Forestal

Soltas experimentais contra a avespiña do castiñeiro no 2016

A Administración iniciará un plan de control biolóxico da praga en Galicia e Andalucía. O sector agarda que se autoricen en breve as soltas masivas do ‘Torymus sinensis’

Campo Galego 17/12/2015 11:03 a.m.

Os produtores de castañas levan meses demandándolle ó Ministerio de Agricultura un plan de loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro, unha praga que pode ocasionar serias mermas nas colleitas. Agricultura vén de aceptar agora emprender no 2016 un plan de soltas experimentais do Torymus sinensis, un insecto depredador da avespiña. As soltas realizaránse na primavera do 2016 nas zonas máis afectadas pola praga en Galicia e en Andalucía.

En Galicia, colaborará nas soltas a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, que xa este 2015 efectuou unha solta experimental nas proximidades de Ourense. Antes de autorizar soltas masivas do Torymus sinensis, o Ministerio quere comprobar o seu impacto sobre as poboacións de avespiñas autóctonas, que nada teñen que ver coa avespiña do castiñeiro (Dryocosmus kuriphillus). Tamén se quere evitar que o Torymus desprace a outras especies propias.

Agricultura trasladoulle a súa decisión á Red Estatal del Castaño, que valorou positivamente o inicio das soltas como “un primeiro paso”, de cara á aprobación de “soltas masivas” nun curto prazo. Desde a Red Estatal del Castaño apuntan que países veciños, como Francia ou Portugal están a facer xa soltas do Torymus sinensis, aínda que comprenden que o Ministerio queira ter os seus propios estudos ó respecto. Non foi posible polo de agora obter a valoración concreta da IXP Castaña de Galicia, integrada na Red Estatal del Castaño.

Etiquetado
Ir a la portada