Carne

Subas nos prezos do vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un incremento das cotizacións no vacún maior. Na recría, os animais máis novos cotizan á alza. Baixada dos prezos medios en boa parte das seccións dos becerros carniceiros. Novas subas no porcino e mantense sen cambios o mercado do ovo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 31/08/2022 9:58 a.m.

A Central Agropecuaria de Galicia - Abanca rexistra este martes subas no vacún maior e nalgunhas seccións da recría. Mentres, nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, con algunhas excepcións. As mesas de cotización do porcino acordaron subas nas distintas categorías do porco cebado e nos leitóns. O mercado do ovo continúa estable e cos prezos da semana pasada.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Na recría de raza frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días; experimentaron unha suba de 6 euros e o prezo medio é agora de 93 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio incrementouse en 1 euro e sitúase nos 111 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha baixada de 37 euros e o prezo medio foi de 126 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais a tendencia tamén foi á alza en boa parte das seccións. Os tenreiros máis novos, os de menos 20 días, tiveron un prezo medio de 277 euros, o que deixa unha suba de 56 euros. Os tenreiros de entre 20 a 50 días incrementaron o seu valor en 8 euros e o prezo medio acada os 287 euros. Nos animais de máis de 50 días houbo unha baixada de 59 euros con respecto da semana pasada e sitúanse nos 382 euros de media.

En canto ós prezos dos becerros carniceiros, a tendencia foi á baixa, aínda que con algunhas excepcións. Nos tenreiros frisóns, o valor medio marcouno o único exemplar vendido por 882 euros, fronte ós 683 euros que se pagaban á semana pasada. Os becerros de cruzamentos industriais cotizáronse de media a 987 euros, o que deixa unha suba de 36 euros. As femias descontaron 46 euros con respecto da feira anterior e o valor medio está nos 876 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos están nos 1.061 euros, o que supón unha baixada de 88 euros. Nas femias, o valor medio sitúase nos 1.029 euros, é dicir 15 euros menos que a semana anterior. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema tiveron un valor medio de 1.003 euros, o que supón 67 euros menos que a media da última feira.

No vacún maior a tendencia foi á alza, con algunhas excepcións. As vacas da extra experimentaron unha suba de 19 euros e o valor medio foi de 1.962 euros. Os animais de primeira incrementaron o seu valor medio en 4 euros, de xeito que pasan a situarse nos 1.139 euros. As vacas de segunda tiveron unha suba de 18 euros e o prezo medio é de 775 euros. O único animal de desfeito que se vendeu fíxoo por 449 euros, o que supón 24 euros por debaixo da media que se fixou a semana pasada. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 1.468 euros, o que amosa unha redución de 209 euros con respecto da semana anterior.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Subas no porcino

Despois de varias semanas sen cambios no prezo dos leitóns, este martes a mesa de cotizacións do porcino acordou subas en tódalas seccións. O porco selecto e o normal tiveron unha suba de 0,010 euros e o prezo por quilo é de 1,745 e 1,72 euros, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,234 euros, logo dunha suba de 0,013. Os animais de descarte experimentaron a suba máis destacada, cun incremento de 0,040 euros cotízanse agora entre os 0,68 e os 0,74 euros o quilo.

Nos leitóns, a suba foi de 2 euros. Agora os exemplares chegados dunha única granxa están nos 57 euros (cun prezo de 2,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 52 euros e cun prezo por quilo de 2,6 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da XL cotízanse a 2,45 euros a ducia. Mentres, os da L están nos 2,15 euros, os ovos da M atópanse a 1,76 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada