Forestal

Silleda pon en marcha unha rede de calor con biomasa que lle dará servizo ós veciños

A primeira fase da iniciativa, que se inagurou esta semana, suministrará calefacción e auga quente a edificios municipais e a un hotel. O Concello prevé crear un centro de estelado de madeira en colaboración cos propietarios forestais da comarca

Campo Galego 28/10/2018 7:09 p.m.

O Concello de Silleda vén de poñer en marcha unha rede de calor con biomasa pioneira en Galicia. O sistema, que se inaugurou esta semana, está a suministrar calor e/ou auga quente a varios edificios municipais (pavillón deportivo, campo de fútbol, piscinas, escola infantil) e a un hotel. A segunda fase permitirá que se conecten as comunidades de propietarios do núcleo de poboación principal do municipio.

A instalación dotarase ademais nun futuro dunha planta anexa de estelado de madeira, que se abastecerá dos montes da localidade e do resto da comarca. O Concello xa iniciou contactos cos propietarios forestais, de cara a pechar acordos de suministro, que “redundarán nun maior coidado dos montes e nunha revalorización da madeira destinada a biomasa”, consideran no goberno local.

A primeira fase da instalación foi inaugurada o pasado venres polo alcalde, Manuel Cuiña (PSdeG), e o conselleiro de Economía, Francisco Conde. O proxecto conta cun investimento total de algo máis dun millón de euros, sendo financiado ó 80% pola Xunta e o resto polo Concello e Deputación de Pontevedra. Calcúlase que nunha primeira fase, a rede de calor permitirá o aforro de 81.000 euros anuais, cantidade que se elevará ata 93.000 euros cando se remate a conexión con todos os edificios municipais (Casa da Cultura, Concello, etc.).

A rede, de biomasa con astilla subministrará calefacción e/ou auga quente sanitaria aos edificios antes citados e prevese que nunha segunda fase incorpore tamén as comunidades de propietarios que desexen conectarse.

A instalación ten unha potencia de 1 megawatio e na primeira fase colocáronse case 2 kilómetros de tubería preaislada, dotada de illante térmico para minimizar as perdas de calor.

Etiquetado
Ir a la portada