Category Archives: Especial Millo

A gama de abonos máis eficaz para o millo: Fertimón Pro e Fertimón Tech

O cultivo do millo necesita dunha fertilización adecuada para obter unha colleita en calidade e cantidade. O Grupo Soaga, líder na distribución de produtos agrícolas e gandeiros no noroeste peninsular, dispón de gamas específicas que cobren todas as necesidades do cultivo.

Fertimón Pro

Fertimón Pro, con tecnoloxía slow, permite unha liberación gradual do nitróxeno para cubrir o ciclo completo do millo, logrando deste xeito un abonado racional e eficaz.

Fertimón Pro, con tecnoloxía slow, permite unha liberación gradual do nitróxeno para cubrir o ciclo completo do millo, logrando deste xeito un abonado racional e eficaz.

É un fertilizante idóneo para aplicar no momento de sementeira, evitando ter que facer unha segunda achega de nitróxeno en coberteira. As doses deben axustarse en función do tipo de solo e das achegas de xurro realizados na parcela.

Fertimón Tech

Como complemento a Fertimón Pro, para dar resposta ás necesidades do agricultor, o Grupo Soaga desenvolveu unha nova liña de produtos con aplicación específica para millo, dentro da súa gama Fertimón Tech.

  • STARTER é un abono con nitróxeno e fósforo que se introduce na liña de sementeira á beira da semente e que facilita a xerminación do millo e o desenvolvemento das raíces nos primeiros estadios, converténdose en determinante para que a planta forme un bo sistema radicular.
  • LIBERPLUS é un mobilizador de fósforo que contén células vivas de ‘Pseudomonas putida’. O principal interese agronómico desta bacteria débese á súa capacidade de solubilizar fósforo e calcio, facéndoos dispoñibles para as plantas.

    Un dos problemas dos chans acedos, abundantes en Galicia, é precisamente que o fósforo se bloquea con moita facilidade. ‘Liberplus’ logra poñer ese fósforo presente no solo ao dispor do cultivo de millo.

  • MONZÓN é un mollante para potenciar os efectos dos herbicidas no momento de aplicar os tratamentos e aumentar deste xeito a súa efectividade, sobre todo para o control de gramíneas e herbas de folla estreita.
  • FERTIMÓN VERDE é un abono foliar que presenta unha formulación líquida en xel, o que permite un maior aproveitamento, ao fixarse moito mellor sobre a superficie foliar do millo, aumentando deste xeito o rendemento e a asimilación do produto.
  • NITROFIX axuda a fixar nitróxeno atmosférico, quedando dispoñible para as plantas.

Son todos produtos que se poden mesturar cos insecticidas e herbicidas, tanto de pre-emerxencia como de post-emerxencia, o que permite un aforro de tempo e diñeiro, así como actuar no momento en que o cultivo o necesite.

LIDEA, un ano máis líder en ensaios oficiais de millo

As variedades consolidadas son ano tras ano unha aposta segura para sacar o máximo rendemento das explotacións, aínda que para esta campaña hai que ter en conta novidades que, grazas ao traballo de investigación e ensaios en campo, son excelentes alternativas, segundo a necesidade e características de cada chan e zona xeográfica.

Excelentes resultados ano tras ano
No boletín de valor agronómico das variedades comerciais de millo forraxeiro, publicado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), podemos ver a valoración dun bo número de variedades de LIDEA, que van desde os 116 aos 139 días de ciclo (sementeira – colleita), cun índice produtivo (IP), medio de 123. Datos que nos permiten destacar o potencial e innovación do material xenético que avaliamos en toda a zona Norte e en Galicia en particular.

Obviamente, non podemos esquecer que LIDEA conta coa variedade máis produtiva dentro destes ensaios oficiais, que é Berlioz.

Berlioz, de Lidea, é a variedade máis produtiva nos ensaios do CIAM – Mabegondo

Estamos orgullosos do comportamento das nosas variedades e do grao de satisfacción que proporcionan aos nosos clientes. Zapotek, LID 7001C, Armandi, LID 6130C, Berlioz, Izzli, Hornet, LID 4111C, Method , LID 2888C, Es Bond… son produtos que aúnan produción, estabilidade e adaptabilidade a todo tipo de parcelas.

Berlioz é a gran aposta de Lidea e nº 1 en CIAM-Mabegondo
Berlioz cumpre o principal requisito que moitos gandeiros lle piden a unha variedade de millo: ser a variedade máis rendible para a súa explotación. Datos avalados cunha boa capacidade produtiva ( 27,4 Tn Ms/Ha, dato CIAM-Mabegondo) e cuns bos parámetros nutricionais, conseguindo ser así un gran produtor de Kg de leite/Ha.

Se a estas cifras lle engadimos un inmellorable vigor inicial, un excelente potencial gran, un perfil agronómico moi seguro e unha gran rusticidade, podemos afirmar que BERLIOZ é xa unha referencia para o gandeiro e unha clara e decidida aposta de LIDEA.

Asturias occidental
Recentemente puidemos comprobar os excelentes resultados que a nosa novidade LID 6130C obtivo nos ensaios oficiais realizados polo SERIDA en Asturias; sendo a variedade Nº1 en produción, da lista principal, na costa occidental asturiana.

LID 6130C foi número 1 en Asturias occidental en produtividade, segundo os ensaios oficiais do SERIDA

Datos que confirman o potencial e excelente adaptabilidade do noso material xenético.

Lidea, innovación ao servizo da agricultura

En pleno contexto de escaseza de auga, Lidea vai máis aló, e ofrece variedades de millo con tecnoloxías que, precisamente, son idóneas para estas circunstancias. Variedades como IZZLI, LID 4111C y DUO SILO 300 son CACTUS, é dicir, híbridos de millo máis eficientes no uso da auga, e por tanto, especialmente adaptados a situacións de estrés hídrico.

A marca ofrece unha liña de variedades con tecnoloxía CACTUS, adaptadas ó estrés hídrico

Outra das tecnoloxías exclusivas de Lidea é DUO SILO, que é a combinación de dous híbridos de millo silo, que son agronómicamente compatibles e complementarios nos seus valores nutricionais; proporcionándonos un aumento na produción e calidade do leite. (resultados avalados por máis de 100 test realizados por toda Europa).

Juan Pablo Gnata: “Colleitar o millo forraxeiro no momento ideal é clave para ter un ensilado de calidade”

Juan Pablo Gnata nun campo de ensao

Como cada ano a campaña de millo supón un reto tanto para gandeiros como empresas do sector. Delagro e Mas Seeds, que levan anos colaborando xuntos co obxectivo de dar a cada gandeiro a variedade que necesita. Ao mesmo tempo, as ferramentas informáticas xogan un papel claro e diferenciador para conseguir silos de máxima calidade. O control por satélite ou do clima pode ser clave para seleccionar, por exemplo, os momentos óptimos de colleita do millo.

Tras unhas campañas marcadas pola inestabilidade do mercado, a tendencia do sector pasar por facer reservas anticipadas de millo que permitan ao gandeiro ter dispoñible a variedade que máis lle encaixa, tal e como nos explica Juan Pablo a continuación.

Como se presenta esta campaña? Acabáronse xa os problemas de dispoñibilidade de semente?
Para a campaña de millo ensilado 2024, recomendamos aos gandeiros e asesores técnicos estar moi atentos ao desenvolvemento de insectos daniños como a rosquilla Agrotis ipsilon e a eiruga defoliadora Mythimna unipuncta. A campaña anterior houbo unha forte presenza destas pragas e é esperable que as volvamos atopar. Máis aló do control químico, debemos ter en conta que reducir a presenza de gramíneas na parcela e nos bordos da mesma, reduce a probabilidade dun ataque severo de Mythimna.

A ferramenta de Reserva Anticipada de MAS Seeds vén implementando desde a campaña pasada cun éxito rotundo para aumentar a calidade da atención aos nosos clientes fieis. Os clientes de sempre e os novos, confían e elixen a súa variedade ideal, co apoio técnico dos nosos distribuidores e o meu propio. A dispoñibilidade de semente para esta campaña é correcta grazas a unha boa meteoroloxía en Europa a campaña pasada que permitiu recuperar os stocks e ao traballo do noso departamento de Produción e Loxística.

A reserva anticipada busca asegurar que ningún gandeiro quede sen a variedade que necesita

Que importancia ten a elección da variedade adecuada? Dentro do voso catálogo, cales serían as ideais para esta zona?
Os estudos indican que a variedade utilizada é a responsable do 15% de produción final. O asesoramento profesional e próximo do técnico de confianza, é fundamental para elixir a variedade máis axeida e mellor adaptada a cada explotación.

Mas 400 D en Chantada

En Galicia, Asturias e Cantabria, e inclusive País Vasco, para millo ensilado o noso produto estrela e en fase expansiva é MAS 400.D. Demóstrao o altísimo nivel de satisfacción dos gandeiros que confían nel desde fai 2 campañas. Tras anos de seguimento na nosa Rede de I+D, na nosa rede de ensaios locais realizados xunto a Delagro en 2021, 2022 e 2023, así como nos ensaios do CIAM Mabegondo, MAS 400.D demostrou responder con creces aos aspectos que máis importan aos gandeiros da Cornixa: produción, calidade, ciclo adecuado para a súa sementeira ao longo do mes de maio, tolerancia ao encamado excepcional, boa sanidade de folla ao final do ciclo, e gran rendibilidade mesmo no seu ano de lanzamento 2022 que foi tan seco. Elixir MAS 400.D é un acerto enorme.

Na nova gama de variedades MAS Seeds destacamos MAS 576.N, ciclo 500 de excelente rusticidade, ao cal se lle presenta o gran desafío de mellorar a MAS 54.H e MADIRAN. En ciclo 400, a prometedora novidade MAS 524.A que será un exitazo en Cantabria e A Coruña. Foi o híbrido de maior produción de materia seca e % de almidón nos ensaios zonais. En ciclo 350, MAS 400.D é capaz de competir en produción con ciclos máis longos. En ciclos curtos, para os terreos máis complexos, recomendamos CITADEL, MAS 282.K e MAS 24.C. É unha fortaleza importantísima contar con estas variedades que permiten boas producións en zonas de escasa humidade, como Chantada e Taboada.

Para Terra Chá, introducimos MAS 171.L un ciclo 200 de xenética Green+, a nosa insignia para os millos con máxima dixestibilidade de almidón e fibras.

Sen dúbida, a nosa variedade estrela e a máis demandada é a Mas 400.D

Unha vez elixida a variedade, que prácticas podemos levar a cabo para maximizar o rendemento e calidade da mesma?
O millo ten un potencial produtivo altísimo en condicións ideais. Canto máis limitantes haxa no seu ciclo de vida, máis lonxe estaremos de alcanzar ese potencial. É habitual escoitar que o rendemento final depende case exclusivamente do clima do ano, pero hai aspectos moi importantes que podemos controlar e que influirán directamente na rendibilidade da explotación.

Os veráns son cada vez máis secos, así que o millo depende cada vez máis do chovido na primavera. Doutra banda, coa rotación pradaría-millo, a auga e nutrientes consumidos polo cultivo inicial en maio, reducen a dispoñibilidade destes elementos para o cultivo de millo.

Anticipar de 15 días a sementeira do millo respecto da data habitual limita a competencia por auga e nutrientes co cultivo anterior e reduce a tensión hídrica do cultivo na fase de floración. Isto tradúcese en +1 Tn MS/ha e +0.02 enerxía/kg MS por cada 15 días de adianto da sementeira. Se a sementeira faise o 1 de maio en lugar do 31 de maio, estaremos a gañar +2 Tn MS/ha e +0.04 enerxía/Kg MS. Convido a que cada un faga este exercicio para a toma de decisións.

O millo ten un potencial produtivo altísimo en condicións ideais

Outras prácticas de laboreo de conservación axudarannos tamén a reducir as perdas de auga no chan. Un exemplo é o acurtar os tempos entre o laboreo e sementeira para reducir as perdas por evaporación.

Todo o que sexan técnicas de maior eficiencia no uso do xurro e fertilizantes, como axustar as doses ás necesidades do terreo, farán aumentar a rendibilidade do sistema. Xa sexa que as labores as fagamos nós ou unha empresa de servizos, hai que esixir ou esixirse cumprir coas tarefas en tempo e forma.

Mas 54 H

Cantidade fronte a Calidade: Como podemos maximizar este binomio? Lograr a maior cantidade de silo sen sacrificar a calidade.
Hoxe en día maximizar este binomio é aínda máis fácil co Agroservicio Nutriplus SAT® que nos dá un prognóstico certeiro da data na que o millo da nosa parcela en cuestión chegará ao 32% MS. É aí onde se atopa a relación de óptimos entre estes dous elementos. Hoxe en día con variedades tan produtivas como MAS 400.D podemos cultivar moitos quilos de materia verde e de gran calidade por hectárea sen forzar a sementeira de ciclos longos onde non corresponden.

Con Nutriplus Silo® somos capaces de atopar oportunidades de mellora para facer a confección do silo á perfección.

Nutriplus e Agrotempo, son ferramentas que para moitos gandeiros xa son imprescindibles, de que forma pode marcar a diferenza entre un silo de máxima calidade e un de calidade máis baixa?
Podemos facer todo moi ben e ter un millo excelente, pero se erramos de oportunidade de colleita, estamos a desperdiciar o noso bo traballo anterior. Os nosos Agroservicios poñen a disposición da gandeiro información contrastada do seu propio millo para unha toma de decisións ben informada. Grazas ao diagnóstico de silos Nutriplus Silo®, somos capaces de atopar oportunidades de mellora para facer a confección do silo á perfección.

Claves para controlar o verme que arrasa as leiras de millo

Leiras de millo totalmente defoliadas e nas que só queda o cañoto das plantas. Este é a paisaxe desoladora que tiveron que comtemplar este ano agricultores e gandeiros en Galicia. O causante é o Mythimna unipuncta ou verme soldado, unha eiruga procedente de Estados Unidos e que na actualidade expandiuse practicamente a todos os continentes. Até agora os seus danos eran limitados en pradarías e nalgún rodal de millo, pero a primavera seca e con temperaturas altas deste ano adiantou o seu ciclo unhas semanas de forma que a última xeración de orugas de finais de xullo e comezos de agosto coincidiu co millo aínda coas follas tenras, o que multiplicou os danos. As leiras nas que o millo se sementou máis tarde e nas que había presenza de herba -especialmente gramíneas- foron as máis afectadas. Para coñecer máis sobre esta praga, e como controlala, falamos con dous enxeñeiros agrónomos Pablo Amado e Adrián Cundíns.

De que se alimenta esta praga?

O verme soldado (Mythimna unipuncta) comeza o seu ciclo sobre pasteiros de gramíneas adventicias (setaria, panico, digitaría) , e posteriormente móvense aos cultivos como millo, trigo, cebada, sorgo, avea, pero tamén tomate, leituga ou pemento. Mythimna unipuncta provoca danos significativos nas plantas, deixando só a nervadura central da folla. Adoita comezar a comer da folla máis vella á máis nova, coméndose as follas máis novas até o final. Usualmente aliméntase pola noite e polo día permanece enterrada na raíz da planta.

Cal é o seu ciclo?

O verme soldado pasa o inverno como crisálida ou larva enterrada na terra, en función da temperatura de cada zona. O voo de adulto iníciase en maio, coa xeración procedente da invernación, e finaliza en outubro. Estes aliméntanse de pole e néctar das flores. Tras a reprodución a femia realiza a posta no envés das follas, ou na zona de inserción da folla co talo, en grupos de até 100 ovos que cobre con escamas do seu propio abdome. Cada femia pode pór entre 500-1500 ovos no seu ciclo. A duración media da vida dos adultos é de entre 9 e 10 días para femias e machos. As larvas localízanse polo día na base das plantas e pola noite aliméntanse das follas, completando o seu ciclo en 25-30 días, tras pasar por 5-6 estadios larvarios. Finalmente pasa a forma de crisálida, normalmente no chan no interior dunha capsula terrosa. As xeracións -normalmente 3- teñen unha media de vida de entre 30 e 50 días, en función da temperatura, e sucédense até o mes de setembro cando, coas temperaturas frías, volve invernar, completándose así o ciclo de vida desta especie.

Como se combate?

Como paso previo recoméndase a instalación de trampas de feromonas nos bordes das leiras de millo para determinar o momento óptimo de tratamento. Está sintetizada e comercialízase a feromona para Mythimna unipuncta . As trampas serven para capturar adultos e son indispensables para determinar o momento exacto no que iniciar os tratamentos. En cultivos cabe vixiar desde mediados de xuño a finais de agosto, onde os maiores danos veñen dados pola descendencia do segundo voo, é dicir pola terceira xeración de eirugas, a máis numerosa. -Inimigos naturais do verme soldado: Os escaravellos son os seus inimigos naturais (carábidos), por tanto todo o que sexa promover este tipo de fauna a través da colocación de caixas de insectos ou outras medidas será beneficioso para controlar o verme soldado. -Control biolóxico: Bacillus thuringiensis (aizawai e kurstaki) dá bo resultado cando as eirugas son pequenas, pero a frecuencia de tratamentos é maior que no resto, repetíndose a aplicación cada semana aproximadamente. É un insecticida autorizado en agricultura ecolóxica e pódese aplicar en calquera cultivo. -Control químico: A loita química, que se deberá realizar a última hora da tarde, só é interesante en función da importancia dos danos e por cuestións de rendibilidade. É imprescindible levar a cabo os tratamentos coas eirugas nos seus primeiros estadios, cando son máis sensibles, e tratar de facelo principalmente con produtos naturais para non eliminar a fauna auxiliar. Cando o millo xa está alto é difícil o tratamento, limitándose ás zonas de bordos das leiras. En caso de utilizarse canón este soamente fará chegar o produto ás partes altas da planta, o que limita tamén a súa eficacia. -Medidas culturais: Esta é unha de mais medidas preventivas máis eficaces e fáciles de aplicar. É necesario manter os bordos da leira de millo e a propia plantación o máis limpa posible de herbas, especialmente de gramíneas adventicias (setaria, panico, digitaría), xa que son importantes reservorios da praga. Outra medida cultural é remover a terra nos meses de xaneiro ou febreiro -por exemplo para sementar un ano verde como guisantes ou plantar cereal- xa que desta forma exponse ao frío e morren as crisálidas que están ivernando.

Merece a pena tratar agora con insecticidas?

“Estamos ao final do ciclo desta praga polo que os danos nestes días van ir moi a menos. Por tanto, non sería rendible realizar un tratamento con produtos químicos no millo”, asegura Pablo Amado.

Ensilar ou non as leiras defoliadas?

Cada leira de millo é un caso particular, pero se o millo aínda non está cumprido non sería recomendable adiantar o seu ensilado, pois os danos a partir de agora deberían reducirse notablemente. Onde tamén vai haber un dano elevado vai ser na calidade do silo de millo, xa que nas leiras co millo máis afectado, esta forraxe soamente achegará fibra, moi pouca proteína e case nada de almidón. En caso de decidir ensilalas, recoméndase mesturar ben esta forraxe co doutras leiras aptas.

Recomendacións para cultivar millo en ecolóxico

Galicia lidera o cultivo en España de millo forraxeiro, cunhas 68.000 hectáreas dedicadas a esta forraxe que constitúe hoxe en día a principal fonte de alimentación das ganderías de vacún de leite.

No caso das ganderías en ecolóxico o pastoreo representa a maior parte da ración, pero o millo tamén é un interesante complemento para abaratar a ración nas épocas nas que escasea o pasto e tamén para equilibrala, dado o alto contido de almidón do silo de millo.

Neste sentido, o fabricante de pensos ecolóxicos Ecofeed convidou nas súas últimas xornadas técnicas de gando vacún de leite, celebradas o pasado mes de xaneiro en Lalín, a Juan Valladares Alonso, técnico do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), para que explicara os resultados das experiencias de cultivo de millo forraxeiro en ecolóxico na comarca ourensá da Limia durante os dous últimos anos.

Estes ensaios realizáronse nos anos 2018 e 2019 en parcelas con regadío para a gandería de vacún de leite en ecolóxico SAT Torneiros. A superficie que se sementou a millo forraxeiro para o ensaio ocupou 4 hectáreas en regadío, en rotación con pradeira, e lográronse uns rendementos medios de 52 toneladas de materia húmida por hectárea.

Estes foron os pasos que seguiron para o cultivo do millo en ecolóxico:

Labores de preparación do terreo:

-Aporte de xurro
-Alzado con vertedeira
-Aplicación de Nematmyel
-Pase de grade rotativa de eixe vertical (1-2 pases) buscando alisado e refino superficial.

Fertilización:

-Xurro da propia explotación (48 m3/ha), o que supuxo unha achega de 168 UF N/ha -por debaixo do límite máximo de 170 UF N/ha admitidas polo CRAEGA- 68 de P2O5 e -208 de UF de K2O respectivamente.

-En presementeira aplicouse Nematmyel (5 kg/ha), un produto ecolóxico con xofre (57, 2% SO3) e ferro (0,02% soluble en auga) para combater posibles vermes do chan.

Sementeira:

Realizouse o 18 de xuño no ano 2018 e o 25 de maio no 2019. Empregouse unha sementadora pneumática monogran para o millo, en liñas separadas a 75 cm.

Probáronse 7 variedades en dous anos: 3 no 2018 e 4 no 2019, con ciclos 200 a 350 FAO.

Coidados culturais:

-Control de malas herbas no cultivo do millo en estado de 2-3 follas mediante o pase de grade de púas (Vertikator), tal e como se mostra nas dúas imaxes anteriores.

-Realizouse un segundo pase de control de adventicias co millo con 6-8 follas (h=30-50 cm) . Fíxose o pase entre liñas con escardadoras “cola de anduriña” e aporcado das liñas, tal e como se amosa nesta foto:

O cultivo de millo foi colleitado o día 9 de outubro, realizándose os seguintes controis da produción:

-Pesaxe de toda a forraxe extraída das parcelas
-Tomáronse mostras para a análise.

Produción:

Conclusións:

-A escarda do millo en xeral diminúe pero non elimina o número de plantas adventicias por metro cadrado. Pola contra, incrementa o nº/m2 de xuncas, se ben diminúe o índice de cobertura das adventicias.

-Nos tratamentos de escarda para combater as adventicias débense escoller as datas idóneas en función do estado de cultivo e sempre mellor con previsión de sol, buscando as horas centrais do día:
A grada de púas con 1 a 3 follas despregadas.
Escadador-aporcador: a partir de 25 ou 30 centímetros de altura da planta, aporcando ben as plantas de millo.

-Recoméndase a implantación intercalada dun cultivo de inverno con leguminosas, xa que incrementa a produtividade da rotación, mellora o manexo ambiental dos fertilizantes e do solo e facilita as condicións do seguinte cultivo de verán, neste caso do millo.

-Por tanto, convén con esta técnica non repetir o cultivo de millo en ecolóxico na mesma parcela máis de 2-3 anos seguidos en función da contaminación de herbas adventicias, recomendando rotar cunha pradeira plurianual.

 

Xestión integrada de pragas no millo

O próximo ciclo da Política Agraria Común (PAC), 2021-2027, aumentará as esixencias no agro no que respecta ó uso sostible de fitosanitarios. A chamada xestión integrada de pragas, que xa se estivo impulsando no agro europeo na última década, ten por obxectivo priorizar as medidas alternativas ó control químico, limitando os produtos fitosanitarios a aqueles casos nos que sexan imprescindibles.

Que recomendacións hai para o manexo integrado dalgunhas das principais pragas do millo en Galicia, como as rosquillas grises e vermes do arame, malas herbas como a xuncia ou enfermidades causadas por fungos?. Estos son algúns dos consellos publicados nun manual polo Ministerio de Agricultura.

Rosquillas grises (Agriotes sp.) e vermes do arame (Agrotis sp.)

Seguemento e estimación do risco: Recoméndase vixiar as plantas desde que nazan ata que teñan 8-10 follas para comprobar se hai plantas mortas e para detectar síntomas de que murchan. Para a rosquilla gris, pódense utilizar trampas de feromonas ou luminosas co obxectivo de contar os adultos capturados e de detectarse en cantidade, anticiparse ó futuro ataque das larvas.

Medidas de prevención ou culturais: O laboreo frecuente adoita reducir a poboación de larvas de vermes do arame, posto que son sensibles á desecación. Por outra banda, a eliminación de malas herbas ou herbas baixas é unha medida eficaz para impedir as postas das rosquillas grises.

Momento de intervención: Se se detectan danos do verme gris, haberá que intervir. No tocante ó verme do arame, haberá que valorar a intervención en relación ós danos de campañas pasadas.

Medidas alternativas ó control químico. A guía sinala que existen coleópteros depredadores das larvas dos vermes, así como parasitoides dos ovos e paxaros que se alimentan das larvas, polo que é preciso protexelos.

Medios químicos. Poderanse utilizar os produtos fitosanitarios autorizados. No caso dos vermes do arame, só se contempla o uso de insecticida na semente, en tanto que no caso do verme gris, tanto no cultivo implantado como sobre a semente. Recoméndase efectuar a aplicación ó atardecer.

Malas herbas, o caso da xuncia (Cyperus rotundus)

Seguemento e estimación do risco para o cultivo: O consello é similar para tódalas malas herbas. Hai que ter en conta o historial do campo e valorar a eficacia que tiveron os herbicidas empregados.

Cómpre ademais considerar o estado de desenvolvemento das malas herbas para determinar o método de control máis axeitado e priorizar as intervencións nas primeiras fases de desenvolvemento do millo.

Para observar as malas herbas, recoméndase facer un percorrido polo campo en forma de zig zag, W ou 8, evaluando a presenza de plantas por metro cadrado ou a porcentaxe de superficie afectada.

Momento de intervención: no caso da xuncia, cando haxa 15 plantas por metro cadrado.

Medidas de prevención: Non espallar os tubérculos da planta coa maquinaria de laboreo. Outra medida pode pasar pola rotación do cultivo de inverno con barbeito no verán, cando ademais pódense facer labores superficiais para desenterrar os tubérculos e deixalos na superficie, para que queden expostos ó sol no verán ou ás xeadas no inverno.

Medios químicos: Aconséllase realizar programas de 2 tratamentos en post-emerxencia. Debido a que a planta pode producir unha gran cantidade de tubérculos, espallados mesmo a moita profundidade do solo, é unha mala herba difícil de controlar. Pódense empregar tamén herbicidas totais nas liñas entre o cultivo.

Para outras malas herbas, recoméndase entre líneas de cultivo o uso de medios mecanícos (grade de varillas flexibles, cultivador, etc.) como alternativa ós tratamentos químicos.

Podredumes do tallo (Fusarium sp., Diplodia maydis)

Seguemento: observación da base do tallo para identificar os síntomas.

Medidas de prevención ou culturais: rotación de cultivos e elección de variedades con tolerancia a estas enfermidades. Recoméndase ademais unha fertilización equilibrada, unha axeitada densidade de plantas e calquera outra práctica que reduza o estrés para o cultivo. En particular, o estrés hídrico pode ter impacto sobre a podredumbre do tallo.

En caso de danos, haberá que controlar tamén os insectos que taladran a colleita, de habelos e
.eliminar os restos da colleita

Medios químicos: só se contemplan tratamentos na semente, que protexen ó cultivo nas primeiras fases de desenvolvemento.

Tizón do millo

Seguemento: observación das follas para detectar as lesións típicas desta enfermidade necrótica.

Medidas de prevención: O uso de variedades resistentes é a mellor vía de prevención. O laboreo profundo, que enterra restos da colleita, é tamén útil para evitar as infeccións tempranas. É importante evitar que ó traballar a terra saian á superficie restos xa enterrados.

Momento de intervención: Só se aconsella intervir se se producen ataques fortes nas primeiras fases do cultivo.

Medios químicos, os autorizados, en tanto a altura da planta permita a súa aplicación.

Principios da xestión integrada de pragas

De acordo co Real Decreto 1311/2012 de usos sostible dos fitosanitarios, os principios xerais da xestión integrada de pragas son os seguintes:

– A prevención ou reducción dos organismos nocivos debe lograrse especialmente por rotación de cultivos, uso de técnicas de cultivo axeitadas e por medio de sementes certificadas e, cando sexa posible, resistentes a enfermidades ou pragas. Deberanse usar tamén prácticas de fertilización equilibradas.

– Limpeza periódica da maquinaria e dos equipos, desinfectando ferramentas e veículos entre zonas afectadas e non afectadas.

– Protección e mellora dos organismos beneficiosos importantes.

– Seguemento dos organismos nocivos durante o ciclo do cultivo, con observacións sobre o terreo e con atención ás recomendacións dos asesores cualificados.

– Os métodos biolóxicos e físicos deberán preferirse ós químicos.

– Os produtos fitosanitarios empregados deberán ser tan específicos como sexa posible e deberán ter os menores efectos secundarios para a fauna auxiliar, a saúde humana e o medioambiente. Deberase limitar o seu uso ás doses necesarias.

– O uso de fitosanitarios debe evitar a xeración de resistencias nas poboacións dos organismos nocivos. Para iso, cando sexa necesario repetir tratamentos, haberá que empregar materias activas con distintos modos de acción e que xeren distintos mecanismos de resistencia.

– As zonas catalogadas de protección precisarán de medidas específicas. Para a súa catalogación, tívose en conta a Rede Natura, a presenza de masas de auga e a existencia ou non de especies ameazadas. Pódese consultar a través do Sigpac as parcelas que están en zonas de protección, para o que sobre a correspondente parcela, hai que acceder no visor á pestaña de ‘Consulta’ e a ‘Propiedades’.

Para as zonas de protección, recoméndase a contratación dun asesor, o uso de boquillas antideriva na maquiniaria de aplicación de fitosanitarios, deixar bandas de seguridade máis amplas en relación coas masas de auga e priorizar os produtos fitosanitarios menos perigosos para o medioambiente.

Gran húmido de millo en vacún de leite: Resultados dun estudo en 13 gandarías galegas

A empresa de sementes Dekalb realizou nos últimos meses o primeiro estudo en Galicia sobre utilización de gran húmido de millo na alimentación de gando vacún de leite e os seus resultados a nivel produtivo e económico.

O forte encarecemento das materias primas para elaboración do penso, e en concreto da fariña de millo, -rolda os 300 euros a tonelada nestes momentos e sen perspectivas de que baixe a curto ou medio prazo- está a levar a que cada vez máis gandarías de vacún de leite abaraten a ración destinando unha parte do cultivo de millo a ensilado en forma de gran húmido, un alimento de menor custo e máis dixestible que a fariña de millo.

“O gran húmido é relativamente fácil de elaborar: Precisamos que o millo estea un pouco máis maduro que para silo, entre 3 e 4 semanas máis de maduración, e por tanto en leiras ás que poida acceder a maquinaria nos meses de outubro ou novembro. Recóllese cunha colleitadora de cereal equipada cun cabezal que separa as mazarocas e logo a máquina debúllaas. O gran transpórtase até a granxa, onde se moe cun muíño e métese dentro dunha bolsa ou salchicha onde fermenta”, explica Pablo Amado, asesor agronómico de Dekalb para a zona centro da provincia da Coruña.

“O resultado -engade- é un alimento que se transforma moi ben en leite: contén entre un 60 e un 70% de materia seca e aproximadamente un 70% de almidón, que é máis dixestible e ten unha mellor degradación no rume, e por tanto mellor aproveitamento pola vaca para transformalo en leite, que a fariña de millo”.

Canto máis tempo de fermentación maior dixestibilidade:

Como punto de partida, o estudo realizado por Dekalb analizou se, do mesmo xeito que sucede co silo de millo, a dixestibilidade do gran húmido increméntase segundo o tempo de conservación, e a conclusión é que si.

“Partimos dun ciclo de millo Dekalb de entorno a 500 e comparamos varios silos de gran húmido da campaña 2021 con 1 mes de fermentación con outros que xa tiñan 12 meses de fermentación. A conclusión é que se nota unha importante diferenza na dixestibilidade nas primeiras horas: ás 7 horas o máis maduro tivo unha dixestibilidade do 93,17% mentres que no de 1 mes foi do 77,50%, polo que a nosa recomendación é esperar o máis que se poida para abrir os silos de gran húmido”, explica Pablo Amado.

Fonte: Dekalb

Parámetros que se analizaron no estudo:

No estudo realizado por Dekalb participaron 13 gandarías galega que empezaron a introducir o gran húmido a partir de xaneiro deste ano.

Os parámetros que se analizaron foron:

-Custo ración €/vaca/día
-Produción de leite (litros / vaca/ día)
-Concentración proteína leite (variación % proteína)
-Variación concentración graxa (variación % graxa)
-Variación custo litro de leite (€/litro).

Custo medio de 155 euros tonelada e consegue abaratar 0,27 euros por día a ración

O custo do gran húmido para as granxas -incluíndo todo, tanto o cultivo, como o procesado- é duns 155 euros por tonelada.

Comparouse o custo económico antes e despois de introducilo na ración, e ao reducir a cantidade de concentrado, sobre todo de fariña de millo e de cebada, o custo diario de alimentación das vacas, mantendo a mesma cantidade de quilos de materia seca, pasou de 5,53 euros diarios a 5,26 euros diarios, un 5,13% menos.

Variación nas calidades do leite (graxa e proteína)

Fonte: Dekalb

Analizouse tamén nas 13 gandarías que participaron no estudo a variación das calidades do leite antes e despois de introducir o gran húmido de millo na ración.

O resultado foi que a proteína se mantivo estable, cunha concentración do 3,45% de media nas granxas, mentres que a graxa experimentou unha lixeira baixada do 3,75% ao 3,69%.

Case un litro máis de leite por vaca e día

Porén, o lixeiro descenso na porcentaxe de graxa viuse compensado cun incremento da produción media de 0,9 litros máis por vaca e día, grazas á excelente dixestibilidade do gran húmido. En concreto, pasou de 36,71 litros por vaca e día a 37,61, o que supón un incremento do 2,39%.

Fonte: Dekalb

0,59 € máis por vaca e día introducindo o gran húmido de millo na ración

En canto aos resultados económicos, o estudo de Dekalb calculou o impacto tendo en conta o abaratamento da ración, o incremento da produción e a leve penalización da industria láctea polo descenso na graxa do leite.

Fonte: Dekalb

O resultado é que a introdución do gran húmido na ración mellorou os resultados de media nas 13 granxas en 0,59 euros por vaca e día.

“Non é un dato menor, pois son 216 euros máis por vaca e ano e se o extrapolamos a unha granxa de 100 vacas en muxido son 21.615 euros máis ao ano”, destaca Pablo Amado, asesor agronómico de Dekalb para a zona centro da provincia da Coruña.

Conclusións:

O estudo concluíu que o emprego do millo en gran húmido nas gandarías de vacún de leite é:

-Unha moi boa opción para producir enerxía sen depender do millo importado de terceiros países.

-É un alimento de excelente calidade pola súa alta cantidade de almidón e elevada dixestibilidade.

-Permite cultivar leiras máis afastadas da explotación.

-Reducimos custos de transporte: Nun só remolque transpórtase o gran dunha leira de millo que se se ensila toda a forraxe serían 3 ou 4 catro.

-Protección do solo durante o inverno: Todo o talo e follas do millo quedan en forma de capa sobre o chan protexéndoo das xeadas e da erosión pola choiva.

-Achegar de materia orgánica ao chan: Todos eses restos incrementan a materia orgánica do chan e, por tanto, melloran a súa estrutura.

-Redución da pegada de carbono: A descomposición deses restos vexetais permite secuestrar carbono no solo.

-Redución de carga gandeira.

-Mellora da rendibilidade.

“Ás gandarías que teñan fincas dispoñibles, diriámoslles desde Dekalb que este é un ano óptimo para facer gran húmido e mellorar así os seus resultados económicos”, conclúe Pablo Amado.

Resultado dunha analítica dunha das variedades cultivadas no estudo (Dekalb DKC 5741):

Fonte: Dekalb

ICL lanza a exclusiva tecnoloxía de encapsulado totalmente biodegradable eqo.x para fertilizantes de liberación controlada

ICL desenvolveu unha tecnoloxía única, patentada co nome eqo.x, que consegue a biodegradabilidade total e rápida do encapsulado dos fertilizantes de liberación controlada (CRF). A nova tecnoloxía eqo.x reduce a pegada ambiental dos CRF e axudará aos agricultores para cumprir os requisitos do Pacto Verde Europeo.

Un dos principais retos aos que se enfrontan os agricultores hoxe en día é o dos cambios frecuentes nas normativas aplicables aos fertilizantes. Por exemplo, o Pacto Verde Europeo, que inclúe a estratexia «Da granxa á mesa», aspira a minimizar a pegada ambiental da agricultura. A redución das perdas de fertilizantes en polo menos un 50% para 2030 é un piar importante desta estratexia.

Os fertilizantes de liberación controlada (CRF) poden desempeñar un papel crave no cumprimento destes requisitos do Pacto Verde, xa que melloran a eficiencia no uso de nutrientes (EUN), manteñen ou aumentan a produción cunha menor achega de fertilizantes, reducen as perdas de nutrientes e, a miúdo, só requiren unha aplicación para toda a tempada.

Pero, para satisfacer os requisitos futuros do novo Regulamento (2019/1009) relativo aos produtos fertilizantes UE, ICL deu un paso máis no desenvolvemento de innovacións sostibles para os seus fertilizantes de liberación controlada.

Así, a empresa acaba de presentar eqo.x. Esta tecnoloxía de encapsulado totalmente biodegradable someteuse a exhaustivos ensaios en campo, cuns resultados similares ou mellores en canto a produción e calidade respecto ás tecnoloxías de encapsulado existentes, mantendo patróns de liberación constantes e totalmente predicibles para unha mellor xestión dos programas de nutrición.

Segundo Ronald Clemens, responsable global de márketing de CRF de ICL, «En ICL a sustentabilidade e a eficiencia no uso dos nutrientes son aspectos que consideramos prioritarios nos nosos fertilizantes especializados para os mercados agrícolas. Con esta innovación, creamos unha solución que é sostible desde diversos ángulos, contribuímos á estratexia europea “Da granxa á mesa” e axudamos aos agricultores para reducir as doses de fertilizantes sen que iso afecte á produción. Neste sentido, esta innovación adiántase á normativa actual e está preparada para as futuras normas que están por vir».

Como explica Ronald Clemens: «Levamos 15 anos traballando nuns encapsulados que se biodegraden máis rápido, ao mesmo tempo que ofrecen o máximo rendemento no campo. Xa estamos preparados para aplicalos a fertilizantes de liberación controlada a base de nitróxeno para cultivos en chan. A tecnoloxía de liberación eqo.x é exclusiva de ICL xa que está protexida por patente e estamos a investir nunha nova liña de produción nos Países Baixos».

Unha das gamas de liberación controlada de ICL que se beneficiará da nova tecnoloxía.

Hai que lembrar que ICL é pioneira na tecnoloxía de encapsulado desde hai máis de 50 anos, cando lanzou o seu fertilizante Osmocote. Desde entón desenvolveu diversas tecnoloxías de encapsulado que foron altamente eficientes e con eqo.x da un paso máis, como afirma Ronald Clemens: «Consideramos que se trata dun enorme paso adiante no uso de fertilizantes de eficacia mellorada para o mercado agrícola. A tecnoloxía de liberación controlada totalmente biodegradable poderá reducir todo tipo de perdas de nutrientes, o que se sumará a todas as vantaxes coñecidas dos CRF, como a posibilidade de reducir a frecuencia e as doses de aplicación».

En canto aos ensaios de campo e laboratorio realizados nestes últimos anos antes de lanzar esta nova tecnoloxía, pódese afirmar que con eqo.x non só dáse resposta á obrigatoriedade de usar encapsulados totalmente biodegradables de forma rápida, senón que tamén se mellora a eficiencia do uso de nutrientes ata nun 80% e redúcese as perdas de nutrientes ata nun 50%.
Por último, tras o lanzamento de eqo.x, o seguinte paso de ICL é introducir gradualmente esta nova tecnoloxía no mercado nas súas gamas líderes de fertilizantes de liberación controlada para agricultura, como Agromaster.

Sipcam Iberia lanza Iseran, novo herbicida para millo

Iseran é un novo herbicida de Sipcam para o control de malas herbas anuais. Trátase dun novo e sostible herbicida para aplicacións en pre-emerxencia e en post-emerxencia temperá. Iseran posiciónase así no mercado como “unha solución flexible para o cultivo de millo”, explica o Product Manager da compañía Pepe Martínez.

“Iseran nace froito da tecnoloxía Microplus Technology ®, patentada por Sipcam-Oxon. Está formado por Mesotriona en forma de suspensión concentrada, a cal actúa sinérxicamente coa Clomazona, que se atopa en forma de suspensión de microcápsulas”, explica o Product Manager.

É un novo herbicida composto por dúas materias activas con diferente modo de acción. Estas materias son absorbidas polas malas herbas tanto polas follas como polas raíces, translocándose por toda a planta e logrando que non nazan as malas herbas ou unha necrose destas.

Esta nova solución ofrece unha acción herbicida inmediata da Mesotriona, mentres que as microcapsulas de Clomazona libéranse dun modo controlado, gradual e continuo, obtendo unha eficacia máxima, así como maior persistencia de acción e selectividade para o cultivo.

Este formulado ofrece unha dose flexible que permite controlar as principais malas herbas de folla ancha e estreita das zonas de millo. Ademais, destaca pola súa capacidade de integración en calquera estratexia herbicida e non ten limitacións do seu uso nos anos seguintes.

Acerca de Sipcam Iberia
Sipcam Iberia é unha empresa de I+D, márketing e comercialización de produtos fitosanitarios, bioestimulantes e nutricionais especiais, tanto químicos como biolóxicos, con vocación de liderado que elabora solucións innovadoras de investigación e desenvolvemento agrícola. Ofrece unha ampla carteira de produtos para os principais cultivos, sobre a base de produtos seguros para o agricultor, o consumidor e o medioambiente.

Razóns polas que si é rendible meter un cultivo de inverno en rotación co millo

Vense observando nalgunhas granxas de vacún de leite galegas como parcelas que dedican ao cultivo do millo en verán, unha vez recollido quedan sen cultivar, presentando un aspecto de abandono no inverno e parte da primavera seguinte, con abundancia de adventicias de alto desenrolo invernal, o que obriga ao gandeiro a desfacerse delas para preparar a terra para a sementeira do millo da campaña seguinte.

Os motivos son diversos pero principalmente ocorre por:

-Tardanza en ensilar o millo para forraxe, logo comezan as chuvias e xa non se pode entrar na parcela.

-Sementeiras temperás do millo.

-Crenza de que o cultivo de inverno trae mais problemas que beneficios.

-Necesidade de baleirar o xurro en inverno por non ter ben dimensionadas as fosas ou non estar cubertas.

A tardanza en ensilar o millo forraxeiro motivada polo emprego de variedades de ciclo longo ou sementeiras tardías de ciclos habituais na zona, implica que na época habitual de ensilado o millo aínda non estea no estado óptimo para a súa colleita (liña de leite entre 1/3 e 1/2), obrigando ó gandeiro a retrasar a ensilaxe. A seguir comeza o período de chuvias, que lle impiden a sementeira do cultivo de inverno.

Sí compensa e é rendible sementar un cultivo de inverno despois do millo

A veces o gandeiro quere sementar cedo o millo, o que lle permite ciclos algo máis longos ou loitar contra o estrés hídrico, o que obriga a ter o terreo libre de cultivos unhas semanas antes para facer as labores de preparación do solo e sementeira, tendo a crenza de que é mellor un bo rendemento anual do millo que un bo rendemento anual da parcela.

A este respecto, ensaios levados a cabo no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) durante tres anos (Flores,2017) empregando dúas variedades de millo de ciclo 130 días de sementeira a colleita (ciclo FAO 350) en condicións de secaño húmido, indican que a produción para a rotación Millo- Raigrás italiano foi de 18.8 toneladas de materia seca por hectárea MS/ha e de 1.07 t de proteína bruta PB/ha aportando o cultivo do millo 12.7 t MS/ha e 0.647 t PB/ha e a parte restante o raigrás italiano. Se se opta por unha mestura de raigrás con trevos anuais como cultivo de inverno, a rotación tivo maior rendemento: 19.7 t MS/ha e de 1.4 t PB/ha, aportando o millo 14.0 t MS/ha e 0.797 t PB/ha.

Por tanto, sementando un monocultivo de millo cun ciclo máis longo, e deixando a terra baleira en inverno, dificilmente nos dará eses rendementos en materia seca e dende logo non alcanzará os rendementos en proteína das rotacións, dado que a porcentaxe de proteína bruta do millo oscila entre 5.7% e 7.2% nas condicións de secaño húmido de Galicia (Bande,2021), sempre inferior aos cultivos de inverno en condicións óptimas de aproveitamento.

Botar o xurro en inverno en parcelas sen cultivo, unha práctica antieconómica e perxudicial

Leira sen cultivar no inverno despois de millo, queimada en abril con herbicida total para poder sementar millo de novo. FOTO: CIAM

Deixar parcelas sen cultivo no inverno tamén lle permite a algúns gandeiros cuxas explotacións teñen as fosas de xurro mal dimensionadas ou sen cubrir poder desfacerse dese excedente de xurro, botándoo nas parcelas sen cultivo. Porén, esta é unha practica desaconsellable, incluso no código de boas practicas agrarias, pois aplicar xurro co terreo saturado de auga, ademais de non estarmos aproveitando o seu potencial de fertilidade nun cultivo, pois perdemos a maior parte do nitróxeno do xurro, estamos provocando tamén a compactación do solo ao meter maquinaria pesada na parcela, por non falar de que incluso podemos contaminar as augas dos regatos polo efecto da lixiviación e escorredura do nitróxeno.

Maior gasto para combater as malas herbas nas parcelas sen cultivo de inverno

A forma mais común de eliminación das adventicias desenvoltas no inverno é mediante herbicidas sistémicos totais non persistentes, dos cales o máis eficiente, barato e autorizado actualmente e o glifosato 36%, sendo moi habitual en abril ver as leiras onde non se sementou un cultivo de inverno despois do millo, amarelas polo seu efecto.

Respecto do glifosato indicar que está incluído no anexo I do Regulamento da UE con data de expiración da aprobación a 15 de decembro de 2022, data en que deberá deixarse de comercializar se non hai moratoria, recordando que xa no ano 2017, a última vez que foi incluído no anexo I, foron moitas as voces críticas que fomentaron a eliminación do seu uso intentando influír na Comisión Europea. Cabe pensar que conforme se achegue a data limite do 2022 volverase poñerse en dubida a súa continuidade no anexo I.

Unha vez que a parcela está “queimada” con herbicida as adventicias vanse secando e morrendo, pero a masa vexetal nos se retira senón que se enterra, o que obriga a unha labor de vertedeira máis profunda do habitual e con raseta para poder colocar dita vexetación fóra do alcance da labor superficial de sementeira. Desta forma, labores de vertedeira habituais con profundidade para o millo de 20 a 25 cm pasan a ser de 25-30 cm, co conseguinte uso de máis potencia ou de menor velocidade do tractor, o que implica maior custe de laboreo.

As vantaxes de ter un cultivo de inverno

Para as granxas de vacún de leite que teñen as fosas descubertas e/ou mal dimensionadas a solución pasa por cubrilas e/ou facer novas fosas que permitan acumular o xurro para poder aplicalo cando realmente é efectivo, por exemplo antes de sementar o millo .

Resolto ese problema, a solución xeral pasa por facer unha rotación de cultivos introducindo un cultivo de inverno que rote co millo e ocupe o solo durante ese período. As vantaxes son evidentes:

-Aproveitar o exceso de fertilizantes do cultivo de verán (millo), que sen un cultivo a continuación xeraría un problema de lixiviación de nitratos (Baez,1999)

–Ocupar a terra evitando o lavado do solo, moi importante xa que a terra fértil que tantos anos costou conseguir pérdese no fondo dos rios ou mares en moi pouco tempo co conseguinte contaminación dos mesmos

-Aportar un alimento extra xerado na explotación, como é a herba, rico en proteína que combina moi ben co millo que é rico en enerxía na ración de alimentación do gando vacún de leite.

-Deixar o terreo limpo de adventicias de inverno quedando máis fácil de traballar para preparar a sementeira do cultivo de verán

-Se se engaden leguminosas nunha proporción do 50% pódese declarar na PAC como superficie de interese ecolóxico ao considerarse un cultivo fixador de nitróxeno.

Rotación de cultivos

A rotación de cultivos consiste en asociar cultivos de diferentes familias con necesidades nutritivas distintas a unha mesma parcela. O obxectivo é combinar cultivos con altas necesidades extractivas de nutrientes con outros que melloren as características do solo evitando que se esgote. Ademáis, tamén se persegue evitar que se perpetúen as adventicias, pragas e enfermidades.

O 17.2% das ganderias galegas declara sementar millo sen cultivo de inverno

Nun estudio da estrutura e sistemas de alimentación en explotacións leiteiras de Galicia realizado polo CIAM e o LIGAL sobre unha enquisa levada a cabo no ano 2016 a un grupo de 50 explotacións representativas dos distintos modelos de produción de leite, obtívose que no 51.7% das granxas de vacún de leite galegas se rota millo como cultivo de verán con raigrás italiano como cultivo de inverno, seguida de pradeira –millo e de mesturas de raigrás e leguminosas con millo (34.5% e 26.7% respectivamente), mentres que o 17.2% declaraba sementar millo sen cultivo de inverno (Botana,2018). Como conclusión, nas granxas de leite galegas intensivas os cultivos empregados na rotación serían millo como cultivo de verán, raigrás italiano ou mestura de leguminosas con raigrás como cultivo de inverno, introducindo a pradeira plurianual na rotación nas menos intensivas ou extensivas e nas ecolóxicas.

As vantaxes de incorporar leguminosas no cultivo de inverno: 

-Rotación millo –raigrás italiano

É a rotación usada tradicionalmente nas granxas intensivas de Galicia. O raigrás tende a aproveitarse a un ou dous cortes, e xa na sementeira require unha achega de nitróxeno para o seu desenvolvemento e entre cortes debe facerse outro aporte para obter bos rendementos. Os raigrases alternativos ( tipo westerwold) son máis adecuados para aproveitamentos temperáns perdendo calidade respecto das variedades non alternativas e híbridas cando se retrasa o aproveitamento, de aí que encaixen mellor indo a dous cortes. En aproveitamentos máis tardíos a un só corte puideran ser preferibles os cultivares non alternativos e os raigrases híbridos (Flores,2013).

A rotación raigrás/millo non é aconsellable dende o punto de vista agronómico xa que consiste en dúas especies da mesma familia das gramíneas, o que provoca unha esquilma de nutrientes do solo.

Parcelas sementadas con cultivo de inverno despois de millo. Á esquerda mestura de raigrass híbrido, con 3 leguminosas anuais e á dereita raigras italiano alternativo donde xa se deu un corte e foi fertilizada para o segundo. Foto: CIAM

-Rotación millo-mestura de leguminosas con gramíneas

Esta rotación é máis axeitada agronómica e medioambientalmente pois combina gramíneas (millo e raigrás) con leguminosas (trevo, veza, guisante…etc). Na mestura de inverno interesa que a proporción de leguminosas sexa elevada, o que repercute no incremento da proteína do cultivo que se produce pola fixación do nitróxeno atmosférico a través das bacterias do tipo Rizobium que están en simbiose coas raíces das leguminosas. De aí que sexa importante que o rizobium estea presente no terreo, e se non é así debe vir inoculado na semente mercada.

Se ademáis a semente ven peletizada con carbonato mellor pois é unha maneira de conservalo vivo durante máis tempo. O emprego de leguminosas no cultivo de inverno evítanos ter que aplicar nitróxeno en forma de fertilizante ou, en todo caso, aplicariamos unha pequena parte na implantación, da orde de 25 kg N/ha en forma nítrica ou amoniacal xa que o rizobium ao estar inactivo por debaixo dos 8 ºC do solo non aporta o nitróxeno atmosférico á mestura tendo como consecuencia un menor crecemento invernal, podendo nalgúns casos non chegar a cubrir a parcela deixándoa a mercé das chuvias que provocarían o lavado do solo.

“O rendemento do millo medra un 30% se o cultivo previo de inverno foi unha mestura con leguminosas”

Unha vez retirado o cultivo de inverno en base a leguminosas quedan no solo os restos aéreos e as raíces cos seus nódulos de Rizobium en simbiose o que supón un aporte extra de nitróxeno ao cultivo seguinte. A descomposición das raíces e dos residuos das leguminosas poden influír en gran medida nos procesos de mineralización do nitróxeno e polo tanto no contido de N mineral do solo, reducindo así a utilización de fertilizantes nitroxenados ou incrementando o rendemento do cultivo seguinte.

En concreto, o aporte dun cultivo de inverno con leguminosas respecto dun cultivo de raigrás supón unha mellora no rendemento do millo dun 30% (Baez,2014). Nun ensaio levado a cabo no CIAM onde se comparou unha rotación millo-trevo encarnado con outra de millo-raigrás italiano alternativo con distintos graos de fertilización, indicar que o cultivo de millo non fertilizado con N en rotación con trevo encarnado supon unha produción de kg PB/ha numericamente similar a un cultivo de millo fertilizado con 160 kg N/ha en rotación con raigrás italiano. (Baez,2021).

Conclusións:

As granxas de vacún de leite para evitar deixar parcelas sen cultivar no inverno deberían ter as fosas de xurro ben dimensionadas e cubertas, así como rotar o millo , buscando un ciclo que se adapte, con leguminosas anuais (soas ou en mestura).

Entec, un fertilizante de alto rendemento para millo

Eurochem é unha das principais compañías mundiais de fertilizantes. Fabrica unha ampla gama de abonos nitroxenados, fosfatados e potásicos. Desde fertilizantes convencionais a produtos complexos de alto valor engadido e fertilizantes solubles de alta calidade.

Os seus abonos premium, como ENTEC®, están deseñados para manter as súas propiedades nutritivas durante máis tempo, garantindo ás plantas unha subministración óptima de nutrientes durante todas as fases de crecemento. Analizamos as súas cualidades.

Optimiza a eficiencia dos nutrientes
Os fertilizantes ENTEC® están estabilizados, contan coa tecnoloxía de fertilización máis avanzada, que permite reducir as perdas por lixiviación de nitratos, mitigar a emisión de gases de efecto invernadoiro (N2Ou) e garantir unha maior eficiencia dos nutrientes. Estas vantaxes tradúcense nunha maior dispoñibilidade do nitróxeno para os cultivos, incrementando o seu potencial de rendemento e calidade.

Minas de potasio propias de Eurochem.

Excelente calidade de produto
A gama ENTEC® son fertilizantes complexos NPK, NP e N que aglutinan as excelentes características dos abonos de EuroChem, perfecta granulación, ausencia de po, baixo contido en cadmio (metal pesado), alta solubilidade e sen nitróxeno ureico, que é altamente contaminante para a atmósfera, volátil e lixiviable, á parte de que non está dispoñible para as plantas.

ENTEC® conta cunha das tecnoloxías de fertilizantes máis eficientes para mellorar a absorción dos nutrientes, especialmente a do nitróxeno. Os fertilizantes ENTEC® proporcionanlle aos cultivos unha nutrición mixta de nitróxeno nítrico, moi importante no desenvolvemento inicial das plantas, e amoniacal, o que favorece a absorción doutros macronutrientes como o fósforo e algúns micronutrientes.

Planta de Eurochem en Amberes.

Nitróxeno sempre dispoñible
O nitróxeno, igual que o resto de nutrientes achegados cos fertilizantes ENTEC®, está completamente dispoñible desde o momento da aplicación. ENTEC® non é un fertilizante de liberación lenta. ENTEC® conta cunha excelente relación de nitróxeno en forma nítrica e amoniacal (sen Urea), ademais da tecnoloxía de fertilizante máis avanzada.

As súas características permítenlle cubrir as necesidades nutritivas de cultivos forraxeiros tan esixentes co nitróxeno como son o millo ou as pradarías durante todo o seu ciclo. A maior eficiencia dos fertilizantes ENTEC® tamén se traduce en beneficios ambientais, como son a redución de perdas de nitróxeno por lixiviación de nitratos ou emisións de gases de efecto invernadoiro.

Ideal para cultivos forraxeiros
As formulacións ENTEC® de sementeira teñen unha relación do nitróxeno en forma nítrica e amoniacal óptima para o correcto desenvolvemento dos cultivos desde as súas fases iniciais. A pequena parte en forma nítrica, necesaria e facilmente asimilable, achega aos cultivos unhas condicións óptimas para desenvolverse desde a germinación e inicio do sistema radicular, en caso do millo, até a aparición das primeiras follas verdadeiras. En pradaría, o abono proporciona un empuxe importante para o desenvolvemento foliar do raigrás e leguminosas, neste caso como fertilizante de coberteira.

A parte do nitróxeno en forma amoniacal (estable no tempo pola tecnoloxía ENTEC®) está dispoñible desde a aplicación do fertilizante, pero tamén durante un longo período, permitindo cubrir as necesidades deste nutriente en etapas de desenvolvemento posteriores. Isto non ocorre con fertilizantes convencionais, onde sen ENTEC®, o nitróxeno pérdese rapidamente. Sen aplicar a tecnoloxía ENTEC® ao nitróxeno, as choivas poden provocar grandes perdas por lixiviación.

Descarga do abono, que é transportado por barco a Galicia.

A mellor opción para millo

O millo é un cultivo moi esixente no que a fertilización se refire, sendo o nitróxeno o nutriente ao que normalmente presenta maior resposta. Isto débese a que a gran maioría dos solos non son capaces de fornecer as cantidades deste nutriente que necesita o millo. Por tanto, a fertilización nitroxenada é fundamental para conseguir bos rendementos.

Cos fertilizantes ENTEC® proporciónase unha maior cantidade de nitróxeno dispoñible e durante un maior período de tempo. Este aspecto é fundamental para evitar momentos puntuais de deficiencia de nitróxeno que poidan causar grandes perdas de rendemento.

A gama de produtos ENTEC® alta en nitróxeno -ENTEC® 24-8-7, 20-10-10, 25-15-0-, permite ser flexible coas aplicacións de fertilizante en fondo, favorecendo a organización e o traballo de campo dos agricultores. A combinación de nitróxeno nítrico e amoniacal con ENTEC® resulta especialmente interesante para o millo. A parte nítrica totalmente necesaria nas primeiras fases do cultivo, permite unha rápida asimilación en fases temperás, desde a xerminación até as primeiras follas, e a parte amoniacal con ENTEC® garante a subministración continua de nitróxeno, á vez que reduce o risco de perdas.

A mellor opción para pradeira

A vantaxe dos abonos ENTEC® é que proporcionan ao cultivo unha maior cantidade de nitróxeno dispoñible. Isto permite á pradaría ‘espertar’ máis rápido, iniciar en mellores condicións as etapas que teñen un gran impacto no rendemento final como son o desenvolvemento radicular e vexetativo.

Os fertilizantes ENTEC® non só achegan á pradaría este ‘empuxe’, senón que tamén permiten unha nutrición progresiva durante todo o ciclo de cultivo. Este feito permítelle ao agricultor ser máis flexible coa aplicación de coberteiras de nitróxeno, podendo axustar mellor a dose se fose necesaria unha segunda aplicación.

Unha boa estratexia para mellorar a eficiencia da fertilización nitroxenada en coberteira das pradarías é ENTEC® 27. O novo fertilizante da gama ENTEC®, que nos permite axustar a dose de nitróxeno nunha coberteira, achega flexibilidade no momento de aplicación e permite minimizar as perdas de nitróxeno. Con ENTEC® evítase ter que fertilizar pronto cun nitróxeno convencional e en días moi fríos, por tanto, permítenos minimizar as perdas de nitróxeno asociadas a dita práctica.

ENTEC® 27 mellora producións e calidades de forraxe, á vez que reduce os encamados debido ao exceso de nitróxeno tardío.

ENTEC® 27, do mesmo xeito que o ENTEC® 25-15 ou ENTEC® 24-8-7, garante unha fertilización totalmente respectuosa co medio ambiente. En resumo, con ENTEC® pódese axustar mellor a fertilización nitroxenada en coberteira ás condicións específicas do ano.

A mellor opción para o medioambiente

O abonado con ENTEC® evita o risco de perda de nitróxeno que se pode producir por fortes eventos de choiva, diminuíndo así a contaminación das augas por nitratos. Os abonos convencionais aplicados van perder unha parte moi importante do nitróxeno por lixiviación, contaminando as augas superficiais e subterráneas con nitratos.

Este feito tamén ten consecuencias na forraxe, que pode sufrir de falta de nitróxeno, aumentando o número de aplicacións das coberteiras nitroxenadas. ENTEC® é un produto especialmente interesante en zonas vulnerables á contaminación por nitratos, xa que a súa tecnoloxía de fertilizante contribúe a protexer estas áreas máis sensibles á contaminación.

Coa aplicación de abonos ENTEC® tamén se diminúen de forma substancial as emisións de gases de efecto invernadoiro que contribúen ao quecemento global da atmosfera, con nefastos efectos ambientais. Igualmente, ao ser fertilizantes sen nitróxeno en forma de urea, minimízase o risco de volatilización de amoníaco, outro composto nitroxenado procedente da aplicación de urea e xurros na agricultura.

Benefíciaste ti, benefíciase o teu cultivo e benefíciase o medioambiente

Con ENTEC® achégase resiliencia aos cultivos, proporcionando unhas condicións de produción optimas mesmo con condicións meteorolóxicas adversas ou fortes eventos de choiva. Algunhas dos principais beneficios ambientais, agronómicos e económicos:

  • Aumentan o rendemento nun 5% de media, e, ademais, permiten aforrar ao redor dun 10% de fertilizante nitroxenado.
  • Teñen unha gran flexibilidade de aplicación dos fertilizantes:
    • Necesítanse menos aplicacións.
    • Permiten unha aplicación máis flexible e axustada das coberteiras.
  • Ademais, aseguran a subministración de nitróxeno ás plantas ante condicións climáticas cada vez máis cambiantes (e adversas).
  • Reducen até o 80% das emisións de gases de efecto invernadoiro e diminúen considerablemente as perdas por lixiviación de nitratos. Ademais, ao non levar N en forma de urea, redúcese o risco de emisións por volatilización de amoníaco.
  • Son moi seguros: non se bioacumulan, non se transportan a augas subterráneas ou superficiais, e non teñen efectos secundarios nas persoas nin na biosfera. E ademais, presentan un baixo contido en metais pesados, principalmente cadmio.
  • Son ideais para o abonado de cultivos forraxeiros como as pradarías e o millo, xa que aseguran unha subministración óptima de nitróxeno e outros nutrientes durante as fases iniciais do cultivo, e tamén, cando empezan as necesidades importantes de nutrientes que determinan os factores do rendemento.

