Category Archives: Carne

Ternera Gallega obriga a que todos os xatos marcados como Suprema teñan un cebo con cereais

Os xatos de menos de 8 meses deberán dispoñer de tolvas selectivas de penso nas pradeiras O Diario Oficial de Galicia publica este martes unha resolución da Axencia Galega da Calidade Alimentaria pola que se aproba e se dá publicidade á modificación do Prego de Condicións da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, que a partir de agora obrigará a cebar con penso a  todos os xatos marcados co selo de calidade da carne de vacún galega.  Os cambios (algúns deles xa levantaron polémica no sector cando se anunciaron), foron solicitados polo Pleno do Consello Regulador e tramitados por parte de AGACAL, dependente da Consellería do Medio Rural. A aprobación destas modificacións, considera a Xunta, corresponde á Administración autonómica, xa que non afectan ao nome da denominación nin ao vínculo do produto co territorio nin implican restricións ao comercio, que son os aspectos cuxo cambio requiriría a aprobación pola Comisión Europea.
A Xunta aproba cambios relativos ao cebo final dos animais e ás instalacións que deben albergalos
As modificacións que solicita introducir o Consello Regulador afectan fundamentalmente ao apartado do prego de condicións relativo ao aloxamento, alimentación e cebo final dos animais, así como á posibilidade de conxelación da carne cando o seu destino sexan países de fóra da UE.  Cebo con cereais e concentrados O primeiro dos cambios no Prego de Condicións da IXP supón a introdución dalgunhas especificacións en relación coa alimentación e o manexo dos tenreiros nas explotacións que optan por modelos produtivos extensivos ou semiextensivos, de maneira que se introducen novas esixencias para que os chamados xatos pasteiros poidan ser marcados dentro de Ternera Gallega Suprema.  

deEstablécese a obriga de complementar a alimentación dos xatos pasteiros con concentrados e para iso deberán dispor de moxegas ou comedeiros móbiles distribuídos polas pradeiras

Establécese a obriga de complementar con concentrado a alimentación dos animais que se sacrifiquen directamente do prado con menos de 8 meses. Cando superen esa idade deberán agruparse ou estabularse en recintos pechados e protexidos das inclemencias meteorolóxicas para realizar un acabamento durante un período mínimo de dous meses. Este requisito, que antes era unha recomendación no Prego de Condicións, pasa agora a ser unha obriga.  
Co encarecemento do penso e a palla e a falta de man de obra moitas explotacións optaron nos últimos anos por non acortellar os xatos
Transitoriamente, durante un período máximo de dous anos, os tenreiros poderanse finalizar nas praderías, utilizando para iso as tolvas ou comedeiros móbiles selectivos, distribuídos de forma que poidan acceder a eles "xa que nalgunhas explotacións pode significar a necesidade de adecuar ou construír algunha instalación para o gando", xustifica a Consellería. 
A Consellería non aclara se o silo de millo e o gran húmido cumpren coas condicións fixadas no Prego de Condicións para o cebo con "cereais ou concentrados a libre disposición"
O prego de condicións recolle textualmente que cando a idade de sacrificio dos animais supere os 8 meses, co límite máximo dos 10 meses no caso de Ternera Gallega Suprema e de 12 meses no selo de Ternera Gallega convencional, deberá subministrárselles "cereais e/ou concentrados a libre disposición", aínda que non se aclara se algúns ensilados a base de cereais producidos na propia explotación, como o gran húmido ou o silo de millo, por exemplo, cumplirían coas esixencias requeridas para o cebo final dos xatos e xatas que se comercialicen dentro da IXP.  Instalacións e manexo O segundo dos aspectos do método de obtención da carne que se modifica refírese á introdución de determinadas especificacións relativas a prácticas que favorecen o benestar animal. En concreto, establécense requisitos relativos á limpeza e liberdade de movementos dos tenreiros, ás condicións hixiénico-sanitarias, ao estado dos patios e zonas de descanso e ás características construtivas do pavimento das cortes. Así, o chan das cortes non será esvaradío nin rugoso e as pendentes non poderán superar o 5%. Determínanse tamén límites máximos para o número de animais que conforman un lote e superficies mínimas por animal. Deste xeito, para evitar a masificación, limítase a un máximo de 60 animais por lote cando dispoñan dunha superficie de máis de 4 metros cadrados por tenreiro, rebaixándose os grupos a 40 animais cando non se acaden os 4 metros por animal, debendo dispoñer, en todo caso, dunha superficie mínima de 2,2 metros cadrados por tenreiro maior de 6 meses.
Os animais deberán dispoñer dunha superficie mínima de 2,2 metros cadrados e 15 cm de comedeiro por cabeza
Por outra parte, recóllense especificacións sobre a calidade do aire e as condicións térmicas e a iluminación no interior das instalacións. O tenreiros deberán dispoñer dun mínimo de 8 horas diarias de “luz ambiental” e a temperatura nos establos non poderá baixar de 0ºC nin subir de 35ºC. A concentración de amoníaco (NH3) non poderá superar as 20 partes por millón (ppm) a un metro de altura. Por último, recóllese que se debe favorecer o pastoreo, o acceso dos tenreiros á comida e dispoñibilidade de auga limpa, con indicacións dalgúns requisitos mínimos das instalacións para poder cumprir estas especificacións. Así, por exemplo, os comedeiros deben ter, como mínimo, unha lonxitude de 15 centímetros por cada animal maior de 6 meses de idade e haberá polo menos un bebedoiro por cada 15 animais.

A conxelación segue prohibida dentro da UE

O terceiro dos aspectos que se modifica no Prego de Condicións consiste na introdución da posibilidade de conxelar a carne sen perder a certificación da IXP cando esta vaia destinada á exportación a países de fóra da Unión Europea, excepto Andorra e o territorio de Xibraltar. No prego vixente ata agora a carne non podía comercializarse como Ternera Gallega se nalgún momento se sometía a un proceso de conxelación.
A Xunta autoriza a conxelación da carne de Ternera Gallega para a súa exportación a mercados de fóra da UE
Por último, tamén se modifica este apartado do prego de condicións para establecer algunhas especificacións en relación coa posibilidade de utilizar carne da IXP como ingrediente doutros produtos elaborados e informar diso ás persoas consumidoras na etiquetaxe. En concreto, recóllese a posibilidade de que, nese caso, a carne poida someterse a procesos de conservación, como o secado, o salgado ou a conxelación, sen por iso perder a posibilidade de utilizar o nome da indicación xeográfica na mención do ingrediente na etiquetaxe do produto. O outro apartado do prego de condicións afectado pola modificación é o da estrutura de control. Trátase simplemente de adecuar os datos relativos ao nome do Consello Regulador, que actualmente está tramitando a súa modificación para pasar a denominarse Consello Regulador das indicacións xeográficas protexidas TerneraGallega e Vaca Gallega-Buey Gallego”, e o seu enderezo postal, unha vez que cambiou o seu domicilio social, así como substituír a referencia que se fai á norma EN 45011 por unha referencia á norma ISO 17065, que é a norma internacional que actualmente se aplica ás entidades que certifican produtos.
Pódese descargar o novo Prego de Condicións da IXP Ternera Gallega neste enlace.  

Récord de vendas de becerros de recría este martes en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou hoxe o maior volume de transaccións de becerros de recría da súa historia, con 340.694 euros; supera así os 248.862 euros que se rexistraron o pasado 20 de febreiro (última maior cifra). Esta marca está motivada esencialmente pola grande asistencia de animais desta categoría, a cal supuxo a segunda maior da Central, con 1.079 exemplares que só foron superados polos 1.102 que concorreron o 31 de xullo de 2018. Unha asistencia que á súa vez foi consecuencia da suspensión da poxa de becerros de recría a semana pasada (a cal forma parte do calendario de suspensións xa fixado). Tamén contribuíu a esta marca o prezo medio da categoría, o cal foi de 322 euros, o quinto máis alto no que vai de ano. Prezos do vacún Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos becerros de recría da raza frisoa, os de 15 a 20 días cotizáronse a 143 euros; os de 21 a 50 días a 169 euros e os de máis de 50 días a 227 euros. En canto aos de cruzamento industrial, os máis novos quedaron cun valor medio de 353 euros; os de 21 a 50 días chegaron aos 408 euros e os máis adultos alcanzaron un prezo medio de 540 euros. Nos becerros carniceiros, os machos de cruzamento industrial baixaron 113 euros e alcanzaron un valor medio de 1.072 euros; mentres que as femias subiron 63 euros. Pola súa banda, os de Loura Galega vendéronse a 1.016 euros de media os machos, o que supón un descenso de 190 euros e as femias tamén baixaron8 euros e alcanzan un valor medio de 1.072 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema baixaron o seu valor un euro, até conseguir un prezo de referencia de 1.136 euros. No vacún maior houbo baixada en case todas as categorías, excepto nos da categoría extra que subiron 95 euros e quedaron nun valor medio de 2.221 euros, e os da categoría segunda que se mantiveron igual nos 762 euros. Os animais da categoría primeira baixaron 4 euros e alcanzaron os 1.170 euros de valor medio, mentres que os de categoría desfeito quedaron nos 411 euros (-126). Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia incrementaron o seu valor medio en 639 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 3.772 euros. Mesas de prezos As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo. Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 101 euros (cun prezo de 5,05 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 96 euros e cun prezo por quilo de 4,8 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 4 euros. O mercado do ovo presenta baixadas con respecto á semana pasada, excepto os da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os da L presentan unha baixada de 0,02 e alcanzan os 2,26 euros. Nos da M o descenso é de 0,04 e nos da S de 0,03, quedando nun valor medio de 2,04 e 1,74 euros, respectivamente. O prezo do coello mantense igual, nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

“Nas zonas de montaña os gandeiros somos os que coidamos do medio ambiente e o territorio”

As ganderías de vacún de carne son as verdadeiras xestoras do territorio en concellos como Cervantes “Teño 40 anos e son das poucas da miña xeración que decidín apostar pola gandería e quedar aquí”. Esta frase, de Mari Carmen García Gómez, ilustra ben ás claras a situación da montaña de Lugo, aqueixada dun forte proceso de avellentamento e despoboamento. Mari Carmen e a súa familia son os únicos que viven de xeito permanente en Bazal, na parroquia cervantega de Vilaspasantes, e as súas 40 vacas pacen tamén outras aldeas cercanas onde xa non quedan explotacións gandeiras. O gando serve para manter a raia o lume, coma o que na primavera de 2017 afectou á propia Vilaspasantes, só uns meses antes da gran vaga de incendios que no outono dese ano arrasou zonas de Rede Natura noutras parroquias veciñas, como Cereixido, Donís ou Noceda.
O gando serve para manter a raia o lume como o que no 2017 queimou amplas zonas de Rede Natura nos Ancares
Nos Ancares, ao igual que noutros moitos lugares de Galicia, os gandeiros e os seus animais son os verdadeiros xestores do territorio, os que coidan da natureza e a biodiversidade nunha das zonas de maior riqueza ambiental da comunidade, pero séntense desprotexidos e mesmo "atacados" por unha Administración que non fai máis que poñer trabas e atrancos ao seu traballo e por unha sociedade cada vez máis urbana e desconectada dos problemas e necesidades do rural. Máis vacas ca xente O concello de Cervantes conta cun total de 229 explotacións agrogandeiras, das que 176 teñen gando bovino (un total de 4.804 cabezas, segundo os datos do Censo Agrario do ano 2020) e xestionan un total de 4.000 hectáreas de superficie, das que máis do 90% (máis de 3.750 hectáreas), son pastos permanentes, a mellor barreira contra o lume e o abandono. Pero ter vacas na montaña non é o mesmo que telas noutros lugares. A orografía escarpada e a climatoloxía dos meses de inverno condicionan o manexo do gando e incrementan os gastos e o traballo, que moitas veces non se ve compensado no prezo de venda dos xatos.
No concello de Cervantes hai 4 vacas por cada veciño (1.209 habitantes e 4.804 cabezas de gando)
A esa escasa rendibilidade da actividade engádense outros factores que inciden de xeito directo no despoboamento, como a falta de servizos nun territorio disperso. No concello de Cervantes, de 27.664 quilómetros cadrados, a densidade de poboación é de 22 habitantes por km2. Os 1.209 habitantes actuais son menos da metade dos que tiña o municipio no ano 1995 (2.584), tres veces e medio menos dos que había en 1970 (4.294) e seis veces e medio menos ca en 1950 (7.952), unha caída exponencial que semella non ter tocado fondo aínda.

“Por moito que che guste isto, ao final ten que haber rendibilidade”

Fermín, cun dos xatos do seu rabaño de gando vacún Fermín Fernández Gómez ten 46 anos e colleu a explotación familiar fai 11, con 35, logo de traballar 14 anos "fóra da casa", 10 deles como camioneiro de transporte internacional. “A min gústame moito o rural e quixen que fora a miña forma de vida, pero por moito que che guste, ten que haber rendibilidade”, sentencia. Cando el se incorporou había unhas 15 vacas na casa e hoxe ten unhas 50 reprodutoras, practicamente todas de raza rubia galega, e vende os xatos que produce co selo da IXP Ternera Gallega Suprema, a marca emblema da carne de calidade galega. Pero iso non garante nada. “O prezo da carne en orixe non repunta, incluso baixou este ano, pero todo o outro sobe”, quéixase. A Fermín tamén o coñecen por Lamas, o nome do lugar onde vive. “Aquí a moita xente coñécesenos co nome do pobo, porque como xa quedamos poucos, ás veces un en cada pobo, pois non leva a equívoco ningún”, bromea. “En Lamas quedamos só dous veciños e con vacas eu só”, engade xa en serio.
Aquí a moita xente coñécesenos no nome do pobo porque como xa quedamos poucos, ás veces un en cada aldea, non leva a confusión
Fermín levou fai un ano o seu tractor a Lugo desde Cervantes para protestar pola situación do sector da carne e dunhas normativas, chegadas moitas delas desde Bruxelas, que non teñen en conta a realidade de zonas coma os Ancares. “Aparte doutras trabas, un dos problemas máis grandes que temos é a nivel burocrático, padecemos moito papeleo e impóñenos cousas absurdas para cumprir coa PAC”, quéixase. “Coido de 80 hectáreas en medio municipio” O gando de Fermín pace unhas 80 hectáreas “en medio municipio”: na parroquia de San Pedro, na de San Román e algo na de Castelo. “Ese é un dos problemas grandes que teño, porque todas son fincas pequenas e temos que ir adaptando o tamaño dos lotes á dimensión das parcelas. Temos 7 ou 8 lotes de gando de 6 ou 7 vacas e mesmo teño algún lote de 4 vacas, porque se metes 10 ou 12 vacas terías que movelas todos os días de finca”, explica. Pero máis lotes significa máis traballo e non hai moito quen o faga porque escasea a man de obra. “De momento axúdame meu pai a movelas, pero é difícil. Estou barallando comprar un remolque para o tractor para desprazalas”, di.
Para vixiar todos os lotes, cantos mastíns tería que ter? Para min esa non é a solución
O risco de ataques do lobo é outro dos factores que condiciona o manexo do gando. As vacas que teñen crías pequenas déixaas nas fincas arredor do pobo porque requiren máis control e para telas máis protexidas, pero iso non é ningunha garantía. “Fai dous anos matoume un becerro aquí ao lado da casa e o problema é que vai a máis”, asegura. Fermín ten cans de garda para protexer o gando dos ataques do lobo pero co sistema de pequenos lotes dispersos co que traballa el considera que é algo que non resolve o problema. “Eu teño mastíns só nun dos grupos porque para vixiar todos os lotes case tería que ter tantos cans coma vacas. Para min esa non é a solución”, conclúe. O condicionante da climatoloxía Xunto co pequeno tamaño das parcelas, a dispersión da superficie e a difícil orografía, a neve do inverno e a seca do verán condicionan o xeito de traballar dos gandeiros da montaña. “No inverno gardo o gando dentro, aínda que non é unha ciencia matemática, porque se hai pasto fóra procuramos que coman todo ao dente por economía”, indica. “Os becerros cando vén mal tempo gárdoos na corte con 4 meses para cebalos e facer mellores canais. Saen as nais e entran, o que outra vez máis supón máis traballo. Destétoos normalmente aos 7 meses e medio e despois aliméntoos con concentrado de cereais e herba seca”, detalla.
Nesta zona hai pouco solo e aféctanos moito a seca
O penso Fermín ten que mercalo, pero a forraxe procura producila el. “Normalmente son autosuficiente, fago uns 580 rolos en total, 500 de silo e 80 de herba seca, pero estes dous últimos anos non houbo unha gran colleita e no 2022 tiven que mercar algo de silo. Nesta zona hai pouco solo e aféctanos moito a seca”, conta. Volta ao estrume Até agora nesta gandería encamaban os xatos con palla, pero a escaseza da colleita de cereal o ano pasado en Castela disparou os prezos da palla, o que fai inviable en moitos casos a súa utilización. “Trouxen algo pero custoume a 200 euros a tonelada, e considero que a ese prezo non ten sentido usala, tendo en conta que non é para a alimentación do gando senón para facer abono”, argumenta.  
Segamos toxo e carpanza no monte; algo sempre facía, pero este ano máis pola carestía da palla
Así pois, Fermín optou por volver ao sistema tradicional de estrar o gando. “Este ano cortei estrume no monte como se facía antigamente, para abaratar. É unha mestura de toxo, carpanza e outras herbas. Collímolo eu e outros dous amigos xuntos. Segamos en outubro e despois recollimos en rolos por comodidade. Fixemos uns 80 rolos”, explica. Fermín destaca a función ambiental e de limpeza e control do mato que realizan as ganderías en territorios como o da montaña, tanto pola acción directa dos animais pacendo como polo traballo que levan a cabo os gandeiros. “En total nós este ano limpamos unhas 8 ou 9 hectáreas de monte cerca das casas de Folgoso”, que foi onde recolleron o molido, detalla.

“Algún día, cando desaparezamos as pequenas explotacións familiares, as Administracións daranse conta do gran erro que cometeron”

Mari Carmen, o seu home José Antonio e os seus fillos Carlos e Sergio Mari Carmen García Gómez vive coa súa familia en Bazal, pertencente á parroquia de Vilaspasantes, na esquina do concello cara a Pedrafita. “Vivindo a diario só somos nós”, lamenta. “Teño 40 anos e son das poucas da miña xeración que decidiron apostar polo sector agrogandeiro e por quedar aquí. “Para min foi como un reto persoal, a min gústame moito a gandería”, explica. O home de Mari Carmen, José Antonio, ten unha empresa de construción e desbroces e tamén traballa limpando os accesos aos núcleos de poboación no inverno cando hai neve. “Aquí hai que adicarse un pouco a todo para sobrevivir”, di Mari Carmen, que é quen está á fronte da explotación familiar. Coidado do gando e das persoas maiores Ten neste momento 40 vacas, logo de verse obrigada a reducir temporalmente o número de animais. “Tiñamos bastantes máis pero estou coidando a miña nai, que está enferma e foi necesario reducir a carga porque non podía seguir co ritmo de traballo que tiñamos. Unha persoa maior enferma necesita moito tempo de dedicación. Hai que conciliar e compatibilizar todo, así que reducimos temporalmente as cabezas de gando que tiñamos”, explica.
Aquí hai que dedicarse un pouco a todo para sobrevivir
Para atender a gandería, a Mari Carmen bótanlle unha man os seus fillos, Carlos (de 18 anos) e Sergio (de 21), que están estudando e axudan no tempo libre. “Colaboramos un pouco toda a familia, aínda que a explotación lévoa basicamente eu, pero eles son neste momento un pilar fundamental”, conta. “Sempre que podemos, temos o gando fóra” A superficie coa que conta esta gandería é dunhas 60 hectáreas, moi repartidas en diferentes aldeas da contorna. “A base téñoa en Bazal, que é onde vivimos, e noutra aldea, en Cela, que é de onde son eu, tamén temos fincas. Pero agora aquí os pobos van quedando abandonados e levamos o gando a diferentes lugares como Vilaspasantes ou Bimieiro”, enumera. “Temos fóra o gando sempre que podemos, ben nos prados ou en cachos de monte que tamén os pastoreamos co gando. No inverno, por exemplo, témolas nestas zonas de monte e poñémoslles de comer, así de paso limpan o monte”, destaca.
Aínda que cada vez neva menos, cando neva moito acortellamos todo o gando, pero a non ser que haxa unha nevada moi grande temos fóra todo
“O lobo é unha das cousas que nos condiciona moito. Hai dous anos sufrimos un ataque en Santa Mariña, cunha becerra atacada e morta, pero non nolo recoñeceron como ataque do lobo porque dixeron que non había evidencias dabondo”, lamenta. En canto ao desnivel das fincas, “temos algo de todo”, di. “A maior parte da superficie é mecanizable pero hai zonas de máis pendente nas que corres moitos riscos”, recoñece. “Os nosos fillos queren quedar, pero hoxe é case unha aventura” Os dous fillos de Mari Carmen e José Antonio “teñen moi claro que non se queren alonxar disto”, di a súa nai. Sergio, o maior, está facendo o Ciclo Superior de Agroforestais en Becerreá e o seu irmán Carlos o de Mecánica en Lugo. “Aínda que o futuro é incerto, os dous teñen pensado vivir aquí; son os dous moi amantes disto”, asegura Mari Carmen.
Póñennos mil restricións, normas e burocracia que nos afogan
Gustaríalle que os fillos se viran apoiados para continuar porque, di, “hoxe en día téñeno moi complicado, é case unha aventura”. “As axudas que temos son mínimas; sen embargo póñennos mil restricións, normas e burocracia que nos afogan. Somos os verdadeiros xestores do territorio co noso gando e as nosas vacas son beneficiosas para o medio ambiente. Algún día daranse conta do gran erro que cometeron se chegamos a faltar estas pequenas explotacións familiares”, afirma.   “Pero a nós pregúntannos poucas veces”, quéixase. “Para que mozos coma os meus fillos poidan cumprir o seu obxectivo de non marchar de aquí, vivindo da gandería ou de outra actividade, para iso as Administracións tiñan que darse conta de que somos necesarios e que nos hai que coidar un pouco máis e non só acordarse de que existimos uns días antes das eleccións para pedirnos o voto”, remarca.

“Temos un problema coa rata-toupa e desde fai 3 anos a herba seca teño que comprala toda”

Félix, xunto ao seu fillo Izan, coas vacas da gandería na parroquia de Vilaver Félix González Pereira ten 44 anos e incorporouse no 2017 á explotación familiar, que colleu dos seus pais. Antes traballou na construción en Lugo, onde sigue vivindo. Todos os días, despois de deixar os cativos no colexio, vai até Vilaver para coidar do gando. Ten neste momento 45 reprodutoras máis dous touros e está limitado pola superficie da que dispón, unhas 34 hectáreas. Atópase na zona do concello na que máis gandería hai, xunto coa veciña parroquia de Quindous. “Teño difícil poder ampliar porque superficie non hai moita e teño que ter coidado para non pasarme da carga gandeira. En Vilaver somos 4 casas con vacas e todo o que nos valía no monte xa o temos a pastizais”, explica.
Nas 50 hectáreas de pastizal do monte comunal faciamos 400 fardos de forraxe pero agora está infestado e non hai máis ca terra
Son un total de 50 hectáreas de pastizal as que teñen no monte comunal e que xestionan os catro veciños con gando. “Faciamos alí 400 fardos de forraxe ao ano, 100 para cada un, pero agora non podemos segalas para herba seca porque está todo infestado coa praga da rata-toupa e non traemos máis ca terra”, conta. “Non nos deron ningún tipo de solución de momento e desde fai 3 anos eu a herba seca teño que comprala toda”, denuncia. A Xunta habilitou o ano pasado unha liña de axudas específica, pero Félix cobrou só 1.400 euros, que ao prezo que acadou tamén a herba seca no último ano “non chega nin para un camión de rolos”, di.
As ganderías da montaña precisan recoller máis forraxe para pasar o inverno que as de zonas máis baixas, onde as pradeiras rebrotan antes
A el aqueles 100 rolos de herba seca que traía do monte comunal resolvíanlle xa boa parte do inverno, pero agora víronse obrigados a deixar de segar a herba e levan o gando a pacer. “Temos as vacas alí pacendo, pero tampouco dá, agora produce moito menos. Antes desde que faciamos o corte de herba seca levabamos 15 vacas cada un; agora temos 7 cada un soamente porque se levamos máis non teñen dabondo que comer”, asegura. “Dan máis traballo, pero os xatos medran máis estando na corte” O pastizal do monte está a uns 1.000 metros de altitude e o pobo a 800. “No inverno hai que baixar as vacas, porque no monte dá o vento de todos os lados, mentres que abaixo é máis abrigado”, explica. “No inverno acortello tamén as vacas que paren de poucos días e non teño os xatos tampouco fóra. Dá máis traballo, pero os xatos medran tamén máis estando na corte ca fóra e para min ten mellor calidade a carne”, defende. No cebo dos tenreiros emprega só herba seca e penso. “Os becerros non comen silo, iso é para as vacas”, indica. O silo fano nas fincas de máis abaixo, que non están tan afectadas pola praga da rata-toupa como as pradeiras do monte comunal. Para estrar segue usando palla, malia o seu forte encarecemento. “Estou comprando o alpacón de 4 cordas a 80 euros e dúrame unha semana, cando fai uns anos o teño comprado a 18 e 20 euros”, compara. Socio da cooperativa A Carqueixa Félix é socio da cooperativa A Carqueixa, con sede en San Román e da que forman parte un cento de explotacións de vacún de carne de varios concellos dos Ancares. Os xatos que produce, dentro da IXP Ternera Gallega Suprema, son comercializados a través da cooperativa, coa que logra un mellor prezo.
Eu son dos que penso que o consumidor non pode pagar xa máis pola carne do que paga
Os últimos animais que mandou viñéronlle entre os 5,85€ kg canal e os 6,25€. “Non sobra nada co prezo que ten hoxe a palla ou o penso”, di. Os animais que produce son machos duns 300 quilos en canal e femias entre 250 e 260 quilos.

“Basta con dar unha volta polos camiños que levan ao rural para ver como está: abandonado e despoboado”

Unha imaxe da feira nunha edición anterior O vindeiro sábado 11 de maio os veciños dos Ancares xuntaranse un ano máis en San Román na Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, unha cita festiva e reivindicativa recuperada no 2019 por iniciativa da asociación Territorio Verde, que busca o desenvolvemento económico e a revitalización demográfica da zona e que defende o valor e o traballo dos gandeiros como xestores da paisaxe e o medio ambiente e xeradores de riqueza e emprego no territorio.  A boa acollida que tivo esta feira desde a primeira edición queda patente no público asistente e o número de ganderías participantes, non só de Cervantes senón tamén dos concellos do arredor. Fermín, Mari Carmen e Félix acudirán á cita con animais das súas ganderías. Os tres destacan a importancia de feiras coma esta para amosar o seu traballo e tamén xuntárense, nunha zona na que non abundan as oportunidades para facelo. Ademais de levar o seu gando, Fermín tamén bota unha man aos organizadores na preparación do terreo e outras labores de intendencia. “Queremos que se consolide. Levo participando desde a primeira edición e cada vez vai a máis. O ano pasado viñeron expositores do Bierzo e quedaron encantados”, insiste.
É unha tradición recuperada que me parece moi bonita e moi boa para dar a coñecer Cervantes e o xeito que temos de traballar
A feira ten para el unha parte sentimental.  “Esa feira fixérase no ano 1984 e 1985 un pouco máis arriba, en Seixas, a 1 km de San Román. Tiña eu 6 anos e recordo que se levaran as vacas xunguidas da casa. Aínda teño na casa as copas que se conseguiran”, lembra. “Fannos moita falta este tipo de iniciativas na montaña” Máis aló das transaccións e vendas de animais que se poidan levar a cabo na feira, Fermín pensa que “é unha forma de poñer o rural en valor”. “Basta con dar unha volta polos camiños que levan ao rural para ver como está o rural: abandonado e despoboado. Ese é o espello do rural”, lamenta.
Nesta feira hai un ambiente fabuloso, moi familiar, de reunión da xente
Tamén Mari Carmen leva participando na feira desde o principio con gando tanto para exposición como para venda e xa case ten escollidos os que vai levar este ano. “Espero levar algún premio, porque os coidei moito para que luzan”, di. “Espero todo o ano a que chegue a feira de San Román porque é un recoñecemento ao noso traballo, que ten moi pouca visibilidade”, engade. “Foi unha iniciativa marabillosa que nos encantou. Fainos moita falta que haxa este tipo de iniciativas na montaña. Necesitamos revivir isto”, propón. Félix tamén levou gando todos os anos, os dous primeiros anos vacas para a exposición e o ano pasado dous xatos para vender. “Hai moi boa feira, con moita xente e moito gando”, asegura.

Aberta a inscrición para a 41ª Escola Nacional de Xuíces Gandeiros 2024

O próximo 15 de maio finaliza o prazo de inscrición á 41ª Escola Nacional de Xuíces Gandeiros, que se celebrará os días 24, 25 e 26 de xuño de 2024 organizada por CONAFE en colaboración con Asturiana de Control Lechero - Asociación Frisona (ASCOLAF) e o Ayuntamiento de Tineo, e coa participación de ganderías locais. Os asistentes terán a oportunidade de coñecer en profundidade como se xulgan os animais na pista dun concurso. Lembrámosvos que as prazas son limitadas. Descarga desde aquí o formulario de inscrición A escola comezará o luns 24 de xuño cunha charla sobre morfoloxía, a cargo de Santiago Mato, xefe do Departamento de Morfoloxía de CONAFE, e outra sobre Juzgamiento, que impartirá Bonet Cid, Director Técnico da Escola. A continuación, haberá unhas clases prácticas con animais procedentes de ganderías asturianas. Ademais, o martes 25 e o mércores 26 de xuño continuará o desenvolvemento das seccións prácticas da escola. O obxectivo destas escolas, que se retomaron con gran éxito no ano 2022 e tiveron tamén unha excelente acollida o pasado ano 2023, é a formación de Xuíces Gandeiros e, igualmente importante, achegar coñecementos morfolóxicos do animal que permitan mellorar o nivel do rabaño, corrixindo os defectos ou aumentando as virtudes dos seus animais mediante un mellor emprego do material xenético que asegure unha mellor descendencia. Inscrición antes do 15 de maio enviando o formulario de inscrición a: conafe@conafe.com, ou á seguinte dirección postal: CONAFE Apartado de Correos 31 - 28340 Valdemoro (Madrid)

Prezo medio de 2330 euros na poxa de Rubia Galega en Seane do Courel

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega, Acruga, celebrou esta mañá a poxa de tres xovencas preñadas na localidade de Seoane do Courel, dentro dos actos da cuarta edición da feira de gando. O primeiro dos exemplares adxudicouse en 2.400 euros, mentres que as outras dúas xovencas vendéronse en 2.300 euros. Estes animais irán parar a explotacións de Sarria, Cervantes e Pedrafita do Cebreiro. As seguintes poxas nas que está a traballar esta asociación levarán máis touras a Cervantes, o próximo 11 de maio, e en Sarria, o día 12 do mesmo mes.

Nova poxa de Acruga en Seoane do Courel

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) levará a cabo unha nova poxa mañá, día 4, na IV Feira de Gando, celebrada en Seoane do Courel. Este evento  que se recuperou hai uns anos, comezará a partir das 12.30 da mañá. Poderase poxar por tres xovencas, de idades comprendidas entre os 25 e os 16 meses, e preñadas de entre 4 e 6 meses.  Estes tres exemplares, proceden de dúas explotacións de Vilalba e dunha de Becerreá, aínda que a recría dos animais se levou a cabo no centro da granxa Gayoso Castro, onde Deputación de Lugo e Acruga traballan conxuntamente na recría de animais de pura para para dinamizar e potenciar a loura galega.  As tres xovencas teñen un prezo de saída de 2.200 euros, e para incentivar a súa compra, Caixa Rural axudará con 200 euros por exemplar. Os interesados en adquirir algún destes animais poderán retirar o seu cartón desde unha hora antes.  “Hai uns anos recibimos a solicitude do propio Concello de Folgoso do Courel, interesado en recuperar as antigas feiras de gando que tiñan lugar en Seoane dúas veces ao mes, e todas as poxas que celebramos desde entón finalizaron con boas cotizacións e con todas as xovencas adxudicadas. Esperemos que mañá tamén vaia ben”, sinala o presidente de Acruga, César Dourado. As seguintes poxas nas que está a traballar esta asociación levarán máis xovencas a Cervantes, o próximo 11 de maio, e en Sarria, o día 12 do mesmo mes. 

Porco Silleiro, recuperando unha raza autóctona galega na aldea modelo de Penedo

Falamos con Juan Ramón Fraga, impulsor dunha granxa de porcos silleiros na aldea modelo de Penedo (Boborás), onde procura unha alimentación tradicional e natural, cos animais en pastoreo

Juan Ramón Fraga comezou a recuperar hai máis dunha década unha raza autóctona de porcos, o porco silleiro, que era característica do sur de Lugo. El comezou a traballar coa raza en Monterroso, nunha explotación na que convivía o porco celta tradicional co silleiro, e nos últimos anos trasladou a súa granxa á aldea modelo de Penedo, en Boborás (Ourense), onde tivo facilidades de acceso a terra e apoio de Medio Rural para instalacións axeitadas (peches, casetos).

En que consiste o teu proxecto e como xurdiu? Xurdiu de andar falando cos paisanos, por Monterroso, que falaban do porco silleiro, unha raza que había antigamente e que a súa carne era moi rica. De casualidade, hai 12-14 anos atopei un macho e empecei a cruzar con outras femias, conseguindo que de cada dúas ou tres camadas saíra un porco silleiro. Fíxeno para meter un produto diferenciado no mercado, da nosa terra.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="78999" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Os paisanos falaban do porco silleiro, unha raza que había antigamente e que a súa carne era moi rica

En que fase se atopa agora este proxecto? Está nunha fase de consolidación da raza, poder asentala e que non se perda, que haxa unha variación xenética suficiente para poder ampliar, expandila por máis proxectos en montes comunais.

De onde xurdiu a túa relación co rural e cos porcos? A miña relación co rural vén de neno, da casa do meu avó Teodoro. Era un sitio onde me gustaba ir e escoitar os saberes que tiñan os nosos ancestros. Agora é moi importante saber sumar e non restar, porque parece que os de antes non sabían curar un xamón… E para nada, eu tiven a sorte de vivir en dous mundos totalmente diferente: ata os 14 anos vivín un mundo rural tradicional, onde os nenos ían a malla, onde ao volver da escola tiñamos que levar os porcos a pacer… Ou tiñamos que levar o carro das vacas… E outro mundo onde houbo un impás no que ser labrego era como unha clase inferior, isto antes non era así e tampouco é así noutros países como Francia, onde os gandeiros son máis respetados.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="79000" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Entón, creo que é preciso valorar a importancia da produción de alimentos e na pandemia viuse isto, non sabemos se neste panorama internacional vamos ter máis crises alimentarias. Penso que é fundamental concienciar aos nenos, nas escolas, ensinar o traballo cos animais, como o vivimos a miña xeración de pequenos.

Cales son as principais axudas e dificultades que atopas no teu proxecto? Os que estamos no sector primario, no rural, sabemos que isto é unha dedicación exclusiva, todos os días a todas horas tes que estar pendente. Isto é moi difícil de entender.

É certo que as administracións levan un ritmo máis lento do que nos sería conveniente, para poder levar a cabo este tipo de proxectos, porque significa moito esforzo.

<amp-ad width="300" max-height="300" layout="responsive" type="adspeed" data-zone="85884" data-client="18217"> <div placeholder>Loading ad.</div> <div fallback>Ad could not be loaded.</div> </amp-ad>

Por outra parte, no noso caso tivemos colaboración das Administracións nos peches e instalacións, e parece que están empezando a ver a necesidade que hai de producir desde o rural produtos diferenciados.

Que destacarías da posta en marcha da aldea modelo e como é a relación cos propietarios das leiras? A posta en marcha aquí foi sorprendente, a resposta dos veciños excepcional… Están encantados, veñen aquí a ver os porcos, se preocupan… Ao principio tiñan dúbidas, dicían que os porcos fozan moito, pero insistín en que estes porcos son máis pasteiros, non fozan, levamos un ano aquí e ven que os animais limpan, xa non hai silvas…Están contentos. É un bo pobo e están encantados, de feito unhas 130 persoas firmaron para ceder unhas 600 fincas, e isto provoca que outra xente doutros pobos están vindo a pedirme que lles leve porcos para as súas fincas para mantelas limpas.

A posta en marcha aquí foi sorprendente, a resposta dos veciños excepcional… Están encantados

Que superficie xestionas e que tarefas de mantemento implica? Temos sobre 5 hectáreas de souto de castiñeiros, outras 10 hectáreas de carballos e castiñeiros e froiteiras, este é un pobo onde hai moitas mazás tamén. E teñen outra zona de pastoreo, para que os animais en cada estación do ano sempre teñan alimentos.

Na primavera se alimentan de herbas e llantén, que lles produce unha gran infiltración de graxas. E despois, estamos recuperando cereais e verduras dos que se alimentaban antigamente, como a berza galega, e o alimento característico dos porcos en Galicia: a nabiza, a parte de landras e castañas.

A nabiza é un alimento propio de Galicia que temos que valorala máis. Cómena de novembro a febreiro-marzo, provoca unha infiltración da graxa e un sabor na carne único. Hai que ir rotando aos animais polas diferentes parcelas dependendo dos cultivos e das estacións.

Todas as tarefas as fago eu e de vez en cando, cando o preciso contrato a alguén que me veña cun tractor… pero é unha dedicación exclusiva e algúns din que é de tolos estar aquí.

Que obxectivos tes a curto e longo prazo? Facer algunha explotación máis, seguir en conversas con montes comunais para poder meter porcos nos montes comunais. Fan unha gran labor de limpeza e prevención de incendios, é un animal pasteiro e penso que tamén preveñen plagas, comen gusanos e outros insectos dos montes.

A longo prazo, introducir no mercado unha carne de pastoreo diferenciada de calquera outro animal, pois este animal se diferencia morfolóxicamente.

Por que o porco silleiro e que características ten o animal a súa carne? Pois porque penso que é un animal que vale a pena que non se perda, non quero que se perda.

De feito os únicos que hai en Galicia están aquí. É unha raza autóctona que se estaba perdendo, e se foi un bo alimento nas xeracións anteriores, por que non agora? É xenética galega e me parece unha aberración deixala perder, ainda que sexa por respeto aos que nos deixaron un legado nesta terra e por amor propio. A alimentación tamén hai que recuperala, teñen que alimentarse como se alimentaban antes, e para isto tiven que falar con moitos maiores da zona.

É unha raza autóctona que se estaba perdendo [...] A alimentación tradicional tamén hai que recuperala

Hai unha finca que se chama A cega porque era dunha señora cega e que cultivaba fabas para darlle aos porcos, conta a xente que viña cunha porca silleira e lle daba de comer esas fabas, que parece ser que ten moita máis proteina que a soia, por exemplo. Hai moitas cousas que se están perdendo e non quero que se perdan, vou facer o que poda para que non se perda.

Foi dificil conseguir nai e reproductores para empezar coa explotación? Empezamos hai uns 12 anos comprándolle os porcos a un home que deixaba a explotación, que era da Cañiza, e logo ao final, fomos mercando, e os prezos de compra dependían dos animais.

A xente moitas veces ten que vender os animais das explotacións a baixo prezo porque se ven sobrapasados polos costes do mantemento, principalmente da alimentación. Por iso é fundamental que estas explotacións sexan circulares, e canto máis podas sementar mellor… Mercar cereais ou telos nun almacén implica moitos gastos, e ao final páganche a carne a un prezo que non das chegado aos costes de produción…

Como é o manexo que fas? Os partos vamos asociándoos. Agora cando empecemos coa sala de despezamento, que faremos aquí en Ribadavia, de feito vamos empezar en breve, temos que ter porcos de forma constante e sen picos, porque non podemos matar 50 porcos de golpe… Matamos 4 unha semana, de aí a unhas semanas matamos outros 4… ten que ser unha cousa equilibrada e constante, aos poucos… Dependendo da época do ano, trátase de ir esparcindo no tempo os partos.

Que criterios seguides para a selección das porcas de cría e do semental? Que sexan animais dóciles, que teñan as caraterísticas morfolóxicas correspondentes á raza silleira, que teñan o maior número de tetas… E sobre todo que sexan o máis mansas posibles e que sexan boas parindo.

E como comercializas a carne? Este é un porco de desenvolvemento lento, é un porco que como dicía a xente de antes: unha carne para que sexa boa ten que ter máis de dous agostos. Carne coa graxa infiltrada, cunha cor vermella, no cal é fundamental a alimentación. O prezo é máis elevado que as outras carnes, os chuleteiros con pel e graxa para a restauración están a 16-17€/kg. Este é o prezo no que xa vendía antes da pandemia, pero agora houbo unha pequena subida.

Depende do tipo de carne, da parte… unha media de 16€ kilo, a menos non se pode vender porque perderías cartos. O noso principal cliente é a alta restauración e un perfil de consumidor comprometido coa alimentación, pois é unha carne con moito ferro e graxas insaturadas.

O noso principal cliente é a alta restauración

Cal é o mellor momento para sacrificar aos porcos, a que idade? Unha media de dous anos. Porque é una carne máis feita, como dicían antes. Tamén creo que ten máis propiedades.

Tedes mercado para a venda de leitóns? Non o contemplamos porque entendemos que un leitón, ao mellor me equivoco, pero non se nota tanto a diferencia como nos adultos respecto á carne industrial. Ás veces si que matamos algúns duns 12 kg cando vemos que non cumpre tanto coa morfoloxía do silleiro. Porque é un porco de 3-4 meses que xa comeu herba…

Que perspectivas vos abre o matadoiro móbil da Xunta? É un problema moi grande matar porcos, sobre todo nesta zona. Por aquí non hai ningún matadeiro de porcos, hai un no Carballiño pero só matan vacas. Entón trasladar os porcos, temos que facer 70-80 km ao matadeiro, con todo o problema de loxística, e onde imos por a sala de despezamento? Se temos que facer case 100 km ida e outros 100 volta, isto sube moito o coste. Se veñen e os matan aquí, sería un gran avance.

Como ves o sector porcino? Pois así en liberdade como os meus porcos hai moi poucos… Penso que debería haber máis. Iso non sería competencia para as grandes industrias porque cabemos todos no mercado, e a parte da gran labor que fan de prevención de incendios. Ademais é unha carne totalmente diferenciada a unha industrial, non ten nada que ver na infiltración da grasa, o sabor e as propiedades, por iso o prezo de mercado ten que ser sobre o dobre da carne industrial.

Así en liberdade como os meus porcos hai moi poucos… Penso que debería haber máis.

Que axudas da PAC recibides? Por agora non recibín ningunha, estamos empezando co proceso de papeleo para pedila.

Valorades ter o certificado ecolóxico ou algún etiquetado distintivo? Cando se fixo a CRAEGA, estivemos apoiando e investigando moito e agora empezo a valorar obter o selo, pero estou orientando o tema a que a xente que compra os porcos nos veña visitar, e vexa como é a explotación, como comen, como viven, como cheiran… Aquí non cheira. Orientalo como a un produto de confianza e sen descartar meternos no CRAEGA o día de mañá.

Para asentar este proxecto, participaches no programa de emprendemento da Fundación Juana de Vega. Como valoras esta formación? Aprendín moitísimas cousas e deume unha visión xeral do proxecto, especialmente da parte que máis descoñecía, que é a de comunicación, marketing e economía. Está impartida por xente cun gran nivel, e danche unha visión xeral e específica para poder crecer no mercado, xa que partimos cunha gran desventaxa respecto outros proxectos e grandes industrias, que teñen capacidades económicas moi grandes.

Os prezos no mercado de Amio mantéñense nunha feira con pouca afluencia

Motivado pola festividade da xornada de onte, Día do Traballador, e á falta de concorrencia de gando de recría, tan só 194 reses pasaron polo Mercado de Gando de Amio. En concreto houbo 30 cabezas de vacún mediano e 158 de vacún maior. En canto aos prezos, mantivéronse os da sesión do 24 de abril. Os vogais da Mesa de Prezos da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega decidiron por maioría manter os prezos da sesión anterior para todas as categorías e as calidades desta carne. Máis información - Táboa de cotizacións de Amio (1-V- 2024).

Prezo medio de 2.500 euros na poxa de Acruga en Láncara

As xatas preñadas do centro de recría da Granxa Gayoso Castro acudían por primeira vez a unha poxa en Láncara, e fixérono na festa de exaltación da Tenreira Galega da Pobra de San Xillao, onde a Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega celebraba unha poxa por primeira vez. Os resultados foron moi positivos, segundo a entidade, debido a que houbo moitísimo público, e máis de 20 gandeiros e criadores que retiraron tarxetas acreditativas, dado o seu interese en aquirir algún destes exemplares. Ao final, a poxa finalizou coa adxudicación dos catro exemplares, cun prezo medio de 2.500 euros e a cotización maior foi para unha xata adquirida por 2.600 euros por un gandeiro do Corgo. Os outros tres exemplares leváronos criadores de Sarria, Friol e Baralla. O presidente de Acruga, César Dorado, valorou moi positivamente a presenza da asociación nesta festa. «É a primeira vez que facemos unha poxa aquí e obtivéronse bos resultados, por encima dos prezos de saída. Ademais, participamos como sempre o facemos na exposición de exemplares, cuns 75, e realizamos un concurso, o que permitiu a todos os visitantes que se achegaron ata aquí poder contemplar os mellores exemplares de Raza Rubia Galega". As explotacións máis destacadas neste concurso foron a Gandería A Morena, de Friol; a de José Antonio Ferreiro Palacios, do Corgo; e a de Manuel López Quiroga, de Samos. Precisamente e por esta orde os responsables das mesmas foron tamén premiados cos tres premios que había ao mellor lote. Ademais, foron os que levaron a maioría dos premios nas seis categorías deste concurso, xunto a outras dúas destacadas explotacións, a gandería de Pena Guisende S.C, do Páramo, e a Gandería Santalla, do Corgo.

Baixada nos prezos do vacún maior en Silleda

Na xornada deste martes, a Central Agropecuaria de Galicia-Abanca (Silleda) rexistrou unha baixada de prezos case todas as categorías de vacún maior e dos becerros carniceiros, que son as poxas que se celebraron. A cancelación da poxa de becerros de recría estaba prevista e débese ao festivo do mércores, 1 de maio. En canto á afluencia de gando, nesta xornada pasaron polo recinto un total de 279 animais, dos cales 249 foron adxudicados. Prezos do vacún Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que fai falta ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores. Nos becerros carniceiros, os machos de cruces industriais diminuíron o seu valor en 144 euros e chegaron aos 1.185 euros. As femias baixaron ata os 973 euros (-30 euros). Pola súa banda, os de Rubia Galega vendéronse a 1.206 euros de media os machos, o que supón un incremento de 15 euros, mentres que as femias soben 54 euros e alcanzan un valor medio de 1.080 euros. Os animais comercializados baixo o selo de Ternera Gallega Suprema incrementaron o seu valor 63 euros ata conseguir un prezo de referencia de 1.137 euros. No vacún maior houbo baixada en case todas as categorías. Nos da categoría extra, o descenso do prezo foi de 137 euros e quedou nun valor medio de 2.126 euros. Os animais da categoría primeira subiron 2 euros e alcanzaron os 1.174 euros de valor medio, mentres que os de categoría segunda baixaron 48 euros, ata os 762 euros. Por último, nesta xornada vendeuse un animal de desfeito por un prezo de 537 euros. Os animais comercializados baixo selo Vaca y Buey de Galicia incrementaron o seu valor medio en 488 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 3.133 euros. Mesas de prezos As mesas de cotizacións do porcino mantéñense igual que a pasada semana. Así, o porco selecto queda nos 1,835 euros; o normal en 1,81 euros e o de Canle II nos 2,351 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 0,9 e 0,96 euros o quilo. Nos leitóns , os exemplares chegados dunha única granxa están nos 105 euros (cun prezo de 5,25 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 100 euros e cun prezo por quilo de 5 euros. En ambos os casos houbo un descenso de 2 euros. O mercado do ovo presenta baixadas do 0,03 e 0,05 con respecto á semana pasada, excepto os da XL, que quedan igual (2,83 euros). Os da L presentan unha baixada de 0,03 e alcanzan os 2,28 euros e nos da M e a S a baixada é de 0,05 e quedan nun valor medio de 2,08 e 1,77 euros, respectivamente. O prezo do coello mantense igual, nos 2,20 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Estas son as xovencas de Rubia Galega que este mércores se poxarán en Láncara

A Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (Acruga) segue adiante co seu calendario de poxas para responder á demanda de exemplares de calidade de pura raza e incrementando ademais as súas citas, segundo a demanda dos concellos. Este é o caso de Láncara, concello que solicitou a organización dunha poxa de xovencas, como parte do programa de actividades da Feira da Tenreira Galega, que cada ano fai unha auténtica exaltación da carne galega. Acruga leva anos participando na exposición desta festa, trasladando até Láncara aos mellores exemplares de rubia  galega e este ano, por primeira vez, realizará unha poxa de animais. Trátase de catro xovencas, procedentes do centro de recría da granxa Gayoso Castro, depediente da Deputación de Lugo, con idades comprendidas entre os 22 e 27 meses, e preñadas de 6 e 7 meses. Proceden de gandarías de Ourense, dúas do Corgo e unha de Lugo, e contan cunha xenealoxía de touros tan coñecidos pola súa xenética como Paderne AG ou Quijano AG, ademais de touros de monta natural. Todas elas terán un prezo de saída de 2.200 euros con axudas á compra de 200 euros por exemplar de Caixa Rural Galega. En canto ao concurso-exposición, outra das grandes citas desta festa, Acruga participará cun total de 75 animais procedentes de dous 2 ganaderias do Corgo, unha de Samos, dúas de Friol, unha de Vilalba e outra do Páramo.

Feira Degustación da Tenreira Galega este martes e mércores en Láncara

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, á esquerda, e o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro , na presentación da feira A Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara celebrarase este martes e mércores, 30 de abril e 1 de maio, cun amplo programa de actividades para celebrar o seu 25 aniversario. Unha das grandes novidades para conmemorar estes 25 anos de feira son os cantos de taberna e a foliada popular con degustación gratuíta de Tenreira Galega Suprema, que terá lugar o 30 de abril, na Praza dos Labradores da Pobra de San Xiao, e na que se repartirán 200 quilos de carne entre os asistentes. 

Festa dos avós, degustación, artesanía e gando vacún

A XXV Feira Degustación da Tenreira Galega de Láncara inclúe un amplo programa de actividades para todos os públicos. Os actos comezarán mañá martes, 30 de abril, coa celebración da XV Festa dos Avós, que terá lugar no Campo da Feira.  Ese mesmo día destaca tamén a foliada e degustación gratuíta de Tenreira Galega Suprema na Praza dos Labradores.  O mércores, primeiro de Maio, o recinto feiral ofrecerá actuacións musicais, artesanía, agricultura e o tradicional concurso de gando vacún. Haberá tamén poxa de xovencas e o sorteo dunha becerra entre os empadroados no concello e os asistentes á comida da carpa.  O programa completo é o seguinte:  30 DE ABRIL. XV FESTA DOS AVÓS 12.30 h. Recepción por parte da Corporación municipal na carpa instalada no Campo da Feira da Pobra de San Xiao 13:00 h. Actuación musical 13:15 h. Intervención autoridades 13.45 h. Comida na carpa instalada no Campo da Feira da Pobra de San Xiao 16:30 h. Actuación musical 18.00 h. Exhibicións Escolas Deportivas Municipais no Pavillón Polideportivo 20.30 h. Cantos de Taberna polos bares da Pobra de San Xiao 22.30 h. Foliada popular e degustación gratuita de Tenreira Galega Suprema na Praza dos Labradores 1 DE MAIO 10:00 h. Apertura da XXV Feira da Tenreira Galega 12:00 h. Recepción das autoridades no Campo da Feira 12:15 h. Apertura stands, degustación gratuita de queixos artesáns, sidra ecolóxica do país 12:30 h. Subasta de varias xovencas 12:45 h. Percorrido polo recinto feiral e visita ás instalacións do gando 13:00 h. Pregón a cargo de Rosa Sierra 13:30 h. Sesión vermú a cargo de Punto Clave 14.00 h. Xantar (con carne de Terneira Galega Suprema) 17:00 h. Exhibición ecuestre 17.45 h. Entrega de premios do concurso de gando vacún e sorteo becerra 18:30 h. Actuación a cargo de Punto Clave

Recomendacións de Calfensa para a campaña de millo

Nos solos galegos, de carácter ácido, a caliza é un aliado fundamental para optimizar a nutrición dos cultivos, pois contribúen a que as plantas capten e asimilen os nutrientes aportados por abonos e xurros. Repasamos da man de Calfensa a gama de produtos dispoñible no mercado e consellos de aplicación para a campaña de millo.

Gama de produtos

Caliza agrícola O carbonato cálcico, a caliza agrícola tradicional, é un produto moi empregado e non caústico. O grao de finura do produto determinará o seu tempo de reacción en chan. “Canto máis fino é un produto, terá un maior número de partículas que se descompoñerán antes no solo. No caso das calizas de Calfensa, estamos falando dun tempo de reacción de 3 – 4 semanas, dependendo de factores como a humidade do solo ou as súas características”, explica Alberte Momán, enxeñeiro técnico agrícola do departamento comercial de Calfensa. “Paga a pena valorar que tipo de produto se está usando, pois hai no mercado produtos pouco reactivos ou cun maior grao de impurezas”, valora o técnico. Outra cuestión a ter en conta é a capacidade da caliza para correxir a acidez do solo, que se mide polo seu valor neutralizante. A caliza agrícola de Calfensa presenta un valor neutralizante de 50, polo que para a maioría de solos agrícolas galegos, caracterizados pola súa acidez, serán precisas doses de aplicación de 2.000 – 2.500 Kg. / hectárea. “Esta é a dose habitual, pero sempre aconsellamos que o produtor faga unha análise de terras para facer un encalado con maior precisión”, sinalan en Calfensa. No mercado das calizas, hai ademais mensaxes que levan á confusión, pois existen produtos que se presentan nun formato de granulado esférico con doses de aplicación recomendadas de 400 – 600 Kg. / hectárea. “Non hai explicación técnica para aconsellar unha dose tan baixa, pois o valor neutralizante destes produtos é igual que o da nosa caliza, polo que a cantidade a aplicar ten que ser a mesma” -advirte Alberte Momán.- “Hai que prestarlle atención ó valor neutralizante do produto”, recomenda. Outra situación confusa pode producirse con calizas procedentes de Portugal, país que ten un sistema diferente para medir o valor neutralizante. Así, calizas lusas que se presentan en Galicia cun valor neutralizante de 85 son equivalentes ás calizas españolas con valor neutralizante de 40. Por último, cómpre sinalar que no mercado hai tamén calizas a base de dolomita, cun tempo de reacción máis longo que o carbonato cálcico, se ben non é un produto co que traballe Calfensa. Caliza magnesiana (Caliza agrícola + óxido de magnesio) Os solos agrícolas galegos adoitan presentar carencias de magnesio, polo que Calfensa ofrece unha caliza agrícola que incorpora un 20% de óxido de magnesio. Corríxense así as deficiencias en calcio e magnesio, dous elementos importantes para mellorar a nutrición dos cultivos. A incorporación do óxido de magnesio eleva o valor neutralizante do produto a 60, polo que a dose será lixeiramente inferior á do carbonato cálcico. A aplicación das calizas agrícolas é realizada por Calfensa por medio de equipos con brazos dosificadores, dotados dun sistema de pesado e dosificación programado. A empresa conta con tres equipos aplicadores, cos que responder ós picos de demanda da primavera, e tamén se mantén en servizo un aplicador con aire a presión, xa que é máis versátil para parcelas que presentan dificultades no uso dos equipos con brazos aplicadores. Óxido de calcio e óxido de magnesio Son os produtos que presentan unha maior velocidade de reacción, se ben o seu custo tamén é máis alto. O valor neutralizante do óxido de calcio está en 92 e o da dolomía calcinada (óxido de calcio e óxido de magnesio) en 92,8. Eses valores determinan a aplicación de doses medias en Galicia de 1.200 – 1.600 kg. / hectárea. O produto servido por Calfensa preséntase granulado, a modo de gravilla, e pode ser esparcido polo propio gandeiro por medio de abonadoras. “A principal vantaxe que ofrece é a comodidade”, sinalan na empresa. Novamente hai que ter en conta factores como o valor neutralizante do produto ou a súa facilidade para desfacerse no solo.

Consellos de aplicación

Incorporación ó solo Dado que a acción do encalante é por contacto directo, cómpre facer un esparexido homoxéneo en toda a superficie, así como unha incorporación inmediata ó solo por medio dun laboreo. Deste xeito, garantirase o beneficio do produto en toda a zona que ocuparán as raíces do cultivo. Suba do pH Deben usarse doses que non suban o nivel do pH do solo máis dun punto, xa que unha suba repentina maior tería efectos negativos nos microorganismos do solo. Aplicación de xurros e abonos No posible, é conveniente esperar unhas semanas a que o produto encalante teña reaccionado no solo antes de incorporar xurros, estercos ou abonos. De non facelo así, o encalante pode reaccionar co esterco ou con abonos nitroxenados amoniacais, desprendendo amoniaco e, por tanto, reducindo a capacidade de fertilización do abono ou do xurro. Tamén pode repercutir de xeito negativo nos fosfatos.

Contacto Calfensa

  • Teléfono: 982 30 59 02

Principais beneficios das calizas

  • Evítase o bloqueo e fixación dos fosfatos, ao formarse compostos de calcio máis asimilables polas plantas.
  • Redúcese a toxicidade de determinados minerais para as plantas, como o aluminio, o ferro ou o manganeso.
  • Favorécese a absorción de Molibdeno (Mo) presente no solo por parte das plantas, algo que é especialmente positivo nas leguminosas, que presentan altas necesidades do mineral.
  • Mellora a estrutura do solo e as súas propiedades físicas.
  • Estimúlase a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor transformación da materia orgánica e nunha maior dispoñibilidade de nutrientes.
  • Contribúe ó bo desenvolvemento e distribución das raíces das plantas.

Media de 2537 euros na poxa de Acruga na Fonsagrada

A neve que caeu practicamente toda a mañá deste sábado no concello lugués da Fonsagrada non impediu a celebración da poxa de xovencas preñadas de Acruga no mercado gandeiro deste concello, nin que se adxudicasen o catro animais presentados, cun prezo medio que alcanzou os 2.537 euros. Si que houbo menos gandeiros que noutras ocasións, e un total de 10 cartóns retirados antes do inicio da poxa, todas eles de criadores da provincia lucense. A primeira das xovencas preñadas, procedente do centro de recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo, foi a que logrou un maior prezo na venda, ao alcanzar os 3.100 euros. Foi adquirida por unha gandaría de Sarria. Seguindo coa orde da poxa, a segunda, terceira e cuarta toura adxudicáronse por 2.450, 2.400 e 2.200 euros, a criadores con explotacións en Baleira, Ribadeo e Baleira. O concello de Láncara será o escenario da próxima gran cita de Acruga, a da Festa dá Tenreira Galega, o próximo 1 de maio, un dos eventos máis importantes en canto á exaltación da carne de calidade, na que Acruga sempre estaba presente cunha exposición dos mellores exemplares da Raza Rubia Galega. Este ano, por primeira vez, completará a súa participación coa poxa de exemplares, respondendo así á chamada do propio Concello de Láncara e á demanda de exemplares de Raza Rubia Galega por parte dos criadores.