Category Archives: Leite

A sementeira do millo acumula retraso este ano, obrigando a botar ciclos máis curtos

A cooperativa CLUN dispón na Mariña dunha nova sementadora que reduce a distancia entre regos Estes días arrinca o forte da campaña de sementeira do millo en Galicia cuns 20 días de retraso con respecto ao ano pasado. As chuvias da pasada semana frearon os traballos de laboreo e preparación das terras e non permitiron entrar até agora nas parcelas para labrar. A temperatura do solo tampouco foi até agora a idónea para a nascencia, que se podería complicar nas zonas do interior se o calor comeza xa a apertar nas primeiras semanas de xuño, dificultando o desenvolvemento da planta nos seus estadíos iniciais. O retraso na data de sementeira obriga nalgúns casos a acurtar os ciclos de cultivo para evitar que o millo veña a maduro en pleno outono para o seu ensilado, cando a probabilidade de choivas é maior, o que está a facer que a semente de ciclos máis curtos escasee.
Coa semente xa mercada, algunhas explotacións terán que arriscarse a facer o ensilado máis tarde no mes de outubro
Noutros casos, coa semente xa mercada, as explotacións terán que arriscarse a facer o ensilado máis tarde, se ben nos últimos anos, co incremento das temperaturas durante os meses do verán, as fases de crecemento do cultivo estanse a acurtar e adiantar. En zonas como a comarca do Deza e o sur de Lugo os protagonistas este ano volverán ser os ciclos 250-300, mentres que no Xallas ou nas zonas de costa da Coruña e Lugo séguese a apostar por ciclos entre 450 e 600.
Agárdase maior competencia de malas herbas pola humidade e porque os herbicidas de pre-emerxencia botados en abril xa perderon efectividade
En Galicia seméntanse unhas 71.000 hectáreas de millo forraxeiro, o 75% das 95.000 que se botan en España, e este ano prevese unha maior competencia de malas herbas nas terras, un dos factores que determina en boa medida a produción final, debido  por un lado á humidade que hai no chan e por outro a que os herbicidas de pre-emerxencia aplicados no mes de abril xa perderon efectividade, polo que vai ser clave estar atentos ao estado do cultivo para aplicar o tratamento de post-emerxencia no momento óptimo. Reaparición do verme soldado En canto ás pragas, hai preocupación pola posible reaparición do verme soldado (Mythimna unipuncta), que o ano pasado afectou de maneira importante a zonas da provincia da Coruña, principalmente no Xallas e na Costa da Morte, e tamén a fincas da Mariña de Lugo, tanto de millo como de herba.  
O verme soldado, que fixo a súa aparición o ano pasado, súmase a pragas habituais como o verme do arame ou a rosquilla
Esta eiruga defoliadora procede dos Estados Unidos e na actualidade xa se expandiu practicamente a todos os continentes. Até agora os seus danos eran limitados en pradarías e nalgún rodal de millo, pero a primavera seca e con temperaturas altas que houbo o ano pasado adiantou o seu ciclo varias semanas multiplicando os danos. O verme soldado pasa o inverno como crisálida ou larva enterrada na terra, en función da temperatura de cada zona. O voo de adulto iníciase en maio, coa suba das temperaturas. As leiras nas que o millo se sementou máis tarde e nas que as plantas tiñan as follas máis tenras foron as máis afectadas o ano pasado cando se produciu a eclosión da praga no mes de agosto.
Manter os bordos das fincas limpos de herba, ao igual que o propio cultivo, é a principal medida preventiva fronte a esta praga defoliadora
As larvas localízanse polo día na base das plantas e pola noite aliméntanse das follas, defoliando por completo a planta e provocando danos significativos no cultivo, deixando en moitos casos só a nervadura central da folla. As avelaíñas poñen os ovos na herba, polo que é necesario manter os bordos das terras de millo e a propia plantación o máis limpa posible de herbas, especialmente de gramíneas adventicias (setaria, panico, digitaria), xa que son importantes reservorios da praga. Analizamos como se presenta a sementeira nalgunhas das principais comarcas produtoras:
José Ramón Loza (CLUN)

“Imos manter o ciclo 600 aínda que nos arrisquemos máis”

José Ramón Loza é o responsable de cultivos da cooperativa CLUN na Mariña, que ten previsto sementar co seu parque de maquinaria unhas 1.300 hectáreas de millo, 600 para ensilar no Centro de Alimentación de Vacún de Irmandiños (CAVI) e outras 700 para socios que ensilan na casa. As previsións iniciais que tiñan este ano eran aumentar un pouco a superficie labrada con respecto ao ano pasado, no que a colleita na Mariña foi mala e obrigounos a mercar millo noutras zonas para encher os silos. Pero a estas alturas están aínda comezando a sementar, polo que o retraso é importante. “O ano pasado por estas datas levábamos 450 hectáreas xa botadas pero este ano non levamos practicamente nada, probaramos as máquinas e pouco máis nunhas 6 hectáreas antes de que se puxera a chover”, explica José Ramón.
O ano pasado por estas datas levábamos xa 450 hectáreas botadas pero este ano aínda estamos empezando
Malia a demora, contan poder recuperar nas vindeiras semanas se o tempo se estabiliza e acabar de sementar máis ou menos coma outros anos. “Nestas próximas semanas trataremos de remontar; se o tempo non entorpece máis imos tratar de ir nas datas habituais. Metidos xa en maio non é tan importante que chova puntualmente, como parece que apuntan as previsións para a vindeira semana, porque se logo vén sol e fai vento como os días son grandes, seca ben e pódese traballar sen problema, agás neses momentos nos que está chovendo”, indica. Teñen previsto traballar de xeito continuo até o 15 de xuño e logo facer resembras puntuais ou fincas de socios que quedan soltas por mor dos últimos cortes de herba. “O traballo de ensilado da herba levabámolo bastante adiantado e iso vainos permitir ter dous equipos de sementeira continuamente traballando, sen ter que dividir os recursos entre a sementeira do millo e o ensilado da herba”, explica. “Ao sementar máis tarde é necesario que en xuño chova algo” Aínda que manterán os ciclos que inicialmente tiñan previstos, o parón provocado a semana pasada polas chuvias vainos obrigar a recompoñer o calendario e adiar o ensilado das 400 hectáreas de xestión directa para o CAVI, recollendo antes as que labran para os socios.
Os clientes vanse a ciclos un pouco máis curtos, entre 450 e 500, non hai moita xente que bote o 600 que botamos nós para o CAVI
“Nas fincas que xestionamos nós imos manter o ciclo 600, polo que virá un pouco máis tarde. A data de ensilado dependerá un pouco de como veña a climatoloxía e se vén como o ano pasado tampouco non se retrasará moitísimo. Pero os clientes vanse a ciclos un pouco máis curtos, entre 450 e 500, non hai moita xente que bote o 600 que botamos nós, polo que empezaremos a picar para socios e despois para o CAVI”, prevé José Ramón. As sementeiras temperáns foran as que mellor se comportaran o ano pasado, polo que ao labrar máis tarde tamén existen máis riscos. “O ano pasado esa parte fora a que salvaramos mellor. Este ano estaremos máis expostos. Co que choveu a semana pasada as terras teñen humidade para as próximas dúas semanas e non teñen problema, pero necesitabamos que o mes de xuño chova algo para asegurar unha boa nascencia”, recoñece o responsable de maquinaria e cultivos de CLUN na Mariña. Labrar a 60 centímetros de distancia entre regos para que o millo peche antes O parque de maquinaria de Os Irmandiños estreará para esta campaña unha nova máquina. Trátase dunha sementadora Amazone de 10 corpos a 60 centímetros, o que lles vai permitir labrar 15 centímetros máis estreito que coa outra das máquinas da que dispoñen, unha John Deere. “Imos labrar máis estreito para que o rego peche antes e tratar deste xeito de aforrar en fitosanitarios porque a planta sombrea antes a terra e non deixa saír ás malas herbas. “Imos manter a mesma estratexia de pulverización que outros anos pero tendo menos competencia de malas herbas. Até agora usabamos un único pase de herbicida en post-sementeira temperá pero nalgunhas ocasións non era suficiente e había que volver a entrar porque non lle daba tempo ao millo a medrar para afogar as malas herbas”, detalla.
Seguiremos botando 90.000 plantas por hectárea, pero distribuídas doutro xeito, con menos anchura entre regos e máis distancia entre plantas
Malia reducir a separación entre regos, o número de plantas por hectárea vai seguir sendo o mesmo. “Botamos a mesma doses, 90.000 plantas por hectárea, só que van distribuídas doutra forma porque os regos van máis xuntos pero as plantas van máis separadas entre si. Até agora labrabamos a 75 centímetros entre regos e a 16 centímetros entre plantas e agora imos pasar a sementar a 60 centímetros cunha distancia de 18-20 centímetros entre plantas”, explica. Ademais de sombrear mellor a terra, esta distribución da semente ten outra vantaxe, xa que as plantas acceden mellor a todo o abono. “Nós non localizamos, xa que por loxística facilita as cousas e deste xeito a raíz da planta está máis próxima aos nutrientes”, asegura.
A sementadora John Deere ten unha tolva frontal con abonadores pero non se usaba demasiado; nós non acostumamos a localizar, xa que por loxística facilita as cousas
Esta nova máquina é unha das primeiras que vén para Galicia (só hai 3 en España) e supón unha mellora considerable. “Antes tiñamos unha Amazone vella que non tiña corte de tramos, polo que solapaba o millo e moitos clientes non a querían, así que a usabamos sobre todo nas fincas de xestión directa, pero este ano a idea é traballar con elas indistintamente, salvo que o cliente demande abono localizado, que entón ten que ir a John Deere”, conta José Ramón.
Jesús Otero (Forxabar)

“Agás en zonas onde encharque moito, agardemos que as chuvias non afecten á nascencia”

Forraxes de Xallas e Barcala sementará nesta campaña unhas 800 hectáreas de millo para ensilar nas súas instalacións de alimentación en conxunto de Mazaricos. A cooperativa, formada por 8 explotacións lácteas da zona, levaba xa un 30% sementado antes das chuvias da semana pasada e o seu responsable, Jesús Otero, agarda que as previstas tamén para a semana que vén non afecten á correcta nascencia. “Temos zonas húmidas, con solos pesados, pero salvo nas fincas onde encharca moito e a semente pode pudrir, agardemos que non haxa moitas perdas por mala nascencia”, di. Forxabar apurará os traballos esta semana, tratando de botar ciclos 350. “Todas as fincas sementadas en abril levaron ciclo 450-500. Eran parcelas nas que ensilamos os días 19 e 20 de abril os cultivos de inverno de mesturas con veza. Nas fincas nas que poidamos entrar esta semana poderase poñer un ciclo 350, buscando un equilibrio entre produción e non arriscar demasiado, porque o ideal sería poder ensilar entre mediados e finais de setembro”, defende.  
Vaise un pouco máis tarde na maioría das hectáreas, pero xa tiñamos botado un 30% do millo antes de que viñeran as chuvias
Aínda que van un pouco máis tarde na maioría das hectáreas, agardan poder cumprir con ese calendario, para o que aproveitarán tanto os recursos da CUMA como os que dispoñen os propios socios. “A maior parte da sementeira subcontratámola, pero hai socios que teñen sementadora e grade e fan eles moito traballo”, explica Jesús. Para a preparación das terras non teñen unha pauta única. “Botamos purín e pasamos a grade, pero tamén hai quen ara e quen lle pasa o cultivador. Iso vai un pouco en función das preferencias e da maquinaria dispoñible”, conta. Os traballos de sementeira do millo compatibilizaranse tamén coas segundas e terceiras cortas de herba para ensilar nas pradeiras permanentes.
Jorge Meiriño (Aira)

“Este ano levamos 20 días de retraso; vai haber que reducir os ciclos máis longos”

O parque de maquinaria da cooperativa Aira labra por enriba das 1.000 hectáreas na comarca de Chantada, unha zona onde a seca estival se fai notar no cultivo, polo que a tendencia nos últimos anos era adiantar a sementeira para tratar de minimizar os efectos do calor sobre a planta. Pero este ano a climatoloxía non foi propicia. “Empezamos a finais de abril de maneira testimonial cunhas 10 ou 11 hectáreas e retomamos os traballos este martes, pero temos sementado menos dun 5%”, explica Jorge Meiriño, técnico da cooperativa na zona. “Con respecto ao ano anterior imos con moito retraso. O ano pasado antes do 20 de abril a terra estaba quente e púidose empezar a labrar, pero este ano a terra está aínda fría e o que se semente vai saír máis despacio e haberá que cambiar ciclos”, explica.
Vai haber que cambiar ciclos, porque a terra está fría e o millo vai saír máis despacio
“Nos últimos anos estabamos alongando un pouco os ciclos e índonos a 280-300 pero nesta campaña vai haber que volver ao 250”, engade. O ano pasado o 30% do sementado por Aira nesta zona foron ciclos 250, un 40% 280 e o 30% restante un 300 longo. “Este ano vanse reducir os ciclos máis longos, veremos se entran no 280 ou temos que pasar ao ciclo curto, porque vai depender de como evolucione o solo”, di. As máis afectadas son as parcelas boas. “Son parcelas húmidas e aínda non permiten o laboreo. Vai marcar a evolución o que aconteza a fin de semana porque se volven augas vaise atrasar aínda outros 10 días a sementeira”, argumenta. “Vai saír máis herba; haberá que estar moi pendentes” Ademais dunha posible maior incidencia da seca nas épocas clave do crecemento vexetativo do cultivo, o técnico de Aira advirte doutros riscos que unha sementeira tardía pode levar aparellados. “Este ano vai haber máis herba porque a humidade é grande; hai que ter coidado con iso. Sempre que hai humidade no solo e sobre todo se vés dun inverno quente como ocorreu este ano, sempre hai máis malas herbas nas terras”, explica. Ademais, engade, a eficacia dos tratamentos vai ser menor. “Os herbicidas de pre-emerxencia tiveron unha época boa para ser aplicados, pero foi xa en abril e que queda moi lonxe, polo que vai ser fundamental que funcionen ben os tratamentos de post-emerxencia, para o que recomenda “aplicalos no momento idóneo porque unha semana de diferenza na aplicación e a parcela pode estar xa perdida”, alerta.
Hai que vixiar todas as parcelas, non só as que están cerca do establo
“Vai ser un ano complicado para as herbas e vai haber que estar moi pendente das parcelas e vixialas todas, non só as que están cerca do establo, tamén as que están lonxe, porque seguramente haxa que tratar unhas parcelas unha semana antes que as outras”, insiste. Maior incidencia de pragas O mesmo acontece no caso das pragas máis habituais que afectan ao millo. “Co verme do arame (Agrotis sp.) e a rosquilla (Agriotes sp.) hai que estar tamén moi pendentes. Co inverno suave e a primavera húmida que tivemos este ano está habendo moita máis incidencia de típula nos prados e vai ocorrer case seguro o mesmo coas pragas no millo”, advirte.
Está habendo máis problemas este ano coa típula nos prados; vai ocorrer case seguro o mesmo no millo
Na zona de Chantada o verme soldado non afectou ao millo na campaña pasada pero a situación nesta pode ser distinta. “Tivemos un pouco nuns cultivos de sorgo, pero no millo non os vin, e foron nuns estadíos moi tardíos a finais xa de agosto. Xa veremos o que ocorre este ano”, di Jorge.   O verme soldado mantense na terra e emerxe coa chegada do calor, transformándose a larva en bolboreta, que pon os ovos na herba que hai arredor das terras de cultivo. É a segunda xeración de individuos a que se alimenta despois do millo, provocando a súa defoliación.  
O verme soldado é unha praga nova e non hai experiencia no seu tratamento
“É unha praga nova e non hai experiencia no seu tratamento”, di o técnico de Aira, que considera que o insecticida granulado que vai incorporado no rego xunto ao abono localizado non garante a eficacia do tratamento, o mesmo que as aplicacións posteriores por pulverización, xa que ten que chover a continuación para que o produto filtre para abaixo e mate ao verme que se agocha na raíz da planta. Ademais, cuando o millo está alto, que coincide normalmente cos picos de afectación por esta plaga, resulta imposible entrar nas parcelas a tratar. 

Representantes dunha das maiores cooperativas gandeiras de Italia visitan CLUN

O director da CIA Agricoltori delle Alpi (Confederación Italiana de Agricultores) xunto con dúas persoas da súa Área de Proxectos e Formación e representantes da AGACA (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias), visitaron este mércores dúas das ganderías socias da cooperativa rural galega CLUN, así como a súa sede en Ames. Acompañándoos estivo José Ángel Blanco Purriños, presdiente da cooperativa CLUN e Rafael García, responsable de compras de leite de CLUN.

O motivo deste evento é o peche do proxecto Erasmus+ “Up-Farming”, un proxecto impulsado por AGACA e pola CIA Agricoltori delle Alpi. Con esta iniciativa preténdese apoiar ás pequenas explotacións propoñendo solucións vinculadas á aplicación da sustentabilidade, actuando en dúas vertentes: sensibilizar ás explotacións agrícolas/agricultores, e apoiarlles para que comuniquen ao público (provedores, consumidores, e sociedade en xeral) o que realmente fan en materia de sustentabilidade. De feito, durante esta xornada farase unha presentación dos resultados do proxecto a diferentes stakeholders, así como a potenciais consultores ou explotacións interesadas en formar parte dunha nova rede para darlle continuidade ó mesmo.

Para lograr este obxectivo, no marco do proxecto desenvolveuse un curso para formar a consultores capaces de acompañar aos agricultores no camiño da sustentabilidade, no cal participaron 10 xóvenes gandeiros, 5 de Italia e 5 de España. Unha das estudantes participantes no proxecto foi Andrea Canosa, da explotación Dego S.C. socia de CLUN.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78935" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

A través do encontro de hoxe, os representantes da AGACA e da CIA Agricoltori delle Alpi, unha das organizacións agrícolas profesionais máis grandes de toda Europa, coñeceron o que se fai en materia de sostibilidade (e comunicación) nas explotacións da nosa rexión da man de CLUN.

A directora de Marketing e Comunicación de CLUN, Jessica Rey Gómez, realizou unha presentación sobre todo o traballo que realizan dende a cooperativa CLUN. Seguidamente, AGACA e a CIA Agricoltori delle Alpi presentaron este proxecto internacional impulsado por ambos e que inclúe formacións e estudos para axudar a gandeiros e gandeiras a explicar a sustentabilidade e o impacto que xeran as súas explotacións. Finalmente tiveron a oportunidade de coñecer o proxecto de Mulleres de Seu, un proxecto impulsado en 2013 pola cooperativa CLUN para fomentar a visibilidade, o empoderamento e o desenvolvemento profesional e persoal das mulleres rurais. Trátase dun grupo interxerneracional de mulleres gandeiras que está presidido por Carmen Rodríguez, tamén vicepresidenta de la cooperativa CLUN. Precisamente Carmen Rodríguez foi a persoa encargada de presentar dita asociación e o seu funcionamento.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78936" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Maio comeza con suba da manteiga e baixada do leite en po na Unión Europea

O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea ven de publicar as cotizacións da primeira semana de maio dos produtos lácteos nos mercados internacionais. O mes comeza na UE cunha suba no prezo da manteiga -que se mantén en prezos altos-, e cunha leve baixada nas cotizacións do leite en pó desnatado, mentres que o queixo cheddar mantense sen cambios. O prezo do leite spot en Italia recupérase e sobe ata os 0,438 euros o litro. O prezo medio na Unión Europea prevese que quedou en abril nos 0,4631 euros o litro, un 0,2% menos que en marzo. En concreto, no territorio da UE as cotizacións desta primeira semana de maio para os produtos lácteos son as seguintes: -Manteiga: 579 €/100 kg, +0,9 % nas últimas catro semanas -Leite desnatado en po (SMP) 238 €/100 kg, -0,9 % ,, -Leite enteiro en po (WMP): 361 €/100 kg, -0,02 % ,, -Queixo cheddar: 392 € /100 kg +0,3%

Descarga aquí o informe completo do Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea

Estes son os 17 animais que este sábado se poxarán en Sarria

Africor Lugo organiza este sábado, 11 de maio, unha poxa de gando frisón na vila de Sarria. Será ás 12:00 horas no mercado gandeiro, e nela colaboran o concello, a cooperativa AIRA, a Xunta de Galicia e Xenética Fontao. Nesta ocasión poxaranse 17 animais, dos cales 14 son primeirizas e o resto xovencas próximas ao parto. “Hai moitos animais con proba xenómica, animais A2A2 e animais procedentes das mellores familias americanas, unha boa ampla oferta para escoller os animais que mellor se axusten as súas necesidades”, destacan dende Africor Lugo. Engaden que “é a mellor acosición para mercar animais, pois trátase de exemplares procedentes de ganderías de Lugo, cunha sanidade e xenealoxía contrastadas”. “Mercando animais procedentes de ganderias da nosa provincia, ademáis de beneficiarnos do traballo de mellora que estan realizando as explotación galegas, estamos contribuindo a economía local, pois ese diñeiro pasa a mans doutro gandeiro, axudando así uns a outros”, subliñan.

Consulta aquí o catálogo de animais

Vindeiras poxas de gando frisón na provincia de Lugo: Este sábado en Sarria e o 8 de xuño no Páramo

Africor Lugo organiza para as vindeiras semanas dúas poxas de gando Holstein procedente de ganderías socias. Serán este sábado, 11 de maio, en Sarria, e o 8 de xuño no concello do Páramo. A de Sarria será ás 12:00 horas no mercado gandeiro, e nela colaboran o concello, a cooperativa AIRA, a Xunta de Galicia e Xenética Fontao. Nos vindeiros días publicaranse os animais que saen a venda. No caso da do Páramo, do 8 de xuño, trátase da primeira edición que se celebra neste concello. O prazo para que as ganderias podan inscribir os eus animis remata mañá mércores, 8 de maio. Dende Africor Lugo destacan as vantaxes que ofrecen estas poxas: Para os vendedores: Poxas publicitadas O venres van buscar o animal e o sábado cobrar a poxa, Africor encargase de realizar as probas sanitarias, pelar e coidar os animais na feira. Valorización do traballo de selección, presentación dos datos xenealóxicos Animais lavados e pelados para potenciar a súa morfoloxía. Concentración de compradores Publicidade para a gandería Para os compradores: Concentración da oferta Garantías sanitarias Animais procedentes de explotacións cercanas Información xenealóxica completa Transporte gratuíto para as ganderías da provincia de Lugo Doses gratuítas por xentileza de Xenética Fontao

Aberta a inscrición para a 41ª Escola Nacional de Xuíces Gandeiros 2024

O próximo 15 de maio finaliza o prazo de inscrición á 41ª Escola Nacional de Xuíces Gandeiros, que se celebrará os días 24, 25 e 26 de xuño de 2024 organizada por CONAFE en colaboración con Asturiana de Control Lechero - Asociación Frisona (ASCOLAF) e o Ayuntamiento de Tineo, e coa participación de ganderías locais. Os asistentes terán a oportunidade de coñecer en profundidade como se xulgan os animais na pista dun concurso. Lembrámosvos que as prazas son limitadas. Descarga desde aquí o formulario de inscrición A escola comezará o luns 24 de xuño cunha charla sobre morfoloxía, a cargo de Santiago Mato, xefe do Departamento de Morfoloxía de CONAFE, e outra sobre Juzgamiento, que impartirá Bonet Cid, Director Técnico da Escola. A continuación, haberá unhas clases prácticas con animais procedentes de ganderías asturianas. Ademais, o martes 25 e o mércores 26 de xuño continuará o desenvolvemento das seccións prácticas da escola. O obxectivo destas escolas, que se retomaron con gran éxito no ano 2022 e tiveron tamén unha excelente acollida o pasado ano 2023, é a formación de Xuíces Gandeiros e, igualmente importante, achegar coñecementos morfolóxicos do animal que permitan mellorar o nivel do rabaño, corrixindo os defectos ou aumentando as virtudes dos seus animais mediante un mellor emprego do material xenético que asegure unha mellor descendencia. Inscrición antes do 15 de maio enviando o formulario de inscrición a: conafe@conafe.com, ou á seguinte dirección postal: CONAFE Apartado de Correos 31 - 28340 Valdemoro (Madrid)

Xornadas de alimentación de vacún de leite, a vindeira semana na EFA Fonteboa

O Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en Coristanco (A Coruña), organiza a vindeira semana, do 6 ao 13 de maio, unhas xornadas de alimentación de vacún de leite, coa participación de técnicos do sector. As xornadas celebraranse no Salón de Usos Múltiples do Concello de Coristanco e son de entrada gratuíta. Para máis información enviar un correo a fonteboa@fonteboa.es ou chamar ao 981 733 051 Velaquí o programa:

Gripe aviar en vacún: situación e perspectivas

A gripe aviar está a afectar seriamente ás granxas de vacún de leite de Estados Unidos. Oficialmente, só hai 34 ganderías afectadas, pero unha análise representativa de leites comerciais detectou fragmentos do virus nun 20% das mostras. Explicamos a situación e cal é o grao de ameaza en Europa. Que se sabe da gripe aviar en granxas de vacún de leite de Estados Unidos? A finais de marzo, declarouse a presenza de gripe aviar en granxas de vacún de leite de Estados Unidos. Ata o de agora, a enfermidade afecta a 34 granxas de 9 estados. De tódolos xeitos, pénsase que a extensión da enfermidade é moito maior, xa que unha análise con mostras representativas realizada pola US Food and Drug Administration detectou trazas de partículas do virus en 1 de cada 5 mostras de leite comercial recollidas nos supermercados. As análises xenómicas do virus apuntan a que a transmisión dunha ave a unha vaca produciuse a finais de decembro do 2023 ou a comezos de xaneiro do 2024. Desde aquela, o virus saltou entre distintas granxas de ata 9 estados. A maioría dos estados restrinxiron agora a entrada de animais e esíxense probas para o movemento de animais de recría. É seguro para as persoas consumir leite comercial en Estados Unidos? Totalmente, o virus queda eliminado polo procesamento térmico do leite (pasteurizado ou UHT). Non se atopou ningunha mostra de leite comercial no que houbese presenza do virus da gripe aviar con capacidade de infección. Que se fai co leite das granxas onde se detecta a enfermidade? Retírase da cadea alimentaria. As autoridades emprazan ás granxas a que pasteuricen o leite antes de desbotalo ou de empregalo como alimentación das xatas. Do contrario, pode ser un foco de infección. Que impacto ten a gripe aviar nas vacas, nas granxas afectadas en Estados Unidos? A infección polo virus provoca unha baixada da produción de leite, falta de apetito e outros síntomas variables (febre, deshidratación, leite máis espeso, mastite...). Calcúlase que os animais afectados recupéranse nun prazo de 7 a 10 días e practicamente non hai mortalidade. Hai transmisión do virus entre o rabaño? Si, aínda que non está todavía claro como se propaga o virus dentro do rabaño. Entre un 5 e un 20% das vacas da granxa enferman pola gripe aviar. A bioseguridade das granxas, por tanto, é altamente importante, incluído o movemento de persoas, veículos e obxectos. A hipótese coa que se traballa é que o leite sexa un dos principais factores de contaxio. Que se fai coas vacas diagnosticadas? Neste momento, as vacas afectadas están sendo illadas dos outros animais, ata a súa recuperación. A gripe aviar afecta tamén ás granxas de vacún de carne? Ata o de agora, non se detectou a gripe aviar en granxas de vacún de carne. As autoridades sanitarias de Estados Unidos están inspeccionando tanto granxas como matadoiros, facendo probas da presenza do virus, sen éxito polo de agora. Considérase, por tanto, que o consumo de carne de vacún é totalmente seguro, se ben recoméndase sempre o seu cociñado a temperaturas internas suficientes, xa que iso elimina posibles virus. Cal é o nivel de ameaza para as granxas de vacún de leite de Europa? As infeccións de gando leiteiro en Estados Unidos son cunha cepa de H5N1 que non foi detectada en Europa, segundo declarou ó xornal ‘Politico’ un portavoz da Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA). “Estamos seguindo de cerca a situación e posible evolución”, declararon na EFSA.
En granxas de vacún de carne non se detectou polo de agora a gripe aviar
Hai vacinas para a gripe aviar en granxas avícolas? E para granxas de vacún? En Estados Unidos desenvolvéronse con éxito probas de vacinas da gripe aviar para granxas avícolas, se ben aínda non se están a aplicar, xa que hai distintos factores a ter en conta (cepas en circulación, impacto da vacinación na comercialización da carne, etc.). Existe a posibilidade tamén de desenvolver vacinas para granxas de vacún, pero aínda non existen. É posible o contaxio a humanos da gripe aviar? Ata o de agora, a gripe aviar saltou de xeito escaso ós humanos, se ben cando o fai hai risco de mortalidade. En relación cos brotes nas granxas, en España, detectouse un traballador dunha granxa avícola de Guadalajara afectado, e en Estados Unidos tamén houbo un traballador dunha granxa de vacún de Texas afectado, se ben só cunha conxuntivite. En vista de que a gripe aviar está comezando a saltar a mamíferos, proba dunha posible mutación que facilita tal paso, nas autoridades sanitarias de Estados Unidos e Europa existe preocupación. Máis información

A costa galega, foco de gripe aviar en aves mariñas

Que impacto ten a gripe aviar en granxas avícolas de España? Desde o 2021 ó 2023 houbo un total de 32 focos en granxas avícolas en España, todos eles nas comunidades de Andalucía, Castilla y León e, en menor medida, Castilla La Mancha, con un caso. Desde o 1 de xullo do 2023 ata a actualidade, non houbo ningún novo caso detectado. Estes focos son o motivo do rexistro de explotacións avícolas que se está acometendo en Galicia nos últimos meses. Houbo algún caso de gripe aviar en granxas galegas? O único caso coñecido produciuse en xaneiro do 2023 nunha granxa de visóns de Carral (A Coruña). A hipótese é que o contaxio procedeu de aves mariñas e foi un caso que tivo repercusión a nivel internacional, pois representou un salto da gripe aviar de aves a mamíferos, un escenario similar ó que está pasando agora nas granxas de leite de Estados Unidos.
Un foco de gripe aviar nunha granxa de visóns de Carral (A Coruña) levantou as alarmas en xaneiro do 2023, pois representou o paso da enfermidade das aves a mamíferos
Cal é a situación da gripe aviar en aves silvestres en Galicia? As aves silvestres, nomeadamente as mariñas, están véndose afectadas pola gripe aviar. Desde o 1 de xullo do 2023 ó 1 de marzo do 2024, detectáronse 24 focos en aves silvestres en España, dos que 9 corresponden a Galicia (4 na Coruña, 3 en Lugo e 2 en Pontevedra). A costa galega, habitual zona de paso de aves migratorias, é a zona de detección de tódolos focos detectados na comunidade. Nos 9 focos galegos identificouse a 12 aves mortas pola gripe aviar, das cales 11 eran gaivotas patiamarelas e a outra un mascato (alcatraz). Tódolos casos corresponden ó subtipo H5N1 da gripe aviar. Noutras comunidades, tamén se detectou afección en charráns, grullas e mesmo nun falcón peregrino.

“Hai que buscar un punto de equilibrio entre produtividade e benestar animal para que a granxa sexa rendible”

Nina Vázquez, nunha explotación leiteira en ecolóxico da provincia de Lugo A certificación de benestar animal está a converterse nos últimos anos nunha esixencia para moitas explotacións lácteas por parte das industrias que lles recollen o leite. Welfair, o selo impulsado polo IRTA de Cataluña, é o estándar máis comunmente aplicado. Coñecemos en que se basea da man da veterinaria e auditora Nina Vázquez. “O concepto de benestar animal empezou a desenvolverse desde o punto de vista ético, dos dereitos dos animais, e hoxe en día a lexislación está a presionar introducindo novos requisitos ás granxas”, recoñece Nina. O Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas (Real Decreto 1053/2022) esixe a todas as ganderías de vacún un Plan de Benestar Animal, que o Ministerio pospuxo a 2027 como consecuencia das recentes protestas de agricultores e gandeiros.
O Ministerio acaba de aprazar a 2027 a obrigatoriedade de contar cun Plan de Benestar Animal en granxas de vacún
Pero aspectos como a eliminación dos emparrillados, a prohibición de explotacións trabadas, o acceso dos animais a patios exteriores, o aloxamento en grupo dos tenreiros ou as condicións de separación das súas nais ao naceren serán cuestións que as ganderías deberán abordar nos próximos anos. Demanda dos consumidores O nivel de benestar animal que logra a explotación, medido segundo os criterios aplicados na certificación, incide no prezo de venda do leite, xa que a maioría de empresas aplican primas de diferentes contías en función da puntuación obtida que poden chegar a 1 céntimo por litro. Pero máis aló deses incentivos ás granxas, o benestar animal está a converterse nun criterio de selección; nun argumento para coller ou deixar ganderías por parte das industrias, de forma que só aquelas granxas que poden ser certificadas son consideradas explotacións de porvir polas empresas lácteas, mentres as que non superan os test teñen cada vez menos opcións a quen entregar o leite.
A certificación de benestar animal converteuse nun argumento das industrias para coller ou deixar explotacións
As industrias alegan que se trata dunha esixencia das cadeas de distribución, que á súa vez aseguran facerse eco da demanda dos consumidores neste sentido. “O consumidor pouco sabe sobre como se crían os animais e estamos nun momento no que miran con lupa o que facemos nas granxas”, asegura Nina. O último Eurobarómetro sobre benestar animal, elaborado pola Comisión Europea hai un ano, denota esta preocupación crecente dos consumidores. Os resultados desta enquisa entre a poboación, con máis de 26.000 entrevistas en 27 países da UE, indican que o 84% dos cidadáns europeos e o 80% dos españois cre que se deberían mellorar os niveis de benestar actual dos animais de granxa.
O 48% dos consumidores españois estaría disposto a pagar máis por produtos procedentes de sistemas respectuosos co benestar animal
Ademais, 6 de cada 10 europeos din que lles gustaría saber máis sobre as condicións nas que se crían os animais e o 60% dos europeos e o 48% dos españois estaría disposto a pagar máis polos produtos procedentes de sistemas respectuosos en benestar animal. “Isto é importante, porque o benestar é caro ao ser necesarios investimentos e esforzos de manexo, e deberíanse pagar máis eses produtos”, afirma Nina. A definición de benestar O benestar animal designa, segundo a Organización Mundial de Saúde Animal (OIE), “o estado físico e mental dun animal en relación coas condicións nas que vive e morre”. É dicir, detalla Nina, “que un animal estea san, cómodo, ben alimentado, que poida expresar o seu comportamento innato e que non padeza estados desagradables”. As directrices que guían á OIE en materia de benestar dos animais terrestres inclúen tamén as «cinco liberdades», enunciadas en 1965 e universalmente recoñecidas, para describir os dereitos que son responsabilidade do home, é dicir, que os animais vivan:
  • libre de fame, de sede e de desnutrición;
  • libre de temor e de angustia;
  • libre de molestias físicas e térmicas;
  • libre de dor, de lesión e de enfermidade;
  • libre de manifestar un comportamento natural.
“Hai que atender a cinco dominios ou aspectos fundamentais para que exista benestar animal: Nutrición, Saúde Física, Confort, Conduta e Emocións. Pero para chegar ao quinto apartado temos que ter controlados os catro anteriores”, afirma esta veterinaria especialista na materia, que resume en tres grandes bloques as necesidades a cubrir por parte do gandeiro en relación aos seus animais: Funcionamento biolóxico (onde se incluirían cuestións relativas a nutrición ou instalacións), Comportamento natural (por exemplo o acceso a pasto) e Emocións. “Até o de agora falabamos de emocións negativas (ausencia de sede, dor ou angustia) pero agora empezamos a falar de que haxa un balance entre emocións positivas (por exemplo, os cepillos) e negativas”, explica. Equilibrio entre benestar e rendibilidade É xa unha idea comunmente estendida tanto entre veterinarios como entre gandeiros que mellorar en benestar animal supón aumentar a produtividade do rabaño. Nina insiste nesa afirmación, pero admite que “hai que buscar un punto de equilibrio entre produtividade e benestar animal para que a granxa sexa rendible”. “Mellorar o benestar custa ás veces moito diñeiro, sobre todo se implica a necesidade de facer grandes investimentos en instalacións. Por iso hai que buscar o máximo de benestar posible dentro da rendibilidade”, argumenta.
Temos que buscar a máxima produtividade posible pero sen prexudicar o benestar
“Mellorar o benestar supón gañar en produtividade do rabaño pero ás veces lograr 40 litros é menos rendible que producir 30, porque os custos son maiores, e esa presión hormonal vai tamén en contra do benestar”, asegura. Ademais, benestar e medio ambiente están intimamente relacionados. “En termos xerais, mellorar o benestar da vaca mellora a súa eficiencia produtiva e reduce a cantidade de residuos (metano, nitratos, etc) por unidade de produto. A maiores, o benestar inflúe positivamente desde o punto de vista sanitario e unha boa saúde aumenta a lonxevidade e reduce a necesidade de recría, o que tamén contribúe a aminorar a intensidade das emisións da granxa”, evidencia Nina.

Formación do persoal: curso de 20 horas ou 3 anos de experiencia

O Real Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas esixe unha formación mínima en benestar animal de 20 horas tanto para os titulares de explotación como para os seus empregados, aínda que esta formación mínima pode acreditarse mediante os anos de dedicación profesional ao sector (mínimo de 3 anos traballando con gando e coñecementos sobre manexo, benestar e tratamientos biocidas). A maiores, será necesario levar a cabo cursos de reciclaxe e actualización de coñecimientos cando menos unha vez cada 5 anos e cunha duración mínima de 10 horas. 
O Decreto de Ordenación de Granxas Bovinas esixe unha formación mínima en materia de benestar animal de 20 horas tanto a titulares de explotación como a empregados
“A figura do gandeiro e do persoal da granxa é fundamental porque tanto en sistemas intensivos como semiextensivos o gandeiro é o que controla case todas as necesidades do animal: o alimento, o acceso á auga, o espazo que lle damos, o confort para o descanso, os agrupamentos sociais que facemos”, enumera Nina, que destaca, máis aló das instalacións ou a comida, aspectos como formación, manexo, coñecemento da vaca e motivación como claves para lograr niveis óptimos de benestar animal nunha granxa. No caso da detección precoz de enfermidades, que causan dor e estrés aos animais, “é esencial coñecer a especie coa que estamos a traballar para poder identificar os problemas canto antes e poñerlles solución tamén canto antes”, insiste.

Recomendacións de Calfensa para a campaña de millo

Nos solos galegos, de carácter ácido, a caliza é un aliado fundamental para optimizar a nutrición dos cultivos, pois contribúen a que as plantas capten e asimilen os nutrientes aportados por abonos e xurros. Repasamos da man de Calfensa a gama de produtos dispoñible no mercado e consellos de aplicación para a campaña de millo.

Gama de produtos

Caliza agrícola O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción en chan. “Canto máis fino é un produto, terá un maior número de partículas que se descompoñerán antes no solo. No caso das calizas de Calfensa, estamos falando dun tempo de reacción de 3 – 4 semanas, dependendo de factores como a humidade do solo ou as súas características”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa. “Paga a pena valorar que tipo de produto se está usando, pois hai no mercado produtos pouco reactivos ou cun maior grao de impurezas”, valora o técnico. Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para correxir a acidez do solo, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea. “Esta é a dose habitual, pero sempre aconsellamos que o produtor faga unha análise de terras para facer un encalado con maior precisión”, sinalan en Calfensa. No mercado das calizas, hai ademais mensaxes que levan á confusión, pois existen produtos que se presentan nun formato de granulado esférico con doses de aplicación recomendadas de 400 – 600 Kg. / hectárea. “Non hai explicación técnica para aconsellar unha dose tan baixa, pois o valor neutralizante destes produtos é igual que o da nosa caliza, polo que a cantidade a aplicar ten que ser a mesma” -advirte Alberte Momán.- “Hai que prestarlle atención ó valor neutralizante do produto”, recomenda. Outra situación confusa pode producirse con calizas procedentes de Portugal, país que ten un sistema diferente para medir o valor neutralizante. Así, calizas lusas que se presentan en Galicia cun valor neutralizante de 85 son equivalentes ás calizas españolas con valor neutralizante de 40. Por último, cómpre sinalar que no mercado hai tamén calizas a base de dolomita, cun tempo de reacción máis longo que o carbonato cálcico, se ben non é un produto co que traballe Calfensa. Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio) Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Corríxense así as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos. A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico. A aplicación das calizas agrícolas é realizada por Calfensa por medio de equipos con brazos dosificadores, dotados dun sistema de pesado e dosificación programado. A empresa conta con tres equipos aplicadores, cos que responder ós picos de demanda da primavera, e tamén se mantén en servizo un aplicador con aire a presión, xa que é máis versátil para parcelas que presentan dificultades no uso dos equipos con brazos aplicadores. Óxido de calcio e óxido de magnesio Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, se ben o seu custo tamén é máis alto. O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o da dolomía calcinada (óxido de calcio e óxido de magnesio) en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto servido por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparcido polo propio gandeiro por medio de abonadoras. “A principal vantaxe que ofrece é a comodidade”, sinalan na empresa. Novamente hai que ter en conta factores como o valor neutralizante do produto ou a súa facilidade para desfacerse no solo.

Consellos de aplicación

Incorporación ó solo Dado que a acción do encalante é por contacto directo, cómpre facer un esparexido homoxéneo en toda a superficie, así como unha incorporación inmediata ó solo por medio dun laboreo. Deste xeito, garantirase o beneficio do produto en toda a zona que ocuparán as raíces do cultivo. Suba do pH Deben usarse doses que non suban o nivel do pH do solo máis dun punto, xa que unha suba repentina maior tería efectos negativos nos microorganismos do solo. Aplicación de xurros e abonos No posible, é conveniente esperar unhas semanas a que o produto encalante teña reaccionado no solo antes de incorporar xurros, estercos ou abonos. De non facelo así, o encalante pode reaccionar co esterco ou con abonos nitroxenados amoniacais, desprendendo amoniaco e, por tanto, reducindo a capacidade de fertilización do abono ou do xurro. Tamén pode repercutir de xeito negativo nos fosfatos.

Contacto Calfensa

  • Teléfono: 982 30 59 02

Principais beneficios das calizas

  • Evítase o bloqueo e fixación dos fosfatos, ao formarse compostos de calcio máis asimilables polas plantas.
  • Redúcese a toxicidade de determinados minerais para as plantas, como o aluminio, o ferro ou o manganeso.
  • Favorécese a absorción de Molibdeno (Mo) presente no solo por parte das plantas, algo que é especialmente positivo nas leguminosas, que presentan altas necesidades do mineral.
  • Mellora a estrutura do solo e as súas propiedades físicas.
  • Estimúlase a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor transformación da materia orgánica e nunha maior dispoñibilidade de nutrientes.
  • Contribúe ó bo desenvolvemento e distribución das raíces das plantas.

Probas de abril de mellores xovencas xenómicas: Galicia copa os primeiros postos

Confederación de Asociacións de Frisoa Española (CONAFE) acaba de publicar a actualización das probas xenómicas de femias correspondentes ao mes de abril. Nesta ocasión, e como xa vén sendo habitual, os primeiros postos destas futuras nais, están copados por ganderías galegas. Así, a mellor xovenca por ICO, CASAGABINO PRECISIO.MEI FIV ET , con 1356 puntos, pertence a gandería Casa Gabino, de Friol (Lugo). Coa mesma puntuación e en segundo posto sitúase LSCG 275 GUIRI 102 FIV ET, de  Landeira SCG, de Negreira (A Coruña). Empatada tamén co mesmo ICO,a terceira praza é para VALLS-GOL 673 LIS ET, da gandería catalá Valls-Gol SCP en Aravell, Lleida. E o cuarto posto, con 1346 puntos, correspondente a ABONXO GIGANTIC ROSALIA ET, da gandería lalinense BLANCO ABONXO SC. Este é un resumo das 25 mellores xovencas xenomicas por ICO: Consulta aquí os resultados completos das Mellores Xovencas Xenómicas de España:

– 1.000 Mellores xovencas xenómicas por ICO – 1.000 Mellores xovencas xenómicas por IGT – 100 Mellores xovencas xenómicas por IM€TLEITE – 100 Mellores xovencas xenómicas por IM€TQUEIXO – 100 Mellores xovencas xenómicas por IM€TPASTO – 100 Mellores xovencas xenómicas por IM€TECO

Continúa a recuperación dos prezos da manteiga, do queixo e do leite en pó na UE

O Observatorio do Mercado Lácteo da Unión Europea ven de publicar as cotizacións da cuarta semana de abril dos produtos lácteos nos mercados internacionais. O mes conclúe na UE cunha suba no prezo da manteiga -que se mantén en prezos altos-, e tamén cunha recuperación das cotizacións do leite en pó desnatado e do queixo cheddar. A caída da produción tanto en Europa como en Estados Unidos axuda a esta recuperación dos prezos. En concreto, no territorio da UE as cotizacións desta semana de abril para os produtos lácteos son as seguintes: -Manteiga: 574 €/100 kg, +1,3 % nas últimas catro semanas -Leite desnatado en po (SMP) 239 €/100 kg, -0,7 % ,, -Leite enteiro en po (WMP): 364 €/100 kg, +2.2 % ,, -Queixo cheddar: 392 € /100 kg +0,9% En Italia o prezo do leite spot segue á baixa e quedou esta semana nos 0,428 euros o litro. Polo que respecta á producción, os datos oficiais disponibles confirman que entre xaneiro e febreiro caeu a produción na Unión Europea nunha media do 0,6% respecto aos mesmos meses de 2023. En Estados Unidos tamén houbo unha caída das entregas de leite en febreiro do 1,3% e do 0,7% no Reino Unido, mentres que en Nova Zelandia a produción subiu un 1,9% respecto a febreiro do ano pasado.

Descarga aquí o informe completo do Observatorio do Sector Lácteo da Unión Europea

Verica S.C.: Confort animal e benestar laboral

Os tres socios de VERICA SC: Verónica, Carolina e Enrique Verica S.C., situada no concello de A Pastoriza, é unha granxa de vacún de leite que centra a produción do rabaño de máis de 280 vacas holstein en conseguir altas porcentaxes de graxa e proteína. Do mesmo xeito, a calidade de vida é fundamental para os 3 socios desta gandería, que reparte as tarefas diarias en dúas quendas de traballo.  Esta sociedade situada no lugar de Os Poles, na parroquia de Aguarda, é unha das moitas explotacións que sitúan a Pastoriza como o segundo concello en canto a vacún e produción de leite en Galicia. E é que a gandería é a principal actividade económica deste municipio, como en boa parte da comunidade.

Buscando maior calidade de vida o traballo organízase en dúas quendas 

No mes de xullo 2015 chegaron as primeiras vacas ás novas instalacións, logo da unión das dúas explotacións que Verónica e Enrique levaban de xeito independente. No momento de constitución da sociedade sumaron un terceiro membro, Carolina, dando lugar a Verica S.C. O cadro de persoal actualmente está formado por estes 3 integrantes máis 2 empregados, repartindo as tarefas en dúas quendas de traballo, desde as 6:30 e ata as 21:30 que remata o segundo grupo.  A pesar da xuventude desta sociedade, debido ao progresivo aumento de animais, xa foi necesaria unha ampliación das instalacións, con 28 cubículos a maiores e alugando unha granxa próxima para albergar parte da recría. “Comezamos coas vacas que tiñamos máis unhas 45 que fomos comprando e a dia de hoxe estamos en 280 animais en total, unhas 152 en muxidura e 20 secas”, explica Enrique sobre a evolución da sociedade.  A cabana gandeira está dividida en varias naves. En primeiro lugar, as vacas en produción están nas instalacións novas que á súa vez se dividen en dous lotes, separando ás vacas de primeira lactación nunha á da nave e o restante na outra. Esta construción tamén alberga á recría ata o momento do destete, cunha zona de boxes individuais e dúas zonas colectivas nas que permanecen ata cumprir 2 meses de idade, momento no que acadan un peso en torno aos 90 quilos. Nesta construción hai unha zona para partos. Unha vez as tenreiras son destetadas pasan por dúas naves en alugueiro ata o momento do parto no que regresan á nave principal, chegando cunha media de 22 meses de idade.  Para a alimentación é preciso realizar diariamente 5 carros, dos que se encarga unha empresa externa. Dous para a recría, un para as secas e outros dous para as vacas en lactación. Esta última mestura está formada por 30 quilos de silo de millo, 14 de silo de herba, 2 de alfalfa e 12 de concentrado. Ao longo do día achégase varias veces a ración cun arrimador autopropulsado para que sempre haxa a disposición alimento fresco.

“Interésannos as calidades, temos unha produción con 4.27% de graxa e 3.67% de proteína” 

Froito desta alimentación e dunha coidada selección xenética, a produción diaria por animal sitúase en 36 litros cunhas calidades de 4.27% graxa e 3.67% de proteína, realizando a muxidura dúas veces ao día. “Vendemos o leite a unha queixería que demanda sólidos polo que é nesa liña na que centramos a nosa produción e non nos preocupamos unicamente por ter litros. Xenéticamente sempre seleccionamos seme positivo en calidades pero sen descoidar volume, ubre, patas ou lonxevidade”, explica Enrique acerca do seu rabaño.  A necesidade de redución de antibióticos fai que as explotacións estean a traballar en prevención. Neste sentido, en Verica S.C. explican que “temos un protocolo de vacinación tanto das xatas ao nacer como das vacas en lactación para reducir problemas e, deste xeito, o uso de antibióticos. Para o secado, na maioría de casos empregamos un tapón e puntualmente facemos tratamento naquelas vacas con maior reconto celular”. 

A pasada campaña de millo foi de récord con preto de 70 mil quilos de media 

A parte agrícola da explotación xira en torno a dous cultivos principais, raygrass en inverno e millo no verán. “Traballamos unhas 70 hectáreas nas que facemos rotación de millo con herba. Progresivamente, co aumento de gando fomos aumentando as terras a millo e a día de hoxe estamos nunhas 50 hectáreas. Este é o cultivo principal e sacamos bos rendementos en canto a produción e calidades. A campaña 2023 foi moi boa, sacamos preto de 70 mil quilos de media por hectárea e vainos sobrar pero preferimos ir con algo de marxe. A superficie restante permanece a prado e cada ano quedan en descanso diferentes fincas. Facemos un único corte de herba a finais de abril para sementar canto antes porque, aínda que nesta zona temos dias de néboa e nubes no verán, deste xeito o cultivo sufre menos a seca”, explica Enrique.  Para o traballo agrícola, ao igual que para a elaboración da mestura diaria, en Verica S.C. contratan gran parte dos traballos agrícolas para axilizar en momentos clave do ano. Enrique encárgase de “sementar a herba, xuntar ou gadañar boa parte das fincas, pero despois o groso do traballo das terras contratámolo a empresas de servizos agrícolas. Teriamos que facer un forte investimento en maquinaria para encargarnos nós de todo o traballo das terras ademais do tempo que require”, recoñece.  O futuro desta sociedade pasa por “adaptarse aos tempos pero valoramos moito ter calidade de vida. Non consideramos aumentar en gran medida ou facer cambios estruturais sempre e cando non sexan necesarios para a viabilidade da empresa. Dende fai un ano organizámonos en dúas quendas de traballo, rotando de xeito semanal.” explica Enrique coa mirada posta no futuro. Esta organización permite que calquera problema se identifique inmediatamente ao haber alguén na explotación durante máis horas ao día. Dende as 6.30 que entra o primeiro quenda ata as 21.30 hai alguén traballando en Verica S.C.  Nave coa recría

O Plan Renove incorporará axudas para maquinaria de mantemento das cubertas vexetais

O Consello de Ministros aprobou hoxe un real decreto, a proposta do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, que modifica as bases reguladoras para a concesión directa das axudas estatais para a renovación de maquinaria agraria que están estipuladas no Real Decreto o 1055/2021. Este real decreto ten como obxectivo manter o impulso á modernización do parque de maquinaria agrícola mediante o apoio á adquisición de equipos e maquinaria que incorporen novas tecnoloxías e procuren prácticas máis sustentables co medio ambiente. A principal novidade reside na inclusión dos equipos asociados ao mantemento das cubertas vexetais entre os tipos de máquinas subvencionables, modificación que responde a unha demanda do sector, co obxectivo de facilitar a renovación desta maquinaria, en coherencia co Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PAC) que inclúe intervencións que fomentan ese tipo de prácticas agrarias. As medidas previstas neste real decreto están orientadas a incentivar a adquisición de maquinaria nova e o achatarramento da antiga, e buscan reducir as emisións de CO2, de amoníaco e de partículas, ademais de optimizar a aplicación de insumos e de fixar carbono no chan. Ao mesmo tempo perséguese tamén mellorar a eficiencia enerxética. Con esta modificación, ademais, clarifícanse algúns documentos que deben presentar os solicitantes para facilitar a tramitación da axuda e mellorar a xestión do procedemento. A modificación do real decreto dá cumprimento á extensión da validez da normativa comunitaria na que se basea, o Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, de 17 de xuño de 2014, polo que se estende tamén a validez das bases reguladoras que agora se actualizan.