Category Archives: Agricultura 2

A Xunta pon en valor as axudas ao sector forestal nunha visita a Industrias Guerra

O director da Axencia Galega de Industria Forestal da Consellería de Medio Rural, Jacobo Aboal, visitou as instalacións de Industrias Guerra na localidade de Vila de Cruces (Pontevedra), principal empresa española especializada no deseño, fabricación e montaxe de grúas hidráulicas e maquinaria para os sectores forestal, mariño e de reciclaxe.

Nesta visita, Aboal puxo en valor que a Xunta vén de resolver as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais e as achegas á valorización e á segunda transformación da industria forestal galega e do contract. Na última convocatoria aprobáronse un total de 150 expedientes de axuda por importe total de case 16,5 millóns de euros que mobilizarán arredor de 48 millóns de euros (investimento público e privado).

Os beneficiarios foron pequenas e medianas empresas -incluídos os autónomos- da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, así como asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.

Ambas liñas de axudas están encadradas dentro dos obxectivos da Axenda de impulso da industria forestal-madeira, coa que se busca consolidar ás pemes que conforman este sector.

Industrias Guerra

O director da axencia estivo nas plantas que a Industrias Guerra ten en Vila de Cruces e en Silleda, nas que se adican, entre outras, a tarefas de enxeñaría, produción e montaxe de grúas, cabezais procesadores, taladoras e outra maquinaria forestal.

A empresa galega, que conta cunha facturación anual duns 18 millóns de euros, dispón de catro plantas propias en Galicia, unha filial en Portugal e dúas sedes en Arxentina. En total, suma máis de 30.500 metros cadrados nos que desempeñan o seu labor máis de 150 traballadores.

Por outra banda, esta empresa familiar exporta arredor do 50% da súa produción fóra do territorio, chegando incluso nalgúns momentos ata o 70%. Estas cifras evidencian a importancia da industria forestal en Galicia, onde ten un gran peso este sector. Ademais, no territorio galego rexístranse anualmente a metade das cortas de madeira de España.

Fin de semana con ‘Bosques Terapéuticos’ na illa de Tambo e na Ruta da Pedra e da Auga

O programa “Bosques Terapéuticos”, co que a Deputación de Pontevedra está a promover actividades baseadas na terapia oriental shinrin yoku ou “baño de bosque”, chega esta fin de semana aos concellos de Poio e Meis con dúas novas rutas nas que se mestura natureza, cultura, historia e saúde. Así, as persoas participantes percorrerán o sábado a Illa de Tambo, mentres que o domingo terá lugar a ruta da Pedra e da Auga.

O itinerario da Illa de Tambo, de 2,5 quilómetros de lonxitude, desenvólvese por un enclave natural e histórico cheo de espazos para desfrutar dos baños de bosque. Esta illa, de 28 hectáreas e unha altitude de 80 metros, é un espazo especial para encontrarse con elementos naturais como a praia Area Grande ou o sistema dunar. As e os participantes no percorrido tamén poderán visitar construcións singulares como os taffonis, o faro, o lazareto, o albergue, o polvorín ou os peiraos da illa.

Pola súa banda, a Ruta da Pedra e da Auga é unha das sendas máis visitadas das Rías Baixas e descorre polos concellos de Meis e Ribadumia na contorna do río Armenteira. Conta cunha ampla representación da flora autóctona ao longo do seu percorrido. Ademais das especies vexetais, as persoas participantes tamén terán a oportunidade de ver os muíños, o mosteiro de Armenteira e descubrir a lenda de San Ero.

Os Bosques Terapéuticos do mes de xullo rematan os días 29 e 30 con camiñadas pola ponte colgante do Lérez e a fervenza do Toxa, se ben as prazas están xa todas esgotadas. Tamén están cubertas as prazas de agosto, con percorridos que comezarán o día 5 pola Ruta da Pedra e da Auga e continuarán o 6 pola Illa de Tambo, o 12 polo Lago de Castiñeiras, o 13 na Carballeira de San Xusto, o 19 polo Río Eifonso e para finalizar, o domingo 20 de agosto, pola ponte colgante do Lérez.

O Caderno Dixital entrará en vigor en setembro

O Ministerio de Agricultura acaba de publicar no BOE o Real Decreto que regula o uso do Caderno Dixital por parte das explotaciones agrícolas e gandeiras, que terán obriga de rexistrar nel datos por parcela do tipo de cultivo, abonado e os tratamentos aplicados. Os titulares de explotacións agrarias xestionarán electronicamente un Caderno Dixital de Explotación Agrícola co seguinte contido mínimo:
  • Datos do cultivo de cada parcela agrícola
  • Tratamentos fitosanitarios aplicados
  • Operacións de fertilización
As administracións públicas proporcionarán aos titulares de explotacións agrarias de maneira gratuíta, os sistemas informáticos necesarios para o cumprimento desta obriga. Estes sistemas informáticos deberán incluír, desde o 1 de xaneiro de 2024, a funcionalidade da ferramenta de sustentabilidade agraria para nutrintes, en liña coas esixencias derivadas do Real decreto de nutrición sostible de solos agrarios, que lle esixe un plan de abonado a cada explotación.
A ferramenta de sustentabilidade agraria de nutrintes entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2024
O titular de explotación agraria poderá utilizar os sistemas informáticos desenvolvidos pola Administración ou poderá utilizar calquera outro sistema informático da súa elección, sempre que cumpra cos requisitos técnicos que se establezan e co contido mínimo establecido. A obrigatoriedade do Caderno Dixital entrará en vigor o 1 de setembro de 2023 para aquelas explotacións con máis de 30 ha de terra de cultivo, 30 de pasto permanente ou 10 de cultivos permanentes; teñan máis de 5 hectáreas de regadío ou dispoñan dalgunha parcela de invernadoiro. Para o resto de explotacións entrará en vigor o 1 de xullo de 2024.

Obriga de rexistrar antes dun mes o uso de tratamentos fitosanitarios

Cada explotación agraria deberá manter actualizado o rexistro de tratamentos fitosanitarios no seu Caderno Dixital. Esta información deberá rexistrarse de maneira electrónica na aplicación que se habilite para o efecto por parte das comunidades autónomas, cun prazo de envorcado de datos dun mes desde a data de realización dos tratamentos. A través dunha modificación do Real Decreto 1311/2012, do 14 de setembro, publicada este xoves no BOE, incorpórase ao seu contido un novo capítulo que regula os programas individualizados de uso sostible de produtos fitosanitarios, entre os que cabe destacar a obriga de contar cun Caderno Dixital de Explotación Agrícola. O elemento principal desta modificación será establecer en cada explotación os indicadores de uso individualizado que permitirán medir o consumo de fitosanitarios, un obxectivo aliñado co recentemente aprobado Plan de Acción Nacional de Fitosanitarios para o período posterior a 2022. Indicador por hectárea Coa información envorcada no Caderno Dixital, a Administración calculará anualmente para todas as explotacións agrícolas un indicador por hectárea. O cálculo realizarase por cada explotación e cultivo. Cos datos de 2023, 2024 e 2025 estableceranse valores de referencia para os distintos produtos a utilizar. A partir do 1 de xaneiro de 2026, unha vez fixados os valores de referencia, no caso de que o indicador de uso individualizado calculado anualmente para cada cultivo de cada explotación agrícola se atopase por enriba destes valores de referencia, aplicaranse medidas correctoras. Valores de referencia Os titulares daquelas explotacións agrícolas nas que entre o 50% e o 75% da súa superficie se atope por enriba dos valores de referencia nacionais fixados para cada cultivo e zona produtiva serán consideradas de risco moi alto, aumentándose a frecuencia de inspección. A maiores, deberán realizar unha análise das causas cun asesor en materia de xestión integrada de pragas, e establecerán as medidas necesarias para corrixir a situación, que quedarán recollidas por escrito. O 20 de maio de 2020 a Comisión Europea publicou a Comunicación da Estratexia Da granxa á mesa, segundo a cal se avoga pola redución do uso e do risco de produtos fitosanitarios nun 50% para 2030, así como unha redución adicional do 50% do uso dos produtos fitosanitarios máis perigosos no mesmo período.
https://www.campogalego.gal/aplicacion-de-xurros-con-prato-ou-en-abano-prohibese-partir-1-de-xaneiro-2024/

Curso de aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios en Lugo

A Oficina Agraria Comarcal de Lugo, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Edificio multiusos da Xunta de Galicia desta cidade unha acción de formación profesional de nivel básico na aplicación e manipulación de produtos fitosanitarios. O obradoiro impartirase do día 12 ao día 19 de setembro en horario de tarde, dende as 16:00 ata as 20:30 horas.

O obradoiro aborda aspectos teóricos e prácticos. Máis concretamente, o curso busca formar aos alumnos no relativo á normativa nacional relacionada co uso sostible dos fitosanitarios en explotacións agrícolas. Ademais, os asistentes poderán poñer en práctica os coñecementos adquiridos.

Os asistentes obterán o carné de aplicador de nivel básico necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende neste caso que os agricultores consigan unha formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar. Así mesmo, tamén se pretende que os asistentes estean capacitados para obter o carné de aplicador de nivel básico necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal.

No seguinte enlace pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 294 934, ou enviar un correo a oac.seca.lugo@edu.xunta.gal.

[EN DIRECTO] – Xornada ‘Millo e cambio climático: como enfrontar as secas do verán’

Curso práctico de ‘Avaliación Análise Sensorial en Mel’

Permanece aberto o prazo de inscrición no curso práctico de ‘Avaliación Análise Sensorial en Mel’, organizado polo Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e coordinado polo Departamento da Protección da Calidade Diferenciada da AGACAL.

O obxectivo destas xornadas será adestrar de forma práctica os sentidos dos participantes (vista, olfacto e gusto) para unha correcta realización da análise sensorial do Mel de Galicia.

O curso celebrarase no Pazo de Quián en Sergude —Boqueixón— e constará de 16 horas lectivas repartidas en catro días diferentes. Concretamente, celebrarase os venres 23 e 30 de outubro, en horario de 16:00 a 20:00 horas; e os sábados 24 e 31 de outubro, entre as 10:00 e as 14:00 horas.

Para rematar, o sábado 7 de novembro terá lugar unha xornada na que se tratará a importancia do análise sensorial nos alimentos, os requisitos para a acreditación do panel de cata responsable da avaliación sensorial e a experiencia de expertos/as de distintas denominacións de orixe na avaliación sensorial.

Os interesados poderán anotarse a través do enderezo electrónico info@mieldegalicia.org ou do teléfono de contacto 981 511 913 ata alcanzar o aforo máximo, dado que o número de prazas é limitado.

Desde o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia animan á participación, subliñando que o sector apícola constitúe unha posibilidade de negocio sostible e real, todo un motor do agro galego que favorece a vida no rural e do rural.

Gando frisón de toda España participará na próxima subasta de elite de Curtis

A IV Subasta de Elite, que se celebrará na localidade coruñesa de Curtis os días 14 e 15 de marzo, acollerá a gando de alta xenética de toda España. As ganderías que desexen participar poderán inscribir os seus animais antes do 10 de xaneiro chamando ao 981 791 843 ou o 649 239 488 ou tamén enviando un mail a admistracion@embriomarket.com

Esta é unha das principais novidades para a edición 2020 deste certame xa consolidado como un referente no sector, que até o de agora tiña restrinxida a participación a animais procedentes de ganderías galegas.

Ademais de abrirse á participación de animais de toda España, como en edicións anteriores os animais participantes terán que cumprir para optar a súa inscripción previa como mínimo cun dos dous requisitos: GICO/ICO superior a 3.900 puntos ou 4 ou máis xeracións MB ou Excelente no seu pedigrí. Entre todos os animais inscritos seleccionaranse os de maiores valoracións e méritos, valorándose especialmente que dispoñan de proba xenómica.

Como en edicións anteriores o porte a destino do comprador será gratuito. Tamén destacar que os animais vendidos levarán un desconto do 100% nun ciclo completo de fecundación in vitro.

Esta poxa está promovida polo Concello de Curtis e é organizada por Embriomarket.

O reglamento da subasta e a folla de inscripción previa, así como o cartel, pode consultarse na seguinte ligazón:
https://app.box.com/s/qq1kltdb92sqgo6yq9k9lidzmvjaz4xx

O pole de abella: o único alimento completo en aminoácidos esenciais e en vitaminas

O pole é un auténtico superalimento, con numerosos compostos bioactivos que son beneficiosos para a saúde humana. Esta é unha das conclusións dos estudos que está a levar a cabo o Grupo de Investigación Recoñecido (GIR) Técnicas de Separación e Análise Aplicada (TESEA) da Universidade de Valladolid (Uva), en colaboración co Centro Apícola Rexional de Marchamalo, centro adscrito á Junta de Comunidades de Castela-A Mancha.

O doutor en químicas pola Universidade de Valladolid e investigador do TESEA, José Bernal del Nozal, presentou en recentemente celebrada Feira Apícola Internacional de Pastrana (Guadalaxara) un relatorio sobre “Compostos Bioactivos do Pole de Abella”. Conel falamos para coñecer os resultados das súas investigacións.

Que che levou a investigar sobre o pole de abella?
O noso grupo (TESEA; Técnicas de Separación e Análise Aplicada) leva máis de 30 anos dedicado ao estudo de produtos apícolas, sempre en colaboración co centro de Marchamalo (Guadalaxara), posto que nós traballamos na área da Química Analítica e o que facemos é apoiar as súas investigacións, ao mesmo tempo eles fornécennos as mostras que usamos para levar a cabo distintos proxectos de investigación.

Como recentemente constatouse unha desaparición inusual das abellas, sinalouse como unha das posibles causas o déficit nutricional, polo que pensamos en abordar o estudo daqueles compoñentes que puidesen diferenciar as distintas achegas nutritivas das diferentes plantas.

Ao mesmo tempo e tendo en conta a situación de seca, pensamos en examinar algúns compostos relacionados co estrés hídrico, iso motivounos a solicitar un proxecto, que está en fase de execución, dedicado a buscar algúns compostos bioactivos tratando de achegar datos que poidan resultar de interese para os investigadores dese despoboamento. No noso grupo levamos bastante tempo estudando produtos apícolas entre os que sempre estivo incluído o pole de abella.

Cales son os principais compostos bioactivos que presenta este produto?
Publicáronse estudos onde se determinaron moi diversos grupos de compostos, sendo os máis destacados os grupos de proteínas, péptidos e aminoácidos, o dos lípidos (acedos graxos), e os compostos fenólicos e carbohidratos, e xa en menor medida as vitaminas, minerais, e os glucosinolatos cos seus produtos de degradación.

Gustaríame destacar, que nun dos nosos traballos atopamos resveratrol -un composto fenólico que se atopa presente na vide (uvas negras e en produtos derivados como o viño tinto), e que conta con diversas propiedades beneficiosas para a saúde- en pole de abella en niveis superiores ao mg/kg, e este feito non fora publicado ata a data.

 “Atopamos resveratrol no pole de abella”

Ademais, gustaríame remarcar que o pole de abella remítese como “o único alimento absolutamente completo”, xa que contén os 22 aminoácidos esenciais necesarios para o organismo humano, e que á súa vez é un dos alimentos que se atopan na natureza máis rico en vitaminas.

Que beneficios poden achegar para a saúde humana?
Antes de nada, quixera aclarar que os beneficios non son directamente atribuíbles ao pole de abella, senón aos compostos bioactivos que contén. Unha vez dito isto, atribuíronselle numerosos beneficios para a saúde, como pode ser a actividade antioxidante, anti-inflamatorias, anticanceríxena, anti-bacteriana, anti-fúnxica, e efectos positivos para combater a arterioesclerose.

“Está demostrado o efecto saudable dos compostos bioactivos do pole de abella”

Pero cabe destacar que na maioría dos casos fan falta facer estudos/ensaios clínicos para poder demostrar estes efectos saudables de maneira inequívoca. Resumindo, está máis que demostrado o efecto saudable dos compostos bioactivos, de maneira individual, que contén o pole de abella, pero o que non foi estudado en detalle aínda son os efectos que ten sobre a saúde o consumo de pole de abella.

Como varían estes compostos bioactivos segundo o tipo de especie vexetal da que procedan?
A composición do pole de abella en xeral, e dos compostos bioactivos en particular, depende de varios factores non só do tipo de especie vexetal do que proceda, como pode ser das condicións climáticas, o tipo de solo, as prácticas agrícolas e apícolas, e mesmo o tratamento que se lle dea ao produto durante o seu almacenamento ou procesado previo á súa comercialización.

Hai numerosos estudos xa publicados onde se trata en detalle este tema. No noso caso particular e é do que podo falar máis en detalle, realizamos recentemente estudos previos para determinar algún destes compostos bioactivos, como son os glucosinolatos e os seus produtos de degradación ou o resveratrol, onde constatamos diferenzas significativas entre as mostras de pole de abella analizadas. Este feito levounos a querer continuar con esta liña de investigación e solicitar axuda para realizar un estudo máis completo, ampliando o número de mostras e de compostos bioactivos (betaínas) co fin de atopar as plantas que máis compostos deste tipo achegan dado que son micronutrientes esenciais para os polinizadores. Iso é o que pretendemos examinar, para o que precisamos de pole ben seleccionado

Que outras diferenzas detectaches no estudo dos compostos bioactivos do pole de abella?
Remitíndome á resposta anterior, os estudos que levamos ata agora foron desenvolvidos cun número pequeno de mostras de pole de abella, onde en moitos casos non puidemos elixir a zona de onde proviñan, e por tanto os resultados só poden ser considerados como preliminares. Para poder sacar conclusións máis sólidas precisamos analizar un maior número de mostras de diversas áreas xeográficas. Polo que aproveito esta ocasión para lembrar que agradeceriamos o envío de mostras de pole de abella para realizar este estudo dunha forma máis completa.

“Necesitamos que nos envíen mostras de pole de abella para realizar un estudo”

Detectaches tamén sustancias contaminantes? Que medidas deberían tomar os apicultores para evitar a súa presenza?
A análise de contaminantes en pole de abella non foi o obxectivo do noso traballo, polo que non podo falar en primeira persoa deste aspecto. Sen embargo, si que hai investigacións realizadas non só no noso país, se non noutros países que demostraron a presenza de contaminantes (metais pesados, antibióticos, praguicidas, micotoxinas e bacterias) en diferentes mostras de pole de abella, en distintos escenarios e con diversas mostras.

Nalgúns casos a súa presenza no pole de abella é atribuíble ao labor pecoreador das abellas e outros atribuíbles a un mal uso dos tratamentos nas colmeas. Polo que eu recomendaría aos apicultores que deberían velar porque non entren eses compostos na colmea atendendo ao lugar onde as levan e respectar as boas prácticas no coidado da albariza, evitando en todos os casos, as prácticas e tratamentos non autorizados.

En que liñas de traballo queres seguir investigando sobre o pole de abella?
Como xa comentei anteriormente, estamos inmersos nun proxecto coordinado financiado polos fondos FEDER e recentemente concedido (Decembro 2017) polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade-INIA (RTA 2015-00013-C03-03) que ten por título xeral: Factores de mellora na produtividade da cabana apícola: eficiencia dos recursos alimenticios e da resistencia xenética a enfermidades e o noso sub-proxecto: BETAÍNAS E GLUCOSINOLATOS COMO MICRONUTRIENTES DO POLE , así pois durante tres anos dedicarémonos ao estudo deses compostos nas diferentes mostras que consigamos.

“Imos investigar como incide o pole na mellora da produtividade da colmea”

Algo máis que queiras engadir?
Gustaríame terminar esta entrevistando remarcando a idea de que o pole de abella é un alimento rico nun gran número de compostos bioactivos, e que desde o meu punto de vista este aspecto é moi pouco coñecido non só polo consumidores, senón polos propios apicultores.

De feito, non hai máis que comprobar nunha procura rápida en internet como se fala do pole de abella en España e noutros países. Hoxe en día, están de moda o consumo dos produtos con propiedades beneficiosas para o organismo debido tanto a compostos orixinais nese alimento como a produtos engadidos, non hai máis que ver os anuncios de televisión, e desde o meu punto de vista os apicultores non está a saber vender un dos seus produtos que pode competir coa maioría dos que se están promocionando actualmente.

“Os apicultores españois non saben vender o seu pole”

Iso si, hai que deixar claro que non todos os poles de abella teñen os mesmos compostos e nas mesmas cantidades, e que poden conter tamén contaminantes, polo que se require dunha análise previa para certificar a súa composición.

Doutra banda, tamén fai falta máis estudo para comprobar os efectos reais sobre a saúde do consumo de pole de abella, e lembrar que antes do seu consumo de maneira habitual, hai que consultar cun médico para comprobar que non se é alérxico ao pole de abella, e para que lle recomende a dose adecuada.

¿Como loitan en Francia contra a Vespa Velutina?

Os apicultores franceses son pioneiros na loita en Europa contra a invasión da Vespa Velutina, pois Francia foi o país de entrada no continente desta especie invasora, alá polo ano 2004, a través dun cargamento de madeira procedente de China e que arribou ao porto de Burdeos.

Neste sentido, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) presentou o pasado mes en Arzúa na xornada técnica do Dia do Apicultor unha ponencia de Loïc Leray, vicepresidente da Unión Nacional de Apicultura Francesa-UNAF

O actual presidente de AGA, Xosé Torres, foi o encargado de presentar a ponencia, xa que o apicultor francés non puido asistir por motivos de saúde.

Para comezar a súa intervención, Xosé Torres apoiouse nun documento publicado pola asociación francesa na revista Abeilles et fleurs en marzo do 2017, con completa información recollida durante os doce anos que o tártago asiático leva colonizando practicamente toda Francia.  O documento explica que a ausencia de depredadores e o gran poder reprodutivo favoreceron esta rápida expansión, xunto coa tardía actuación dos poderes públicos, que apoiándose en criterios como a elevada mortaldade das raíñas que hibernan ou considerando só o trampeo nas proximidades dos apiarios, non lle deron a importancia necesaria. Esta praga supón un perigo para as abellas, os polinizadores e tamén para as persoas, pero facer da destrución de niños a prioridade da loita é un fracaso.

En Francia o trampeo de raíñas e a localización de niños primarios son as mellores estratexias de loita

O trampeo de raíñas en determinados períodos e a través de varios sectores, non só o apícola, e a localización dos niños primarios son as mellores medidas , segundo os apicultores franceses, para combater esta praga. Analizando os estragos que provocan nas colmeas, destaca o feito de que o tártago ataca primeiro as colmeas débiles e os apiarios pequenos. Ademais, parece que prefiren o ámbito urbano debido a unhas condicións de clima máis favorables, o uso de menos químicos que no campo, a existencia de moitos puntos de auga e abrigos para protexerse. Pero non son só as abellas as afectadas, senón que, en xeral, a biodiversidade, tanto de insectos como da fauna que se alimenta deles, e tamén as persoas.

Sobre as solucións ante esta situación, dende a UNAF destacan como máis efectivas o trampeo primaveral e a deslocalización a partir de agosto das colmeas. A regulación legal da problemática polo Estado francés está moi lonxe das necesidades reais para obter resultados, pero o feito de que estea considerado agora pola Unión Europea  como especie exótica invasora poderá mellorar a situación.

As esixencias da UNAF perante a administración baséanse no establecemento dun plan de control obrigatorio validado tamén polo sector apícola, a existencia dun soporte financeiro estatal para a destrución dos niños, a autorización para utilizar SO2 na  súa eliminación, recoñecemento da captura primaveral de raíñas como medida de control e as feromonas como prioridade na investigación.

A primavera é a fase clave para atrapar as raíñas

O trampeo debe ser xeneralizado, pois realizado a nivel individual é insuficiente , e controlado a través dunha normativa que asegure un correcto uso. Non hai estudos sobre o impacto do tártago de patas amarelas nas especies locais, pero as observacións realizadas pola UNAF amosan que o impacto deste seguramente é moito maior que o provocado polo trampeo.

En febreiro, comezan a aparecer as primeiras fundadoras, polo que convén colocar trampas próximas ós antigos niños. A primavera é a fase clave para atrapar as raíñas e romper o ciclo de colonización, así como localizar os niños primarios para a súa destrución. No verán aparecen os niños secundarios e o trampeo dificúltase, xa que a Vespa velutina vai en busca de proteína e o atraente azucrado xa non resulta efectivo. No outono volve ser eficaz o trampeo para reducir a presión nas colmeas e atrapar novamente as raíñas.

Coa caída da folla pódense localizar os niños que convén destruír inmediatamente ou, se non é posible, trampear nas súas proximidades. No inverno non é conveniente trampear se non hai presenza de tártagos nas colmeas, xa que pode ser prexudicial para outros insectos.

Como protección das colmeas, os apicultores franceses consideran máis efectivo colocar un caldeiro preto das colmeas con atraente no seu interior

En canto á protección dos apiarios hai moitos sistemas, con resultados variables. Pola experiencia da UNAF, o máis efectivo e selectivo é colocar un caldeiro preto das colmeas con atraente no seu interior e cunha saída para insectos pequenos. Ademais, resulta imprescindible colocar redutores nas piqueiras das colmeas a partir de agosto.

Para rematar, o presidente de AGA comentou un artigo sobre o investigador Eric Darrouzet, da Universidade de Tours, que opina que tanto a retirada de niños como o trampeo son métodos necesarios e complementarios. En concreto sobre o trampeo, Darrouzet advirte de que non se debe realizar o trampeo sen tomar algunhas medidas para mellorar a selectividade.

En Francia están estudando trampas a base de feromonas pero desgraciadamente a investigación é demasiado lenta e non hai ningún resultado concreto neste momento. Ante a pregunta de se pensa que as nosas abellas poderán cambiar o seu comportamento e aprender a loitar contra esta especie invasora, Darrouzet respondeu que é pouco probable que nun futuro próximo as abellas desenvolvan estratexias de control efectivas, polo que a idea é que sexan as persoas as que deben permanecer activas na protección das abellas.

NOTA: Texto resumo publicado na web da Asociación Galega de Apicultura.

Vespa Velutina: A Xunta distribuirá material de trampeo primaveral entre 3.048 apicultores

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, achegouse este venres á explotación apícola que ten Mieles Anta no concello lugués de Bóveda. Alí aproveitou para anunciar que a Consellería do Medio Rural xa comezou a distribuír aos apicultores galegos material para realizar o trampeo de primavera na loita fronte a vespa velutina.

A directora xeral explicou que a colocación de trampas para a captura de raíñas na primavera é un método importante na loita fronte a vespa velutina, xa que cada raíña capturada suporá un niño menos no entorno. Este plantexamento xa foi aplicado pola consellería nos anos 2015, 2016 e 2017 co reparto de trampas de captura e líquido atraente entre os apicultores e “dando bos resultados”.

“As experiencias na loita fronte este insecto invasor sinalan que a colocación de trampas durante a primavera (entre marzo e mediados de xuño) no entorno dos colmeares presenta unha alta eficacia na captura das raíñas”, destacan dende a Consellería. “Pero para iso, é preciso contar coa colaboración dos apicultores, que poderán recoller dito material na oficina agraria comarcal da súa zona”, sinalan.

Material que se vai distribuír

Este ano a Consellería de Medio Rural prevé distribuír material a un total de 3.048 apicultores, que contan con 4.562 asentamentos nas zonas afectadas e un total de 92.884 colmeas. O material consiste en 2.467 trampas, 5.404 botes de 500 ml de atraente e outras 40.782 monodoses de atraente, “co que se asegura o trampeo preto dos colmeares ata o mes de xuño”.

No caso dos asentamentos situados en concellos nos que xa se entregaron trampas no ano 2017, este ano unicamente se lles distribuirá aos apicultores líquido atraente, aínda que en maior cantidade que outros anos, para asegurar o trampeo durante todo o período no que as raíñas están fóra dos niños.

No caso dos asentamentos situados en concellos nos que non se repartiron trampas no ano 2017, no ano 2018 distribuiranse tanto trampas comerciais como líquido atraente.

O número de trampas vai seguir a distribución de tempadas anteriores baseado no ratios de trampeo establecidos no documento do MAPAMA ESTRATEGIA DE GESTIÓN, CONTROL Y POSIBLE ERRADICACIÓN DEL AVISPÓN ASIÁTICO O AVISPA NEGRA (Vespa velutina ssp. nigrithorax) EN ESPAÑA:

• 1 trampa en colmeares de ata 10 colmeas.
• 2 trampas en colmeares de ata 25 colmeas.
• 3 trampas en colmeares de ata 50 colmeas
. 4 trampas en colmeares de máis de 50 colmeas

Belén do Campo sinalou que é importante que as trampas só sexan colocadas nas zonas onde se detectaron niños de vespa velutina e que o número de trampas se axuste ao necesario. A directora xeral incidiu en que “isto se debe ter sempre en conta, xa que non existe ningún atraente que sexa totalmente específico para a vespa velutina”. “O uso en zonas nas que non se coñeza a presenza desta especie invasora ou a utilización dun número excesivo de trampas pode supoñer que se capturen indiscriminadamente outras especies de insectos, producindo efectos colaterais adversos sobre a entomofauna e poñéndose en risco a biodiversidade”, advertiu.

Aspectos básicos do encalado

Os solos galegos son ácidos, o que supón un hándicap para o correcto desenvolvemento das plantas. Os factores que causan esta acidificación son: •Xeolóxicos: Granitos,esquistos, entre outras rochas, imprimen o carácter acedo dos solos galegos. • Climatoloxía : Unha elevada pluviometría lava as sales presentes, aumentando a concentración de Hidróxeno (H+) e de Aluminio (Al3+) . • Topográficos: A altitude, xunto coa temperatura, existencia de pendentes (humidade e lavados), inciden no aumento da acidez. •Acción humana: A deforestación e o lume son axentes que inciden na acidificación, xa que deixan o terreo espido e aberto ao lavado.

Hidróxeno, Aluminio e Manganeso

Os procesos anteriormente descritos inciden na liberación de H+ , que deixa a disposición da planta o Aluminio (AL3+) e o Manganeso (Mn), que en grande concentración resultan tóxicos para as plantas. Á vista do anterior, móstrase necesario coñecer a cantidade de H+ existente no solo. Para iso establécese o Potencial Hidróxeno ou pH, que resulta a inversa do logaritmo de H+ . Deste xeito, establécese que, considerando 7 a neutralidade, todo o que baixe desa cifra será acedo e o que suba alcalino. A alta porcentaxe de saturación de aluminio vai incidir no pobre desenvolvemento da planta. O efecto principal prodúceo sobre as raíces, que aparecen curtas, grosas e fráxiles. Obsérvase unha notable redución do aparato radicular, con moi poucas raíces secundarias. O manganeso pode producir toxicidade atopándose en suficiente cantidade con pH por baixo de 5,5. O Mn traslócase rapidamente da raíz ao talo, polo que se aprecia unha redución no crecemento deste.

Efecto da acidez sobre os distintos nutrientes

Nitróxeno: – A mineralización do N orgánico prodúcese dentro dun amplo rango de pH, pero decrece por baixo do pH 6,0. – A nitrificación (proceso do ciclo do nitróxeno que converte o amonio en nitrato, sendo este asumido polas plantas) redúcese moito con pH inferiores a 4,5. – A acción dos microorganismos que actúan no ciclo do N, faise máis lenta con pH por baixo do 5. – Para a asociación de Rhizobium- - leguminosa, na fixación de nitróxeno atmosférico, o pH adecuado achégase a 6 nalgúns casos. Fósforo: Forma complexos orgánicos co ferro e o aluminio, quedando inaccesible para as plantas. O fósforo estará presente no solo, pero non aproveitable. Potasio: Depende moito a súa presenza da capacidade de fixación dos compoñentes orgánicos e inorgánicos. Se aumentamos o pH, activamos o complexo de intercambio da materia orgánica, o que podería supor un incremento na concentración de K cambiable. Calcio: O aluminio ten a capacidade de reducir a absorción de Ca, polo que en solos nos que exista pouca cantidade de Ca no complexo de cambio, pode levar a fortes carencias deste elemento. Magnesio: A absorción deste elemento aumenta en función do pH.

Encalado: Produtos encalantes

Óxido de calcio: reacción moi rápida, cáustico e alto custe. Hidróxido de calcio: Cal apagada. Reacción moi rápida. Alto custe. Carbonato cálcico (Calcita): Reacción máis lenta que os anteriores. Moi empregado. Baixo custe, non cáustico. Carbonato cálcico magnésico (Dolomita): A de reacción máis lenta. Moi empregado. Baixo custe, non cáustico. Teñen a capacidade de subir o valor de pH, porque ao incorporarse reaccionan liberando OH+.

Encalado: Calidade do produto encalante

Grado de finura: A velocidade de reacción do produto encalante non solo depende da superficie en contacto co chan. Canto máis fino sexa o encalante, máis superficie terá en contacto co solo, polo tanto máis rápida será a s úa reacción. Na gráfica represéntanse a capacidade para subir o pH nun período de tempo, en función do grosor das partículas. O tamaño das partículas vén representado en mallas, segundo a equivalencia seguinte: Intervalo entre 8 e 20 mallas.- - entre 2,36 e 0,850 mm Intervalo entre 20 e 30 mallas.- - entre 0,850 e 0,600 mm Intervalo entre 40 e 50 mallas.- - entre 0,450 e 0,300 mm Intervalo entre 60 e 80 mallas.- - entre 0,250 e 0,180 mm 100 mallas.- - 0,125 mm   Valor Neutralizante: Mide a capacidade dun produto encalante para neutralizar os ácidos no solo. A cifra que contabiliza o Valor Neutralizante comprende o intervalo 0- - 100 e expresa a equivalencia do produto encalante co óxido de calcio. Canto maior sexa o VN, maior será a capacidade de acción. Aporte doutros elementos: Xunto co Ca, sería importante o aporte de Mg, xa que, como vimos, son dous elementos de escasa presenza nos nosos solos, e que resultan de grande interese para a nutrición das plantas.

Beneficios do encalado

• Bloquea e insolubiliza parte dos ións Al, Fe e Mn, que poden estar en concentracións moi tóxicas para algúns cultivos. • Evita o bloqueo e fixación dos fosfatos. • •No caso de que esta presente no solo, aumenta a accesibilidade do Molidbeno (Mo), un elemento fundamental. • Mellora a estrutura do solo. Estabiliza os humatos e aporta calcio, de grande carácter floculante sobre os coloides. • Estimula a actividade dos microorganismos, o que repercute nunha mellor humificación e mineralización da materia orgánica. • No caso das leguminosas en praderías polifitas, o encalado pode aumentar a cantidade de proteína da forraxe ao incentivar o crecemento das leguminosas. • Contribúe a un mellor desenvolvemento do sistema radicular das plantas, aumentando a superficie explorada por estas. Sendo capaces de recoller mellor a auga e os nutrientes.

Incompatibilidades

• O aporte de materia orgánica (en calquera dos seus formatos) deberá facerse despois de que o encalante reaccione co terreo, xa que o contacto entre o encalante e o esterco desprende amoníaco, que é volátil polo que estariamos perdendo N. • Algo semellante acontece cos abonos minerais: abonos nitroxenados amoniacais (xa que perderiamos N) ou aqueles con contido en fósforo, xa que se pode producir unha retrogradación das formas asimilables de P2 O 5 a fosfato tricálcico, que non é asimilable. O mellor será sempre aplicar o encalante con suficiente antelación para que non se produzan esas reaccións indesexables.

Doses de encalado

Existen, resumindo, dous criterios para o cálculo da dose de encalado: – Subir o pH. – Neutralizar o Al. En calquera dos dous casos haberá que ter en conta o tipo de terreo sobre o que desexemos actuar, considerando o tamaño das partículas que o compoñen, o que definirá o Efecto Tampón do mesmo. O ET é a capacidade do solo de manter no tempo as condicións de pH. Un terreo areoso tampona pouco, o que quere dicir que os efectos do encalado serán moi repentinos pero de pouca duración, para o que se recomenda, xeneralizando, menores cantidades de encalante, pero en períodos máis breves de tempo. Mentres que para terreos arxilosos, serán necesarios maiores aportes do material encalante, pero máis distanciados no tempo. O ET pode ser regulado mediante a incorporación de materia orgánica. Outra precaución importante, adoita ser a de non subir o nivel de pH máis dun punto con cada aplicación, xa que a subida repentina do pH repercutiría negativamente nos microorganismos beneficiosos.

Aplicación do encalado

Debido a que a acción do encalante é por contacto directo, deberemos facer un esparexido homoxéneo por toda a superficie, mirando de incorporalo de inmediato no caso de traballos de fondo, para que os seus beneficios afecten á superficie que colonizará o sistema radicular das plantas. Tamén poderemos aplicar sobre cuberta, en cultivos pratenses, despois de ter realizado unha sega.

“Grazas ás miñocas logramos un adubo adaptado aos solos de Galicia”

Entrevistamos a Sergio Quiroga, fundador de Ecocelta, na súa planta en Pías, no concello de Ponteareas. A súa é a historia de superación e de loita dun fillo de emigrantes galegos en Arxentina que retornou a Galicia e conseguiu crear unha empresa que hoxe é referente a nivel galego e mesmo estatal na fabricación de adubos ecolóxicos, creando postos de traballo e riqueza a partir dun recurso moi abundante en Galicia, a materia orgánica de orixe animal e vexetal.

Cómo naceu Ecocelta?    
Ecocelta naceu de forma privada a partir dun hobby meu como era o de obter compost a partir dos restos orgánicos do zoolóxico que había no Castelo de Vilasobroso. No ano 2002 tiven a oportunidade de facer un curso para emigrantes retornados. Eu levaba a idea de producir adubos ecolóxicos a partir da xestión da materia orgánica. Fixen un proxecto de fin de curso consistente na xestión sustentable da materia orgánica que se xeraba no Castelo de Vilasobroso, en Ponteareas, e de aí naceu o nome de Ecocelta, un proxecto dunha planta de xestión de residuos orgánicos a nivel comarcal, nun radio de 50 quilómetros.

Ese material, mediante a vermicompostaxe, convertiríase en humus de miñoca. Sen embargo, daquela a Xunta non tiña regulado a vermicompostaxe, polo que o nacemento de Ecocelta atrasouse até finais de 2003 e empezamos cunha planta pequena para o tratamento de 500 toneladas anuais. Iso fixo que estiveramos desbordados e que tiveramos que comprar un novo terreo para unha planta máis grande. O inicio de actividade oficial foi a comezos de 2004 e a nosa presentación ao público foi a finais de 2005 na Feira de Silleda, onde recibimos un premio.

Como xurdiu o interese pola vermicompostaxe?  
Estudei Enxeñería Agrónoma en Arxentina e alí a vermicompostaxe é común en calquera explotación gandeira ou de horta para xestionar os residuos. No noso caso tiñamos unha serie de residuos con necesidade de ser xestionados mediante esta técnica, que é máis lenta pero que é moi eficiente porque non gasta enerxía, a diferencia da incineración ou do vertedoiro.

Economicamente non sabíamos que a xestión de residuos era un negocio. O noso modelo inicial era a venda de abono ecolóxico e de forma certificada.

Co tempo, unha vez que fomos xestores autorizados, xurdiu un negocio paralelo que é a xestión de residuos. É un terreo complicado onde non todos os residuos son susceptibles de facer un abono de calidade, o que nos obrigou a seleccionar soamente os residuos que nos interesan.

As experiencias en vermicompostaxe en Galicia non foron ben, foron hai 30 anos a través de xente de Italia que protagonizaron un engano masivo vendendo miñocas, que é o que lles interesaba. Pero non había ese concepto ecolóxico nos anos 80 e non había demanda de abono ecolóxico. Por iso, cando iniciamos a nosa actividade, había moita desconfianza e non había actividade neste sector en Galicia.

Que volume e facturación movedes ao ano?
Ecocelta evolucionou segundo as necesidades do mercado, e agora xa non só temos adubo de miñoca, senón tamén compost, abono pelletizado, un adubo líquido…etc. A día de hoxe Ecocelta factura uns 400.000 euros e en volumes xestionamos unhas 4.000 toneladas de material orgánico, o 90% esterco das granxas cercanas, e máis de 10.000 metros cúbicos de materiais.

“Non damos producido para atender a demanda que temos de compost de calidade”

Cales son as vosas perspectivas para o futuro?
Temos unha estratexia para cando obteñamos a licenza de ampliación que é ter un teito de compostaxe para poder traballar tamén durante os días de choiva. A compostaxe é previa á vermicompostaxe e non se pode facer cando chove, o que nos fai diminuír a nosa capacidade produtiva a 3-4 meses ao ano. Poderíamas aumentar a capacidade produtiva nun mínimo dun 50% e tamén nos daría a oportunidade de xestionar máis cantidade de materia prima.

O noso non é un problema de demanda, senón de proceso, de oferta. E non hai nada peor que ter demanda e clientes pero non poder facer o produto.

Tedes unha demanda maior?      
Esgotamos o stock todos os anos. Este ano xa dende marzo. Mesmo tivemos a oportunidade de abrir negocio en Madrid: ía ben pero logo esgotamos o stok para seguir abastecéndoos. Este é un problema para nos: ter demanda e materias primas e non poder procesalas por falta de espazo na planta.

O teito xa está instalado e isto permitiranos aumentar substancialmente a produción, despois de superar numerosos atrancos por parte do goberno municipal de Ponteareas.

“O adubo de alga é moi idóneo para os solos ácidos de Galicia”

En que novos proxectos estades traballando?     
Nós creamos abonos orgánicos de valor agronómico e de calidade. Neste momento estamos traballando tamén coas algas de Cesantes, en Redondela. Probamos procesando unhas 500 toneladas e os resultados foron moi bos nos solos de Galicia, que son ácidos e o adubo de alga aporta calcio, magnesio e tamén potasio, precisamente os nutrientes que lles faltan ao noso solo.

En Ecocelta o que facemos é escorrer primeiro a auga de mar na propia praia. Unha vez feito ese proceso a alga ten 4 veces menos cantidade de sal que o esterco de coello ou de ave.

Démonos conta de que estar cerca da costa é unha vantaxe moi grande para Ecocelta para poder facer un adubo diferenciado. En Galicia estamos empezando e noso referente é Escocia, onde a elaboración de adubo de alga está moi avanzada.

A nosa estratexia é apostar polo adubo de alga, porque é o que máis nos vai diferenciar, e vai moi ben para os solos ácidos, os predominantes en Galicia.

Por outra parte, propuxéronnos para un Proxecto Life, como exemplo de centro comarcal de xestión de materia orgánica e agora estamos preparando outro proxecto coas algas das Rías Baixas.

“A normativa ecolóxica debería penalizar aos produtos que veñen de lonxe”

As grandes multinacionais cada vez apostan máis polos abonos ecolóxicos. Tedes temor á chegada destas grandes empresas ao mercado?    
A elaboración de abonos orgánicos ten o estigma dos custos de transporte da materia prima, bastante elevados, que fai que só sexa sustentable traballando con materia orgánica a nivel comarcal.

A xente con conciencia ecolóxica tamén mira a pegada enerxética do transporte..os produtos locais son os verdadeiramente ecolóxicos. A norma ecolóxica tería que penalizar os produtos que superan certos quilómetros, porque senón estariamos contaminando.

Coa vosa experiencia, como valorades a situación dos solos agrícolas de Galicia?                                                                                                                                   Sorpréndeme que grandes adegas con premios a nivel mundial non coñecen o estado dos seus solos, non fan analíticas. Neste sentido, hai un campo de traballo importante para a analítica de solos.

O solo galego, polo granito, é ácido. Está comprobada a necesidade de encalar, cada dous ou tres anos. Neste sentido, a cuncha de mexillón é moi bo adubo, pero haino que facer cun criterio técnico para evitar problemas, como o que pasou nalgunhas fincas de Cambados nas que se botaron camións de cuncha e agora pasaron a ser solos básicos, cos problemas que iso conleva, e o mesmo sucede en solos de invernadoiros. Tamén pasou o mesmo cos lodos de depuradoras ou cos puríns…

“Sorpréndeme que se abone sen facer análises dos solos”

De aí a importancia de facer análises dos solos antes de cada abonado. O solos en Galicia en xeral ou moi ácidos, con moita presenza de aluminio que impide o correcto desenvolvemento da planta, polo que os abonos de Ecocelta son alcalinos de natureza, polo tipo de estercos cos que traballamos, que conteñen calcio e magnesio.

Porén, estamos traballando nunha liña de adubos para solos alcalinos, polos problemas puntuais que empezan a aparecer en determinadas parcelas. Isto permitiríanos abrir mercado tamén no resto do Estado, xa que a maior parte dos solos de España son alcalinos.

Como valoras o modelo de SOGAMA?    
Os modelos non poden durar toda a vida, sobre todo cando non son sustentables. En países máis desenvolvidos onde xa houbo incineración, agora hai plantas de compostaxe que reducen moito a contaminación.

Se non se favorece o modelo de compostaxe vai ter que seguir existindo o modelo de incineración. Creo que o que se debería facer é un modelo de compostaxe comarcal, eficiente, porque non hai transportes, para tratar a materia orgánica. Non é viable nin económica nin ambientalmente que os concellos gasten millóns de euros para pagarlle a SOGAMA a incineración da materia orgánica.

Por iso, penso que a xestión da materia orgánica a nivel comarcal é o futuro.