Carne

Subas nos becerros de recría frisóns en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un incremento dos prezos da recría frisoa e no vacún maior. As mesas de porcino volven acordar subas no prezo do porco cebado e nos leitóns

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 16/02/2021 11:22 p.m.

Na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), este martes rexistráronse subas nos prezos da recría, en especial no caso dos becerros frisóns, mentres que tanto nos cruzamentos industriais como nos becerros carniceiros houbo baixadas en distintas categorías. O vacún maior experimentou esta semana subas en boa parte das seccións. Nas mesas de porcino acordáronse novas subas tanto para o porco cebado como para os leitóns. Tamén se incrementou o valor dos ovos e o prezo do coello continúa estable.

Na recría, os animais frisóns incrementaron o seu valor en tódalas seccións. Os exemplares máis novos, de menos de 20 días, cotizáronse a 78 euros, tras unha suba de 24 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa e representativa do mercado, tivo unha suba de 15 euros e acadan un valor medio de 95 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, o incremento foi de 13 euros e quedan cun valor medio de 115 euros.

No caso da recría de cruzamentos industriais, aínda que tamén se apreciaron subas, sobre todo nas femias, nalgunhas das seccións reduciuse o valor con respecto da feira pasada. Así aconteceu nos becerros máis novos, os de menos de 20 días, que reduciron o seu prezo en 21 euros e sitúanse nos 187 euros. As femias desta categoría sumaron 2 euros e atópanse a 127 euros. Os tenreiros de entre 15 e 20 días foron a única suba para os machos desta raza. Cun incremento de 33 euros, estes exemplares cotízanse agora a un valor medio de 265 euros e as femias a 157 euros, logo dunha suba dun euro. Os animais con máis de 50 días teñen un prezo medio de 339 euros, despois de acusar unha rebaixa de 49 euros, mentres que as tenreiras incrementaron o seu valor en 79 euros e acadan os 284 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Tampouco houbo unha tendencia clara nos becerros carniceiros. Nos exemplares de cruzamentos industriais produciuse unha suba de 66 euros, o que coloca o prezo medio nos 795 euros. Nas femia desta raza houbo unha redución de 2 euros e quedan en 689 euros. Nos exemplares de Rubia Galega tamén se rebaixou o seu prezo, neste caso en 13 euros para os becerros e 4 para as tenreiras, de modo que se cotizan a 913 e 697 euros respectivamente. O único tenreiro frisón adxudicado este martes marcou un prezo medio de 762 euros. En canto ós animais co selo de Ternera Gallega Suprema o valor medio foi de 765 euros, 74 euros por debaixo do acadado a semana pasada.

No vacún maior predominaron as subas. A única excepción produciuse nas vacas da categoría extra, cunha baixada de 178 euros establecen un prezo medio de 1.548 euros. Os animais de primeira experimentaron unha suba de 33 euros e acadan os 1.081 euros. Nas vacas de segunda o incremento foi dun euro e sitúanse en 706 euros. Os animais de desfeito tamén tiveron un aumento de 33 euros, polo que se establecen nos 472 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

 

Subas no porcino

O porco cebado e os leitóns experimentaron esta semana novas subas en boa parte das seccións. En concreto, o porco selecto e o normal incrementaron o seu valor en 0,02 euros, polo que pasan a cotizarse a 1,185 e 1,160 euros o quilo, respectivamente. Nos exemplares de Canal II a suba foi de 0,026 euros, e acadan así un valor medio de 1,506 euros. Nos porcos de desfeito o incremento foi de 0,03 euros e pasan a cotizarse entre os 0,48 e os 0,54 euros o quilo.

Nos leitóns, a mesa de prezos acordou unha suba de 2 euros, de modo que os animais procedentes dunha única gandería acadan os 61 euros, cun prezo de 3,05 euros por quilo. Os bacoriños chegados de distintas granxas sitúanse nun prezo de 2,8 euros o quilo e o animal de 20 quilos ten un valor de 56 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

No mercado do ovo tódalas seccións incrementaron o seu valor en 0,01 euros. Deste xeito a ducia de ovos da XL cotízase a 1,51 euros, os da L a 1,09 euros, os da M están a 0,98 e os da S atópanse a 0,78 euros. As galiñas de desvelle semipesadas, de entre os 2,1 e 2,2 quilos, mantéñense sen cambios, cun prezo de entre os 0,08 e os 0,15 euros por quilo.

O prezo do coello continúa esta semana a 1,80 euros o quilo na Lonxa de Madrid.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada