Category Archives: Portada fila

Campaña a favor do consumo de lácteos españois

A Organización Interprofesional Láctea (InLac) presentou a lema do seu novo anuncio de TV: 'Te lo Agradece'. Esta campaña apela ao consumo de alimentos de Orixe España e busca concienciar aos consumidores que, co seu poder de compra, teñen a chave para fomentar o relevo xeracional, garantir a viabilidade do sector lácteo e o futuro rural. Segundo indican, España importa moitos máis lácteos dos que exporta, cun saldo comercial negativo superior aos 1.065 millóns de euros en 2023. En concreto, España importou lácteos o pasado ano por valor de máis de 2.727,5 millóns de euros. Segundo detallou Daniel Ferreiro, presidente de InLac, "avogamos por que os consumidores opten por lácteos de Orixe España e se fixen na etiqueta. Porque a orixe si importa. Debe recoñecerse o valor que hai detrás de cada vaso de leite, iogur ou anaco de queixo". "Ao apoiar ao noso sector produtor e transformador elixindo lácteos españois, non só estamos por preservar a nosa cultura e identidade gastronómica, senón que, ademais, apoiamos a economía das zonas rurais", especifica Ferreiro. A campaña 'Te lo Agradece' convida os consumidores a apreciar os beneficios que teñen os lácteos e que estes sexan de orixe española. A directora xerente de InLac, Nuria María Arribas, destaca que 'se adquirimos alimentos lácteos de Orixe España, melloramos a calidade de vida de gandeiros e gandeiras, favorecemos que cooperativas e fabricantes poidan continuar a súa actividade, fomentamos o relevo xeracional e loitamos contra o despoboamento e o avance da España Baleirada".
Dende InLac fomentan o consumo de tres lácteos ao día e lembran que son alimentos situados na base da pirámide nutricional
A campaña ten unha forte presenza na televisión con anuncios de diferentes duracións, ademais de microespacios en radio e amplo despregamento de pezas en puntos de venda. "Unha campaña potente, que pretende superar os 250 millóns de contactos e que se realizará na súa primeira onda entre abril e maio, alcanzando unha cobertura do 88,5 %", indican desde InLac. 3 racións de lácteos ao día Tomar unha media de 3 lácteos ao día, é a mensaxe que promove desde hai anos InLac e que, segundo indican, está avalado por diferentes investigacións científicas de máximo rigor e obxectividade. Engaden que os lácteos "son alimentos situados na base da pirámide nutricional que formaron parte das nosas saudables dietas mediterránea e atlántica, nun país que figura entre os máis lonxevos do mundo e con mellor esperanza de vida a nivel global". Como dato preocupante, indican que máis do 60 % do calcio da dieta española procede do consumo de leite e os lácteos, pero unha parte dos españois están a abandonar o seu consumo, influenciados por modas alimentarias pouco rigorosas cientificamente en favor doutros produtos que non contan cos mesmos beneficios. As evidencias saudables derivadas do consumo habitual de alimentos lácteos contan co respaldo da Fundación Española da Nutrición (FEN), a Fundación Iberoamericana de Nutrición (Finut) ou a Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética (Fesnad), entre outros organismos.

En todo o 2023 a Xunta realizou 28 inspeccións e impuxo 7 sancións por incumprimento da Lei da Cadea Alimentaria

Os contratos entre viticultores e adegas son os que máis inspecciona de oficio a Consellería A Xunta de Galicia levou a cabo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 un total de 28 inspeccións de oficio en relación ao cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria, 20 delas no sector do viño, 7 no sector vacún de leite e 1 no de leite cru de ovella. Ademais foron revisados un total de 250 contratos. Segundo os datos feitos públicos este mércores durante a reunión do Consello Asesor da AICA, a Comunidade Valenciana (0), Murcia (4), Navarra (11), Estremadura (12), Cantabria (13), Asturias (16), Canarias (18), Aragón (19), Baleares (20), País Vasco (20) e A Rioxa (27) levaron a cabo o ano pasado menos inspeccións de oficio que Galicia; fronte ás 44 de Cataluña, as 47 de Andalucía, as 49 de Madrid, as 73 de Castela-A Mancha ou as 324 de Castela e León. Destas inspeccións deriváronse un total de 167 sancións, das que 7 foron impostas en Galicia, todas elas ao elo da cadea que representa a industria alimentaria: 4 delas á industria cárnica bovina por non formalizar contratos por escrito, 2 ás adegas vitivinícolas polo incumprimento dos prazos de pago e 1 á industria láctea por non incluír nos contratos todos aqueles extremos que por lei han de conter. En canto ás denuncias presentadas, en todo 2023 a Xunta de Galicia tan só investigou 2 no sector da produción avícola de carne.
O 62% das denuncias presentadas ante a AICA desde a súa creación acabaron en imposición de multas
Desde a súa creación, a Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), organismo dependente do Ministerio de Agricultura e encargado de velar polo cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria coa colaboración das comunidades autónomas, recibiu un total de 210 denuncias, das que 130 acabaron en sanción. Un total de 23 destas multas corresponden ao sector lácteo, derivadas de 44 denuncias presentadas, a maior parte por produtores e organizacións de produtores. Outras 23 sancións corresponden ao sector vitivinícola, mentres a maior parte (57 en total) proceden do sector das froitas e hortalizas. Un 40% máis sancións en 2023 Ao longo do 2023, a AICA impuxo un total de 382 sancións a operadores da cadea alimentaria, o que supuxo un aumento do 40,4% en comparación co ano precedente. Case a metade delas (un 48%) corresponderon a infraccións por incumprimento de prazos de pago, sobre todo, na parte maiorista.
O ano pasado a AICA impuxo 382 sancións ao amparo da Lei da cadea alimentaria, un 40,4% máis que en 2022, ás que hai que sumar outras 167 das comunidades autónomas (+33,6%)
Tamén foron obxecto de sanción a ausencia de contratos ou a falta, nos que si se realizaron, de elementos mínimos como, por exemplo, o prezo do produto motivo de transacción. As modificacións unilaterais non pactadas por contrato e a destrución de valor na cadea alimentaria tamén aparecen na listaxe dos principais motivos de penalización. Por sectores, os que rexistraron máis infraccións con sanción foron o de froitas e hortalizas, que acaparou 165, seguido do vitivinícola (96), o de aceite de oliva (40), bovino (37), oliva de mesa (19) e lácteo (17). A estas sancións hai que sumar as aprobadas polos organismos autonómicos que tamén teñen competencias no control e vixilancia do cumprimento da Lei da cadea alimentaria. O ano pasado impuxeron 167 sancións, un 33,6% máis que en 2022. Estas últimas recaeron principalmente en empresas do elo da industria alimentaria.

Reparto de competencias de inspección entre o Ministerio e as comunidades autónomas

Primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano, celebrada esta semana Todas as sancións impostas no 2023 son froito dos controis de oficio da AICA e as comunidades autónomas, así como das investigacións realizadas en ambos os casos tralas denuncias recibidas por supostos incumprimentos da Lei da cadea. A AICA, en concreto, investigou durante o pasado exercicio 32 denuncias, un 39,1% máis que no 2022, e as comunidades autónomas, outras 18. O ministro de Agricultura, Luis Planas, subliñou durante a primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano a necesidade de que se traslade aos organismos de control e vixilancia do funcionamento da Lei da cadea alimentaria toda irregularidade comercial que se constate. Remarcou o carácter confidencial das denuncias e precisou que o ano pasado, case dous terzos das recibidas e investigadas terminaron en sanción.
A AICA vixía as relacións entre empresas de distintas comunidades e os gobernos autonómicos os contratos que se asinan dentro do seu territorio
En total, as denuncias e as actuacións de oficio durante 2023 traducíronse no control dun total de 2.371 relacións comerciais da cadea alimentaria, o que representa un 59,4% máis que nos doce meses anteriores, segundo o Informe da actividade inspectora e de control de AICA no ámbito da cadea alimentaria en 2023. A AICA ten competencia sancionadora en relacións comerciais que teñen lugar entre empresas con sedes en distintas comunidades autónomas ou nas que, por razóns de rastrexabilidade previsible do produto obxecto do contrato, exceda do ámbito autonómico. Os organismos de inspección de cada comunidade autónoma, pola súa banda, controlaron no seu territorio outras 2.871 relacións comerciais, segundo o Informe da actividade das comunidades autónomas en 2023. O ministro, durante a sesión inaugural do encontro, resaltou “o bo funcionamento de cadea alimentaria”. Descontos non acordados previamente nos contratos O ministro aproveitou para lembrar que desde o 30 de xuño de 2023 é obrigatorio inscribir no Rexistro de Contratos Alimentarios, ao que se accede a través dunha aplicación da web de AICA, os contratos alimentarios con produtores primarios e agrupación de produtores. Ao seu xuízo, o devandito rexistro converteuse xa nunha “ferramenta determinante” para o labor de inspección deste organismo.
Ao longo de 2024 priorizarase o cumprimento de contratos alimentarios, con especial atención á modificación do prezo a partir de descontos
O ministro tamén avanzou que ao longo de 2024 a actividade da AICA priorizará a comprobación e o cumprimento dos contratos alimentarios, con especial atención á modificación do prezo a partir da aplicación de descontos non acordados previamente. Tamén se dará preferencia ao control dos sectores con máis risco de que as súas liquidacións e pagos non sexan superiores ao custo efectivo de produción, así como á vixilancia de cancelación de pedidos. Cambios legais a nivel español e na UE O ministro de Agricultura confirmou ademais durante a apertura da primeira reunión do Consello Asesor da AICA deste ano que a conversión deste organismo en axencia estatal traducirase “nunha maior estrutura, con máis medios humanos e materiais para desempeñar as súas funcións”, o que lle permitirá “reforzar significativamente a súa capacidade inspectora”. O ministerio quere dar unha resposta rápida a unha das principais preocupacións dos agricultores e gandeiros que se mobilizaron estas semanas, o cumprimento efectivo da Lei da Cadea Alimentaria en todos os elos, para que nas relacións comerciais, sobre todo nas que participan os agricultores e gandeiros, o prezo sexa xusto, supere o custo efectivo de produción e asegure a viabilidade económica dos operadores.
A conversión da AICA en axencia estatal dotaraa de máis persoal e medios para reforzar significativamente a súa capacidade inspectora
Luis Planas explicou que a posta en marcha da axencia estatal require da aprobación dunha norma con rango de lei, polo que o Goberno estuda na actualidade o menor percorrido temporal para a súa creación, ben a través dun texto legal ad hoc ou mediante a introdución dunha disposición adicional na futura Lei de prevención das perdas e o desperdicio alimentario. A futura Axencia Estatal de Inspección da Cadea Alimentaria manterá o acrónimo de AICA. Prevense ademais modificacións lexislativas sobre prácticas comerciais na Unión Europea. De feito, a Comisión presentou a mediados do pasado mes de decembro unha serie de propostas a medio prazo para revisar a Directiva de prácticas comerciais desleais de 2019 e o Regulamento da Organización Común de Mercados Agrarios (OCM) que, en boa medida, seguen a senda emprendida a nivel nacional en países como Francia ou España. O Executivo comunitario propuxo a instauración do Observatorio de custos de produción, marxes e prácticas comerciais, e a implementación de novas regulacións para garantir o cumprimento das prácticas comerciais a nivel transfronteirizo.
 

Galicia exportou en 2023 un total de 4.373 millóns de euros en produtos alimentarios

Presentación do informe sobre exportación de produtos agroalimentarios españois en 2023 Galicia representou no 2023 o 6% das exportacións de produtos agroalimentarios españois, segundo se desprende do Informe elaborado por Cajamar, que toma como base os datos da estatística oficial de comercio exterior. O valor das exportacións agroalimentarias procedentes da comunidade galega medrou en conxunto un 6% o ano pasado, ata alcanzar os 4.373 millóns de euros, o que converte a Galicia na quinta comunidade máis exportadora de alimentos.
As exportacións agroalimentarias galegas creceron un 7% na última década
En 2023 mantense o liderado rexional de Cataluña (15.300 millóns de euros) e Andalucía (case 14.000 millóns), que se resente polas dificultades do sector do aceite de oliva. Séguenlles a Comunidade Valenciana, con 8.673 millóns, Murcia con 6.776 millóns, e Galicia con 4.373 millóns de euros. As exportacións agroalimentarias representaron o 15% do total das exportacións galegas o ano pasado. As empresas galegas do sector alimentario máis exportadoras son as vinculadas á pesca e ao sector lácteo.
Os alimentos representan o 15% do total de produtos exportados desde Galicia
Peixes e mariscos frescos e as conservas de peixe supoñen máis do 60% das exportacións agroalimentarias da comunidade. Outras partidas destacadas son o leite e a nata. En conxunto, o ano pasado Galicia exportou leite e nata por valor de 169 millóns de euros, un importe un 6% inferior ao do ano anterior. Forte crecemento do sector porcino en Aragón En canto ao crecemento das exportacións por comunidades autónomas, destaca de novo este ano o dato de Aragón, cuxo impulso do seu sector cárnico eleva as súas vendas ao exterior un 21% con respecto ao ano anterior, así como Madrid, Castela e León, Galicia, A Rioxa e Estremadura, que crecen todas elas por enriba da media. Os datos menos positivos preséntanos as Baleares e Asturias. Andalucía reflicte unha caída do 3%, sen dúbida, influída pola baixada nas vendas de aceite de oliva. Na análise a medio e longo prazo, nas medias de crecemento a 5 e 10 anos, destaca novamente Aragón, cuxo incremento do sector porcino lévaa a unha taxa media anual do 16% con respecto ao dato de hai 5 anos, e do 14% respecto a 2013. En canto á importancia do sector agroalimentario nas exportacións totais, destaca Murcia, onde o 48% das súas vendas ao exterior corresponden ao sector agroalimentario; sendo ademais a segunda comunidade con maior balanza comercial agroalimentaria positiva, con 3.855 millóns de euros de superávit, só por detrás de Andalucía, líder con 5.934 millóns. Medran as vendas dentro da UE En conxunto, o valor das exportacións agroalimentarias españolas creceu un 3,5 % en 2023, pero o volume descendeu por segundo ano consecutivo. O estudo recolle, como dato positivo, que a balanza comercial agroalimentaria tivo un ano máis un superávit de 14.408 millóns de euros, sendo con diferenza o maior diferencial entre exportacións e importacións de entre os grandes sectores da economía española, o que resalta a importancia do agroalimentario dentro do sector exterior español.
O crecemento das vendas á Unión Europea contrasta coa caída nas exportacións a países terceiros
Nun ano caracterizado polas dificultades derivadas das caídas na produción de diferentes sectores pola seca, así como pola persistencia da inflación, as exportacións agroalimentarias conseguiron crecer en 2023 un 3,5% en valor ata os 69.608 millóns de euros. Este crecemento contrasta coa caída das vendas exteriores en volume, que descenderon un 9 %, con baixadas en todos os principais produtos exportados: -6% en froitas e hortalizas, -8% en carne de porco, -33% en aceite de oliva e -2% en peixes e mariscos e viños. Na análise das exportacións agroalimentarias por categorías, en 2023 destaca o bo comportamento de froitas e hortalizas (+5%) e porcino (+8%), mentres o aceite apenas creceu un +1% e a partida de peixes rexistrou un descenso do -3%.
Países Baixos, Alemaña, Francia e Italia seguen sendo os principais países exportadores agroalimentarios da UE
Nos datos por países destaca a puxanza das exportacións españolas tanto a Alemaña (+903 millóns de euros e +12%), Portugal (+795 millóns e +12%) e Francia (+ 674 millóns e +7%), como a países do Leste como Polonia (+220 millóns de euros e +13%), República Checa (+136 millóns e +19%) e Romania (+132 millóns e +24%). En países terceiros prodúcese por primeira vez no últimos dez anos un descenso global nas exportacións (-1.340 millóns de euros) marcado polos descensos en China (-642 millóns de euros e -26%). Outros mercados relevantes que baixan son Estados Unidos (-180 millóns e -6%), Corea do Sur (-213 millóns e -22%) e Xapón (-190 millóns e -14%), aínda que todos eles, excepto China, tiveron crecementos importantes o ano anterior que compensan estes descensos.

As exportacións de produtos lácteos españois a China aumentan un 15%

O sector lácteo español mantivo un comportamento dinámico nos últimos anos, nos que viu incrementar as súas vendas no exterior moi por enriba da media agroalimentaria. España é o noveno país exportador de produtos lácteos e queixos da UE, sendo os principais exportadores comunitarios Alemaña, Países Baixos, Francia, Italia e Bélxica, por esta orde. Na desagregación por produtos lácteos exportados en 2023, o 46% do total son queixos e o 26% leite, cun 28% para outros produtos (lactosuero, manteiga). Dez anos atrás, os queixos supoñían un 35%, o que dá idea da positiva evolución da exportación deste produto na última década.
A exportación de queixos aumentou 11 puntos porcentuais na última década
En 2023, os queixos experimentaron de novo un forte crecemento interanual (+14%), que se suma ao do ano anterior (+20%), e cun incremento medio nos últimos 10 anos tamén superior á media agroalimentaria (+11%). En canto a mercados, hai unha importante concentración xeográfica nas vendas á UE, cun 66% do total, aínda que descendeu 13 puntos desde o 79% de 2013. En canto a mercados concretos, Portugal, Francia, Italia, Estados Unidos, China e Reino Unido son os principais destinos, por esta orde, destacando ademais como curiosidade a presenza de Cuba no noveno lugar na clasificación.
Os queixos representan só o 5% dos produtos lácteos españois exportados a China
En canto aos crecementos, e dentro da boa tónica xeral en 2023, Cuba (+61%) destaca sobre o resto, aínda que partindo de cifras relativamente baixas. Outros mercados que soben de forma relevante, en termos relativos, son Reino Unido (+21%), Portugal (+20%), Estados Unidos (+16%) e China (+15%). Con respecto a fai 10 anos, China (+31%) e Cuba (+29%) ascenden claramente por enriba do resto, destacando Alemaña a escala comunitaria. Outro dato interesante é a composición das exportacións por produtos, que segue o patrón xeral da categoría, excepto en dous mercados: Estados Unidos, onde case o 100% dos 90 millóns exportados son queixos, e China, gran importador de leite e derivados, onde, pola contra, os queixos supoñen unicamente o 5% do total exportado desde España.

Preto de 40 establecementos certificados co selo “Cociña de Ancares-Terras de Burón”

Ao redor duns 40 establecementos e negocios do Xeodestino Ancares Terras de Burón recibiron xa o distintivo que os acredita como membros oficiais da iniciativa da ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’. Esta iniciativa abrangue os aloxamentos turísticos que contan cunha despensa onde teñen produtos locais a disposición dos visitantes; a restaurantes e casas de comidas que ofrecen pratos elaborados con produtos de proximidade e a partir de receitas tradicionais da zona; e tamén aos obradoiros e puntos de venda dos produtores de alimentos do Xeodestino Ancares Terras de Burón. Aquela veciñanza e visitantes que aposten por hospedarse nun destes negocios hostaleiros e levar algún destes artigos ou compralos nunha tenda que conte con este selo na súa entrada, saberán que van consumir un produto de proximidade e con todas as garantías de calidade, ao tempo que colaboran co desenvolvemento da economía local do territorio. Así o explica Fe Álvarez, xerente do GDR Montes e Vales Orientais. “O noso obxectivo coa ‘Cociña de Ancares Terras de Burón’ é potenciar a economía local buscando tender pontes entre produtores e establecementos para que os alimentos e bebidas que se producen no noso territorio se consuman tamén aquí e para a que a nosa gastronomía actúe como unha fantástica embaixadora turística do xeodestino”, salienta.

Un recuncho especial e saboroso

Un total de 15 establecementos xa teñen preparado un recuncho especial nas súas instalacións dedicado á ‘Despensa de Ancares Terras de Burón’, onde os seus hóspedes e visitantes poderán atopar e mercar distintos produtos pertencentes a dez produtores que xa se adheriron tamén a este proxecto. Os establecementos que xa recibiron o selo que os identifica como participantes son o Complexo O Piñeiral da Fonsagrada; Apartamentos Sons do Eo, bar O Recuncho d’Vane e A Marronda, en Baleira; Antollos do César, en Baralla; Hotel Os Ancares e Casa do Bico, en Becerreá; Casa O Crego e Cabañas de Ancares, en Cervantes; a Casa Grande de Láncara; Casa Suarna, Caserío Meiroi e Supermercados Embutidos Suarna, en Navia de Suarna; Casa Chaín, en Pol; e o Restaurante O Cebreiro, en Pedrafita de Cebreiro. Mentres, os produtores que xa están certificados e son participantes de pleno dereito neste clube de produto turístico son a Cooperativa A Carqueixa, a Asociación de Gandeiros da Fonsagrada (Asgafón), Mel Casa Príncipe, Mel ToxalRiba, O Retiro, Cervexas Píntega, Embutidos Suarna, Adega Sidrón, Ribeiregas e Mel Outurelos. Estas últimas semanas, produtores e establecementos fixeron un esforzo para que estes recunchos xa estean dispoñibles nesta Semana Santa, unha das temporadas importantes a nivel turístico na zona, xa que son uns días nos que centos de visitantes apostan polos Ancares e as Terras de Burón para pasar o seu tempo de vacacións. Casas de comidas onde desfrutar da gastronomía local Na entrada dos restaurantes e casas de comidas dos 14 concellos nos que traballa o GDR Montes e Vales Orientais, xa se comezan a ver pendurados os selos de ‘Cociña de Ancares Terras De Burón’. A día de hoxe son 18 os restaurantes e casas de comidas certificados. En Baleira, A Marronda, o Recuncho D’Vane, O Neireo e os Apartamentos Sons do Eo. Aqueles que se acheguen a Navia de Suarna poderán desfrutar das receitas certificadas na Casa de Chao, o Caserío Meiroi, o café bar Xegunde, no restaurante A Escola e no Mesón Aarau. Na Fonsagrada certificáronse O Piñeiral e o mesón Catro Ventos; en Becerreá os restaurantes Rivera e Boavista; mentres que A Lareira (As Nogais), Casa Sidrón (Negueira de Muñiz), Fonda Zarralleiro (Baralla), o restaurante O Cebreiro (Pedrafita do Cebreiro) e a Casa Cazoleiro (Meira) completan un listado que está aberto a novas incorporacións.

Turismo sostible

Esta proposta tamén cumpre cunha das liñas de actuación máis importantes do GDR Montes e Vales Orientais, que non é outra que apostar por un turismo sostible. É importante recordar neste punto que o Xeodestino Ancares Terras de Burón foi o primeiro destino de ecoturismo da provincia de Lugo e o segundo de Galicia. “Buscamos un turismo responsable, que non dane os recursos naturais que temos, que respecte a biodeversidade do noso territorio e tamén axude a que medre a economía local”, conclúe Fe Álvarez.

O sector alimentario busca mellorar a Lei da Cadea para o seu cumprimento

O sector alimentario galego reuniuse en Santiago de Compostela este xoves 7 de marzo para asistir a un almorzo informativo sobre a Lei da Cadea Alimentaria, unha normativa que supón un cambio significativo nas relacións comerciais con implicacións para todos os operadores da cadea de valor. Esta iniciativa, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e a súa recente asociada, a Fundación Juana de Vega, serviu para revisar o contexto normativo desta lei, a súa aplicación e impacto, así como as principais obrigas, problemáticas e retos que supón para o sector. O evento reuniu a máis de 60 representantes de pequenas e grandes empresas alimentarias e da distribución, sindicatos, grupos de desenvolvemento rural (GDR), universidades e entidades sectoriais. A benvida correu a cargo de Roberto Alonso, director de Clusaga; e de José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega. Entre os relatores estiveron Gema Hernández, directora da Axencia de Información e Control Alimentario (AICA) do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación; e Paula Sevilla, coordinadora da área da Cadea e Inspección. En representación da Xunta de Galicia, acudiu Orlando Vázquez, xefe do servizo da Cadea Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural. Pola súa banda, Simón Beceiro, do despacho Garrigues, repasou as implicacións prácticas da lei. Durante a benvida, o director do Clúster sinalou que “a sensibilización e a formación sobre os dereitos e obrigas que establece esta lei son fundamentais para o seu cumprimento e implementación efectiva, e iso é o que pretendemos conseguir con esta xornada”. Así, subliñou a importancia de que as autoridades a nivel autonómico e estatal continúen traballando na supervisión e aplicación efectiva da Lei da Cadea Alimentaria, “así como na cultura empresarial baseada na transparencia, equidade e respecto entre todos os actores da cadea”. Rematou indicando que esta lei permitirá “forxar relacións comerciais máis xustas e sostibles no sector”. Pola súa banda, o director da Fundación Juana de Vega destacou a actualidade deste evento no contexto de mobilizacións do sector primario “nas que, entre outras moitas cousas e moi diversas, reclaman uns prezos xustos que cubran os custos de produción e garantan a viabilidade das explotacións, así como un endurecemento da Lei da Cadea, que o propio presidente do Goberno xa se comprometeu a realizar”. Dez anos da Lei da Cadea Alimentaria No contexto europeo, España foi pioneira coa publicación da Lei da Cadea Alimentaria en 2013, á que seguiu a creación dunha serie de instrumentos previstos na norma e orientados a velar polo equilibro entre as partes. En 2014 constituíse a AICA e, un ano despois, poñíase en marcha o Observatorio da Cadea Alimentaria e o Código de Boas Prácticas Mercantís na Contratación Alimentaria. O obxectivo fundamental da lei é equilibrar as relacións entre os distintos operadores ao longo da cadea, evitar as prácticas comerciais abusivas e fortalecer o poder de negociación dos produtores como elo máis débil, evitando a venda a perdas. Nesta década, a lei sufriu varias modificacións orientadas a mellorar a súa aplicación, xeralmente coincidindo con crises de prezos, ou ben para introducir cuestións derivadas da transposición de normativa comunitaria como a Directiva 2019/633 sobre prácticas comerciais desleais. “A realidade é que dez anos despois da súa aprobación os obxectivos da Lei da Cadea Alimentaria, e segundo denuncian de xeito continuado as organizacións agrarias, non acaban de alcanzarse, ou ao menos non do xeito que pretenden os produtores”, continou José Manuel Andrade. Co fin de analizar estas cuestións e as problemáticas derivadas da aplicación da Lei da Cadea Alimentaria, Clusaga e a Fundación Juana de Vega consideraron de máximo interese a convocatoria deste encontro que reuniu aos principais axentes de control e supervisión a nivel estatal e autonómico. Na súa quenda da intervención, Gema Hernández, directora da Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA), adscrita ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA); e Paula Sevilla, coordinadora da Área de Cadea e Inspección da AICA, fixeron balance das principais actuacións que están levando a cabo: como se desenvolve unha inspección, prácticas comerciais prohibidas, e as principais infraccións e sectores que están sendo sancionados. Alén diso, a directora da AICA salientou a “importancia da denuncia como ferramenta para mellorara eficacia dos controis e reforzar a Lei da Cadea Alimentaria”. A este respecto, chamou a atención sobre a posibilidade de “tramitación por vía telemática a través da web da AICA”, e sobre “a garantía de confidencialidade do denunciante”. Tras isto, Orlando Pablo Vázquez, xefe do Servizo da Cadea Agroalimentaria, adscrito á Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia abordou no seu relatorio a situación actual e perspectivas de futuro ao respecto do control de prácticas comerciais desleais en Galicia, reguladas pola norma. ““Estanse a desenvolver controis para a verificación do cumprimento desta lei no ámbito galego”, declarou o xefe do Servizo. Sobre as perspectivas de futuro, apuntou que agardan “desenvolver elementos relacionados co Observatorio de Prezos, a avaliación de custos de produción e o mantemento do valor da cadea alimentaria”. Pola súa banda, Simón Beceiro, avogado e asociado do Departamento de Dereito Mercantil de Garrigues, centrouse nas principais obrigas da lei como son a formalización de contratos escritos, o contido mínimo dos contratos, a determinación do prezo e o custo efectivo de produción, prazos máximos de pagamento e inscrición no Rexistro de Contratos Alimentarios. “A Lei da Cadea Alimentaria implica múltiples obrigas para os operadores de toda a cadea, e o seu incumprimento pode conlevar sancións de ata un millón de euros”, destacou ao respecto. Tamén abordou novidades lexislativas como a “Proposta de Regulamento do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais” e da súa incidencia ou implicacións na aplicación da Lei da Cadea Alimentaria.

Razóns polas que incluir os lácteos nunha dieta saudable

O leite, o queixo e o iogur son os productos lácteos máis frecuentes que deben estar incluídos nunha dieta saudable debido aos beneficios contrastados que aportan. A súa composición representa unha fonte importante de proteínas, vitaminas ou ácidos graxos para a todas as persoas, e especialmente para aqueles grupos en idades clave ou mesmo para deportistas. Sen embargo, os lácteos están rodeados de bulos e falsas creencias que poñen freo ao seu consumo. As catedráticas  Rosa María Ortega e Rosaura Leis apóianse na súa experiencia investigadora para dar motivos para consumir estes productos. “Os lácteos son fonte importante de proteínas, minerais, vitaminas, ácidos grasos, compoñentes antioxidantes, antiinflamatorios ou péptidos bioactivos; e estudos recentes indican que modulan favorablemente a composición da microbiota intestinal”, sinala a a doutora en Farmacia, Catedrática de Nutrición, e membro do Comité de Sustentabilidade Láctea da Inlac, Rosa María Ortega.  O consumo aconsellado de lácteos é de 2-4 racións, e de aí, a media recomendada de 3 ao día. “As maiores racións 3-4 corresponderán cos grupos que teñen as necesidades de calcio máis elevadas: adolescentes, embarazadas, durante a lactación, en idades avanzada ou para deportistas. A posibilidade de alternar o consumo de diversos alimentos como leite, iogur ou queixo facilita alcanzar o consumo aconsellado”, engade a experta. Así mesmo, “chama a atención sobre as falsas crenzas de consumidores que pensan erroneamente que os alimentos lácteos poden ser substituídos facilmente por outros”, afirma Ortega, á vez que lembra, por exemplo, “que as bebidas vexetais como a soia, as améndoas, ou a avea non substitúen ao leite ou outros lácteos” “As bebidas vexetais poden ser consumidas dentro dunha alimentación correcta, pero sen perder de vista que son iso, vexetais e nunca lácteos, e non poden substituír a estes. Algúns destes produtos vexetais están enriquecidos con calcio e outros nutrientes para aproximalos na súa composición ao leite, pero nunca será igual o produto resultante á matriz láctea”, especifica a Catedrática en Nutrición. Consecuencias da restricción de lácteos “Facer unha restrición alimentaria na nosa dieta non é pouco importante, xa que supón cambios no patrón alimentario e pode representar un risco nutricional importante, tamén cando falamos de lácteos”, advirte a catedrática da Facultade de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, Rosaura Leis. Os alimentos lácteos sempre formaron parte das dietas tradicionais saudables e sustentables, como a mediterránea ou a atlántica, “que explican en boa parte que teñamos unha elevada esperanza de vida no noso país e que Comunidades como Galicia, poidan gozar dunha lonxevidade na súa poboación similar a Xapón”, subliñou Leis.  Ademais, en certas idades como a pediátrica, “é necesario non descoidar a inxesta de lácteos ao tratarse dun alimento fundamental para o crecemento e desenvolvemento da criatura e para unha boa mineralización ósea”, detalla. Neste contexto, “non esquezamos que unha das enfermidades máis prevalentes e dexenerativas durante a idade adulta é a osteoporose. Cunha adecuada inxesta de lácteos, poderemos alcanzar igualmente un máximo pico de masa ósea ao final da adolescencia, aínda que logo deberemos manter o seu consumo ao longo de toda a vida”, conclúe.

Prazo aberto ata o 25 de abril para participar nos Premios Galicia Alimentación 2024

Os Premios Galicia Alimentación celebran a súa décima edición e o prazo para que os interesados presenten as súas candidaturas está aberto ata o 25 de abril, día tamén incluído. A vía de presentación é a través dos formularios da web do Clúster Alimentario de Galicia. A diferencia doutros anos haberá cinco premios en dúas categorías diferentes e reservase a posibilidade de establecer un Premio Honorífico Galicia Alimentación. Poden optar aos Premios persoas físicas, autónomos, micro, medianas e grandes empresas, que teñan sede social, centros produtivos u exerzan a súa actividade comercial ou transformadora en Galicia e institución galegas ou situadas fóra do territorio que desenvolvesen actividades en favor dos produtos alimentarios galegos. Unha mesma entidade ou profesional pode presentar candidaturas a varios premios, sexan ou non da mesma categoría. A primeira categoría estará dedicada aos produtos alimentarios en si, e baixo o nome de “Alimentos e bebidas”. Estará integrada por dous galardóns, por un lado o Premio Galicia Alimentación ao Produto Innovador, enfocado a recoñecer aqueles produtos caracterizados pola súa innovación, potencial comercial ou deseño, e pola a súa adaptación ás demandas do consumidor ou o valor que aportan ás materias primas galegas. Na mesma categoría tamén estará o Premio Galicia Alimentación ao Produto Excelente. Recoñece a aqueles produtos que incorporen valores tradicionais do sector alimentario galego adaptándoos ao momento actual polo seu deseño e usando materias primas locais. Neste caso cobran especial importancia as características organolépticas dos alimentos e bebidas que se presenten e, de feito, poñerase especial atención aos produtos “gourmet” e ecolóxicos.  A segunda categoría, “Iniciativas do Sector Alimentario”, premia aqueles proxectos, accións ou prácticas empresariais en tres ámbitos: estratexias de márketing ou internacionalización, innovación e sustentabilidade. Deste xeito, o Premio Galicia Alimentación á Estratexia de Márketing ou Internacionalización galardoa o esforzo de empresas e organizacións do sector alimentación por acceder, desenvolver e consolidar a súa posición no mercado nacional e internacional. O Premio Galicia Alimentación á Innovación vai dirixido a proxectos, institucións ou organizacións e empresas que destaquen pola súa innovación no seu modelo de negocio, que desenvolvan produtos ou servizos innovadores do ámbito da alimentación ou que destaquen polo seu carácter emprendedor e cooperativo. En canto ao Premio Galicia Alimentación á Sostibilidade, o Clúster Alimentario de Galicia quería introducir o respecto ao medio ambiente e á contorna como unha temática a destacar nos seus galardóns. Por iso, coma novidade, este ano incorpora este premio para recoñecer aquelas prácticas, institucións ou empresas caracterizadas pola súa sostibilidade, tanto na organización e produción coma nos seus produtos e servizos.  A entrega de premios está prevista para o mes de xuño, nunha gala enmarcada no Foro Galicia Alimentación, que se desenvolverá co apoio institucional da Xunta de Galicia, co patrocinio ouro de Caixa Rural Galega, Gadis e Vegalsa Eroski e o bronce de Salimat Abanca.

“A Mariña sempre foi unha comarca cun gran dinamismo emprendedor no rural”

Dar ferramentas aos axentes que integra o territorio e fomentar un turismo sostible é a folla de ruta que segue a Asociación de Desenvolvemento Rural (ADR) Terras de Miranda. Este grupo integra moitos outros colectivos que lle fan diversificar o esforzo cara diversas ramas de actividade, desde o sector agrícola ao sector servizos, onde se volca coa dotación de servizos sociais. Falamos coa xestora da asociación, Elena Martínez. Canto tempo levades coordinando o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR), que municipios comprende, institucións e que colectivos que participan? Levo traballando no GDR 21 anos, 15 anos como xerente na Asociación Terras de Miranda, no primeiro Leader + (2002-2006) e no Leader actual (2014-2020) e 6 anos como técnico do GDR Comarca de A Mariña (2007-2013). Comprendemos 14 municipios: Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, O Valadouro, O Vicedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Xove. Forman parte do noso GDR: Concellos, Asociacións de Mulleres Rurais, de Mozos e Mozas, Culturais, Artesanais, SAT, ACIAM (Asociacións de comerciantes), Asociacións de veciños, de Mozos e Mozas Agricultoras, de Fruticultores, e un longo etcétera. Un dos vosos lemas é ‘Impulsando o progreso da Mariña Lucense’. A que tipo de proxectos se orientaron as axudas nos últimos anos para conseguir este impulso (tanto públicos como privados)? A nosa actividade foi moi plural e orientada a articular todos os elementos que interveñen na dinámica do nosos territorio. Por exemplo, subvencionamos proxectos de aloxamento turístico (aldea de turismo rural, pensións, hoteis, apartamentos turísticos, glamping, cabanas de madeira,etc.), proxectos empresariais, transformación e comercialización de produtos agroalimentarios, vivendas para maiores independentes,  construción de locais sociais e equipamentos dos mesmos para o desenrolo de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías ou equipamento para o desenrolo de outras actividades de formación, entre outros moitos proxectos. Ademais, recentemente traballamos con paquetes turísticos que presentamos ao resto de axentes do territorio, ao mesmo tempo que fixemos obradoiros de como elaborar un paquete turístico para crear sinerxias entre todos eles. Ademais, pretendemos incentivar que todos os axentes sexan quen de dar información específica e turística tanto da zona, como das posibilidades que ofrece, para levar o turismo máis alá de certos puntos de interese destacados. Como valorades a situación de desenvolvemento rural no voso territorio e os obxectivos que vos marcades? Considero que todo contribúe a favorecer o desenvolvemento do noso territorio, desde unha pequena iniciativa a unha máis grande, e que os resultados vense a curto e medio prazo.  Proxectos empresarias, turísticos, de servizos sociais, agrarios, etc., en algúns como os servizos sociais son máis inmediatos, no sentido en que a repercusión para o territorio é dende un primeiro momento. A Mariña sempre foi unha zona con un gran dinamismo emprendedor. Hai emprendedores novos, que queren poñer e poñen en marcha iniciativas, xa desde un carácter moito máis innovador. E logo tamén con empresas que queren modernizar e ampliar a súa actividade para adaptarse ás novas demandas do mercado. Encontrámonos tamén con debilidades que ten o territorio nas que se debería traballar, pero xa desde un ámbito político que conlevarían á xeración de novas oportunidades no mesmo. Temos un gran problema de transporte, tanto entre os municipios de A Mariña, como de horarios coas cidades porque están moi limitados. Igualmente, os obxectivos que nos marcamos van desde impulsar a creación, modernización e diversificación empresarial, ata traballar nun turismo máis sostible, no ecoturismo, e nunha maior oferta de experiencias turísticas. O turismo é un dos puntos fortes da Mariña, e en xeral o sector servizos. Desde o GDR  tamén é unha das vosas apostas. Como apoia este GDR o turismo? Por un lado subvencionando os proxectos turísticos, sobre todo de aloxamento turístico, foron os máis solicitados a través das convocatorias Leader e por outro lado a través de proxectos de animación do GDR: O primeiro proxecto baseouse en identificar os recursos patrimoniais de carácter cultural, natural e gastronómico de maior interese do territorio para mellorar a competitividade das empresas relacionadas con produtos agroalimentarios locais de KM0 e para o deseño de experiencias turísticas autoguiadas atractivas vinculadas cos procesos produtivos do territorio. No segundo proxecto fíxose á adaptación da oferta ás características do mercado mediante a creación de paquetes de produtos e experiencias e a creación de sinerxias entre o tecido produtivo e os servizos turísticos do territorio. Tamén se levou a cabo a captación e incorporación de empresas turísticas necesarias para a execución do proxecto, e realizáronse dous obradoiros de networking. No terceiro proxecto deseñouse un manual de prescritores do destino dirixido ao tecido turístico e un obradoiro de activación de prescritores dirixido ás empresas adheridas co obxecto de presentar unha ferramenta que posibilite o coñecemento da oferta do territorio que permita prestar un asesoramento de calidade aos visitantes, así como facilitar sinerxias con outros axentes cos que se poida colaborar. Presentouse un selo identificativo da Rede de Prescriptores do territorio facendo un estudo de mercados nacionais e internacionais para a comercialización e prospección de mercados, axencias de viaxe e touroperadores, e deseñando un paquete base extraído dos anteriores. Tamén se realizou un FAM TRIP no territorio con axencias de viaxes de Canarias. Do mesmo xeito, desenvolveuse un proxecto para poñer en marcha un club de produto de ecoturismo, no que se identificaron as bases, o modelo de xestión, o manual de requisitos e o plan de acción. En definitiva leváronse acabo moitos outros proxectos enfocados a desenvolver e potenciar un turismo sostible. Ademais de todo, a sede do GDR está asentada na Horta de Mondoñedo. O sector primario, e en xeral a agricultura, é outro dos vosos focos? No referente ao sector primario, traballamos nesta liña a través de proxectos de cooperación con outros GDR galegos. O primeiro proxecto: 'Alimentos da Biosfera: Rede para a promoción de circuítos curtos alimentarios baixo a marca Reserva da Biosfera' e logo a través do proxecto 'Rede de Ecocomedores' para animar o consumo de produtos ecolóxicos, de tempada e de proximidade en comedores escolares do territorio. Entre outras colaboracións, participamos como socios do proxecto 'Eo Alimenta', cuxo impulsor foi o Concello de Ribadeo xunto coa Universidade e a Fundación Juana de Vega, polo cal se plantexou unha estratexia alimentaria para a cunca do Eo, que afecta a tres territorios -Ribadeo, Trabada e Barreiros-. Neste momento estase a intentar poñer en marcha as accións que se determinaron en dita estratexia. Arrancamos recentemente un novo período para os Grupos de Desenvolvemento Rural. Cales son os obxectivos da vosa estratexia para esta nova etapa?
  • Diversificación da economía e mellora da competitividade
  1. Modernización e diversificación de empresas
  2. Fomento do autoemprego
  3. Xeración de oportunidades
  4. Potenciación do mercado turístico
  • Plan de dixitalización
  1. Mellora da competitividade empresarial a través da dixitalización dos procesos de produción
  2. Incentivar o teletraballo
  3. Creación de entornos de traballo intelixentes
  4. Aplicabilidade das ferramentas dixitais nos procesos de comercialización
  5. Aplicabilidade das ferramentas dixitais nos servizos a colectivos desfavorecidos
  • Aplicación da estratexia europea 'Da granxa á mesa'
  1. Valorización dos produtos agroalimentarios de calidade do territorio
  2. Fomento da actividade agraria, principal ou complementaria
  3. Promoción de programas de comercialización de produtos km0
  4. Relación entre a venda agroalimentaria e o agroturismo
  5. Redución da pegada de carbono e da contaminación
  6. Recuperación de terras en abandono para creación ou ampliación da actividade agraria
  • Mellora da eficiencia enerxética e emprego de enerxías limpas
  1. Implantación de enerxías renovables
  2. Mellora da capacidade enerxética nas explotacións agrarias
  3. Redución do gasto enerxético tanto en iniciativas privadas como públicas
  4. Emprego de enerxías limpas nos procesos industriais
  5. Aproveitamento dos recursos da auga
  6. Xeración de actividade económica relacionada coa biomasa
  • Medidas de corresponsabilidade social
  1. Fomento de iniciativas do empoderamento da muller a través da potenciación do emprendemento
  2. Mellora da empregabilidade dos colectivos desfavorecidos, sobre todo persoas con discapacidade
  3. Loita contra a violencia de xénero
  4. Emprego de transporte sen combustible fósil
  • Conservación do patrimonio rural
  1. Mellora e coidado do medio ambiente
  2. Posta en valor dos espazos naturais e dos elementos patrimoniais
  3. Desenvolvemento de actividades turísticas (Ecoturismo- Espeleoparque)
  4. Preservación dos valores idiosincráticos do territorio
  • Servizos asistenciais básicos
  1. Iniciativas de coidado dos maiores, menores e dependentes
  2. Creación e mellora de espazos asistenciais
  3. Servizos básicos ás persoas a domicilio
  4. Mellora dos servizos de transporte adaptado
Con que orzamento contades e que investimento prevedes mobilizar? Se 3.000.000€ é o investimento a mobilizar, pois aproximadamente o dobre. Que cuestión ides priorizar, polo tanto, para este novo ano que ven? Entre elas está o sector empresarial e agrario/forestal. Imos darlle unha volta para implicarnos neste ámbito e ver de que xeito podemos apoialo. Que destacarías do Bono Activa Rural? Son 18.000€ para autónomos. É unha nova oportunidade que se introduce no novo programa da cal se poderán beneficiar proxectos que sexan importantes para os núcleos rurais, pero que polas características dos mesmos non dean alcanzado unha puntuación o suficientemente elevada para conseguir subvención, xa que tamén os recursos cos que contamos son escasos. Como valorades o nivel de coñecemento que ten a poboación nas vosas comarcas sobre o GDR e as posibilidades das axudas Leader? Todavía hai xente no territorio que non coñece os GDRs, pero penso que levando xa tres programas Leader realizados no territorio, o coñecemento é cada vez maior, ao igual que a demanda de proxectos ou información acerca das nosas axudas. Tamén os proxectos de animación e cooperación nos permiten traballar con axentes do territorio de distintos ámbitos que fai que cada vez coñezan mellor o noso traballo e se dirixan a nós para demandar axuda ou charlas, formación, etc.. e tamén fai que aumenten as sinerxias entre os distintos axentes implicados.

EN DIRECTO – Debate: propostas para o agro galego na próxima lexislatura

'Campo Galego' organizou en Lugo este debate, transmitido tamén online, no que as tres formacións con representación parlamentaria, PPdeG, BNG e PsdeG-PSOE debaten sobre os desafíos que encara a Xunta nos próximos catro anos para apoiar á gandería, agricultura e sector forestal. Os debatintes son os seguintes: – José Balseiros (PpdeG). director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e director do Fondo Galego de Garantía Agraria da Consellería do Medio Rural. Candidato do PPdeG por Pontevedra. – Xosé Luis Rivas (BNG). Portavoz de Medio Rural do BNG no Parlamento. – Jaime Losada Sobrado (PSdeG-PSOE). Veterinario e integrante da candidatura do PSdeG-PSOE por Lugo. Cada partido tivo libertade para decidir os seus representantes no debate. Moderará o acto o codirector de Campo Galego David González e dará a benvida do acto o subdirector de Prácticas e Mobilidade da Escola Politécnica Superior de Lugo, Emilio Carral. Está previsto que o acto teña unha duración total de 2 horas (16.30 – 18.30 h.).

“En 2050 a demanda de proteína para alimentación humana será case o dobre que agora e temos que producilas de forma sustentable”

2050 é un ano clave. A poboación mundial está a crecer e para entón espérase que alcance os 9.700 millóns de persoas -dos 8.045 millóns rexistrados este ano, segundo datos do Fondo de Poboación de Nacións Unidas (UNFPA)-. Este aumento poboacional compromete as fontes de alimentos tal e como hoxe as coñecemos, e somete a retos específicos a sectores como o cárnico e o lácteo, sempre baixo os paradigmas de sustentabilidade e resiliencia. Deste xeito, a diversificación da produción de proteínas sitúase como un tema central no futuro da alimentación. Optimizar e maximizar as fontes de proteínas animais e vexetais é a dirección que seguirá a produción de alimentos, así como, a procura de proteínas complementarias obtidas a partir de legumes, algas ou fungos. Os avances tecnolóxicos e a intelixencia artificial axudarán no desenvolvemento de todo esta formulación. Falamos coa doutora e investigadora do CSIRO (Organización de Investigación Científica e Industrial da Commonwealth), Aarti Tobin, especialista en tecnoloxía alimentaria.  En primeiro lugar, podería presentarse e presentar a súa función profesional no CSIRO? Son a Dra. Aarti Tobin e traballo para o CSIRO (Organización de Investigación Científica e Industrial da Commonwealth). CSIRO é a axencia científica nacional de Australia e, durante máis de 100 anos, apoiou ás industrias agrícolas nos sectores agrícola, gandeiro, lácteo, acuícola e hortícola. Son investigadora científica con formación en tecnoloxía alimentaria e dediquei a maior parte da miña carreira a investigar como podemos engadir valor aos cortes de carne de menor valor e maximizar o valor de toda a canle. Dirixo o traballo de produción de proteínas animais na Future Protein Mission de CSIRO. Que liña de investigación segue neste centro? Nosa Future Protein Mission pretende aproveitar a oportunidade de satisfacer a crecente demanda mundial de proteínas apoiando á industria australiana no desenvolvemento de produtos proteicos novos e de valor engadido para o mundo. Buscamos formas de sacar máis partido das fontes de proteínas existentes -como a carne, as plantas e o peixe- e de idear novas fontes que as complementen.  A investigadora Aarti Tobin coa doutora Patricia Sánchez López, colaboradora de investigación. / Fonte: USC-Aarti Tobin Vostede estivo recentemente en Galicia, a través da Universidade de Santiago de Compostela, dando unha charla na aula de Produtos Lácteos do Campus Terra. Nela referiuse ao problema que pode supor o crecemento da poboación mundial para o ano 2050. Cales son os retos aos que nos enfrontamos nesta paradigma? En 2050, a poboación mundial alcanzará os 9.700 millóns de habitantes, o que fará que a demanda mundial anual de proteínas case se duplique en comparación co consumo anual actual. A produción actual de proteínas non poderá satisfacer a demanda futura. Necesitamos producir máis proteínas, de forma sustentable, de máis fontes para unha poboación mundial en aumento e para satisfacer as cambiantes preferencias dos consumidores e as tendencias dietéticas. Só a industria australiana da carne vermella contribuíu con 17,6 mil millóns de dólares ao PIB en 2018-19. CSIRO está a apoiar ás nosas industrias de proteínas de orixe animal de alto valor, incluída a acuicultura, para mellorar a produtividade, a eficiencia, a rendibilidade e a sustentabilidade. Na área da proteína tradicional, estamos a abordar a sustentabilidade a través de pensos sustentables, así como agregando valor aos coproductos e subproductos para maximizar o valor de todo o animal. Ademais da carne, tamén nos centramos nas industrias emerxentes para satisfacer a crecente demanda de proteínas. Isto inclúe proteínas complementarias derivadas de legumes, como a soia e os garavanzos, así como de algas, fungos, insectos e as derivadas da agricultura celular.  Vostede di que é necesario diversificar a produción de alimentos e aumentar as fontes de proteínas. Como pode lograrse isto, probando novas especies vexetais ou creando alimentos sintéticos? No ámbito das proteínas vexetais, centrámonos na transformación de cereais e leguminosas, importantes para Australia, en ingredientes ricos en proteínas que poidan converterse en produtos de alto valor, apoiados pola nutrición e a sustentabilidade. En Australia, traballamos coa industria para establecer e aumentar a capacidade de fabricación a gran escala no procesamento e a extrusión de proteínas. Tamén apoiamos o desenvolvemento de industrias proteínicas totalmente novas que reciclan fluxos de residuos de baixo valor para convertelos en ingredientes proteínicos de alto valor, como a reutilización de residuos agrícolas ou alimentarios mediante a fermentación de precisión ou de biomasa ou para a produción de insectos.  A que retos enfróntanse os sectores lácteo e cárnico para facer sustentable a produción, principalmente en termos de xestión? A carne vermella e os produtos lácteos adoitan ser obxecto de escrutinio desde o punto de vista da sustentabilidade, debido ao impacto ambiental dos gases de efecto invernadoiro.  O sector australiano da carne vermella esfórzase por reducir as emisións e fixouse o obxectivo de ser neutro en carbono no futuro. A investigación e a tecnoloxía do CSIRO axudan ao sector a conseguilo.  Por exemplo, a nosa investigación demostrou que cando se engaden algas Asparagopsis aos pensos secos para rumiantes, pódense reducir as emisións de metano en máis dun 80% en condicións controladas. En 2020, CSIRO creou unha empresa chamada FutureFeed para comercializar este ingrediente. Actualmente hai varios licenciatarios en todo o mundo que cultivan e procesan esta alga para o seu uso na alimentación do gando. Outra forma de axudar a mellorar a sustentabilidade é maximizar o valor de toda a canle engadindo valor ás partes de menor valor, o que axudaría a reducir os residuos. O CSIRO tamén leva a cabo continuamente investigacións que melloran as razas e utilizan tecnoloxías innovadoras para mellorar as prácticas de xestión, a saúde animal, o benestar e a resistencia.  A crecente demanda de dietas ricas en proteínas é unha das cuestións clave na alimentación sustentable do futuro. Cal debe ser a base da nosa dieta se queremos conseguir unha alimentación sostible no futuro? No futuro, a dieta mundial seguirá incluíndo todo tipo de proteínas, de todas as fontes, polo que debemos asegurarnos de que a produción sexa o máis sustentable posible en todas as industrias. Cando pensamos na nosa dieta, é importante ter en conta a saúde e a nutrición, ademais da sustentabilidade. As proteínas animais achegan beneficios nutricionais como proteínas, graxas (incluídos os ácidos grasos omega 3) e nutrientes como ferro, zinc e vitaminas. As proteínas vexetais achegan nutrientes importantes como fibra e ácidos grasos omega-3 de cadea curta. Independentemente de se se consomen carnes, alternativas vexetais ou unha combinación de ambas, o máis importante é asegurarse de que formen parte dunha dieta equilibrada que tamén conteña carbohidratos de calidade e unha ampla variedade de froitas e verduras. É posible que no futuro vexamos produtos híbridos que inclúan proteínas animais e vexetais, o que podería axudar a abordar tanto os aspectos nutricionais como os de sustentabilidade. A produción animal e vexetal tal e como a coñecemos hoxe cambiará, pero en termos de xestión ou de que forma? Seguimos traballando en xenética e mellora animal e vexetal. Por exemplo, grazas á reprodución selectiva conseguimos aumentar o contido proteínico da soia. Estamos a aplicar o aprendido a outros cultivos para aumentar o contido proteínico das leguminosas. Aumentar o contido proteínico e as propiedades funcionais de certas leguminosas proporcionaría novos ingredientes proteínicos para produtos cárnicos de orixe vexetal, que actualmente dependen en gran medida das proteínas de soia. Tamén estamos a estudar como mellorar a funcionalidade das proteínas vexetais, por exemplo reducindo o sabor a xudía para mellorar a apetencia dos produtos cárnicos vexetais. Como xa dixemos, investigamos para mellorar a saúde, o benestar e a resistencia das razas animais. Poden os avances tecnolóxicos e mesmo a intelixencia artificial axudarnos a superar os retos aos que nos enfrontamos en materia alimentaria? Si. Tecnoloxías como o procesado por altas presións demostraron que a calidade do produto e dos nutrientes, así como a vida útil dos alimentos, poden mellorarse utilizando esta tecnoloxía, á vez que se minimiza ou elimina o uso de aditivos ou conservantes. Os recentes avances na fermentación de precisión, en termos de custo e rendemento da lectura e escritura do ADN, así como de ferramentas de enxeñaría xenómica máis precisas, abriron oportunidades para que a industria alimentaria produza ingredientes ou compostos específicos de alto valor para abastecer produtos alimenticios destinados ao mercado de ingredientes de orixe non animal.  Na fermentación de precisión, a IA pode utilizarse para controlar estritamente as condicións de procesamiento co fin de garantir o rendemento e a calidade dos ingredientes producidos.  A IA tamén pode utilizarse para desenvolver xemelgos dixitais para operacións unitarias no procesado de alimentos, por exemplo, a extrusión de proteínas vexetais texturizadas, para determinar as condicións de procesado ideais para producir a textura desexada. Así reduciríase o número de probas necesarias para obter o produto desexado. No futuro, poderemos imprimir alimentos en 3D? Xa podemos imprimir alimentos en 3D. Hai impresoras que poden facer deseños incribles con chocolates. Con todo, a impresión 3D de produtos alimentarios ten as súas dificultades, especialmente a "tinta" para imprimir os alimentos. O comportamento de fluxo da tinta e a súa capacidade para fraguar antes de engadir a seguinte capa pode ser difícil, e que as distintas capas se unan para formar unha forma que sexa atractiva visualmente pode ser todo un reto. A adición de espesantes e aglutinantes á tinta alimentaria para mellorar a súa fluidez e fraguado pode repercutir no sabor e a textura do produto acabado. Tamén necesitamos avances tecnolóxicos no deseño das impresoras 3D para utilizar tintas alimentarias que impriman alimentos non só atractivos á vista, senón tamén saborosos. Todos estes cambios na produción de alimentos van ter un gran impacto social, sobre todo para o gando e as granxas. Como se poden mitigar estes efectos? Creo que calquera sistema futuro de produción de alimentos debe ter como prioridade a sustentabilidade, desde o punto de vista ambiental, económico e humano.  Como podemos ter sistemas de produción e transformación máis eficientes? Como utilizamos calquera fluxo secundario ou de residuos procedente das fases de produción e transformación? O que producimos satisfai as necesidades nutricionais? É accesible e alcanzable? Temos que facernos estas e outras preguntas para ser sustentables no futuro.

Publicada a Lei de Calidade Alimentaria para reforzar as producións primarias

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a Lei da calidade alimentaria de Galicia, unha norma que reforza a aposta da Xunta a prol da excelencia, a sustentabilidade e a promoción das producións primarias galegas. O texto legal -que entrará en vigor aos vinte días da súa publicación- establece o marco normativo que permite asegurar a calidade dos produtos alimentarios e que defende a lealdade das transaccións comerciais e dos dereitos e intereses lexítimos dos produtores primarios, operadores económicos e profesionais do sector, así como dos consumidores. Ademais, a lei fomenta, potencia e garante a produción de alimentos de calidade diferenciada en Galicia e regula o funcionamento dos consellos reguladores como entidades de xestión de figuras de protección da calidade diferenciada. Neste sentido, promove tamén a profesionalización e a participación do sector e aposta, así mesmo, polo consumo e a compra pública de producións de proximidade. O texto converte a Galicia na primeira comunidade autónoma que regula unha certificación de sustentabilidade para a produción alimentaria, de forma que se establece un sistema baseado nun conxunto de normas encamiñadas a garantir o respecto ao medio ambiente, a calidade e a seguridade alimentaria, a protección das persoas traballadoras e a cidadanía, e unha renda adecuada para os diferentes elos da cadea de valor, especialmente no caso dos operadores primarios. Tendo en conta estas premisas, a norma recolle a regulación do fomento e do desenvolvemento da produción amparada polos distintivos de calidade diferenciada -como as denominacións de orixe ou as indicacións xeográficas protexidas-, que recoñecen uns altos estándares de calidade e permíten ás persoas consumidoras recoñecer no mercado estes produtos con maior valor engadido. Obrigas dos operadores O texto legal tamén persegue establecer as obrigas dos operadores do sector en relación coa súa actividade como produtores, elaboradores e comercializadores de produtos alimentarios, así como regular a actuación de inspección e control da Administración autonómica e establecer o réxime sancionador ante incumprimentos da lexislación. Tamén, mellorar a eficacia do sistema de control oficial e perseguir as prácticas fraudulentas. No referente aos consellos reguladores, avógase por unha adaptación ao novo marco legal destas entidades, afondando na súa profesionalización, especialmente no caso dos de menor tamaño, na procura da súa consolidación como eixos fundamentais da calidade diferenciada galega. Así mesmo, poténciase a Axencia Galega da Calidade Alimentaria como eixo fundamental de toda a calidade alimentaria de Galicia, asumindo importantes funcións neste sentido. A lei publicada hoxe no DOG -xunto coas de recuperación da terra (en vigor) e a futura de loita integral contra os incendios forestais (en elaboración) pecha o ciclo do marco de ordenación e normativo para o rural galego que permite avanzar nas liñas estratéxicas da recuperación, a prevención e a calidade.

O 62% dos galegos xa consumen algún alimento ecolóxico

A sede da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en Santiago de Compostela, acolleu hoxe a presentación do 5.º Barómetro de Percepción e Consumo de Alimentos Ecolóxicos en Galicia do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), co que se busca cuantificar o coñecemento e os hábitos de consumo de alimentos ecolóxicos. O director da Agacal, José Luis Cabarcos, puxo en valor este tipo de estudos, que axudan a comprender o panorama actual con respecto a estes produtos e que serven como folla de ruta para desenvolver novas estratexias de promoción. Pola súa parte, Francisco López Valladares, presidente do CRAEGA, destacou que “este estudo, ademais de representar un paso significativo para comprender mellor as tendencias e actitudes dos consumidores, deseñouse para lanzar luz sobre o consumo de alimentos ecolóxicos na nosa comunidade”. Ademáis, o barómetro brinda unha visión clara dos factores que inflúen na decisión de compra e como se pode traballar para fomentar prácticas alimentarias máis saudables. Finalmente, Rafael Rivadulla, responsable de Agronovo Ecoloxía SL,, e autor deste barómetro, detallou todos os aspectos do estudo, que é froito dunha enquisa telefónica cunha mostra de 900 persoas maiores de idade con responsabilidades na compra cotiá de alimentos do fogar. Algunhas das conclusións máis interesantes ás que se chegaron son: -A popularidade dos alimentos eco acada o seu máximo histórico: o 99 % da poboación ten oído falar deles. -A suba de prezos xeneralizada en todas as áreas de consumo tamén chegou á alimentación ecolóxica. -Os problemas relacionados coa dispoñibilidade dos produtos ecolóxicos seguen reducíndose. -Mantense, como factor central das compras de alimentos en Galicia, o Eixo de Alimentación Saudable. -O recoñecemento do logotipo do Craega aumentou no 2023 con respecto aos datos de hai tres anos. -Os consumidores destes produtos seguen a amosar un alto nivel de coñecemento sobre as súas características, é dicir, son persoas informadas e interesadas na composición e nos procesos do que adquiren. -O 76 % dos consumidores dos produtos ecolóxicos leva máis de tres anos consumíndoos, co cal, amosan fidelidade. -Entre o 10 % e o 30 % dos alimentos que compoñen a cesta da compra de case a metade dos entrevistados é de orixe ecolóxico. -Neste barómetro rexistrouse o segundo maior incremento na porcentaxe das persoas que consumen alimentación ecolóxica, acadando o 62 %. -A variedade de produtos industriais e elaborados de orixe ecolóxico viuse aumentada nas cestas da compra con respecto a outros anos. -O supermercado imponse como o lugar por definición para facer a compra, sendo tamén o sitio principal de acceso aos alimentos eco.

Descarga aquí o barómetro

 

Curso no Barbanza de iniciación á apicultura

A Asociación Galega de Apicultura organiza un curso de iniciación á apicultura. Este curso celebrarase na Pobra do Caramiñal o día 10 de febreiro de 10:00 da mañá até as 19:30 horas da tarde. Para participar no curso hai que anotarse, pois o número de prazas é limitado, no enderezo dagabarbanza@elmuelle.es. A matrícula para entrar será de 5€ para socios da Asociación Galega de Apicultura (AGA), para non socios o prezo é de 15€.

10 exclusivas delicatessen galegas para este Nadal

Galicia tamén elabora os seus produtos delicatessen, non todo ía vir dos Alpes nin de detrás ou diante dos Pirineos. Por iso vai sendo hora de facerlle xustiza aos esforzos realizados nas nosas terras para ofrecernos produtos que se derreten no padal mentres nós derretemos de gusto por dentro. Ollo! Que non falamos de exceder en kilocalorías porque despois, á volta do Nadal, na cinta andadora arrepentirémonos unha e mil veces. Aquí falamos de probar, gozar co sabor e non ser egoístas, pois praceres así son para compartillar. Así pois, damos paso ás dez delicatessen galegas que nos farán pasar un nadal máis doce.

Tomesiños

Os primeiros polvoróns da Ribeira Sacra, aquí están. Elaborados pola empresa Silváns de Taboada, a mesma das galletas Xianas, están feitos con manteiga de porco celta, segundo o selo de Artesanía Alimentaria da Xunta. Os tomesiños levan fariña, améndoas, manteiga de porco celta, sal, azucre glass e un pouco de canela. É a manteiga o que lle dá o sabor característico. Poden mercarse en tendas de toda Galicia a onde chegan en caixas de case tres quilogramos mais son vendidos ao peso. Hai que apurar! Quedan moi poucos ante a novidade!

-Bombós de Albariño e de Licor Café "Gosto"

Elaborados por Chocolates Antoxo para Carabuñas. Estes bombóns de Albariño e de Licor Café 'Gosto' elabóranse artesanalmente, cunha receita persoal onde se mestura o licor café galego co praliné de chocolate exclusivo da casa. Os bombóns poden mercarse nas tendas, mais se gostamos das sorpresas, podemos ir á web onde se poden encargar caixas que inclúen produtos que selecciona o cliente ao seu gusto. Ou se cadra, ao mellor se lles pode dar unha sorpresa na súa fábrica en Vilar de Santos.

Turrón de améndoas de Allariz

A ver, o turrón pode facerse en calquera lugar onde haxa améndoas. Non ten por que haber unha soa denominación alá en terras levantinas pois aquí tamén levantamos as nosas lambetadas de turrón. Un exemplo é o Turrón de Améndoas de Allariz que como din os seus creadores é unha “homenaxe a un dos doces típicos da repostaría alaricana: o Amendoado de Allariz”. O interior amendoado deste turrón está cuberto por tres capas ben saborosas: trufa, mazapán e chocolate con leite. Elaborado por Fina Rei, pódense encargar a gusto de consumidor e tamén se poden mercar produtos nas tendas desta casa.

Mozzarela Galega Moza

Todos temos un momento “gourmet cuñado”. Iso sucedeu cando o que escribe soltou nunha pizzería especializada: “Sabedes que a mozzarela de verdade se fai con leite de búfala?”, non quero contar máis. O que si se debe contar é a grande aposta pola MOZA, a mozzarella galega, un queixo que non deben esquecer as persoas amantes do queixo. Leite de vaca criada e alimentada en liberdade, leite callado, proteinas lácteas, sal e lévedo lácteo. Elaborado por Carabuñas, pode encontrarse en tendas e tamén se pode pedir na súa web.

Castañas Confitadas Cuevas

Castañas confitadas ou marrón glacé. Cuevas y Compañía está considerada como un dos maiores exemplos deste produto, un elemento nacido dos nosos soutos, iso si, coidado cos ourizos antes de coller as castañas. Aínda que a xente da empresa debe ter moita experiencia acumulada. Aproveitando a IXP dos nosos castiñeiros. Castañas redondas e firmes, a humidade debe ser abondo para que non rompa mentres coce. Logo de pelalas, cócense, confítanse a temperatura baixa por sete días en almíbar sabor vainila. Cando están listas, cóbrense con azúcar glass e un día de secado. Poden mercarse en tendas especializadas como grandes superficies ou tamén na web www.marronglace.com.

Costiña Chocolat

Unha delicatessen procedente dun restaurante de Santa Comba con Estrela Michelín. Podemos pedir máis? Si, con reserva anticipada. Mais agora fixarémonos en Costiña Chocolat, rochas de chocolate traído desde terras do Caribe e das illas de São Tomé e Príncipe. As rochas só se elaboran de outubro a xaneiro e, mira ti, volvemos aos Alpes, pois mesmo os suízos quedaron rendidos ante este doce. Só se venden a través da web desta empresa.

Lola Espumoso Rias Baixas

Abrimos as botellas dos espumosos galegos porque, desde logo, as nosas DO son capaces de criar burbullas tan saciantes e xenerosas como as doutros lugares (si, detrás dos Pireneos). Este é o espumoso de Paco & Lola feito con uva albariña mediante o método tradicional para os viños espumosos brut con 24 meses en adega. Pode mercarse online desde a web da empresa, aínda que podemos encontralo noutro tipo de establecementos online e en físico.

Xamón Gran Reserva de Porco Celta

En Casa Castelao tamén son artistas polifacéticos como o rianxeiro internacional. Aquí temos unha das obras mestras desta empresa da Fonsagrada: o Xamón Gran Reserva de Porco Celta. Dalgunha maneira os nosos porquiños van abrindo camiño patiña a patiña ou xamón a xamón, neste mundo das delicatessen. Afumado e seguindo unha elaboración segundo as indicacións tanto sanitarias como tradicionais. Produto venda online, xamón vía aplicación.

Xarrete con castañas de Tenreira dos Ancares

Nacido na cociña do Bar Xegunde en Navia de Suarna, o xarrete con castañas elaborado neste local desde hai 20 anos foi un produto da innovación. Si, a innovación tamén está nas cociñas, eses hubs tan cercanos e tan lonxe ao mesmo tempo. O xarrete vai acompañado por unha salsa espesa onde se mesturan os zugos do xarrete con castaña desfeita con acompañamento de patacas dos Ancares. Pídese por encargo e envíase refrixerado, só hai que metelo no microondas dous ou tres minutos ou quentalo na pota cinco minutos. Elabóranse os martes para recibilos os mércores.