Carne

Subas na recría en Silleda e baixada nos prezos do vacún maior e os becerros carniceiros

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra incrementos nos prezos dos becerros de recría noutra semana de máximos históricos no vacún maior. Caída dos prezos dos tenreiros carniceiros. O porcino e os ovos mantéñense sen cambios

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 10/11/2021 11:25 a.m.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), acada a terceira semana consecutiva de prezos de récord no vacún maior, ó conseguir un novo prezo histórico, fixado por un boi vendido por 7.992 euros, ademais da cifra máis alta de transaccións e a maior afluencia no que levamos de ano. Con todo, os prezos do vacún maior experimentaron importantes baixadas.

A deste martes foi unha xornada de recuperación para a recría, que cotizou á alza. Mentres, os becerros carniceiros tamén sufriron un destacado recorte dos prezos. Na mesa de cotizacións do porcino acordaron manter os prezos sen cambios unha semana máis para o porco cebado e os leitóns. Tampouco houbo novidades no mercado do ovo, nin na Lonxa de Madrid para o coello.

En concreto, na recría frisoa houbo subas en tódalas categorías. Os becerros máis novos conseguiron unha suba de 17 euros que deixa un prezo medio de 95 euros. Os animais de entre 20 e 50 días, a categoría con maior afluencia do mercado, cotízase a 105 euros, logo dunha suba de 6 euros. Nos becerros de máis de 50 días produciuse un incremento de 15 euros, e atópanse a un prezo medio de 115 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Na recría de cruzamentos industriais a tendencia foi tamén á alza, aínda que con algunhas excepcións, sobre todo nas xatas. Os machos máis novos, os de menos de 20 días atópanse a un prezo medio de 237 euros, tras unha lixeira suba dun euro. As femias descontaron 5 euros e sitúanse nos 188 euros. Nos becerros de entre 20 e 50 días, houbo unha baixada de 2 euros nos machos e unha suba de 5 euros nas femias, polo que se cotizan a 284 e 222 euros respectivamente. O incremento máis destacado produciuse nos animais de máis de 50 días, que conseguiron unha suba de 50 euros e acadan os 373 euros de media. Nas femias desta sección houbo un rebaixa de 17 euros, o que deixa un prezo medio de 262 euros.

Nos becerros carniceiros, a tendencia foi á baixa este martes. A excepción dos becerros frisóns, que lograron un incremento de 7 euros e cotizáronse a 649 euros, no resto de categorías producíronse destacadas baixadas dos prezos. Os becerros de cruces industriais pasaron a situarse nun prezo medio de 651 euros, o que supuxo un recorte de 231 euros. As femias tamén experimentaron una baixada, neste caso de 29 euros, polo que están a 710 euros. Os becerros de Rubia Galega descontaron 245 euros e sitúanse nun prezo medio de 784 euros. Mentres, nas femias houbo unha rebaixa de 85 euros e quedan en 804 euros. Tamén os animais co selo Ternera Gallega Suprema experimentaron unha baixada do prezo medio, que agora se atopa nos 723 euros, o que supón 207 euros menos con respecto da semana pasada.

O vacún maior, pese ós elevados prezos rexistrados, mesmo ó lograr unha venda de récord, experimentou unha baixada xeral con respecto da feira anterior. Deste xeito repítese a tendencia da semana pasada, tamén marcada por algunhas cifras máximas, pero que non abondaron como para que houbera subas nos prezos medios. As vacas da categoría extra descontaron 103 euros e quedan en 1.927 euros. Nos animais de primeira a baixada foi de 16 euros e están a 1.105 euros, mentres as vacas de segunda cotízanse a 728 euros, tras descontar 1 euro. Nos animais de desfeito o prezo rebaixouse 64 euros e quedan en 458 euros. Pola súa banda, os exemplares co selo Vaca e Boi de Galicia teñen un prezo medio de 1.093 euros, ó descontar 903 euros, o que supón a baixada máis destacada da xornada.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Sen cambios no porcino

Esta semana as mesas de prezos do porcino acordaron manter as cotizacións sen cambios tanto no porco cebado como nos leitóns. O porco selecto e o normal cotízanse a 1,025 e 1 euro o quilo, respectivamente. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,299 euros o quilo e os animais de desvelle están a cotizarse entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Os leitóns tamén continúan esta semana sen cambios. Os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 26 euros (cun prezo de 1,3 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías cotízanse a 21 euros e teñen un prezo por quilo de 1,05 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

No mercado do ovo tampouco houbo cambios. Os ovos da XL están a 1,65 euros a ducia, os da L a 1,33 euros, os da M a 1,15 euros e os da S páganse a 0,94 euros a ducia. As galiñas de descarte continúan a cotizarse entre os 0,18 e os 0,25 euros por quilo.

O coello mantense sen cambios e atópase a un prezo de 2,25 euros o quilo na lonxa de Madrid.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada