos meses, marcado pola oposición do sector en toda Europa ás novas normativas, Antonio explica dende a súa propia perspectiva a situación actual do agro galego. -Cales son as perspectivas a curto prazo, vendo a situación actual e os cambios que se veñen? -Creo que o que se vai conseguir é que se acelere o peche de moitas explotacións. É necesario que teñamos uns controis, pero non vexo ben que despois o noso produto compita no mercado con outros procedentes de zonas con menores esixencias. Ademais dunha competencia desleal, considero que é un engano ao consumidor. Estamos nun mercado global e non podemos pechar as portas, pero temos que protexer o noso. Para competir en igualdade de condicións, o consumidor debe saber a procedencia e os controis que hai detrás de cada produto que hai no supermercado.
“Vexo ben que se reduza o uso de antibióticos, pero non é normal que para tratar unha hipocalcemia teñamos que chamar a un veterinario”
En sanidade animal, en canto ás estratexias que se están a seguir para reducir o uso de antibióticos, véxoo ben porque están aparecendo na sanidade resistencias a algúns antibióticos. O que si que non é lóxico, e entra en contradición coas normativas de benestar animal, é que non poidamos utilizar sen unha visita previa do veterinario algo tan simple como un tratamento de calcio, por exemplo. No momento en que encontramos unha vaca con hipocalcemia, deberiamos poder actuar canto antes, e calquera gandeiro sabe cando é preciso facer un tratamento deste tipo.
“O control da fertilización mesmo pode supoñer un aforro. É bo traballar en base ás necesidades do cultivo e a analíticas de solo”
No límite que pode haber no uso de fertilizantes, non creo que sexa un problema, senón que haberá que acostumarse a traballar de forma diferente e facer un plan de fertilización sobre unha analítica de solo e unhas necesidades para cada cultivo. Ademais, isto pode supoñer un aforro, por non estar abonando por encima das necesidades do cultivo. - Como ves ó sector ante os cambios lexislativos? - Vexo certo desánimo no sector, especialmente por gandeiros de certa idade, que nun sector con problemas de relevo xeracional, é unha parte maioritaria. É triste que desaparezan explotacións familiares porque directamente vai ir desaparecendo a xente dos pobos. En Galicia temos os prezos máis baixos do estado e non entendo como sendo España un país que non produce o leite que consume, continuamente haxa problemas de prezo en orixe. E sinceramente, non creo que os lácteos de países de fora, como por exemplo de Holanda, cheguen aos supermercados a prezos inferiores aos de aquí. Para que as explotacións sexan viables, os prezos non poden baixar. Ademais de todo o traballo diario que hai nunha explotación e as inversións que hai detrás, temos que adaptarnos a outros contratempos. Por exemplo, os vermes que atacan as pradeiras ou a enfermidade da hemorraxia epizoótica. Ao final son pequenos problemas que incrementan os custes de produción. -Como gandeiro, que medidas cres que serían necesarias para manter a viabilidade e garantir o relevo xeracional? -Vexo que o pouco relevo que temos non o coidamos, nin desde a administración, a industria ou a distribución. Este é un traballo digno como outro calquera, pero hoxe valórase moito a calidade de vida e unha explotación familiar, como a maioría das que hai hoxe en Galicia, require moitas horas.
O pouco relevo xeneracional que hai non o coidamos, nin desde a Administración nin desde a industria ou a distribución
É unha profesión que en primeiro lugar ten que gustar porque hai que ter unha dedicación constante. No caso de explotacións de gran tamaño e máis industrializadas, pódese organizar o traballo porque o cadro de persoal é mais amplo, pero temos que ser conscientes de que estas non son as que máis beneficio deixan no entorno. A miña opinión é que as subvencións deberían desaparecer e a produción que temos ten que ser suficientemente valorada e remunerada. Creo que as subvencións crean unha mala imaxe do sector na poboación, a pesar de que todo o que recibe o gandeiro é unha forma de sufragar unha parte dos custes de produción e repercute en beneficios para toda a cadea do leite, incluído o consumidor. - Como ves o futuro da cooperativa? En canto á cooperativa, o futuro irá en consonancia co sector. Nalgunha ocasión consideramos a opción de transformar o noso leite, pero é unha situación complexa. É unha forte inversión e daríanos unha estabilidade e maiores posibilidades para defender o noso produto. É unha posibilidade, pero hai que poñer a mirada a longo prazo e reforzar o espírito cooperativista para facela viable. Hai un problema de relevo xeracional e iso é un problema fundamental para un proxecto deste tipo.

“Os becerros de menos peso son os que están sufrindo máis a baixada de prezo”

A caída de prezos na Ternera Gallega Suprema foi de 60 céntimos desde o mes de decembro As ganderías de vacún de carne en extensivo están a pasar de novo momentos delicados. O prezo dos xatos caeu con forza nos meses de decembro e xaneiro e desde entón acumula unha baixada de entre 60 e 70 céntimos en quilo. As principais industrias que sacrifican e comercializan carne amparada pola IXP Ternera Gallega achacan esta situación aos problemas para dar saída á produción, habituais nesta época do ano. Por parte dos produtores, sen embargo, acúsase aos matadoiros de aproveitarse da situación para baixar artificialmente os prezos, pois interpretan que a axuda de 200 euros por animal certificado da Xunta puxo nas súas mans unha arma inesperada coa que “chantaxear” aos gandeiros con non recollerlles os becerros. A cuestión é que só os xatos certificados en matadeiro como Ternera Gallega poderán cobrar a axuda. Os xatos de menor peso son os que están a sufrir unha devaluación maior e Novafrigsa, o principal operador, xa anunciou un cambio nos tramos polos que paga, subindo o listón dos 180 kg canal até os 200 kg canal, cunha baixada doutros 25 céntimos nos animais que estean por debaixo dese peso.
Estannos pagando a Suprema a 5,60-5,70€ kg canal, ao mesmo prezo que meten os becerros pintos que traen de Salamanca
Santiago Rego, presidente da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, da que forman parte unhas 500 explotacións de toda a comunidade, quéixase das presións dos matadoiros para seguir baixando as cotizacións de referencia para a IXP Ternera Gallega na Mesa de Prezos do Mercado de Amio, que se celebra os mércores, alegando exceso de oferta, ao tempo que sacrifican becerros frisóns procedentes de fóra da comunidade. “No mes de decembro aproveitaron para baixar en picado. Agora estanse vendendo a 5,60-5,70€ os xatos de Suprema das categorías U e E e están matando becerros pintos que veñen de Salamanca tamén a 5,60€ kg canal, ao mesmo prezo que a Suprema, e mandando añojos de 400 kg para Argelia a 6,10 e 6,20€. Temos unha carne dunha calidade excepcional pero que non repercute en nada no produtor”, quéixase. Os matadoiros penalizan máis os animais con poucos quilos Dentro dos xatos de Suprema, os de menos peso son os que perderon máis valor. “Un macho de conformación U entre 160 e 180 quilos anda polos 5,40€ kg canal, baixaron este ano 30 céntimos”, explica Olaia Rocha Fraga, que se encarga da administración e xerencia de Artesáns Gandeiros, a cooperativa de segundo grado formada por Clun, Cooperativa Lemos e A Carqueixa. “Nós mandamos para Novafrigsa e, según nos comentan, non dan vendido e se conxelan perden a marca. Os animais con menos quilos están máis castigados para que a xente os aguante un pouco máis, pero hai veces que cumpren os 10 meses e as explotacións téñenos que sacar con quilos ou sen eles”, recoñece. Programación semanal Artesáns Gandeiros comercializou o ano pasado un total de 3.845 animais, procedentes dunhas 200 explotacións de toda Galicia, 2.321 deles xatos de Suprema, outros 551 de cebadoiro e 258 sen marcar pola IXP, máis un total de 686 animais de vacún maior. Traballan sempre cunha programación semanal que comunican con anterioridade ao matadorio e en épocas coma esta, de escasa demanda, é cando estas programacións se volven imprescindibles.  “As planificacións semanais son moi importantes e son unha garantía. Nosoutros como cooperativa temos que sacarlle o gando ao socio como sexa, sexa inverno ou sexa verán. Non somos un tratante, que pode mercar menos unha semana porque non hai saída. Temos a obriga de sacarlle os xatos que o noso socio gandeiro ten para vender, por iso para nós a planificación é algo fundamental”, recoñece Olaia.
Facemos unha planificación e adiantámoslle ao matadoiro cantos animais imos mandar cada semana
Neste momento estamos metendo todas as semanas uns 45 animais de Suprema e de momento non tivemos especiais problemas para dar saída ao gando, porque lles adiantamos cantos animais lles imos mandar cada semana. Esa planificación é necesaria e ten que ser o máis axustada posible, e máis nesta época do ano na que hai menos venda e máis gando”, di. A recuperación de cara ao verán faise agardar A caída de prezo nos meses do inverno e comezos da primavera é algo habitual, pero este ano está a darse con máis intensidade. “Os prezos non teñen nada que ver cos do ano pasado nestas datas e o desplome que hai en comparación non ten moita xustificación. Pero nós prevemos que ata mediados ou finais de maio non haxa recuperación nos prezos”, avanzan desde Artesáns Gandeiros.
Tiña que estar subindo a carne xa con forza; a tendencia foi subir sempre despois de Semana Santa
Gandeiros Galegos da Suprema, pola súa parte, esixe aos matadoiros que non retrasen a revalorización dos xatos que sempre se produce a medida que se achega o verán. “Tiña que estar subindo a carne xa con forza; normalmente a partir da Semana Santa subía, pero este ano nin iso. Esta semana na Mesa de Prezos as industrias querían mesmo seguir baixando, dicían que esa era a tendencia para as vindeiras semanas”, denuncia Santiago Rego. Desestacionalizar partos “Din que temos que programar partos e ter eses xatos que temos no inverno para o verán, cando fan falla, pero despois non nolos pagan. Ten que haber unha diferenciación clara para que o produtor teña eses animais nesa data, porque os custos son tamén distintos e para iso no verán ten que estar o kilo no entorno dos 7 euros”, argumenta o presidente dos produtores de Suprema.
Ten que haber unha diferenciación clara no prezo para que o produtor programe partos
“Cambiar a maneira de traballar nalgúns casos é complicado, sobre todo no caso de explotacións de xente maior que están en Suprema. Noutras explotacións con persoas máis novas e máis profesionais podería adoptarse, pero con incentivos, porque iso custa cartos e dá traballo”, concorda tamén Olaia. Os custos de produción seguen altos Santiago é moi crítico coa industria por aproveitarse dos momentos de excedentes para tirar os prezos e non actuar do mesmo xeito á inversa, cando non chega a produción para abastecer o mercado. “Nos momentos nos que falta gando, de xuño a decembro,  subiron só 6 céntimos, cando nas dúas primeiras semanas de xaneiro xa baixaron eses 6 céntimos. Cando falta carne tiran dos prezos para riba co freo de man e cando sobra carne tiran os prezos e meten animais de fóra. Estabamos vendendo a 6,20-6,30€, polo que a baixada foi de 60 ou 70 céntimos. Estamos falando da rendibilidade do xato”, afirma.
Moita xente está deixando de encamar ou encamando con herba seca porque é inviable facelo con palla ao prezo que está
Esta baixada de prezos tan acusada non concorda cun descenso parello dos custos de produción, que se moderaron algo a respecto de hai un ano, pero moito máis levemente. “Os cereais baixaron unha barbaridade pero o penso non tanto, estámolo pagando aínda a case 400 euros co IVE, e a palla está a 200 euros a tonelada. Moita xente está deixando de encamar ou encamando con herba seca porque é inviable facelo con palla ao prezo que está, porque traes un viaxe de palla e fúndeste 4.000 ou 5.000 euros”, di, agardando que a situación cambie de cara ao verán, coa nova colleita en Castela, que se prevé mellor que a do ano pasado. Menor dependencia dos intermediarios Diante do control que a industria acaba exercendo sobre toda a cadea, a estratexia da cooperativa A Carqueixa está a ser a de comercializar directamente a maior parte dos becerros dos seus socios, conseguindo deste xeito manter o prezo medio neste momento nos 6 euros o quilo canal. “No noso caso para maiorista vai moi pouco. Libramos por iso”, asegura o presidente da cooperativa, Antonio Del Pueblo Alonso, gandeiro de Moreira, en Cervantes. Á hora de mandar para matadoiro seleccionan os animais en función do seu uso final para rendibilizalos o máis posible. “Os xatos culóns mandámolos para a industria con destino aos supermercados, son canais con moito rendemento cárnico. Nós, pola contra, buscamos un nivel maior de engraxamento nos animais que comercializamos directamente”, explica.   
O prezo medio seguímolo tendo nos 6 euros neste momento
“Logramos xa dar saída nós ao 75% da carne que producimos  entre a sala de despece e a carnicería. Desde a sala de despece subministramos ao comedor de Inditex e algo tamén a hostelaría e desde a carnicería que temos na Praza de Abastos de Lugo, onde agora temos maior capacidade tras unir dous postos, ademais de vender directamente a consumidores tamén mandamos os lotes de carne por internet, que están a ter moi bo ritmo de venda”, detalla o presidente da Carqueixa.  “A nosa intención é medrar por aí e pola comida elaborada”, conta. Fan catro platos: xarrete con castañas, callos, caldo, e tenreira guisada con salsa de figos. “A idea con iso é darlle maior valor engadido ás partes que menos saída teñen e poder aproveitar todo o animal ao completo”, explica.
O noso obxectivo é ir repercutindo toda mellora no prezo que imos conseguindo no socio
A Carqueixa conta neste momento con 215 socios, que manteñen activas un cento de ganderías de vacún de carne cunha produción total de 750 animais sacrificados ao ano, entre xatos e vacas. “Desde que empezamos coa comercialización directa medramos todos os anos arredor de 150 canais, tanto de socios novos que se incorporan á cooperativa como de socios que non vendían a través da cooperativa e que volven mandar gando con nós. Moita xente vendía a tratantes, pero a diferenza de prezo que temos é moi notable, porque o noso obxectivo é ir repercutindo no socio toda mellora no prezo que imos conseguindo”, asegura Antonio. Outra das claves para este crecemento é a confianza dos socios nos pesos que acompañan as liquidacións. “Nós só descontamos o 2% e hay ademais outros factores a ter en conta, porque existe moita diferenza nos pesos entre matar nun matadoiro e noutro”, di, por exemplo.

“O embudo témolo na industria”

A falta dun prezo de venda que cubra os custos de produción e deixe unha marxe para os gandeiros, a rendibilidade das explotacións de vacún de carne depende neste momento en boa medida das axudas, tanto as da PAC como as subvencións extraordinarias que se levan artellando trala covid e a guerra de Ucraína, ou a anunciada o pasado ano pola Xunta para as granxas inscritas na IXP Ternera Gallega. Esa axuda, de 200 euros por xato, prevese que sexa cobrada neste mes de abril (sempre que os cambios na Consellería non interfiran) no caso dos animais sacrificados en 2023. “Según os nosos cálculos sobra 1 millón de euros dos 12 millóns que había previstos e pediremos unha reunión coa nova conselleira para que a axuda se manteña este ano. Entendo que non vai haber modificacións nese sentido, porque o compromiso era mantela este ano tamén”, lembra Santiago Rego. Pero para cobrala, unha das condicións é que os animais marcados como Ternera Gallega sexan sacrificados en matadoiro e ese requisito estase a converter nun elemento de presión máis á hora de fixar os prezos. “É unha arma máis que lle deron á industria que non necesitaba, porque xa tiñas moitas”, di. Contratos impostos Desde a asociación Gandeiros Galegos da Suprema poñen o foco na situación de inferioridade na que se atopan os produtores fronte aos matadoiros, que controlan o sacrificio e a comercialización dos animais amparados pola IXP Ternera Gallega.
Ameázante con que se non asinas o contrato que che presentan no momento de cargar o animal non cho soben ao camión
“Téñennos amarrados porque saben que a axuda vai ter que ser certificada polo matadoiro, esa é a realidade. Esa é a presión que temos. Están ameazando que se non asinas o contrato que che presentan no momento de cargar o animal non cho soben ao camión, e son contratos que din expresamente que cubres os custos de produción cando non é certo, pero se non os firmas non che levan o animal, e se non che levan o animal non cho certifican, e se non cho certifican non vas poder cobrar a axuda”, relata Santiago. “O embudo témolo na industria. Sería unha válvula de escape polo menos poder despezar fóra de Galicia porque senón ao final tes que caerte na industria de aquí e son 4 as que máis traballan a marca da IXP. Téñeno todo moi amarrado. Se nos dan a axuda de 200 euros por un lado e no la sacan por outro, ao final a axuda non é para nós, é para o matadoiro”, denuncia.  

Gandería Gallardo SC: producir leite en intensivo coidando o medio ambiente

Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián, na explotación familiar en Mazaricos Gandería Gallardo SC é un exemplo de explotación leiteira con relevo xeracional e novas instalacións que está a sentar as bases para producir leite cumprindo coas esixencias medioambientais que desde Bruxelas se están a impoñer para o sector. Francisco Gallardo e o seu fillo Adrián están á fronte desta gandería familiar situada no lugar de Outeiro, en Mazaricos. Adrián estudou en Fonteboa e incorporouse hai 4 anos á granxa familiar. Foi o momento no que decidiron construír un novo establo que lles permitise traballar máis cómodos e ter a posibilidade de seguir aumentando ao número de cabezas sen as limitacións de espazo, almacenamento de xurro e proximidade ás vivendas que tiñan até entón.
Na nave vella non había máis que anacos de galpóns e moito traballo; era facer algo novo ou abandonar
“Na nave vella, que estaba ao lado da casa, estabamos moi apertados. Non había máis que anacos de galpóns por todos os lados e moito traballo. Así que nese momento ou faciamos unha nave nova ou había que abandonar a actividade”, recoñece Francisco. Separáronse do núcleo de casas e construíron unha instalación nova con capacidade para unhas 110 cabezas e xa pensada para dobrar o número de animais. Mesmo a sala de muxido quedou dimensionada para iso, polo que unicamente terían que incorporar máis puntos de muxido sen mudar o sistema interno. “É unha sala de 16 puntos neste momento, pero ampliable a 24”, indican. En previsión, medrar A sala de muxido da granxa xa foi feita pensando na colocación de máis puntos no futuro Adrián ten un irmán máis pequeno, Samuel, que neste momento ten 12 anos. “Se el quere seguir tamén coa granxa habería que aumentar ao número de cabezas para que puidesen vivir os dous da explotación”, razoa Francisco. “Podemos dobrar a nave actual tanto para a parte de atrás como para o lado, polo que poderiamos chegar a 300 e pico vacas en produción”, explica. A intención a curto prazo non é chegar a muxir tantos animais, pero si traer para a nova nave toda a recría que teñen no establo vello, para teren deste xeito todo máis á man e máis cómodo á hora de traballar. “A nova nave xa foi feita pensando na comodidade para o día de mañá, tendo en conta a falla de man de obra”, destaca Adrián. Reunir todo o gando na mesma instalación tamén lles vai permitir ter máis controlados aos animais.
Sigo traballando de camioneiro varios días á semana; contamos con apoio familiar e o reforzo dunha persoa contratada para poder facelo
Neste momento atenden a explotación Francisco e Adrián, con axuda doutros membros da familia e o reforzo puntual dunha persoa contratada os días nos que Francisco mantén o seu outro traballo, de camioneiro, ao que adica dous ou tres días á semana. “Os domingos cubro as libranzas nun camión de recollida de leite, os luns levo vacas para os matadoiros de Bandeira e Ribadavia e algúns mércores vou con xatos ao mercado de Amio”, relata.   Produción estable con boas calidades O benestar animal é outro dos aspectos nos que poñen énfase nesta gandería Gandería Gallardo SC móvese nestes momentos nuns 32 litros por vaca ao día de media, cun 4% de graxa e un 3,50% de proteína. A calidade hixiénica sitúase en menos de 10.000 xermes e 133.000 células somáticas. Poñen moito énfase na limpeza da sala de muxido e as camas do gando son de carbonato mesturado con serrín (70% de serrín e 30% de carbonato).   Entregan o leite que producen a Leyma desde fai 6 anos, logo dunha mala experiencia previa con Lácteos Pérez Oliveira. “Antes vendiamos o leite á queixería da Pereira, pero cando foi á quebra deixounos con 4 meses sen cobrar, fora un pau duns 50.000€ naquel momento”, lamenta Francisco. 60 ha de superficie Normalmente fan un único corte de herba antes de labrar o millo en case todas as fincas Malia teren aumentado ao número de cabezas nos últimos anos seguen mantendo a suficiencia alimentaria da explotación, grazas a iren collendo tamén fincas en paralelo. Gandería Gallardo atópase nunha zona na que hai máis explotacións leiteiras, o que fai que o terreo estea buscado. Os prezos rondan os 10-12 €/ferrado (nesta zona son de 424 m2), aínda que existe variabilidade en función das características da parcela e a súa situación nun abano que se move entre os 8 e os 15€.
A finca que temos máis lonxe está a un cuarto de hora
Dispoñen de 60 hectáreas de superficie agraria, das que botan a millo 36. “Este ano botamos tamén 3 hectáreas a veza para cumprir coa PAC”, explica Adrián. “Facemos o ensilado a finais de abril para botar o millo, se se pode, a principios de maio”, explica. Habitualmente fan un só corte de herba para ensilar, agás nas leiras nas que a herba vai moi adiantada. “Neses casos facemos un primeiro corte polo San Xosé para ter outro igual a finais de abril. Senón a herba faise moi vella e colles fibra pero ese silo non vale para dar leite”, razoa.
Normalmente procuramos ir a un corte só de herba a finais de abril para botar o millo a principios de maio
Fan fincapé na calidade dos ensilados, tanto de herba como de millo, que comparten protagonismo na súa ración. A colleita de millo deste último ano foi moi boa nesta zona, duns 10.000 kg máis por hectárea, até chegar a unha media duns 63.000 kg/ha. “Nós botamos 6 hectáreas menos de millo que na anterior campaña e recollimos moita máis cantidade”, explica Francisco. Aínda que encheron os silos, non teñen pensado reducir a superficie labrada na vindeira sementeira. “Nunca podes baixar a garda, porque non sabes como che vai vir o ano”, advirte. E pon o exemplo da Mariña de Lugo, que mantén habitualmente boas medias de produción de millo e sen embargo o último ano, debido á seca, a colleita foi moi escasa. “As ganderías de aló viñan mercar millo aquí e tamén se venderon nesta zona moitos rolos de herba para Cataluña, onde tamén houbo moita seca”, conta Francisco. Parte dos traballos agrarios fanos eles mesmos e outra parte contrátanos. “Fomos investindo algo nos últimos anos en maquinaria e agora podemos facer nós máis cousas”, aclara. Mercaron, por exemplo, unha cisterna nova para sacaren o purín. É unha cisterna convencional, pero contan que non lles afecte a nova normativa de xurros que establece restricións para botalo co sistema de prato. “Nós temos case todas as fincas en pendente e de menos de 2 hectáreas”, din.

Mellora da calidade do xurro e uso de enerxías renovables

Cisterna mercada pola explotación para a aplicación do xurro, con sistema de prato invertido Francisco e Adrián son conscientes de que para poderen seguir producindo leite nos vindeiros anos, ademais de contar con instalacións axeitadas que favorezan o benestar animal, as explotacións van ter que cumprir cunha serie e esixencias medioambientais. E nese aspecto están convencidos de que “as ganderías familiares galegas podemos ser un exemplo de economía circular”. No seu caso, están a apostar tanto polas enerxías renovables como pola optimización na utilización do xurro producido na propia gandería, buscando reducir as emisións e a necesidade de insumos químicos. Para mellorar a calidade fertilizante do purín e reducir o seu cheiro Gandería Gallardo SC emprega a solución a base de bacterias que comercializa a empresa galega Bioprana. “Nós botamos no pozo os restos da comida e tamén o millo podre e as bacterias roen todo, queda todo líquido e dese xeito podemos botalo coa cisterna, non temos que andar botando esterco, e o purín ten máis materia orgánica tamén”, destaca Francisco.
O que gastas nestes produtos para mellorar o purín afórralo despois en fertilizante químico, porque tes que usar moitos menos abonos
A maiores, á hora de botar o xurro nas terras e pradeiras engádenlle, a través dun sistema de dosificación na propia cisterna, moléculas fixadoras do nitróxeno da marca Vizurra, que evitan o efecto lavado e a perda de nutrientes. “Aguántanche máis as pradeiras, mantéñense máis verdes e cando xea non lle ataca igual cas outras. Antes botabas o xurro e se che chovía perdías todo o que botaras. O que gastas nestes produtos afórralo despois en abono, porque tes que botar moito menos”, insiste. “Nós só usamos un pouco agora para a herba e despois para o millo, porque o millo ten que comer senón non hai produción”, asegura.
Vexo lóxico que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro
“Europa vai esixir agora este tipo de produtos mellorantes para o xurro, igual que quería facer cos inxectores, pero eu penso que usando este tipo de aditivos non serían necesarios os inxectores, porque as emisións redúcense moito. Eu vexo ben que se controlen máis os momentos nos que se bota o xurro, iso si. Por exemplo, sería ideal tres veces ao ano: nas pradeiras para ensilar, no momento de sementar o millo e cando levantas o millo e sementas a herba”, di. Pero iso implica “ter fosa con capacidade suficiente, algo que permite despois aforrar moitos cartos, porque doutro xeito estalo tirando seguido e cando che fai falla non o tes”, recoñece. O pozo de purín de Gandería Gallardo SC, con capacidade para case 2 millóns de litros de almacenamento de xurro, permítelles gardar o abono orgánico xerado polo gando para os momentos nos que é máis necesario, reducindo deste xeito as necesidades de fertilizantes químicos da explotación. “Temos capacidade de almacenamento para 6 meses”, destaca Francisco.
A cisterna fixo agora un ano que a mercamos; non ten inxectores pero agardamos non ter que cambiala e que nos sirva para seguir botando o xurro con ela
Hai un ano mercaron unha cisterna de 14.000 litros coa intención de botaren eles mesmos o purín. É unha cisterna convencional, sen inxectores, pero agardan poder seguir usándoa malia a entrada en vigor do Real Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrarios, por un lado dado que a maioría das súas fincas son de pequeno tamaño e teñen máis dun 10% de pendente e por outro lado porque conta cun sistema de prato invertido, que a Xunta vai autorizar como método de aplicación en Galicia. Autoprodución de enerxía Placas solares instaladas no teito da sala de muxido da explotación Outra das apostas desta gandería familiar nos últimos anos foi a instalación de paneis solares e baterías acumuladoras para autoabastecerse de enerxía eléctrica sen necesidade de estaren conectados á rede, unha decisión que tamén lles permite un aforro económico. 
Queren que botemos o gando fóra por benestar animal pero ese benestar animal acábase cando vén o lobo
Francisco e Adrián ven compatible a actividade agrogandeira co coidado do medio ambiente e a biodiversidade pero consideran necesario un control da fauna salvaxe. A carón da granxa dispoñen dunha carballeira á beira do río de case dúas hectáreas polo que, di Francisco, “se non fora polo lobo, no verán podiamos ter as vacas secas e as xovencas fóra porque teñen sombra e auga dispoñible”. “Desde Europa queren que botemos o gando fóra e cando veñen os de benestar animal facer as auditorías dinnos que iso puntúa moitísimo, pero o benestar animal haino mentres non vén o lobo”, razoa.
https://www.campogalego.gal/granxas-desconectadas-da-rede-electrica-unha-opcion-para-non-depender-do-prezo-da-luz/

A estabilidade no tempo dá comezo á campaña de ensilado de herba en toda Galicia

As máquinas comezan a rumbar estes días por toda Galicia. A chegada do bo tempo, logo da inestabilidade vivida nas últimas semanas, está a lanzar ás explotacións agrogandeiras, ás empresas de servizos e aos parques de maquinaria das cooperativas de cheo á campaña de ensilado de herba. Cun par de semanas de atraso con respecto a outros anos nalgunhas zonas, o corte da herba dará paso á preparación das terras para labrar o millo, que de momento iría no seu tempo. A previsión meteorolóxica fala de estabilidade para a vindeira semana, o que axudaría a axilizar os traballos e non acumular máis demoras. A estratexia de sementar antes e con ciclos máis longos estase a estender como unha forma de tentar minimizar os efectos da seca no verán, mesmo en zonas de costa, como aconteceu o ano pasado na Mariña de Lugo, con mermas importantes na colleita de millo forraxeiro.
Cada vez máis explotacións apostan por facer un único corte de herba con leguminosas e adiantar a sementeira do millo
Cada vez máis as explotacións leiteiras que sementan millo están a apostar por facer un único corte de herba no mes de abril. Por un lado porque reduce o risco que supón ter que ensilar un primeiro corte en febreiro ou marzo en anos nos que a climatoloxía non axuda, coma este, e tamén porque deste xeito se reducen á metade os custos de ensilado. A introdución de leguminosas nas mesturas, unha práctica fomentada desde Bruxelas a través da PAC, leva tamén en moitos casos a facer un só corte, xa que vezas, chícharos ou trevos non medran en condicións de humidade e baixas temperaturas e necesitan, polo tanto, a chegada do bo tempo para desenvolverse. As mesturas gañan peso fronte ás pradeiras monofitas Debido ao seu aporte en proteína na ración e aos seus beneficios agronómicos, as especies mellorantes estanse a abrir camiño nos últimos anos, ben en mesturas con gramíneas ou cereais de inverno para ensilado, ben como abono en verde para fixar nitróxeno atmosférico e aportar materia orgánica ao chan.
As especies mellorantes estanse a abrir camiño impulsadas pola PAC
O monocultivo de raigrás, habitual nas pradeiras galegas anos atrás, está deixando paso a unha variedade maior de especies, tanto a trevos e outras leguminosas (chícharos, vezas) como a brassicas como os nabos. A entrada en vigor o ano pasado na PAC das esixencias de rotación de cultivos e as primas por introdución de especies mellorantes motivou cambios nas decisións de sementeira e nos cultivos escollidos para a rotación anual, o que provocou que houbera escaseza de semente e que esta se encarecera.

"A tendencia cada vez máis é ir a un só corte e nós apostamos por mesturas de cereal con leguminosa"

O parque de maquinaria de Irmandiños comezou xa a semana pasada a campaña de ensilado O peso do silo de herba na ración varía dunhas ganderías a outras, en función das distintas estratexias nutricionais seguidas e tamén da maior ou menor dispoñibilidade doutros ingredientes. Por iso, na zona da Mariña a campaña de ensilado da herba terá máis importancia este ano, debido á escasa colleita de millo lograda no pasado outono, o que obrigou mesmo a importar doutras zonas para cubrir as necesidades das explotacións e do CAVI de Irmandiños, o centro de mestura húmida que CLUN ten no municipio de Barreiros. A cooperativa leva anos apostando por sementar en inverno mesturas de cereal con leguminosa nas terras que xestiona directamente e que traballa co seu parque de maquinaria. "Este ano aumentamos un pouco e botamos unhas 220 hectáreas, todo con estas mesturas nas que predominan as leguminosas, cun 51% de semente de chícharo e veza e despois avea ou triticale", explica José Ramón Loza, responsable de maquinaria e cultivos na zona.  A abundancia de choivas até agora ralentizou o crecemento das leguminosas, polo que houbo que agardar para que este tipo de pradeiras puidesen chegar ás máximas producións e calidades, sobre todo en canto a nivel de proteína no silo. "A produción sitúase de media entre 15 e 16 toneladas de materia verde por hectárea e en canto a proteína, pasamos normalmente do 16%, movéndonos entre o 16 e o 18%", detalla José Ramón. 
Moitas explotacións da comarca necesitan unha boa colleita de herba para suplir a escaseza de silo de millo
Aínda que para o CAVI nas fincas de xestión directa só botaron cereal con leguminosa, o parque de maquinaria de Irmandiños tamén labrou en outono pradeiras de raigrás en parcelas de socios da cooperativa, en ocasións mesturado con veza e trevo para cumprir cos condicionantes da PAC.  "Hai xente que fai dous cortes porque necesita máis forraxe, aínda que a tendencia cada vez máis é ir a un corte só, tamén no raigrás con trevo ou veza, para non retrasar a sementeira do millo. Nunha pradeira en raigrás podes estar en 10-11 toneladas por corte, polo que con dous cortes lograrías 20-22 toneladas e máis ou menos a mesma proteína que no cereal con leguminosa. O que gañas é máis quilos e outra diferenza con respecto ás nosas mesturas é que o raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos", indica o responsable de maquinaria e cultivos de Irmandiños. 
O raigrás tolera mellor as condicións de estrés por humidade, polo que se adapta mellor a terreos máis encharcadizos que o cereal
Máis cara ao interior, na zona da Terra Chá, o raigrás segue a ser maioritario pero o encharcamento que viven aínda moitas fincas en concellos como Cospeito non permiten polo momento entrar coa maquinaria para segalo e ensilalo. O mesmo acontece en moitas parcelas da Pastoriza e tamén nalgunhas das principais zonas leiteiras da provincia da Coruña, pero a previsión meteorolóxica para os vindeiros días fala de altas temperaturas e algo de vento, o que axudará a enxugar o terreo. Irmandiños comezou a ensilar a semana pasada (entre o xoves e o venres segaron e picaron 100 ha) e esta semana teñen tres máquinas traballando. "Xa metemos 80 hectáreas para o CAVI e o groso prevemos ensilalo a semana que vén", explican. Despois comezaría xa a preparación das terras para labrar o millo. Prevén botar en total nesta campaña entre 1.200 e 1.300 hectáreas, contando as 350 que labran para o CAVI e as que sementan para os socios, o que supón un lixeiro aumento con respecto á campaña pasada.  José Ramón insiste na necesidade de adiantar todo o que se poida a sementeira debido ao cambio nas condicións climatolóxicas, mesmo en zonas como A Mariña nas que as precipitacións non eran até o de agora un factor tan limitante. "O ano pasado foi terrible, o que se labrou cedo aínda se foi librando, pero no que se botou despois a colleita foi moi escasa", lembra. 

“Hai que deixar secar un pouco as fincas antes de meterse, senón levas moita terra para o silo”

Ganxabar comezou a segar o segundo corte nas pradeiras permanentes este venres Jesús Otero, técnico de Ganxabar, a cooperativa de gandeiros das comarcas de Xallas e A Barcala, que contan con planta de alimentación en conxunto para o gando en Mazaricos, recomenda empezar o ensilado polas fincas máis enxoitas para permitir que as máis molladas vaian secando logo das chuvias das últimas semanas e permitan entrar coa maquinaria. “Nós empezamos este venres á tarde cortando as fincas máis secas e que están a pradeira permanente e despois continuaremos polas que están a rotación con millo, que hai que deixar secar un pouco antes de meterse porque senón levas moita terra para o silo e iso complica o ensilado”, recoñece. Ademais, o paso da maquinaria cando o chan mantén aínda moita humidade acaba facendo moitas rodeiras, algo que é contraproducente desde o punto de vista agronómico. “As que están a pradeira permanente non interesa estropealas e nas que van ir a millo esa compactación do chan tampouco convén”, afirma.
Ganxabar ensila sempre a herba tras dous días de presecado
O corte actual, que é o segundo, “vai no seu momento”, afirman, polo que “se se fai un bo presecado a calidade do silo vai ser boa”. Acostuman ter a herba tirada 2 días, o mesmo que farán desta volta. “Cortamos o venres e empezaremos a meter o domingo”, explican.   Se a climatoloxía axuda, na pradeira permanente farán aínda dous cortes máis, un a mediados de maio e outro a finais de xuño. Fixeron xa un primeiro corte de limpeza que ensilaron en febreiro, e despois aproveitaron uns cantos días que viñeron de bo tempo para abonar, fai agora xusto 40 días.   “O corte que imos facer agora está abonado de fai 40 días, como despois veu frio non houbo temperatura para que a herba disparara, polo que nin está pasada nin se deitou coa auga dos últimos días”, aseguran.
A herba vai no seu tempo; a calidade do silo vai ser boa
Nas instalacións do centro de forraxes, Granxabar ensilará este ano unhas 600 hectáreas de herba, sumando a pradeira permanente e as mesturas de raigrás con leguminosas (tanto trevos como veza), que empezarán a segar a partir do día 15. A maiores, os socios de Ganxabar sementaron outras 100 hectáreas de cultivos mellorantes para abonado en verde, que a partir da próxima semana empezarán tamén xa a triturar para despois incorporar á terra, coa idea de empezar xa a labrar o millo nas vindeiras semanas. “As fincas que se poida vanse botar xa este mes a millo. Zonas como Landeira levarán un ciclo 600 e despois a maioría irán con ciclos entre 450 e 500”, explica Jesús.

“A herba está bastante retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura”

Pradeira para ensilar na zona de Chantada O parque de maquinaria da cooperativa Aira, un dos máis importantes de Galicia, ensila na comarca de Chantada tres veces máis herba que millo. Jorge Meiriño é técnico da cooperativa na zona e explica que a campaña vai este ano cuns 15 días de retraso con respecto ás datas habituais. “Estamos aínda empezando a ensilar cando outros anos xa levabamos un par de semanas cortando. Por agora non vai adiantada a herba, está retrasada por culpa dos encharcamentos e a falta de temperatura nas últimas semanas”, di.
Non se deron feito nin sequera os primeiros cortes de principios de marzo, non o permitiu a climatoloxía
Ao non estar aínda a forraxe para segar, as precipitacións caídas en marzo non lle fixeron mal nin van prexudicar a calidade dos ensilados. “A herba que ten moita folla calquera auga a deita pero despois recupérase rápido. O problema dáse só cando está encañada, antes de espigar, que se a tira xa non se levanta”, aclara Jorge.
Este ano empregáronse máis trevos anuais para cumprir coa PAC
No sur de Lugo o máis habitual é facer un só corte de ensilado. “Aquí a practica de dous cortes de herba e despois millo apenas se fai, as xeadas afectan ao crecemento da forraxe no inverno e despois xa non dá tempo a facer dous cortes, porque se agardas polo segundo sementarías o millo moi tarde e nesta zona non convén porque despois aféctalle a seca no verán. Aquí case todo o mundo vai xa a un corte só, agás a xente que non sementa millo, que adianta o primeiro corte e fai dous”, explica o técnico de Aira. A cooperativa fixo este ano tres mesturas diferentes para os seus socios para cumprir coa PAC no 10% das parcelas nas que era necesario sementar especies mellorantes. Unha das opcións consistía en veza (70%) e avea (30%); outra era unha fórmula cun 45% de raigrás e un 55% de trevo encarnado e veza; e a terceira levaba 20 kg/ha de trevo violeta e 15 kg/ha de raigrás italiano.

Principais cambios trala flexibilización das normas para granxas de vacún

As protestas de agricultores e gandeiros levaron tanto á Comisión Europea como aos Gobernos da maioría de países a reaccionar. En España, o Ministerio de Agricultura anunciou un paquete de 43 medidas que contan co beneplácito de organizacións agrarias como UPA ou Unión de Unións, pero que son consideradas insuficientes por COAG e Asaja. Algúns dos cambios máis destacados afectan ás granxas de vacún, modificando as últimas normativas aprobadas, ben nos prazos da súa entrada en vigor ou nos requisitos esixidos, flexibilizando deste xeito a súa aplicación. Repasamos a continuación os principais cambios tanto para ganderías de leite como de carne: O veterinario de explotación atrásase un ano Unha das modificacións anunciadas terá aplicación inmediata. É a relativa á designación de veterinario de explotación por parte de todas as granxas de gando vacún con máis de 5 UGM. A obrigatoriedade de nomear a un facultativo como responsable da granxa antes do próximo día 18 de maio posponse un ano, ata o 1 de xuño de 2025, “co obxectivo de proporcionar máis tempo aos titulares das explotacións para adaptarse á normativa”, argumenta o Ministerio.
A designación dun facultativo de referencia será obrigatoria a partir do 1 de xuño de 2025 e desde o 1 de xullo do 2025 levarase a cabo a identificación electrónica dos animais nados na granxa
Así mesmo, prorrógase durante un ano a esixencia de contar con Plan Sanitario Integral. Trátase dun documento previsto no Real Decreto 364/2023 que integra medidas sanitarias, de hixiene, bioseguridade e uso racional de medicamentos, que deberá ser elaborado polo veterinario de explotación e que forma parte do Sistema Integral de Xestión das Explotacións (SIGE), ao que deberán adherirse as granxas de vacún que conten con 20 ou máis UGM. Modificarase tamén o Real Decreto 787/2023 aprazando un ano a obrigatoriedade da identificación electrónica en bovino, prevista para os animais nados a partir do 30 de xuño deste ano e que pasará a aplicarse aos animais nados a partir do 30 de xuño de 2025. Plan de Benestar Animal a partir de 2027 Outro dos cambios afecta a aspectos relativos á normativa de benestar animal incluídos no Real Decreto 1053/2022 de Ordenación de Granxas Bovinas. O Plan de Benestar Animal, esixible a todas as explotacións de vacún, aplicarase a partir de 2027 en todos os casos, eliminando a súa entrada en vigor con anterioridade no caso das granxas de nova creación (que estaba previsto para 2026) e nas xa existentes de maior tamaño (o 1 de xaneiro de 2025 nas de máis de 180 UGM).
O Ministerio regulará as características que deberán ter os patios exteriores ao que deberán ter acceso os animais estabulados
Durante este impasse de tempo, o Ministerio procederá a clarificar diversos aspectos da normativa, relativos á mobilidade dos animais entre as explotacións e o acceso a un ambiente exterior, xa que en lugares con climatoloxía adversa como Galicia a viabilidade destes patios exteriores fora posta en dúbida polos representantes do sector.  En canto ás explotacións que realizan pastoreo cos seus animais, o Goberno comprométese á posta en marcha dun Foro de gandería extensiva, no que participarán tamén as organizacións agrarias e as comunidades autónomas co obxectivo de que as súas conclusións sirvan para reorientar a lexislación aplicable e propoñer medidas para garantir a continuidade e rendibilidade das granxas facendo fronte a desafíos sanitarios como a Enfermidade Hemorrágica Epizoótica. O MAPA avanza, neste sentido, que participará no financiamento dos gastos sanitarios que se deriven do tratamento da EHE por parte das explotacións. Caderno dixital voluntario e incentivado Como xa anunciara o Ministerio, a posta en marcha do caderno dixital, prevista para o mes de setembro deste ano en explotacións de máis de 30 ha declaradas na PAC, terá carácter voluntario. Concederanse axudas tanto á creación e prestación de servizos de asesoramento dixital aos agricultores e gandeiros, así como á formación e intercambio de coñecementos, de modo que estes servizos sexan gratuítos para os produtores. Do mesmo xeito, o Ministerio reitera, ainda que sen concretalos, que concederá incentivos directos aos agricultores e gandeiros que utilicen o caderno dixital de maneira voluntaria, simplificando ademais o contido e información que se deberá envorcar nel. Máis tempo para enterrar o esterco nas fincas En relación ao Real Decreto 1051/2022 de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas, o Ministerio ofrece “flexibilizar as condicións de apilamiento de estercos na explotación e a ampliación do prazo para a aplicación no solo mediante enterramento”, fixado actualmente na normativa nas 12 horas posteriores, aínda que sen aclarar un novo prazo. Para a aplicación de xurros, tamén se propón “flexibilizar os requisitos en determinadas zonas onde non é posible o uso de medios de aplicación mellorados”, o que abre a porta para permitir a utilización de cisternas convencionais en fincas de pequeno tamaño e a autorizar como alternativa a inxectores e tubos colgantes outros sistemas como o prato invertido.
A obrigatoriedade de contar con plans de abonado e analíticas de chans atrásase a setembro de 2025
En canto aos prazos establecidos na normativa para que as explotacións de máis de 10 ha de superficie se doten de plans de abonado, nos que se realice unha estimación dos nutrientes necesarios en cada parcela, atrásase un ano esta obriga, de modo que queda establecida a partir de setembro deste ano para granxas situadas en zonas vulnerables a nitratos e a partir de setembro de 2025 no resto dos casos. Tal como está recollido na normativa, o plan de abonado deberá contar con análise de chan de cada parcela así como con analíticas sobre a composición dos abonos orgánicos que se apliquen. Tamén se apraza un ano a necesidade de contar con asesoramento técnico, de forma que as explotacións situadas en zonas non vulnerables deberán contar cun asesor en fertilización (ou no seu caso cunha aplicación informática validada oficialmente) a partir do 1 de setembro de 2026.

Marcha atrás na condicionalidade reforzada e modificación dos ecorreximes da PAC

Poderase sementar durante tres anos millo na mesma finca e no cuarto rotar con pradeira Outro dos bloques principais nos que o Ministerio actuará para satisfacer as demandas dos produtores será na aplicación da PAC, mediante diversas modificacións do Plan Estratéxico español (PEPAC). Estes cambios tocan algúns dos aspectos clave introducidos para o novo período 2023-2027, como son o cumprimento da condicionalidade reforzada para o dereito a cobro das axudas, da que se exime ás granxas de menos de 10 ha e suavízase para o resto de explotacións, ou os incentivos establecidos mediante prácticas beneficiosas para o medio ambiente (ecorreximes), cuxos requisitos se volven tamén menos esixentes.
Da exención da condicionalidade reforzada nas explotacións de menos de 10 hectáreas beneficiaranse 345.000 produtores, máis da metade do total de perceptores da PAC en España
Algúns destes cambios (como as excepcións establecidas á cobertura mínima do chan en terras de cultivo, a eliminación da obrigatoriedade de manter un 4% de superficie como non produtiva ou os cambios nas rotacións de cultivos esixidas) teñen efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2024, polo que se aplicarán xa á actual campaña de solicitude da PAC deste ano, que xa está en marcha. Rotación de cultivos O cambio máis significativo para as explotacións lácteas galegas introdúcese na BCAM 7 sobre rotación en terras de cultivo, de forma que se dá a posibilidade de cumprir con esta esixencia ben mediante a rotación de cultivo na parcela tras tres anos do mesmo cultivo ou ben mediante a diversificación, cos mesmos limiares de cultivos principais definidos para o pago verde no período PAC anterior.
Non será necesario deixar un 4% da superficie sen cultivar para poder cobrar a PAC
No caso de que a explotación opte pola rotación, o ano de referencia para comezar a computar será 2023 no canto de 2021, de modo que unha granxa poderá sementar unicamente millo na mesma finca en 2023, 2024 e 2025 sempre que rote en 2026. Así mesmo, admitirase o uso dun cultivo secundario dentro do mesmo ano (por exemplo unha rotación intraanual millo-herba) para cumprir nunha campaña co requisito de rotación sen que a explotación tivese que facer uso deste cultivo secundario nas dúas campañas anteriores, tal como se establecía até o de agora.
A obriga de rotación de cultivos iguálase ás condicións do pago verde anterior
En canto aos ecorreximes, a porcentaxe de elementos non produtivos necesarios para o cobro do ecorrexime de illas de biodiversidade redúcese do 7% ao 4% da superficie de pastos a explotación. Do mesmo xeito, para cumprir cos requisitos fixados no ecorrexime de sega sostible, o gandeiro poderá decidir o período de 2 meses no que non realizará a sega e non se limitará o número de cortes fóra dese período. Unha única inspección anual por granxa O Ministerio propoñerá á Comisión Europea que se elimine a obriga de que os agricultores tomen fotos xeorreferenciadas das distintas parcelas para demostrar o estado dos seus cultivos, polo que cando a Administración responsable (no caso de Galicia o FOGGA) requira estas fotos para realizar un control, o seu envío será voluntario, e en caso de negarse o agricultor a realizar esta tarefa, a Administración deberá realizar o control por outros medios. Cando haxa indicios de incumprimento, descontarase a parcela obxecto da incidencia, sen que se apliquen penalizacións.
Os titulares das explotacións non estarán obrigados a enviar fotos xeorreferenciadas das parcelas para demostrar os cultivos existentes
De igual forma, preténdese que as comunidades autónomas acaden o compromiso de coordinar aos seus servizos de inspección de maneira que se unifiquen todos os controis a realizar nunha explotación nunha única visita que concentre os distintos aspectos a comprobar, con independencia do tipo de control e a normativa de aplicación. A nivel fiscal, os ecorreximes manterán a súa exención de tributación ata 2027 e ampliarase de 20.000 a 25.000 euros o límite para o cobro de axudas de minimis para agricultura e gandería tanto a nivel de subvencións convocadas a nivel estatal como de comunidades autónomas ou outras administracións.

Cabra mee, as cabras como proxecto de presente e futuro

“Na miña casa sempre houbo algunha cabra e foron uns animais que sempre me gustaron, por iso decidín que ese podía ser o meu proxecto de futuro”, explica Isaías Medela. Este mozo da parroquia de Vilatuxe, en Lalín (Pontevedra), decidiu apostar polas cabras no concello con máis vacas de Galicia. “Tiña claro que vacas non quería, en parte polo importante investimento que supón comezar de cero cunha granxa de vacún”, apunta. Comezou hai pouco máis de dous anos coa gandería de cabras xunto co seu pai Miguel, que xa mercara a primeira parella de animais cando el era apenas un cativo. Entre ambos compaxinan os labores de coidado da gandería Cabra mee. Hoxe teñen un rabaño de 160 animais e queren chegar a ter 600 cabezas, a base de recría propia e da incorporación de cabras de raza pura.
“A verata é unha raza que se adapta ben tanto para a produción de leite como de carne, ademais come ben, engorda ben e é bastante rústica”
En agosto do 2021 mercaron o primeiro lote de cabras para comezar coa actividade profesional. Daquela trouxeron unhas 70 cabras procedentes da Serra de Gredos (Ávila). Recoñece que nestes primeiros tempos tamén tiveron certas dificultades. “A humidade que temos en Galicia foi un problema para as cabras e tiveramos moitas baixas por iso naquel primeiro inverno. Tamén é certo que eran cabras adultas, ás que lles costa máis adaptarse que se foran cabritas novas”, recorda Miguel. A maior parte das súas cabras son de raza Verata, aínda que tamén teñen cruces de raza Malagueña. “Gústanos a Verata porque é unha raza que se adapta ben, tanto para a produción de leite como de carne, ademais come ben, engorda ben e é bastante rústica”, explican os gandeiros. Polo momento non barallan incorporar outras razas, pero están interesadas en coñecelas. “Este ano estivemos na Semana Verde con criadores de cabras de raza galega e habemos de visitar a súa gandería para coñecer máis sobre esta raza”, valoran os pastores.

O día a día co rabaño

Todos os días, o rabaño sae ó monte ou ó prado a pacer, agás no inverno cando está moi mal tempo, que quedan na corte con herba seca. “Case sempre imos os dous co rabaño e cando non, o que queda prepara as cortes ou atende os cabritos pequenos”, apunta Isaías. Manexan unha superficie de arredor dunhas 100 hectáreas de monte e pradeiras. “Hai moita xente que nos deixa prados para lle pacer antes de anovalos. Tamén hai quen nos deixa fincas de monte para que non se lle cubra de maleza”, indican os gandeiros. Só de prados dende finais de verán pacen unhas 50 hectáreas. “Por agora aínda son poucas cabezas de gando, pero cando cheguemos ás 600 ha de ser un importante método para previr lumes”, reivindica Isaías.
En determinadas épocas do ano xestionan arredor dunhas 100 hectáreas de monte e pradeiras. Teñen previsto sementar cereais en parte destas fincas para complementar a alimentación do gando
A alimentación das cabras céntrase no pasto e compleméntase con herba seca. Porén, Isaías pretende sementar cebada e trigo nos próximos anos para introducir tamén estes cereais e a palla na dieta dos animais, xa que teñen previsto comezar coa produción de leite para a elaboración de queixos. “Co aporte de cereais conséguese que as cabras teñan máis leite tanto para criar as crías como para aproveitar para facer queixos”, explica Isaías. A produción propia de cereal teñen pensado realizala tamén en zonas de monte, un xeito máis de contribuír a reducir o risco de incendios forestais. De feito, aínda que Isaías case non o viviu por ser aínda un cativo, tanto seu pai como seu avó foron durante anos quen se encargaban de colleitar o trigo e o centeo, ó contar cunha das poucas malladoras na zona.

Coñecer outras ganderías

Antes de comezar coa súa, Isaías estivo tamén en contacto con outros gandeiros de distintas zonas de España para coñecer de preto como era o oficio de pastor e ter maior coñecemento destes animais. Así, hai 4 anos estivo en Ávila, nunha gandería con cabras Veratas onde tivo oportunidade de coñecer máis sobre a raza. Tamén estivo nunha gandería de Los Gallardos (Almería), onde contaban con cabras de leite e ovellas de carne. “Foi un xeito de ver como traballaban en distintas ganderías e coñecer outras oportunidades de negocio, xa que nunha delas tamén tiñan visitas con rapaces á gandería, unha iniciativa que nós tamén estamos valorando”, detalla Isaías. Ademais, recoñece que agora mantén moi boa relación con eses gandeiros, co que foi un xeito de crear contactos profesionais no sector.

Primeiros pasos para a produción de queixos

Polo de agora, os animais que van nacendo na gandería dedícanos para a recría, no caso das femias, mentres que os machos os comercializan directamente tanto a veciños coma a restaurantes locais. Teñen previsto centrarse tamén na produción de leite para a elaboración de queixos, de feito nos últimos meses estiveron xa comezando coas primeiras probas. “Estivemos facendo xa algúns queixos e dándollos a probar ós coñecidos e amigos para ir tendo valoracións do produto”, indican.
Teñen previsto comezar coa queixería propia no 2025
Aínda que nun primeiro momento valoraron alugar unha nave para a queixería, optaron por instalala nas proximidades da granxa para poder optimizar o tempo e compaxinar a atención da gandería coa elaboración dos queixos. “ A intención é comezar coa queixería de cara ó 2025”, apunta Isaías. Xunto coa produción de queixos, en Cabra mee tamén teñen pensado realizar visitas á gandería. “Queremos que a xente poida achegarse e coñecer como é atender unha gandería e mesmo vir coas cabras, para disfrutar da tranquilidade e a paz de estar no monte co rabaño”, reivindican os gandeiros. De feito, xa tiveron algunhas experiencias con grupos de nenos dos campamentos estivais ou de grupos que se achegan ata a capital dezana para coñecela, tendo deste xeito unha oportunidade de ver de preto os seus montes e unha forma de vida no rural coa gandería.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

35 anos de Leche Celta en Galicia: historia e situación actual

Leche Celta cumpre 35 anos en Galicia, cun percorrido que se iniciou no 1989, cando Antonio Marchal establece unha primeira planta en Pontedeume, con tan só 15 empregados. Desde aquela, a industria atravesou por numerosas fases, ata o escenario actual, coa empresa como parte da cooperativa lusa Lactogal, desde o 2006, e con tres plantas operativas en España (Pontedeume, Cantabria e Ávila). A industria está a celebrar o seu 35 aniversario en Galicia e faino cun repaso pola súa historia e polo seu escenario actual. Celta facturou no último ano 342 millóns de euros e conta con 383 empregados nas súas tres plantas (221 só en Galicia), así como con máis de 500 granxas proveedoras. Produce cada ano 380.000 toneladas de lácteos e en Galicia ten capacidade instalada para procesar 200.000 toneladas. Entre as súas referencias comerciais, a empresa destaca o feito de que foi a primeira firma en lanzar o mercado en España o leite de pastoreo (2017). Esta liña complementaríase posteriormente con outra de leite ecolóxico, na que Celta é o segundo operador do mercado. Do mesmo xeito, a industria está a implantar, igual que a maioría de empresas, o certificado de benestar animal Welfair nas súas granxas proveedoras. En paralelo ás súas marcas propias (Celta, La Vaquera e Campobueno), a industria envasa marcas de distribución, que comercializa a través de Iberleche, un proxecto no que tamén participaron no seu día Feiraco e Capsa, pero no que finalmente volveu quedar soa Celta, ante as dificultades de que por esa vía, de alianza de industrias, se gañase en poder de negociación coas cadeas de supermercados. Como novidade máis inmediata, Celta anuncia a próxima incorporación á planta de Pontedeume dunha liña de manteiga, na que se envasarán formatos desde os 100 gramos ata o quilo.
O campo de golf de Miño regarase no verán con auga depurada da planta de Pontedeume
A industria subliña tamén o seu compromiso coa sustentabilidade, cun investimento de 7,9 millóns de euros no 2023 e 2024 en implementación de enerxías renovables, xestión de residuos ou reutilización de materiais. Un exemplo disto é o proxecto para reutilizar parte da auga empregada na planta de Pontedeume, previa depuración, para o posterior rego do campo de golf de Miño. A empresa tamén está a aumentar a sostibilidade dos envases e este ano ten previsto aumentar a porcentaxe de plástico reciclado nos packs, que pasará ó 70%, en lugar do 50% actual. Como parte dos eventos do 35 aniversario, Celta sinala que está colaborando co patrocinio de distintos eventos deportivos e sociais, así como na actividade da Ong Aldeas Infantís.

Cronoloxía de Leche Celta

1987 – Constitúese Lácteos de Galicia (Lagasa), propiedade da familia Marchal. 1989 – Antonio Marchal pon en marcha a planta de Leche Celta en Pontedeume (A Coruña). 1994 – Inicia a actividade unha segunda planta en Meira (Lugo). 1996 – Ponse en marcha unha planta en Santander, baixo a filial Lácteos de Santander. 2000 – Véndese o 75% da sociedade á multinacional Dean Foods. 2004 – Adquírese unha planta en Ávila (Leche La Vaquera). 2006 – Lactogal merca Leche Celta, permanecendo desde entón como único propietario. 2017 – Lanzamento do leite de pastoreo, con certificación de benestar animal. 2018 - A planta de Meira, que envasaba a marca Hacendado para Mercadona, é adquirida pola cooperativa andaluza Covap. 2023 – Entrada na categoría de queixos, a través da súa planta de Ávila. 2024 – Incorporación dunha liña de manteiga á planta de Pontedeume.

Sintomatoloxía, tratamentos e secuelas da EHE en granxas de vacún

Alberto Díez Guerrier, veterinario clínico especialista en ruminantes e profesor asociado do departamento de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria da Universidade Complutense de Madrid, interviu nunha xornada da ADS de Aira, en Chantada, para falar sobre como as ganderías afrontan o reto de casos de EHE (Enfermidade Hemorráxica Epizoótica) entre os seus animais. O veterinario empezou facendo un repaso por como chegou a enfermidade, "que é antiga en moitas zonas como China ou Estados Unidos, e nova para nós". Explicou que a EHE chegou a España á vez que en Italia, con todo a maneira de propagación "foi totalmente diferente". Foi no ano 2022 cando en Cádiz e Sevilla apareceron os primeiros casos alarmantes: "Irrompeu no noso país cunha mortalidade bastante alta, con todo, cando chegou a Galicia e á cornixa, no 2023, a incidencia foi menor", valora. Sintomatoloxía e diagnóstico Díez salienta que "o virus non actúa igual en todas as vacas" e a sintomatoloxía que presenta é moi diversa, se ben cuns síntomas máis habituais ou comúns. "O virus cando entra na vaca, multiplícase ao grande e provoca lesións en diversos tecidos", puntualiza. Un dos primeiros síntomas é a febre, que normalmente desaparece, ademais de que os animais que teñen EHE deixan de comer e "quedan no chasis". Outro síntoma común é a coxeira que presentan, chegando a ter iagas. Xa non tan común, segundo o veterinario, son os abortos. Aclara que ao principio detectaron abortos ao final da xestación, no límite entre aborto e morinato (vacas que lles quedan unhas dúas ou tres semanas para parir e abortan). "O certo é que as mostras que temos deses becerros deron positivo ao virus". Outro caso, que xa é máis habitual, son as vacas afectadas aos tres ou catro meses. Neste caso, segundo as investigacións, o aborto era negativo e por tanto, determinaron que non se producía directamente polo virus, "podía ser polo estado de saúde que presenta a vaca ao enfrontarse á enfermidade, polo que sería unha causa indirecta do virus". Un cadro que apareceu ao principio bastante forte foron as hemorraxias. Empezáronse a detectar en Estremadura e "logo percibímolo moito". Débese, segundo indica Díez, a que o virus machuca as mucosas dixestivas.
"En calquera enfermidade vírica é importante notificar calquera sospeita, non só pola vosa explotación senón polo sector en xeral"
En canto ao diagnóstico, clinicamente "eu creo que é importante facer unha confirmación en laboratorio, se cadra non en todos os casos, pero si na maioría". Desta maneira, sábese seguro que é a enfermidade, xa que algúns síntomas pódense confundir con outras enfermidades, como a lingua azul. O que hai que facer é en vacas vivas análises de sangue, en animais mortos do bazo. "Sempre en animais mortos recentemente, porque se leva algúns días xa non nos serve a mostra", aclara o veterinario.
"É importante facer unha confirmación en laboratorio de todos os casos, tanto en animais vivos como mortos"
Recalca a importancia de notificar calquera sospeita, porque para os investigadores coñecer o estado da enfermidade e como se desenvolve é fundamental. "De forma xeral, coas enfermidades infecciosas, non teñades medo en notificalo. Non pensedes só en vós senón no sector en xeral". O veterinario Alberto Díez durante a súa charla no auditorio de Chantada Tratamento: a prevención Contra este virus, neste momento, non existen tratamentos eficaces. O que buscan os veterinarios é que o sistema inmune do animal actúe ante o virus e o elimine do seu organismo canto antes. En canto ao uso de medicamentos, estúdanos en cada caso con dúas finalidades, unha evitar as inflamacións e outra quitar dor. "Levo 30 anos en clínico e non vin tanta dor en vacas como con esta enfermidade. É unha cousa, que hai días que se nos caía a alma aos pés", recalca Díez. A resposta aos tratamentos é moi diferente, recalca o profesional e lembra un caso no que tiñan dous animais nas mesmas condicións e aplicaron o mesmo tratamento. "Nun deles convertémonos en Deus, xa que se salvou de maneira asombrosa, no outro faleceu". Díez incide en que o máis importante é previr a enfermidade. "Desde o punto de vista oficial hai que ter unha vixilancia da enfermidade, detectala canto antes para evitar a súa propagación. Evitar os movementos, porque o vector é un mosquito, e estar pendente constantemente de todos os animais ante calquera síntoma ou cambio de actitude".
"As secuelas aínda precisan de máis investigación para determinar cales son derivadas da EHE"
En canto ás vacinas, lembra que actualmente non hai ningunha oficial en Europa. Indica que en España se está traballando niso, pero polo momento ningunha é oficial. "É importante que non confíen no que reciben por móbiles e demais, xa que non hai cura". Secuelas A morte dos animais nunha granxa é a principal secuela na gandería, pero aínda así, os animais que conseguen pasar a EHE quedan con secuelas múltiples. Unha das máis habituais é unha mamite severa que perdura no tempo e provoca que o animal teña que ser levado a matadoiro. Outra común é que, aínda que volven comer ben, non conseguen recuperar o seu peso anterior á enfermidade e por tanto non valen nin para matadoiro. Tamén é habitual que queden con problemas respiratorios, como pneumonías agudas. Hai secuelas, como a baixa fertilidade, que aínda non se determinou se veñen provocadas por pasar a enfermidade ou non. "A miña impresión é que, por sorte, non está a ser tan grave como parece. Si pode haber abortos, pero non é nada alarmante". Aclara que para facer unha mellor investigación necesitan máis resultados, avaliar como estaban os animais previamente á enfermidade e que secuelas quedaron posteriormente.

Rey Beemer Yuri volve gañar na Moexmu

A vaca Rey 814 Beemer Yuri, da gandería Rey de Miñotelo da Pastoriza, Vaca Gran Campiona na Moexmu 2024 A Gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, volveu gañar o Concurso de Gando Frisón da Moexmu. A súa vaca Rey 814 Beemer Yuri colocouse de novo este sábado no Recinto Feiral Manuel Vila de Muimenta a banda de Vaca Gran Campiona e fíxose tamén co premio á vaca con mellor ubre do certame.  O xuíz do Concurso, Bonet Cid, asegurou que a vaca gañadora, que leva 4 anos proclamándose Vaca Gran Campiona de Galicia no Concurso de Fefriga, "está facendo historia nas pistas". Trátase dun animal de 5 partos, "que presenta un sistema mamario moi destacado, sobre todo na súa inserción anterior, e que acompaña unha estrutura leiteira formidable, igual que as patas", salientou. Como Reserva Gran Campiona quedou Kergo Ozalid 6818, que resultou designada tamén Vaca Adulta Subcampiona. Trátase dun animal da gandería A Lagoa Serabel, de Xermade. "É unha vaca de 5 anos que chegou fai 4 á nosa explotación procedente de Francia e que ao principio non destacaba moito, pero que foi mellorando, polo que nos puxemos a traballar con ela e está a dar os seus froitos", explica Abel Carballo, que xunto ao seu irmán Sergio están á fronte desta gandería familiar que está a muxir neste momento 140 vacas. Outra vaca desta explotación, Vilarmor Cayenne Nanci, que xa quedara como Reserva no Certame Autonómico celebrado no mes de febreiro en Santa Comba, fíxose co título de Vaca Intermedia Campiona. "Chegou á explotación fai 3 anos aínda sen parir e parecíanos que iba ser boa, polo que nos puxemos a preparala para concursos e está evolucionando moi ben", destaca Abel.   Carro, Mellor Criador Un total de 81 animais, pertencentes a 17 ganderías, participaron na edición deste ano do Concurso da Moexmu. Ademais de explotacións galegas das provincias de Lugo (A Lagoa Serabel, A Vereda, Casa Pozo, As Cavadas, Gaigo, Penelas, Portalousa e Rey de Miñotelo) , A Coruña (Carro, Casa Toldeiro, Casas, O Rubio e Pistulario) e Pontevedra (Anila, Carballeiras e Midón), tamén acudiu unha gandería asturiana, Gorrello, de Castropol. De todas elas Carro, de Mesía, foi elixido como Mellor Criador de Xovencas, por diante de Rey de Miñotelo.  Nas seccións de xatas e xovencas, xulgadas na sesión da mañá, resultou vencedora Rey 1174 Thunderstorm Holy, da gandería Rey de Miñotelo, que cumprirá dous anos o vindeiro mes de xuño e que foi elixida Xovenca Gran Campiona. A Xata Campiona foi, pola súa banda, Pozosaa Fitters 0259, da gandería Casa Pozo.   Os animais gañadores das distintas seccións a concurso foron os seguintes:  
  • Xatas de ata 8 meses: Casa-Nova Mr Sugus Choice ET (Carro)
  • Xatas de 8 a 10 meses: Rey 1246 Dani Brahina (Rey de Miñotelo)
  • Xatas de 11 a 14 meses: Pozosaa Fitters 0259 (Casa Pozo)
  • Xata Campiona: Pozosaa Fitters 0259 (Casa Pozo)
  • Xata Subcampiona: Casa-Nova Mr Sugus Choice ET (Carro)
  • Xovencas de 15 a 18 meses: Casa-Nova Gigi Blaska 1661 (Carro)
  • Xovencas de 19 a 26 meses: Rey 1174 Thunderstonm Holy (Rey de Miñotelo)
  • Xovenca Campiona: Rey 1174 Thunderstonm Holy (Rey de Miñotelo)
  • Xovenca Subcampiona: Casa-Nova Gigi Blaska 1661 (Carro)
  • Mellor criador de xovencas: Carro
  • Segundo mellor criador de xovencas: Rey de Miñotelo
  • XOVENCA GRAN CAMPIONA:  Rey 1174 Thunderstonm Holy (Rey de Miñotelo)
  • Vaca nova ata 28 meses: Gorrella Chekia Hannans (Gorrello)
  • Vaca nova de 29 a 35 meses: Casa-Nova Galir Denver 1497 (Carro)
  • Vaca nova Campiona: Gorrella Chekia Hannans (Gorrello)
  • Vaca nova Subcampiona: Casa-Nova Galir Denver 1497 (Carro)
  • Vaca intermedia de 3 anos: Vilarmor Cayenne Nanci (A Lagoa Serabel)
  • Vaca intermedia de 4 anos: Rey 946 Jacoby Mahendra (Rey de Miñotelo)
  • Vaca intermedia Campiona: Vilarmor Cayenne Nanci (A Lagoa Serabel)
  • Vaca intermedia Subcampiona: Rey 946 Jacoby Mahendra (Rey de Miñotelo)
  • Vaca adulta de 5 anos: Kergo Ozalid 6818(A Lagoa Serabel)
  • Vaca adulta de 6 anos ou máis: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Vaca adulta Campiona: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Vaca adulta Subcampiona: Kergo Ozalid 6818 (A Lagoa Serabel)
  • Mellor criador de vacas: Rey de Miñotelo
  • Segundo mellor criador de vacas: Carro
  • Mellor ubre: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Vaca de maior produción: Rey 719 Rivisy Elude (Rey de Miñotelo). Nacida o 1-11-15, 82.215 kg producidos (6 partos)
  • Mellor gandería de nova participación: Gorrello
  • Mellor rabaño: Rey de Miñotelo
  • Mellor concello: A Pastoriza
  • VACA GRAN CAMPIONA: Rey 814 Beemer Yuri (Rey de Miñotelo)
  • Reserva Gran Campiona: Kergo Ozalid 6818 (A Lagoa Serabel)
Concurso de Manexadores O Concurso de Xóvenes Manexadores da Moexmu contou coa participación de 27 ganderías, na súa maioría de concellos lucenses (Cospeito, Castro de Rei, Pol, A Pastoriza, Meira, Xermade, Lugo, O Páramo, Láncara, Riotorto, Barreiros e Chantada) e doutros concellos gandeiros da Coruña e Pontevedra. No acto de clausura da feira entregáronse agasallos a todas as ganderías participantes e ás gañadoras e gañadores en cada categoría: Blanca Expósito Capón, da gandería Capón Hosltein de Chantada (menores de 9 anos), Helena Castro Iglesia, da SAT A Vereda de Lugo (entre os 10 e os 15 anos), María Otero Naval, de Fontixón de Castro de Rei (entre os 16 e os 20 anos), que tamén foi campioa absoluta do certame, e Nicolás Andrade Meixide, da Gandería Carro de Mesía (maiores de 21 anos). Tamén se recoñeceu ás mellores gandarías do Concurso de Gando Frisón, da Exposición de Gando de Rubia Galega e da Poxa de Gando Selecto, que se celebraron durante a fin de semana no recinto Manuel Vila de Muimenta, que acolleu tamén unha ampla exposición de maquinaría agrícola e de postos de artesanía. 40 anos da Moexmu A deste ano é unha edición especial da Mostra Exposición de Muimenta, que cumpre 40 anos e que mantén o único Concurso de Gando que se celebra na provincia de Lugo. Ademais dunha cita de referencia para o sector agrogandeiro da Terra Chá, a Moexmu esperta grande interese entre a mocidade, con actividades como o Concurso de Novos Preparadores de Gando ou o de Novos Manexadores, organizados polo Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia.  O xuíz deste ano da Moexmu, Bonet Cid, tamén comezou participando de mozo nesta cita con animais da explotación familiar, gandería Cid, de Barreiros, aló polos anos 90, pero esta era a primeira vez que xulgaba na Moexmu desde que é xuíz de CONAFE, algo que logrou no ano 2008. 

Prezo medio de 3.050 euros na poxa de gando, cunha xovenca roxa que acadou os 4.150 euros 

O recinto feiral Manuel Vila de Muimenta acolle a numeroso público durante toda a fin de semana A poxa de gando selecto que se leva a cabo dentro do programa da Moexmu incluíu este ano 7 animais, 3 vacas paridas e 4 xovencas preñadas, pertencentes a 5 ganderías da provincia de Lugo (A Lagoa Serabel, Gandería Marey Castro, Carballo de Baixo, Casa Pozo e Tío Andrés). Vendéronse todos os exemplares presentados, acadando un prezo medio de 3.050 euros.  O animal que logrou un maior prezo foi Marey Rompen 8381 Rue Red, unha xovenca roxa próxima ao parto propiedade da gandería Marey Castro SC, de Pol, que foi vendida en 4.150 euros. Foi adquirida por Antonio Gayoso Díaz, de Monterroso.  Entre as vacas paridas, a que acadou un maior prezo foi Carballo de Baixo Salari Chula, un animal de segundo parto da gandería Carballo de Baixo SC, de Sarria, que foi vendida en 3.650 euros. 

“A partir de agora en todas as receitas haberá que identificar ao animal a tratar”

Gerardo Rivero, en primeiro termo, durante as recentes xornadas organizadas por Agromuralla O Real Decreto 666/2023 sobre Medicamento Veterinario e o Real Decreto 992/2022 de Uso Sostible de Antibióticos son dúas das novidades lexislativas que afectarán a partir deste ano ás granxas e aos veterinarios que as levan, co punto de mira posto na diminución do uso de antibióticos nas ganderías. “Nesta última negociación da PAC houbo presións en Europa para condicionar as axudas da PAC a España ao compromiso e esforzo do Goberno español na redución de antibióticos”, explica Gerardo Riveiro, xefe de servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Xunta. Entre as funcións neste ámbito do veterinario de explotación, que a maioría de ganderías deberán designar antes do vindeiro 18 de maio, está a identificación dos antimicrobianos de que deberán aplicarse de maneira prioritaria na granxa, o rexistro dos tratamentos, a valoración do consumo habitual de antibióticos da explotación e a elaboración de informes trimestrais, a identificación das causas que puideran ter orixinado un incremento puntual no consumo, a supervisión das medidas para a almacenaxe e conservación dos medicamentos dos tratamentos en curso e dos sobrantes dos tratamentos anteriores, así como o plan de xestión dos residuos de medicamentos.
O veterinario de explotación deberá elaborar un informe trimestral de consumo de antibióticos e establecer medidas correctoras para as granxas que superen a media nacional
“O Real Decreto 992/2022, que empeza a aplicarse xa este ano, vai crear complicacións en determinadas explotacións, porque inicia as comparacións entre ganderías”, recoñece Gerardo. “Aquelas que estean por enriba da media van ter que poñer en marcha medidas concretas de control e hixiene”, indica. Secado selectivo   No ano 1998 aprobouse un primeiro Real Decreto 1749/1998 que abriu o camiño ao control e redución de medicamentos. Desde entón, a vixiancia sobre o uso de antibióticos nas granxas e o seu control nos produtos de consumo foise incrementando. “Fai moitos anos que en Galicia se miran as quinolonas en vacún de leite. Esas análises nas mostras do Ligal levou a que hoxe os residuos de quinolonas no leite practicamente teñan desaparecido”, afirma Gerardo, que destaca o camiño andado polo sector neste eido.   “Nos anos 90 a normativa europea falaba de 400.000 células somáticas e a media das granxas de leite en Galicia era de 700.000 células, pero hoxe os tempos cambiaron. Iso permite que non sexan necesarios antibióticos en todos os casos á hora de secar as vacas. Hoxe non se pode facer un secado en sábana a todas as vacas; hai que ir cambiando totalmente a maneira de traballar”, asegura o responsable da Xunta. Asociación estratéxica entre gandeiro e veterinario A restrición ao uso xeralizado de antibióticos obriga ao tratamento individualizado dos animais e unha maior presenza do veterinario na explotación. Aínda que “a prescrición non sempre implica ter que ir ver a vaca”, indica Gerardo. “Hai unha serie de casos nos que se pode emitir unha receita sen exame clínico se o facultativo ten un coñecemento exhaustivo da explotación, pero independentemente de que se vaia á granxa ou non temos que cambiar o xeito de traballar e xustificar por que facemos as cousas”, di.
É imprescindible tal como se puxeron as cousas que o veterinario e a gandería teñan unha relación continua
“Hoxe xa non se pode traballar se non hai unha asociación entre o veterinario e o gandeiro. A nova regulamentación invertiu a carga da proba e fai que o veterinario teña que poder demostrar en todos os casos a necesidade e xustificación do tratamento. Restrinxiuse moito o criterio facultativo; se o veterinario non pode demostrar unha relación estable coa explotación practicamente non pode traballar”, recoñece. Restricións a medicamentos habituais como o calcio A partir de agora, en todas as receitas haberá que identificar ao animal a tratar, algo que até este ano non era necesario. Iso, engadido a que o gandeiro non poderá ter no seu poder un medicamento se non ten a correspondente receita, fai que non poida haber no botiquín das explotacións produtos que até agora eran habituais, como por exemplo calcio. “O Regulamento europeo establece que os medicamentos poderán utilizarse exclusivamente nas condicións que estableza a súa ficha técnica, e o calcio pon na súa ficha técnica que é de uso exclusivo de veterinarios, por iso se prohibe a dispensación ao público”, xustifica Gerardo.
A partir de agora, en todas as receitas haberá que identificar ao animal a tratar, algo que até este ano non era necesario
“Somos todos unha cadea, desde os veterinarios de campo ás Autoridades de supervisión e control oficial e todos temos que facer o noso traballo. No noso caso somos unha especie de policía sanitaria que trata de verificar que se cumpren as normas. Grazas a iso non hai fronteiras aos produtos dentro do territorio comunitario. Estamos ao servizo do mercado interior e no noso caso somos unha especie de auditoría ao sistema de produción de alimentos de orixe animal de Galicia”, di. O xefe de servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Consellería pon o énfase na necesidade de que os prospectos e fichas técnicas dos medicamentos estean actualizados e pon como exemplo as reaccións detectadas provocadas pola vacina da lingua azul. “A povidona, que é o que se cre que provoca a reacción cruzada, non estaba declarada na lista de ingredientes. A min paréceme iso gravísimo. En canto tivemos constancia desa circunstancia polas queixas dos veterinarios que estaban detectando eses problemas puxemos unha queixa inmediatamente á Axencia Europea do Medicamento”, indica.

“Chámame a atención o atrasados que estamos aínda hoxe na xestión dos residuos veterinarios”

O Plan de Uso Racional de Medicamentos Veterinarios, derivado do Real Decreto 634/2023, o mesmo que regula a designación do veterinario de explotación e a elaboración do Plan Sanitario Integral, obriga a que todas as explotacións gandeiras conten cun plan de xestión de residuos de medicamentos. “Chámame a atención o atrasados que estamos a día de hoxe en Galicia na eliminación e destrución de medicamentos. Isto é algo que me preocupa e que vai traer problemas, porque estes residuos son fonte de resistencias e vannos atacar por aí no asunto da redución de antibióticos”, indica Gerardo Rivero.
A miña proposta é que as cooperativas se convirtan en xestores de residuos e unha vez ao ano fagan recollida polas granxas
“A miña proposta para solucionar isto é que as cooperativas se convirtan en xestores de residuos e unha vez ao ano fagan recollida polas granxas”, propón para avanzar nesta materia, tendo en conta o número de granxas existentes na comunidade e a súa dispersión polo territorio. Normas alonxadas da realidade do sector “Cambian as normas porque cambiou a sociedade e a sensibilidade do lexislador, que está cada vez máis lonxe do campo”, asegura. “Os produtores e os veterinarios estamos en minoría e ás veces o lexislador, tanto europeo como español, vénse arriba á hora de ditar normas”, considera.
Fai 50 ou 60 anos había nenos con raquitismo por non ter un vaso de leite que levar á boca, pero iso os veganos de hoxe de 30 ou 40 anos non o saben
“Fai 150 anos que o lobo non come a unha persoa pero vai acabar pasando. Porque nunha poboación excesiva de lobos esas son as consecuencias. Sábeo calquera persoa con coñecementos de bioloxía, pero non o sabe o lexislador”, quéixase. Como exemplo dese distanciamento evidente entre as normas que emanan de Bruxelas e o sector produtor, Gerardo pon o Regulamento 2019/6 da UE sobre Medicamentos Veterinarios, que inclúe tamén outras cuestións que teñen que ver con aspectos de benestar animal. “Neste Regulamento a UE é draconiana con gandeiros e veterinarios”, asegura.

As granxas de vacún de leite de Dinamarca: Fortalezas e debilidades dunha potencia láctea a nivel mundial

Vacas nunha granxa danesa A comparación do agro galego e danés foi obxecto de análise para un grupo de gandeiros galegos que se desprazaron ata as terras do norte. Esta visita, coordinada pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria, estivo enmarcada no Plan Estratéxico da PAC. O obxecto desta sesión formativa foi o intercambio de coñecementos, analizar distintas formas xestión e ver como as explotacións danesas fan fronte a unhas estritas normativas ambientais. A granxa Fam Kühne IS DK-41 con 575 vacas adultas, 11.500 quilos de leite correxido e 742 hectáreas As catro explotacións nas que se centraron as visitas son unha representación do sector lácteo do país, habendo granxas de maior e menor tamaño e con diferentes sistemas de manexo. A media de animais por explotación sitúase en 225 vacas adultas, cunha produción de 11.500 litros de leite corrixidos por lactación. Estes datos, superiores á media española, reflicten a intensificación e eficiencia na produción de leite. A tendencia dos últimos anos sitúa a Dinamarca e Galicia en situacións similares, o número de explotacións vai en descenso mentres que o numero de animais por granxa vai en aumento, cunha produción en global de todo o sector estabilizada no caso danés. Evolución do número de explotacións dende 1982 Gráfica sobre a produción, por trimestres, dende o 2012. En verde leite ecolóxico e azul leite convencional Para a produción de forraxes, todas as explotacións contan cunha extensa base territorial que nalgúns casos se complementa co cultivo de cereais. Para a alimentación do gando os principais cultivos son o millo e a herba. O gran colleitado pode estar destinado á venda, ao consumo ou a unha combinación como pode ser a venda de colza para extracción de aceite e posterior consumo na granxa da parte restante. Cun inverno minguado en horas de sol, ventos fríos e clima húmido, os traballos de recolección de forraxes concéntranse nos meses de verán.
 En 2023 os custes de produción situáronse en Dinamarca en 35.6 céntimos por litro, cun prezo de venta de 53.5 céntimos por litro de leite
Con datos da European Dairy Farmers, no último ano os custes de produción situáronse en Dinamarca en 35.6 céntimos por litro, cun prezo de venta de 53.5 céntimos por litro de leite. A pesar de ser un ano extraordinario, os resultados económicos das explotacións en Dinamarca dende o 2008 reflicten unha rendibilidade media dun 2% sobre o valor total da explotación. Un retorno do investimento que se considera insuficiente e que debe subir para manter a viabilidade do sector. Custes de produción e prezo de venta do leite en distintos países membros da EDF Evolución do retorno de inversión, con unha media do 2% dende 2008

A cooperativa Arla recolle a maior parte do leite do país, incentivando a sostibilidade das granxas cun sistema de puntuación

A transformación do leite está practicamente monopolizada por unha empresa, Arla. Esta cooperativa multinacional é a cuarta compañía en volume de recollidas a nivel mundial. Xunto coas normativas aplicadas polo estado, Arla é moi esixente na sustentabilidade ambiental e benestar animal nas explotacións, aplicando uns incentivos para as explotacións con prácticas positivas. A crecente preocupación dos consumidores nestes ámbitos é o principal motivo polo que a cooperativa traslada estas esixencias ao campo. A pesar de haber un certo monopolio, os gandeiros daneses mostran unha opinión favorable coa cooperativa. Puntuación das prácticas sustentables por parte de Arla
É común soportar grandes cargas financeiras pola compra das granxas, cunha media de entre 10.000 e 15.000 € vaca
Seguindo coa economía das explotacións, todas elas se caracterizan por facer fronte a elevadas cargas financeiras. O endebedamento medio varia entre 10.000 e 15.000 euros por vaca adulta. Unha explotación típica de Dinamarca está valorada en 10 millóns de euros e a súa compra é o principal motivo deste endebedamento, que ademais se financia´a longo prazo. A extensa base territorial é o principal valor nestas transaccións. O goberno coñece o valor de cada explotación e para o seu cambio de titularidade é necesaria unha venta, non se concibe un traspaso directo entre familiares sen transacción económica. Unicamente, no caso de ser unha venda de pais a fillos, permítese unha minusvalía do 15%. A pesar deste desconto, un 85% dos relevos nas granxas non son xeracionais senón que son absorcións por parte doutras explotacións veciñas, empregados da explotación ou nalgún caso máis excepcional inversores. Esta necesidade de endebedamento é un lastre para o relevo xeracional, dado que as novas xeracións non sempre están dispostas a endebedarse nestes niveis. A idade media dos titulares de explotacións gandeiras é elevada, os gandeiros por debaixo dos 35 anos supoñen só un 5% do total, mentres preto do 30% ten 65 anos ou máis. Un problema a curto prazo ao que se enfronta o sector lácteo danés, igualmente que en Galicia. Evolución nas últimas décadas da idade de titulares de explotacións

En Spiras contan con 3.100 traballadores unicamente para asesoramento

O traballo de xestión é fundamental para a viabilidade destas explotacións, debido a isto, os gandeiros dedican moitas horas á xestión e análise dos datos económicos e accións estratéxicas. Para isto hai unha serie de empresas que abranguen todo tipo de asesoramento. Estas consultoras, fináncianse unicamente coas achegas dos gandeiros, sen axudas estatais nin financiamento de ningunha empresa relacionada co sector. Realizan todo tipo de asesoramento que non requiren traballos in situ na explotación e colaboran na xestión económica pero tamén en aspectos como cambios de titularidade das explotacións, cumprimento de normativas ambientais, desenvolvemento dixital, consultoría enerxética ou na formación tanto dos titulares como dos traballadores. Pablo Carro na visita a Spiras mostrando as áreas de traballo da empresa Spiras (https://www.spiras.dk/) é unha destas empresas que asesoran a gandeiros daneses e que foi visitada por este grupo de gandeiros galegos para ter unha visión máis ampla do agro danés. Os 3.100 empregados, unicamente en asesoramento, de Spiras son un fiel reflexo do intenso traballo de xestión que se realiza no país. Todas as empresas asesoras traballan actualmente cunhas 35.000 explotacións agrícolas e gandeiras de todo o tipo e por todo o conxunto do país, das cales 2.300 son explotacións lácteas a tempo completo. Igualmente que en Galicia, hai unha gran cantidade de granxas con dedicación a tempo parcial. Unicamente unha terceira parte das 11.000 explotacións gandeiras danesas teñen dedicación exclusiva. Gráfica da evolución do numero de gandarías As relacións e demandas por parte do sector coa administración canalízanse a través dun centro de investigación participado por todas estas empresas asesoras e con total independencia económica. Jens Toksvig Bjerre, consultor de economía operativa en Spiras explica que “hai unha certa desconexión entre a cidade e o campo en Dinamarca. As leis fanse dende Copenhague e non sempre co consenso necesario. Agora estase debatendo unha nova taxa para gravar as emisións de CO2 producidas nas granxas. Dende o centro de investigación estamos intentando explicar que nunha granxa hai zonas de emisión pero tamén zonas de secuestro de CO2 pero politicamente é algo que non sempre se entende”.

O goberno danés prepara unha taxa por emisión de CO2 nas explotacións e o sector demanda que se teña en conta o secuestro de carbono dos cultivos

Hai varios escenarios posibles, no caso de aplicarse unha taxa por emisións de CO2 similar a outro tipo de empresas suporía entre 1.000 e 1.200 euros por vaca e ano. Outros escenarios máis positivos contemplarían unha redución dun 50% da taxa impositiva e no mellor dos casos unha cota de 200€ por vaca e ano pero vinculada a introdución de tecnoloxías e prácticas que permita reducir as emisións. Dende Spiras calculan que o primeiro modelo non sería soportable polas explotacións danesas, coa primeira redución habería igualmente explotacións con dificultades. No mellor dos casos, cunha taxa de 200 € por animal incluso sería unha mellor situación que a actual. Jens Toksvig Bjerre explicando as posibles taxas por emisións de CO2 O sector lácteo é unha parte importante do sector primario de Dinamarca, complementaria ao sector porcino, avícola ou a produción de cereais. Cunha orografía favorable, o 62% da superficie danesa é terreo cultivable. Na parte occidental, cun terreo máis areoso, concéntranse as explotacións de vacún, mentres que na parte oriental aséntanse a maior parte das granxas porcinas e explotacións cerealistas cun terreo máis arxiloso e propicio para este tipo de cultivos. O sector porcino en Dinamarca é moi importante e xera máis valor engadido que en outras zonas, hai moita exportación de leitóns con xenética moi seleccionada para o posterior cebo noutros países. Un negocio en expansión en Dinamarca é o cultivo de pataca para produción de amidón. Distribución das explotacións en convencional marcadas en azul e ecolóxicas en vermello

A produción de leite ecolóxico en Galicia e en España baixou un 15% o ano pasado

O pasado xoves 14 de marzo a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) organizou un encontro online centrado na produción de leite ecolóxico en Galicia no que participaron diferentes especialistas.

Higinio Mougán, director de AGACA, foi o responsable de facer a introdución e as conclusións finais, así como ir presentando aos diferentes ponentes.

O primeiro en intervir foi Javier García, secretario de Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), o único organismo habilitado en Galicia para xestionar o certificado ecolóxico de recoñecemento internacional.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Javier fixo un pequeno resumo do contexto da produción ecolóxica en Galicia, destacando que ainda que non contan cos datos do 2023, esperan unha lixeira melloría respecto ao 2022. Comparando os datos do 2021 co 2022 vemos como o descenso do volume de facturación de leite ecolóxico en Galicia roza o 5%, baixando de 39 millóns de euros facturados a 37 millóns. Isto, segundo Javier, débese a que algunhas granxas pecharon ou pasaron a producir en convencional motivadas pola igualación dos prezos entre ambos leites.

Javier tamén sinalou como un factor limitante a ausencia de mercados dirixidos á exportación en España, comparándoo co caso irlandés e sinalando a comercialización como unha das patas máis febles da cadea. Outro problema que ve é o diferencial de custo de produción entre producir leite ecolóxico e leite convencial, que ainda é demasiado grande, polo que ve moi difícil que este mercado poda crecer en Galicia a curto prazo. Ademais se unha granxa convencial quere cambiar a ecolóxico, necesita un periodo de adaptación de 2 anos seguindo as normas do CRAEGA, o que relentiza máis o proceso.

Por último pediu que se tomen medidas contra a publicidade e etiquetado engañoso que confunde aos consumidores, sinalando o leite de pastoreo que moitos confunden co ecolóxico. Tamén invitou a visitar a páxina web de CRAEGA onde poderán atopar toda a información pertinente.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

O segundo en intervir foi José L. González, consultor independente, que falou sobre os criterios medioambientais e indices empregados: biodiversidade, fitosanitarios e emisións. Centrouse no tema da biodiversidade destacando as bondades neste sentido do manexo do gando no noso territorio. “Deberíamos presumir da cantidade de biodiversidade que podemos xerar producindo comida, principalmente coas explotacións de vacún.”

“Esta é a gran fortaleza desta forma de producir, a súa capacidade de xerar biodiversidade, o que xera valor no produto pero que non é algo que os consumidores valoren a día de hoxe. É inevitable que o índice de biodiversidade acabe nos etiquetados dos produtos e acabe sendo valorado polo consumidor.”

Pola súa parte, José Sáez, director de compras en Lactalis, á que definiu como unha empresa familiar que se convertiu no maior grupo leiteiro do mundo cuns 28 mil millóns de euros de facturación anual. Conta con 8 plantas de elaboración de lácteos en España, dúas delas en Galicia (Vilalba e Nadela) adicadas ao leite. Trátase dun grupo frances que foi o primeiro en comercializar leite ecolóxico en Galicia e controla o 45% deste mercado a nivel español. As súas principais representacións no mercado son marcas como Puleva, Ram, Gran Capitán, Flor de Esgueva...

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="80038" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

 

José mostrou datos que confirman ese descenso paulatino nos últimos tres anos da produción de leite ecolóxico en España. “A pesar deste descenso, Galicia mantén ou incrementa a súa cota de mercado de produción, convertíndose no referente nacional, pero Cataluña é a que máis creceu nos últimos tempos.”

Insistiu na idea de que a evolución dos prezos foi moi positiva e que contrasta con ese descenso na produción, e que a diferencia de prezo e custo entre o ecolóxico e o convencional fixo que moitos ganadeiros pasaran de ecolóxico a convencional pero que isto é unha tendencia que agora comeza a correxirse.

“Concretamente foi en abril do 2022 e 2023 cando os prezos entre os dous tipos de leite practicamente se igualaron. Debemos democratizar o leite ecolóxico, é dicir, facela máis accesible á xente tanto a nivel de prezos como de presencia no mercado, pois moitos consumidores demandan o produto e se queixan do difícil que resulta atopar este leite, da diferenza de prezo ou da falta de oferta.”

Tamén destcaou que moitos consumidores declaran non saber distinguilo do convencional ou incluso non fiarse do etiquetado. Por último, mostrou entusiasmo na idea de que o consumidor cada vez demande máis este tipo de leite, que antes era cousa dun público ecoloxista ou moi concienciados, e agora o consumo de produtos ecolóxicos comeza a xeralizarse a nivel social, e que hai que seguir nesa liña de traballo. Tamén falou da importancia de gañar en visibilidade a partir de sacar novos productos, gastar máis en publicidade… E sobre todo dar a coñecer os beneficios que ten este leite para os consumidores, o medio ambiente, os gandeiros e os animais. Insiste na idea de que o leite ecolóxico aínda non é un mercado maduro, e que teñen que unir forzas para conseguir que madure máis.

O TESTEMUÑO DAS INDUSTRIAS LÁCTEAS E DOS PRODUCTORES

 As Vacas da Ulloa SCG : A terceira ponente foi Ana Corredoira, bióloga e gandeira responsable da explotación de leite ecolóxico As Vacas da Ulloa SCG e da marca de leite fresco ecolóxico Sen Máis. Ana criouse entre vacas xunto co seu irmán na Cernada (Palas de Reis).

A granxa fundouse nos anos 80 como proxecto de vida dos seus pais, cun modelo de gandería familiar de autoconsumo e venta dun pequeno excedente. Xa no 2002-2004 os seus pais fixeran un pequeno obradoiro para transformación e comercialización directa do leite e outros produtos derivados, no contexto das vacas tolas. “Medrei nese caldo de cultivo onde se concebía o modelo de produción circular de aproveitamento e de control de todos os pasos da cadea desde a produción ata a comercialización directa. Rematei Bioloxía no 2013 e voltei á casa a traballar na granxa. Un ano máis tarde asumín a dirección da granxa no polo falecemento do meu pai”.

“Queríamos producir e vender leite na súa mellor versión, ese era o noso proxecto de vida. No 2015 demos de alta a SC e no 2021 saímos ao mercado coa marca Sen máis, leite fresco pasteurizado en vidro. Foi un momento épico e de celebración, pois sentira un fracaso cando tivera que paralizar a actidvidade da granxa. Estamos moi limitadas pola nosa infraestructura de distribución: unha furgoneta, coa que distribuimos un día por semana. Ainda así, en dous anos conseguimos ter 150 puntos de venta, ocupando unha área xeográficamente moi pequena, pois só podemos abrcar a nosa comarca e zona limítrofe. Realmente démonos conta de que temos o noso nicho de mercado e que podemos amplialo, pero manter esa infraestructura é moi difícil porque facemos todo nós. En calquera caso, no 2022 producimos uns 60 mil litros de leite e no 2023 uns 80 mil.”

Tamén recalcou que existen certos déficits no sector: a nivel de marketing, a falta de oferta, a falta de vías de comercialización e dificultade no acceso por parte dos consumidroes, ou o mal posicionamento nas superficies de ventas.

GANDERÍA CASA CODESAL: O seguinte en intervir foi Ángel Rivas, especialista en manexo animal en Casa Codesal, unha gandería centenaria, familiar e ecolóxica, responsable dunhas 100 cabezas de gando (63 en muxido) e dunhas 68 ha de pastos. Producen uns 420 mil litros de leite anuais. A granxa está localizada en Vilapedre (Friol) e do 2018 ao 2023 gañou todos os anos o premio Exceleite de Ouro a mellor leite na categoría de ecolóxico, menos no 2019 que gañou o de prata.

Ángel destacou a historia familiar e a convicción da empresa de apostar polo ecolóxico desde 2005, sendo un dos primeiros en Galicia, así como da importancia de compartir experiencias e colaborar con outros gandeiros.

COOPERATIVA COBIDEZA: O seguinte turno foi para Román Santalla, presidente de Cobideza: “Somos unha queixería pequena pero coqueta, totalmente orientada á produción ecolóxica, comezamos e seguimos con 6 ganderías, que nos picos altos chega aos 80 mil litros mensuais e nos baixos, no inverno, 60-70 mil. Trasnsformamos todo o leite en queixo, tamén facemos queixo convencional pero con leite ecolóxico. O queixo ecolóxico ten outras características organolépticas e nutritivas, pero moitos consumidores e catadores non saben aprecialo por ser un sabor máis forte, pois ainda non hai moita cultura de queixo ecolóxico. Gañamos varios premios internacionais e queremos diferenciamos no queixo Arzúa-Ulloa e Tetilla en ecolóxico, pois pensamos que aí hai máis nicho de mercado e podemos diferenciarnos mellor. Penso que somos o primeiro queixo tipo tetilla ecolóxico a nivel de España, e un dos primeiros Arzúa-Ulloa. Tamén queremos comercfializar un queixo de barra de kilo e medio, pero non é o típico de sandwich.”

Román di que agora mesmo é un problema que ás veces as marxes de beneficio que marcan as tendas sexan demasiado altos, polo que intentan facer queixos de baixos pesos: “Os queixos ecolóxicos véndense máis en porcións pequenas, por iso estamos plantexando se vender esas dúas vertentes: queixos moi pesados, de máis de 3 kg para hostelería e tendas especializadas e logo porcións máis pequenas (100-300gr) para a maioría de consumidores. As distribuidoras cada vez mostran máis interese nos produtos ecolóxicos e hai que aproveitar este interese. Queremos ir ampliando a produción e colaborar con máis ganderías”

CASA GRANDE DE XANCEDA: Antes das conclusións finais de Higinio Mougán, foi a última intervención de Guillermo Martínez, xerente de Casa Grande de Xanceda: “Somos unha empresa centrada na elaboración de produtos lácteos de alta calidade en ecolóxico. Producimos leite e iogur e xestionamos unhas 200 hectáreas de pasto e 205 vacas en muxido, sendo un dos maiores produtores de lácteos ecolóxicos en España. Conseguimos o primeiro obxectivo que era sobrevivir estes 20 anos producindo en ecolóxico, que non é pouco. A noas orixe remóntase a un negocio familiar nos anos 60 con 20 vacas frisonas de Canadá e 30 hectáreas. Como traballaba nun sistema de pastoreo foi crecendo co tempo adquirindo máis fincas e vacas, e cando a explotación pasou a mans dos netos nos anos 2000, vimos que tiñamos moitos recursos pero as contas estaban en números vermellos, non se fixera unha boa xestión económica pero si gandeira. Básicamente era a búsqueda de rendibilidade a partir do que se estaba a facer. Foi fundamental a colaboración e asesoramento da Universidade de Santiago de Compostela coa que fixemos un deseño de produto, estudo de mercado, búsqueda da tecnoloxía axeitada. Ofreceron unha formación continua na procura da máxima calidade”

Destacou a importancia da colaboración con outros empresarios do sector incorporando outros produtos lácteos como queixos, xeados…

“Cando abrimos unha tenda na propia explotación pensamos que non viría moita xente a visitarnos pero ao final é unha tenda con moito movemento e xera moito cariño da xente local principalmente. O noso maior valor son os valores asociados a nosa marca e que axuda moito ao tema do marketing e a comercialización. Temos un forte compromiso social e ambiental e recibimos máis de 50 visitas anuais á nosa granxa, onde mostramos con orgullo todo o proceso de produción”.

A situación do mercado de penso ecolóxico para vacún de leite

Pola súa parte, Rafael Pardo de Andrade, veterinario na cooperativa Campoastur, que elabora penso ecolóxico baixo a marca Ecofeed,  foi o seguinte en intervir, analizando o mercado dos pensos ecolóxicos a nivel estatal, comentando os diferentes puntos das diferentes normativas reguladoras, certificacións e etiquetados.

“A normativa condiciona moito o xeito de traballar, ten que ser unha alimentación fundamentalmente forraxeira, limitando a cantidade de penso que poden comer os animais e sendo obrigatorio que eses pensos aparezan na lista dos produtos autorizados. Coa pandemia e a guerra de Ucraína houbo un aumento de prezos considerable. A produción de penso ecolóxico en España foi crecendo do 2015 ao 2019, ano no que alcanzou o seu tope, comezando a descender nos seguintes anos, mostrando moita máis estabilidade que no caso do penso convencional. No caso concreto de Campoastur, a produción de penso ecolóxico foi crecendo desde o 2018 (8 mil toneladas) ata alcanzar o tope no 2021 (18 mil toneladas), baixando lixeiramente no 2022 e 2023 (17 mil toneladas e 16 mil toneladas respectivamente), e agora no 2024 parece que se vai mellorar un pouco respecto ao 2022 e 2023 sen chegar aos valores do 2021. Penso que este ano 2024 a produción de leite ecolóxico vai ser lixeiramente mellor á do ano pasado. Os prezos do ecolóxico ás veces pódense tensionar máis que no convencional por ser un mercado moito máis pequeno.”

Ademais, Rafael destacou que o vacún de leite é o principal destino en Galicia dos pensos ecolóxicos de Campoastur, seguido pola avicultura e o vacún de carne.

Tamén comparou o número de produtores de penso ecolóxico por provincias. Galicia atópase no terceiro posto empatada con Castilla León (4), e só superada por Andalucía (7) e Cataluña (16). En España son un total de 46 productores.

En canto á comparativa por cereais, destaca a cebada (110 mil toneladas), seguida de cerca pola avea (85 mil toneladas) e o trigo (75 mil toneladas), e cunha grande diferencia coas seguintes (triticale, centeo, xirasol, guisante…).

De acordo coas estadísticas amosadas por Rafael do ano 2022, Galicia producía 26 mil toneladas de leite ecolóxico de vaca, o 52% do total estatal (50 mil toneladas) e contaba co 44% dos produtores, 122 de 273.

“A obriga de contar cun veterinario de explotación non vai supoñer ningún problema para as granxas que estean nunha ADSG”

José Antonio Varela Señarís, durante a súa intervención nas xornadas organizadas por Agromuralla No mes de maio entra en vigor a obriga legal para que as explotacións gandeiras designen un veterinario de explotación, encargado de elaborar, coordinar e supervisar o cumprimento do Plan Sanitario Integral da granxa. José Antonio Varela Señarís, do Servizo de Seguridade Alimentaria nas Producións Gandeiras da Consellería do Medio Rural, detallou recentemente nunhas xornadas organizadas por Agromuralla cales son as implicacións da nova normativa para as explotacións galegas, tanto de leite como de carne. A entrada en vigor do Real Decreto 364/2023 obriga á maioría de explotacións a designar, antes do vindeiro 18 de maio, un Veterinario de Explotación e contar cun Plan Sanitario Integral. Estarían exentas as granxas de pequeno tamaño, consideradas como tales as que conten con menos de 5 vacas reprodutoras, 30 xatos para cebo, 20 cabras ou ovellas, 5 cabalos, 5 porcas reprodutoras ou 25 animais para cebo.  
As granxas con 5 eguas, porcas ou vacas reprodutoras deberán contar con veterinario de explotación e Plan Sanitario Integral
As explotacións de vacún que teñan entre 5 e 20 vacas deberán ter veterinario de explotación e Plan Sanitario Integral pero non terán que adoptar o Sistema Integrado de Xestión (SIGE), que é obrigatorio a partir de 20 UGM. Quen pode ser veterinario de explotación? O titular da explotación é o encargado de designar a un veterinario de explotación, que terá que aceptar ese nomeamento. A partir dese momento aparecerá no REGA. “A designación do veterinario de explotación vaise poder facer a través dun modelo que estará dispoñible na Oficina Virtual Agraria”, avanzou José Antonio Varela.
A designación do veterinario de explotación vaise poder facer a través dun modelo que estará dispoñible na Oficina Virtual Agraria
“O facultativo designado como veterinario de explotación pode ser por exemplo o veterinario da ADSG, porque xa está facendo unha parte do requerido, ao desenvolver o programa sanitario da granxa”, explica José Antonio. A maiores tería que facer un traballo documental, relativo aos distintos aspectos a cumplimentar, como o Plan Sanitario Integral ou o Programa de hixiene e bioseguridade da explotación. Pode ser tamén un veterinario que non pertenza á ADSG que leva a explotación, por exemplo o veterinario clínico ou o que se encarga do control reprodutivo. “O plan sanitario da ADSG serviríalle igualmente para incorporar á documentación requerida no Plan Sanitario Integral”, aclara. “O veterinario de explotación sería como o arquitecto nunha obra, pero despois pode haber traballos que faga outra xente, é dicir, pode haber subcontratas”, compara.
O problema preséntase nas explotacións que non están nunha ADSG, porque contar cun veterinario de explotación vailles supoñer un custo
“O problema é se esa explotación non está nunha ADSG”, admite o representante da Consellería. “Ese veterinario vai ter que desenvolver os programas nacionais obrigatorios de determinadas enfermidades, como por exemplo IBR se a partir do ano que vén se establece como obrigatorio. Aí é onde está o problema, porque ese traballo de aplicar ese programa sanitario vaille supor un custo á explotación”, indica. Cantas explotacións vai poder levar un veterinario de explotación? A entrada en vigor da normativa do veterinario de explotación supón unha sobrecarga de traballo para os facultativos que neste momento prestan servizo ás granxas de leite e de carne. “O veterinario de explotación non ten por que responsabilizarse de todo o que sucede na granxa, non é o responsable dos medicamentos que prescribe o veterinario clínico ou o que se encarga do control de mamite e calidade do leite, pero si é o responsable de documentalo”, asegura. “Iso implica que se un veterinario dunha ADSG leva 50 explotacións neste momento igual tería que reducir o número de granxas a 40 para poder asumir ese traballo documental que lle supón ser a maiores o veterinario de explotación”, admite José Antonio Varela. Quérese limitar, por parte da Administración, o número de granxas que vai poder levar un mesmo veterinario de explotación, ben por número de ganderías ou de cabezas de gando, para que a súa función non sexa de puro trámite e se limite só a cubrir papeis, senón que teña tempo para asesorar aos titulares das explotacións nas melloras a implementar e para facer o seguemento no proceso de aplicación.
Coa falta de veterinarios que hai hoxe non sei como se vai poder resolver esa sobrecarga de traballo
“Vaise poñer un tope máximo por persoa e quizais as ADSG teñan que contratar a máis veterinarios para poder asumir tamén ese papel de ser veterinarios de explotación. Vai ser un problemón moi gordo, porque co problema que hai hoxe de falta de facultativos non sei como se vai resolver iso”, recoñece o representante da Xunta. Por iso, a Consellería solicitou ao Ministerio que flexibilice a obriga de contar con veterinario de explotación para cobrar a PAC, igual que xa fixo co Caderno Dixital de explotación, que pasou de obrigatorio a voluntario.   Plan Sanitario Integral e visitas zoosanitarias O veterinario de explotación que figure designado como tal no REGA ten a responsabilidade de levar a cabo o deseño, redacción e supervisión (a través das visitas zoosanitarias) do Plan Sanitario Integral da granxa, que consta de tres partes fundamentais: Programa de hixiene e bioseguridade, Programa de controis sanitarios obrigatorios e Seguemento trimestral do consumo de antibióticos. “O contido mínimo do Plan Sanitario Integral debe incluír as medidas sanitarias que se levan a cabo para prevención e control de enfermidades, así como en materia de hixiene e bioseguridade, uso racional de medicamentos e plan de vacinación”, explica José Antonio.
Todas as explotacións terán que recibir cando menos unha visita zoosanitaria do veterinario de explotación entre maio de 2024 e maio de 2025
Todas as explotacións, salvo as apícolas, terán que recibir cando menos unha visita zoosanitaria do veterinario de explotación entre maio do ano 2024 e maio do ano 2025, que servirá para tipificar e clasificar as explotacións. O veterinario terá que deixar un informe desa visita, que está regulamentada, e cumprir cunha serie de ítems de control establecidos. O nivel de risco no que estea encadrada a explotación determinará a frecuencia das visitas zoosanitarias de control posteriores por parte do veterinario de explotación: cando o risco é alto levarase a cabo unha cada 6 meses, se a granxa está categorizada como de risco medio recibirá unha visita anual e nas de risco baixo será cada ano e medio. Uso racional de medicamentos A través do formulario de designación de veterinario de explotación na Oficina Virtual Agraria autorizarase tamén á persoa designada a entrar en PRESVET para elaborar os informes trimestrais de uso de antibióticos da granxa, dentro do Plan de Uso Racional de Medicamentos Veterinarios. Cos datos de todas as ganderías vaise establecer un Indicador de Referencia Nacional (IRN) por especies de gando e tipo de explotación, que se publicará no BOE a máis tardar o 1 de xuño de cada ano. En función do consumo habitual de antibióticos da explotación respecto ao indicador nacional de referencia, se o valor da granxa supera en máis dun 5% o valor medio establecido, deberanse aplicar unha serie de medidas correctoras.
Se unha explotación ten un bo programa de hixiene e bioseguridade e un bo manexo nutricional e de ensilados reducirá drasticamente a necesidade de usar antibióticos
“Se a explotación está por enriba da media, o veterinario deberá deixarlle un informe con recomendacións a aplicar na granxa para reducir ese consumo de antibióticos. Pero eu creo que unha explotación que teña un bo programa de hixiene e faga un bo manexo do gando, bos ensilados, etc, non vai ter ningún problema porque con esas medidas o consumo de antibióticos redúcese moito nunha granxa”, asegura o representante da Consellería.

Documentación necesaria dentro do SIGE, obrigatorio para ganderías de máis de 20 UGM

O Sistema Integrado de Xestión de Explotacions (SIGE) inclúe distintos aspectos que o veterinario de explotación terá que elaborar ou recompilar para integrar e presentar: bioseguridade e hixiene, benestar animal, sanidade, medio ambiente, formación, etc. Toda esta documentación deberá actualizarse cando menos cada 5 anos e sempre que a explotación modifique de maneira substancial as súas instalacións ou prácticas de manexo.   Deberá incluirse, cando menos, unha descrición das condicións estruturais e ambientais da granxa, da alimentación do gando e das prácticas de manexo que se realizan. Tamén debe detallarse o Plan Sanitario Integral da granxa; o Plan de Xestión Ambiental, que inclúa un plan de residuos, a optimización do uso da auga e o consumo enerxético e o control de ruídos, po e olores.
O veterinario de explotación será o encargado de elaborar todos aqueles apartados do SIGE relacionados con sanidade, benestar animal, hixiene e bioseguridade
A maiores, as ganderías deberán contar tamén cun Plan de Benestar Animal, que entrará en vigor dentro de 4 anos e aplicarase a granxas de máis de 5 UGM, nas que se deberán avaliar os factores de risco existentes para o benestar dos animais e o Plan de Formación levado a cabo tanto polo titular da explotación como polos seus empregados en materia de benestar animal, medio ambiente e manexo do gando.

Validan con éxito en Galicia un test rápido de preñez a partir de mostras de leite

Persoal do CIAM recollendo mostras de leite nunha das gandarías participantes. Foto: CIAM/LIGAL O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM-AGACAL) e o Laboratorio Interprofesional de Análise do Leite (LIGAL) están validando un test rápido, que a partir das mostras que rutinariamente recolle o LIGAL, permite tamén detectar cunha ampla porcentaxe de acerto a preñez das vacas. O ensaio realízase dentro do proxecto europeo Climate Neutral Farms, coordinado en España polo CIAM-AGACAL. O test, que de momento se está realizando de forma experimental, prevese que entre a formar parte da oferta de servizos do LIGAL ás gandarías nun futuro dependendo da demanda existente. “O obxectivo deste test é reducir os días abertos involuntarios, que segundo os estudos realizados en España en gandarías de vacún de leite, sitúanse entre o 10 e o 12% das vacas inseminadas, pero cunha ampla variación entre gandarías, desde o 3,5 até o 26,3%, o que representa unha importante perda económica para as granxas”, explica César Resch Zafra, investigador do CIAM-AGACAL.

Resultado de preñez en 24 horas

O diagnóstico de preñez en laboratorio con mostra de leite baséase na detección de presenza de glicoproteínas, un tipo de proteína asociado á xestación. O protocolo que se segue por parte do CIAM-AGACAL e do LIGAL nas granxas que participan no estudo é o seguinte: Técnicos do CIAM visitan as granxas cada catro meses e, de acordo co gandeiro, seleccionan as vacas a mostrear entre aquelas supostamente diagnosticadas con preñez positiva: Vacas a entre 28 e 90 días desde a inseminación (aproximadamente o 15% das vacas adultas nunha gandaría de vacún de leite). Posteriormente recóllese unha mostra de leite de cada animal (50 ml) e envíase ao laboratorio para a súa análise polo LIGAL que en 24 horas entrega ao gandeiro o resultado do test de preñez, ademais dos resultados de análise física químico do leite.

Alta fiabilidade do test

Fonte: CIAM/ LIGAL A fiabilidade do test é moi elevada. Das 541 mostras que se analizaron o test de preñez en leite detectou que en 22 casos (o 6,1%) as vacas non estaban preñada. A continuación, realizouse de novo a comprobación en granxa por parte de veterinarios sobre eses animais e a porcentaxe de acerto foi do 100%. O test tamén detectou 14 casos de vacas de preñez dubidosa, que tras a pertinente contraanálise na explotación concluíu que 10 estaban preñadas e 4 estaban baleiras. En canto aos 505 casos de vacas que o test diagnosticou como positivas a preñez, na análise posterior acertou en 498, mentres que 7 non o estaban, o que se pode explicar por vacas que abortaron un día ou dous antes, e que por tanto aínda tiñan presenza de glicoproteína en leite. “O test está a funcionar moi ben, é eficaz, rápido e asequible e supón un importante avance para reducir o número de días abertos involuntarios en gandarías de vacún de leite, e por tanto axuda a mellorar a eficiencia e a rendibildiade da granxa”, conclúe César Resch.