Recomendacións para as sementeiras temperás de millo

A sementeira do millo forraxeiro en Galicia adiantouse este ano arredor de dúas semanas grazas ao clima seco e cálido da primeira quincena de abril. Nesta campaña prevese un incremento do cultivo dos ciclos longos, unha tendencia que xa ven de hai anos, así como da superficie dedicada a esta forraxe. E é que ser o máis autosuficientes posibles na alimentación do gando resulta se cadra máis determinante para as ganderías de vacún nun contexto coma o actual de elevados prezos de cereais como o millo ou da soia. Porén, as sementeiras de cedo no millo non están exentas de riscos e esixen unha maior profesionalidade, especialmente no control das herbas adventicias. Analizamos con catro técnicos como evoluciona a plantación neste inicio da campaña e as súas recomendacions para garantir un bo desarrollo da planta nas primeiras etapas.

Adrián Cundíns (GANXABAR): “Non se deben realizar abonados nitroxenados moi agresivos”

Adrián Cundíns é o xerente da cooperativa GANXABAR, que agrupa a varias ganderías das comarcas coruñesas do Xallas e A Barcala. Nestas comarcas este ano a sementeira adiantouse case 3 semanas e no caso desta cooperativa xa sementaron a comezos de abril arredor do 70% da superficie dedicada a este cultivo. “Das 700 hectáreas que cultivamos a millo algo máis de 450 xa están sementadas e co millo nacido”, destaca. Neste caso sementaron un ciclo longo -comezaron cun 600 e a finais de abril foron a un 500- que, tal e como destaca, “compensa sobradamente, xa que o sobrecusto en herbicidas vese recompensado cunha maior produción en cantidade e en calidade que os ciclos longos e os medios ou curtos (300-350). No noso caso a diferencia é de sobre 10 toneladas por hectárea”. En canto ás recomendacións para estas sementeiras temperás, Adrián Cundíns aconsella “intentar traballar con terra solta, que non estea pesada ou húmida para que a nascencia do millo sexa boa”, unhas condicións que este ano se cumpriron polo tempo seco da primeira quincena deste mes. Ademais, no caso de GANXABAR a sementeira é algo máis superficial, a entre 3 e 4 centímetros de profundidade, para favorecer que xermine antes. Outro aspecto que destaca “é non realizar abonados moi agresivos de nitroxenados pois co frío non funcionan moi ben e mesmo acaban danando o millo”. Por último, o xerente de GANXABAR aconsella aplicar un herbicida de presementeira, sobre todo naquelas fincas que adoitan ser máis húmidas. “Este ano separamos as fincas máis pesadas e fixemos aplicación en presementeira polo risco de que comezara a chover a finais de abril ou comezos de maio e non puderamos entrar para aplicar o herbicia. É un herbicida máis caro por hectárea pero dáche a seguridade de que vas ter as malas herbas controladas durante un par de meses, de forma que cando teñas que facer unha aplicación en postemerxencia podas entrar sen problema”, destaca.

Pablo Amado (DEKALB): “Recomendamos sementar o millo a entre 5 e 6 centímetros porque hai menos perdas por ataques dos corvos”

Pablo Amado, asesor agronómico de DEKALB, corrobora a tendencia de que cada vez se cultiva millo forraxeiro de ciclos máis longos. “Aínda que o máis común si que seguen sendo os ciclos 300 e 350, actualmente nas sementeiras temperás en Galicia empréganse cada vez máis ciclos longos, de 400 e 500, incluso en fincas dun só corte de herba. E é que hoxe búscase cada vez máis no millo moi boa dixestibilidade e a enerxía, e non almidóns tan altos como hai 10 anos, e aí entran moi ben os ciclos 500 ata o 10 ou 15 de maio, ou incluso ata o 20 nalgunhas zonas” explica. Ademáis dunha maior produtividade, Pablo Amado destaca destas sementeiras temperás que “a xerminación é mellor porque hai menos problema de rosquilla e tamén de seca”. Millo en Gandería Pistulario (Santa Comba). Foto: DEKALB En canto ás limitacións de temperatura -o millo precisa unha temperatura mínima no solo de 10 graos para poder xerminar- o técnico de DEKALB considera que cada vez é menos problemática, tanto grazas aos duplos test de xerminación aos que se somenten as sementes -un a temperaturas normais e outro con temperaturas frías-, como ao emprego de bioestimulantes, no caso da súa empresa a tecnoloxía Acceleron. Onde si incide especialmente é na profundidade da sementeira: “O ano pasado vimos moita diferencia en ataques de corvos segundo a profundidade de sementeira, polo que incluso nestas condicións seguiría recomendando sementalo a 5 ou 6 cm de profundidade, pois se está máis superficial élle moito máis fácil aos corvos sacar a planta”, subliña Pablo Amado.

Jorge Meiriño (Cooperativa AIRA): “Nas sementeiras de cedo é moi importante aplicar un herbicida de preemerxencia”

Na zona sur de Lugo de momento lévase sementado arredor dun 15% da superficie que se adica ao millo forraxeiro e estes días están volvendo retomar os traballos tras o parón ao que obrigou as choivas da pasada semana. “Empezouse sementando sobre o 20 de abril pois as fincas estaban secas e o tempo era bo. Seguiremos sementando ata o 15 de maio ciclos 400 e logo imos acortando os ciclos ata a primeira semana de xuño”, afirma Jorge Meiriño, técnico da cooperativa AIRA. Millo nado na zona sur de Lugo En canto ás súas recomendacións para estas sementeiras de cedo, incide en que “ é importante facer un tratamento con herbicidas de preemerxencia”. “Os tratamentos de postemerxencia hai que fiar moito nas sementeiras temperás porque se os fas moi pronto vas ter que repasar despois e se os fas moi tarde vas correr o risco de que saia moita folla estreita, que vai parar o cultivo”, engade.

Beatriz Vázquez (RAGT): “Os abonos starter son de gran axuda nas sementeiras de cedo”

Beatriz Vázquez González, delegada na zona Norte de RAGT, considera que nas sementeiras de cedo do millo “é interesante empregar abono starter pois as plantas aumentan o vigor de nascencia e conseguen quitar as primeiras follas máis rápido”. “Son produtos interesantes, incluso en sementeiras non temperás, pois vense diferencias ao final do cultivo, grazas a que estes abonos incorporan nutrientes como o fósfoso, que se move pouco no solo e que resulta interesante localizalo ao pé da semente”, engade. Este maior desenvolvemento inicial da planta tamén resulta interesante para reducir a gravidade dos ataques dos córvidos e tamén da rosquilla. “Canto antes consigamos unha masa radicular e desenvolvemento foliar importante da plántula de millo, mellor”, subliña.

Erros máis comúns a evitar na sementeira do millo

No millo a sementeira é un factor clave na productividade do cultivo. O 50% do rendemento final obtido está relacionado con como naza a planta, polo que o proceso de labrado condiciona claramente o resultado final da colleita. Así pois, se a metade do resultado final depende da sementeira, para que a produción sexa homoxénea, o nacemento da planta tamén ha de ser homoxéneo. Iso está relacionado con que teña lugar unha emerxencia rápida e uniforme en toda a parcela. Ensaios da Universidade americana de Wisconsin demostraron que un retraso no nacemento de 10 días da plántula equivale a un retraso de dúas follas na súa fase de crecemento inicial, o que condiciona que esa planta poida acabar tendo mazorca ou non. O feito de traballar mediante a subcontrata das tarefas de sementado, ben a través dunha cooperativa, unha empresa de servizos ou unha CUMA, o que permite aforrar en maquinaria propia ás explotacións, condiciona sen embargo moitas veces non poder escoller o momento óptimo para labrar, ao concentrarse a demanda en poucos días obrigando a que as campañas de sementeira se alonguen ou comecen antes de tempo. Moitas veces tamén limita a escolla da data de sementeira do millo a recollida previa da herba para ensilado nas fincas nas que se fai dobre cultivo, pois mentres non remata a campaña da herba non se pode abonar e preparar as terras para o millo. Tanto a sementeira como a colleita e o ensilado do millo representan tamén o maior investimento que realizan ano tras ano as explotacións de gando vacún de leite. Acadar o maior rendemento posible por hectárea cultivada supón optimizar os investimentos e mellorar o seu nivel de eficiencia. Facer as cousas ben e non cometer erros non reduce os gastos (os custos en abonos, semente e fitosanitarios son os mesmos, igual que os de sementeira e recollida), pero se se obtén unha maior cantidade e calidade de materia seca os gastos feitos vólvense máis rendibles ao quedaren máis diluidos e a marxe de beneficio no leite producido aumenta.
O millo é o principal cultivo forraxeiro que realizan as explotacións leiteiras galegas, que concentran o 60% da superficie adicada a este cultivo en todo o Estado
O millo cultívase en Galicia desde fai máis de 5 séculos e hoxe é o principal cultivo forraxeiro que realizan as explotacións leiteiras galegas, polo que se trata dun cultivo de grande importancia na nosa comunidade. De feito, Galicia concentra o 60% da superficie adicada a millo en todo o Estado e o 55% da produción. Estas son algunhas cuestións a ter en conta para non cometer erros á hora de labrar o millo, que analizamos coa axuda de dous enxeñeiros agrónomos: Juan Valladares, do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e Albert Porte, asesor internacional, membro do Tribunal Internacional de Apelación de Pau para temas agrícolas e ex enxeñeiro Instituto ARVALIS e da Asociación Xeral de Produtores de Millo de Francia. 1.- Non facer as cousas ás présas ou por rutina Albert Porte Laborde é un dos maiores expertos europeos no cultivo do millo. Pero este enxeñeiro agrónomo francés, natural da rexión de Bearn, no sur do país, onde sementa nas súas fincas 60 hectáreas de millo en solos que son semellantes aos de Galicia, prefire definirse como un "namorado" desta planta máis que como un especialista. Nos últimos anos estivo varias veces en Galicia, onde participou en distintas xornadas técnicas, organizadas por Delagro, Seragro e o Concello de Curtis.
Facer as cousas rápidas e sen reflexionar é perigoso porque os erros non se poden correxir
Di que "facer as cousas rápidas sen reflexionar é perigoso" e fala de "calidade da sementeira" como factor determinante á hora de acadar bos rendementos de colleita. O obxectivo é simple, di: "trátase de lograr nacementos homoxéneos e regulares, non pode existir o éxito no cultivo do millo sen homoxeneidade". A distribución e a altura das plantas teñen que ser iguais porque "tamén no millo o problema é sempre o veciño", bromea, xa que "se a planta do lado ten unha folla máis esa outra planta máis retrasada sempre terá que soportar esa competencia até o final".
O labor do agricultor é organizar a competencia entre plantas para que todas sexan iguais
O labor do agricultor é "organizar a competencia entre plantas para que todas sexan iguais". Por iso, asegura, "cando o tractor sae da finca ao acabar de labrar o rendemento está feito, ben ou mal feito pero está feito. Xa non se poden engadir toneladas, a partir dese momento pódense preservar as toneladas que labramos na colleita final, pero engadir máis non. Os erros non se poden correxir, nin unha planta mal escollida, unha densidade mal adaptada, unha protección contra os insectos mal feita, un abono que non foi ben calculado, etcétera; todo iso non se pode correxir", indica Tamén aposta por evitar erros Juan Valladares e aínda que asegura que "sempre hai recomendacións que se poden dar para mellorar", como as que periodicamente fai o CIAM antes do inicio da campaña de cada ano, "en xeral o agro galego cada vez vai coñecendo máis a cultura do millo e se de algo sabe o gandeiro galego é de xenética de vacas e de cultivo de millo", afirma. 2.- Analítica do chan O éxito da plantación comeza antes de que a sementadora entre na parcela. "O primeiro é coñecer a terra que tes. Hai que facer unha analítica de terra polo menos cada 4 anos porque cambian as características. Logo, con esa analítica na man, xa podes definir o tipo de encalado e o tipo de fertilización en función do que precisa o millo", recomenda Juan. Unha das cousas a vixiar é o PH do chan. "O PH é o indicador máis antigo da fertilidade do solo, cun PH baixo a dispoñibilidade de abono non é boa, así que se se sobe o PH do chan pódese diminuir a cantidade de abono para igual resultado e aforrar. Cun PH entre 5 e 5,5 só se aproveita entre o 50 e o 75% do nitróxeno existente e só a metade do fósforo dispoñible pero subindo só un punto ou punto e medio o PH a utilización pasa a ser do 90 e 95%. A principal vantaxe do PH é esa, que lle dá á planta dispoñibilidade aos elementos existentes no solo", indica, pola súa banda, Albert.
O millo tolera PH entre 4 e 8 pero o ideal estaría entre 5,5 e 6,5
"Os chans en Galicia son entre ácidos e moi ácidos e iso significa que hai que encalar para aumentar o rendemento", di. Pero o PH hai que medilo xusto antes de botar o millo, advirte, porque "varía ao longo do ano e se o medimos en febreiro e nos dá 5 cando realmente vaiamos botar o millo no mes de maio teremos un punto menos e estaremos en 4. Hai que medilo en varios puntos da parcela e facer unha media porque as análises de PH non é como facer unha análise de sangue, que é toda igual no corpo, o PH non é o mesmo en toda a parcela", asegura. 3.- Escolla da variedade axeitada Á hora de botar o millo, o primeiro factor que determina o resultado final é a escolla dun híbrido adaptado ás condicións da finca. "Non se trata de escoller o máis produtivo, senón o que vale para esa terra ou o que se pode facer nesa zona", afirma Albert. Tamén Juan recomenda "elexir a variedade e os ciclos do millo en función do lugar onde estamos". A variedade debe ser a idónea para a capacidade hídrica do chan e para as condicións climatolóxicas da área xeográfica na que se atope a parcela e debe escollerse en función de factores como a temperatura e cantidade de precipitacións habituais ou de se dispoñemos ou non de rego.
O CIAM publica todos os anos unha actualización do valor agronómico das variedades comerciais máis empregadas en Galicia, o que axuda a elexir o híbrido máis adecuado a cada zona
Para facer a escolla Juan pide non fiarse só dos ciclos FAO e mirar o díptico que todos os anos saca o CIAM (vén de publicar o correspondente a este ano 2020) co valor agronómico actualizado das variedades de millo forraxeiro en Galicia, unha análise comparativa anual que se realiza desde o ano 1999 co obxectivo de avaliar o rendemento e calidade das variedades comerciais máis utilizadas polos gandeiros galegos. "Os ciclos FAO están moi ben pero adaptados á nosa zona, porque non é o mesmo os ciclos FAO en Lleida que aquí", afirma, polo que considera máis axeitado analizar o indice de produtividade (IP) en función dos días que faltan até a data de ensilado prevista. "O mellor millo é o que florece máis rápido, canto antes floreza mellor. En cada zona hai que aplicar as estratexias e escoller as mellores variedades para lograr que unha vez sementado o millo floreza o antes posible porque é a maneira de acadar sempre os mellores rendementos", asegura Albert, que di que "cando o millo nace mal o agricultor ou o gandeiro sempre lle bota a culpa á semente, dicindo que a semente era mala, pero ela non ten a culpa. As sementes de millo que se comercializan xerminan por enriba do 90% porque así o marca a lei, pero aínda que varía anualmente sempre é maior a esa cifra e o nivel de xerminación do ano pasado foi do 97%, polo que como moito pode perderse un 3% da densidade sementada pola calidade da semente, pero non máis", afirma. 4.- Condicións óptimas de temperatura Efectos do frío o ano pasado na colleita de millo na Mariña O proceso de nacemento do millo pasa por varias fases: o grao hincha coa humidade, sae a radícula, o xerme punza e racha a pel do grao, o millo xermina e ao chegar á superficie sae a primeira folla. Nese proceso a humidade do chan e a temperatura son factores determinantes, por iso hai que facer unha boa escolla do momento en que se debe facer a sementeira. Cando se bota, a semente en contacto co solo absorbe auga. Esta hidratación, que é máis rápida canto maior é a temperatura do chan en contacto co grao de millo, sendo a óptima entre os 8 e os 10ºC, é a que permite que naza a planta. É por iso que esta fase de absorción activa de auga, que dá lugar á actividade metabólica e a elongación da radícula, depende en grande medida das condicións de temperatura e osixenación do chan, polo que son as condicións agronómicas e climáticas e non o calendario os que deben guiar a escolla do momento no que realizar a sementeira.
En Galicia hai que comezar a sementar o millo cando a temperatura do chan que está en contacto co grao é de 10ºC, non antes
"A integral térmica do millo mídese a partir dos 8 grados, pero en Galicia cando mellores resultados se obteñen e cando a temperatura media está por riba dos 10 grados de maneira sostida, non serve que sexa un día só e logo baixe. A partir dese momento é cando hai que comezar a sementar o millo, non antes. Os 10º son medidos no chan, o que equivale máis ou menos a un par de grados máis no ambiente", explica Juan. Numerosas aplicacións de información meteorolóxica, como Meteogalicia, permiten saber cal é a temperatura media diaria aínda que a fórmula para calculala é tamén doada: temperatura máxima do día + temperatura mínima e o resultado dividido entre dous.
O millo é sensible ao frío, pois durante a xerminación, por debaixo de 5ºC paralízase o crecimento do millo e morre por encharcamento
O millo é sensible ao frío en tres etapas do seu desenvolvemento: no nacemento, pois temperaturas inferiores a 5ºC poden provocar a morte da plántula durante a xerminación; cando ten entre 3 e 7 follas, pois neste estadio de crecemento cando a temperatura baixa de 15ºC mingua o medre da planta e diminúe a absorción de fósforo por parte das raíces, percibíndose unha cor violeta na planta; e durante a transición floral, cando conta con entre 8 e 10 follas, aproximadamente mes e medio despois de ser labrado o millo. 5.- Preparación da terra: que estea aireada e uniforme Ademais da climatoloxía, outro dos factores esenciais para lograr un nacemento axeitado e homoxéneo do millo é unha boa preparación previa do terreo, que debe estar ben aireado para que a xerminación non se vexa obstaculizada e favorecer deste xeito o enraizamento do cultivo. "A preparación do terreo debe facerse en función do cultivo anterior. Se ven dun cultivo de inverno, a poder ser que teña leguminosas porque enriquece o terreo, hai que laborear a 20-25 centímetros de profundidade mediante volteo", explica Juan. Non se recomenda facer un laboreo máis profundo porque estariamos empobrecendo a terra ao traer á superficie terra con menor cantidade de materia orgánica.
Hai que traballar ben a terra para desfacer as raíces do raigrás porque os terróns na superficie de máis de 5 centímetros actúan de obstáculo para o nacemento da planta
Pero que o arado non sexa moi profundo non quere dicir que a terra non teña que estar ben traballada, xa que o chan debe estar ben removido e triturado para que as raíces do cultivo previo (por exemplo de raigrás, o máis frecuente en Galicia) non entorpezan a expansión das raíces do millo. Ás veces hai pouco tempo para facer este laboreo porque se apura o último corte de herba para ensilar e hai pouco tempo a preparar as terras e ese é un erro habitual que mingua o rendemento das colleitas de millo nas parcelas.
Ás veces é mellor agardar un día máis para preparar a terra porque o traballo é o mesmo e o rendemento final moi diferente. Ese é un erro que vale diñeiro. A preparación da parcela debe facerse con tractores non moi pesados e cando a terra non estea moi mollada para evitar a compactación, que diminúe o rendemento da colleita entre un 10 e un 15%
"Hai que vixiar ben a preparación do chan para que a terra estea en óptimas condicións para recibir ese grao que lle imos aportar. O millo debe nacer nunha terra sen pisar e a calidade do traballo de labranza inflúe no resultado obtido. Nunha hectárea o millo vai crear até a floración entre 8.000 e 10.000 quilómetros de raíces e co manexo que fagamos do chan podemos axudarlle nese proceso ou dificultarllo. Cada vez que unha roda pasa sobre a terra pisa o chan e se pisa, compacta. A partir das 5 follas veñen as raíces definitivas e onde está o chan pisado entran con moita máis dificultade, o que provoca un rendemento de entre un 10 e un 15% menos onde o chan está pisado", asegura Albert, polo que recomenda facer a preparación da terra con tractores non moi pesados e cando a terra non estea moi mollada. "Ás veces é mellor agardar un día máis para preparar a terra porque o traballo é o mesmo e o rendemento final moi diferente. Ese é un erro que vale diñeiro", di. O traballo da terra debe ter en conta as condicións específicas do chan que se vai cultivar, sabendo que os solos limosos son máis pesados e reteñen máis auga, polo que tamén son máis proclives á compactación e á aparición de terróns. 6.- A profundidade á que se bota: que garanta humidade O millo seméntase habitualmente a unha profundidade de entre 4 e 5 centímetros. Unha sementeira máis superficial provoca maiores ataques por parte dos paxaros e mesmo dos xabaríns e tamén un menor desenvolvemento das raíces nodais da planta, o que favorece posteriormente un maior risco de encamado. Ademais, a menos de 2 centímetros de profundidade as plantas novas son máis vulnerables aos tratamentos fitosanitarios (herbicidas) e a factores de estrés climático (calor extremo e seca hídrica). Pola contra, se a sementeira se fixo profunda de máis o grao de millo precisará de maior enerxía para emerxer e alcanzar a superficie, algo que lle levará tamén máis tempo. Juan propón decidir a profundidade da sementeira en función da parcela e tamén en función de como veña o tempo. "Pode sementarse entre 3 e 5 centímetros se se esperan chuvias nos días seguintes e ir até 6-7 se vai haber tempo seco". Tamén recomenda "pasar un rulo se se vai a profundidades maiores de 5 centímetros e temos o terreo seco porque así favorecemos a capilaridade do terreo", explica.
Se se prevén chuvias nos días seguintes pode sementarse a partir de 3 centímetros, se hai seca e se vai a profundidades superiores a 5 centímetros é convinte pasar un rulo para facilitar a capilaridade do terreo
Albert máis que falar dunha altura concreta, prefire dicir que debe ser aquela que fai que o grao estea en contacto coa terra húmida ("iso é o principal",di), o cal significa tamén, ao seu xuízo, que a profundidade de sementeira debe ser un factor variable dependendo do tipo de chan ou da climatoloxía prevista. 7.- A velocidade de sementeira debe ser lenta Para garantir que a profundidade de labrado sexa regular, é imprescindible que a terra estea uniforme e ben traballada e que a maquinaria que fai a sementeira non teña defectos ou fallos de mantemento. Tamén é necesario labrar lentamente, a unha velocidade axeitada. "A velocidade de sementeira non pode ser moi alta para que toda a semente quede á mesma altura e á mesma distancia. Hoxe hai máquinas que fan agricultura de precisión a máis de 10 km/hora pero tal como se traballa en Galicia, en agricultura tradicional e laboreo convencional, a máis de 7-8 quilómetros por hora non deberiamos ir", afirma Juan. "A velocidade da sementeira é o máis complicado de facer entender ao agricultor e de conciencialo. Porque o tempo vale cartos e pensa que o resultado é o mesmo pero non é certo. Cando a sementadora abandona a parcela o traballo está feito, pero pode estar mal feito. O argumento de venda da maquinaria moderna moitas veces é que se pode sementar a 10, 11 ou 12 quilómetros por hora. Si, tamén se pode sementar a 30 quilómetros por hora se queres pero facendo un mal traballo. Un bo traballo coa mellor das máquinas sementadoras e nun chan perfecto dáse a 10 quilómetros por hora como moito", di Albert.
A diferenza entre ir a unha velocidade curta ou non vese despois no nacemento homoxéneo nas ringleiras, con difrenzas no rendemento final das parcelas de até 2 toneladas de materia seca por hectárea
A maioría das explotacións galegas fan a sementeira a través de empresas de servizos que acumulan unha importante carga de traballo en pouco tempo, polo que é necesario apurar os traballos para poder atender, co menor número de máquinas e empregados, ao maior número de clientes. Tamén o gandeiro que contrata paga por tempo. "Pero o que sementa normalmente non mira despois o resultado, a quen lle importa é ao gandeiro", razoa. "Se de cinco graos consecutivos hai tres con máis dun 30% de diferenza na altura de sementeira iso quere dicir que a sementeira foi mal feita", opina. "Todas as sementadoras son boas, pero unha sementadora que semente ben moi rápido non existe", di. O rendemento final baixa cando se aumenta a velocidade de sementeira, asegura. "Coas sementadoras modernas hai un 9,7% menos de rendemento en toneladas recollidas cando se incrementa a velocidade de sementeira de 8 a 12 quilómetros por hora, o que traducido en silo quere dicir que facemos 5,6 toneladas menos con un 2,2% máis de materia seca indo un pouco máis despacio", destaca. 8.- Densidade de grao variable A relación existente entre unha semente=unha planta=unha mazorca fai que a densidade de pés de millo marque tamén o rendemento da parcela. A finalidade da colleita determina o número de graos que se botan, co cultivo máis mesto cando o seu destino final é o ensilado e coas plantas máis espaciadas cando se colleita para grao. A densidade vén determinada tamén pola variedade labrada e polo potencial que teña a parcela para a retención da auga ou dos nutrintes dispoñibles. Juan recomenda labrar cunha densidade de entre 90.000 e 100.000 pés por hectárea se se vai a ciclos longos sementados a principios de maio, porque "son plantas máis grandes e precisan máis espazo", di, e aumentar a 100.000-110.000 plantas por hectárea en caso de ir a ciclos máis curtos.
Para ensilado empréganse densidades maiores que para colleitar en grao aínda que o número final de plantas por hectárea depende da variedade escollida, o potencial da parcela e as perdas que se produzan
A densidade debe adaptarse en función de factores propios da variedade que escollamos pero tamén en función das condicións propias de cada parcela ou da época de sementeira. "A densidade variará en función do híbrido que botemos pero tamén da terra na que o botemos, a densidade hai que escollela en función do potencial da parcela e nas parcelas que dan rendementos altos pódese botar un pouco máis de grao", di Albert. "Se se rega o rendemento tamén é máis alto, polo tanto, sempre máis plantas. Hai que xogar coa densidade en función do produtiva que sexa a finca e só debe haber unha mazorca por pé, polo que se vemos plantas con dúas mazorcas hai que aumentar a densidade ao ano seguinte até que haxa só unha mazorca por planta, iso é o ideal", engade. Por iso, di, a densidade que hai que mirar non é a densidade de sementeira, senón a densidade final da mazorcas que deu a finca. "A densidade de sementeira debe escollerse en función da densidade de mazorcas que queremos obter", indica.
Se se labra cedo sempre hai máis rosquilla e máis perdas por baixas temperaturas, polo que hai que botar un pouco máis de grao para contrarrestar iso
Do número de graos labrados ao número final de plantas colleitadas estímase unha perda de entre o 5 e o 8% entre sementes non xerminadas, pragas, etc. O nivel das perdas varía en función das parcelas e increméntase nas sementeiras temperás, polas baixas temperaturas ou por unha maior exposición aos ataques das pragas. "Se se labra cedo hai que incrementar a densidade de grao, porque sempre hai máis rosquiña e máis insectos, polo que hai que sementar un pouco máis para contrarrestar esas perdas", argumenta. 9.- Abonado: o necesario para o crecemento pero sen botar de máis O purín aporta nutrintes e permite aforrar mineral "O millo é a única planta que se pode labrar ano tras ano nas mesmas parcelas con bos rendementos, sen que estes descendan polo feito de labrar nos mesmos lugares", afirma Albert. Pero iso pasa por "alimentar" axeitadamente ás plantas. "Hai dúas alimentacións, unha vai na fertilización, nos nutrintes do chan e os abonos que engadimos, e a outra na auga. As dúas funcionan en conxunto, pero é necesario facer ben os cálculos de encalado e abonado para botar unicamente a candidade de nutrintes que é capaz de consumir a planta para evitar o lavado de nitróxeno, que é algo que prexudica o medio ambiente pero que tamén prexudica o peto do agricultor", di. Tamén Juan insiste en que "é bo que o gandeiro saiba que elementos nutritivos ten que aportar e en que momento e iso dillo o analise de terra", asegura. Destaca que a práctica máis habitual en Galicia, a de fertilizar mediante abono orgánico esparexendo esterco ou purín de vaca ou de porcino nas parcelas antes do seu laboreo é algo "moi interesante" e que permite aforrar cartos. Este técnico do CIAM remite ás recomendacións que Mabegondo fai na súa páxina web sobre como aplicar estes abonos en función da súa riqueza. "Só medindo a densidade do noso purín xa podemos saber a calidade que ten e a cantidade que necesitamos aportar e se non nos chega podemos suplementar con mineral", explica.
A planta precisa de fósforo na súa fase inicial, nitróxeno e potasio para o seu crecemento e a carencia de manganeso provoca falta de grao na mazorca
"Con purín ou esterco o fósforo e o potasio non son un problema, pero hai que ter coidado cos aportes de nitróxeno para non provocar queimaduras na planta, o que mingua o rendemento", argumenta Albert. Ao seu xuízo, "o máis complicado é a fertilización en fósforo, que é vital para o millo ao principio, ao comezo da crescencia. O millo come o fósforo por difusión, é dicir, as raíces aprovéitano se está a un milímetro da raíz, senón non o absorve, por iso eu recomendo sempre usar abono starter localizado, porque os grandes rendementos lógranse sempre con aportes de fósforo localizado ao pé do grao de millo, subministrado mediante microgranulado no momento da sementeira. É máis importante iso que o tipo de abono, con pequenas diferencias todos son bos e nos chans de Galicia ademais hai moito ácido fosfórico, polo que o fósforo é pouco problemático e só hai que facer un pequeno aporte ao principio. Hai anos nos que se o solo é rico e veñen condicións climáticas axeitadas de sol e auga o abono stárter non é necesario, pero é unha garantía para anos nos que estas condicións non son as óptimas", explica. "Os fertilizantes químicos é unha das cousas que máis se está traballando agora. Antes empregábase o abonado de fondo e o de coberteira, pero agora xa hai abonos de liberación lenta, que permiten meter todos os compoñentes na terra e que se vaian liberando lentamente", describe pola súa banda Juan. O millo precisa o nitróxeno, o fósforo, o zinc, o magnesio, o manganeso ou o potasio en cantidades distintas en función da fase de crecemento no que se atope. O potasio, por exemplo, só é necesario durante o crecemento da planta, polo que a partir da floración non é preciso. 10.- Insecticidas e herbicidas: con moderación e no momento xusto Verme do arame na raíz dunha planta de millo Xunto ao abono starter, Albert recomenta usar tamén no momento de sementar un insecticida contra pragas coma a do verme do arame. Hai abonos microgranulados que xa inclúen este plaguicida. Outros tratamentos, como o da rosquilla, habería que aplicalos cando apareza a praga. Tamén os herbicidas deben ser aplicados no momento xusto e nas doses axeitadas. "Cando as fincas están paradas no inverno moitas veces non queda máis remedio que empregar un herbicida de presembra. Nese caso hai que mover ben a terra despois para que se distribúa polo terreo. No caso dos tratamentos de preemerxencia, que se aplican despois de sementar, se fai sol e calor esa capa protectora que impide que saia a herba viase deteriorando pola luz, polo que se chove un pouco funciona mellor porque esa auga fixa o herbicida no chan, entra uns 2 centímetros no terreo e aguanta máis tempo", explica Juan.
O herbicida de preemerxencia é bo botalo cando hai barruzo para que se fixe na terra e dure máis mentres o insecticida debe aplicarse sen chover e á tardiña para evitar que se evapore co sol
Os distintos produtos usados para os tratamentos inclúen moitas veces advertencias de toxicidade a respecto de doses ou fases de aplicación en función do desenvolvemento que teña a planta de millo. "A primeira folla do millo ten o cabo redondo e é a única folla do millo con esa forma, a partir de aí son todas puntiagudas. Esa folla redonda tamén a hai que sumar cando se contan as follas do millo para decidir cando aplicar os tratamentos fitosanitarios e moitas veces non se ve porque desaparece ou seca", advirte Albert. Para el esa primeira folla é moi importante, porque "é un indicativo do estado da planta". "Se esa primeira folla con forma redondeada chega verde á floración da planta significa que ese millo non pasou ningún episodio de estrés desde que naceu e durante todo o seu crecemento, porque senón estaría xa seca. Cando o 80 ou 90% das plantas dunha parcela teñen esa primeira folla verde quere dicir que a colleita vai achegarse ao rendemento máximo posible e que nesa parcela cando fagamos o silo teremos entre 55 e 60 toneladas de materia verde por hectárea e entre 14 e 16 toneladas de grao", asegura.

Vixiar máis a planta: cara a xestión integral do cultivo de millo en Galicia

Igual que acontece na gandaría coa aplicación de antibióticos con carácter preventivo previo á aparición de enfermidades no gando, na agricultura tamén se camiña cara a limitación dos tratamentos fitosanitarios previos á aparición de pragas e malas herbas. "Hai que tender a facer unha xestión integral do cultivo do millo, estamos obrigados a avanzar niso desde o 2015 por unha normativa europea. A Xunta está decidida a que se aplique en Galicia e aínda que non se vai incorporar de xeito inminente, si que é bo que os que botan millo o vaian coñecendo de cara a aplicalo nas vindeiras campañas", explica Juan. A xestión integral de cultivos implica ter que vixiar moito máis a planta e estar moito máis atento á aparición de enfermidades e pragas para poder tratalas co produto específico. "O gandeiro vai ter que converterse en agricultor", describe. "O que se pretende é que os insumos de fitosanitarios se reduzan e se xestionen moi ben. Hai que usar os herbicidas con cabeza e para iso hai que coñecer as malas herbas que tes no campo e hai que identificalas cando son moi pequeniñas. Até agora empregáronse moito os herbicidas de preemerxencia pero iso vai ser o pasado. O futuro pasa por vixiar o campo, coñecer a mala herba en estado de plántula e escoller o herbicida adecuado e aplicalo contra ela", argumenta. Do mesmo xeito, tamén avanza que esa futura xestión integrada implica que non se deben aplicar os insecticidas cando se sementa, senón tamén botalo cando aparece a praga. "Iso obriga a estar moi enriba dos cultivos e moito máis pendente deles porque hai pragas que avanzan moi rápido, por exemplo o verme gris, que aparece un día e ao día seguinte xa tes unha infectación moi grande. No caso do verme do arame non sería posible tratalo deste xeito polo que se prevemos que nesa parcela imos ter verme do arame hai que tratar antes porque unha vez que aparece é complicado", indica. Información nas cores das follas Millo con carencia de fósforo Tamén Albert é partidario de que os agricultores e gandeiros coñezan tanto a planta do millo como as enfermidades que lle afectan para así entender mellor o seu cultivo e sacarlle un maior rendemento. "A mazorca, por exemplo, fórmase á metade das follas totais da planta, polo que un millo de ciclo curto 300 que ten en total 15 ou 16 follas comezará a formar a base da mazorca cando teña 7 ou 8 follas. A partir dese momento, é dicir, cando o millo está no proceso de formación da mazorca, é un momento delicado no que hai que vixiar o millo porque é sensible aos distintos factores meteorolóxicos (frío, calor, falta de auga). A xente non sabe iso, igual que se esquece de que o millo é unha planta tropical e de que no trópico hai 12 horas de luz solar. Por iso se 8 días antes da floración, que é cando o millo comeza a engordar a mazorca, veñen 2 ou 3 días sen sol iso será un factor prexudicial para moitos tipos de millo. Igual que se falta auga cando ten 12 follas e está formando a mazorca, porque fará menos fillas e menos graos por fila, polo que haberá unha perda de rendemento asegurado", exemplifica.
A cor amarela denota falta de nitróxeno ou de potasio, o violeta carencia de fósforo, se a planta se pon branca falta zinc e cando as follas teñen raias é un problema de necesidade de magnesio ou manganeso
A cor do millo tamén aporta información, asegura. "O millo é verde e cando cambia de cor estanos dando unha información sobre o seu estado e a súa saúde: cando ten falta de nitróxeno, por exemplo por competencia con malas herbas, a folla vólvese amarela e seca en forma de V co vértice no punto onde a folla se une co tallo; á inversa cando ten falta de potasio, no que ese V (que nalgúns híbridos en vez de amarelo vólvese vermello) ten a punta cara a punta da folla. Cando falta fósforo a folla vólvese violeta; con falta de zinc a planta ponse branca; a carencia de magnesio e manganeso móstrase en forma de raias con puntos nas follas pero cando se trata de magnesio as follas máis baixas da planta son sempre máis débiles e secan, mentres cando a carencia é de manganeso (que provoca falta de grao na mazorca) as follas da base da planta pola contra están verdes. Estas carencias son sempre problemáticas cando se dan antes da floración, despois teñen menor importancia por atoparse o millo xa na súa última fase de desenvolvemento. É como cando unha persoa ten algún achaque na última parte da súa vida", compara.