Carne

Subas nos becerros de recría en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra incrementos dos prezos medios da recría. Os becerros carniceiros e o vacún maior cotizan á baixa. Continúan as subas nos leitóns e mantense sen cambios o porco cebado e o mercado do ovo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 26/07/2022 7:30 p.m.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes unha suba xeral dos prezos medios da recría, en especial nos animais de raza frisoa. Nos becerros carniceiros a tendencia foi á baixa, con algunha excepción. No vacún maior tamén houbo unha baixada dos prezos en case tódalas categorías.

As mesas de cotización do porcino mantéñense con subas nos leitóns e estabilízase o prezo do porco cebado. O mercado do ovo mantense cos prezos da semana pasada.

Facemos un repaso detallado polos prezos medios das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o prezo de cada animal.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Gando vacún

Na recría frisoa, os becerros máis novos, os de menos de 20 días, tiveron un prezo medio de 125 euros, o que amosa unha suba de 22 euros con respecto da semana pasada. No caso dos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio incrementouse 7 euros e sitúase nos 148 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha suba de 51 euros do valor medio con respecto da semana pasada. Así, nesta feira o prezo medio foi de 227 euros.

Nos tenreiros de cruzamentos industriais houbo tamén algunhas seccións que cotizaron á alza, aínda que boa parte delas acusaron unha redución do prezo medio. Así, os becerros de entre 20 e 50 días, a sección máis numerosa, tivo un prezo medio de 307 euros, o que amosa unha suba de 19 euros con respecto da semana anterior. Mentres as femias desta categoría descontaron 18 euros e sitúanse nun valor medio de 196 euros. Nos becerros máis novos, os de menos de 20 días, o prezo medio foi de 219 euros, é dicir, 2 euros por debaixo do rexistrado a semana anterior. Nas femias desta sección a diferenza coa pasada feira foi máis acusada. Sitúanse nun valor medio de 136 euros, o que supuxo unha baixada de 66 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días, o prezo medio foi de 470 euros, logo dunha redución de 22 euros. Mentres, as femias incrementaron o seu valor en 20 euros e acadan un prezo medio de 402 euros.

En canto ós prezos dos becerros carniceiros, os de cruces industriais cotizáronse a un prezo medio de 1.035 euros, cunha baixada de 37 euros. Nas femias a redución foi de 9 euros e agora o valor medio é de 929 euros. Nos tenreiros de Rubia Galega, o prezo medio situouse nos 1.133 euros, logo de sumar 89 euros. Nas femias desta raza produciuse unha baixada de 47 euros e o valor medio é de 978 euros. Nos animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema, o prezo medio acadou os 1.065 euros, logo dunha suba de 39 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

No vacún maior, a tendencia xeral foi á baixa. As vacas da extra tiveron unha redución de 64 euros e o valor medio queda nos 2.047 euros. Os animais de primeira descontaron 44 euros e sitúanse nos 1.121 euros. As vacas de segunda foron a única excepción. Tiveron unha suba de 16 euros e acadan un valor medio de 785 euros. Os animais de desfeito tamén tiveron unha redución do valor medio. Neste caso foi de 69 euros e pasan a cotizarse a 429 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio queda nos 1.475 euros, logo dunha baixada de 663 euros.

Subas nos leitóns

Este martes, a mesa de cotizacións do porcino acordou manter os prezos para o porco cebado. No porco selecto e no normal o prezo é de 1,715 e 1,690 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,195 euros. Os animais de descarte cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Nos leitóns a suba dun euro deixa os exemplares chegados dunha única granxa nos 54 euros (cun prezo de 2,7 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías a 49 euros e cun prezo por quilo de 2,45 euros.

O mercado do ovo mantense sen cambios esta semana. Os ovos da XL cotízanse a 2,45 euros a ducia. Mentres, os da L están nos 2,15 euros, os ovos da M atópanse a 1,76 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada