Category Archives: Portada destacado

Que opinan os propietarios forestais sobre o proxecto de Altri?

A planta de celulosa e fibra téxtil proxectada por Altri en Palas de Rei (Lugo) está nos últimos meses no foco do debate social e político polos seus posibles impactos ambientais. Desde a perspectiva forestal, a lóxica apunta a que os propietarios beneficiaríanse dunha maior competencia polo recurso (eucalipto), pero cal é a súa opinión sobre o proxecto?. Unha enquisa interna elaborada pola Asociación Forestal de Galicia entre os seus socios revela que os pareceres son diversos e plurais. Hai interese no proxecto dunha nova planta de transformación de eucalipto en Galicia?. Si, pero tamén hai preocupacións polo impacto ambiental da industria ou pola ecoloxía e ordenación do monte galego, onde o aproveitamento do eucalipto convive co das coníferas e as frondosas. Na asemblea da Asociación Forestal de Galicia, celebrada onte en Guitiriz (Lugo), fixéronse públicos os resultados provisionais da enquisa, que se mantén aberta e se completará nas próximas semanas. O 52,4% dos socios que responderon están de acordo coa instalación dunha nova industria de transformación de eucalipto en Galicia, pero tamén hai un 40% que se manifesta en contra e un 7,6 % que di non ter opinión suficientemente formada ó respecto.
Unha maioría de propietarios apoia unha nova industria de transformación do eucalipto en Galicia, pero considérase pouco axeitada a ubicación de Palas de Rei
Polo que se refire á localización da planta, ao 41% non lles parece axeitada a localización de Palas de Rei, ao 34,2 % parécelles ben e o 24,8 % non se pronuncia. É destacable esta última porcentaxe: unha cuarta parte dos propietarios prefire non opinar sobre a localización, o que apunta ó recoñecemento dunha falta de coñecemento obxectivo sobre os impactos da planta, máis alá do debate público sobre a cuestión, que en xeral percíbese que parte de premisas ideolóxicas. A Asociación Forestal de Galicia (AFG) subliña que os resultados da enquisa e os comentarios recollidos, como parte da mesma, reflicten a pluralidade de pensamento e a diversidade de opinións dos socios, tanto propietarios particulares como representantes de comunidades de montes. A AFG sinala asimesmo que, en calquera caso, hai consenso en que, de establecerse a industria, os controis do impacto ambiental deben ser extremadamente rigurosos, velando polo cumprimento da normativa nos ámbitos local, autonómico, nacional e da Unión Europea. En canto ó perfil das persoas socias que responderon a enquisa, un 76% das que contestaron manifestaron ter eucaliptos nas súas propiedades, en tanto outro 24% non traballa con esa especie.

A Asociación Forestal de Galicia impulsa a creación dunha decena de agrupacións de xestión conxunta do monte para superar o minifundio

Asemblea da AFG. A Asemblea da AFG en Guitiriz orientouse principalmente a facer balance da actividade da Asociación no último ano, así como das liñas de traballo en marcha. Unha das principais cuestións que se abordou é o traballo que está desenvolvendo a Asociación Forestal de Galicia para impulsar unha serie de agrupacións de xestión conxunta do monte. A creación das agrupacións é unha vía importante para mellorar a rendibilidade dos aproveitamentos en propiedades particulares, pois axuda a superar os problemas derivados do minifundio. A AFG comezou xa a apoiar a creación de arredor de dez proxectos de agrupacións de xestión conxunta nas catro provincias galegas, en distintas fases, desde iniciativas en fase inicial a proxectos xa consolidados. Entre os proxectos que se están poñendo en marcha figura en Lugo un en Momán (Xermade, Lugo), xunto cun proxecto de consolidación da Sofor de Monte Candedo (Meira, Lugo). En Pontevedra, están un en Barcela (Arbo, Pontevedra), un en Mondariz, un en Moalde (Silleda) e un en Saiáns (Vigo); en tanto na Coruña cómpre destacar o proxecto de consolidación da Sofor de Cuns (Serra de Outes), e en Ourense un proxecto de nova agrupación en Piñor. Contexto das agrupacións As agrupacións de xestión conxunta son un instrumento definido na Lei 11/2021 de Recuperación da Terra Agraria de Galicia. Trátase dunha figura orientada a promover, dun xeito voluntario, o manexo en conxunto de superficies forestais dun mínimo de 10 hectáreas, sen reestruturación da propiedade. Con este instrumento búscase superar problemas derivados do minifundio, de cara a avanzar cara a unha silvicultura máis profesional, con economía de escala e cunha planificación forestal e ambiental do territorio.

Mellora da fiscalidade forestal

Outro dos focos da Asemblea da Asociación Forestal de Galicia situouse nas necesidades estratéxicas do sector, en especial na mellora da fiscalidade forestal. A AFG incide en que a xestión do monte polos silvicultores é a mellor vía para reducir o abandono das masas e previr os incendios forestais. Por tanto, entende que é preciso que se incentiven os traballos silvícolas cunha fiscalidade máis atractiva. As propostas da AFG céntranse en tres liñas: 1. Permitir que tódolos propietarios forestais tributen as vendas de madeira no Réxime de Estimación Obxectiva (módulos). A actual fiscalidade forestal penaliza os aproveitamentos forestais de turnos longos, é dicir, cando as árbores teñen unha quenda de corta superior ós 30 anos, como é o caso dos piñeiros e das frondosas caducifolias. En aproveitamentos de turnos longos, aqueles propietarios que estean no Réxime de Estimación Directa pagan ata catro veces máis no Imposto da Renda que os que estean en Estimación Obxectiva. O problema de fondo é que os propietarios que tributan no Réxime de Estimación Directa están a tributar por un beneficio fiscal moi superior ó real. Esta é unha circunstancia que a AFG entende que desincentiva as plantacións de especies de turno longo, polo que, conxuntamente coa Confederación de Organizaciones de Selvicultores de España (COSE), iniciará unha serie de accións ante as Administracións públicas. 2. No caso dos montes veciñais, proceder a unha exención parcial do imposto de sociedades nos aproveitamentos forestais de turnos longos. Esta medida, igual que no caso anterior, introduciría maior xustiza fiscal e aportaríalle maior atractivo económico ás plantacións de frondosas caducifolias. 3. Establecer deduccións dun mínimo do 20% do IRPF para os investimentos no monte. A deducción do IRPF incentivaría os traballos de mellora e restauración dos montes.

“Queremos multiplicar por catro a produción ecolóxica e apoiar os ciclos curtos de consumo”

O desenvolvemento sostible é o piar de traballo do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Mariñas – Betanzos, que involucra nese obxectivo común ós principais sectores da comarca, o agroalimentario e o turístico. De cara ó periodo 2023-2027, o GDR, xestor do plan Leader no seu territorio, está a deseñar unha estratexia que aposta por cuestións como a agricultura ecolóxica, os ecocomedores escolares ou a conservación da biodiversidade. Tamén aspira a implicar ás comunidades de montes veciñais en proxectos medioambientais. Analizamos co xerente do Grupo, Jorge Blanco, as perspectivas para o novo periodo. Fainos unha pequena radiografía do GDR Mariñas-Betanzos Empezamos no territorio a traballar en desenvolvemento rural no ano 2003, cunha iniciativa PRODER 2, onde estaban só os concellos da comarca da Coruña. No ano 2008, este grupo das Mariñas coruñesas fusionouse co Grupo de Desenvolvemento Rural da Comarca de Betanzos, dando orixe ao GDR Mariñas-Betanzos, con 15 concellos que aglutinan a maior parte da cunca do Mandeo e a do Mero-Barcés.  Desde ahí estivemos traballando co plan Leader ata este período, e fomos seleccionados como GDR para o período 2023-2027, polo que agardamos seguir traballando coa Metodoloxía LEADER nos vindeiros anos. Actualmente, con novas entradas e saídas nestes anos, somos un total de 126 entidades asociadas ao GDR, con representación de todo tipo de colectivos, organizados en 10 mesas sectoriais -no eido do sector agrario, da xuventude, ambiental, Concellos, sector da pesca, institucións, etc., sendo unha verdadeira Mesa de Gobernanza do territorio. Como é a participación das entidades no GDR?. Que obxectivos vos marcades para o periodo 2023-2027? Sempre traballamos moito o tema da gobernanza e fortalecer esa forma de abordar problemas comúns e toma de decisións, para que pouco a pouco vaia enraizando no territorio, e que o proxecto sexa o máis amplo posible. Nestes momentos, abarcamos o desenvolvemento rural moi centrado no agro a través de iniciativas relacionadas coa produción e transformación, animando sempre á produción e transformación en ecolóxico, que será un dos piares da nova estratexia, pero tamén traballamos diversificación, modernización e innovación en todo o tecido produtivo.  Despois, tamén temos prestado un especial coidado a aspectos ambientais. Desde o ano 2013, propuxemos á Unesco que declare o noso territorio Reserva da Biosfera, e desde a Declaración no 2013 temos aliñada a nosa estratexia co programa MAB da Unesco, que plantexa aplicar unha estratexia de desenvolvemento sostible, en sentido amplo, incorporando coñecemento para unha mellor xestión do territorio.  Isto permitiunos reforzar toda a nosa parte ambiental, desde a conservación, a conectividade ecolóxica ou a biodiversidade. En paralelo, tamén fomentamos a creación de espazos naturais de interese local cos Concellos para ter unha rede máis potente de Espazos Protexidos.  Neste sentido, outro dos nosos piares é a Educación ambiental, mediante traballo coas escolas que facemos conxuntamente cos concellos. Hai que engadir que a Cooperación Leader é un aspecto clave, pois entendemos que o Grupo de Desenvolvemento Rural só non é capaz de acceder a todos os recursos necesarios para os proxectos recollidos na estratexia, e as alianzas con outros GDRs e territorios resulta unha ferramenta moi eficaz para tratar problemas e proxectos en común. Unha aposta fundamental na vosa actividade é o entorno e a sustentabilidade. Cómo vai seguir aportando o GDR á protección medioambiental e ao fomento de prácticas en ecolóxico? Pasamos dun período no que os aspectos ambientais se vían prácticamente “confinados” aos espazos naturais a outro no que queremos incorporalos de xeito transversal na xestión do territorio, no sector agrario, gandeiro, forestal, etc. Ademáis, os proxectos de mellora ambiental deben ser realmente de conservación, é dicir, que melloren a xestión do hábitat, do espazo, a eliminación de especies invasoras, ou de procurar a mellora de determinadas especies. Neste sentido, nós temos un valor engadido que son os nosos 20 anos de experiencia na xestión en contacto co territorio. Unha das cousas que aprendimos é que os “tempos da natureza” non se corresponden cos “tempos administrativos”, e sabemos que unha estratexia ten que ser a longo prazo, e na que o Grupo actúe como o facilitador de proxectos para que se poidan financiar desde outras entidades, Concellos, entidades ambientalistas, etc.  Outra das vosas prioridades está orientada ao agro. De que xeito ides apoiar ao sector no novo período? Imos traballar todo o que é mitigación e loita contra o cambio climático, aforro enerxético, xestión de residuos, xestión eficiente da auga, produción con enerxías alternativas, e no sector agrario, específicamente, mellora da biovidersidade e da conectividade ecolóxica. Isto todo é algo que queremos que permeabilice a todos os proxectos, imos impulsalo así nos criterios de selección, e logo, imos ter accións específicas co sector agrario.  Quizais para nós é un dos eixos de traballo máis potentes, todo o que é asumir a estratexia europea ‘Da granxa á mesa’ e a Estratexia da biodiversidade 2030, e nese marco procuraremos multiplicar por catro a nosa superficie e os nosos produtores en ecolóxico, avanzando cara a convertirnos nun Biodistrito. 
Os Eco-comedores escolares, que permiten achegarlle alimentos de proximidade e calidade ó estudantado, é unha iniciativa que se vai levar a máis Grupos de Desenvolvemento Rural
Pensamos que Leader nos vai permitir tanto apoiar a incorporación de novos activos como ampliar os que xa están producindo en ecolóxico ou os que se queiran meter na transición. Complementario a isto será o impulso á comercialización en ciclos curtos, interpretándoa coma unha das bazas a seguir tendo aquí ao lado unha cidade de 250.000 habitantes. Unha das liñas de traballo ao respecto é a de Eco-Comedores escolares, que temos agora en marcha, coa que pretendemos achegar produto local da zona aos mozos e mozas. Nesta iniciativa estamos colaborando con outros 10 Grupos de Desenvolvemento Rural para levar os Eco-Comedores a outras comarcas galegas. A innovación está cada vez máis presente en calquera ámbito productivo. A onde quere achegar o GDR coa innovación? Fundamentalmente queremos facer o impulso no sector agroalimentario, e para iso, temos en Galicia unha ferramenta que son os Grupos Operativos de Innovación agraria. Desde que se puxo en marcha esta ferramenta no período 2014-20, temos desenvolvido distintos proxectos de Grupos Operativos, o que permite unha conexión entre os centros de investigación e universidades co campo e co monte, para achegar información, novas formas de pensar e en definitiva, aportar eficiencia ao sector productivo. Como novidade, queremos comezar a traballar co sector forestal, un sector cunhas inercias distintas ao agrario, e cunhas lóxicas de produción diferentes. Neste caso, queremos mellorar a prestación de servizos ecosistémicos desde o ámbito forestal, mellorando a biodiversidade, a produción de outros subproductos, etc., e queremos que os Montes Veciñais en Mán Común sexan esas superficies piloto para a aplicación destas iniciativas. 
Os montes veciñais teñen capacidade para prestar servizos ecosistémicos, mellorando a biodiversidade. Faremos iniciativas piloto nesa liña
Isto representa un desafío porque o territorio forestal é moi diferente, moi plural e as comunidades teñen dinámicas propias, pero agora temos unha relación de maior confianza con elas, cuns obxectivos comúns, e iso, é o que permite o programa Leader, facer pequenos proxectos que poidamos apoiar desde o grupo, e traballar en rede con outros GDRs para amosar que os cambios se van facendo paso a paso. Ao respecto dos proxectos, como vai ser a distribución de fondos entre productivos e non productivos no novo período? Acorde á liña anterior, imos continuar mantendo maior porcentaxe de produtivos, cos límites que nos fixa Agader - 65% para productivos- porque consideramos que a parte da dinamización da economía é moi importante. Igualmente, tamén manteremos o complemento dos non-productivos, máis destinados á animación sociocultural. Cabe destacar que nós aquí desenvolvemos moita formación porque cremos que é unha fórmula excelente para animar un cambio de modelo, cambiar a forma de pensar, así como tecer alianzas con axentes locais. Cal foi o ton da formación no último período?. E por qué camiño vai seguir neste? Este ano, por exemplo, estivemos cun curso de produción de horta ecolóxica e froiteiras, porque é unha das demandas máis importantes que temos. Entón, os nosos cursos foron e irán por dúas vías: na liña agro -onde tamén somos Entidade de aconsellamento-, e polo apoio técnico aos produtores. Nestes últimos anos temos traballando moito o EcoTurismo, que xa ten unhas dinámicas de desenvolvemento moi positivas.  Temos unha Marca propia da Reserva de Biosfera, que utilizamos para os productos locais e os servizos de Ecoturismo, e que axuda a uniformizar e mellorar a comercialización destos productos, vinculándoos ao desenvolvemento deste territorio.  Neste sentido, a restauración da zona que se involucrou na Marca ten obriga de empregar produtos alimentarios de proximidade, o que xa de por sí é un circuito curto de alimentación.

Rey 814 Beemer Yuri repite como Vaca Gran Campiona de Galicia

Un momento do Concurso Autonómico celebrado este sábado na Moexmu, seguido por numeroso público Vinte ganderías galegas, cun total de 126 animais, participaron este sábado en Muimenta no XXX Concurso Autonómico de Raza Frisona FEFRIGA 2022, que se celebrou coincidindo coa Moexmu. A gandería Rey de Miñotelo, da Pastoriza, revalida o título de Vaca Gran Campiona de Galicia con Rey 814 Beemer Yuri, mentres que Gandería Carro, de Mesía, faise co de Xovenca Gran Campiona. O encargado de calificar os animais foi o xuíz internacional portugués Henrique Moniz, que destacou o alto nivel morfolóxico e o importante número de animais participantes e agradeceu aos distintos criadores o traballo que fan por mellorar a xenética da súa cabana en tempos de dificultades económicas no sector lácteo.
A Mostra Exposición de Muimenta levaba dous anos sen celebrarse por mor da pandemia da covid-19 e acolleu por primeira vez o Concurso Autonómico
O concurso de gando da Moexmu é o único que se celebra na provincia de Lugo, aínda que levaba dous anos sen poder celebrarse por mor da pandemia da covid-19, e acolleu por primeira vez nas súas 36 edicións o campionato galego. Xatas e xovencas Casa-Nova Shania Mooving 1481, de Ganadería Carro, Xata Campiona e Xovenca Gran Campiona de Galicia Nas seccións adicadas á recría, que se desenvolveron pola mañá, resultaron gañadoras as ganderías Carro, de Mesía, coa xata Casa-Nova Shania Moovin 1481; e Rey de Miñotelo, da Pastoriza, coa xovenca Rey 967 Jordi Hole.
Como Reserva Gran Campiona de Galicia quedou Asunción King Doc Elsa 2, de Finca La Asunción
Como Xovenca Gran Campiona quedou Casa-Nova Shania Moovin 1481, unha xata de 9 meses, da que o xuíz do concurso, o portugués Henrique Moniz, destacou ser moi homoxénea e con moi boas costelas. Como Reserva queda Asunción King Doc Elsa 2, de Finca La Asunción, de Touro. Vacas Rey 814 Beemer Yuri, da Gandería Rey de Miñotelo, Vaca Gran Campiona de Galicia Pola tarde foron xulgadas as vacas, entre as que volveu gañar Rey 814 Beemer Yuri, que revalida o galardón de Vaca Gran Campiona de Galicia que acadara por primeira vez o pasado mes de setembro en Lalín no Concurso Autonómico FEFRIGA 2021, celebrado en Feiradeza. Como Reserva Gran Campiona quedou outro animal da mesma gandería, en concreto Rey 747 July High Octane.
O recoñecemento para a gandería de nova participación foi para Gaigo, de Meira
De Rey 814 Beemer Yuri o xuíz do concurso destacou o seu equilibrio, profundidade corporal e calidade ósea, así como o seu ubre fino e a colocación dos pezóns. A gandería chairega propietaria fíxose tamén co título de Mellor Criador de Vacas e Mellor Criador de Xovencas, Mellor Descendencia de Vaca e Mellor Manexador do Concurso, que foi para Alberto Iglesia. Descarga aquí a listaxe dos gañadores de todas as seccións do Concurso FEFRIGA 2022

Media de 2.640 euros na poxa da Moexmu

Un momento da poxa celebrada na Moexmu, na que se venderon 5 animais Un total de 11 animais, entre vacas e xatas, puxéronse á venda na Poxa de Gando Selecto da Moexmu, das que se venderon de xeito efectivo 5. O prezo medio acadado foi de 2.640 euros.  O animal que máis valor logrou foi Midón Artemisa King Doc ET, da Gandería Midón, de Lalín, unha vaca de segundo parto cualificada como MB no primeiro parto, con 2.808 puntos ICO, 9.107 litros de leite co 4,04% de graxa e o 3,26% de proteína. Foi adquirida por 3.100 euros pola Gandería Xesteiro, ubicada en Langueirón, na parroquia de Meanos (Zas). 
Animal Gandería Prezo saída Prezo venda
Rey 1094 Denver Riviela ET Rey de Miñotelo (A Pastoriza) 1.500 € 1.900 €
Cundins Delirio Unstopabull Red ET Pistulario (Santa Comba) 2.500 € 2.600 €
Gracoza Sound System Renata 2 Lar de Gracoza (Cospeito) 2.500 € 2.800 €
Mantoño Tatoo Vendetta Mantoño Holstein (Barreiros) 2.300 € 2.800 €
Midón Artemisa King Doc ET Midón (Lalín) 2.300 € 3.100 €

Cambio climático: como traballa o campo para reducir a súa pegada de carbono?

O cambio climático e os seus efectos é un dos maiores condicionantes da agricultura e gandería actual, por iso a redución da pegada de carbono e as prácticas sostibles ambientalmente son temas presentes tanto no día a día das granxas e explotacións agrícolas como nas políticas agrarias. Europa traballa sobre estes retos ambientais e climáticos con estratexias como o Pacto Verde, a iniciativa Da granxa á mesa e a de Biodiversidade para 2030. As novas políticas Agrarias Comúns (PAC) que se aplicarán entre 2023 e 2027 teñen tamén presente estes desafíos.

A agricultura xoga un papel fundamental para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio comunitario da UE en 2050

Nesta liña, o Consello informal de Ministros de Agricultura da Unión Europea (UE), debatía a principios de febreiro sobre modelos agrícolas e forestais que contribúan a reducir a pegada de carbono, dado o papel fundamental do sector da terra e a agricultura para alcanzar a neutralidade do carbono no territorio comunitario da UE en 2050.

A versión inicial do Plan Estratéxico da PAC presentado por España a finais de novembro do pasado ano, coñecido como PEPAC, aborda a redución do impacto ambiental e inclúe entre os seus obxectivos a diminución das emisións de gases contaminantes de efecto invernadoiro (GEI), así como o aumento da captura de carbono. “O sector agrario é un sector moi vulnerable para os efectos do cambio climático. A adaptación é clave á sustentabilidade económica, social e ambiental”, recolle o PEPAC.

Agricultura baixa en carbono

En concreto, o PEPAC inclúe o Obxectivo Específico 4, que busca contribuír á atenuación do cambio climático e a adaptación aos seus efectos, así como á enerxía sostible e no que se definen as prácticas máis axeitadas para conseguir unha agricultura baixa en carbono. A nova PAC mira á gandería en extensivo non só por ser unha vía para lograr esta redución das emisións, senón porque é ademais unha forma de aumentar a materia orgánica e a capacidade de sumidoiro de carbono no solo, posto que a mitigación da pegada de carbono tamén se consegue mediante a captura de carbono atmosférico e a súa fixación nos solos.

“Neste sentido o ecoesquema sobre pastoreo extensivo fomenta esta práctica sostible de xestión da terra e os recursos pastables, ademais contribúe a impulsar as producións sostibles, pois ao establecer criterios de xestión evita tanto o infrapastoreo como o sobrepastoreo, achegando materia orgánica ao chan e contribuíndo á captura de carbono”, detalla o Plan Estratéxico da PAC.

A gandería extensiva, a agricultura de conservación e as cubertas vexetais son métodos incluídos no PEPAC para incrementar a captura de carbono

Xunto coa gandería extensiva, a agricultura de conservación, con sementeira directa e unha xestión sostible dos insumos de regadío, tamén busca minorar as emisións de gases de efecto invernadoiro á atmosfera. “Este modelo agrícola consegue a mitigación mediante o aumento de carbono orgánico do solo e a optimización dos insumos de fertilización”, detalla o borrador inicial do PEPAC.

O mantemento de cubertas vexetais tamén é outro dos métodos incluídos no PEPAC para lograr a captura de carbono, á vez que contribúe a evitar a erosión e desertificación. “Mediante o impulso do pastoreo extensivo búscase aumentar o carbono orgánico do chan, obxectivo que tamén se procura coas cubertas vexetais espontáneas ou sementadas en cultivos leñosos”, recolle o PEPAC.

Ademais tanto a agricultura de conservación, como as cubertas vexetais espontáneas ou de cultivos leñosos, así como a rotación de cultivo cunha xestión sostible do regadío e o fomento da biodiversidade en terras de cultivo contribúen á mitigación do cambio climático pola boa xestión da fertilización e ó xerar deste xeito menos emisións de óxido nitroso e de amoníaco.

España conta xa cun rexistro de pegada de carbono, compensación e proxectos de absorción de dióxido de carbono, que recolle os esforzos das empresas e organizacións españolas no cálculo e redución das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Redución de emisións

Á marxe da captura de carbono que poden supoñer determinadas prácticas agrarias, para diminuír a pegada de carbono están a centrarse esforzos en fomentar a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro. Neste sentido, as granxas levan tempo traballando tanto no cálculo da súa pegada de carbono como en estratexias que lle permitan unha redución deste impacto ambiental. Nos últimos anos, en España impulsáronse normativas relacionadas tanto directamente coa granxa como coa xestión do esterco.

No que respecta ás actuacións nas granxas, destacan as revisións das normativas de ordenación gandeira, con novas normas para as ganderías porcinas (RD 306/2020), avícolas (RD 637/2021) e prepárase tamén unha para o gando vacún que se atopa aínda en plena tramitación. Todas elas buscan a redución das emisións de amoníaco na granxa con estratexias centradas na nutrición, os aloxamentos dos animais e o almacenamento do esterco.

As novas normas de ordenación gandeira e a xestión dos estercos e xurros están a ser ferramentas claves para reducir as emisións de gases contaminantes no sector agrogandeiro

En canto á xestión dos estercos e xurros, desde o Ministerio de Agricultura están a traballar nunha base legal para a nutrición sostible nos solos agrarios. Esta estratexia inclúe un plan de abonado baseado nun balance de nutrientes e que debe ser realizado baixo asesoramento técnico especializado. Este programa tamén inclúe a xestión conxunta de auga e fertilizantes. Ademais recolle a obrigación de aplicación localizada de xurros, a limitación no uso de urea e outros amoniacais e o apoio a prácticas favorables á protección do aire e o solo, para conseguir desta maneira unha redución das emisións de gases ao lograr unha optimización da fertilización dos solos.

Como reducir a dependencia da soia importada na gandería europea

A crise provocada pola pandemia de COVID-19 demostrou ata que punto nos fai vulnerables a dependencia da importación de materias primas e bens de consumo de terceiros países e o crucial que é contar cun sistema alimentario capaz de autoabastecer á poboación.

Á hora de aumentar a resiliencia de Europa e a súa soberanía alimentaria diante de futuras pandemias, así como para coidar da saúde medioambiental do planeta, evitando a destrución de hábitats e bosques en lugares como Brasil, a Comisión Europea outorga vital importancia ao cambio do modelo imperante para a alimentación do gando en boa parte dos países europeos, baseado na importación masiva de soia de países extracomunitarios. 

A demanda mundial de soia segue aumentando e a Unión Europea pretende limitar a súa utilización por estar relacionada coa deforestación do planeta

Bruxelas estuda medidas que fagan posible reducir a gran dependencia actual da importación de soia, analizando as distintas posibilidades existentes de diminuír a proteína nas racións e como aumentar o nivel de autoabastecemento grazas ao uso de novas materias primas. Neste contexto, o uso de leguminosas e de novos produtos como as algas ábrese paso como alternativa á soia nos concentrados.

“Cláusulas espello” aos produtos importados de terceiros países

A UE comprometeuse a dar exemplo na transición cara a sistemas alimentarios sostibles, non só dentro das súas fronteiras, senón tamén fóra delas. Mediante a cooperación internacional, tanto bilateral como multilateral, a UE quere fomentar prácticas agrícolas máis sostibles que reduzan a deforestación, aumenten a biodiversidade e melloren os resultados en materia de seguridade alimentaria e nutrición en terceiros países.

A Comisión incorporará estes criterios e prioridades en materia ambiental, de benestar animal e seguridade alimentaria nas orientacións de programación para a cooperación con terceiros países no período 2023-2027 e estaría destinada a ser a norma xeral para todos os produtos introducidos no mercado da UE a partir da sinatura de futuros novos tratados comerciais.

Os produtos alimenticios importados de terceiros países deberán cumprir no futuro as normas da UE en materia de medio ambiente

“Os acordos comerciais bilaterais da UE ofrecen un medio para promover as normas ambientais da UE en terceiros países, ademais das normas de seguridade alimentaria e benestar animal”, argumenta o Executivo comunitario. Neste sentido, os produtos alimenticios importados de terceiros países deberán cumprir no futuro as normas da UE en materia de medio ambiente, as denominadas “cláusulas espello”, por incluír as mesmas condicións de produción e as mesmas esixencias de calidade e seguridade alimentaria que as aplicadas dentro da UE. 

De xeito paralelo, a Comisión tratará de mobilizar todos os instrumentos de acción exterior e de cooperación internacional para contribuír a fomentar un novo e ambicioso marco das Nacións Unidas en materia de biodiversidade, tendo como obxectivo promover unha transición mundial cara a sistemas alimentarios sostibles.

Aos portos españois chegan cada ano 4 millóns de toneladas de soia

Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína

“En España temos unha alta dependencia de materias primas, especialmente proteicas como a fariña de soia, pola escasa produción na UE. Ademais, a nosa dispoñibilidade de materias primas é menor que noutros países europeos e iso fainos máis dependentes e vulnerables”, recoñece María Victoria Navas, xefa de área da Subdirección Xeral de Medios de Produción Gandeira do Ministerio de Agricultura.

España é o principal produtor de pensos da UE e a súa alta dependencia da importación de materias primas fai ás empresas fabricantes de produtos para alimentación animal tremendamente vulnerables diante de subas bruscas como as que levan máis dun ano producíndose na cotización mundial de cereais como o millo, o trigo ou a cebada e de oleaxinosas como a soia ou a colza.

En España impórtase o 13% de trigo, o 50% de millo e o 100% da soia utilizados na fabricación de pensos

Aos portos españois chegan anualmente catro millóns de toneladas de soia procedentes de países como Brasil, Arxentina ou EEUU (delas 750.000 toneladas desembarcan nos portos galegos da Coruña, Marín e Vilagarcía). As importacións supoñen o 100% da soia utilizada na produción de pensos (en España, onde as condicións climáticas non son adecuadas para este cutivo, só se producen 3.200 toneladas en comunidades como Castela e León, Castela A Mancha e Estremadura, destinadas na súa totalidade a fabricación de bebidas de soia).

O peso da avicultura e o sector porcino

No global de pensos en España as oleaxinosas representan, dependendo da especie, entre o 15 e o 18%. O porcino e a avicultura teñen maiores necesidades proteicas que os ruminantes, polo que a importancia destes sectores (España exporta por exemplo o 52% do porcino que produce, que vai para países europeos como Francia ou países extracomunitarios como China) equivale a maior consumo e, por tanto, tamén maior importación de soia.

A produción anual de pensos en España pasou de 31,3 millóns de toneladas en 2015 aos 37,4 millóns de 2019, dos que o 10% (3,1 millóns) prodúcense en Galicia. Do total, 11,5 millóns destínanse a gando porcino (o 72% a cebo) e 4,5 millóns a aves (48% a avicultura de carne).

España é o primeiro produtor de pensos da UE e está entre os 10 principais fabricantes mundiais

“Antes usábanse máis as leguminosas, cando a produción non era tan intensiva, pero na actualidade canto máis penso se produce máis soia se consume. Houbo un período de tempo no que non se traballaba con tanta proteína, pero foise incrementando por efecto da competencia, pero non todo o que aparece etiquetado con máis proteína necesariamente é mellor. Na formulación habería que preguntarse se os niveis mínimos cos que estamos a traballar realmente non se poden reducir”, afirma María Victoria.

Normativa comunitaria de sostibilidade das importacións

A Unión Europea esixirá a partir de 2023 que a soia importada non proceda de zonas deforestadas

Despois dos cereais, a segunda fonte de proteínas en Europa está representada pola fariña de colza, soia e xirasol, que supoñen o 26% das fontes de proteína en pensos no conxunto da UE, onde o ano pasado se produciron 10,7 millóns de toneladas de colza, 1,1 millóns de toneladas de soia e 3,9 millóns de toneladas de xirasol. Con estas producións, a UE logra un nivel de autoabastecimiento do 79% de colza e un 52% de xirasol pero só dun 3% no caso da soia. Dos 34 millóns de toneladas de soia importadas anualmente pola UE, 13,5 proceden de Brasil, 7,2 de Arxentina, 8,5 de EEUU, 1,3 de Paraguai, 1,1 de Canadá e 0,7 de Ucraína.

A nivel europeo un terzo dos alimentos que consomen os animais de granxa son pensos

A Comisión Europea atópase en fase de elaboración nestes momentos de nova normativa en relación á importación de soia, que obrigará a maior trazabilidade aos fabricantes para garantir que esta materia prima non procede de zonas deforestadas para o seu cultivo. Espérase que o proceso de redacción da nova regulación europea vaia rápido e que o novo marco lexislativo se aprobe en 2023.

As autoridades comunitarias queren chegar a cadeas de abastecemento libres de deforestación. Estímase que na actualidade o 77% da soia importada non está xa ligada a deforestación pero quedaría pendente o 33% restante. A Unión Europea tenta dar resposta deste xeito a unha preocupación social cada vez maior que demanda decisións á comunidade internacional en prol do medio ambiente e o mantemento da biodiversidade no planeta. De feito, Nacións Unidas fixouse como obxectivo no seu Plan Estratéxico para os Bosques 2030 aumentar nun 3% a superficie boscosa mundial.

Un terzo da soia importada pola UE procede na actualidade de zonas deforestadas

Seguindo este obxectivo, desde a PAC búscase reducir a compra de materia prima internacional, incentivar a produción de cultivos proteicos en Europa e limitar o consumo extracomunitario a produtos de cadeas de subministración libres de deforestación.

Aumento da poboación mundial e sustentabilidade

O imparable crecemento da poboación mundial, que pasou de 2.000 millóns de habitantes en 1930 a 4.000 millóns en 1975, 5.300 millóns en 1990, 7.300 millóns en 2015 e seguirá aumentando exponencialmente, segundo as previsións da ONU, ata chegar aos 9.700 millóns en 2050 e os 11.200 millóns de persoas en 2100, está a incrementar as necesidades de alimentación, tanto humana como animal.

A FAO estima que o consumo de carne aumentará nun 76% para o ano 2050, duplicándose o consumo de carne de aves e incrementándose un 69% a de vaca e un 42% a de porco. Tamén se prevé un incremento no consumo de proteína láctea do 58%.

En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional

O incremento das explotacións gandeiras e o aumento da necesidade de materias primas supón un aumento da superficie de cultivo e da necesidade de fertilizantes. Todo iso contribúe a aumentar as emisións de gases de efecto invernadoiro e á contaminación de acuíferos. Segundo os cálculos da ONU, o sector agrogandeiro será responsable en 2050 do 45% das emisións mundiais de gases de efecto invernadoiro, triplicando o 15% actual.

En base aos rendementos actuais e as necesidades en materias primas como a soia, satisfacer a demanda futura de alimentación animal requiriría de 280 millóns de hectáreas de terra adicional para poder pasar dos 360 millóns de toneladas de soia de produción en todo o mundo en 2020 aos 520 millóns toneladas en que se estiman as necesidades futuras.

Produtos proteicos estacionais

A Comisión Europea avoga por complementar a soia con outras fontes de proteína alternativas para reducir a dependencia da importación (o autoabastecimiento de fariña de soia na UE, por exemplo, é só do 3%). Entre outras posibilidades estarían outras materias primas de orixe vexetal, como os chícharos, veza, xeros, almortas ou algarrobas, que permitirían impulsar o cultivo na área de influencia de fabricación e consumo.

A política da UE nos últimos anos fixo que no mercado haxa xa chícharos, pero outras leguminosas como fabas ou altramuces son máis difíciles de atopar

A maiores destas materias primas proteaxinosas para a fabricación de pensos, cuxo cultivo está a ser impulsado desde Bruxelas e recollido nas axudas específicas do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 en España, a UE está a fomentar tamén a economía circular pola vía da utilización de subprodutos da industria agrícola na alimentación do gando. 

O autoabastecimiento de fariña de soia na UE é só do 3%

O problema é que moitos destes subprodutos son estacionais e non se poden almacenar facilmente, polo que só se poderían empregar en zonas de proximidade. Por exemplo, o bagazo de cervexa, que é un produto cun contido en proteína de entre o 20 e o 30%, pode ser administrado na ración diaria a nivel de granxas de leite, pero é imposible metelo na fabricación de concentrados nunha fábrica de pensos polas propias características de humidade e facilidade de fermentación do produto.

Dentro dos subproductos da industria alimentaria atoparíase tamén a pulpa de tomate (cun contido proteico de entre o 18 e o 22%), a pulpa de mazá procedente da fabricación de sidra, a pulpa de remolacha ou o soluble de melaza condensada (mosto da fermentación aeróbica de melaza cunha proteína bruta do 44%) procedentes da industria azucreira, a fariña de galleta, os soros lácteos procedentes da fabricación de queixos e a torta de limón da industria química, aínda que fóra da pulpa de tomate e o soluble de melaza condensada son materias primas con baixos contidos proteicos (inferiores ao 10%).

O avance na industria dos biocombustibles abre a oportunidade de substituír a soia por torta de colza e DDG’s de millo e trigo procedentes das plantas de biodiésel e etanol

O avance da industria dos biocombustibles e a substitución paulatina do uso de combustibles fósiles por fontes renovables supón por un lado un novo elemento de competencia para a alimentación animal, pola utilización de determinadas materias primas e terras de cultivo destinadas a combustibles verdes (a Directiva europea sobre biocombustibles provocou, por exemplo, un aumento na produción de fariña de colza e fariña de xirasol e levou a procesar 6,5 millóns de toneladas de millo e 3,3 millóns de toneladas de trigo para producir biodiésel e etanol), pero ao mesmo tempo abre unha oportunidade para a utilización de subprodutos na alimentación do gando.

Unha tese doutoral presentada na Facultade de Veterinaria de Lugo no 2016 demostraba que se podería substituír en gran medida a torta de soia pola torta de colza (procedente das plantas de produción de biodiésel) e os DDG´s de trigo e de millo (procedentes das plantas de etanol), sen afectar o rendemento do vacún de leite e de carne.

En revisión o uso de PATs

Actualmente non está permitido na Unión Europea para a alimentación de gando a utilización de Proteínas Animais Transformadas (PATs), prohibidas en maio de 2001, a raíz do mal das vacas tolas, a través do Regulamento 999/2001 polo que se establecen disposicións para a prevención, control e erradicación de determinadas encefalopatías esponxiformes transmisibles.

Con todo, si que se permite a importación de produtos cárnicos e pesqueiros procedentes de animais alimentados con PATs derivadas de non ruminantes e a inclusión de proteínas derivadas de leite, ovos, xelatinas e proteínas hidrolizadas en todas as especies, así como as fariñas de peixe e de sangue de non ruminantes na alimentación de non ruminantes.

A reintrodución das proteínas animais, prohibidas a raíz do mal das vacas tolas, é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia

Pero a UE está a cambiar o seu criterio e nestes momentos está en revisión a normativa sobre uso de Feed Ban e PATs de non ruminantes para alimentación animal. A reintrodución das proteínas animais é vista como parte da solución aos actuais problemas de dependencia da soia. A partir de 2014 autorizáronse na acuicultura e a Comisión Europea estuda nestes momentos a posibilidade de dar luz verde á utilización de PATs de non ruminantes na alimentación de aves e porcos, evitando a alimentación con fariñas da mesma especie. Outra normativa en discusión desde hai anos na Unión Europea é a relativa aos transxénicos, aínda que certos países manteñen o seu veto aos Organismos Modificados Xeneticamente. 

Axustar o contido en proteína das racións tendo en conta as necesidades dos animais

A maioría de empresas fabricantes de pensos consideran a soia un elemento estratéxico para a formulación de concentrados porque ten unha alta dixestibilidade e dispoñibilidade e un gran contido en aminoácidos, polo que se trataría dunha materia prima indispensable en determinadas especies animais, como os polos ou os porcos entre os 20 e os 30 quilos.

En porcos de máis de 70 quilos sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos, substituíndoa por colza

Sen embargo, noutras fases de crecemento, ou noutras especies animais, sería posible facer unha fórmula sen soia sen maiores incrementos de custos. Por exemplo, o penso de acabado de porcos ten xa pouca soia e se se lle eliminara de todo non pasaría nada. Neste caso poderíase substituír por colza de orixe comunitario, procedente de países como Francia ou Polonia.

Para substituír a soia importada por sementes proteicas un dos desafíos é mellorar a súa dixestibilidade para obter un rendemento equivalente á fariña de soia de referencia. No caso do vacún de leite, por exemplo, isto podería lograrse con aportes extra de lisina, xa que a proteína da soia aporta un alto contido neste aminoácido esencial en vacas de alta produción.

En vacas de leite de alta produción se se elimina a soia habería que formular en base a aditivos para incrementar os niveis de lisina da ración; doutro xeito produciríase unha perda de leite por non cubrir os niveis de aminoácidos necesarios

No caso dos rumiantes, os aminoácidos son precisamente neste momento a pedra angular da formulación para poder baixar os niveis de proteína e de nitróxeno expulsado (só arredor do 25% da proteína inxerida pola vaca acaba convertida en proteína láctea, o resto non é aproveitada).

Polo tanto, poderíase facer penso con menores niveis de proteína en base á utilización destes aditivos, xa que mediante a suplementación con aminoácidos sería posible reducir a proteína bruta na ración mantendo a produción leiteira e mellorando a eficiencia de nitróxeno, con efectos positivos en aspectos engadidos como a fertilidade.

Os beneficios de reducir proteína

Reducir as porcentaxes de soia nalgúns pensos tería efectos beneficiosos, tanto desde o punto de vista medioambiental como da saúde dos propios animais aos que se alimenta. Por exemplo, coa redución da proteína en pitos ou porcos redúcense as emisións sen afectar ao crecemento e evítanse problemas sanitarios, xa que o exceso de proteína nestes animais xera unha serie de graxas e substancias tóxicas que poden dar lugar a enfermidades e problemas diarreicos polos efectos da proteína sobre a microbiota e a saúde intestinal.

A redución de proteína ten efectos beneficiosos na saúde dos animais, logrando diminuír as emisións sen afectar ao crecemento

Polo tanto, a redución da proteína nestes casos non só ten un efecto positivo sobre a sustentabilidade, senón que ten outras vantaxes que se logran sen prexudicar os parámetros produtivos dos animais. Baixar un punto a proteína bruta na formulación de pensos para porcos equivalería a aforrar un 3% de fariña de soia, é dicir, 119.000 hectáreas de superficie de cultivo.

O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas porcinas intensivas establece a necesidade de reducir o contido de proteína bruta e unha alimentación multifase que se adapte aos requisitos nutricionais segundo a etapa de crecemento

A normativa española xa camiña nesta dirección da redución da porcentaxe de proteína nas racións e pensos. O Real Decreto 306/2020 sobre normas básicas de ordenación das granxas porcinas intensivas establece que “para reducir o nitróxeno total excretado e as emisións de amoníaco, así como as emisións de gases de efecto invernadoiro satisfacendo ao mesmo tempo as necesidades nutricionais dos animais, deberán utilizar unha estratexia nutricional e unha formulación de pensos que permitan reducir o contido de proteína bruta da alimentación, e administrar unha alimentación multifase dependendo dos diferentes requisitos nutricionais segundo a etapa produtiva”.

Apostar pola nutrición de precisión

A Comisión Europea está a fomentar a “nutrición de precisión”, adaptando máis os pensos a cada unha das fases de crecemento dos animais e axustando a alimentación ao ciclo produtivo e nivel de crecemento, modificando con rapidez as matrices de formulación para adecualas ás materias primas dispoñibles en cada momento.

Dentro deste concepto de nutrición de precisión inclúense sistemas de alimentación como os que se levan a cabo en explotacións leiteiras con muxido robotizado, xa que o robot suplementa o concentrado incluído na ración unifeed en función da produción de cada animal.

É perfectamente factible formular para vacas de alta produción de leite sen soia

Neste caso, o do vacún de leite, un estudo realizado hai uns anos polo CIAM concluía que para vacas leiteiras con medias de 30 litros de produción poderíanse facer racións sen torta de soia sen afectar significativamente a parámetros produtivos.

Redución da contaminación

As emisións de amoníaco (NH3) da gandería constitúen, ademais dunha perda económica para o gandeiro, un dano ao medio ambiente pola contaminación do aire, os chans e as augas e un dano para a saúde. En 2018, as emisións de NH3 agrícola na Unión Europea ascenderon a 3.849.000 toneladas, o que representa ao redor do 92% do total das emisións de NH3 na UE. As maiores porcentaxes de emisións de NH3 provintes do sector agropecuario atópanse en Irlanda (99%), Polonia (97%), Alemaña (95%) e Francia (94%), mentres que, no outro extremo, Portugal mostra a cota máis baixa da UE (79%). En España, esta contribución sitúase en algo máis do 90%.

As emisións de NH3 agrícola na Unión Europea ascenden a 3.849.000 toneladas, o que representa ao redor do 92% do total das emisións de NH3 na UE

E é que a agricultura e a gandería son responsables en España do 91% das emisións de amoníaco, sobre todo o sector porcino, o principal emisor deste gas contaminante en España. Dentro do sector gandeiro, a xestión de estercos na explotación destaca pola súa importante contribución ás emisións de amoníaco, sendo responsable de case a metade (máis do 45%) das emisións totais de NH3 por parte do sector agropecuario.

Segundo a Directiva NEC, España debe reducir as emisións de amoníaco un 3% en 2020 e un 16% en 2030 en comparación con 2005

Para atallar este problema, Bruxelas, a través do Protocolo de Gotemburgo, estableceu un réxime de teitos nacionais, ou cotas de emisións de amoníaco. A Directiva (UE) 2016/2284 de Teitos Nacionais de Emisión (NECD, nas súas siglas en inglés), relativa á redución das emisións de determinados contaminantes atmosféricos, en concreto, dióxido de xofre (SO2), óxidos de nitróxeno (NOx), compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), amoníaco (NH3) e partículas finas (PM2,5), impón a elaboración, adopción e aplicación, a cada Estado membro, de programas nacionais de control da contaminación atmosférica e o seguimento das emisións e os seus  efectos.

Para o conxunto da UE o obxectivo de redución de emisións de NH3 sitúase nun 6% para o período 2020-2029 e nun 19% a partir de 2030

En aplicación da Directiva de Teitos Nacionais de Emisión (NECD 2016), España enfróntase ao reto de reducir as emisións de NH3 nun 3% para o período 2020-2029 e nun 16% a partir de 2030. Para o conxunto da UE, a porcentaxe media de redución de emisións de NH3 sitúase nun 6% para o período 2020-2029 e nun 19% a partir de 2030.

Co fin de cumprir os compromisos nacionais de redución de emisións e evitar as sancións de Bruxelas, o Goberno español aprobou en 2019 o Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica, que fixa prioridades, obxectivos e medidas para os distintos sectores, entre eles a agricultura e a gandería. Deseñado para o horizonte 2020-2030, inclúe un catálogo de 50 medidas agrupadas en 8 paquetes sectoriais: mix enerxético; transporte; industria; eficiencia enerxética en vivendas, comercios e oficinas; residuos; agricultura; restos de poda e gandería.

O Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica obriga a axustar o contido en proteína bruta da alimentación en función das necesidades dos animais

Entre outras medidas, inclúese a alimentación multifase en todas as especies gandeiras e o axuste do contido en proteína bruta tendo en conta as necesidades dos animais, medidas de xestión de estercos, como a evacuación frecuente do esterco almacenado no lugar de cría dos animais e a incorporación de medidas de redución de emisións de amoníaco en establos e granxas de nova construción para gando bovino, porcino e avícola ou en obras de ampliación ou modificación das instalacións existentes.

En España destacan como sectores cunha alta emisión de NH3 a fertilización con fertilizantes nitrogenados sintéticos e as provintes da gandería porcina

España recibiu notificación por parte da Comisión sobre a posible apertura dun procedemento de infracción por incumprimento da Directiva sobre Teitos Nacionais de Emisión respecto a as emisións de amoníaco, xa que se revela como un dos Estados membros cunha maior emisión de NH3 por proteína producida e onde os niveis de emisión de NH3 superan os límites establecidos na normativa.

DoSouto, unha iniciativa que lle dá valor engadido ás castañas e froitas de tempada

Milagros, diante do seu obrador, con algúns dos produtos que elabora O pequeno núcleo de casas de Vilar de Aldixe, na parroquia de Vilaragunte, está rodeado de soutos. Pero como pasa en moitos lugares de Paradela e doutros concellos do interior de Galicia, non hai quen os traballe e acaban no abandono. É o que lles pasaba aos castiñeiros da familia de Milagros López Díaz. O seu irmán ten unha gandería de vacún de leite que foi medrando e non dá o tempo para atender tamén os castiñeiros.
Na casa había moitos castiñeiros, pero ao ir ampliando o número de vacas da gandería, fóranse deixando de recoller as castañas
Pero Milagros, que estudou enxeñería agrícola aínda que non exerce profesionalmente diso, propúxose recuperar aqueles soutos e poñelos de novo a producir. Esa decisión foi o punto de partida de DoSouto, un proxecto máis amplo que ademais de servir para recuperar a produción de castaña serviu tamén para recuperar o patrimonio rural agrario e apostar pola transformación.  Sala de elaboración, onde a materia prima é seleccionada e procesada para facer as conservas Empezou recuperando os soutos pero como unha cousa sempre leva a outra, pensou nun xeito de aportar valor engadido a aquela materia prima, así que acabou recuperando tamén unha vella palleira ao lado da casa e acondicionándoa para montar nela un obrador onde poder elaborar conservas. "A miña idea inicial era recuperar os soutos e o primeiro ano limpeinos, apañei a castaña e vendina, pero logo dixen hai que darlle máis valor", lembra. 
Transformou unha vella palleira en obrador de conservas e marmeladas, tanto de castaña como doutros froitos
No 2014, un par de anos despois de empezar a recuperación dos soutos, comezou a transformar as castañas en tres produtos elaborados a partir delas: crema de castañas, crema de castañas con chocolate e castañas en almíbar. Froitas de tempada producidas na zona Gama de produtos DoSouto, que inclúe derivados de castaña e marmeladas de froitas A gama inicial a base de castañas foise ampliando pouco a pouco a outros froitos producidos na zona. "A castaña é un produto moi específico que, ou gusta ou non gusta. Así que pensei en aproveitar as instalacións que xa tiña e transformar tamén nelas froitas que puidera recoller directamente eu ou ben mercar a produtores desta zona", explica.
A miña idea inicial era recuperar os soutos pero logo dixen hai que darlle máis valor á castaña
Comezou mesturando castaña con mazá, unha confitura que fai máis suave o sabor da castaña. Tamén é de colleita propia a cabaza, que cultiva ela mesma para facer despois tamén marmelada. Kiwi, cereixa, laranxa, arandos, framboesa ou moras son outros dos sabores dispoñibles. Sen espesantes nin conservantes En todos os casos os produtos DoSouto son feitos con froita de tempada, recollida no momento óptimo de maduración. "Eu elaboro en tempada, non conxelo a froita. A nosa marmelada de mora faise só no tempo da mora, a da cereixa igual e así todas", conta Milagros. A froita é a base principal, á que non se engade conservante químico ningún. "É só froita, azucre ecolóxico e zume de limón", destaca. A manipulación da froita tamén se reduce ao mínimo. A única maquinaria da que dispón DoSouto no seu obradoiro é unha marmita que fai ao mesmo tempo as funcións de autoclave.
Non conxelo a froita, a marmelada de mora faise só no tempo das moras e a da cereixa no das cereixas
O resto do proceso é todo artesán. "Merquei 3 ou 4 modelos para sacar o óso ás cereixas pero o único que me funciona é o sistema manual. Pero para iso fan falta horas e gañas de traballar", di. A cantidade de azucre é mínima porque a froita vai madura e xa aporta os seus azucres naturais. Tampouco usa aditivos. "A marmelada espesa só a base de coción", indica. Unha "romántica" do rural A palleira recuperada como sala de elaboración dos produtos Milagros declárase "romántica do rural, o silencio e a tranquilidade". "Estiven fóra estudando pero dinme conta de que onde mellor me atopaba era nos sitios pequenos", recoñece. Valora a liberdade que lle dá o feito de poder "traballar ao teu ritmo" ("recollo eu a froita, cozo e envaso", destaca) e está convencida do potencial que hai en Galicia para iniciativas como a súa, que son un xeito de diversificar o sector primario e atopar un futuro para a xente moza máis aló da gandería de vacún de leite ou de carne.
No 2013 comecei a darlle voltas á idea e a finais do 2014 comecei a producir
Ela soubo ver esas posibilidades. "O gusto pola cociña e as conservas venme de pequena. Xa era eu a que facía a salsa de tomate na casa cando sobraba produción na horta. Xuntei esa afección coa idea romántica de recuperar os soutos da casa", di.
De pequena xa era eu a que facía a salsa de tomate na casa cando sobraban na horta
Para facer o obrador, quixo conservar tamén a palleira tal como fora construída polos seus antepasados, mantendo a pedra e a madeira como materiais principais, aínda que Sanidade obrigouna a tapar a pedra na zona de elaboración.

"A avispiña está a provocar unha redución da produción dos castiñeiros do 40 ou 50%"

Un dos soutos con castiñeiros centenarios onde Milagros apaña a materia prima para os seus preparados Os soutos nos que Milagros recolle a castaña para os seus preparados están certificados dentro da IXP Castaña de Galicia, o que garante a procedencia e o cumprimento de determinados parámetros de calidade, como calibre, porcentaxe de hidratos de carbono e humidade da materia prima que emprega. O resultado é tamén que cada bote resultante vai etiquetado cun número de serie único.
A súa produción está amparada pola IXP Castaña de Galicia
Tras conseguir sacar do abandono e o esquecemento os castiñeiros da familia e poñelos a producir, esta rapaza estase a atopar nos últimos anos cun grave problema que impide obter deles todo o rendemento. "Aquí está a afectar moito a avispiña, houbo castiñeiros que me secaron e o ano pasado recollín só 1.000 quilos, cando antes pasaba dos 2.000. Está habendo unha redución da produción do 40 ou 50%", asegura. Milagros vende en feiras de alimentación e artesanía, tendas de produtos gourmet e delicatessen e tamén pola internet. Tanto as elaboracións con castaña como as marmeladas teñen múltiples aplicacións. Por exemplo, "a crema de castaña combina moi ben con queixo do Cebreiro", di.
A crema de castaña combina moi ben con queixo do Cebreiro
Prepara encargos á carta para poder usar a modo de agasallos en celebracións e tamén cestas personalizadas. Ao contar cunha gama ampla de sabores hai para todos os gustos ou, como ela prefire dicir, "para gustos, mermeladas".

Novas alternativas para combater a varroa no apiario

A varroase segue a ser unha das maiores preocupacións e problemáticas nos apiarios galegos, de aí a importancia de proxectos como o Varroaform, no que están a procurar novas alternativas ós tratamentos convencionais contra este parasito. A iniciativa, liderada pola Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) e na que participan tamén a Universidade de Santiago e a Universidade das Palmas de Gran Canaria, xunto con varios apicultores, amosa xa algúns avances significativos. “Tras este primeiro ano do proxecto, estamos obtendo resultados prometedores”, afirman os investigadores involucrados no proxecto. Nestes momentos están a probar 4 formulacións experimentais para comprobar a súa efectividade contra o parasito. Son produtos de orixe natural incorporados en sistemas e soportes biodegradables que procuran unha opción máis sostible para atallar a varroa na colmea.
As novas solucións naturais contra a varroa procuran reducir as perdas nos apiarios e beneficiar a outros sectores como o da froita, dependente da polinización das abellas
“O proxecto pretende reducir as perdas económicas sufridas polos apicultores debido á parasitación por este ácaro, á vez que procura beneficiar a sectores como a produción agrícola ou froiteira tan dependente da polinización”, explican.

Tratamentos naturais e inocuos

Ó longo destes primeiros meses do proxecto, o equipo da USC desenvolveu unha ampla variedade de prototipos dos que se seleccionaron as 4 propostas experimentais que están agora en fase de proba. Tódalas formulacións están elaboradas a base de distintos aceites esenciais que actúan como substancias activas con eficacia antivarroa. Todas as propostas foron elaboradas a partir de materiais biodegradables e non tóxicos, e moitos deles mesmo son de orixe natural ou de grao alimentario. A aplicación dunha destas novas fórmulas é en pasta, pero tamén contan con outras propostas como xeles, que sexan de fácil aplicación para o apicultor. // Foto Varroaform. Cada un destes novos tratamentos ten certas variacións en canto á súa composición e a súa forma de aplicación. As distintas fórmulas preséntanse en diferentes formatos, dende microcápsulas, oleoxel, xeles con ciclodextrina e pastas. “Procuramos que tódolos prototipos de tratamentos se poidan aplicar polo apicultor de forma fácil e sinxela”, inciden. Estas formulacións, unha vez aplicadas, deben liberar dunha forma eficiente e continuada o aceite esencial durante todo o ciclo de vida do parasito, que neste caso é de aproximadamente un mes, e sen xerar toxicidade para as abellas. “Calquera tipo de medicamento precisa dunha formulación na que vaia incorporado e que axuda a cumprir tanto a función antivarroa para a que está pensado como a aplicación na colmea”, explican os investigadores.

Sen residuos

Outra das vantaxes que presentan estes posibles tratamentos de orixe botánica é que non deixan residuos nos produtos procedentes da colmea. Optaron por estes principios naturais para evitar así algúns dos problemas derivados do emprego de acaricidas sintéticos como é a aparición de resistencia ou os efectos tóxicos que poden presentar en abellas e sobre todo a acumulación de residuos deste tipo de compostos que se pode xerar nos produtos obtidos da colmea, dende o propio mel, a cera ou o propoleo.
O uso destes tratamentos naturais e que non deixan residuos aporta maior valor engadido ó mel e abre novas oportunidades de mercado
“Ó ser un tratamento natural e non tóxico tamén se busca minimizar ou eliminar a presenza de residuos no mel e noutros produtos derivados da colmea outorgándolle un maior valor engadido”, detallan os promotores de Varroaform.

A eficacia no apiario

As novas fórmulas están a ser avaliadas inicialmente tanto en laboratorios como nos apiarios experimentais da Universidade das Palmas de Gran Canaria (ULPGC), un dos socios do proxecto. “As probas en Canarias véñense realizando dende hai uns meses como ensaios previos ós que se realizarán por parte de apicultores, posto que as condicións climáticas desta rexión permiten desenvolver estas prácticas antes que nos apiarios que forman parte do proxecto”, detallan os promotores da iniciativa. As primeiras probas están a realizalas en apiarios experimentais de Canarias. // Foto Varroaform. As probas estanse realizando en colmeas tipo Langstrot e están a avaliar tratamentos a base de substancias e aceites esenciais como o ácido oxálico, mentol, carvacrol, timol, cineol e linalol. Para determinar a eficacia das novas fórmulas contan a caída de varroa nos días previos e despois da aplicación, o que lles permite valorar a resposta que ofrecen os tratamentos.
Os tratamentos probaranse en apiarios de Canarias, Galicia, Castela-A Mancha e Castela e León
Estes traballos iniciais permitirán unha selección tanto a nivel de toxicidade nas abellas como de eficacia. Ademais, tamén están a avaliar outras cuestións como o comportamento das formulacións en canto á perda de auga ou a súa aplicación na colmea. Unha vez se seleccionen os tratamentos que proporcionaran mellores resultados, neste segundo ano do proxecto tamén se levarán a cabo probas da eficacia dos novos produtos en diferentes apiarios. En concreto, no proxecto colaboran apicultores como o galego Benigno Basteiro, Agustín Arias, de Castela - A Mancha e Urbano González de Castela e León que se encargarán de probar estas fórmulas nos seus apiarios. Nestas probas nos apiarios realizarase unha comparación entre a eficacia antivarroa e os posibles efectos destas novas formulacións naturais fronte ós tratamentos convencionais. O proxecto Varroaform conta cun orzamento de 380.000 euros cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Estado da reforma da PAC: 8 cuestións que se xoga Galicia nuns días

A reforma da PAC entra hoxe no seu seu treito final, coa reunión que manteñen os ministros de Agricultura da UE para perfilar un acordo. Sobre a mesa, os tres regulamentos da PAC (regulación dos plans estratéxicos nacionais, financiación e organización de mercados). Entre as cuestións por definir, está a porcentaxe de fondos que se van destinar ós ecoesquemas (entre un 20 e un 30%); as condicións mínimas que se establecen para a definición de agricultor activo ou a regulación sobre topes máximos de axudas por beneficiario (capping) e pagos redistributivos. Os acordos que se adopten en Bruxelas esta semana condicionarán as decisións que terá que tomar o Ministerio de Agricultura no mes de xuño. Coa reforma da PAC xa encarrilada en Europa, en España o Ministerio mantén polo de agora numerosas incógnitas sobre o enfoque que lle dará á reforma. Non é un asunto sinxelo, pois cada comunidade autónoma e cada sector agrario presiona ó Goberno en función dos seus intereses. Desde Galicia, o Parlamento autonómico pronunciouse tamén onte sobre as cuestións que considera prioritarias para a comunidade. Compareceu na Cámara galega o conselleiro do Medio Rural, que expuxo a postura común sobre a PAC que comparte coas comunidades da Cornixa Cantábrica, así como reivindicacións singulares de Galicia; e interviron tamén os portavoces na materia do BNG e PSdeG. A día de hoxe, estes son os oito principais asuntos que preocupan ós grupos políticos e ás organizacións agrarias.
  • Superficies con dereito a cobro. O Ministerio baralla que outros sectores agrícolas entren nas axudas da PAC, como o viñedo, a horta ou as froiteiras. É unha posibilidade que beneficiaría sobre todo ó Leste español, pero as comunidades da Cornixa Cantábrica opóñense a que entren novos sectores se non se aumenta a superficie con dereito a cobro nas comunidades cantábricas, pois teñen unha media de superficie con dereitos de pago inferior á media española.
  • Converxencia dos dereitos históricos. Prevese que nos próximos anos continúe a converxencia de dereitos históricos para chegar no 2026 a un 85% de converxencia da coantía dos dereitos dentro de cada rexión. Queda por concretar en cantas rexións agronómicas quedará dividida España. Dáse por feito que das 50 rexións actuais pasarase a un número moi inferior, probablemente no entorno da quincena.
  • Pagos asociados. Manterase o nivel de fondos que se destina a pagos asociados, se ben os pagos asociados que recibe a gandería poderían reducirse se se incorporan outros sectores, como o olivar tradicional. É unha cuestión por ver. En Galicia, o conselleiro defende que se o olivar tradicional se incorpora ós pagos asociados, tamén haberá que establecer eses pagos para os soutos tradicionais de castaña. Desde organizacións como Unións Agrarias, proponse outra alternativa de pagos para a castaña, como a de que entre nas superficies con dereito a cobro de axudas.
  • Pastos arbustivos. A anterior reforma da PAC penalizou ós pastos arbustivos típicos na provincia de Ourense e montaña de Lugo. As novas esixencias sobre os pastos arbustivos reduciron o seu coeficiente de admisibilidade, sen ter en conta o aproveitamento tradicional que fai o gando do mato. Unha esperanza para correxir ese problema está en que a Comisión Europea acorde un cambio da definición dos pastos arbustivos que poida beneficiar a Galicia. Desde a Consellería plantéase a alternativa de que eses pastos arbustivos reciban asignacións suplementarias de dereitos da Reserva Nacional.
  • Agricultor xenuíno. O Ministerio e as comunidades avanzaron nun acordo sobre a definición de quen pode cobrar as axudas da PAC. Todo apunta a que se considerará agricultor xenuíno ós produtores que teñan polo menos un 25% de ingresos agrarios sobre o total da súa renda, pois existe consenso en que hai que ter en conta ós agricultores cunha segunda actividade.
    O punto a debate está sobre a exención que quere establecer o Ministerio para que os perceptores de menos de 5.000 euros de PAC sexan considerados tamén agricultores xenuínos, con independencia da porcentaxe de ingresos agrarios. É unha cuestión á que se opón Galicia, pero que outras comunidades, como Andalucía, defenden.
  • Tope de axudas por beneficiario (Capping). Espérase que haxa un tope de 100.000 euros de axuda por beneficiario, con pagos regresivos a partir de 60.000 euros. A cuestión a debate é se se van poder deducir os custos laborais e os pagos a empresas de servizos á hora de fixar o tope. Na comunidade, a postura é unánime en contra, pois beneficiaríase ós grandes latifundios do sur peninsular.
  • Pago redistributivo. Desde Galicia, tanto os grupos políticos como as organizacións agrarias (Unións, Sindicato Labrego) piden un pago redistributivo que beneficie ás pequenas e medianas explotacións e que teña en conta o número de traballadores, pois calcúlase que a gandería crea ata tres veces máis empregos por hectárea que a agricultura.
    Queda tamén por ver que fondos se destinan ó pago redistributivo, pois beneficiaría a Galicia que se se lle adicase a ese fin unha porcentaxe significativa dos fondos da PAC, non só os cartos procedentes do Capping.
  • Ecoesquemas. O Ministerio mantén o groso da proposta de ecoesquemas realizada, pero espéranse cambios que adapten os ecoesquemas a Galicia. Desde Unións Agrarias sinálase que houbo contactos co Ministerio para que reforme os ecoesquemas de gandería extensiva e de pasto e sega, adaptándoos á Cornixa Cantábrica, pois en Galicia, por exemplo, carece de sentido deixar marxes sen segar nas fincas, tendo en conta o minifundio e a alta porcentaxe de terreo forestal e a mato, a diferenza do que sucede noutras comunidades.

Segundo piar da PAC, os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural

Unha vez que se aclare a regulación das axudas directas (primeiro piar da PAC), abordarase o melón do segundo piar, os fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR), que abordan cuestións moi variadas (apoios ó sector agroalimentario e forestal, asesoramento, obras no rural, plans Leader, etc.). No debate que houbo onte no Parlamento, os grupos da oposición amosáronse críticos sobre o reparto dos fondos nos PDR de Galicia, ata o punto de que o grupo socialista sinalou que a primeira empresa beneficiada da PAC en Galicia é unha multinacional con sede en Madrid que se adica á obra pública. Desde o BNG cuestionouse os fondos que se pretenden adicar á Lei de Recuperación da Terra Agraria por medio do Plan Leader. “É un enfoque de arriba abaixo que moito nos tememos que ten o principal obxectivo de beneficiar a algunha gran empresa agraria”, sostiveron.

“Lixar as mans coa terra é un traballo digno que ten un grande valor”

Paula Oliveira é licenciada en estudos portugueses e lusófonos pola Universidade Nova de Lisboa, ten un master en xestión cultural (Universidad de Alcalá, Madrid) e conta cunha ampla traxectoria profesional como xestora cultural en grandes cidades do país veciño, como Lisboa ou Braga, pero no 2014 decidiu voltar a aldea da súa nai, en Cabril (Montalegre), a escasos quilómetros da fronteira con Galicia, para iniciar un proxecto ligado á terra. Nada en Lisboa, de pequena Paula xa vivira en Cabril dos 10 ós 15 anos, e decidiuse a volver atraída pola potencialidade que vía no patrimonio cultural e natural do lugar, que pertence ó Parque Nacional Peneda – Gerês. Tras asentarse en Cabril, Paula iniciou un proxecto de ecoturismo no que destaca o seu esforzo por recuperar as culturas tradicionais do liño, do centeo e do burel, un tecido de la caracterizado pola súa resistencia. Falamos con ela sobre todo este proceso, no que contou coa colaboración e implicación da comunidade local. - Como é que te decidiches a voltar a Cabril, logo de tantos anos lonxe? - Houbo un tempo no que eu fiquei lonxe de aquí, a casa tampouco tiña boas condicións e había outras prioridades; ata que fixen un master na Universidad de Alcalá que era sobre xestión de proxectos culturais. Unha das partes do master trataba sobre patrimonio natural. Eu xa traballara con proxectos artísticos e culturais, pero nunca co patrimonio natural, e sempre que eu estaba a estudar isto, eu asociábao a Cabril. Lembro que despois do master, cando entrei en Cabril e mirei isto todo, dixen ‘Guau!’, isto é un patrimonio xigante, mais a vida continuou, eu estaba a traballar con proxectos nun museo perto de Lisboa, pero veu a crise e aquel proxecto parouse. Coa crise, eu tiven que mudar de vida, vivía nunha cidade, tiña moitos gastos, estaba co meu fillo e decidín vir para o Norte, non inmediatamente para Cabril porque é un lugar afastado, onde era dificil atopar traballo. Entón fun para Braga, que era unha cidade na que eu xa vivira e tiña amigos.
Hai 7 anos este proxecto parecía un grande soño, un imposíbel. Moitas ideas de negocio certamente perdéronse, pero moitas outras realizáronse e outras apareceron”
E foi, fun para Braga e encontrei alí un traballo temporal, ata que cheguei a un punto no que comecei a pasar máis tempo en Cabril, comecei a mirar as cousas e a percibir que podía desenvolver aquí o meu propio proxecto, un proxecto que eu tería que executar e procurar o meu propio financiamento. Comecei entón con ese deseño, con ese plan, hai 7 anos. Naquela altura, parecía un grande soño, unha grande loucura, un imposibel. E ben, certamente moitas ideas de negocio foron perdidas, pero moitas outras realizáronse e outras apareceron despois de estar o proxecto en marcha. Paula Oliveira, en Cabril. - Cales foron os teus primeiros proxectos de negocio en Cabril? - O meu primeiro obxectivo foi crear un ‘hostel’ (albergue). Daquela estaba o inicio dos hostels en Europa e pensei para esta casa un ‘hostel’. Deseñei o proxecto do ‘hostel’, estaba todo planificado… Só que despois requería moitos gastos, con licencias e coa obra. Precisaba moitos cartos só para aquelo e eu non tiña diñeiro. Por tanto, desboteino. Despois, pensei naquilo que eu tiña e que podía optimizar. Pensei na quinta da Albaleda, un terreo que temos onde podía encaixar un ‘glamping’. Glamping é un tipo de campismo con máis confort, con máis glamour… por iso se chama glamping… Proxecteino, fixen todo, pero o Parque Nacional non o permitiu porque o terreo está nunha zona na que non son permitidos emprendementos turísticos.
Antes de facer o que fose que fixera, tamén quería perceber se eu cuadraba con esta mudanza de vida
Por tanto, levei dúas grandes bofetadas e a partir de aí comecei a pór as cousas en termos prácticos. Pensei en animación turística, eu teño formación como guía turística e comecei a traballar nese sentido. Creei un espazo durante catro anos, que era para min un espazo de experiencia, un espazo de ensaio. Antes de facer o que fose que fixera, tamén quería perceber se eu cuadraba con esta vida, con esta mudanza de vida. Durante catro anos, o meu plan era ter os meus animais, os meus cabalos e facer animación turística. Cal foi o problema?. O problema foi que estamos nun sitio, nunha freguesía que aínda que estea totalmente dentro do Parque Nacional e sexa o Gerês, non é un Gerês coñecido, non é un Gerês turístico. Non ten unidades hoteleiras, non ten turistas. Ese era o problema, como é que eu facía animación turística sen persoas?. E era moi difícil naquela altura que as persoas viñeran para acá e encontrasen servizos. Entón eu tiña que ofrecer aloxamento e aí comecei a pensar en crear un aloxamento. Non ‘hostel’ porque era moi honeroso, así que comecei a alugar cuartos. Inicialmente a casa é grande, miña nai vive na planta baixa e o primeiro andar estivo baleiro moitos anos ata eu vir para acá. Nun principio, pensaba que non o ía abrir a persoas de fóra porque é o espazo da familia, ten as nosas cousas e é a nosa intimidade. Só que cheguei a un punto no que non tiña outra alternativa e tiven que facer esa experiencia. Este proxecto foi e continúa a ser proba e erro, aprendizaxe e melloras, tentar transformar as dificultades en oportunidades, como no fondo penso que son todos os proxectos que están en crecemento. - Como te organizaches para ofrecer este primeiro servizo de animación turística? - Eu tiña, a parte da casa e da quinta, un espazo que se chama o Abrigo da Garrana, ó pé do parque de campismo que hai en Cabril. É un espazo no que tiña unha cabaleriza e uns barracóns, ata daquela abandonados, e tamén unha cociña e unha horta. Naquel tempo recibía a persoas voluntarias que me axudaban e os turistas que viñan podían estar cos animais e saíamos dalí para facer camiñadas. Foi todo moi experimental e de test da miña capacidade porque no fondo todo xiraba a miña volta. Eu dixen, vou facer isto todo e á fin dun tempo vou ver o que resulta e o que non resulta, e nesa altura enfocarme. Val de Cabril, no Parque Nacional Peneda - Gerês, ao final do verán. - Que valoración fas daquel primeiro proxecto como guía turística? - Con ese proxecto conseguín ter unha experiencia e ir analizando cos poucos clientes que tiña se verdadeiramente eles gostaban do que eu promovía. Porque o turista que viña para o Gerês era un turista de masas que ocupaba as unidades hoteleiras que existen na Vila do Gerês durante os meses de xullo e agosto e despois desaparece e ninguén o ve. Por tanto, o turismo que eu sempre quixen foi un turismo de experiencia, de natureza, de ecoturismo, e que as persoas experimenten a vida rural, perceban a historia e se encuadren coas persoas, coa comunidade e coa paisaxe. E non aquel turista que vén, dáse uns baños e vai embora, sen engadir ningún valor a súa experiencia.
”O turista que viña ó Gerês era un turista de masas en xullo e agosto, pero eu sempre quixen promover un turismo de natureza no que as persoas experimenten a vida rural, perceban a historia e se encuadren coas persoas e coa paisaxe”
Verdadeiramente, o turista que eu buscaba é un nicho de persoas moi pequeno e non están aquí á beira nin saben que eu existo aquí. Entón esa foi a miña grande cuestión. Como é que eu vou resolver isto, como vou chegar ó outro lado do mundo, a outros países e atraer persoas a este canto de Portugal no que estou. A realidade coa que me atopei é que viñeron moitos turistas doutros países, de Alemania, de Holanda, de Inglaterra, mesmo de Nova Zelanda, que xa repetiron a experiencia de vir, ou de Tasmania. Para min, son países con paisaxes e culturas extraordinarias. Entón, como é que eles adoran vir aquí?. Aí dinme de conta de que a miña idea tiña sentido. Hai dous anos, o meu periodo de experiencia no abrigo acabou, os meus animais foron para a quinta e eu enfoqueime máis no espacio da casa e no da quinta. - Foi entón cando comezaches a traballar na recuperación da cultura do liño. Como xurdiu esa iniciativa? - Pois foi un día que estaba eu alá no abrigo, onde tiña a horta, e apareceu un amigo daquí da aldea co que comparto moitas ideas, e el díxome que eu precisaba unha actividade cun carácter máis anual e que o liño era unha boa opción. Hai unha historia do liño en Cabril, todas as casas traballaban o liño, hai moito traballo que pode ser recollido e que pode ser feito nese sentido e eu, na altura, pensei ‘unha cousa máis para engadir a tantas outras’. Non sabía nada do liño, mais aquela idea ficou alí e eu falei cunha señora maior á que lle merco a herba seca para os animais. Pregunteille que era o que ela sabía do liño e ela ficou moi sorprendida por abordar esa cuestión. Ela dixome ‘iso dá moito traballo… ‘ E aquilo andaba na miña cabeza, mais non era un obxectivo porque xa tiña moitas tarefas. Entón, ós poucos fun falando con máis persoas, foron explicándome o proceso todo. Son inmensas fases con inmensos instrumentos, todo palabras novas. A única cousa relacionada co liño que eu coñecía era o fuso, a roca, a estopa e o tear. Do resto máis nada, e había moitas cousas novas a aprender, pero o tema era realmente interesante. Pola miña formación académica, eu gostaba de investigar, de escribir, de recuperar memorias da cultura, así que o liño foi gañando en interese para min ata que decidín sementar o meu primeiro liño hai catro anos. Para iso, pedinlle axuda ás señoras de Cabril, elas axudáronme a sementa-lo liño e aínda me acompañan en moitas cousas. Paula no traballo do liño, no seu tear. - A túa idea era conectar esta cultura tradicional do liño co turismo? - No inicio, e aínda se mantén moito a pesar de que xurdiron outras liñas de traballo, a idea era realmente crear un produto de turismo creativo, que é algo que agora tamén entrou en moda. Trátase de que os turistas veñan para ter unha experiencia e partir con novos coñecementos. Pode ser por exemplo poñer as mans na masa e aprender a facer pan. Trátase de ter unha experiencia que sexa algo máis que simplemente visitar un sitio e acabou.
”No inicio, a idea co liño era crear un produto de turismo de creativo”
Por tanto, ese era no fondo o foco do negocio, era ata aquí porque xa houbo outras mudanzas. Porque co que aconteceu este ano coa pandemia, todo isto foi por auga abaixo. Non é posíble un traballo en común como o que temos feito co liño, que é espadulado un día na eira, con toda a xente a traballar en conxunto para conseguir ter o liño listo para fiar, iso non foi posible, entón hai que procurar buscar outra forma de gañar diñeiro co liño. Foi por iso que eu montei un obradoiro online do liño, para tentar chegar ao público. - Que resultado tiveches co obradoiro online do liño? - Pois nun inicio voltei a ter a mesma dificultade que tiña coa experiencia de animación turística. Isto é moi bonito pero ninguén sabe que eu estou aquí. Como llo conto eu ás persoas?. O obradoiro online do liño penseino como unha fonte de ingresos que me cubrise un tempo porque eu en marzo non sabía cando podería abrir o aloxamento, estaba todo moi incerto. Pensei en facer unha experiencia internacional, pero iso implicaría que eu tería que traballar tamén en inglés e podía ser demasiado e que eu non o conseguise. Por tanto, optei por facer a experiencia só en portugués. Tendo en conta que eu xa tiña esas dificultades de como vou dicirlle ó mundo que estou aquí, como vou comunicar, o ano pasado inscribinme en outubro nun curso de marketing online, que foi a miña salvación. Foi un investimento grande, pero foi sen dúbida a miña salvación porque sen esas ferramentas eu estaría completamente perdida. Desde que comecei a traballar co marketing online, tanto co aloxamento como co obradoiro, non só veñen aquí as persoas, senón que veñen máis tempo e compran máis servizos, non compran só o aloxamento, compran outras experiencias e a alimentación da quinta. Traballo comunitario co liño en Cabril. / Cedida. - Que experiencias lles ofreces ás persoas que están vindo a Cabril? - Desde camiñadas, como a ruta das cascadas de Cabril, ata experiencias como a de ‘Pastor por un día’, na que acompañamos un pastor de cabras ou vacas en alta montaña e pasamos un día a coñecer como é a vida do pastor. Temos tamén a experiencia da quinta, coa horta e cos animais, onde imos cuidar da quinta e collemos o que nos é posible apañar. Esta actividade da horta funciona moi ben por exemplo para as familias con nenos. - Que cultivas na horta? - A horta ten un pouco de todo, teño patata, patata doce, berenxenas, tomate, cenoría, melón, coliflor, frambuesas, cebola, allo francés… Moita variedade, pouca cantidade pero moita variedade. Non fago produción para venda. A idea desde o inicio é vender directamente no prato, fago comidas para a xente aquí aloxada. Este ano por primeira vez conseguimos non comprar legumes, non comprar cousas da horta. En termos de negocio é vantaxoso, dá traballo, pero en calidade de comida e como experiencia para o cliente, paga a pena o esforzo. Sentes a diferenza no sabor dos alimentos. Tamén xa teño galiñas, ovos… Merco a carne e o peixe, algo de arroz, algunhas cousas, pero grande parte é biolóxico e produción nosa. Neste momento, o meu traballo está enfocado en crear condicións na quinta para desenvolver máis experiencias. Aquí na casa teño un atelier para o liño, no espazo da cociña, pero quero un espazo maior no que poida receber persoas. Imaxina que vas á quinta e podes sementar alí o liño, facer todas as fases do liño alí, ficar a tecer… Tamén quero ter alí ovellas e facer a tosquía… Por agora teño cabalos, burros e galiñas, pero non teño ovellas. - A maiores do liño, introducícheste tamén no traballo do burel, un tecido resistente feito de la que se empregaba tradicionalmente para as capas dos pastores. Como está a ser este novo proxecto? - O burel veu cando eu comecei a pensar desde un punto de vista máis amplo na cultura tradicional da rexión do Barroso, que ten moitos aspectos, pero eu para non desenfocarme elixín tres: o liño, a la e o centeo, e en fases fun introducindo cada un deles. Porque son proxectos que precisan moito tempo. Primeiro, para a recolla de toda a información, de todos os procesos, despois para executar eses mesmos procesos, para ter a experiencia e entender se, no fin, eu son capaz de facer todo o ciclo e ter o resultado. O que parecía unha loucura hai catro anos atrás son cousas que xa se concretaron e que realmente funcionan. Mesmo este ano fixen o burel, o ano pasado tentárao pero non o conseguira, pero este ano si fixen todo. Fun para o pisón -un enxeño hidráulico ao pé do río- e eu tiña dito que ficaba alí 48 horas, que son as necesarias para facer unha tea de burel. Fiquei finalmente catro días porque o pisón é vello e ten inmensos problemas, pero fixémolo e xa serviu como teste da experiencia de turismo, porque houbo persoas que, nunha escala pequena, pagaron para estar alí. - En canto á recuperación do cultivo do centeo, trátase dunha iniciativa promovida polo monte veciñal (baldío) de Cabril. Que é o que estades a facer? - Este é un proxecto que efectivamente é promovido polo baldío, que ten unha capacidade moito maior de implicar á comunidade; eu colaboro como xestora do proxecto. Nós o primeiro ano fixemos unha actividade de formación, unha vez máis a recolla e a partilla do coñecemento das persoas máis vellas, que ensinaron como se fai todo. Que non é só mallar o centeio, é necesario sementar, que é feito en alta montaña, e protexer o cultivo. Houbo aquí moita historia, moita cultura, moito saber facer. É extraordinario.
”Temos currais en alta montaña nos que se cultivaba o centeo. Houbo aquí moita historia, moita cultura, moito saber facer. É extraordinario”
Nós temos os currais na serra, en alta montaña. Son privados, pero o que acontecía era que están abandonados desde hai moitos anos. Estaban cercados por muros de pedra solta, pero os muros caíron e estaban degradados. Entón, o primeiro que fixemos foi a recuperación dos muros. Comezamos cun curral e fixemos esa recuperación tamén como taller de capacitación, de aprender e ensinar como se recupera. Este ano que pasou xa sementamos outro curral, xa recuperamos e sementamos dous currais. É pouca superficie, mais crían unha diferenza de paisaxe na montaña importante, e tamén ten un valor ambiental. O ano pasado vimos coellos e perdices a comer o centeo. No fin, en xullo – agosto, o centeo é cortado e é mallado na serra. A tradición nestas aldeas do val, que están a uns 300 metros de altitude, é que as persoas fosen a pé para a cima, a 1.000 metros, e todos os portes eran a pé porque alá non hai nada. Ao rematar a malla, viñan todos para baixo, cargaban todo para abaixo e aquí as mulleres na cociña tiñan unha cabra lista para toda a xente comer. Viñan moi cansados, mais había unha festa, con música. Nós quixemos recrear iso, a carrexada, e polo segundo ano xa a fixemos con arredor de 80 persoas. Este ano houbo que facela con limitacións, como é lóxico. - En moitos dos teus proxectos, como o liño e o burel, destaca tamén a implicación da comunidade. Como estás a lograr esa participación das persoas? - No fondo, eu pedín axuda. Eu pedín axuda e as persoas máis vellas, as que gardan memoria dos procesos, tamén fican contentas de que haxa quen se interesa por iso e que poida ter continuidade. No caso do pisón, está parado, en decadencia, porque ten que traballar e non traballa. E o seu propietario, o señor Francisco, foi extraordinario, porque todo o traballo que tivemos que facer foi un traballo duro e nunca eu sentín que el ollase para min e pensase ‘esta muller está tola e non o vai conseguir’. Polo contrario, este ano el xa me confiou o pisón para poder traballar. É un traballo físicamente duro, un traballo de homes, porque o burel ata ir ó pisón é feito polas mulleres, pero despois é un traballo de homes, mais faise. Penso que debín ser a primeira muller pisoeira de Portugal (risas). O señor Francisco sempre me apoiou e mesmo está contento e permíteme que eu traballe. Eu non fago nada sen o seu consentimento, obviamente, mais sinto que estou en casa, que teño esa porta aberta. Paula está recuperando a produción de burel 100% artesanal. / Cedida. Mais tamén hai moitas outras persoas que no inicio dicían que era unha loucura que alguén coma min, supostamente formada, instruída, con percurso académico, con algúns cargos de responsabilidade, fose lixar as mans coa bosta dos animais, na terra. Iso no inicio era extraño, mais eles comprenderon que ese traballo fágoo porque é un traballo digno e de moito valor, e entón eles colaboran moito, moito. - Pola túa parte, tamén se pode dicir que estás a devolver parte do que recibes a través da túa colaboración coa escola e cos lares de persoas maiores. Cóntanos esa parte do teu traballo. - Cos lares agora non pola pandemia, pero si facía. Coas escolas, tódolos anos desde hai seis anos fago dúas actividades por trimestre, sempre relacionadas coa cultura tradicional, co medioambiente e a defensa do bosque. Este ano será diferente, pero faremos cousas online. Tamén facemos actividades no verán con eles co liño e coa la. Nas vacacións, fixemos a sementeira do liño e cada un levou unha semente plantada a casa. E eles ficaron bastante orgullosos de saber e de poder falar cos avós acerca diso. Porque neste momento hai un grande baleiro entre os avós e os netos en canto que… Mesmo eu tendo nacido na cidade, tiña unha relación de ter acompañado á miña avoa. Hoxe os rapaces están no campo, mais non viven na aldea porque non acompañan ós avós nas tarefas. Entón hai moitas cousas que eles non saben, mesmo en relación ó bosque. Porque non se valora, non se lle dá importancia a iso. E os pequenos cando perceben a historia e eles traballan, gostan moito de facelo. É un día diferente, dunha aprendizaxe diferente, dun xeito lúdico. - Ti volveches a vivir a Cabril hai 7 anos. Como atopaches a comunidade de Cabril? - A freguesía son 15 aldeas, con preto de 500 residentes. Continúa habendo escola primaria cos nenos, tamén un preescolar. A tendencia da xente nova é a de irse, a excepción dalgúns poucos que gostan dos animais, que teñen animais, vacas, cabras, que gostan desta vida do campo e que procuran formas de continuar aquí, pero a maior parte quérese ir e emigra porque teñen familiares emigrantes. Hai moita xente que vai para Braga, unha cidade que está próxima, e que pode vir as fins de semana, mais a poboación de Cabril é sobre todo unha poboación envellecida. - Que balance persoal fas de todos estes anos de esforzos e traballo por desenvolver a túa vida en Cabril. Pensas que pagou a pena? - Unha das cousas que eu aprendín é que desistir non é unha opción. Persoalmente, tes que encontrar unha solución, ás veces tes que recuar un bocadiño e todo o que fixeches ata alí ten que ser posto dun lado e procurar outras formas. Pero desistir non, eu sempre o teño moi presente e eu durante moito tempo fixen ese test de perceber se esta é unha opción ou non, se é un camiño ou non, pero cando ves os resultados, cando ves as persoas que te acompañan, ves turistas de Nova Zelanda que voltan a Portugal e queren vir aquí outra vez, a este espazo, con tanto que hai para coñecer no mundo... Entón dis, isto ten algún valor, e enfócaste a ese apoio no fondo.
”Desistir non é unha opción. Persoalmente, tes que encontrar unha solución, ás veces tes que recuar un bocadiño e todo o que fixeches ata alí ten que ser posto dun lado, pero desistir non”
Se te enfocas nas cousas que foron mal, que fixeches mal, perdes enerxía. Ese non é o camiño. Hai días malos que sentes que isto acaba aquí, a historía acaba aquí, pero nesa altura en que estás moi cansa e sen forza, eu optei por ir durmir e recuperar. A parte difícil foi poñer a máquina a funcionar. Esa parte está feita, agora está a andar e todo é continuar. É un traballo gratificante, ves personas implicadas, novos proxectos, vexo outras persoas mozas a querer investir… Durante estes anos, tamén tiven moitas dúbidas, sobre todo hai catro anos, O meu fillo foi vivir a Lisboa co pai e a partir de aí as miñas dúbidas persoais foron aínda maiores. Porque eu pensei, por que é que non volto para Lisboa, procuro un traballo en Lisboa e estou perto do meu fillo. Podo gañar alí ben diñeiro e facer a miña vida como xestora de proxectos sen ter que traballar 14-15 horas todos os días do ano, pois é preciso estar aquí a diario por causa dos animais. Todo iso era así, mais eu decidín, vou ficar e vou continuar a facer o traballo en canto teña pracer nel e perceber que é posible. Chegado aquí, eu estou nesta fase de continuar o proxecto. A proba de que é posibel eu xa a teño, claro que vou ter que continuar a adicarlle moito tempo, mais xa sei tamén que teño que ter máis disciplina e enfocar as cousas, non ser tan dispersa. Paula ante a súa casa, en Cabril. - Satisfeita entón do rumbo que tomaches, tralos primeiros proxectos fallidos do ‘hostel’ e do glamping? - Para min, era moito máis fácil no inicio pedir un crédito, construir o ‘hostel’ e fiar a miña cabeza toda dentro dun proxecto de masificación turística, se eu tivese en vista que o único beneficio fose o diñeiro. Pero eu entendo que hai moitos máis valores que son igualmente importantes e no mundo actual, teñen máis sentido. A idea, sempre presente e que torna este proceso máis demorado, ten que ver coa sustentabilidade e ten que ver co uso correcto dos recursos, ten que ver coas relacións que se crean na comunidade, coa riqueza que se crea á volta porque o turismo é un sector moi desgastante do territorio e o que eu pretendo non é iso, senón que os recursos poidan chegar ós meus netos como chegaron a min da miña avoa.
”A idea sempre presente ten que ver coa sustentabilidade, ten que ver co uso correcto dos recursos e coas relacións que se crean na comunidade”
- Falabas tamén de que o teu traballo está a ser ben valorado polos turistas. Fálanos desa parte, da recepción que están tendo as experiencias que ofreces para coñecer e vivir Cabril. - En xeral, as persoas valoran moito este traballo. Cando pos empeño e amor nas cousas, as persoas percébeno, valórano e apóiano. Claro que non son todos porque non son todos iguais. Hai persoas que queren vir e que eu non podo aceptar porque entendo que non valoran este tipo de turismo nin están preparados para este proxecto. Parte do meu tempo, do meu traballo é adicado á comunidade, á escola, ós lares, é traballo de responsabilidade social e iso ten que estar no meu proxecto e as persoas teñen que perceber que se veñen aquí non están a pagar un aloxamento, están a pagar unha contribución para o desenvolvemento local. Hai moitas persoas que non teñen esa sensibilidade e entón este non é o sitio para estar eles. Hai tamén xente que aluga un cuarto e á hora de facer a reserva non le o que está escrito. Eu coloquei os servizos de aloxamento en Airbnb e sempre foi moi importante dicir claro que é o que eu ofrezo e o que eu non ofrezo. Xa sucedeu este ano con persoas que reclamaron porque non hai televisión e eu sempre digo que non hai televisión nin haberá televisión, mentres eu estexa no meu xuizo perfeito. Se ves aquí, non precisas televisión. O tema é… Lembro agora a un profesor alemán que veu e pediu para comer con nós na casa, e comeu comigo e con miña nai e el estaba marabillado. Dicía, ‘teño unha experiencia fantástica para contar ós meus amigos, de todo isto, da vida de casa, do ritmo rural’. Esa é a experiencia que eu gosto de transmitir. Cando tes unha guía, ela oriéntate nese sentido, non é só levarte a que coñezas un lugar, créache condicións para que o fagas de forma agradable, para que te sintas ben e coñezas historias sobre as persoas e lugares.
“Ser pastor é un traballo solitario que pouca xente te agradece. O feito de que nós os apoiemos coa experiencia ‘Pastor por un día’ axuda a que se sintan valorados”
Por exemplo, a experiencia do pastor, nós imos acompañar o pastor todo un día, valorizamos o seu traballo. El fai iso tódolos días, é un traballo solitario, moi difícil, cada vez hai menos pastores. E nós optamos por facer unha contribución e valorar o seu traballo, non só económicamente. Imos estar un día con el. O problema do rural e da desertificación pasa tamén moito pola autoestima. É un traballo solitario que moi pouca xente te agradece. Nós precisamos dun médico cando estamos doentes, precisamos dun arquitecto cando queremos facer a casa, pero precisamos dun agricultor ó almorzo, ó xantar e á cea. E ninguén valora a un agricultor como valora a un médico ou a un arquitecto. O que sucede sobre todo nas xeracións máis novas é que eles non queren ser agricultores, non queren ser pastores máis, queren unha vida con valor. E o feito de dar este contributo e de valorar a esa persoa axuda a que a xente moza fique no territorio, que eles vexan que gostan de estar aquí, que este é o seu lugar, que teñen unha forma de vida que lles dá o suficiente para vivir, para ter unha familia. Non temos todos que estar en cidade, onde temos máis dificultades para ter calidade de vida. Porque para ter calidade de vida na cidade precisas de moito máis diñeiro e aquí consegues ter calidade de vida con pouco diñeiro e tes a túa volta outras cousas. Falando do meu caso persoal, o feito de ter ido, ter voltado e sentirme ben aquí, percibir que teño ferramentas, oportunidades para vivir aquí permíteme ficar. A miña nai nalgún momento, cando eu voltei, pensou que o diñeiro que investiu en libros e no ensino era diñeiro malgastado, agora penso que xa non pensa así. Mais non foi diñeiro malgastado, todo é importante, é moi importante tamén saír daquí para formarse, moi importante. - En canto ás culturas tradicionais que estás a recuperar nos teus proxectos, a do liño e a do burel, pensas que poden ter nova vida, que son tecidos artesanais que poden ter un mercado? - Penso que si, voltamos á mesma cuestión. Hai moitas persoas que valoran este tipo de materiais e comprenden a súa importancia, que están dispostas a pagar. Co liño, a miña vontade para min é ensaiar outras compoñentes máis artísticas. Persoalmente, interésame ter o fío, mais non estou moi interesada en tecer teas de liño. Podo eventualmente vender o fío a outras persoas que tezan e que valoren o liño, mais eu persoalmente estou interesada en cousas máis artísticas. Isto tamén é bonito porque eu gosto moito da tradición, mais gosto da innovación tamén e de testar novas cousas. O liño era unha produción moi importante en Cabril. Había grandes campos de liñares e pozos propios para o liño, xente que viña de fóra a comprar. Hai xente que me ten dito que o liño era o ouro de Cabril, entón no liño estou enfocada na miña comunidade máis próxima e en crear fórmulas de ter persoas que colaboren comigo e que perciban unha remuneración por iso. En canto ó burel, o burel foi candidato ás sete marabillas. A tradición do burel non é só unha tradición do Barroso, de Montalegre, é igual na Serra da Estrela ou no Miño. Tamén alí hai pisóns, mais non traballan. Agora queda só burel industrial, non hai burel artesanal. O meu obxectivo é darlle continuidade a isto e crear un burel artesanal, 100% feito en Montalegre. - Desde a perspectiva económica do teu proxecto, tamén son importantes os obradoiros de liño. Estás a encontrar persoas interesadas en aprender o traballo do liño? - Hai moitas persoas interesadas en aprender. Cando fixen o lanzamento online do obradoiro do liño, é todo un proceso, unha estratexia de marketing. Era a miña primeira vez e decidín facer unha tertulia online de liño a través do Facebook. Estaba nervosa, despois pensei, unha amiga aparece seguro. Por tanto, imos ter unha conversa e enfoqueime de falar de un para un, non en pensar que ía ter unha plateia de xente e que despois estivese a plateia baleira. Entón apareceu xente na tertulia a un nivel inmenso, eu creo que tiña pensado 40 minutos e estiven máis dunha hora. No fin, cando desconectei, tiña 1.000 visualizacións, para min esperaba unha amiga… Despois eu pasei para un obradoiro con inscripción e eu enfoqueime a traballar para o grupo que estivese interesado en aprender, só no mercado portugués. Habería tamén un mercado internacional moi forte… - Estás con proxectos moi interesantes que darían para falar o día todo, mais imos ir rematando… Queres dicir algunha cousa máis como conclusión? - Pois estes anos teñen sido un camiño con altos e baixos moi marcados. Sen o apoio da familia e dos amigos non sería posible continuar este traxecto. Penso que cada vez máis o tema da sustentabilidade é fundamental no xeito como nos comportamos como cidadáns e consumidores. É unha cuestión ben definida pola Unesco nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, que teñen que ser palancas importantes para proxectos como o meu.

“As mulleres foron invisibilizadas na agricultura e isto configura unha gran inxustiza”

A comezos deste mes de xullo estaba previsto que a Universidade de Vigo se convertese durante 3 días en referencia mundial do agroecoloxismo coa celebración do VIII Congreso Internacional de Agroecoloxía, que contaba con expertos de distintos países e recoñecida traxectoria profesional neste ámbito. A crise sanitaria pola pandemia do Covid-19 impediu que se levase a cabo de xeito presencial, pero desenvolveuse igualmente de forma virtual. Aproveitando a cita falamos cunha das investigadoras e especialistas en agroecoloxía máis destacadas do panorama internacional, a enxeñeira agrónoma e activista social especializada en movementos rurais, Emma Siliprandi. O seu labor en organismo como a FAO, organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, así como os seus traballos abordando o papel da muller nas transformacións agrarias convertérona en todo un referente. -Reivindica que a agroecoloxía non é unha opción individual, por que é tan importante a involucración da contorna e a comunidade? -A agroecoloxía ten un enfoque de territorio. Non hai que cambiar as condicións soamente dunha leira, se as demais seguen con prácticas non sustentables. Por exemplo, as augas subterráneas contamínanse igual, sen respectar límites de propiedades. O mesmo para o aire, a terra, así como para as cuestións de comercialización e organizativas. Non se pode facer unha feira agroecolóxica cunha única leira. Hai que construír comunidade, compromiso, colectividade.
"A agroecoloxía pode ser un modelo de produción e consumo moito máis amigable co ambiente e coas persoas"
-Que pode achegar a agroecoloxía ás sociedades que están a apostar por unha agricultura convencional e intensiva? -A agroecoloxía pode ser un modelo de produción e consumo moito máis amigable co ambiente e coas persoas. Producir de forma agroecolóxica significa diminuír ou eliminar as externalidades negativas que o modelo convencional e intensivo leva (por exemplo, en termos ambientais, como a contaminación da auga, dos chans, a perda de biodiversidade, etc.). Pero tamén en termos económicos e sociais, con redistribución de ingresos e poder entre grupos sociais. -É unha opción só para aqueles países en vías de desenvolvemento ou é tamén preciso comezar a valorar esta forma de produción noutros escenarios? Por que? -Tódolos sistemas agroalimentarios están en crises, non só nos países en vías de desenvolvemento. Basta ler os diarios para ter unha idea. Basta pensar na crise alimentaria causada polo Covid-19. Tódalas persoas se poden beneficiar cun modelo máis incluínte e respetador da natureza. O planeta é un só, non se pode separar o que está a ocorrer en termos ambientais entre o Sur e o Norte global, todas as persoas están a sufrir as consecuencias deste modelo insustentable.
"Tódolos sistemas agroalimentarios están en crises. Non se pode separar o que está a ocorrer en termos ambientais entre o Sur e o Norte"
-En que liñas traballan para conseguir achegar o modelo agroecolóxico en rexións onde xa está implantada unha agricultura intensiva e enfocada á produción para a exportación? -Hai dúas formas de iniciar a transición á agroecoloxía que son internacionalmente recoñecidas: o uso máis eficiente dos recursos mediante prácticas que estimulen a reciclaxe, a resiliencia e a melloría dos procesos naturais; e a substitución dos insumos externos (artificiais) por procesos internos, na leira. Iso pode ser un bo comezo, pero non se debe parar aí. A agroecoloxía supón un cambio sistémico na forma de producir, transformar, distribuír e consumir os alimentos, que cambia o obxectivo da produción en primeiro lugar. -Un dos eixos da súa participación no congreso foi a análise da agroecoloxía nas axendas internacionais. De que maneira están a apoiar os organismos internacionais a agroecoloxía? -Desde 2018 lanzouse na FAO, co apoio de varias organizacións internacionais, a Iniciativa de Ampliación da Escala da Agroecoloxía en nivel mundial. Esta iniciativa pretende brindar apoio á produción de coñecementos por medio de estudos e investigacións; asesoría á implantación de políticas que favorezan á agroecoloxía en países e rexións; e o fomento a procesos de diálogos internacionais que involucren sociedade civil, gobernos, academia, e distintas organizacións, para discutir os pescozos de botella existentes e trazar prioridades de traballo. Nisto estamos. -Como de involucrada está a FAO? -A FAO é responsable pola Secretaria Executiva da Iniciativa e está a coordinar este traballo coas demais organizacións.
"O fluxo financeiro dirixido á agroecoloxía aínda é moi pequeno, pero existe"
-Achegan financiamento as entidades internacionais para a implantación da agroecoloxía? -Hai estudos que mostran que o fluxo financeiro dirixido á agroecoloxía aínda é moi pequeno, pero existe, tanto por parte de organizacións públicas como tamén de fundacións privadas. Pero, para haber un cambio significativo nos sistemas mundiais, tería que haber un cambio tamén no uso dos recursos hoxe existentes, que terían que ser dirixidos a prácticas agroecolóxicas e non a prácticas insustentables. -Outro dos aspectos sobre os que leva anos insistindo é a importancia de visibilizar o papel das mulleres na agroecoloxía, cando comezou a valorar esta perspectiva de xénero? -Este tema sempre estivo presente na miña vida profesional. Deime conta moi pronto de que as mulleres eran invisibilizadas na agricultura e que isto configuraba unha gran inxustiza. As mulleres non só traballan na agroecoloxía, senón que pensan, estudan, experimentan, organízanse. Son suxeitos activos das transformacións sociais, pero non son recoñecidas como se merecen.
"As mulleres son suxeitos activos das transformacións sociais, pero non son recoñecidas como se merecen"
-Como están a contribuír as mulleres á implantación da agroecoloxía? -En todos os aspectos, tanto en experiencias locais como en espazos internacionais, como produtoras, extensionistas, en ONGs, na investigación, na academia, nos sindicatos, nas organizacións internacionais. As mulleres están presentes en todos estes espazos, só que as súas contribucións non son valoradas ou son restrinxidas a temas considerados marxinais, secundarios. -Hai moitas diferenzas entre a relación das mulleres co campo en América Latina e Europa? -Si, polo contexto, polas condicións de produción, hai diferenzas históricas, sociais, culturais. Pero tamén hai moitas similitudes dadas pola condición de xénero, polo patriarcado hexemónico en todas as sociedades occidentais. -En máis dunha ocasión denunciou que a contribución das mulleres e dos líderes campesiños foi silenciado en países de Latinoamérica, que medidas son necesarias para cambiar esta situación? -Non só en países de Latinoamérica, as voces das mulleres e doutros grupos sociais subordinados foron silenciadas en todo o mundo. Só a organización social e política destes grupos marxinalizados levará a cambios significativos neste sentido.
"Necesitamos cambiar a narrativa internacionalmente aceptada de que só o modelo depredador é capaz de alimentar o mundo"
-Que retos se presentan a curto prazo para a agroecoloxía? -Cambiar a narrativa internacionalmente aceptada de que só ese modelo depredador é capaz de alimentar o mundo. Isto é unha mentira en moitos sentidos, pero a xente común pensa que comer comida chatarra empapada en veleno é a súa única opción. E isto non é así. A agroecoloxía, coa participación activa de mulleres e homes en todas as súas etapas, da produción ao consumo, é a mellor opción para cambiar os nosos sistemas agroalimentarios, con xustiza económica, social e ambiental, promovendo o coidado dos ecosistemas, das paisaxes, sen explotación entre os seres humanos e proporcionando unha alimentación de calidade e sa para todas as persoas.

Os gandeiros galegos presentan case 7.000 reclamacións contra as empresas do “cártel lácteo”

Había dúbidas pero os produtores de leite galegos lanzáronse finalmente en masa a informarse e tentar recuperar as cantidades que as industrias lácteas que lles recollen o leite lles pagaron, teoricamente, de menos durante anos. Houbo avalancha de solicitudes nos últimos días e, a poucas horas de que finalice o prazo do 11 de xullo (cando se cumpre un ano desde a sanción imposta pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia ás principais empresas do sector por pactar os prezos entre 2000 e 2013) sindicatos, asociacións agrarias e bufetes de avogados calculan en preto de 7.000 as reclamacións presentadas en Galicia. A cifra coincide co número de ganderías produtoras de leite que seguen en activo a día de hoxe, segundo o último informe FEGA, correspondente ao mes de maio, pero na lista de reclamantes hai un importante número de explotacións que deixaron a actividade nestes últimos 20 anos, ben por peche, por cambio ou xubilación do seu titular ou por pasarse á produción de carne. Sumando estes casos, algunhas fontes calculan nunhas 30.000 as persoas con dereito a indemnización en Galicia.
Nos últimos días houbo unha avalancha de solicitudes, aínda que o prazo para poder reclamar podería verse ampliado a setembro a causa do estado de alarma ou mesmo ata 2024 tendo en conta unha disposición europea
O proceso xudicial prevese longo e custoso, pois algunhas das principais empresas sancionadas por Competencia, como Puleva ou Danone, recorreron a multa diante da Audiencia Nacional, que está pendente aínda de pronunciarse. Por iso, á espera dese fallo e previa presentación das demandas de carácter individual nos correspondentes xulgados, o que os gandeiros están a facer estes días é evitar que o seu dereito a indemnización prescriba, interrompendo, mediante o envío dun burofax á industria, o prazo de prescrición. Sobre isto existen tamén dúbidas, xa que aínda que este sábado cúmprese un ano desde a multa da CNMC ás industrias, a declaración do estado de alarma como consecuencia da pandemia do coronavirus podería servir para alongar ese prazo teórico ata o mes de setembro, e mesmo, se se ten en conta unha Directiva europea de recente transposición ao ordenamento xurídico español, ata 5 anos. Pero todas as entidades que están a tramitar reclamacións quixeron "curarse en saúde" presentando o maior número de reclamacións antes do 11 de xullo para evitar calquera fenda que poida servir ás empresas para evitaren ter que pagar.
O sector espera que sirva de escarmento á industria láctea para que opere con maior transparencia e librecompetencia
O sector viviu nos últimos meses unha especie de febre do ouro, que atraeu a numerosos bufetes de avogados á caza de recompensas, ao máis puro estilo do Far West americano. A importante contía das posibles indemnizacións a percibir animou tanto a grupos de avogados galegos como a importantes grupos de Madrid ou Barcelona, apoiados nalgúns casos por fondos de investimento internacionais, que desembarcaron en Galicia en busca dun apetecible negocio non exento de riscos. Algúns teñen experiencia en causas como a do Prestige ou a do cártel dos fabricantes de camións, que pactaron cobrar un sobrecusto sobre os vehículos vendidos entre 1997 e 2011 e a Unión Europea obrígaos agora a devolvelo, o precedente máis parecido ata o momento en materia de dereito da competencia en España, pero o caso do leite é máis complexo xa que a contía ten que calcularse de forma individual segundo o prezo por litro de leite percibido por cada gandeiro e o tempo transcorrido dificulta en moitos casos a recompilación da documentación.
Nos últimos meses viviuse unha especie de febre do ouro, que atraeu a numerosos bufetes de avogados á caza de potenciais clientes
Campo Galego quixo falar con sindicatos, asociacións e bufetes de avogados para coñecer a súa valoración sobre unha causa que se prevé longa, pero tamén histórica, e que serviu para mobilizar aos gandeiros fronte ás industrias que lles recollen o leite como ata o de agora só sucedera puntualmente con tractoradas en momentos de baixadas acusadas de prezo. Pero agora as armas son distintas: no canto de con tractores, a loita é a través dos tribunais de xustiza. Robot de muxido nunha explotación galega da provincia da Coruña

UUAA: "Non podemos deixar pasar esta oportunidade e os pasos que se están dando son firmes"

UPA foi, co seu apoio á denuncia presentada en 2012 ante as autoridades de Competencia, quen abriu o camiño á multa ás empresas e ás actuais indemnizacións e é a organización que máis reclamacións está a tramitar en Galicia, onde acumulan unhas 4.000 solicitudes, ás que se sumarían outras 1.000 noutras comunidades como Asturias, Castela e León ou Extremadura. Félix Porto, avogado e responsable da área externa de Unións Agrarias, afirma que "é unha alegría ver que os gandeiros e gandeiras acudiron maioritariamente a reclamar, cun número espectacular de reclamacións que sobrepasou todas as expectativas que había", recoñece. Considera que "o boca a boca é importante" e asegura que "os últimos días foron desbordantes", pero espera que mesmo poida medrar o número de reclamacións cunha segunda quenda no mes de setembro se se confirma a ampliación de prazo como consecuencia do Real Decreto 463 polo que se declarou o estado de alarma.
Calquera gandeiro que vendese leite durante os anos 2000 a 2013 pode reclamar, aínda que non entregase ás empresas sancionadas, habería unha responsabilidade solidaria porque o que se xerou foi un dano aos produtores no seu conxunto pola alteración do mercado
UUAA tramita as peticións dos gandeiros a través do seu propio gabinete xurídico a cambio dun 10% do que logren recuperar en caso de afiliados e do 20% en caso de persoas alleas ao sindicato. "Levamos traballando neste proceso moito tempo, son xa 9 anos e quedan aínda algúns máis, pero os pasos que se están dando son firmes e parece que aquilo que diciamos cando iniciamos este proceso vaise ratificando. A expensas do que poida ditaminar a Audiencia Nacional, pensamos que poder recuperar o diferencial entre o que cobraron os gandeiros e o que tiñan que cobrar é unha posibilidade real. Por iso, non podemos deixar pasar esta oportunidade", di. Félix explica ademais que "calquera gandeiro que vendese leite durante os anos 2000 a 2013 pode reclamar, aínda que non entregase a algunha das 10 empresas sancionadas, porque se a Audiencia Nacional ratifica nos mesmos termos a resolución da CNMC habería unha responsabilidade solidaria porque o que se xerou foi un dano aos produtores no seu conxunto pola alteración do mercado, independentemente de que entregasen ou non leite a esas industrias sancionadas", aclara. Así mesmo, considera que "non houbo un cambio significativo na forma de actuar das industrias despois do período ao que fai referencia a multa de Competencia, xa que antes e despois do ano 2013 seguiron empregando as mesmas prácticas, aínda que a cuestión é probalo, iso é o difícil", conclúe. Vacas en pastoreo nunha gandería ecolóxica galega

SLG: "A nós cónstanos que a día de hoxe o cártel segue activo, hai dificultades para cambiarse de empresa"

A diferenza de UUAA, o Sindicato Labrego Galego non tramita directamente as reclamacións, senón que deriva aos seus afiliados ao bufete catalán Redi, que está a levar unhas 1.100 reclamacións en toda España, 300 delas en Galicia, aínda que a cifra total podería verse finalmente notablemente incrementada a falta de contabilizar as solicitudes recibidas nos últimos días. "Non levamos nós directamente o caso porque sería unha temeridade, os nosos avogados non son expertos en dereito mercantil e da competencia. Ademais, fálase dunha proba pericial dun millón de euros e é necesario pagar un seguro de costas para non arriscarse, así que non hai posibilidade de levar un caso coma este se non é co respaldo dun fondo de investimento", admite Xulio Fernández, coordinador do sector lácteo do SLG. Fai fincapé ademais na necesidade de informar os gandeiros dos "riscos reais" que entraña unha demanda xudicial coma esta. "Non sei se a xente é consciente dos monstros económicos que son estas empresas, que contan cuns gabinetes xurídicos moi potentes e que van pelexar moi duro ata o final", advirte.
As empresas seguen estirando o chicle, están afeitas a facer o que lles dá a gana e a nós cónstanos que a día de hoxe moitos gandeiros teñen problemas para cambiar de empresa e todas están a rescindir contratos e baixando os prezos a 29 céntimos
O Sindicato Labrego iniciou no mes de novembro as súas asembleas por toda Galicia para informar aos produtores das posibilidades de reclamar e constata que nun primeiro momento quen se decidía a facelo eran "persoas que non tiñan medo ás represalias que as industrias podían adoptar contra eles, a maioría xubilados ou persoas que xa non entregan leite", pero a medida que foron transcorrendo os meses animáronse tamén a solicitar indemnizacións produtores en activo, a pesar de que, asegura Xulio, "houbo algunhas industrias que presionaron aos gandeiros para que non reclamasen, con prácticas de extorsión, temos constancia diso a través dos gandeiros". Pero a pesar deste boicot, o SLG considera que o actual proceso "é unha oportunidade para os gandeiros de poñer á industria no seu sitio e á industria teríalle que valer para cambiar de actitude", di Xulio, aínda que lamenta que "as empresas seguen estirando o chicle, están afeitas a facer o que lles dá a gana e a nós cónstanos que a día de hoxe o cártel segue activo xa que os gandeiros cóntannos que en ocasións teñen moitos problemas para cambiar de empresa e que nalgúns casos, para poder facelo, teñen que pasar unha especie de período de corentena entregando o seu leite a unha queixaría para poder pasarse despois a outra industria", relata.
Presentamos facturas de leite cobrado a 25 céntimos, eses son os gandeiros aos que compensa de verdade seguir para diante coa reclamación
Outros exemplos da estratexia concertada por parte das empresas lácteas sería, a xuízo do SLG, o feito que "a maioría de empresas están a aproveitar nestes momentos a Lei da Cadea Alimentaria para rescindir contratos e todas están a baixar o prezo a 29 céntimos, esas dúas cousas están a copialas e facendo todas agora o mesmo", insiste. O mesmo ocorre, di Xulio, no caso do leite ecolóxico, onde "ata o de agora había competencia e os prezos eran bos pero parece que xa se están poñendo de acordo e os prezos están a caer", afirma. Finalmente, Xulio recomenda aos gandeiros que non se deixen levar por cantos de serea de grandes indemnizacións e, aínda que enviasen o burofax interrompendo os plazos de prescrición, estuden e valoren o seu caso concreto antes de presentar a demanda definitiva nos tribunais, xa que a contía para percibir vai ser moi distinta en función das circunstancias de cada explotación. "En ningún lugar da resolución da CNMC se fala de 3 céntimos por litro de leite entregado, iso demóstrase despois, e esa contía sae de calcular un prexuízo dun 10% sobre un prezo teórico de 30 céntimos, pero nós tramitamos reclamacións de gandeiros aos que estiveran pagando o leite a 25 céntimos, eses son aos que compensa de verdade tirar para adiante coa reclamación", afirma. Tanque de leite nunha granxa galega

ASAGA: "Hai moito bulo interesado das industrias sobre que van repercutir a multa no prezo do leite"

Tamén relata presións das empresas Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga) está a traballar con Sabín Avogados, o bufete santiagués que representou a 17.000 afectados e 70 confrarías tralo desastre do Prestige, e que tramita unha cifra aproximada de 400 reclamacións de gandeiros neste momento. "Independentemente de que uns avogados sexan máis optimistas que outros e que se saque un resultado ou outro, está demostrado que houbo a existencia do cártel, esperemos que se faga xustiza", afirma Francisco. Pero os anos transcorridos dificultan nalgúns casos a presentación das reclamacións. "Nestes anos houbo xente que xa se xubilou, outros que formaron ou se integraron nunha SAT; o proceso de tramitación e reunión da documentación é laborioso e complicado e hai casuísticas de todo tipo. Hai xente que mesmo perdeu os papeis das entregas e é difícil reunir facturas ás veces despois de 20 anos", indica.
Está demostrado que houbo a existencia do cártel, esperemos que se faga xustiza
Ás dificultades inherentes ao paso do tempo únense as presións, abertas ou máis sibilinas, das propias industrias. "Hai moita incerteza e a xente ten certo medo, sobre todo a que segue en activo e entregando á mesma industria desde hai moitos anos, porque se correu a voz de que as industrias van repercutir a multa no prezo do leite. Está habendo moito rumor e moito bulo interesado por parte das propias industrias", denuncia. Con todo, Francisco constata que a última hora moitos gandeiros decidíronse a dar o paso de denunciar á súa empresa. "Esta última semana foi unha tolemia, houbo unha avalancha de consultas", asegura. Asaga non buscou avogados fóra de Galicia. "Queriamos que fosen de aquí e negociamos con eles para que só cobren no caso de que venzan, será unha porcentaxe, o 10%, do realmente cobrado, non do reclamado", aclara.
Hai xente que mesmo perdeu os papeis das entregas, é difícil reunir facturas ás veces despois de 20 anos
Esta semana presentaron xa unha primeira quenda de reclamacións e se o prazo finalmente se alongase reunirán un segundo lote de envíos. "Nós xa lle estimamos unha cantidade a cada gandeiro nos burofaxes que estamos a enviar, pensamos que desta forma as solicitudes teñen máis consistencia", conclúe. Hainas dunha contía importante, próxima ao millón de euros, e outras de menor importe, pero en total as reclamacións tramitadas por Asaga suman unha cifra que roldaría os 15 millóns de euros en indemnizacións, a maioría esixidas a industrias sancionadas hai un ano pola CNMC, pero tamén nalgún caso contra empresas que non figuran como integrantes do cártel en base á responsabilidade solidaria que se desprende da resolución de Competencia. Vacas en produción nunha explotación da provincia de Lugo

Agromuralla: "Trátase de cantidades importantes que axudarán a paliar os baixos prezos que seguimos sufrindo"

Na provincia de Lugo, case 300 gandeiros tramitaron as súas reclamacións a través da asociación Agromuralla. O seu presidente, Roberto López, espera que as resolucións nos tribunais sexan favorables ás demandas dos gandeiros e que se poidan recuperar "as cantidades que os produtores deixamos de percibir durante máis dunha década, importantes ingresos que son froito do noso traballo e esforzo, que nos pertencen e que temos dereito a recuperar". "Trátase de cantidades moi importantes que sen dúbida axudarán á viabilidade de moitas das nosas explotacións e a paliar os baixos prezos en orixe que seguimos percibindo a día de hoxe", asegura o presidente de Agromuralla. E insiste: "ademais de recuperar un diñeiro que é noso, só coa reclamación dos danos sufridos poderemos lograr que non se repitan estas condutas irregulares en contra dos produtores". "Debemos facernos respectar e defender o noso traballo e o futuro das nosas familias, igual que fixemos en 2015 cando sacamos os nosos tractores á rúa", lembra en referencia ás tractoradas polos baixos prezos do leite dese ano, xerme da constitución da asociación creada na provincia de Lugo.
Como resultado das prácticas das industrias, unha alta porcentaxe de explotacións gandeiras pecharon durante estes anos e os que continuamos fixémolo recibindo un prezo inferior por cada litro de leite que vendiamos
Segundo ditaminou hai un ano a CNMC, debido aos acordos entre as industrias, os gandeiros non tiñan marxe para negociar os prezos nin para cambiar de empresa, o que provocaba en moitos casos a venda a perda do leite. "Durante anos non tivemos máis opción que escoller entre vender a nosa produción perdendo diñeiro ou non vender e ter que tirar o leite que producían as nosas vacas, co custo que isto conlevaba. Como resultado, unha alta porcentaxe de explotacións gandeiras pecharon durante estes anos e os que continuamos fixémolo recibindo un prezo inferior por cada litro de leite que vendiamos", lembra Roberto López. Agromuralla chegou a un acordo co bufete madrileño Eskariam, unha empresa especializada en demandas colectivas apoiado por un fondo de investimento internacional e que defendeu a camioneiros no caso do cártel dos fabricantes. Eskariam, que levou a cabo unha forte campaña publicitaria en Galicia, suma en toda España máis de 1.700 gandeiros ao que denomina "macro-demanda contra o cártel do leite", por un valor que está próximo aos 1.000 millóns de euros, aínda que debido ao gran volume de novas solicitudes que recibiron na recta final deste proceso, prevé alcanzar os 2.200 reclamantes, dos que a metade se atoparían en Galicia, onde ademais das 300 solicitudes tramitadas por Agromuralla en Lugo tiveron unha importante presenza noutras das principais zonas produtoras, por exemplo na comarca de Xallas. Castela e León e Asturias acapararían o groso das reclamacións de Eskariam no resto de España.
A normativa europea establece un prazo de prescrición de 5 anos. Nós cremos que finalmente se vai dar esa opción, o que daría a oportunidade para seguir reclamando, sobre todo a gandeiros xubilados e explotacións que a día de hoxe aínda non deron o paso
Eskariam, que nun principio defendía que o prazo finalizaba este sábado 11 de xullo, está a publicitar nestes momentos a súa ampliación ao mes de setembro. Marcos López Mallo, de AC Avogados, despacho colaborador de Eskariam na provincia da Coruña, xustifica o cambio: "O Tribunal Supremo declarou que o prazo de prescrición é improrrogable e non se pode suspender. Por tanto, a pesar da declaración do Estado de Alarma, mantivemos como prazo máximo para reclamar a data do 11 de xullo para evitar que as empresas puidesen alegar que as indemnizacións estaban prescritas por chegar despois desa data. Pero seguiremos tramitando solicitudes ata setembro en base ao Decreto de Estado de Alarma, que xustificaría a ampliación do prazo. Incluso a normativa europea establece que pode haber un prazo de prescrición de 5 anos. Nós cremos que finalmente se vai dar esa opción, pero a día de hoxe non hai nada formal e non se pode dar garantías ao gandeiro nese sentido. Probablemente a finais de ano xa poida haber unha base xurídica para esa ampliación ata 2024, o que daría a oportunidade para seguir reclamando, sobre todo a gandeiros xubilados e explotacións que pechasen e que a día de hoxe aínda non deron o paso", salienta. Sala de muxido na provincia da Coruña

Caruncho, Tomé & Judel: "Os gandeiros perderon o medo, un boicot das empresas sería imposible"

Un dos despachos galegos que se prestou a defender aos gandeiros nesta causa é o bufete coruñés Caruncho, Tomé & Judel, especializado en materia de competencia e cunha dilatada experiencia contra as prácticas de diferentes cárteles, xa que gañaron ao dos fabricantes de camións e agora enfróntanse ao das industrias lácteas, que pactaron prezos de compra durante anos, segundo ditaminaron as autoridades de Competencia. O avogado Ignacio Caruncho, director deste despacho con sede na Coruña, constata que "ao principio os gandeiros manifestaban medo a que as industrias lles fixesen boicot e lles deixasen de comprar o leite, pero ao ver que hai tantos que van reclamar nas últimas semanas moitos perderon o medo, porque un boicot con este número de reclamacións é imposible, é distinto que reclamen dous a que sexan miles os que o fagan", afirma.
As empresas xóganse moito diñeiro e non van chegar a acordos
O seu despacho tramita medio milleiro de casos en toda Galicia, en provincias como A Coruña, Lugo ou Pontevedra, pero tamén en Asturias, León ou Valladolid. "Foi moi rápido, unha avalancha, e hai casos de todo tipo, granxas en activo de máis de 200 vacas pero outras de 7 vacas, moitas xa xubiladas, todas son ben recibidas e todas reciben o mesmo trato, porque non é unha cuestión de negocio, senón de xustiza, estafáronos e imos tentar que se lles restableza esa cantidade", explica Ignacio. Dada a súa experiencia en casos deste tipo, asegura que "as empresas xóganse moito diñeiro e non van chegar a acordos cos gandeiros demandantes. Só no caso Bankia, e unha vez que xa perderan unha chea de demandas con costas, o banco decidiu negociar cos afectados". Pero considera que "non debería haber problema para que os gandeiros gañasen, porque os feitos están probados xa. É só unha cuestión de cuantificar o importe da indemnización, que esa cuestión resólvela cun bo informe pericial. Pero esa é a única discusión, o outro non, os feitos xa están investigados e probados pola CNMC, só falta que o ratifique a Audiencia Nacional", advirte.
Non debería haber problema para que os gandeiros gañasen, porque os feitos están probados xa. É só unha cuestión de cuantificar o importe da indemnización, esa é a única discusión, o outro non, os feitos xa están investigados e probados pola CNMC
"Agora empeza a guerra pero hai que actuar con prudencia porque en cuestión de dereito da competencia en España non había experiencia nesa materia ata o cártel dos camións, en EEUU por exemplo si. Pero esas pautas que deu aos xulgados o caso dos camións van vir moi ben neste novo procedemento", asegura. "As sancións impostas teñen que adquirir firmeza e unha vez que iso suceda xa hai máis seguridade á hora de demandar, aínda que as demandas pódense presentar xa mañá mesmo se se quere, pero nun procedemento deste tipo non presentas o groso das reclamacións todas xuntas, primeiro vas ver como respiran os xulgados. Desde que presentas a demanda nun ano podería haber sentenza, un proceso xudicial coma este non debería de ser moi longo", engade. En canto aos prazos para reclamar, "falariamos dun prazo ordinario que finalizaría o día 11 de xullo e dun prazo extraordinario. Pero está ben que haxa un prazo extraordinario para que os que quedaron rezagados non queden fóra. Despois está a discusión de se hai un ano ou 5 anos para exercer o dereito de indemnización, baseándonos nunha directiva comunitaria de recente trasposición ao ordenamento xurídico español, pero o prudente é evitar ese tipo de cuestións e interromper a prescrición no prazo dun ano, que coa ampliación polo coronavirus acabaría en setembro. Con toda probabilidade serán finalmente 5 anos pero non é algo seguro e se a xente se confía pódese quedar finalmente fóra por iso", alerta. Vista aérea das instalacións dunha das ganderías máis grandes da provincia de Lugo

Lucuslex: "A xente non pode dar por gañado este caso nin moito menos, é un tema complexo"

Igual que Sabín Avogados, de Santiago, e Caruncho, Tomé & Judel, da Coruña, Lucuslex, de Lugo, tamén puxo o seu gran de area para defender aos gandeiros galegos nesta causa. Levan xa unhas 550 reclamacións, unhas 350 na provincia de Lugo e outras 200 no resto de Galicia. A maioría son de ganderías en activo e dun volume importante, xa que defenden a algunha das explotacións máis grandes da provincia de Lugo. "Estamos un pouco decepcionados porque non se está informando como se debería á xente. O primeiro que non se está explicando é que a sanción non é firme e está recorrida polas industrias. A xente non pode dar por gañado este caso nin moito menos, porque é un tema complexo e, pola nosa experiencia nestes asuntos, van pasar polo menos dous ou tres anos ata que se resolva", advirte Adrián Núñez, que está a coordinar as reclamacións de Lucuslex.
O primeiro que non se está explicando é que a sanción non é firme e está recorrida polas industrias. E vai ser clave que informe pericial utiliza cada un, porque son cálculos econométricos complexos que non pode facer un economista calquera
"Nós somos un despacho de 8 avogados de Lugo, non nos imos a marchar cando isto pase e queremos ser claros cos clientes, por iso tivemos contacto directo e persoal con cada unha destas explotacións", engade. Desde o principio, Lucuslex defendeu que "o prazo non finaliza o día 11". "O prazo é de 5 anos por trasposición dunha directiva europea, pero somos os primeiros que estamos a interromper prescrición por cautela e prudencia, pero ese prazo do 11 de xullo é irreal", asegura Adrián. Para o éxito das demandas considera que "vai ser clave que informe pericial utiliza cada un, porque son cálculos econométricos complexos que non pode facer un economista calquera. Nós optamos por Compass Lexecom, que xa participou no cártel dos camións, que é o antecedente lóxico neste caso", di. Vacas volvendo do pasto nunha explotación lucense

4atro: "Dame pena que as explotacións que tiveron que pechar polos baixos prezos do leite non reclamen"

Da unión puntual para este caso doutros tres despachos de avogados de Lugo xurde 4atro. Jacobo Vázquez, un dos integrantes do equipo, explica que tamén no seu caso a maior parte de reclamantes son gandeiros que continúan producindo leite a día de hoxe. "Son os que están máis ao día das cousas e máis informados e aínda que lles custe ás veces tomar a decisión por medo a represalias, ao final decídense a reclamar porque en moitos casos a contía que lles corresponde é importante", indica. Como os demais bufetes, 4atro está a enviar burofaxes para interromper a prescrición aínda que considera que se poden presentar reclamacións ata setembro. "Xuridicamente é defendible poder chegar ata setembro pola interrupción de prazos procesuais que supuxo o coronavirus, aínda que nós preferimos tamén presentar antes do día 11 as que xa temos para curarnos en saúde e evitar que as industrias poidan ter a máis mínima fenda para opoñerse", indica.
Sexa con quen sexa, o importante é que os gandeiros reclamen. Aos que seguen en activo cústalles tomar a decisión pero son os que están máis informados
Do centenar de clientes que conseguiron en Lugo, A Coruña e o occidente asturiano, "o 80% son persoas en activo e o 20% restante xubilados", conta. "Dáme pena que as explotacións que tiveron que pechar polos baixos prezos do leite non reclamen, pero nalgúns casos a persoa que era titular xa faleceu e son os herdeiros os que teñen que facelo", explica. Jacobo considera que entre os gandeiros xubilados hai unha "bolsa importante" de persoas con dereito a indemnización que poderían recuperar un diñeiro que lles pertence e que serviría para completar as súas pensións, dado que os cotizantes galegos do réxime agrario están entre os pensionistas que cobran as pensións máis baixas de todo o Estado. Por iso, di, chegar aos xubilados ou ás explotacións que pecharon para animalos a reclamar é a grande materia pendente deste caso. "Son xente que traballou moi duro e dos que a industria se aproveitou sen ningún tipo de escrúpulo", lamenta.

A Comisión Europea focaliza na gandeiría a súa cruzada contra as emisións agrícolas

Bruxelas focaliza o problema das emisións agrícolas no sector gandeiro ao afirmar que o 70% das emisións proceden da gandería (metano e ácido nitroso). Ademais, indica, o 68% das terras agrícolas están destinadas á produción animal (39,1 millóns de hectáreas de cereais e oleaxinosas e 70,7 millóns de hectáreas de pasteiros en 161 millóns de hectáreas de terras agrícolas nos 27 países da UE, segundo os datos de Eurostat relativos a 2019). Dentro do Pacto Verde Europeo e nun dos seus documentos esenciais, o da Estratexia Da granxa á mesa –impulsada pola comisaria de Saúde e Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, e non polo comisario de Agricultura, Janusz Wojciechowski–, a Comisión Europea pretende reducir o impacto ambiental e climático da produción animal mediante o desenvolvemento dunha produción gandeira que mellore o benestar dos animais e reduza a pegada ambiental. No Plan de Acción da Estratexia Da granxa á mesa, que conta cun total de 27 medidas, tres delas fan referencia especificamente ao sector gandeiro: por exemplo, a avaliación e revisión da lexislación vixente en materia de benestar animal, así como a relativa ao transporte e ao sacrificio de animais (prevista para 2023); a proposta de revisión do Regulamento de aditivos para pensos a fin de reducir o impacto ambiental da gandería (2021); e a iniciativa da UE sobre a captura de carbono en chans agrícolas (prevista no terceiro trimestre de 2021).
A lexislación en materia de benestar animal, transporte e sacrificio será modificada no 2023
"A Comisión está a levar a cabo unha revisión do programa de promoción da UE para produtos agrícolas, con miras a aumentar a súa contribución á produción e o consumo sostibles, e en consonancia coa evolución das dietas. En relación coa carne, esa revisión debería centrarse no modo en que a UE pode utilizar o devandito programa de promoción para apoiar os métodos de produción gandeira máis sostibles e eficientes en materia de carbono", propón Bruxelas.
Bruxelas pretende reducir a dependencia da soia importada con proteínas vexetais cultivadas na UE, así como con produtos de orixe mariña como as algas ou os desperdicios de peixe
Para axudar a reducir o impacto ambiental e climático da produción animal, evitar a fuga de carbono a través das importacións e apoiar a transición en curso cara a unha gandería máis sostible, a Comisión facilitará a comercialización de aditivos alimentarios sostibles e innovadores. Examinará as normas da UE para reducir a dependencia de materiais de alimentación críticos (por exemplo, soia cultivada en terras deforestadas en lugares como Brasil) mediante o fomento de proteínas vexetais cultivadas na UE, así como materiais de alimentación alternativos, por exemplo algas e subproductos da bioeconomía como o desperdicio de peixe. "Facilitarase asímesmo a introdución no mercado de aditivos sostibles e innovadores para pensos que axuden a reducir a pegada de gases de efecto invernadoiro e a contaminación da auga e do aire asociadas", anuncia o Executivo comunitario. Alternativas á carne na dieta Bruxelas pretende reeducar aos europeos na súa forma de comer, modificando hábitos de consumo e reequilibrando a dieta da poboación cara a un maior consumo de vexetais en detrimento de outros produtos de orixe animal, como a carne ou os derivados lácteos, argumentando beneficios para a saúde e o medio ambiente. "En xeral, as dietas europeas non están en liña coas recomendacións dietéticas nacionais, e a contorna alimentaria non garante que a opción saudable sexa sempre a máis doada. Se as dietas europeas estivesen en liña coas recomendacións dietéticas, a pegada ambiental dos sistemas alimentarios reduciríase significativamente", xustifica o Executivo comunitario.
Se as dietas europeas estivesen en liña coas recomendacións dietéticas, a pegada ambiental dos sistemas alimentarios reduciríase significativamente, afirma a Comisión Europea
Pero a UE dá mesmo un paso máis aló. De feito, o programa Horizonte Europa "fomentará a investigación para aumentar a dispoñibilidade e o abastecemento de proteínas alternativas, como as proteínas vexetais, microbianas, mariñas e baseadas en insectos, e os substitutos da carne", avanza a Comisión. Maiores restricións aos antibióticos na produción gandeira Vendas de antibióticos por cabeza de ganado en España en comparación coa media comunitaria Para desenvolver o Pacto Verde e a Estratexia Da granxa ao garfo a UE aprobará en 2021 unha lexislación máis restritiva en materia de uso de antibióticos, pesticidas e fertilizantes químicos. Calcúlase que as resistencias aos antibióticos provocan a morte de 33.000 persoas cada ano no conxunto da Unión Europea e que, de seguir a tendencia actual, en 2050 morrería máis xente por resistencias bacterianas que por cancro.
As vendas de antibióticos en España en 2016 foron as segundas máis altas na UE despois de Chipre e son 2,5 veces superiores á media da UE
"As vendas en axentes antimicrobianos veterinarios en mg por cabeza en España aumentaron ata 2014 e diminuíron en 2015 e 2016. As vendas en España en 2016 –350mg por cabeza– foron as segundas máis altas na UE (despois de Chipre) e son máis de 2,5 veces máis alta que a media da UE –que se sitúa por baixo de 150mg–", indica a Comisión Europea. España, moi lonxe dos obxectivos fixados para redución de amoníaco Evolución das emisións de amoníaco en España e no conxunto de países da UE Do mesmo xeito que nos obxectivos de redución do uso de antibióticos España atópase moi atrasada a respecto do resto de países da UE, o noso país tamén se atopa moi por detrás da evolución comunitaria na minoración das emisións de amoníaco á atmosfera. As emisións de amoníaco (NH3) da gandería constitúen, ademais dunha perda económica para o gandeiro, un dano ao medio ambiente pola contaminación do aire, os chans e as augas e un dano para a saúde. E é que a agricultura e a gandería son responsables en España do 91% das emisións de amoníaco, sobre todo o sector porcino, o principal emisor deste gas contaminante en España. Para atallar este problema, Bruxelas, a través do Protocolo de Gotemburgo, estableceu un réxime de teitos nacionais, ou cotas de emisións de amoníaco, de forma que a partir do ano 2020 deberanse reducir as emisións nacionais nun 3%, respecto ao ano 2005, e nun 16% a partir do ano 2030.
España é o país da UE que máis se desvía dos obxectivos fixados no Protocolo de Gotemburgo, superando nun 47% os valores de emisións fixados
Con todo, no último inventario remitido en marzo de 2019, o Estado Español superaba, en 165 kt de NH3, o límite de 353 kt asignado na Directiva de Teitos para España entre 2010 e 2019, o que equivale a un 47% por encima do acordado, sendo España o Estado da UE que en maior proporción se desviaba dos valores de emisións fixados. Hai unha tendencia á baixa na emisión total de amoníaco da agricultura na UE desde 1999, cando roldaban os 4 millóns de toneladas anuais, aínda que están a aumentar desde 2013, situándose en 2016 en 3,6 millóns. "España está moi lonxe de alcanzar os obxectivos de emisión de NH3 para 2020 (-3% en comparación con 2005) e 2030 (-16%) segundo o establecido pola Directiva NEC. En 2016, as emisións de NH3 aumentaron un 0,8% en comparación con 2005. En xeral, a emisión en España é bastante estable no tempo, fluctuando entre 400.000 e 500.000 toneladas. Hai unha diminución na emisión de amoníaco entre 2003 e 2012, pero aumenta de novo a partir de 2013", reprocha a Comisión Europea a España.
Segundo a Directiva NEC, España debe reducir as emisións de amoníaco un 3% en 2020 e un 16% en 2030 en comparación con 2005
A Directiva (UE) 2016/2284 de Teitos Nacionais de Emisión (NEC), relativa á redución das emisións de determinados contaminantes atmosféricos, en concreto, dióxido de xofre (SO2), óxidos de nitróxeno (NOx), compostos orgánicos volátiles non metánicos (COVNM), amoníaco (NH3) e partículas finas (PM2,5), impón a elaboración, adopción e aplicación, a cada Estado membro, de programas nacionais de control da contaminación atmosférica e o seguimento das emisións e os seus efectos. Co fin de cumprir os compromisos nacionais de redución de emisións e evitar as sancións de Bruxelas, o Goberno español aprobou en 2019 o Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica, que fixa prioridades, obxectivos e medidas para os distintos sectores, entre eles a agricultura e a gandería. Deseñado para o horizonte 2020-2030, inclúe un catálogo de 50 medidas agrupadas en 8 paquetes sectoriais: mix enerxético; transporte; industria; eficiencia enerxética en vivendas, comercios e oficinas; residuos; agricultura; restos de poda e gandería. Medidas incluídas no Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica Entre outras medidas, inclúese a alimentación multifase en todas as especies gandeiras e o axuste do contido en proteína bruta tendo en conta as necesidades dos animais, medidas de xestión de estercos, como a evacuación frecuente do esterco almacenado no lugar de cría dos animais e a incorporación de medidas de redución de emisións de amoníaco en establos e granxas de nova construción para gando bovino, porcino e avícola ou en obras de ampliación ou modificación das instalacións existentes.
O Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica obriga a axustar o contido en proteína bruta da alimentación en función das necesidades dos animais
No Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica o Ministerio para a Transición Ecolóxica insiste en cargar sobre o sector de vacún a responsabilidade de reducir as “cotas de emisións” de amoníaco nos próximos anos, cos gastos para os gandeiros que isto suporá tal e como se expoñen algunhas das medidas, mentres permite que o porcino, o principal emisor deste gas contaminante en España, siga incrementando a súa cota nacional de emisións, segundo se contempla no Plan de Proxeccións por sectores presentado hai un ano. Balance de fósforo e nitróxeno No Programa Nacional de Control da Contaminación Atmosférica tamén se fixa o límite do 30% das necesidades de nitróxeno na achega de forma ureica, a prohibición de aplicación do xurro en abanico, o enterramento de estercos, o establecemento de plans de abonado, o balance de nitróxeno dos chans e o rexistro de operacións no caderno da explotación. O balance bruto de nutrintes proporciona unha estimación do impacto potencial da agricultura na calidade da auga e a súa posible contaminación. Os indicadores baséanse na contaminación por nitratos e fosfatos. "Cando o nitróxeno (N) e o fósforo (P) se aplican en exceso, poden causar contaminación e eutrofización das augas superficiais e subterráneas. O excedente de nitróxeno en España varía entre 27 e 40 kg N/ha por ano entre 1995 e 2015. O excedente de fósforo diminuíu lixeiramente co tempo de 6 kg/ha/ano en 1995 a 4 kg/ha/ano en 2015", indica a análise da Comisión Europea. Excedente de fósforo e nitróxeno nos solos agrícolas en España en comparación coa media da UE En Europa países como Irlanda, Holanda ou Alemaña teñen problemas de contaminación de acuíferos por fertilizantes. No caso español, Bruxelas destaca que o 46% das analíticas de auga subterránea en España en 2012 foron de alta calidade fronte ao 32% de mala calidade, que o 14% das terras agrícolas en España estaban baixo contratos para mellorar a xestión da auga en 2017 e que a área en risco de erosión do chan en 2012 en España situábase un 9,6% por encima da media da UE. A nivel rexional, a taxa de perda de chan é a máis alta no sur de España e menor no norte. A orientación que Europa está a darlle á nova Política Agraria Común (PAC), que se espera para o 2022, elevará os requisitos que terán que cumprir as explotacións. As ganderías terán que medir as súas emisións e comprometerse a reducilas, tanto de gases de efecto invernadoiro, caso do CO2 ou do metano, como doutros gases que afectan á saúde, como o amoníaco. O Ministerio está a traballar nunha ferramenta informática, Ecogan, que permitirá calcular as emisións de cada granxa e valoraranse nos pagos da PAC as medidas de mitigación que poderán adoptar as gandeirías.
A medición das emisións por granxa e o establecemento de compromisos de redución é unha das cuestións que se establecerán na próxima PAC
"A Comisión promoverá o obxectivo de cero contaminación por fluxos de nitróxeno e fósforo dos fertilizantes mediante a redución das perdas de nutrintes en polo menos un 50%, á vez que garante que non haxa deterioración na fertilidade do chan. Isto dará como resultado a redución do uso de fertilizantes en polo menos un 20%. Isto lograrase implementando e aplicando a lexislación ambiental e climática comunitaria na súa totalidade, identificando cos Estados membros as reducións de carga de nutrintes necesarias para lograr estes obxectivos, aplicando unha fertilización equilibrada e un manexo sostible de nutrintes, e administrando mellor o nitróxeno e o fósforo ao longo do seu ciclo de vida. Con esta fin, a Comisión traballará cos Estados membros para desenvolver un Plan de Acción de Manexo Integrado de Nutrintes en 2022", anuncia o Executivo comunitario no documento da Estratexia de Biodiversidade para 2030, a outra das patas fundamentais do Pacto Verde xunto á Estratexia Da granxa ao garfo. A medición das emisións por granxa e o establecemento de compromisos de redución é unha das cuestións que se establecerán na próxima PAC a través de ecoesquemas, uns pagos adicionais cos que se quere incentivar ao sector para implicarse na mitigación do cambio climático e na conservación da biodiversidade. Entre os compromisos de xestión ambiental que deberán cumprir as explotacións dentro da "condicionalidade reforzada" da futura PAC estarían o complimiento da Directiva de Nitratos e a Directiva Marco da Auga, o uso da Ferramenta de Sustentabilidade Agrícola para Nutrintes, que proporcionará servizos adicionais para o manexo sostible de cultivos (auga, pesticidas, micronutrintes) e o establecemento de faixas de amortiguación de 5 metros de ancho ao longo dos cursos fluviais, algo con gran incidencia en Galicia, dado o importante número de ríos e regatos existentes.
Ademais das faixas de protección sen abono de 5 metros en leitos fluviais, primarase que en certas zonas non se supere un máximo 13 kg de nitróxeno, 40 de fósforo e 40 de potasio por hectárea de terra de cultivo ao ano
A maiores, primarase a aplicación por parte das explotacións doutras medidas voluntarias, coñecidas como eco-esquemas, como a limitación da fuga de nutrintes mediante o establecemento dunha cuberta vexetal que evite o chan espido no inverno antes dos próximos cultivos de primavera ou a introdución de cambios nos sistemas de cultivos herbáceos cara a un enfoque máis eficiente no uso de insumos en certas áreas definidas en base á Directiva Marco da Auga, o que incluiría a limitación do uso de nutrintes a un máximo 13 kg de nitróxeno, 40 kg de fósforo e 40 kg de potasio por hectárea de terra de cultivo por ano e o uso reducido de pesticidas (un máximo 3 doses de produtos de protección de planta utilizados por hectárea durante unha tempada de cultivo). Aumento da carga gandeira por perda de superficie Bruxelas fai fincapé nos valores dos pastos permanentes tanto como reservorio de biodiversidade como sumidoiro para a captura de carbono, polo que fomentará este tipo de praderías na nova PAC 2021-2027, pero alerta de que en España, "o 30% dos pasteiros ten un estado de conservación desfavorable-inadecuado e só o 15% estaba nun estado favorable en 2012". Estas porcentaxes son valores medias para toda España, explicando que as áreas máis favorables atópanse no norte do país, mentres que a dehesa no suroeste de España indícase como máis desfavorable.
A Comisión Europea anuncia para o terceiro trimestre de 2021 a presentación dunha Iniciativa da UE sobre a captura de carbono en chans agrícolas
O número total de ganderías diminuíu entre 2005 e 2016 en España de aproximadamente 1.080.000 a 945.000. O tamaño medio das explotacións mantívose estable entre 24 e 25 hectáreas no mesmo período de tempo pero en conxunto a área agrícola total diminuíu nestes anos de 25,7 millóns de hectáreas en 2005 a 23,7 millóns de hectáreas en 2016.
En 10 anos perdéronse 2 millóns de hectáreas de superficie agraria pero a cifra de cabezas de gando mantívose estable en 14,5 millóns
Dado que "o número de unidades gandeiras mantívose bastante estable no tempo en España, en ao redor de 14,5 millóns de cabezas, a densidade de gando (calculada como o número total de unidades de gando por área agrícola total utilizada) aumentou de 0,56 en 2005 a 0,61 en 2016", indica a Comisión Europea.
A área agrícola de pastoreo extensivo representa no conxunto español un terzo do total da Superficie Agraria Útil aínda que o estado de conservación dos pastos permanentes é inadecuado, destaca Bruxelas
Entre tanto, a área agrícola de pastoreo extensivo (área de baixa produción gandeira por baixo de 1 cabeza por hectárea de área de forraxe) mantívose estable entre 2005 e 2013, ao redor do 33% do total da Superficie Agraria Útil. Árbores, sebes e peches verdes para lograr maior biodiversidade "Cos anos, a Política Agrícola Común (PAC) agudizou o seu enfoque no coidado do medio ambiente e o clima, con certo éxito. Entre outras cousas, as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) do sector agrícola da UE diminuíron, os agricultores reduciron significativamente o uso de fertilizantes á vez que aumentan os rendementos e, nalgúns aspectos, a protección dos hábitats de vida silvestre mellorou", destaca Bruxelas, que con todo chama a atención sobre a diminución das especies de aves e polinizadores. O indicador de aves de terras agrícolas está deseñado como un barómetro de cambio para a biodiversidade das paisaxes agrícolas en Europa. O indicador é un índice composto que mide a taxa de cambio na abundancia relativa de especies de aves comúns en sitios seleccionados e os recontos de poboación levanse a cabo por unha rede de ornitólogos voluntarios. A lista de especies da UE cobre actualmente 39 especies que dependen das terras de cultivo para alimentarse e aniñar e non poden prosperar noutros hábitats. En España, este índice de aves de terras agrícolas diminuíu un 16%, pasando de 100 en 2000 a 84,2 en 2008.
Non se poderán arar os pastos permanentes en Rede Natura e haberá que manter un mínimo dun 5% da SAU con árbores ou estanques
Para frear esta deterioración, a futura PAC incide na conservación de hábitats e paisaxes de forma que a actividade agrícola e gandeira contribúa á protección da biodiversidade. Entre outras medidas, na condicionalidade post 2020 será necesario manter un mínimo dun 5% das terras agrícolas dedicadas a sebes, árbores en liña, peches verdes ou estanques (de forma opcional, primado con máis fondos, poderá incrementarse esta porcentaxe de SAU da explotación ata o 10%) e prohibirase cortar sebes e árbores durante a tempada de reprodución e cría de aves (de abril a xullo). Ademais, prohibirase converter ou arar todos os pasteiros permanentes existentes nos lugares declarados como Rede Natura 2000, algo que nunha rexión como Galicia tamén terá enorme incidencia, dada a alta porcentaxe de territorio incluído dentro da Directiva Hábitats.

O sector agrogandeiro español produce o 8% do total de emisións agrícolas da UE

Comparación da evolución dos gases de efecto invernadero en España e a media da UE O sector agrogandeiro español produce 39 millóns de xigatoneladas equivalentes de CO2 anuais, o 8% do total da UE. "As emisións totais de gases de efecto invernadoiro da agricultura (incluídas as emisións das terras de cultivo e os pasteiros) mantivéronse estables en España entre 1995-2016 mentres descendían un 12% no conxunto da EU-28, aínda que fluctuaron entre un máximo de 39,4 millóns de xigatoneladas equivalentes de CO2 en 2004 e un mínimo de 30,6 millóns de xigatoneladas en 2016 en España. Ademais, a participación da agricultura nas emisións netas totais españolas tivo altibaixos e desde 2004 é inferior á media da UE", destaca a Comisión Europea no documento de avaliación da situación por países previo á aprobación dos respectivos Plans Estratéxicos Nacionais da PAC 2021-2027. Na actualidade, o 12% dos gases de efecto invernadoiro que se producen no conxunto da UE proceden da agricultura e a gandería mentres a produción e o uso de enerxía no resto de sectores representa máis do 75% das emisións causantes do quecemento global na UE, onde o 40% do consumo enerxético corresponde aos edificios e onde o transporte representa outro 25% das emisións totais.
A gandería sería en España responsable do dobre de emisións que a agricultura, segundo os datos do Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro
Segundo un estudo recente elaborado pola consultora internacional Liken Carbon Hub e publicado pola Fundación Naturgy, en España a gandería sería a causante o 8% das emisións de gases de efecto invernadoiro, o dobre que as prácticas agrícolas, que equivalerían a outro 4% do total de gases causantes do quecemento global. O estudo recolle a evolución das emisións de gases de efecto invernadoiro desde 2005 ata 2018, extraídas fundamentalmente do Inventario Nacional de Gases de Efecto Invernadoiro (INGEI), que engloba as actividades agrogandeiras dentro da apartado "Agricultura". As emisións agrupadas neste epígrafe engloban principalmente as seguintes actividades ou fontes xeradoras de emisións: As emisións procedentes da gandería: • Fermentación entérica: recolle as emisións de metano (CH4) xeradas nos procesos de fermentación entérica que ocorren no sistema dixestivo de certas especies animais. • Xestión do esterco: recolle as emisións de CH4 producidas polo esterco ata o seu destino final. O valor das emisións depende da cantidade de excreta e do seu tipo de xestión. As emisións procedentes das prácticas agrícolas: • Cultivo de arroz, esencialmente vinculadas á emisión de CH4, producida como consecuencia das especificidades do seu cultivo. • Chans agrícolas, que comprende todas as fontes de nitróxeno que se aplican ao chan e que son emisoras de óxido nitroso (N2O) por vía directa e indirecta (por deposición e lixiviación ou escurrimiento). • Queima de residuos agrícolas no campo. • Emenda calcaria: esta actividade contabiliza o dióxido de carbono (CO2) que se libera tras a aplicación de carbonatos de calcio e magnesio aos chans agrícolas para corrixir a acidez. • Aplicación de urea: esta categoría contabiliza o dióxido de carbono (CO2) que se libera trala aplicación de urea aos chans agrícolas. Só se considara a urea sintética, xa que o CO2 procedente de urea animal é bioxénico e non computa no Inventario Nacional. • Outros fertilizantes que conteñen carbono. No subsector da agricultura a principal actividade emisora está representada polos chans agrícolas (30% das emisións), que integra as fontes de nitróxeno que se aplican ao chan e que son emisoras de óxido nitroso (N2O) xa sexa por vía directa ou indirecta (por deposición ou lixiviación). No pediodo estudado, aumentaron porcentualmente as emisións consecuencia da fertilización química con produtos a base de urea e diminuíron as que proceden do encalado das terras, así como das queimas de restos ou residuos agrícolas.
A emisión de CH4 e N2O por hectárea de SAU en España está por baixo da media da UE
Procedentes da gandaría, as emisións de CH4 procedentes da fermentación entérica e da xestión de esterco constitúen, cunha achega de 44% e 22% das emisións, as dúas categorías con maior participación nas emisións totais. As emisións agrícolas reducíronse un 20% na UE "O cambio climático e a degradación do medio ambiente son unha ameaza existencial á que se enfrontan Europa e o resto do mundo. Para superar estes retos, Europa necesita unha nova estratexia de crecemento que transforme a Unión nunha economía moderna, eficiente no uso dos recursos e competitiva, onde deixen de producirse emisións netas de gases de efecto invernadoiro en 2050, o crecemento económico estea disociado do uso de recursos e non haxa persoas nin lugares que queden atrás", defende o organismo comunitario no documento da Estratexia Da granxa ao garfo, que xunto coa Estratexia sobre Biodiversidade, son as dúas pezas fundamentais do Pacto Verde Europeo.
O obxectivo do Pacto Verde Europeo é que a UE sexa climáticamente neutra en 2050
O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta para dotar á UE dunha economía sostible na próxima década, que inclúe accións en distintos ámbitos, tales como a industria, o transporte, a produción e eficiencia enerxética ou a agricultura e a gandería. "A UE é a única gran economía do mundo que estableceu unha lexislación que abarca todos os sectores da economía para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro de conformidade co Acordo de París e o sector agrícola europeo é o único no mundo que reduciu as emisións (un 20% comparado con 1990, de 543,25 millóns de xigatoneladas de CO2 equivalente en 1990 a 438,99 millóns de xigatoneladas en 2017 segundo os datos de Eurostat)", indica a Comisión Europea destacando os logros e o historial da UE en materia de acción polo clima. "A crise do coronavirus puxo de relevo a importancia dun sistema alimentario sólido e resiliente que funcione en todas as circunstancias e sexa capaz de garantir aos cidadáns o acceso a unha subministración suficiente de alimentos a prezos alcanzables. Tamén nos fixo moi conscientes das interrelacións entre a nosa saúde, os ecosistemas, as cadeas de subministración, as pautas de consumo e os límites do planeta. É evidente que debemos facer moito máis para manter a saúde, tanto a nosa como a do planeta. A pandemia en curso non é máis que un exemplo. O aumento recorrente das secas, as inundacións, os incendios forestais e as novas pragas é un recordatorio constante de que o noso sistema alimentario está ameazado e debe ser máis sostible e resiliente", defiendeu a Comisión o pasado 20 de marzo na presentación da súa Estratexia Da granxa ao garfo.
A UE é líder mundial na loita contra o cambio climático e o sector agrícola europeo o único que reduciu as súas emisións, destaca a Comisión Europea
A Comisión Europea parece desta forma decidida a seguir reducindo as emisións contaminantes, non só na agricultura e a gandería, seguindo deste xeito un camiño xa iniciado timidamente desde os anos 90 e con máis ímpeto na última década, trala crise económica de 2008. Os datos corroborarían a modernización da economía comunitaria en base á redución de emisións e loita contra o cambio climático, pois no período 1990-2018 descenderon no conxunto da UE un 23% as emisións de gases de efecto invernadoiro mentres o PIB do conxunto da UE incrementouse un 61% neste mesmo tempo. Para facer efectivo o Pacto Verde Europeo, a Comisión prevé a aprobación dunha Lei do Clima Europea para transformar as promesas en obrigacións xurídicas vinculantes para todos os Estados membros da UE. Esta Lei do Clima converterá desta forma en lexislación obrigatoria para os distintos gobernos nacionais o obxectivo de neutralidade climática para 2050, con obxectivos a cumprir a partir de 2030, como son reducir a emisión de gases causantes do quecemento global entre un 50 e un 55% comparado cos niveis de 1990. Calendario para a aplicación do Pacto Verde Europeo O Pacto Verde Europeo, presentado pola Comisión Von der Leyen o 11 de decembro de 2019, establece unha ambiciosa folla de ruta cara a unha economía circular climaticamente neutra, na que o crecemento económico estea disociado do uso dos recursos. Segundo a folla de ruta e o calendario previsto, presentado pola Comisión Europea o pasado mes de decembro para a posta en marcha das distintas accións do Pacto Verde Europeo, a aplicación da estratexia Da granxa ao garfo en coordinación coa reforma da PAC para o período 2021-2027 completaría no próximo ano o seu corpo lexislativo en materia de redución de antibióticos, pesticidas e fertilizantes químicos, segundo o seguinte cronograma: Ecoloxizando a PAC: Estratexia Da granxa ao garfo • Exame dos proxectos de plans estratéxicos nacionais, con referencia ás ambicións do Pacto Verde Europeo e á estratexia Da granxa á mesa: 2020-2021 • Estratexia Da granxa á mesa: primavera 2020 • Medidas, mesmo lexislativas, para reducir significativamente o uso e o risco de pesticidas químicos, así como o uso de fertilizantes e antibióticos: 2021 A estas medidas en materia de produción agrícola e gandeira únense outras en distintos sectores, entre as que se atoparían a nova Estratexia Forestal da UE, prevista para este ano 2020, así como medidas de apoio das cadeas de valor que non conleven deforestación, ou o Plan de Acción de Contaminación Cero para o aire, a auga e o chan, previsto para 2021.

“Consumir o produto galego impulsa o mantemento do noso rural”

da hostelaría levou a perdas importantes de vendas. Analizamos a situación con Lara Da Silva, presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei, unha DO singular no contexto galego, enmarcada xeograficamente na conca do Douro e caracterizada polo seu clima continental. A DO Monterrei está conformada por 27 adegas, a última inscrita estes días, e 389 viticultores. Todo o traballo de adegas, viticultores e técnicos pende do fío da evolución da pandemia. Nestes tempos convulsos, Da Silva incide na importancia de que o consumidor galego apoie a produción autóctona, “non só pola riquexa que se xera, senón porque ese consumo responsable impulsa o mantemento do noso rural”, subliña. En que medida se están vendo afectadas as adegas de Monterrei polo parón da hostelería? O 70% das vendas dos viños da D.O. Monterrei prodúcense no canal HORECA, polo tanto non podemos negar que está a ser un duro un golpe para o sector, xa que supuxo una fractura nas vendas moi significativa.
"O 70% dos viños da DO Monterrei véndense na hostelaría e restauración. Esta crise supuxo unha aprendizaxe sobre a necesidade de diversificar canles de venda"
Percibiuse un aumento de vendas en tendas e cadeas de supermercados que compensase en parte a caída doutros canais? É moi difícil falar de compensación como tal, cando na maioría dos casos, dúas de cada tres vendas que realiza unha adega están destinadas a unha canle que permanece pechada ou aberta a un rendemento do 50%. Pero está claro que para o sector foi unha aprendizaxe prematura sobre a necesidade de diversificar as canles de venda. Neste senso, atopamos un aumento importante nás formulas alternativas como a canle da alimentación, plataformas online… Cal é a situación da venda online nas adegas da denominación?, viñan xa participando en tendas online ou impulsando as súas propias? A maioría das nosas adegas xa estaban presentes en plataformas de venda online, e algunas delas xa contaban coa opción de venda na súa propia páxina web e redes sociais. Son formúlas que permitiron poder acercar o seu produto ao consumidor nestes momentos tan complicados. Con todo, hai que recordar que a porcentaxe de venda a través destas canles é pequeno, e se ben lóxicamente é unha porcentaxe que creceu nestas últimas semanas, pois o supermercado e as plataformas onlines foron as únicas canles que lle permitiron ao consumidor adquirir os nosos viños, o certo é que a rotación do produto non foi a esperada. Temos que ter en conta que o consumidor galego e nacional, na maioría dos casos foi sempre un consumidor on-premise (canal Horeca), e agora mesmo existe unha tendencia ao off-premise, pero tamén require dun tempo de adaptación e estabilidade. Como se están comportando os distintos mercados, Galicia, resto de España e exportación? Galicia foi e segue sendo o noso principal mercado, e desde logo que debemos mantelo. Por iso son tan importantes campañas que impulsen o consumo de viño galego, que impulse a xente a consumir o produto de aquí, o local. Debemos entender que consumir os productos da nosa despensa non só xera riqueza económica no noso territorio, senón que tamén impulsa o mantemento da poboación no medio rural. Galicia, na súa esencia, sempre foi sector primario e agora máis que nunca o futuro de todos nós está ligado ao futuro do sector. Por iso é importante que todos consumamos viño galego amparado por Denominación de Orixe. Temos que ter en conta que esta crise é de orde mundial, que o mercado a nivel nacional tamén sofre pérdidas e as exportacións, non van a solventar o problema que se está xestando. Hoxe máis que nunca é necesario que o consumidor sexa responsable, e que apoie a todos os que día a día seguen a traballar, a arriscar e a confiar nun proxecto íntimamente ligado a Galicia.
"A crise supón un hándicap para a próxima vendima. Estamos traballando coa Xunta e co resto de consellos reguladores nun plan que apoie ás adegas e ós viticultores"
Como está a afectar a actual crise ás adegas a nivel financieiro e laboral? Como dicía nun inicio a situación en moitos casos e moi complexa. Está claro que a venda é a principal preocupación dos operadores, xa que é o elemento principal que permite un correcto desenvolvemento do negocio e da cadea de valor do noso produto. Ligado precisamente a esta situación, atopamos a falta de liquidez ou a necesidade de financiamento, xa que a maioría dos gastos correntes débense afrontar igualmente. Por elo, moitas adegas víronse abocadas a realizar unha reestruturación financieira e tamén de persoal. Todo elo, supón un hándicap para a próxima campaña de vendima, que preocupa moito a todo o sector. A Consellería de Medio Rural, coa participación e colaboración dos distintos Consellos Reguladores, está a elaborar un plan específico para o sector, un plan francamente necesario. Debemos ser quen de apoiar a un sector que xera riqueza, debemos ser quen de apoiar ás adegas que seguen apostando e arriscando, e por suposto, debemos ser quen de protexer aos viticultores que son a esencia deste sector, e á base da enocomarca de Monterrei.
O Consello Regulador proxecta a creación dun portal de venda online dos viños da DO Monterrei
Que proxectos destacarías desde a DO para apoiar ás adegas na promoción e comercialización dos seus viños? Agora mesmo, como Presidenta deste organismo sinto moita frustración ante as circunstancias que moitos compañeiros estan a vivir, e moi posiblemente o que se faga non será suficiente, pero temos que continuar loitando por un sector que sempre foi resiliente e que merece todo o noso esforzo. Por iso intentamos continuar cunha promoción con actividades non presenciais, dando a coñecer as nosas adegas e viños e incentivar que o consumidor compre viño de Monterrei. Froito disto, entre outras medidas que pronto daremos a coñecer, nace o proxecto de creación dun portal de venda dos viños de Monterrei, impulsado polo Consello, porque xuntos somos máis fortes. De cara a próxima vendima, aínda faltan uns meses, pero as perspectivas apuntan a que as adegas chegarán a setembro con maiores stocks dos habituais. Pensades que será necesario tomar algunhas medidas excepcionais por esta situación? Con respecto a esta cuestión, e como lle trasladaba, estamos a traballar coa Consellería do Medio Rural a fin de elaborar medidas concretas para esta campaña, e que agardo estean definidas en próximos días.

A horta reinvéntase ante o peche dos mercados

Os mercados de alimentación de proximidade foron dos primeiros prexudicados na crise xerada pola pandemia do coronavirus en Galicia. Boa parte das feiras de alimentos locais canceláronse xa nos primeiros días do estado de alarma e os que continuaron manténdose remataron por prohibirse a finais de marzo polo Ministerio de Agricultura. O sector está á espera de que se permita a reapertura dos mercados, pero entre tanto, moitos produtores de horta galegos que tiñan nos mercados locais o principal punto de venda para as súas colleitas tiveron que buscar alternativas para dar saída ós seus produtos. As pequenas tendas e as vendas directas con entregas a domicilio son algunhas das vías para comercializar a produción, pero tampouco lles está resultando doado chegar así á súa clientela. “Aqueles que xa facían entregas a domicilio e tiñan as infraestruturas precisas para facelo téñeno máis doado, pero para os que estabamos centrados na venda nos mercados e nas feiras está resultando moi difícil, mesmo notamos unha baixada dos pedidos por esta vía”, explica Belén Fervenza, unha produtora de horta ecolóxica en Redondela (Pontevedra), que comercializa a maior parte dos seus produtos no mercado na cidade do Lérez.
Internet e as pequenas tendas serviron como ferramentas para dar saída a parte da produción destinada á restauración
Moitos pequenos agricultores tiñan na restauración o seu principal cliente para os produtos frescos de tempada, e co seu peche tiveron que buscar saída para hortalizas e verduras a marchas forzadas. “Parte dos produtores de horta están dedicando moitos esforzos tanto económicos como de persoal para facer repartos de cestas de produtos frescos da horta a domicilio”, indica Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego. Tamén os produtores de planta de horta que teñen nas feiras unha das principais vías de comercialización de cebolo, remolacha, repolos ou coles, entre outras verduras e hortalizas, tiveron que buscar outros xeitos de chegar ós seus clientes. Neste caso as comerciais agrícolas foron un dos principais recursos para vender estas plantas, pero tamén internet e as redes sociais están sendo ferramentas empregadas para poñer en contacto a produtores e compradores.

Vendas a domicilio, con limitacións

Conseguir chegar á súa clientela habitual co peche dos mercados está sendo todo un quebracabezas para os produtores. “Cando traballas no mercado coñeces ós teus clientes, tes un trato directo con eles, pero non os seus datos de contacto, por iso cando pecharon quedamos sen xeito de contactar con moitos deles”, explica Fervenza. No seu caso xa contaban con algunha clientela á que estaban facendo entregas a domicilio, pero era unha parte mínima, e mesmo notaron unha baixada no número de pedidos por esta canle. “A incerteza económica e as restricións de movemento penso que levaron a moita xente a optar polos supermercados, pese a que normalmente mercaran outro tipo de produtos de proximidade e ecolóxicos”, valora a produtora.
A falta dos datos de contacto coa clientela, o incremento dos gastos e a falta de medios condicionan as entregas a domicilio
Dispoñer dos medios para poder afrontar un reparto a domicilio está a ser unha das maiores limitacións para este tipo de entregas. O incremento dos custos ó ter que facer as entregas na casa provoca que moitos produtores fixen un prezo mínimo para os pedidos e que as condicionen á posibilidade de facer varias entregas na zona. “Co peche dos mercados estamos tendo perdas importantes e aínda que intentamos reinventarnos é difícil facelo tan rápido”, indica Belén. No seu caso, a crise do coronavirus tamén fixo que lle cancelaran os obradoiros sobre horta que tiñan previstos para estes meses. “O reparto é unha forma de darlle saída á produción, pero as marxes que quedan ó produtor son moito menores, case mínimas”, explica Pilar Vázquez, unha produtora de horta de Miño (A Coruña), que adoita vender no mercado e de xeito directo para a restauración. Esta tempada as entregas a domicilio supuxeron un 30% das súas vendas, centradas na clientela que tiña máis próxima. Mesmo para aqueles pequenos produtores que xa traballaban co sistema de reparto a domicilio está resultando difícil dar saída ós seus produtos. “A limitación de movementos está facendo moi complicado que os clientes veñan buscar as cestas como facían antes ou mesmo que llas levemos”, explica María José Tallón que conta cunha horta ecolóxica en Silleda (Pontevedra). Produt ores coma Pilar comenzan a contar con hortalizas e verduras de primavera nos seus invernadoiros e fincas.

Sen canles axeitadas para a horta variada

As pequenas tendas foron outra das vías para comercializar os produtos da horta. “Na tenda á que lle levamos os nosos produtos están a notar un pequeno aumento das vendas, gustaríanos crer que esta crise tamén pode servir para poñer en valor a importancia dos produtos frescos e de proximidade”, comenta Belén Fervenza. As iniciativas postas en marcha dende o propio sector ou por distintos concellos para colaborar nas entregas da produción están tamén sendo unha ferramenta para os produtores de horta. “Están xurdindo propostas como a da Cooperativa da Faba de Lourenzá que buscou reunir as existencias de faba dos seus produtores para tentar darlle saída ó non haber mercados”, indican dende o Sindicato Labrego. Outras alternativas de venda como a impulsada pola Consellería de Medio Rural, Mercaproximidade, pouco están a servir, polo momento, como opción de comercialización para moitos destes produtores. “Esta opción pode ser viable para aqueles produtores especializados en 2 ou 3 cultivos e que manexan grandes cantidades, pero para aqueles que teñen variedade de cultivos e pequenas cantidades vai ser difícil que teñan encaixe nela, por iso é tan importante conseguir reabrir os mercados de alimentos de proximidade”, valora Isabel Vilalba, dende o Sindicato Labrego.
“Aqueles produtores que teñen variedade de cultivos e pequenas cantidades vai ser difícil que teñan encaixe en Mercaproximidade” (Isabel Vilalba, Sindicato Labrego)
A opinión compártena moitos produtores que ven nesta alianza coas grandes distribuidoras poucas garantías para acadar prezos dignos para a súa produción. “Os pequenos produtores sempre somos os grandes esquecidos, pese a nosa capacidade para adaptarnos e resistir”, indica Fervenza, que ve a proposta da Xunta como unha opción contraria á forma de comercialización pola que apostou dende un principio para a súa horta. As experiencias previas con estas grandes distribuidoras sentan un mal precedente cos produtores de horta. “Xa vimos como algúns produtores que traballaron con eles noutras épocas tiñan problemas para sacar adiante a súa produción e como caían os prezos”, recorda Pilar, que adoita traballar cun prezo estable do produto durante a campaña, que dá garantías tanto á súa clientela como para garantir os custos de produción. Propostas como a impulsada polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) que creou un listado de produtores con venda a domicilio tamén están a ter pouca resposta. “Polo momento non tivemos ningún pedido que chegara a nós por esta vía. Está a ser moi complicado darlle saída á produción”, explica María José Tallón, que comezan xa a ter produtos de tempada como a leituga ou os amorodos para a venda. No seu caso, a pandemia está tamén a ralantizar o lanzamento dalgúns produtos transformados que tiñan pensado comezar a comercializar. “Esta situación chegounos nunha fase de emprendemento, polo que nos está resultando moi difícil”, comenta Tallón. As fotos das plantas que Flora tiña axudaron a comercializar a súa produción.

As vendas de planta para a horta

A crise pillou á horta galega aínda rematando as producións de inverno e comezando coas de primavera, por iso a comercialización de planta de hortaliza é un dos produtos que en plena campaña tamén se viu con dificultades. Internet está sendo un aliado para dar saída a esta planta que normalmente se vendía nos mercados. Tamén as comerciais agrícolas foron unha das vías para estas producións, onde produtos como a remolacha forraxeira tiveron unha gran demanda, que obrigou mesmo a facer peticións nas redes sociais para conseguir atender as encargas.
“Vinme sen poder vender a planta que ía levar ó mercado e botei man das redes sociais para tentar darlle saída”, Flora Porto, produtora de Ponteareas
“Vinme sen poder vender a planta que ía levar ó mercado e foron os meus fillos os que decidiron botar man das redes sociais para tentar darlle saída”, explica Flora Porto Martínez, unha produtora de Ponteareas (Pontevedra) que adoitaba comercializar tanto planta como hortalizas en mercados como o de Ponteareas, O Porriño ou Salceda. No seu caso, a maior parte dos clientes achegáronse ata a finca para adquirir o produto e deste xeito consegue dar saída a parte da produción aínda que tamén comeza a pasárselle xa algunha planta. As hortas de autoconsumo están a ser un dos destinos para estas hortalizas e verduras. O cebolo foi unha das plantas con maior demanda xunto con verduras e hortalizas como os tomates ou os pementos. “As hortas de autoconsumo son un garante de produto fresco no verán para moitas familias por iso é tan importante que se protexan e resulta un escándalo as trabas que se están poñendo para continuar atendéndoas”, recrimina Vilalba. “As directrices que se están dando case tratan á xente que traballa nas hortas como delincuentes. É necesario que deixen de facer as medidas nas cidades sen pensar no campo”, reivindican dende o sector.