Category Archives: Apicultura

Xornadas informativas en Lugo sobre a vespa velutina

A Asociación Galega de Apicultura (AGA), con apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, lanzou a campaña 'Convives ou combates. Ti elixes', dedicada á loita contra a vespa velutina. A iniciativa, que inclúe varios encontros informativos, percorrerá catro concellos da provincia entre o 11 e o 18 de maio. Os eventos comezarán en Samos e Lugo este sábado, 11 de maio, ás 11.00 horas no Centro Multiusos do Concello, e continuará o mesmo día ás 18.00 horas no Vello Cárcere de Lugo. O sábado seguinte, 18 de maio, as charlas desprazaránse ás Escolas Vellas de San Miguel de Reinante en Barreiros pola mañá, e pola tarde na oficina de turismo de Carballedo. Estas xornadas abordarán a importancia da implicación cidadá no control da vespa velutina e promoverán a adopción de medidas para combatela sen prexudicar as explotacións apícolas tradicionais. O ciclo de actividades concluirá no verán con sesións de formación práctica. A inscrición para estas actividades é gratuita e pode facerse enviando un correo a info@apiculturagalega.gal.

Presentado o plan estratéxico de promoción da IXP Mel de Galicia

O pasado día 30 de abril, presentouse ao pleno do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia o plan estratéxico de promoción do produto, co fin de reforzar os atributos e valores do Mel de Galicia certificado. Un dos seus principais obxectivos é, precisamente, o de incrementar a súa comercialización a nivel nacional e internacional. Entre as accións levadas a cabo con este fin, atopamos o primeiro Túnel do Mel de Galicia na trixésimo sétima edición do Salón Gourmets, celebrada en Madrid entre os días 22 e 25 de abril, organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL) en colaboración co Consello Regulador da IXP. Primeiro Túnel do Mel de Galicia no Salón de Gourmets Un total de 19 marcas comerciais pertencentes a envasadoras acollidas a este selo de orixe e calidade, entre as que se atopaban os meles premiados nas Catas de Galicia 2023 foron os protagonistas nesta viaxe guiada pola presidenta da IXP, Ma. Esther Ordóñez Dios. Os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer a calidade e a diversificación do Mel de Galicia ao degustar 30 referencias dos distintos tipos de meles: multiflorais; monoflorais de eucalipto, breixo, castiñeiro, silva; e o mel de melada ou de bosque. Isto, representa unha forma de valorizar tanto as marcas comerciais coma os diferentes tipos de meles adscritos á IXP Mel de Galicia, á vez que se recoñece a importancia dun oficio ancestral coma é a apicultura e un produto senlleiro da despensa galega coma o ouro doce. Outro dos targets que establece o plan de promoción son os mais cativos. Para eles, ademais das accións levadas a cabo nos colexios galegos, no marco da feira Goumets tamén se organizaron os Talleres Infantís con Mel de Galicia destinados a máis de 900 escolares de Madrid e os seus mestres. Guiados por Beatriz Ríos Cebreiros, técnica e formadora do panel de cata da IXP Mel de Galicia, puideron coñecer de cerca o apaixonante universo das abellas, o proceso de obtención do mel e degustar os distintos tipos de mel da natureza galega. Mel de Galicia en datos Con estas iniciativas, o sector aposta por dar un valor engadido ás súas producións, algo que se reflicte no aumento dun 8% no número de envasadores certificados nos últimos anos, sumando na actualidade un total de 42 envasadoras certificadas da IXP Mel de Galicia. Do mesmo xeito, a xente moza xa ve a apicultura como unha profesión con futuro, representando o 15% dos inscritos. Sen embargo, “tamén é certo que o mel colleitado descendeu un 20% no último ano debido a factores como a climatoloxía ou a presenza da vespa velutina, entre outros. No caso do mel contraetiquetado, descendeu a comercialización preto dun 7%. É por iso que é necesario un plan estratéxico para o sector apícola galego que non só beneficiará á apicultura, senón tamén a outros sectores vinculados como son a agricultura, a gandaría ou a alimentación humana”, demandan desde o Consello Regulador. “Iso si, cabe subliñar que o descenso na produción non se viu reflectido no valor do mel xa que, neste senso, Mel de Galicia incrementou o seu valor nun 35% en cinco anos” apuntan.

Cales son as trampas máis eficaces e selectivas para capturar vespa velutina?

Sandra V. Rojas Nossa, Salustiano Mato, Pilar Feijóo, Aarón Lagoa e Josefina Garrido, investigadores do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, realizaron diferentes investigacións que recolleron no artigo 'Comparación da eficacia e selectividade de trampas con cebo para a captura do avispón invasor Vespa velutina'. A finalidade do estudo céntrase en comparar a efectividade (taxa de captura de V. velutina) e selectividade (taxa de captura de V. velutina/taxa de captura de especies non obxectivo) de catro modelos de trampa. As trampas con cebo utilízanse comunmente para tentar reducir a poboación invasora do avispón asiático Vespa velutina. Con todo, o método xera controversia porque a evidencia suxire que a captura primaveral non é eficaz para reducir a poboación e tamén polo elevado número de capturas doutras especies. No entanto, apareceron no mercado novos modelos que reivindican a súa selectividade. Neste proxecto, que levaron a cabo na primavera de 2022 no suroeste de Pontevedra, dividiron o terreo nunha cuadrícula de 1 km2 nunha rexión costeira da provincia e eliximos cuadrículas con relativa abundancia de colonias de V. velutina- o ano anterior, entre 1 e 8 niños/km2. En cada cuadrícula asignouse aleatoriamente un modelo de trampa. En total, colocaron seis trampas de cada modelo para un total de 24 trampas. Efectividade e selectividade de trampas con cebo destinadas a capturar a avispa asiática invasora Vespa velutina. (a) Efectividade e (b) selectividade transformada logarítmicamente Durante o proxecto probaron catro tipos de trampas, tres comerciais e un prototipo. A trampa VespaCatch® (trampa V), Véto-pharma, ten tapa negra con dous orificios de entrada laterais e un recipiente de plástico amarelo que contén o líquido atraínte, onde os insectos morren afogados. A trampa Econex® (trampa X) ten teito verde, tapa amarela cun buraco central e un recipiente transparente cunha malla plástica que divide o colector en dúas partes; a base que contén o cebo líquido é unha cámara principal onde os insectos morren por esgotamento. A trampa Eva® (trampa E), consta dunha botella de plástico transparente con dúas pezas laterais amarelas. Estas teñen un buraco máis grande que funciona como entrada e catro buracos máis pequenos que se utilizan como saída de insectos. Ademais, a trampa está provista de bólas de arxila expandida, para evitar que os insectos morran por ahogamiento, e bridas de plástico que permiten aos insectos camiñar cara ás saídas. A cuarta trampa foi un prototipo en fase de desenvolvemento industrial (trampa R). Consta dunha tapa transparente en forma de cúpula provista de dúas entradas laterais e un recipiente amarelo que sostén o atrayente líquido. O colector está dividido por unha malla de plástico onde os insectos morren por esgotamento. Probaron a efectividade e selectividad de catro modelos de trampa: (a) VespaCatch, (b) Econex, (c) Eva e (d) unha trampa en desenvolvemento. Todas se encheron co mesmo tipo e cantidade de cebo A trampa E tivo unha maior efectividade e unha maior selectividade, mentres que a R tivo a menor efectividade e selectividade. As trampas VespaCatch e Econex tiveron altas taxas de captura, pero tamén a selectividade máis baixa das trampas avaliadas, con capturas de especies nativas vulnerables. En conclusión, "o trampeo continúa sendo ambientalmente insustentable e non recomendado como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida", destacan os investigadores. Todas elas son trampas usadas en Galicia e en canto ao prezo, "probablemente o custo económico é menor en termos do que custa a compra dunha trampa, pero non se estimou o custo que implica a afección para as especies nativas e por tanto para os servizos ecosistémicos; é dicir, aqueles servizos que achegan os ecosistemas aos seres humanos", indican.

Trampa ambientalmente sustentable

Nos resultados indícase que, coas trampas probadas, a captura con cebo segue sendo ambientalmente insustentable e non se recomenda como método de control en rexións cunha poboación invasora establecida. Todo isto está motivado pola diversidade e abundancia das especies nativas. Así mesmo, indícase que as trampas son altamente contaminantes e para conseguir un trampeo ambientalmente sustentable deberíanse empregar aqueles aparellos que só capturen a Vespa Velutina. Nas conclusións tamén se indica que a trampa E supón unha mellora en termos de selectividade ao comparar as taxas de captura doutras trampas. Isto vén motivado porque "todos os detalles do deseño dunha trampa inflúen sobre a súa funcionalidade. Probamos as trampas como un todo e non comparamos os diferentes detalles entre elas. Iso requiriría un deseño experimental diferente". Por iso, non é recomendable utilizar a trampa E, porque "a captura con cebo é unha ameaza adicional para a biodiversidade nativa, o que se aplica a esta trampa". En Galicia úsanse moitas trampas. Até agora non hai estudos que demostren que hai unha trampa efectiva e completamente selectiva.
No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo seguen a traballar na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos
Adicionalmente, a evidencia científica demostra que o trampeo de primavera non reduce a cantidade de nidos nunha área. Moitas veces o argumento que se usa para xustificar as capturas de insectos nativos no trampeo de primavera, é que probablemente as colonias nas que as raíñas fundasen consumirían unha cantidade de insectos similar ou mesmo maior. Pero este argumento non é válido, xa que os insectos que caen nas trampas e os que consome V. velutina non son os mesmos, e por tanto o trampeo é unha presión engadida sobre as especies nativas. Por estas razóns, a recomendación neste momento continúa sendo non usar trampas con atraínte polos danos ambientais que leva o trampeo. No entanto, prodúcense novas trampas e atraíntes que hai que probar. No grupo de Bioloxía Ambiental da Universidade de Vigo continúan traballando na procura de métodos de control de V. velutina que sexan eficientes e selectivos. "En base aos nosos estudos estamos a deseñar un novo modelo que pretende mellorar os resultados obtidos, para o que é clave un estudo enfocado en determinar se existen atrayentes realmente selectivos", conclúen.

O Goberno pretende deixar de subvencionar a alimentación das colmeas

Alimento sólido de mantemento, usado en outono-invierno nas colmeas O sector apícola de COAG denuncia que o Ministerio de Agricultura pretende eliminar a subvención á alimentación suplementaria das abellas, vital diante dos efectos do cambio climático e a elevada mortandade en colmeas, e que en 2023 supuxo un sobrecusto anual de 10.000 euros para unha explotación tipo de 500 colmeas. Durante a reunión deste mércores co secretario xeral de Recursos Agrarios e Seguridade Alimentaria do Ministerio de Agricultura, Fernando Miranda, o sector apícola de COAG mostrou o seu absoluto rexeitamento a esta proposta, que tamén eliminaría os apoios á compra de cera, equipos de protección individual ou gastos de envío e recollida de mostras.
A alimentación suplementaria das abellas é vital diante dos efectos do cambio climático e a elevada mortandade en colmeas debido á varroa e a vespa velutina
“O ministerio non pode botar balóns fóra e dicir que son imposicións de Bruxelas. A decisión do Ministerio baséase nunha interpretación excesivamente restritiva da base legal aplicable, polo que hai marxe para buscar alternativas e negocialas coas autoridades comunitaritas, tal e como nos trasladaron na propia UE”, subliñou Pedro Loscertales, responsable do sector apícola de COAG.
En Galicia, a Xunta xa priorizou este ano dentro do Plan Apícola os elementos de protección de colmeas contra a velutina e os tratamentos para a varroa fronte á alimentación e as ceras
A alimentación complementaria refírese a diferentes prácticas de suplementación da alimentación natural, practicamente imprescindibles na actualidade, que axudan aos apicultores a reducir a mortandade das súas colonias debido a cuestións ambientais (os efectos do cambio climático sobre a vexetación), a cuestións sanitarias (o debilitamento das colonias polas accións directas e indirectas do ácaro Varroa destrutor e polas técnicas de manexo utilizadas para maximizar a eficacia dos tratamentos) ou aos danos provocados por especies invasoras exóticas (Vespa spp.)
Os apicultores españois arrastran tres campañas consecutivas de graves perdas pola seca
O sector apícola de COAG xa remitiu ao MAPA o pasado mes de marzo un informe elaborado polos Servizos Técnicos de Apicultura desta organización que baixo o título, A alimentación suplementaria: unha ferramenta imprescindible para a supervivencia das colonias de abellas, advertía dos graves efectos para a viabilidade das explotacións profesionais apícolas da retirada destes apoios económicos. “Isto sería moi problemático no sector, non só polo que suporía en próximos exercicios, senón tamén porque moitos dos conceptos que se poñen en cuestión xa foron obxecto de gasto na campaña actual”, apostilou Loscertales. Os apicultores españois arrastran tres campañas consecutivas de graves perdas por mor da seca, con reducións da colleita de mel de ata o 80% nas zonas con menores precipitacións. A pesar diso, os prezos pagados pola industria envasadora mantivéronse por baixo dos custos de produción, situando a miles de explotacións apícolas por baixo do limiar de rendibilidade.

Últimas prazas para curso de apicultura en Cambre

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas informa das últimas prazas libres para o curso de apicultura que vai impartir durante o mes de abril e maio en Brexo (Cambre) (https://maps.app.goo.gl/9uJQbUSSwV4Y61fFA). A formación é de balde e dará comezo este sábado, 6 de abril. Días: os sábados 6, 13 de abril e 11 de maio Horario: de 10:00 14:00 Imparte Brais Álvarez (apicultor) Esta actividade está financiada polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA).

Curso en Ourense sobre xenética e crianza selectiva de abellas

A Agrupación Apícola de Galicia organiza un curso sobre xenética e crianza selectiva de abellas melíferas. A formación, de carácter teórico e práctico, terá lugar os días 15 e 16 de abril na Valenzá, no concello ourensán de Barbadás. O curso será impartido por Ernesto Guzmán Novoa, entomólogo, veterinario e Director do Centro de Investigacións en Abellas da Universidade de Guelph, en Canadá. Para asistir ao curso é imprescindible anotarse, a través do número de watsapp 646788215. O custo é de 20 euros para socios e de 70 euros para para persoas non socias da Agrupación Apícola de Galicia.

A Xunta reorienta a estratexia para combater a vespa velutina

O conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, e o alcalde de Porto do Son, José Luis Oujo, visitou hoxe este concello coruñés, onde se está a levar a cabo a instalación de trampas para combater a presenza da avespa velutina. Estes labores enmárcanse dentro das novas medidas executadas este ano pola Xunta de Galicia para facer fronte a esta especie invasora. Esta mañá, José González remarcou que "o Goberno autonómico leva realizado un inxente traballo para combater a avespa velutina, apoiándose no programa autonómico acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) -ao que este ano están adheridos os 313 concellos galegos"-. “Só no ano 2023 rexistráronse 56.600 avisos e retiramos, a través de Seaga, máis de 29.500 niños”, lembrou o titular do Medio Rural en funcións. Con todo, ante a evolución da presenza deste insecto en Galicia, José González destacou o compromiso da Xunta para “seguir avanzando” en coordinación cos concellos, axentes do territorio ou os investigadores. Así, salientou que estas novas iniciativas activadas este ano para frear a expansión da velutina na comunidade contan con catro eixos de actuación -retirada de niños primarios, trampeo selectivo, formación e investigación-, que se desenvolverán ao longo de todo o ano nas catro provincias galegas. Sobre o trampeo, “selectivo, planificado e coordinado”, o titular do Medio Rural en funcións explicou que a súa instalación comezou en concellos das provincias de Coruña e Pontevedra para avanzar a continuación, xa esta mesma semana, por Lugo e Ourense. Este labor é xeolocalizado e na súa instalación tense en conta a análise dos datos do 2023, para potenciar a súa efectividade, e está sendo desenvolvido apoiado nun operativo de trampeo coordinado no que participará persoal de Seaga ou traballadores do Servizo de Prevención e Defensa contra incendios da Xunta. O conselleiro cualificou os traballos fronte a expansión da velutina como “unha loita conxunta, na que cremos que temos que estar todos” e apostou polo trampeo e polo seguimento da captura de raíñas como “un paso necesario” para afondar no control desta especie invasora. Engadiu que neste proceso “estamos seguindo estritamente os criterios técnicos e as recomendacións que nos están dando, dende un punto de vista científico” e que “as trampas son as mellores dispoñibles no mercado” para estas tarefas. Os dispositivos, remarcou, colocaranse “naqueles puntos xeolocalizados que máis nos interese” para facer fronte, de xeito efectivo, a este problema. A medida atende unha das principais demandas do sector apícola e permite facer un seguimento e estudar a evolución da presenza da velutina debido ao rexistro dos datos na aplicación informática Contravelutina. A información recollida será avaliada de xeito continuado por un grupo de técnicos especializados. Grazas aos resultados obtidos poderán tomarse medidas correctoras que melloren a eficacia deste sistema, explicou esta mañá en Porto do Son o conselleiro en funcións. O trampeo céntrase agora na captura de raíñas que ao comezo da primavera saen na procura de alimento a construír os primeiros niños. José González adiantou que o traballo que se realizará nos meses de outono e inverno terá por obxectivo a captura de machos e de novas raíñas que emerxen dos niños secundarios durante a etapa de declive do mesmo. Tamén se realizará un trampeo selectivo nas abellarizas en canto aparezan os primeiros abáboros.

Aposta pola formación e a investigación científica

Por outra parte, neste 2024 adiantouse a retirada dos niños primarios de pequeno tamaño, ademais de incidirse na formación, información e divulgación entre todos os efectivos que traballan na loita contra esta especie, os profesionais afectados e o conxunto da cidadanía, activando ademais unha campaña de divulgación. Ademais, dentro da nova batería de medidas está o impulso á investigación científica para coñecer en maior profundidade o comportamento da velutina e frear con máis eficacia a súa propagación.

Renovación da encomenda a Seaga para a retirada de niños en toda Galicia

O Goberno autonómico renovou por quinto ano consecutivo a encomenda á empresa pública Seaga para a execución do programa galego de vixilancia e control fronte a avespa velutina acordado no 2020 entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), e que como novidade, este ano conta coa adhesión por vez primeira da totalidade dos 313 concellos galegos. Con este acordo, a Xunta ofrece unha solución homoxénea, centralizada e coordinada cos concellos para a eliminación e retirada de niños desta especie a través do equipo de Seaga, que conta cun equipo encargado de organizar aos efectivos de intervención, que foron reforzados polo Goberno autonómico coa dotación de material e medios necesarios para esta actividade -dende pértegas e equipos de protección individual ata material informático-, ademais de contar coa formación específica necesaria. A poboación pode notificar na liña específica do Teléfono de Atención e Información á Cidadanía 012 -operativa as 24 horas do día e os 365 días do ano- a detección dun niño de velutinas ou alertar da súa presenza, sendo posteriormente informadas a través dun servizo de comunicación vía SMS da resolución do aviso por parte da Xunta, que vén implantando nos últimos anos novas tecnoloxías para habilitar formas de contacto alternativas, como a app Contravelutina, na que ademais de incluír os datos do trampeo é empregada por Seaga para xestionar os avisos -introducindo en tempo real os datos de xeolocalización e fotografías do niño, as observacións de cada caso e o resultado final-.

Porriño acollerá o 13 de abril a XXXVI Feira Apícola das Rías Baixas

A XXXVI Feira Apícola das Rías Baixas celebrarase no Porriño o vindeiro 13 de abril. Nesta cita, organizada pola Agrupación Apícola de Galicia e a Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra, espérase a participación de produtores, artesáns e envasadores de mel. Dentro da Feira tamén se celebrarán xornadas técnicas internacionais sobre apicultura xunto á Feira do Mel e o Mercado de Artesanía. A participación para estar presente na Feira é de balde. Velaquí o programa: 

Convocadas axudas do Ministerio para proxectos de investigación no sector apícola

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación convoca as subvencións, cun orzamento de 519.464 para 2024, para impulsar proxectos de investigación aplicada no sector apícola e os seus produtos. O obxectivo é mellorar as condicións de produción e comercialización dos produtos apícolas en España e que o sector poida afrontar con máis facilidade os retos aos que se enfrontan. Segundo o extracto da resolución do Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA) publicado hoxe no Boletín Oficial do Estado (BOE), a contía máxima da axuda será de ata 300.000 euros por proxecto subvencionable e convocatoria no caso de proxectos plurianuais de tres anos de duración; ata 200.000 euros no caso de dous anos; e ata 100.000 euros no caso dos proxectos cun ano. Estas axudas correspóndense á Intervención Sectorial Apícola recollida no Plan estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) e inclúe numerosos tipos de intervencións, entre elas a colaboración con organismos especializados para desenvolver programas de investigación neste sector, fundamentais para favorecer a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico. A investigación aplicada e a innovación preséntanse como unha das estratexias máis eficaces para mellorar a competitividade e rendibilidade do sector apícola, cun impacto directo sobre a economía das empresas que a aplican ao contribuír a reducir o custo de produción e incrementar o valor engadido de maneira directa. A estas axudas poden optar tanto entidades asociativas (como cooperativas agrarias, sociedades agrarias de transformación, agrupacións de defensa sanitaria e agrupacións de calquera destas figuras) como organismos e equipos de investigación especializados (centros públicos de I+D, centros públicos e privados de I+D sen ánimo de lucro ou centros tecnolóxicos, entre outros), que realicen programas de investigación no sector da apicultura e os produtos apícolas. Os beneficiarios deben cumprir cos requisitos establecidos no artigo 3 das bases reguladoras (Orde APA/111/2024, do 8 de febreiro). As solicitudes de axuda cumprimentaranse segundo o modelo dispoñible na sede electrónica do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación () e presentaranse no prazo de 20 días hábiles contados desde mañá, día 21. Na sede electrónica atópanse dispoñibles distintos documentos para o enchemento das solicitudes, así como os datos de contacto para resolución de dúbidas.

Xuntanza Abelleira este sábado en Arzúa

A localidade de Arzúa será o lugar onde se celebre a Xuntanza Abelleira este sábado, 16 de marzo. Os diferentes actos realizaranse dentro do Mercado Centro Multiusos "Terra do Queixo". Aproveitando o encontro, celebrarase a votación para a nova Xunta Directiva da Asociación Galega de Apicultura. A nova edición abrirá as portas ás 10:00 da mañá o sábado 16 de marzo e ás 10:30 realizarase a presentación de candidaturas para a Xunta Directiva. Haberá dúas asembleas extraordinarias e outra ordinaria. As urnas estarán abertas de 10:30 a 13:30 e o escrutinio da votación será entre as 13:30 e as 14:00. Pola tarde impartiranse tres conferencias. A primeira estará a cargo de Josep María Bas, quen falará sobre o control do tártago na poboación de abellas. Seguidamente Eloy Álvarez será quen imparta a conferencia sobre a vespa velutina. Por último, Carlos Zafra será o experto que imparta a palestra sobre a varroa. A exposición e venda de produtos estará aberta desde as 10:00 até as 19:00.

DAGA Barbanza-Salnés organiza un obradoiro apícola na Pobra do Caramiñal

AGA-DAGA Barbanza-Salnés organiza unha xornada sobre apicultura na Pobra do Caramiñal para o día 23 de marzo. A xornada estará en horario de mañá, de 10:00 a 14:00, e de tarde, de 16:00 a 19:00 horas. Durante o horario de mañá impartirase unha palestra cun experto en floración apícola en Galicia e o pole. Na quenda de tarde, un apicultor profesional ofrecerá coñecementos sobre recollida e procesado de mel. A xornada impartirase a partir dun mínimo de 15 persoas. O custo de inscrición será de 25€ para os socios de AGA, para os non socios será de 35€. Se se chega a un número de 20 persoas asistentes haberá unha rebaixa de 5€ na inscrición. Quen desexe poderá facer reserva para comer por 13€ con dous pratos, café, postre e bebida. DAGABARBANZA@ELMUELLE.ES

A IXP Mel de Galicia impulsa a plantación de castiñeiros en Valdeorras para restaurar o hábitat das abellas

A Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia arrincaba o pasado 2023 cunha campaña destinada a honrar e dignificar a apicultura galega baixo o título ‘Un modo de vida’. Seguindo precisamente esta filosofía na que a preservación da biodiversidade, o coidado das abellas e a valorización dun oficio tradicional son o eixo central, o Consello Regulador da IXP lanzaba a iniciativa ‘Elixindo un modo de vida’, un proxecto de reforestación que hoxe, 26 de xaneiro, vía a luz. Así, este venres pola mañá a concelleira de Medio Ambiente do Barco de Valdeorras, Diana Urdangaray, e o Consello Regulador da IXP máis daban por iniciada a plantación de 500 castiñeiros nunha das áreas arrasadas polos incendios en Valdeorras do 2022. Concretamente, na parroquia de Alixo, pertencente ao concello valdeorrés. A elección desta árbore senlleira débese a que se trata dunha especie melífera e autóctona con moito que ofrecer. Ademais de flor para a polinización e a consecución de mel, tamén se obterán castañas nun futuro, contribuíndo así coa dinamización do medio rural. Coa axuda das veciñas e veciños do Barco de Valdeorras puido levarse a cabo esta acción, en coincidencia co Día Mundial da Educación Ambiental que se conmemora este 26 de xaneiro, coa que Mel de Galicia procura crear conciencia sobre a problemática medioambiental a nivel local e global. “A repoboación das zonas queimadas con especies autóctonas é de vital importancia para a recuperación do territorio e para a alimentación das abellas e en consecuencia para a produción do Mel de Galicia. Xurde así a acción medioambiental Elixindo un modo de vida respectuoso co medio ambiente, unha mensaxe en favor dos produtores e dun futuro comprometido co medio ambiente e cas abellas” explican dende Mel de Galicia.

Programa da feira apícola Alvariza, que se celebra esta fin de semana en Lalín

A feira foi presentada polo apicultor David Liñares e membros do Goberno municipal de Lalín Lalín acolle esta fin de semana a terceira edición da feira apícola internacional Alvariza, que chega cun completo programa formativo e de ocio. Terá lugar este sábado e domingo durante todo o día na Carpa do Cocido colocada no Campo da Feira da localidade pontevedresa. A feira Alvariza está organizada polo apicultor local David Liñares en colaboración co Concello de Lalín. Contará con 60 postos de venda de produtos e expositores relacionados co mundo das abellas, ademais de charlas técnicas.  Na parte de formación e divulgación participarán tanto especialistas galegos como outros chegados de lugares como as Illas Canarias, Madrid ou Romanía. Os relatorios tratarán temas como a sanidade apícola; tratamentos contra a varroa; alerxias; elaboración de hidromel, etc. A parte máis lúdica, dirixida a todos os públicos, será tamén variada, con actividades infantís, catas, degustacións de platos elaborados con mel e diversos sorteos, ademais dun roteiro de 12 km pola Serra do Candán o domingo pola mañá. 

Programa completo: 

Curso de iniciación á apicultura na Pobra do Caramiñal

A Asociación Galega de Apicultura organiza un curso de iniciación á apicultura. Este curso celebrarase na Pobra do Caramiñal o día 9 de marzo de 10:00 da mañá até as 19:30 horas da tarde. Aprenderanse os primeiros pasos como coñecer unha colmea, conceptos e manexos básicos e, se o tempo o permite, visitarase un apiario. Para participar no curso hai que anotarse, pois o número de prazas é limitado, no enderezo dagabarbanza@elmuelle.es. A matrícula para entrar será de 5€ para socios da Asociación Galega de Apicultura (AGA) e para non socios o prezo será de 15€.