Category Archives: Agricultura

“Prevese para este ano unha mala calidade fitosanitaria da pataca e producións baixas, pero bos prezos”

Fernando Alonso Arce, enxeñeiro agrónomo e consultor especializado, é un dos maiores expertos en pataca. Recentemente participou nas xornadas técnicas sobre a optimización do cultivo da pataca de calidade, que se celebraron en Xinzo de Limia (Ourense) e Coristanco (A Coruña). Nesta entrevista explica cales son as previsións para a campaña do presente ano, cales son as principais pragas ás que haberá que facer fronte e como valora as oportunidades que ten Galicia nesta produción. - Cales son os principais problemas que se agardan na produción de pataca nesta campaña? Por unha banda, non hai suficiente pataca de sementa. Houbo menos pataca que outros anos en Europa polo que falta pataca de sementa. Isto vaise notar, principalmente, en Galicia porque é a última zona de España onde se sementa. Todo iso leva a que se sementarán variedades diferentes a outros anos, algunhas novas e totalmente descoñecidas polo que non se sabe que resultados se obterán en produción ou destino. Antes sementábase pataca para producir quilogramos, pero hoxe en día o agricultor que produce pataca debe ter un mercado obxectivo onde vendelas. Non se pode plantar calquera variedade, hai que sementar variedades que se teñan vendidas ou que se coñeza o mercado ao que teñen que ir dirixidas. Por outra banda, ao haber menos colleita precintáronse xa calibres máis gordos de semente e iso vai implicar que hai que picar a pataca para que sexa rendible economicamente a semente. Cada anaco do tubérculo que se parte vai ter menos xemas que se fose un tubérculo enteiro, como se plantaba normalmente. Iso vai implicar que haxa menos talos nas plantas e cada planta producirá menos tubérculos, o que vai ter como consecuencia que os tubérculos van engordar máis, seguramente, se non se modifica o marco de plantación do cultivo. - Cales son as variedades que teremos este ano novas? Este ano véndese de todo, variedades que outros anos se descoñecían ou ían para outros mercados. Concretamente, houbo algún almacenista que me comentou que cando un ano normal vende catro ou cinco variedades, este ano máis de 20 diferentes. Ao non haber semente no mercado, o agricultor trata de sementar o que pode conseguir e a uns prezos carísimos. - Como é a calidade fitosanitaria das sementes? Previsiblemente este ano a calidade fitosanitaria vai ser bastante peor que outros anos porque en Europa tiveron problemas cos pulgóns, que son os vectores das virosis en patacas, sobre todo do virus do enrolado e virus Y. Debido ao cambio climático, en Centroeuropa tiveron máis poboación de pulgóns do normal e cada ano, previsiblemente, terán máis problemas coas virosis. Refugaron como produtoras de sementes máis de 1.600 ha por superar a tolerancia en canto a virosis graves e previsiblemente a semente que se precintou vai ter unha porcentaxe maior de virosis que outros anos, o cal vai influír sobre todo en variedades que son sensibles ao virus Y, como a 'Monalisa' e a 'Hermes'. Hai uns tres anos quedaron sen arrincar moitas hectáreas, sobre todo en Castela e León, polo problema do virus Y nas variedades mencionadas e previsiblemente este ano ocorra algo parecido, haberá moitos agricultores que teñan problemas con estas virosis.
Quen utiliza sementes sen control oficial corre o risco de que lle aparezan patóxenos de corentena e teña que destruír a produción
- Estendeuse un rumor de que a calidade da semente da pataca holandesa ou francesa é superior á de España. Que hai de verdade neste rumor? Efectivamente é unha lenda urbana. En Europa tiveron moitos problemas nos arranques durante o outono e ata hai pouco a noticia que había é que se quedaron sen arrincar 11.000 hectáreas en Europa de pataca por problemas de encharcamento e de podremia, iso tamén vasie notar seguramente na calidade das sementes que viñeron este ano de Europa. Hai países en Latinoamérica que sufriron consecuencias pola baixa calidade da pataca europea. - Cales son principais riscos de empregar a práctica de reempleo da semente? Ao utilizar unha semente que non está controlada oficialmente e da que non sabemos se é portadora dalgún patógeno de corentena é un risco evidente que corremos, contando co nematodo do quiste que é bastante corrente en moitas zonas, como con bacterias de corentena como ralstonia. Quen utilice semente sen control oficial corre o risco de que lle aparezan patógenos de corentena e deba destruír a produción, se nos referimos a patógenos de corentena que a tolerancia é 0. En canto a patógxnos de calidade como son as virosis, a rizoctonia, o pé negro ou outro tipo de problemas pois a posibilidade de ter problemas con esta pataca é maior. A esta pataca non se lle pode chamar semente porque non vén dunha semente controlada ou certificada, senón que é pataca de reempleo. - Que outros erros comúns se deben evitar á hora de plantar pataca? Este ano habería que ser moi coidadosos co tema do troceado, controlar que non haxa anacos que vaian sen xema porque un pedazo que non leva unha xema non vai dar lugar a unha planta, non vai nacer; vai ser unha falta no terreo. Tamén hai que coidar o marco de plantación porque ao haber menos talos, os tubérculos van engordar máis e existe a posibilidade de que algún agricultor se atope con que as súas patacas son demasiado gordas para o que require o mercado; pódese atopar con problemas na comercialización. Outro punto importante é ter coidado de non abrir os sacos que veñen húmidos ou con manchas porque a garantía de calidade da pataca de sementa dánola o precinto do envase que compramos, en canto quitamos o precinto xa perdemos a garantía. É necesario abrir algún deles para comprobar as patacas, pero se lle parece que non ten a calidade suficiente ten que deixar de abrir sacos porque cando veña a administración correspondente a recoller a mostra ten que collela dos precintados. Coas proibicións de antixerminantes é difícil conservar a pataca durante moito tempo e fará que se encareza - En Galicia a produción de pataca para consumo está moi centrada na Kennebec, variedade con menores rendementos e máis sensibilidade ao mildiu. Como analiza esta resistencia numantina dos produtores galegos a manter esta variedade como hexemónica? Están a perderse outras oportunidades? Eu penso todo o contrario. Eu penso que a variedade Kennebec é un activo para os produtores galegos. Que o queren complementar coa agria? Pois ben, pero basicamente deben traballar máis coa Kennebec. O ano pasado o problema fundamental que houbo non foi o mildiu en Galicia, senón a verticilosis, un fungo diferente ao mildiu que produciu unha diminución de colleita moi importante. Esa enfermidade afectou tanto á agria como á Kennebec.
A xente que coñezo e que é de fóra de Galicia, se identifica e valora a pataca galega é pola Kennebec: Carne branca e con bo sabor.
- Un dos problemas para o cultivo da pataca son as malas herbas, como a juncia. Como está a afectar a supresión dun herbicida moi común como era Spectrum? Que alternativas viables cre que hai para esta progresiva redución dos herbicidas para pataca? Este problema está a habelo con todo tipo de fitosanitarios, non só con herbicidas, senón con insecticidas e funxicidas. É un problema que se vai ir agravando. Cada vez restrínxense máis as materias activas para loitar contra as pragas e enfermidades e o que hai que facer é un control de pragas e enfermidades non soamente con fitosanitarios, senón facendo unha loita integrada baseándose no momento de sementeira, na adecuación das leiras polo ciclo da variedade, do chan... moitas cousas. - O verme do arame é unha importante causa de diminucións nas colleitas de pataca. É mellor o encalado con cal vivo que os insecticidas? É máis eficaz o insecticida granulado antes da plantación aplicado a bato ou na plantadora? Agora mesmo non hai ningún produto fitosanitario, ningún insecticida, que sexa eficaz contra o verme de arame falando claro. As larvas de verme de arame son moi sensibles ao sol e ao aire. Cando teñamos leiras que sabemos que teñen poboación de verme de arame, hai que voltear a terra e aireala o máximo posible, sobre todo no verán, que fai máis calor. É a mellor forma de loitar contra as larvas de verme de arame. - Están a prohibirse determinados antigerminantes para a conservación da pataca. Que valoración realiza da adaptación do sector a estes cambios normativos? Levamos tres anos nos que non se permite o uso de clorprofam, que era bo e barato. O agricultor e o almacenista que conservan pataca está a sufrir moito porque non hai un produto que se lle poida equiparar ao clorprofam. Están a utilizarse outros produtos alternativos e realízanse diferentes ensaios, pero todos os produtos son máis caros e menos bos que o clorprofam. É difícil conservar a pataca durante moito tempo, hai que facelo a base de baixar a temperatura do almacén e a base de dar moitos máis tratamentos que antes. Isto o que fai é encarecer o produto.
A climatoloxía xogará un papel importante nas pragas. O ano pasado, a verticilose tivo grande importancia en zonas onde houbo choivas fortes
- O ano pasado a pataca rexistrou bos prezos en xeral. Que pode avanzar das previsións para este ano? O ano pasado os prezos foron realmente moi bos e este ano eu penso que tamén serán bos. Seguramente se vai a poder seguir exportando a Europa porque a industria europea necesita moita materia prima. Actualmente, Exipto está a meter pataca en Europa, pero non está a ter a calidade que se esperaba dela. Agora mesmo estase arrincando pataca española aquí en Cartaxena cuns prezos moi bos e en pouco tempo entrará en produción Sevilla, co Val do Guadalquivir. Eu o que preveño é que a sanidade deste ano vai ser mala, sendo sincero, e que as producións van ser baixas. Vai haber moitos agricultores que terán problemas nos seus cultivos. - A praga de corentena polilla guatemalteca da pataca segue sendo un problema en Galicia? Eu considero que Galicia está a loitar adecuadamente contra esta praga. Apareceu en 2015 na zona de Ferrol, foise estendendo por diversos puntos de Galicia, pero foise erradicando cunhas medidas adecuadas. Nos municipios onde aparece a praga non se permite plantar pataca ata que pasen dous anos desde a última detección dun adulto nas trampas de feromona. En Asturias conseguiron erradicala e en Galicia eu creo que van en camiño diso tamén. - A que pragas débese prestar maior atención neste 2024? A climatoloxía vai xogar un papel importante. O ano pasado, a enfermidade máis importante foi a verticilosis, tanto na zona de Xinzo como na de Bergantiños, ademais doutras áreas onde houbo choivas fortes na primavera e nos meses de maio ou xuño. Producíronse encharcamentos, polo que tivo forte presenza o verticilium albo-atrum, un fungo que produce a enfermidade da verticillosis, contra a que non hai materia activa que sexa eficaz e que produce unha diminución da colleita bastante importante. Polo que lin nas estimacións da Xunta, na zona da Limia, que habitualmente se cultivan uns 120 millóns de kg, o ano pasado a colleita quedou en 80 millóns de kg e o principal causante desta baixada foi a verticilosis.

A cooperativa Campoastur colabora para impulsar hortas ecolóxicas nos colexios de Asturias

As entidades Caixa Rural de Asturias, a cooperativa Campoastur, e o Consello da Produción Agraria ecolóxica do Principado de Asturias asinan un convenio para o apoio da Rede de hortos ecolóxicos escolares do Principado de Asturias. Desta maneira, estas entidades manifestan a súa aposta por levar as prácticas e valores da agroecoloxía aos centros educativos e ás futuras xeracións asturianas que se forman neles. O acto da firma do convenio de colaboración entre as 3 entidades realizouse no Colexio Nazaret de Oviedo. Este centro escolar, parte da Rede, utiliza o seu horto escolar ecolóxico como un recurso educativo con implante curricular en todos os cursos. Ademais, realizaron cos seus alumnos e o apoio da rede un horto urbano realizado en bancais no propio patio do colexio, co que os escolares conviven nos seus  intres de lecer. A Rede de hortos ecolóxicos escolares do Principado de Asturias naceu en 2012 da man do COPAE. Desde entón medoru notablemente até alcanzar os 127 centros no curso 2023-2024 e a máis de 6.000 alumnos. Soamente no curso 2022-2023 sumáronse 45 centros novos. Ao longo destes anos realizáronse actividades formativas nos centros da Rede. En moitos casos, estas actividades serviron para pór en marcha novos hortos ecolóxicos educativos neses mesmos centros e, noutros, para mellorar as iniciativas hortícolas que xa se estaban levando a cabo nalgúns centros. Ademais, fomentouse o contacto dos alumnos dos centros-rede con produtores ecolóxicos do campo asturiano, a través de excursións subvencionadas.

Saen a concurso na Limia o arrendamento de 49 hectáreas e a venda da súa herba actual

O proxecto Aterra, unha das liñas de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, pasou a ser durante os próximos 25 anos a entidade xestora de 49 hectáreas propiedade da Deputación de Ourense. Os terreos están divididos en 7 referencias catastrais na contorna da antiga Lagoa de Antela que conforman os 16 lotes a arrendar. Deste xeito, Aterra iniciou un dobre proceso: a subasta da herba desas terras e o arrendamento para a posta en marcha de novos cultivos. O prazo para o primeiro dos procesos iniciouse o pasado 30 de abril e está habilitado durante 7 días naturais para que as persoas interesadas envíen as súas propostas económicas, partindo dun prezo de saída de 3.500 euros.  Para o arrendamento dos terreos, o prazo está aberto desde o 25 do mes pasado, durante 20 días naturais. “A presentación nos dous casos é dixital; para a da herba hai que mandar un correo electrónico a info@aterra.gal co correspondente anexo dispoñible na web e a proposta económica, mentres que para a solicitude de arrendamento hai que acceder ao formulario, tamén na páxina, cos correspondentes anexos alí dispoñibles”, explica a xerente do GDR, Eva González. Orientación dos proxectos Os 16 lotes conformados polas 7 parcelas cedidas ao GDR Limia-Arnoia no eido do proxecto Aterra representan “unha aposta forte na Limia. A idea é asignar eses terreos para a produción en ecolóxico. O noso obxectivo desde o convenio feito coa Deputación parte dunha filosofía de máximos, isto é, que estean dispoñibles para a diversificación da produción na Limia, para a axuda á incorporación de novos agricultores e agricultoras ou mesmo a incorporación de novos cultivos”, sinala a xerente.
O proceso prima á agricultura en ecolóxico, novos agricultores e a diversificación de cultivos
A xente da propia comarca é a prioridade do GDR á hora de adxudicar os arrendamentos, e así mesmo, pídese a inscripción no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).  “Nós sabemos que a Limia é unha comarca de forte produción agraria, que queremos que siga sendo así, ou que a pataca e o cereal son os fortes, pero tamén consideramos que favorecer outros modelos de produción é interesante. Por iso, entre as súas funcións, o GDR intenta poñer en práctica outras maneiras de producir, e amosar outras maneiras de ver o rural, ou outras maneiras de valorizar a actividade agraria e gandeira”, apunta. Estes terreos levan sen producir moito tempo. Son parcelas de alta calidade produtiva, libres de nemátodo e outras pragas, polo tanto, “é máis probable que se poidan producir cultivos en ecolóxico nesas parcelas que noutras que leven 20 anos producindo, por exemplo. Nós esperamos que haxa unha demanda para estes lotes”, aclara. De entrada, o perfil obxetivo destas terras é “unha persoa nova do territorio que queira producir horta en ecolóxico, aínda que se alguén quere facer producións de cereal, pataca ou cultivos que fomenten a recuperación do solo, pois tamén”, insiste a xerente do GDR.  Outro dos requisitos para formular a solicitude é a necesidade de presentar un plan de cultivo, cuxo cumprimento se revisará todos os anos. “Se se incumpren os acordos, o GDR poderá acordar a cancelación do contrato de cesión”, sinala.  Criterios de selección A convocatoria marca dous criterios principais á hora de puntuar as solicitudes: perfil da persoa demandante (40% da puntuación total), -con puntos adicionais se é nova incorporación, se é muller, se é unha persoa con discapacidade, etc.- e por outra parte o tipo de cultivo que se queira facer (60% restante).  En canto ó cultivo, o que máis prima é a produción de horta, logo o cereal autóctono, a introdución de novos cultivos mellorantes do solo, cultivos forraxeiros, e incluso prado (cuxo máximo será un 20% da superficie pola prioridade da iniciativa de producir alimentos de forma sustentable).  “Sabemos que moita xente da Limia está interesada nas parcelas, o que non sabemos, e esperamos que si, é se esas persoas están interesadas en producir en ecolóxico. Nos pensamos que é unha boa aposta incluso para aquelas persoas que produzan en convencional e que queiran probar outros cultivo neste modelo”, afirma Eva González. Por outro lado, do total de terreos, as fincas máis pequenas -hai algunhas de algo menos de 0,3 hectáreas- “probablemente non teñan interesados, polo que pasarán a ser xestionadas polo GDR para facer convenios con grupos de investigación e deixalas como parcelas de ensaio”, avanza. Finalmente, é necesario ter en conta que as persoas ás que se lle adxudican os terreos non poderán entrar nas fincas ata o 15 de agosto. Contratos de arrendamento A repartición en lotes das referencias catastrais cedidas pola Deputación fíxose en función dos canais que as separan, e os hidrantes dispoñibles para os sistemas de rego. Os demandantes poderán acceder ao aluguer dos terreos para a súa explotación individualmente ou por lotes, en función das súas necesidades. Para coñecer os lotes destinados ao arrendamento na Finca Antela é preciso ver o mapa. Localización dos lotes sobre plano catastral e ortofoto aérea. / Fonte: Aterra.gal As terras para aluguer terán un prezo duns 300 euros por hectárea e ano (IVE incluído). “Farase un contrato de arrendamento ante notario de 5 anos prorrogable a 8. Entre os custos, ademais do prezo establecido, os arrendatarios terán que facerse cargo dos custes de mantemento e gasto de auga para o sistema de regadío da súa propia parcela. Para iso, poñeráselle un contador a cada un deles, para que no momento da rega asuman os gastos de xestión da finca”, amplia a xerente. Imaxe dunha das tomas de hidrante dispoñibles nos lotes./ Fonte: Aterra.gal Adxudicación da sega da herba En canto ao procedemento para a sega de herba destes terreos da ‘Finca Antela’, será adxudicada á persoa que propoña a oferta económica máis vantaxosa, partindo a licitación en 3.500 euros. A persoa adxudicataria da licitación deberá realizar a sega entre o 15 de xuño e o 15 de agosto, data límite para deixar a terra libre para uso agrícola.
O proxecto Aterra Aterra é unha iniciativa do Grupo de Desenvolvemento Rural Limia Arnoia que ten como obxectivo recuperar terra abandonada ou en desuso. O fin último é conectar persoas propietarias de terras con persoas demandantes de terra para o desenvolvemento ou ampliación do seu proxecto.   Esta iniciativa é parte fundamental da Estratexia de Desenvolvemento Local 2023-2027 deste GDR. Viu a luz a finais do 2022 e ten por obxectivo impulsar novos proxectos agrarios no territorio no que actúa. O Grupo de Desenvolvemento detectou a necesidade de crear un fondo de terras co obxectivo de dispoñer de parcelas produtivas que permitan apoiar novas explotacións agrarias ou o mantemento das que xa existen.  Para calquera consulta (ofrecer terras, demandar terras ou consultar as terras dispoñibles), pódese facer a través da web do proxecto, que incorpora un visor xeográfico de parcelas. Tamén se pode contactar co persoal de Aterra para resolver calquera dúbida.
  • Peza informativa elaborada coa colaboración comercial do GDR Limia - Arnoia

Labrecos: un modelo circular e sostible de horta en ecolóxico

Labrecos é unha cooperativa de traballo asociado que se atopa no municipio de Oza-Cesuras. Adícase á horta e á cría de carne en ecolóxico, e encara o seu futuro coa idea de potenciar sistemas agroforestais. Os tres membros que a compoñen contemplan estes tres elementos como un todo que permite obter unha produción de horta en ecolóxico dunha maneira moi rendible, con productos de calidade, e sen a necesidade de abonos orgánicos externos. A comercialización dos seus productos fundamentase nos ciclos curtos. Unha das vías é a venta directa aos consumidores, tanto particulares como restaurantes, que se adaptan á temporalidade da producción. Outra das vías importantes é a venda a comedores colectivos, principalmente colexios, a través de iniciativas como a de Ecocomedores, coa que non só se pretende achegar a rapaces e rapazas productos de horta en ecolóxico, senón que tamén se procura concienciar sobre a importancia de consumir alimentos sostibles e sen residuos. Esta liña de concienciación trasládase tamén a outro proxecto de Labrecos, en conxunto coa Asociación Raíña e Os Biosbardos, que consiste en crear grupos de consumo nos colexios da bisbarra, facendo chegar unha dispoñibilidade conxunta das 3 hortas a familias, profesores ou incluso veciños das escolas. Iso permitiría que o modelo de comedor ecolóxico que seguen na escola sexa extensivo ás casas. Cómo traballan en Labrecos? En Labrecos traballan no marco da agricultura ecolóxica certificada, co selo do Craega, e ademais oriéntanse a primar o traballo manual, no lugar do mecánico, para favorecer o máximo posible a biodiversidade do solo. “Unha das nosas premisas é deixar que a natureza funcione como ten que facelo, e para iso, optamos por técnicas de loita biolóxica contra as pragas ou por métodos de agricultura rexenerativa para manter un solo húmido, esponxoso e así reducir o seu desgaste”, explica unha das socias cooperativistas, Raquel García.
"A nosa premisa é deixar que a natureza funcione"
A cría dos animais para esta Cooperativa, ademais de complementar a súa actividade económica, representa unha das fontes principais de fertilizantes para os cultivos. “Controlamos a compostaxe do esterco, controlamos que non teña sementes, e botamos o que realmente lle fai falta á planta. Isto tamén nos permite un control das pragas porque se utilizamos a cantidade de materia orgánica axeitada, cunha trazabilidade desde o propio orixe na Cooperativa, reduce a aparición de problemas”, detalla o socio cooperativista Aitor Lata. Desta maneira, o coidado dos solos é unha das claves da horta en ecolóxico de Labrecos, posto que “a base é ter unha terra sa, cunha riqueza en materia orgánica e en microbioloxía e a partir de aí, a planta é unha consecuencia”, agrega outro dos socios, Iván Lata. Nestes momentos, a pesar de que a maior parte da produción está en invernadoiro, a Cooperativa tamén ten unha pequena parte de horta exterior na cal están implementando técnicas concretas de agricultura rexenerativa, como a coberteira con herba cortada, que evita a solarización do solo, para así manter o solo húmido e capaz de desenvolver a aparición de microorganismos. “Tan só hai que mirar o que pasa no monte, o solo está cuberto por varias capas de follas, dando lugar a unha compostaxe en superficie que favorece a proliferación de biodiversidade”, compara Aitor Lata.
"A idea de que a horta en ecolóxico non é produtiva é un gran bulo. Só sucede iso se segues aplicando os esquemas da produción convencional"
En canto á planta certificada en ecolóxico, Labrecos fai a súa propia planta a través de sementeira, na medida do posible. Aínda así, “sempre hai algunha planta que che sae mal, e a relativa incipiencia do mercado en ecolóxico fai que algunhas veces sexa complicado conseguir planta en Galicia, sobre todo antes. Agora coñecemos a un compañeiro asentado en Cerceda co que colaboramos e nos vai moi ben”, sinala Iván Lata. Con todo isto, os rendementos da produción de Labrecos vense afectados polo seu xeito de traballar? A resposta pola parte dos seus socios é un rotundo non. “Iso de que a agricultura en ecolóxico non é productiva é un gran bulo, é incorrecto, tan só é menos productiva se continúas aplicando o sistema de produción convencional. Se continúas coas mesmas prácticas de maltratar o solo, arar co tractor, etc. si que é menos productiva porque non tes o salvavidas do saco de abono. Tan só hai que ser máis coidadoso”, afirma. A comercialización da producción A producción en ecolóxico de Labrecos ten diferentes vías de chegar ao consumidor final. Unha delas é a través da venda directa a particulares, pola cal, unha vez á semana, e en función da súa produción, os socios de Labrecos achegan unha cesta a cada cliente. “Esta fórmula permítenos ter unha proximidade co consumidor, para obter un feedback sobre a nosa colleita”, amplía Raquel García. Sobre a adaptación das cestas ós produtos de tempada, desde Labreco inciden na adaptación do consumidor. “O que observamos é que a nosa gama de clientes foise adaptando á temporalidade dos cultivos cada vez con menor inconveniencia, e se unha semana, por calquera fenómeno non podemos entregarlles a cesta, van entendelo”, concreta. Outro dos puntos de venda para a producción da Cooperativa é a iniciativa Ecocomedores, isto é, o suministro ós comedores escolares, que “xa estaba na nosa mente antes de iniciar o proxecto”, avanza Iván Lata. “Esta iniciativa é moi importante porque non só estamos alimentando aos nenos e nenas dun xeito saludable, senón porque estamos dándolle de comer aos nosos clientes de futuro”, comenta. “Aínda así, nun primeiro momento non nos vimos con forza para xerar os alimentos necesarios para abastecer un comedor escolar cun número de alumnos elevado, pero a raíz dun proxecto piloto do Grupo de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos, que recadou a varios productores de proximidade, contactou de novo co grupo unha escola infantil de Novo Mesoiro, comezamos por aí, e fomos chegando a máis centros ata a situación actual”, explica Iván Lata. Proxectos de futuro de Labrecos Nestes momentos os socios da Cooperativa van continuar pola formación en sistemas agroforestais. “O ideal sería que no momento da plantación do apartado de horta tamén se poñan unha serie de liña de árbores, para que, co tempo, as árbores colonicen ese terreo e formen un monte. Unha vez suceda iso, levarase a horta a outra superficie para facer o mesmo”, detalla Iván Lata. Esta orientación está motivada pola problemática da auga, posto que “desde Labrecos vemos que a seca do verán está en certo modo alimentada pola falta de árbores, é dicir, non hai materia orgánica nos solos e polo tanto non hai retención, da igual o que chova", conclúe.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

Xornadas agroecolóxicas en Padrón para potenciar o aproveitamento da horta

O Sindicato Labrego Galego (SLG) e a COAG organizan unhas xornadas agroecolóxicas para potenciar o aproveitamento da horta. Están dirixidas a persoas traballadoras, autónomas e desempregadas. As datas en que se desenvolverán serán esta semana, 25, 26 e 27 de abril. Os horarios repartiranse da seguinte maneira: os días 25 e 26 as aulas serán de catro da tarde a oito, o día 27 será de dez da mañá a dúas do medio día. O lugar de encontro será o Local de Herbón (antiga escola unitaria) na estrada Rego da Manga, s/n, Padrón. A data límite para inscribirse será o 22 de abril podéndose contactar a través do enderezo electrónico: compostela@sindicatolabrego.gal As xornadas están financiadas polo Ministerio de Agricultura e contan coa colaboración do Concello de Padrón.

Este domingo celébrase a Mostra do Aceite de Quiroga

A vila luguesa de Quiroga celebra este domingo, 21 de abril, a Mostra do Aceite, para exaltar e poder degustar e mercar un aceite de oliva 100% galego, producido nunha das poucas comarcas nas que conservou o cultivo da oliveira en Galicia. A mostra, como xa é tradicional, celebrarase nun muiño de aceite da parroquia de Santa María de Bendilló. O programa desta mostra, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, é o seguinte: -A partir das 11:30 horas porase en funcionamento o muiño de aceite de Bendilló e dará comezo a demostración de elaboración artesanal do aceite de oliva de Quiroga. Á mesma hora tamén se procederá á apertura dos postos de venda de aceite e de produtos típicos, todos eles de produtores da zona. -Ás 12.00 horas terá lugar na capela das Farrapas a degustación comentada dos aceites de Quiroga  e a actuación do Grupo de Gaitas O Recanto . -Ás 13.00 horas comezará outra degustación comentada de aceites de Quiroga e o grupo de música tradicional Merenzao ofrecerá unha actuación. No recinto da mostra haberá exposición e venda de productos típicos da zona, ademáis de polbo e churrasco.

Cítricos Rías Baixas, un cultivo insólito que se revela exitoso en Galicia

A iniciativa de Cítricos Rías Baixas comezou no 2016, cando Óscar herdou unha terra a monte adicada ao cultivo de eucalipto para madeira: “Queríamos quitar o eucalipto e buscar un novo produto que dera riqueza á zona e que se puidera expandir. Entón, esta parcela, que ten case 3 hectáreas, dividímola en tres fases, e nunha delas, como zona piloto, plantamos 250 árbores de limoeiros. Despois, no 2017, fixemos outra ampliación de 500, e despois, cubrimos toda a extensión das 3 hectáreas, con 600 máis. Aqui, agora mesmo, temos 1450 limoeiros”, destaca Óscar. Despois de cubrir a terra herdada de limoeiros e ante a demanda dun cliente, decidiu facerse con outro terreo dunha hectárea para plantar 500 plantas de lima de Tahití, que representa un 80% das árbores desta finca, e outros cítricos menos comúns en Galicia, como o caviar cítrico, o pomelo, o limón vermello, a lima kaffir, o limequat, o concuat e o limón tigre rosa, dirixidos principalmente ao consumo en hostelería.
A plantación incorporou cítricos menos comúns en Galicia, como o caviar cítrico, que pode chegar ós 100 euros cada Kg.
“Na finca herdada non houbo problemas, pero na finca onde plantamos a lima e as outras variedades de cítricos, si que tivemos bastantes problemas, porque isto é todo minifundio, parcelas moi pequenas. Queremos aumentar o tamaño da finca pero é difícil, porque para chegar a esa hectárea houbo que comprar case a 10 propietarios", explica. Sobre as novas variedades de cítricos, destaca o seu interese: "As variedades menos comúns aquí, como o caviar cítrico, empregado principalmente en alta cociña, pode chegar a un prezo de 100 euros/kilo”, sinala. “Temos tres liñas de comercialización: hostelería, froiterías e un maiorista. Non hai ningún problema para a venda, xa que existe unha forte demanda de produto galego, vendemos todo o que producimos. Os cítricos son un potencial para Galicia. Temos unhas condicións moi boas, o único que hai que modificar un pouco son as terras, pero cun pequeno coñecemento si que se pode facer unha boa produción” asegura Óscar.
"Para aumentar unha hectárea, tivemos que chegar a acordos con 10 propietarios"
En ecolóxico desde o 2018 Di Óscar que ainda que actualmente non se asocie a Galicia cos cítricos, se buscamos na historia, si que houbo cítricos en Galicia desde hai moito tempo. “Para nós, os primeiros anos foron dificiles, pois existe un forte descoñecemento sobre o cultivo do cítrico en Galicia, e non foi doado dar cun técnico agrónomo que soubese, o que fixo que as primeiras plantacións foran con retraso, algo que xa non está acontecendo coas novas plantacións nin cos aumentos que estamos facendo”.
"Os cítricos foron un cultivo histórico en Galicia, pero cando comezamos nós, faltaba coñecemento na materia"
“Ao principio comecei con produción convencional -sinala Óscar-, pero no 2018 pasámonos á produción ecolóxica e no 2021 comezamos a empregar técnicas de agricultura rexenerativa. Toda esta evolución foi grazas á incorporación de Víctor, técnico especialista nestas técnicas. Despois de facer varias analíticas e distintas probas con abonos, fomos chegando ao punto no que estamos agora, cun nivel de acidez e auga na terra óptimos. Estamos nun punto moi bo pero sempre hai posibles melloras” di Óscar. Víctor, o técnico agrónomo formado na Escola Forestal de Lourizán que se incorporou no 2018 ao proxecto, cóntanos un pouco máis sobre a evolución da plantación: “No tema da agricultura ecolóxica pecamos un pouco de inexperiencia, pero fomos probando e a verdade é que nos deu moi bo resultado. Conseguimos pór a terra moi ben, cambiar a estrutura da terra, para que os cítricos se adaptaran mellor a esta zona. Aquí axúdanos moitísimo o microclima que temos nas Rías Baixas, e tamén as orientacións Sur das terras, cun arco solar moi amplio e aproveitando practicamente todas as horas de sol”.
"Dá a impresión de que temos todo desmadrado de herba, pero é unha vía para que a natureza nos favoreza"
Unha das bases do proxecto sitúase na agricultura rexenerativa. “Hai un par de anos que empezamos a aplicar técnicas de agricultura rexenerativa, intentando que a natureza nos favoreza e non ir en contra dela. Como podedes ver, temos todo con herba, que parece desmadrado, pero é o que nós queremos conseguir. Isto axúdanos a ter unha capa fértil no chan moito máis grande, reter moita máis auga e así ter que consumir menos, porque as plantas o que fan é que a terra reteña máis auga, e que os alimentos para as plantas se aproveiten mellor, con máis retencións de CO2, e así as plantas teñen moitos menos problemas de fungos e de insectos”, apunta. Víctor fálanos sobre o seu proceso de adaptación ós cítricos: “Tiña coñecementos de agricultura ecolóxica e de árbores frutais pero non específicamente de cítricos. Cada árbore necesita as súas cousas. Pero simplemente é dar co sistema e co que necesitan. Nós aquí conseguimos ter un ecosistema moi bo para os limoeiros, simplemente tratalos ben, facer as podas e abonados que necesitan, sempre con fertilizantes ecolóxicos”, subliña. “Se algunha vez as árbores teñen algún problema, sempre lles axudamos con produtos que nós mesmos facemos. Por exemplo, para o pulgón (‘Aphididae’), utilizamos a ortiga. Para abonar utilizamos abonos das granxas de aquí de cerca. Sempre utilizamos recursos locais para que a colleita vaia mellor”, conclúe. Dixitalización e mecanización a curto prazo Victor asegura que o maior problema que teñen agora mesmo é a falta de electricidade: “ O feito de que non chegue a corrente fai que teñamos que vir aquí todos os días, para regar, para controlar as plantas, para facer todo… Dentro dun tempo, esperamos que curto, teremos aquí corrente e poderemos dixitalizar os sistemas de rego por internet. Tamén instalaremos cámaras para controlar as plantas. Pasa o mesmo coa auga. Nós aquí regamos por gravidade pero cando poidamos dixitalizar a plantación, xa poderemos distribuir os regos desde a casa”.

Ouro de Limón: un mel diferente

Victor cóntanos que a idea de colocar colmeas na plantación de limóns xurdiu como un método para facilitar a polinización: “Sacamos un pequeno produto, Ouro de Limón, que é o nome comercial que recibe o mel que producimos. Simplemente é o resultado dun aproveitamento das abellas de cara á plantación. É un mel que está moi bo, pero non podemos falar dun mel monofloral porque temos moitas especies ao redor, pero creo que o limón apórtalle singularidade. Temos aquí moitas árbores autóctonas e foráneas como eucaliptos, carballos, castiñeiros, ou flor de azahar, entre outras”.
  • Este contido elaborouse en colaboración co Mercado de la Cosecha. O Mercado de la Cosecha é un proxecto de impacto positivo da Corporación Hijos de Rivera que traballa co propósito de transformar o rural.

San Sadurniño dá a coñecer o programa da XXVIII Feira da Plantación

O espazo da Cortiña e do paseo fluvial do Xubia volverá acoller durante o último domingo deste mes de abril unha nova edición da Feira da Plantación. Unha cita que estrea a primavera e o tempo de botarse fóra e que, ademais, ten como obxectivo poñer en valor o potencial produtivo da nosa terra, na que medran árbores, flores, froita, horta e practicamente todo o que se semente. Durante a xornada atoparemos á venda planta ornamental, todo tipo de pés para os nosos morteiros, maquinaria, produto alimentario e artesanía relacionada co mundo floral. Pero tamén múltiples actividades entre música, obradoiros infantís, demostracións e degustacións. O programa completo xa pode consultarse nesta ligazón. O Concello de San Sadurniño agarda que nesta XXVII edición da Feira da Plantación se supere o número de expositores e de visitantes do ano pasado, cando o evento marcou un récord en canto a participación e vendas. Unha das claves deste éxito foi a redistribución dos postos ao longo do sendeiro principal da Cortiña, colocando na parte final a carpa do Concello que acolle os sorteos e o punto de entrega gratuíta das plantas de cortesía doadas pola empresa Vivergal, colaboradora habitual da feira. Nese percorrido poderemos atopar todo o necesario para os nosos xardíns e cultivos: plantas, flores, sementes, apeiros e maquinaria de labranza, etc., que se alternan cun animado mercado agroalimentario e artesán cheo de produto de proximidade e da máxima calidade. Aínda que os postos están xa ao tanto da data e do prazo de inscrición, lembramos que o último día para reservar espazo é o luns 22 de abril. Dous días despois publicarase a lista de admitidos, que deberán aboar entre 5 e 45€ de taxa -segundo os metros que ocupen-, ademais de ter a opción (voluntaria) de que o Concello se ocupe de cubrirlles o expositor cun toldo. A feira abrirá ás 10:00h e prolongarase de maneira ininterrompida até as 20:00h. Durante ese tempo, en distintos horarios, desenvolveranse obradoiros ambientais para a rapazada, demostracións de arte floral e de cociña sostible, degustacións de produtos elaborados na Fusquenlla, unha sesión de pintura ao vivo con Leandro Lamas (o cadro que faga sortearase ás 19:45h), varias charlas sobre xeoloxía -con exposición de rochas do xeoparque- ofrecidas por Fran Canosa e a actuación musical do Trío de Tres. Tamén haberá os tradicionais rifas presenciais entre as papeletas que se entregarán con cada compra e, só por vir á feira, levaremos de balde a bolsiña de de plantas de Vivergal. O recinto contará, por último, cun posto para xantar, aínda que tamén é boa opción reservar en calquera das casas de comidas que hai en San Sadurniño.

Xinzo de Limia e Coristanco acollen este mes unhas xornadas sobre optimización do cultivo de pataca de calidade

A localidade ourensá de Xinzo de Limia e a coruñesa de Coristanco acollerán o 17 e 18 deste mes, respectivamente, dúas xornadas técnicas sobre optimización do cultivo de pataca de calidade. As xornadas están organizadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) e a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia. No caso de Xinzo, celebrarase o día 17 no salón de plenos do concello en horario de 09:30 a 14:00 horas e en Coristanco terán lugar o día seguinte, 18 de abril, no Edificio Multiusos co mesmo horario e programa. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico a patacadegalicia@patacadegalicia.es En canto ao programa, presentará as xornadas o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luís Cabarcos, quen dará paso ao consultor Fernando Alonso Arce, quen cun relatorio sobre “Posibles problemas na produción de pataca na campaña 2024” analizará cuestións como a escaseza de semente, posibles problemas ocultos, calidade fitosanitaria da semente e diferentes aspectos sobre a conservación e o manexo do tubérculo. Alonso tamén apuntará algúns posibles riscos da práctica de reempregar a pataca de semente. O terceiro relatorio analizará a regulación da pataca de sementeira, en concreto en relación con aspectos como os requisitos fitosanitarios, os parámetros de calidade e os posibles procedementos de reclamación ante incumprimentos da normativa. Pecha o programa de ambos os encontros unha mesa coloquio moderada por José Manuel Gómez, presidente do IXP Pataca de Galicia.

Formación gratuíta en agricultura ecolóxica para persoas desempregadas

A Asociación Raíña organiza un curso de agricultura ecolóxica no concello coruñés de Vilasantar para persoas en situación de desemprego, unha formación que se enmarca dentro dun itinerario personalizado de inclusión. A formación impartirase na Escola de Agricultura Ecolóxica de Vilasantar os luns e mércores de 10 a 13 horas. Empeza o 17 de abril e remata o 30 de setembro. O curso é de balde e dende a asociación recollen a aquelas persoas que non teñan posibilidade de desprazamento no seu domicilio. Máis información: 693.747.500 asociacionraina@gmail.com

Biocontrol e Bionutrición: Presente e futuro para unha agricultura máis sustentable

Mildiu, oidio, botryte, armilaria, e couza, , mosquito verde, son algunhas das enfermidades e pragas máis comúns que sofren os nosos cultivos. En ocasións, poden ocasionar danos que que redunden en graves perdas de colleita, coa consecuente perda de rendibilidade. Cada vez son máis habituais os ataques de patóxenos como consecuencia do cambio climático, o movemento de mercadorías... Até agora, a forma habitual de combatelo era co uso de produtos de síntese química e con certo impacto ambiental. Na actualidade, o escenario cambiou e moitas das materias activas que viñan utilizando xa non están dispoñibles, e das existentes moitas desaparecerán nun curto prazo de tempo. Estas materias activas foron retiradas do mercado debido ao seu perigo e outras moitas están en dúbida. Isto dificultaría combater os perigos aos que están expostos os nosos cultivos nun futuro próximo. Porén, os agricultores e gandeiros, poden estar tranquilos. Delagro, como un dos maiores referentes no sector, aposta por produtos innovadores e alternativos respectuosos co medio ambiente e que se adaptan ás novas esixencias de carácter ambiental. Falamos das solucións de biocontrol e bionutrición que complementarán as ferramentas actuais, até chegar ao momento de nalgún momento poder substituílas.

Unha forma diferente de facer as cousas, con mellores resultados

Cando falamos biocontrol e bionutrición non podemos ser escépticos, o seu uso está altamente contrastado e con resultados espectaculares, pois estas solucións xa se veñen usando en agricultura intensiva desde hai moito tempo. En palabras de Jesús Sánchez, técnico especialista en viñedo de Delagro: “Adaptarse e ser máis eficientes e eficaces á hora de usar as ferramentas dispoñibles, para combater as pragas e enfermidades dos nosos cultivos, permitiranos diferenciarnos e engadir valor ao produto ofrecido aos nosos consumidores”. Neste sentido, precisa que “actualmente, grazas á biotecnoloxía e á I+D+I, xa dispomos de ferramentas de biocontrol como os insectos depredadores, micoparásitos que atacan a un amplo espectro de fungos fitopatóxenos e oomicetos, , fungos entomopatóxenos que se utilizan para o control de pragas de insectos, bacterias entomopatóxenas de orixe natural que combaten pragas de maneira efectiva, etc”. “Por pór un exemplo, se temos unha araña vermella, a solta de ácaros fitoseidos como (Phytoseiulus persimilis, Amblyseius californicus) ou da larva dun mosquito cecidómido (Feltiella acarisuga), todos eles, totalmente inofensivos para a planta, controlarían a praga de tetraníquidos para que esta non puidese prexudicar ao cultivo”, explica o técnico de Delagro. O biocontrol refírese ao uso de organismos vivos para controlar poboacións de pragas e enfermidades en cultivos. En lugar de depender exclusivamente de pesticidas químicos, o biocontrol utiliza inimigos naturais para manter o equilibrio nos ecosistemas agrícolas. Este enfoque non só é máis sustentable, senón que tamén axuda a previr resistencias que diminúen a eficacia de ferramentas convencionais. Acio de uva afectado por mildiu nun estadio temperán Doutra banda, temos as solucións de bionutrición. Buscan achegar ás plantas a nutrición que necesitan no momento adecuado axudándoas cos seus procesos metabólicos , provocando unha mellora no desenvolvemento, vigor, rendemento e calidade dos cultivos, ao estimular procesos naturais que benefician o crecemento e a resposta ao estrés abiótico como altas e baixas temperaturas, ou biótico como o ataque dunha enfermidade. Segundo Jesús Sánchez, “a bionutrición está moito máis estendida do que se percibe e leva moito tempo asociada á agricultura. Os bioestimulantes, teñen un papel moi importante que desempeñar na agricultura convencional como complemento á nutrición e á protección de cultivos. Produtos de innovación sustentable en agricultura e eficacia contrastada de Delagro, como BLUE STAR, BLUE CYCLE ou STAR B2 son solucións que melloran a saúde e o rendemento das plantas, ofrecendo complementos de base natural aos produtos químicos sintéticos.. Delagro pon a disposición dos nosos agricultores soluciones biolóxicas exclusivas, innovadoras e sustentables para afrontar os desafíos agronómicos diarios aos que se enfronta a nosa agricultura. Acios de uvas na Ribeira Sacra A través da utilización de bioestimulación, microorganismos benéficos e materia orgánica de calidade, búscase mellorar a saúde do solo e optimizar a absorción de nutrientes polas plantas. “A saúde do chan, ao longo dos tempos, foi a gran esquecida pero cada vez máis os agricultores son conscientes da importancia, e da necesidade de conservar a riqueza dos nosos solos únicos e irreemplazables. As plantas comen a través das raíces, , é por iso que, un solo supresivo é un solo equilibrado e san, cunha ampla diversidade de microorganismos beneficiosos que xeran e inducen a protección contra enfermidades, favorecendo a inmunidade das plantas. Un solo san e vivo permite un maior aproveitamento dos nutrientes, mellores producións e mellores rendibilidades que, en definitiva, é o que busca todo agricultor e gandeiro”, comenta Jesús Sánchez. Existe unha gran diversidade de bioestimulantes que contribúen ao futuro da agricultura sustentable como  os bioestimulantes vexetais a base de algas mariñas, que modulan a expresión xenética e inducen cambios metabólicos nas plantas que conducen aos efectos bioestimulantes que observamos no campo. Ou os bioactivadores que permiten estimular e/ou desbloquear a actividade nutricional radicular e/ou foliar do cultivo, actuando como vigorizantes. “Aínda que existe unha gran oferta actualmente no mercado que dificulta elixir a solución máis adecuada, o asesoramento por parte dos técnicos facilitará a decisión, pero o que non é discutible son os beneficios que xeran nos cultivos. É por iso que en Delagro somos moi conscientes, dedicando grandes esforzos á investigación e desenvolvemento de produtos desta natureza potenciando a súa utilización”, destaca o técnico de Delagro. Ambas as prácticas, biocontrol e bionutrición, ofrecen beneficios que van máis aló da acción de producir. Reducen a dependencia de produtos químicos, reducen a vulnerabilidade ante a perda de materias activas e diminúen a contaminación da terra e da auga, preservando e alimentando a biodiversidade para contribuír á súa riqueza. A saúde a longo prazo dos solos non é algo que deba facerse por imperativo legal, senón por responsabilidade. Acios ben formados

Desafíos e futuro do biocontrol, a bioestimulación e a bionutrición

O futuro da agricultura sustentable e a nutrición vexetal depende en gran medida da integración exitosa de enfoques como o biocontrol e a bionutrición nas estratexias de control actuais. A medida que a demanda de alimentos medra e a presión sobre os recursos naturais aumenta, é crucial avanzar cara a métodos de produción máis efectivos e compatibles co coidado do medio ambiente. En conclusión, o biocontrol e a bionutrición representan un paso significativo cara a unha agricultura resiliente. Ao adoptar estas prácticas, non só aseguramos a seguridade alimentaria, senón que tamén iniciamos o camiño cara a uns obxectivos que nos afectan a todos: preservar a saúde do noso planeta para as xeracións futuras, garantir a saúde e o benestar e o alimento do futuro. A colaboración entre a ciencia, os agricultores e as institucións é esencial para levar adiante esta revolución verde.

Más información sobre los productos de DELAGRO

Curso en liña sobre cultivo ecolóxico biointensivo

A Cooperativa A Milpa do Salnés ofrece un curso de agricultura ecolóxica biointensiva entre os meses de maio e xuño. O método biointensivo de cultivo de alimentos está orientado á produción de moitos alimentos en moi pouco espazo e con moi poucos recursos. Busca a eficiencia e resulta moi axeitado para a horta de pequena escala se se quere producir alimentos de maneira ecolóxica e sinxela. O obxectivo é aprender a cultivar os propios alimentos de cara a unha verdadeira autosuficiencia. A Cooperativa A Milpa do Salnés introduciu este método en Galicia logo de vivir uns anos en América e levan sete anos poñéndoo en práctica en Galicia onde realizaron xa varias formacións. Este curso será online na parte teórica e haberá práctica presencial. Impartirase os sábados 4, 11, 18 e 25 de maio, despois serán os días 1 e 15 de xuño. Haberá descontos para desempregados, xubilados e membros dunha mesma familia. As reservas faranse con anticipación e cun adianto do 50% do custe total do curso. Máis información neste enlace.

Curso de propagación e técnicas de cultivo de froiteiras

A Fundación Juana de Vega e a Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) abren a inscrición no Curso de propagación de froiteiras e técnicas de cultivo, incluído na formación de Fruticultura 2024. Impartirase en 12 sesións entre o 9 de abril e o 6 de xuño, en horario de 16:00 a 20:00h no CFEA de Guísamo (Bergondo) e na Fundación Juana de Vega (San Pedro de Nós, Oleiros). Hai un total de 20 prazas dispoñibles e os interesados poden anotarse a través do formulario habilitado na web da Fundación Juana de Vega. O importe é de 100€. Durante as 60 horas de formación, os asistentes farán un repaso a diferentes producións frutícolas de interese na nosa comunidade, desde as máis difundidas como as maceiras, castiñeiros e kiwi ata outras menos estendidas como cítricos, aguacate, oliveiras ou pequenos froitos. Na parte práctica, estudaranse diversas técnicas de cultivo como estacaxe, sementeira, acodo mediante corte e recalce, ou enxerta. Na parte final da formación, reserváronse un par de sesións para coñecer as enfermidades e as pragas das froiteiras, así como os tratamentos fitosanitarios máis axeitados para o seu control, desde o enfoque dun uso racional. Deste xeito, reducirase tanto o risco para a saúde humana como para o medio ambiente minorando, así mesmo, os custos de produción. O programa inclúe ademais unha visita de campo. A xornada de clausura será en decembro, momento no que se fará entrega dos diplomas e se organizará unha cata e degustación de froitos frescos e transformados.

Últimas prazas para o curso de citricultura ecolóxica na comarca pontevedresa do Condado-Paradanta

O GDR Terra e Auga desenvolverá dende o 6 de abril ao 22 de xuño o curso teórico-práctico de Citricultura Ecolóxica para o que xa só quedan as últimas prazas. Co obxectivo de converter as terras baldías en produtivas con cultivos axeitados ás condicións medioambientais e respectando sempre o equilibrio e harmonía co medio natural o GDR organiza este curso para repartido en cinco xornadas teóricas e prácticas. A parte teórica desenvolverase en algún dos dez concellos do Condado, Paradanta e Salceda de Caselas tendo en conta a demanda mentres que a parte práctica realizarase na parcela piloto do GDR en Rubiós, As Neves. Esta acción enmárcase na estratexia de desenvolvemento sostible “Reverdecendo” que o GDR Terra e Agua desenvolverá nos vindeiros anos. A primeira xornada será o día 6 de abril arredor do cultivo de cítricos e do seu manexo dende a preparación do solo á plantación. A segunda xornada será o 20 de abril abranguerá cuestións como a poda, o raiado e a enerxía na citricultura ecolóxica. O 11 de maio terá lugar a terceira xornada que centrará a súa atención no solo, na súa fertilidade e abonado. Para os días 8 e 22 de xuño prográmanse as dúas últimas sesións nas que se darán pautas de actuacón fronte a enfermidades e pragas e se obterán coñecementos sobre ventaxas da cuberta verde e manexo da biodiversidade. As persoas que desexen máis información deberán contactar no número de teléfono 986 663 329 ata o 1 de abril. O GDR promove o coñecemento da terra para un mellor aproveitamento e ferramenta para a dinamización económica do territorio. Esta formación é financiada por Fondos Europeos a través do programa LEADER 14-20, gracias a convenio de colaboración entre o GDR e a AGADER, da Conselleria de Medio Rural da Xunta de Galicia.