Category Archives: Iniciativas

‘Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía’ chega a Palas de Rei

‘Descubrindo a Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa con Guido Guía’ diríxese ao concello de Palas de Rei, o vindeiro 13 de xaneiro de 2024, saíndo do Concello as 11h. O paseo será de 3 horas aproximadas de duración, e seguidamente degustaranse produtos locais de calidade e xunto a música tradicional da zona.  A inscrición é gratuíta e pode facerse a través do correo info@comarcadelugo.gal ou do teléfono 982238000.  Este ciclo de actividades lúdico-culturais pretende promover o descubrimento da historia, da natureza e das riquezas de todos os concellos, así como promover e promocionar os valores gastronómicos, sociais e de todo tipo. En cada saída os paseos guiados acompáñanse de actuacións de grupos de música tradicional, e de degustacións de produtos gastronómicos locais. 135 participantes en Friol (xullo), 95 en Guntín (setembro), 72 en Antas de Ulla (outubro) e 128 en Castroverde (decembro) foron as cifras das primeiras catro saídas do Xeodestino Comarca de Lugo e as Terras da Ulloa xunto a Guido Guía, cunha promedio de 100 persoas por escapada.  Cabe engadir que Guido Álvarez Parga -proxecto Guido Guía- é un turismólogo, profesor univeristario (no Grao de Turismo da UNED en Lugo) e guía moi recoñecido a nivel lucense e galego polas súas iniciativas turísticas e culturais diferentes e innovadoras. Foi recoñecido cun dos premios ‘Lucenses do ano 2020’, co Travelers Choice da plataforma TripAdvisor nos anos 2022 e 2023, e outros galardóns que o acreditan na súa labor profesional.

Proxecto para impulsar as permutas agrarias dos GDRs de Lugo, Ordes e Pontevedra Norte

O proxecto de cooperación ‘Ordenación da terra agraria a través do sistema de permutas’ é unha iniciativa colaborativa protagonizada polos Grupos de Desenvolvemento Rural de  Lugo, Ordes e Pontevedra Norte. En si, as permutas forman parte xunto ás aldeas modelo, aos polígonos agroforestais ou ás agrupacións de xestión conxunta da “caixa de ferramentas” da Lei de Recuperación de Terra Agraria, e “ están predispostas para a súa implantación en áreas onde a presión sobre a terra é alta debido a existencia de múltiple actividade agraria, sobre todo, gandeira”, manifestou o conselleiro de Medio Rural, José González, quen estivo presente no acto de presentación da iniciativa, que tivo lugar na Cidade da Cultura este luns. De acordo mutuo entre propietarios e aplicable noutras zonas Estas permutas, declaradas de especial interese agrario “facilitaron a mobilización de arredor de 400 hectáreas no concello lucense de Friol e son froito do libre acordo entre os propietarios dos predios e do seu intercambio”, e así mesmo, “faise mediante un proceso consensuado bilateral e recíproco”, destacou na súa intervención José González. “A posta en marcha desta iniciativa en Friol non só tivo como consecuencia unha mellora da estrutura das propiedades agrarias, senón que tamén serviu de punto de referencia para estudar a idoneidade de implantar este sistema noutras zonas de Galicia. Así, entre os concellos nos que se prevé actuar atópanse, ademais do de Friol, os de Outeiro de Rei, Guntín, A Estrada e Ordes”, avanzou. “Deste xeito, as permutas son ideais para mobilizar terras en zonas con características singulares, nas que non existen problemas nin de identificación da titularidade do parcelario, nin necesidade de máis infraestruturas viarias”, engadiu o conselleiro. Sobre outras figuras de reordenación da terra, González destacou que “entre 2020 e o que vai de 2023 rematáronse un total de 29 parcelarias na nosa comunidade, que abarcaron unha superficie de máis de 19.500 hectáreas, beneficiando a máis de 14.000 persoas, que recibiron preto de 31.000 títulos de propiedade”, salientou. Da mesma maneira, sobre as figuras da Lei de Recuperación de Terra Agraria, como aldeas modelo, avanzou que “no 2024 aprobaranse os pilotos dos plans de dinamización de catro destas aldeas e que se porán en marcha os primeiros espazos agrarios de experimentación, nos que os mozos emprendedores poderán facer uso”, adiantou.

Finca Marco da Curra, manexo da gandería extensiva en montaña

A Finca Marco da Curra é unha estación experimental dependente do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM). Ubicada en Monfero (A Coruña), conta cunha extensión de 180 hectáreas en media montaña nas que investiga sobre liñas de manexo coa gandería extensiva. Entre os últimos proxectos levados a cabo, está un sobre control da matorralización do monte con diferentes tipos de gando, así como outro sobre a defensa do gando contra o lobo. “Estamos ante un solo característico de montaña, con moitas pendentes, pedregoso e difícil de traballar. Por isto, introducimos especies coma o cabalo, dos cales hai 60 exemplares de Pura raza galega, cruzados e hispano bretóns, mentres que nas zonas máis pastables, hai unhas 70 cabezas de vaca rubia galega, 250 ovellas, e nun número máis reducido, cabras de raza autóctona Cabra galega”, detalla Abelardo Nimo, director do CIAM. O mantemento de toda a superficie lévano 7 persoas que están contratadas para atender "o manexo dos animais, o control das cercas e as necesidades dos proxectos de investigación, entre outras cuestións”. Liñas de investigación A finais do ano 2021 finalizouse un proxecto de investigación que consistiu no desenvolvemento de experimentos enfocados a evitar a matorralización do territorio, “que é un problema que se estende por todo o norte peninsular”, afirma Santiago Crecente, técnico do CIAM. “Aquí un dos experimentos que fixemos centrouse en observar a eficiencia dos cabalos e das cabras para o control de diversas especies de mato. O que observamos foi que, despois de 3 anos de pastorear unha superficie inicialmente dominada por matogueira e que foi desbrozada, a superficie cuberta mantívose nun 20%, mentres que nas parcelas de control que non foron pastoreadas a porcentaxe aumentaba ata o 80%”, amplía.
“Nas superficies con cabalos e cabras, a porcentaxe de mato mantívose nun 20%, mentres que nas parcelas non pastoreadas alcanzaba o 80%”(Santiago Crecente)
“Estes experimentos permitíronnos determinar que o pastoreo con estas especies pode ser unha medida eficaz na redución do risco de incendios e na súa intensidade”, avanza Crecente. Así mesmo, o técnico do CIAM engade que “esta investigación foi levada a cabo entre o CIAM de Mabegondo en colaboración co Centro de Investigación e Formación Agrarias de Cantabria, o Servizo Rexional de Investigación e Desenvolvemento Alimentario de Asturias, e o Centro Tecnolóxico da Carne”. O proxecto determinou que tanto cabalos como cabras foron eficaces na redución de matogueiras, pero desde o CIAM observaron diferencias na vexetación nos terreos controlados con cabalos fronte aos das cabras. “Por exemplo, o gando caprino foi moi eficiente no control da silva e no rebrote de árbores e arbustos, mentres que o equino demostrou maior eficiencia no toxo”, explica Santiago Crecente. Cercas fronte ó lobo Por outra banda, a Estación Experimental Marco da Curra está participando noutro proxecto sobre “a eficacia de distintos tipos de cercados na protección contra o lobo”, afirma Crecente. “Para isto deseñamos tres cercados experimentais, e de cada un, fixemos 10 repeticións en diferentes ganderías de Galicia”, avanza. Peche de malla contra o lobo renovado na Finca Marco da Curra Cómpre engadir que anos atrás, Marco da Curra tivo ataques de lobo recorrentes, unha cuestión que os levou á introdución de cans de defensa. “Aquí houbo fortes ataques, pero coa entrada de mastíns criados correctamente, cunha adecuada fase de socialización, vimos reducidos amplamente os danos; aínda así, o ideal sería facer unha mestura das dúas medidas de prevención, isto é, unha correcta construción dos peches e dispoñer de cans de garda co gando”, aconsella Santiago Crecente.

Como as algas mariñas se están testando con éxito nos cultivos galegos

As algas mariñas son un importante recurso ambiental e no século pasado tamén foron valiosas a nivel agropecuario. Hoxe en día, a actividade agromarítima reduciuse ata o punto de romper en gran medida a conexión da alga coa agricultura. Por iso, xorde o proxecto Algaterra, baixo o obxectivo de elaborar novos insumos agrícolas cos descartes de algas mariñas que se producen na industria alimentaria, así como para probar a súa eficacia para ser utilizados tanto en agricultura ecolóxica, como en agricultura convencional sostible. As características deste produto mariño ofrecen un valor fertilizante alto, “mellorando a actividade microbiana, xerando un solo máis vivo e polo tanto máis resiliente ante calquera estrés”, destaca María Elvira López, investigadora do grupo de agronomía e ciencia animal da Universidade de Santiago de Compostela -USC-, e parte integrante do proxecto Algaterra. O seu poder encalante, o aporte de macronutrientes ou a mellora da actividade biolóxica do solo “converten as algas no esterco do mar”, explica López. Unha das empresas base do proxecto foi Porto-Muíños S.L., unha firma familiar localizada en Cerceda (A Coruña) cuxa actividade principal é a recolección, cultivo, procesado e elaboración de produtos con algas mariñas. A proposta deste proxecto contou coa cooperación de FEUGA -Fundación Empresa-Universidad Gallega-, da USC, da Misión Biolóxica de Galicia do CSIC -a través do grupo VIOR-, e das empresas Adegas Terras de Asorei S.L., Riveiro Ecológicos e Horta Da Lousa S.C. O valor fertilizante das algas para o cultivo A consideración das algas mariñas como o “esterco do mar” vén dada polas súas calidades fertilizantes, bioestimulantes e incluso funxicidas. “Tratase dun produto natural, sen sementes de adventicias nin patóxenos, con ficocoloides que melloran a estrutura do solo, aumentan a retención de auga, aumentan a capacidade de intercambio catiónico do solo e actúan como fitorremediadoras”, detalla Elvira López. Ademais, “aínda que as algas non teñen un alto nivel de fósforo, aumentan a súa dispoñibilidade para as plantas porque complexan o aluminio; isto tamén explica o seu poder encalante”, amplía a investigadora da USC. Do mesmo xeito, “aportan macronutrientes -especialmente potasio- e micronutrientes importantes para as plantas, como o ferro, o magnaneso, o zinc e o boro”, especifica. En función do tipoloxía de alga o aporte en % de nutrientes NPK -nitróxeno, fósforo e potasio- varía. Outra das características que ofrece o valor fertilizantes deste vexetal mariño é unha maior “resistencia a axentes abióticos, coma unha seca ou unha xeada, e a axentes bióticos desfavorables, coma pragas ou enfermidades, porque teñen determinados compoñentes que actúan como bioestimulantes”, concreta Elvira López. Primeiros ensaios con algas en frecos e novos produtos Nun ensaio anterior titulado “Efecto do abonado con algas na produción de pataca” (Pazos y López Mosquera, 1997) establecéronse unha serie de parcelas control, outras de esterco e superfosfato, e outras con diferentes doses de algas en fresco -20t/ha, 40t/ha e 60t/ha-. “Os rendementos con 20 toneladas eran equiparables aos terreos tratados con esterco e mineral, superiores a de control en calquera caso, e a medida que se aumentaba a dose de algas, aumentaba o rendemento de produción”, afirma a investigadora. Gráfico do estudo sobre o valor fertilizante da alga no cultivo de pataca A pesar de que os resultados en termos de produción eran positivos, o máis interesante dese traballo “foi poder ver como o que dicía a literatura se cumpría; vimos como nas parcelas abonadas con algas se incrementaba o pH do solo, debido ao incremento dos niveis de calcio e á diminución das cantidades de aluminio, e na mesma medida, aportando fósforo e potasio significativamente”, concreta a Elvira López. Táboa con datos característicos do solo 70 días despois da plantación da pataca Aínda que as algas en fresco manifestan bos resultados de estudo, tamén o fan aquelas feitas en compostaxe con restos de peixe e casca de pino. Así o probou o grupo de investigación ao que pertence Elvira López en colaboración coa empresa Pescados Rubén S.L. “Nas probas que fixemos mesturamos en volume unha parte de restos de peixe, unha parte de algas e tres de casca de piñeiro, outorgando, tras tres meses, bos valores NPK, 2,1% N, 0,6%P, e 0,7%K”, amplía López. A maiores dos nutrientes que aporta ao solo, outra das importantes funcións das algas é o seu valor como bioestimulante. “Teñen un gran número de compostos beneficiosos como fitohormonas, especialmente auxinas e citoquininas, bioactivadores, vitaminas, etc. que producen melloras do sistema radicular, no crecemento e nos rendementos, e unha maior resistencia a estreses”, salienta a investigadora. Variabilidade de auxinas e citoquininas en función da especie Aplicacións en campo Porto-Muíños foi a empresa beneficiaria do proxecto Algaterra, apostando polas algas mariñas como “recurso na elaboración de novos insumos agrarios”. A firma, que se adica á recolección sostible e cultivo de algas, viu a necesidade de “desenvolver distintos produtos con algas, como fertilizante de solos, bioestimulantes e funxicidas con aplicacións en distintos cultivos e en doses diferentes, como en viña, pataca, leituga e tomate”, expresan Antonio Muíños e Manuela Buján, do departamento de Innovación de Porto-Muíños. Imaxe dun parque de cultivo experimental de algas de Porto-Muíños En viña colaboraron coa Adega Terras de Asorei para facer “ensaios con abono de algas e bioestimulantes, levados a cabo pola Misión Biolóxica de Galicia”, explican Muíños e Buján. Neste caso, dividiuse a parcela experimental en fraccións de terreo de control, de abonado con algas, e tradicional, para probar os índices de fertilidade e enfermidade, e varias parcelas nas que se utilizaron diferentes doses de bioestimulantes de algas. “A respecto dos primeiros resultados poderanse valorar entre setembro e outubro, tras a vendima”, comenta Manuela Buján. Distribución das parcelas experimentais da Adega Terras de Asorei Con respecto ás probas con leituga e tomate, no proxecto colabora Horta da Lousa (As Encrobas, Cerceda), explotación produtora de cultivos hortícolas en ecolóxico. O procedemento seguido foi similar ao resto de estudos de campo, establecendo parcelas de ensaio e de control, incluíndo análises do terreo. “Comezouse ca recollida recentemente, e farase en varias etapas para chegar aos resultados finais; polo momento fixéronse medicións de clorofila e obsérvase un nivel maior dos produtos abonados con alga”, avanza Buján. “Outro dos ensaios realizouse con terras de pataca, neste caso coa colaboración de Oscar Riveiro, de cultivo en ecolóxico”, detalla a integrante do departamento de innovación de Porto- Muíños. “Nesta ocasión fíxose un deseño experimental en varias fincas, nunha delas probouse só o abono de solo, e noutra utilizáronse dous bioestimulantes diferentes con dúas aplicacións da mesma dose ata o momento e faltaría unha terceira”, sintetizan A. Muíños e M. Buján. “Aínda que ata setembro non podemos extraer conclusións, segundo o que se percibe principalmente pola parte do propietario, obsérvase diferencia na planta tratada con bioestimulante”, afirma.
Orixes As algas mariñas considéranse un recurso agropecuario e ambiental. Existe documentación gráfica de como no século pasado abundaba a actividade agromarítima, e de como a alga se utilizaba como un complemento para o gando. En maior medida, trátase dun recurso ambiental fundamental, e en definitiva dun “ecosistema que se debe manter; por iso, se recollemos alga é moi importante deixar unha parte na praia e actuar cos permisos correspondentes”, incide Elvira López. Imaxe de actividade agronómica e da recolección de algas Hoxe en día, en Europa o 1% da alga mariña utilízase para alimentación, o 24% para outros usos, incluíndo a agricultura, e o 75% restante para a extracción de coloides, supoñendo grandes diferencias con respecto ao contexto mundial. Gráficos sobre a distribución de usos de algas mariñas

Xornada online sobre como converter o esterco avícola en enerxía térmica

Avienergy, un proxecto de innovación centrado na valorización dos estercos avícolas, celebrará o seu webinar de presentación o xoves 21 de abril, entre as 10.00h e as 12.00h a través de Zoom. Nestas xornadas daranse a coñecer máis detalles sobre os obxectivos da iniciativa, que busca que os estercos avícolas sexan utilizados como materia para a obtención dunha fonte de enerxía renovable e de fertilizantes para o solo. A asistencia require de inscrición mediante formulario en liña. Unha das motivacións para desenvolver o proxecto parte da problemática ambiental ao redor “dos residuos da pollinaza, a gallinaza e a pavinaza, as cales representan unha gran porcentaxe dos máis problemáticos do sector”, expresan desde o Grupo Operativo. Neste contexto, “Avienergy busca xerar ferramentas eficientes e medioambientalmente sustentables para a redución de gases de efecto invernadoiro e mellorar a competitividade do propio sector”, detallan. Así, Anxela Montero, de Feuga, terá a primeira quenda de palabra, explicando o proxecto en profundidade; Yarima Torreiro, do Centro Tecnolóxico Energylab, será a encargada de expor as claves da caracterización do proceso produtivo e secado do residuo avícola na xornada; e David Patiño, da Universidade de Vigo, centrará a súa intervención na caracterización e o pretratamento dos biocombustibles de partida. Pola súa banda, Manuel J. Dopico, de Demaux Manufacture S.L., porá o acento no deseño e desenvolvemento dun queimador adaptado ás características da pollinaza e pavinaza. Por último, Pilar Bernal, do Cebas-CSIC, será a encargada do relatorio dedicado á valorización das cinzas obtidas no proceso de combustión e estudo do seu potencial como material fertilizante. Para finalizar, a cita contará cunha mesa redonda sobre o impacto do proxecto no sector con José Antonio García, da Granxa José Antonio García Branco, Raúl París de Avícola O Charcón, Francisco Martínez da Cooperativa Alimer e representantes de Uvesa.

Inícianse os traballos para executar os polígonos agroforestais de Oímbra e Cualedro

O Diario Oficial de Galicia publicou os dous acordos da Consellería de Medio Rural para declarar de utilidade pública e de interese social dous polígonos agroforestais de iniciativa pública, que estarán situados nos concellos ourensáns de Oímbra e Cualedro. Desta forma, inícianse os traballos para executar os dous primeiros polígonos deste tipo, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Cabe sinalar que, ao tratarse de polígonos de iniciativa pública, ambos procedementos serán sometidos a un proceso de concorrencia competitiva. Desta forma, ambos polígonos teñen como obxectivo prioritario poñer en produción áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono ou infrautilización, recuperando deste xeito unha actividade. No caso do polígono agroforestal de Oímbra, contará cunha superficie de case 22 hectáreas repartidas en 70 parcelas de 73 propietarios. Pola súa banda, o polígono de Cualedro constará de 64 hectáreas, repartidas nunhas 70 parcelas de 70 propietarios.

Iniciativa, usos e actividades admisibles

O pasado 27 de decembro de 2021 saían publicados no Diario Oficial de Galicia os procedementos de aprobación para o desenvolvemento destes dous polígonos agroforestais, os cales motivaron a elaboración do estudo de viabilidade en cada un dos casos. Unha vez feitos e aprobados estes estudos, determinouse decretar ambos procedementos para iniciar así a redacción do proxecto básico de cada un dos polígonos. Seguidamente, iniciarase a investigación da titularidade das fincas e os traballos de reestruturación da propiedade en ambas áreas, de seren necesarios. A partir do estudo de viabilidade aprobado en cada caso determináronse os usos e actividades admisibles, así como as boas prácticas forestais. Deste xeito, no polígono de Oímbra establécense en toda a súa extensión como actividade principal os cultivos agrícolas de ciclo curto e, na parte sur, gandaría en extensivo. Como actividade secundaria, identificáronse as árbores froiteiras e, tamén na parte sur, a gandaría en extensivo. No polígono de Cualedro, a actividade principal que se establece é a gandaría en extensivo e cultivos complementarios, contemplando o aproveitamento para gando vacún de produción cárnica, porcino, ovino e cabrún. Calquera das modalidades elixidas deberá ser en extensivo e terán prioridade aquelas explotacións que inclúan unha produción integrada en ecolóxico. Como actividade secundaria, identificáronse outros cultivos agrícolas e de árbores froiteiras, mantendo en calquera caso a vexetación de ribeira existente. A Consellería sinala que “as causas polas que procede desenvolver estes dous polígonos son a existencia dun estado de abandono ou infrautilización dun mínimo do 50% da superficie de terras do polígono agroforestal, así como o acordo das persoas propietarias dos predios, acadando ata un 70% da superficie das terras incluídas no perímetro proposto”. Neste caso concreto, a administración destaca que “en Oímbra asinaron o acordo os propietarios do 86% da superficie para a posta en marcha do polígono e en Cualedro rubricaron os donos do 78% da superficie”.

Convocados os premios de Agader para proxectos no rural

A convocatoria e as bases reguladoras da décimo terceira edición dos Premios ao desenvolvemento rural de Galicia vén de publicarse no Diario Oficial de Galicia. A Consellería do Medio Rural destinará 80.000€ que se repartirán entre os gañadores das oito categorías. Cada un recibirá 10.000 euros, que terán que reinvestirse en cada un dos proxectos premiados. O prazo para presentar as súas candidaturas, con iniciativas que deben estar concluídas con carácter previo á publicación desta convocatoria, é dun mes. As oito categorías que existen son: de mozos, para persoas de menos de 40 anos; paisaxe rural, para iniciativas de intervención, mellora e posta en valor das paisaxes rurais produtivas de Galicia, nas que se integren os elementos e valores culturais e naturais co aproveitamento agrario; de interese social, para aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores; categoría de turismo; do sector agrogandeiro; de mulleres rurais, para iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por elas; de innovación tecnolóxica e, por último, de recuperación e posta en valor da terra agraria. Quedarán excluídas aquelas iniciativas que obtivesen premio nalgunha das anteriores edicións dos premios Agader ou que se encontren en fase de deseño ou execución na data de publicación da convocatoria dos premios. Así mesmo, tampouco poderán concorrer aqueles proxectos que estean relacionados coa exportación a terceiros países ou estados membros. Entre os criterios de valoración estará o feito de como a iniciativa influíu na actividade económica do territorio e á creación do emprego. Así mesmo terase en conta o seu grao de sustentabilidade, de innovación e de consolidación. A nivel social, valorarase tanto a súa contribución á incorporación e inserción laboral da muller no proxecto, como o seu grao de implicación en políticas de igualdade. Tamén sumarán puntos aquelas iniciativas que favorezan a inserción de colectivos ou persoas desfavorecidas e as que dean apoio social, en xeral.

Programada a ‘X Xornada de Granxas Abertas’ na Comarca da Ulloa

O Sindicato Labrego está a organizar a ‘X Xornada de Granxas Abertas’, que terá lugar o vindeiro 19 de Xaneiro a través dunha ruta pola Comarca da Ulloa, onde se amosarán diferentes explotacións con crías de gando cabrún (Cabuxa Natur), de gando bovino na granxa ‘As Cernadas’, e de produción ecolóxica de hortalizas en ‘Casa Ribeiras’. Ao longo desta ruta observaranse así diferentes liñas de negocio e proxectos que permitirán visualizar o potencial galego. A visita comezará ás 11.00h no concello de Guntín para coñecer o proxecto de cría de cabritos e venta directa dos mesmos ‘Cabuxa Natur’. A continuación, a ruta seguirá cara a horta de ‘Casa Ribeiras’ de produción ecolóxica, onde se explicará como se realiza a venda directa dos seus produtos. Tras un breve descanso para comer ás 14.30, que correrá a cargo de cada persoa inscrita, seguirase cara a ‘Granxa das Cernadas’, a cal detallará o seu proxecto de venda de leite ‘sen máis’. O número máximo de participacións que acolle esta xornada é de 20 persoas, para o cal será preciso inscribirse no correo: mocidade@sindicatolabrego.com. Unha vez realizado o proceso, o SLG enviará a localización para a quedada e máis información ao respecto.

A Xunta estuda a creación dun polígono agroforestal de 136 hectáreas para vides, cerdeiras e castiñeiros en Larouco

A Xunta e o Concello ourensán de Larouco estudan a creación dun polígono agroforestal de 136 hectáreas na parroquia de Freixido. Esta é unha das iniciativas impulsadas pola Consellería de Medio Rural para recuperar a terra abandonada na provincia de Ourense, na liña da presentada recentemente en Xunqueira de Ambía para a produción de cereal. En concreto, o polígono agroforestal de Freixido está proxectado nun total de 1.227 parcelas pertencentes a 517 propietarios. Tal e como está concibido e solicitado polo Concello de Larouco, destinaríase a cultivos leñosos, concretamente, á plantación de vides, cerdeiras e castiñeiros. A proposta foi presentada polo conselleiro do Medio Rural, José González, na propia localidade ourensá, onde participou na primeira edición de Facer Galicia Rural, unha serie de eventos que irán percorrendo a comunidade para dar a coñecer as accións que se están a promover co gallo de recuperar actividade agraria e fixar poboación no rural. O titular de Medio Rural sinalou que os polígonos agroforestais non só permiten poñer en valor parcelas en situación de abandono ou infrautilización, senón que van aparellados de xeito prioritario ás producións de proximidade distinguidas pola súa calidade e á remuda xeracional no agro. Con estes polígonos agroforestais apóstase pola volta á produción de grandes áreas de terra potenciando os tres usos do chan (agrario, gandeiro ou forestal) segundo o tipo de cultivo máis acaído ou con maior tradición en cada zona. A iniciativa pode ser da Administración ou de particulares, requirindo o acordo de propietarios (ou representantes dos dereitos de uso) de cando menos o 70 % da superficie do perímetro do proxecto. González estivo acompañado neste acto pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e pola alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela. Durante a súa intervención, o conselleiro destacou a importancia da Lei de recuperación á que calificou como unha caixa de ferramentas para poñer en valor terras en estado de desuso. Ademais recordou as 14 aldeas modelo xa aprobadas e a decena de polígonos agroforestais impulsados, aos que agora se suma o de Freixido, como iniciativas que permiten ademais avanzar na anticipación aos incendios forestais. 

Lei de Recuperación da Terra Agraria: escenario e retos no día 0

A Lei de Recuperación de Terra Agraria de Galicia xa está en marcha. Nace cun obxectivo ambicioso, como é o de “poñer a producir terras abandonadas e aportarlle base territorial suficiente ás explotacións que o precisan”, en palabras do conselleiro do Medio Rural, José González. O reto non é pequeno, como proban os datos. Nas últimas tres décadas, calcúlase que Galicia perdeu máis 150.000 hectáreas de terras agrarias. É unha superficie que en parte quedou no abandono, a mato ou colonizada por frondosas caducifolias, e noutra parte foi ou forestada ou urbanizada. En parello ó abandono, que se rexistrou sobre todo nas comarcas do interior galego con menor peso agrícola, as necesidades de terra das comarcas gandeiras continúan sen cubrir. Só as granxas de leite precisarían arredor de 35.000 hectáreas adicionais, segundo calcula o Plan Estratéxico do Sector Lácteo de Galicia. Mostra do interese que hai por acceder a novas terras, tanto con fins agrícolas como gandeiros ou forestais, son os máis de mil proxectos que se presentaron á iniciativa de Medio Rural para solicitar fondos Next Generation orientados a mobilizar terras abandonadas. Como afrontar ese dobre reto de frear o abandono e de poñer terras a disposición do agro?. A Lei de Recuperación de Terra Agraria preséntase co principal obxectivo de ampliar os instrumentos para mobilizar a terra. En palabras do conselleiro do Medio Rural, que interviu hoxe nunha xornada sobre a nova normativa, “a Lei é unha caixa de ferramentas para poñer en valor a terra”. Os novos instrumentos que ofrece, xa coñecidos, son os seguintes:
  • Banco de Explotacións. A maiores do Banco de Terras, que se pretende fortalecer, créase un banco de explotacións para que os produtores que se xubilen e carezan de relevo poidan arrendar ou vender as súas instalacións, parcelas e maquinaria. A función do Banco sería a de intermediar entre oferta e demanda, pero os posibles acordos terían que pactarse de xeito voluntario e privado entre as dúas partes.
  • Polígonos agroforestais: Os polígonos agroforestais poderán ser promovidos por iniciativa publica ou privada co obxectivo de recuperar terras en estado de abandono. En ambos casos precísase dispoñer dun acordo maioritario das persoas titulares, que representarán un mínimo do 70% das terras incluídas no polígono agroforestal. Exceptúase desa obriga o polígono cortalume, un tipo de iniciativa orientada á prevención de incendios e que só poderá ser de promoción pública.
    En xeral, para a promoción dun polígono agroforestal, polo menos un 50% das terras deberán estar en abandono ou infrautilizadas. Se se trata dunha iniciativa privada na que entre unha explotación agraria activa, para o cálculo non se contabilizarán as terras traballadas desa explotación que se inclúan no perímetro. De cara a reducir o minifundio das parcelas, nos polígonos agroforestais poderán levarse a cabo proxectos de reestruturación da propiedade para asegurar un tamaño mínimo de parcelas. A superficie mínima de actuación será de 10 hectáreas.
  • Agrupacións de xestión conxunta agrarias ou forestais: Poderán ser promovidas por asociacións sen ánimo de lucro, cooperativas, sociedades civís, Sat, sociedades mercantís ou Sofor (no caso das agrupacións forestais). As agrupacións agrogandeiras de xestión conxunta deberán dispor da xestión dunha superficie mínima de 10 hectáreas. O obxectivo é facilitar o aproveitamento conxunto das parcelas, sen facer unha reestruturación da propiedade. Deberase acreditar a disposición dos dereitos de uso dunha porcentaxe superior ao 70 por cento da superficie das terras incluídas no ámbito da iniciativa.
  • Aldeas modelo: Os concellos interesados na declaración dunha aldea modelo no seu termo municipal deberán presentar unha solicitude acompañada dunha proposta de perímetro e da documentación xustificativa de que dispoñen do acordo dos 70% dos propietarios do perímetro proposto. O obxectivo é dinamizar a actividade agraria arredor dos núcleos de poboación, de xeito que esas terras actúen de cortalumes en caso de incendio forestal.
O conselleiro do Medio Rural, José González destaca que todos estes instrumentos “ofrecen seguridade xurídica, baséanse na voluntariedade e proporcionan un beneficio económico para os propietarios das terras”. Investigación da propiedade No marco dos proxectos de mobilización de terras, todas aquelas superficies que sexan de propietario descoñecido someteranse a un proceso de investigación da propiedade. En tanto non apareza propietario, a Xunta estará facultada para arrendalos durante 10 anos. Se pasado ese prazo, non se producise reclamación sobre a súa titularidade, esta pasará á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Inicialmente estaba previsto que as terras pasasen á propiedade da Xunta ós 5 anos, pero unha enmenda do grupo socialista ampliou a dez anos o prazo. O conselleiro destacou que a Xunta aceptou arredor de 300 enmendas dos grupos da oposición, polo que considerou que é unha norma “moi traballada”.

Polémica sobre o Catálogo de usos da terra

A entrada en vigor da Lei de Recuperación de Terra Agraria completarase nos próximos anos cun Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia. Ese catálogo, que prevalecerá sobre calquera Plan Xeral ou clasificación previa, determinará os usos de toda a terra da comunidade. Entre tanto non se elabora o Catálogo, os actuais usos da terra quedan bloqueados. É dicir, o solo de especial protección agropecuaria ou forestal manterá eses usos, en tanto o solo rústico ordinario manterá o seu uso actual, non podendo variarse a outro uso, salvo no caso de antigas terras agrícolas que se queiran recuperar do abandono. É dicir, se un solo rústico ordinario é na actualidade agrícola non poderá ter uso forestal.
O bloqueo da actual clasificación de usos da terra preocupa ó sector forestal, pois é partidario de que se permitan forestar solos rústicos abandonados
A normativa preséntase en principio como garantista dos usos agrarios do solo, se ben desde o BNG manifestouse o temor de que a Lei de Recuperación de Terra Agraria estea ó servizo de aumentar a superficie para o sector forestal. Distinta é a óptica desde o sector forestal, onde ven preocupante o bloqueo da actual clasificación de usos da terra, pois entenden que onde non exista demanda agraria, sería lexítimo que houbese flexibilidade para forestar solos rústicos que agora quedan abandonados, tanto solos rústicos de especial protección agropecuaria como solos rústicos ordinarios. En relación coa ordenación de usos, tamén se prevé elaborar un mapa de usos agroforestais, no que se terá en conta a información do Sixpac e do inventario forestal continuo de Galicia, así como as observacións de campo onde sexa preciso. Antes da aprobación do Catálogo, este terá que pasar por unha Comisión de Xestión das Terras Agroforestais, un novo órgano consultivo da Administración no que participarán representantes de cooperativas, organizacións agrarias e sector forestal. Tamén está prevista a creación dunha Comisión de Prezos e Valores da Terra para fixar os prezos de referencia do Banco de Terras.
https://www.campogalego.gal/prohibicion-de-novas-plantacions-de-eucalipto-entra-en-vigor-o-21-de-xuno/

Osmo: Recuperación do rural e xeración de riqueza grazas ás “aldeas modelo”

A aldea de Osmo, no concello ourensán de Cenlle, é a primeira “aldea modelo” de Galicia, unha iniciativa pioneira da Consellería do Medio Rural que busca recuperar a actividade productiva nas terras abandonadas arredor dos núcleos de poboación, de forma que non só se lle aforra aos propietarios o custo de acometer as limpezas obrigatorias da maleza para previr os incendios forestais, senón que ademais perciben unhas rendas das persoas que lles alugan os terreos. No caso de Osmo, foi o interese dunha parella nova e que non vivía na aldea, a formada por Martín Touceda e Alba Lombao, a que a está facer rexurdir. “Eu son de Cuntis e a Alba de Santiago, onde vivíamos ata hai 4 anos, cando decidimos vir á casa da miña sogra en Osmo, unha vivenda á que só se viña nas vacacións do verán. Aos dous encantábanos este sitio e cremos que é o mellor lugar para criar ao noso fillo Fiz”, explica Martín, que traballa como comercial. Aos dous tiráballes o de producir horta en ecolóxico, un proxecto que lles presentaron a Gabriel Alén, o anterior alcalde de Cenlle. “Isto foi a comezos do ano pasado, e sen a súa axuda non sería posible este proxecto. Díxonos que había a posiblidade das aldeas modelo, que sería moi beneficioso tanto para os veciños como para nós, e tamén para a aldea, pois ao estar boa parte dos terreos cheos de maleza e arborado era un perigo para as casas en caso de incendio”, explica. Inicialmente, o proxecto de Martín e Alba era poñer en cultivo terras abandonadas na faixa de protección -os primeiros 50 metros dende as casas- da aldea para producir e vender produtos da horta en ecolóxico, pero a necesidade de controlar a maleza nos terreos colindantes levounos a incluír tamén gando. “Barallamos meter vacas cachenas para ter controlada a maleza na faixa secundaria, pero tiñamos o problema de que Osmo ten poucas terras de pasto, tamén contemplamos meter un rabaño de cabras ou ovellas, pero desestimámolo porque nos pareceu que non tiña tanta saída comercial, e finalmente, decantámonos polo porco celta. Despois de facer un curso e de visitar varias explotacións, trouxemos os primeiros exemplares no mes de xuño deste ano”, explica Martín. Neste momento teñen 4 nais, un verrón e 25 cebos que manteñen a vexetación controlada nunhas 6 hectáreas que lle alugaron aos veciños durante 10 anos a través do Banco de Terras, despois de ser desbrozadas de xeito gratuíto pola Xunta. A base da súa alimentación son as landras, as castañas, a herba e as raíces do bosque mixto no que viven, complementada con cereal. Algúns dos porcos xa foron adquiridos por veciños e por restaurantes e en decembro estarán listos para a matanza. “A nosa idea é seguir aumentando a cabana e chegar a elaborar nós embutidos desta carne de gran calidade, para o cal xa temos unha marca, CienPorCel”, avanza Martín. Porcos de CienPorCel nunha carballeira de Osmo Ademais das 6 hectáreas para o porco celta, que están protexidas por un peche especial, instalado de forma gratuíta pola Xunta, para evitar os ataques dos lobos ou do xabarín, esta parella de mozos emprendedores no rural tamén vai recuperar outras 3 hectáreas para horta ecolóxica e 1 hectárea para a produción de cereal en ecolóxico co que alimentar aos porcos. “Ata o de agora nas parcelas para horta plantamos nabos para ir preparando o terreo e na primavera comezar a cultivar”, avanzan.

Execución dos traballos de limpeza e cesión dos terreos

Pero que Martín e Alba puideran acceder a estas 10 hectáreas, repartidas en nada menos que 100 parcelas pertencentes a uns 40 propietarios, nun prazo tan breve non sería posible sen as “aldeas modelo”, unha ferramenta da Xunta, áxil e innovadora, que respeta a propiedade dos titulares -non se tocan nin os marcos, nin os valados nin os camiños- e garántelles aos propietarios uns ingresos mediante o aluguer das parcelas a través do Banco de Terras. Aos arrendatarios dálles unha seguridade de poder dispor da superficie durante un período mínimo de 5 anos, ampliable por acordo entre as partes. No caso de Osmo, a iniciativa de presentarlle o proxecto aos veciños partiu do anterior rexedor, Gabriel Alén. “Os veciños están contentos coa iniciativa e con que nós montemos isto. De feito, asinaron a autorización para que lle limpasen os terreos, aforrándolles un custo, e posteriormente a autorización para cedelos ao Banco de Terras de Galicia, para que este á súa vez nolos alugase”, destaca pola súa parte Martín Touceda. Nesta aldea a limpeza das parcelas realizouna a Xunta, que asumiu o custo de desbrozar 24,77 hectáreas de terreo situado nas franxas de protección deste núcleo de poboación. A limpeza executouse nun total de 169 parcelas propiedade de 51 veciños e veciñas.

 Xa están en marcha 44 proxectos de aldeas modelo en Galicia

O modelo de Osmo serviu como exemplo exitoso de como transformar un problema e unha obriga para os propietarios (limpeza dos terreos abandonados arredor das aldeas) nunha oportunidade de xeración de riqueza e de fixación de poboación no rural. Así, segundo datos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), a día de hoxe están postos en marcha un total de 44 iniciativas, que se atopan en diferentes etapas ou fases de execución. En concreto, xa están declaradas como aldeas modelo un total de 12 proxectos, dos cales tres están en fase de finalización de execución. Estes son os de Osmo (Cenlle), aldea destinada á produción de porco celta en ecolóxico; e as de Trascastro (O Incio) e Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), aldeas que se destinarán á produción de vacún de carne autóctono en ecolóxico. No canto dos outros nove proxectos xa declarados, xa se completou o proceso de desbroce e limpeza en todo o seu perímetro, agás na aldea de Meixide (A Veiga), na que se está a traballar ao decretarse aínda o pasado 22 de setembro. Nestas iniciativas, procederase a introducir cabras ou ovellas en pastoreo co fin de garantir o mantemento preventivo destes perímetros dun xeito natural, ecolóxico e, ademais, produtivo. Doutra banda, dos 32 proxectos restantes, nove están en fase de recollida de sinaturas, un requisito imprescindible para a declaración dun aldea modelo; e as outras 23 están en fases iniciais, é dicir, en fase de estudo previo ou de determinación de perímetro.

Vacas de Chandeiros SC, as cachenas cortalumes do Incio

José Armesto é unha persoa con iniciativa. Nada máis poñerse a falar con el saen un cento de proxectos nos que desde fai anos pon todo o seu empeño para sacalos adiante. O último no que está a traballar é en facer realidade unha das primeiras aldeas modelo de Galicia, a nova ferramenta de xestión do territorio coa que a Xunta de Galicia quere combater os incendios forestais. José foi clave para convencer aos veciños para que cederan as súas leiras, moitas delas abandonadas desde hai anos, para este proxecto que está a piques de ser unha realidade. Os traballos de peche das 14 hectáreas avanzaron nos últimos días e José agarda poder botar as vacas nas vindeiras semanas para que empecen a facer o seu traballo de desbroce. "É unha zona moi bonita pero moi difícil de traballar pola forte pendente que ten, se non é con gando sería imposible de domesticar e de manter limpa. No mes de marzo pasáronlle a desbrozadora a todo e no outono volve ter xa maleza. Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando", considera.
Desbrozar as faixas de protección de todas as aldeas de Galicia é inviable se non é co gando
En Trascastro van meter cachenas. Desde fai nove anos son xa as encargadas de limpar todas as fincas que hai desde o pobo até o alto de Chandeiros e a partir de agora ampliarán os seus dominios para pacer tamén as leiras que rodean as casas polo outro lado, a zona que pola parte baixa desemboca no río Cabe. Deste xeito Trascastro quedará completamente rodeado de pastizais e protexido contra o lume, que é o que José persegue coa súa iniciativa, para a que encontrou tamén a total implicación do Concello. "O obxectivo principal é ter a aldea limpa e protexida dos incendios e ao mesmo tempo crear riqueza no pobo a través do gando", di. Moito papeleo A aldea modelo exténdese cara ao río. Pola outra parte de Trascastro xa pacen as vacas de José desde o 2011 José considera que a idea das aldeas modelo pode ser "unha ferramenta moi útil para o rural" pero recoñece que se trata dun instrumento legal "moi difícil de arrincar". "A que imos poñer en marcha en Trascastro son máis de 200 fincas de máis dun cento de propietarios diferentes para só 14 hectáreas. Resulta moi complicado dar con todos os propietarios, xa que moitos deles teñen paradoiro descoñecido, polo que en moitas fincas hai que facer investigación para chegar ao dono", explica.
A aldea modelo é unha ferramenta moi útil para o rural pero é difícil de arrincar porque ten moito papeleo e moita burocracia
Pero unha vez localizado vén outro problema: "ten moito papeleo e moita burocracia, os propietarios das fincas teñen que asinar papeles e documentos unha ducia de veces e iso asusta moito á xente, porque en moitos casos trátase de xente maior que se bota para atrás por iso", engade. Por iso José avoga simplificar no posible os mecanismos legais establecidos para facer máis áxil a agrupación das fincas ou, do contrario, teme que sexan poucas as aldeas modelo que se logren constituír en Galicia, do mesmo xeito que outras ferramentas para a xestión conxunta do territorio, como as SOFOR no caso dos montes, demonstraron unha limitada eficacia. 10 anos agrupando fincas As parcelas, nas que antigamente se sementaba cereal, estaban a toxos e xestas desde facía anos O xerme da que será unha das primeiras aldeas modelo de Galicia en rematarse é a explotación gandeira que José puxo en marcha no ano 2011 xunto a outro veciño, José Casanova, e que conta na actualidade cun cento de cabezas de gando de raza cachena. Leva o nome de Vacas de Chandeiros SC, o alto no que conflúen as 70 hectáreas de superficie que foron xuntando nestes anos.
O futuro da gandería pasa por xuntar fincas e gañar superficie, non hai outra maneira
Para a xestión da aldea modelo vaise constituír unha nova empresa, na que vai entrar o seu fillo Adrián, pero será tamén unha gandería en extensivo de vacas cachenas. "A aldea modelo non dista moito do que fixemos nós estes anos a nivel privado pero empregando a ferramenta que ten agora a Xunta para iso", argumenta José. O proxecto de Vacas de Chandeiros arrincou hai case dez anos para poñer a producir fincas en desuso dos veciños. "Eran terreos nos que se botaba cereal para pan pero levaban xa ben anos a xestas. Empezamos amansando o terreo e desbrozando o mato que había de toxo e xestas. O tractor de 200 cabalos non se vía no medio delas", lembran. Fan venda directa dos becerros e recrían as femias para vida, tanto para eles como para outras explotacións Os dous socios suman arredor dunhas 20 hectáreas en propiedade e pouco a pouco foron apezando outras parcelas, mediante acordos cos veciños, aos que lles pagan unha renda anual, até xuntar as actuais 70 hectáreas, que se incrementarán en 14 máis co proxecto da aldea modelo.
Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer
"Neste momento temos 70 hectáreas todas enlazadas, pertencen a parcelas distintas que fomos xuntando e unificando co acordo dos veciños. Moitas eran fincas pequenas de 500 metros e hoxe a parcela máis pequena ten 8 ha e a máis grande 35. O futuro da gandería pasa por iso, hoxe non hai outra maneira de facelo, eu non poido estar todo o día gardando as vacas coma antes nin cambialas a diario dun lado para outro. Ao rural non lle queda outra saída que adaptarse aos novos tempos, é transformarse ou morrer", opina. Produción en ecolóxico Fixeron uns comedeiros especiais nos que só entran os becerros para poder cebalos nas pradeiras A explotación conta hoxe con 70 nais reprodutoras e un touro, máis os becerros de cebo e as xatas de recría nacidos neste ano. "Empezamos con só 6 cachenas, que fomos buscar ao Xistral. A partir de aí fomos recriando e comprando apostando sempre por esta raza. Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos", xustifica.
Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total
Desde o comezo están en produción ecolóxica e tratan de facer venda directa para lograr maior rendibilidade. "Tratamos de comercializar sempre produtor-consumidor final, case todo a particulares, ese é o noso enfoque para valorizar a calidade que ten a nosa carne, a venda directa é unha garantía para nós e para o consumidor de trazabilidade total", defenden. Só sacrifican os machos, xa que as femias van para vida. "As xatas van todas para recría, parte para nós e parte para outras explotacións que nos queren comprar", explica José. O cebo dos becerros faise con cereais e pensos ecolóxicos, sobre todo millo e unha mestura triturada de trigo, millo e cebada. Entre 750 e 950 metros de altitude Para cambialo de finca José chama polo gando e este ven tras del. Mesmo o touro lle espera a man No alto de Chandeiros fai vento todo o ano e a invernía déixase notar con forza. Por iso, aínda que o gando está sempre fóra, en extensivo, tratan de adaptar o manexo á climatoloxía da zona. "O punto máis alto está a 950 metros de altitude e as fincas de máis abaixo, as que están máis preto das casas da aldea de Trascastro, están a 750 metros. O que facemos é que a medida que vai vindo o inverno ímolas baixando desde as fincas máis altas cara as de máis abaixo, porque se no alto a neve aguanta unha semana abaixo dura só un día", explica José.
Cando empecei a mirar que vacas meter aquí a cachena foi a que máis me convenceu pola capacidade de transformación que ten nos terreos rústicos
"O inverno forte son tres meses, os de decembro, xaneiro e febreiro, logo dura un pouco máis, pero xa é máis suave", engade. Suplementan con forraxes recollidas nas propias parcelas para garantir a súa procedencia ecolóxica e aos becerros téñenlles comedeiros adaptados para que só eles poidan entrar a comer o penso. Están unidos a unha tolva e vanos movendo co tractor a medida que cambian o gando de parcela, posto que todos os animais, unhas 100 cabezas, están nun único lote. "Traballamos cunha única manda que imos cambiando de finca a medida que se vai esgotando o pasto. Son parcelas desiguais e en función do seu tamaño, da cantidade de pasto ou da época do ano están máis ou menos tempo. O manexo é sinxelo, para cambialas eu chego a xunto delas, chámoas e veñen detrás miña, para iso de vez en cando doulles algún que outro premio en forma de penso", revela José.
Traballamos cunha única manda que imos cambiando de parcela a medida que se esgota o pasto
Todas as fincas teñen bebedeiro, que se subministran desde unha balsa que recolle a auga da chuvia e máis dunha fonte situada na parte alta. "A lona veu de Italia, mercámola por internet e instalámola nós mesmos, igual que os comedeiros dos xatos, que tamén fixemos nós adaptados ás nosas necesidades", explican. Balsa de auga que subministra aos bebedeiros, con capacidade de almacenaxe para dous meses no verán

Diversificar no rural

Trascastro está formada por uns 20 veciños pero moitos dos seus habitantes son persoas maiores ou xente que vén só as fins de semana. "Con gando só quedamos José Casanova e máis eu", aclara o seu tocaio José Armesto. Por iso sobre eles dous recae case en exclusiva o mantemento das fincas da parroquia. "Eu antes non tiña vacas, o meu socio si, xa tiña vacas rubias", conta.
Non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso
José comezou montando en Trascastro unha casa de turismo rural, que leva por nome A Niñada, e está convencido de que as posibilidades do rural son múltiples pero sempre baixo unha premisa fundamental: "non hai maneira de manter o rural se non se vive del e a Administración ten que ser consciente diso", di.
Hoxe é unha explotación viable pero durante os primeiros cinco anos foi todo investir
Hoxe Vacas de Chandeiros é unha explotación rendible, pero José aínda lembra que os comezos foron difíciles. "Durante os primeiros cinco anos foi todo investir: comprar dereitos, mercar gando, acondicionar e pechar as fincas. Tes que dispoñer de diñeiro para poder empezar, senón é imposible, e logo agardar tres ou catro anos para empezar a producir e recuperar o investimento se a cousa vai ben. A día de hoxe é unha explotación viable, eu confiaba no proxecto e sabía que a longo prazo ía funcionar, pero non deixa de ser de moito risco. Para iniciativas destas tiñamos que ter moito máis apoio, algo que cando comezamos nós non tivemos", recorda. Unir e motivar á xente Rodeando os terreos da aldea modelo a Comunidade de Montes recuperou unha ruta de sendeirismo Malia non ser nativo de Transcastro, como el di, (José é natural de Valdruz, pertencente tamén ao Incio), adaptouse tan ben que hoxe é o verdadeiro activista e animador da vida deste pobo, onde preside a Asociación de Veciños e a Comunidade de Montes. "Non hai quen se queira poñer, pero eu xa necesitaba vacacións urxentes", bromea.
Levar a cabo proxectos colectivos teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente, por iso a aldea modelo non é máis que o comezo de grandes cousas
Por iso, para José a posta en marcha da aldea modelo non é máis que o comezo doutros proxectos e iniciativas para poñer en valor as potencialidades da súa parroquia. "Unha cousa leva a outra e levar a cabo proxectos colectivos coma este teñen a virtude de lograr unir e motivar á xente", destaca. Como complemento á aldea modelo os veciños de Trascastro recuperaron un antigo camiño, pechado desde facía anos, que vai dar a un entorno a carón do río Cabe onde se conservan dous muíños, unha serrería e unha vella central hidroeléctrica. Esta ruta de sendeirismo, coñecida como Ruta do Pozo da Ola, duns 12 quilómetros de lonxitude, une Trascastro e Airela e pasa pola Ferrería do Incio, onde había tamén un antigo balneario.
Polo bordo da aldea modelo, a carón do río Cabe, discorrerá unha ruta de sendeirismo para o disfrute da poboación local e o aproveitamento turístico
"Con actuacións coma esta fas unha dobre función: por un lado recuperas un antigo camiño para o pobo e por outro creas un atractivo a nivel turístico", defende José. A recuperación da ruta foi acometida pola Comunidade de Montes co apoio da Deputación. Pola súa banda, a Asociación de Veciños encargouse de lograr a cesión dun edificio abandonado, un antigo inmoble usado polos Peóns Camineros, para rehabilitalo como local social da parroquia.

"Todos os anos nos afecta o lobo pero dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún"

Teñen as 70 hectáreas pechadas con cercas eléctricas con tres aramios alimentadas con pastores solares As 70 hectáreas nas que pacen as cachenas de Vacas de Chandeiros están pechadas con cercas eléctricas conformadas por tres fíos, que suman máis ou menos un metro de altura, e que están conectadas a pastores eléctricos alimentados por placas solares. "De todas as marcas o que máis temos é Ion, porque fabrican en Lugo e están cerca. Decantámonos por eles pola comodidade que iso supón en canto a mantementos e reparacións", destaca José. Pero malia ao bo estado e o mantemento continuo que fan nos peches estes non logran impedir a entrada da fauna salvaxe, un dos maiores problemas cos que se atopan a día de hoxe as explotacións en extensivo. "Nesta zona hai bastante ataque de lobo, todos os anos nos afecta, e o xabarín destrózanos as pradeiras, fainos tamén moito dano, pero no caso do porco bravo as indemnizacións son razonables, non coma no caso do lobo", quéixase.
Eu quérolle moito ao lobo, pero quérolles tamén moito aos meus animais
"Dos danos de lobo é moi difícil que se fagan cargo porque os mecanismos que teñen non son adecuados ás circunstancias das explotacións en extensivo en terreos de monte ou que manexamos grandes superficies porque se non aparece o xato non cho pagan. Nós dos ataques que tivemos nunca logramos cobrar ningún, nin eu nin outros gandeiros colindantes, por unha cousa ou por outra sempre che vén denegado. Non podes manipular o cadáver, así que non tes maneira de protexer os restos e ti chamas hoxe e eles veñen mañá á mañá, pero nesas horas os restos o máis normal é que desaparezan, porque nunha noite dun becerro destes non queda nada e se ao día seguinte non está a columna vertebral xa non cho pagan", explica.
A Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia
"A min o lobo é un animal que me encanta, porque velo e estás vendo ao xefe do monte, pero aínda que eu lle quero moito ao lobo, quérolles moito tamén aos meus animais. Nós nesta zona sempre convivimos co lobo pero antes sempre ía un pastor co gando, agora non, así que a Administración ten que facerse cargo dos danos que provoca o lobo porque senón é imposible a convivencia", asegura. Unha burra e dous mastíns conviven a diario co gando para defendelo do lobo Para tratar de minimizar os danos nesta gandería teñen unha burra para detectar o perigo e poñer as vacas en alerta e dous mastíns para defendelas. Pero "o lobo é moi listo", di José, e "acaba aburrindo aos mastíns". "O lobo sábeas todas e ten todo o tempo do mundo para vixiar e atacar cando ten a presa a tiro. Fai 4 ou 5 anos tiñamos unha invasión de lobos nesta zona, había unha manda moi grande", lembra.