Carne

Subas na recría de cruce e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria rexistra incrementos das cotizacións dos tenreiros de recría e do gando maior. Subas en boa parte dos becerros carniceiros, con prezo medio de récord. Estabilidade nas mesas do porcino e seguen á baixa os ovos

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 12/07/2023 11:41 a.m.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca rexistrou este martes subas nos prezos da recría de cruce e no vacún maior. Tamén nos becerros carniceiros a tendencia foi á alza e acadouse un prezo medio de récord. En concreto, chegouse a unha media de 1.153,91 euros, co que se supera a cifra máxima, que se situaba ata o momento nos 1.146,84 euros do pasado 16 de maio.

A mesa de prezos do mercado porcino mantívose esta semana sen cambios, mentres que no ovo continúan as baixadas en boa parte das categorías.

Ademais, dende a Central están a informar xa de que o próximo 15 de agosto non se celebrará poxa de gando vacún por ser xornada festiva.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Prezos do vacún

Facemos un repaso polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos, aínda que cómpre ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.

Na recría frisoa, os becerros máis novos cotizáronse a un prezo medio de 78 euros, é dicir 32 euros menos que na última feira. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, o valor de referencia situouse nos 119 euros, o que supón 23 euros menos que na feira pasada. Os machos de máis de 50 días foron a excepción, xa que o prezo medio foi de 188 euros, cunha suba de 20 euros.

Nos tenreiros de recría de cruces industriais a tendencia foi á alza. Os becerros máis novos cotizáronse a 311 euros, manténdose ó mesmo prezo que a semana pasada. Nos machos de entre 20 e 50 días, o valor de referencia foi de 401 euros, é dicir 18 euros máis. Nos machos de máis de 50 días, o prezo medio foi de 578 euros, o que supón un incremento de 15 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Nos becerros carniceiros, os machos frisóns tiveron un valor medio de 687 euros, é dicir 186 euros menos que a semana pasada. Pola contra, os machos de cruces industriais incrementaron o seu valor en 77 euros ata os 1.231 euros. Mentres, as femias descontaron 61 euros no prezo de referencia con respecto do valor da semana pasada e quedan nos 920 euros.

Seguindo cos becerros carniceiros, nos animais de Rubia Galega, os machos tiveron unha suba de 161 euros ata quedar nos 1.341 euros e nas femias houbo un incremento de 61 euros, polo que agora teñen un valor de referencia de 1.145 euros. Pola súa banda, os animais comercializados baixo o selo de Ternera Galega Suprema incrementaron o seu valor 55 euros ata acadar un prezo de referencia de 1.320 euros.

A tendencia foi tamén á alza no vacún maior, con excepcións nalgunhas categorías. Os animais da extra tiveron un valor medio de 2.179 euros. Foi unha das categorías onde se rexistrou unha baixada do prezo, ó descontar 25 euros con respecto da semana anterior. As vacas de primeira cotizáronse a 1.175 euros, o que amosa unha suba de 26 euros. As vacas de segunda incrementaron o seu valor en 31 euros e quedan cun prezo de referencia de 767 euros. Nos animais de desfeito o valor medio foi de 491 euros, polo que sumaron 12 euros con respecto da última feira. Os animais comercializados baixo o selo Vaca e Boi de Galicia foron outra das excepcións e o seu valor medio reduciuse 132 euros con respecto da semana pasada e pasan a cotizarse de media a 2.689 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Nova baixada dos prezos dos ovos

As mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado e no leitón. Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 97 euros (cun prezo de 4,85 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 92 euros e cun prezo por quilo de 4,6 euros.

O mercado do ovo continúa esta semana con baixadas en boa parte das categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios e están a 2,94 euros a ducia. Mentres, os da L e a M tiveron unha baixada de 0,02 euros e quedaron en 2,59 e 2,19 euros a ducia, respectivamente. Mentres, nos ovos da S a baixada foi de 0,03 euros e páganse a 1,93 euros. As galiñas de descarte semipesadas descontan tamén 0,03 euros e cotízanse entre os 0,27 e os 0,35 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,45 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada