Carne

Sete casos de gripe aviaria en aves mariñas localizadas na costa galega

Todos os casos rexistrados ata o momento déronse en mascatos (alcatraces). Os últimos cinco positivos foron recollidos en diferentes lugares da costa galega e trasladados aos centros de recuperación de fauna silvestre

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 06/09/2022 2:02 p.m.

A Consellería do Medio Rural detectou sete casos de gripe aviaria en aves silvestres localizadas en diversos puntos da costa galega. A pasada semana comunicáronse dous e no día de onte comunicáronse cinco novos contaxios. Trátase de individuos de mascato (alcatraz común ou atlántico, ‘Morus bassanus’), recollidos en Ares, Doniños (Ferrol), Riazor (A Coruña), O Barqueiro (Mañón) e Meira (Moaña), que xa foron sacrificados.

O mascato é unha ave mariña que nidifica no Atlántico norte, formando colonias de varios miles de parellas, e do que moitos exemplares mozos migran cara ao sur e acadan augas subtropicais ou mesmo tropicais no oeste de África. Polo tanto, nestes momentos, estas aves están atravesando as costas da Península Ibérica no comezo do seu paso migratorio para invernar cara a Mauritania e o Golfo de Guinea. Nas súas zonas habituais de residencia no Atlántico norte, as autoridades sanitarias veñen notificando numerosos casos de Influencia Aviaria de Alta Patoxenicidade nesta especie.

Aínda que os exemplares da especie afectada son de hábitos exclusivamente mariños e non se aproximan en condicións normais á costa, a Consellería recomenda reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, comerciais ou particulares, especialmente aquelas medidas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres. Así mesmo, aconsella intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou da Consellería de Medio Ambiente.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada