Desenvolvemento rural

Seminario sobre as claves do Plan Leader na comarca de Lugo

27/09/2017 3:55 a.m.

Os principios que marcan a aplicación do Plan Leader 2014-2020 e cales son os puntos fortes e débiles dos sete municipios que integran o Grupo de Desenvolvemento Rural Comarca de Lugo (GDR-04) son algúns dos aspectos que expertos e representantes das distintas administracións implicadas no plan europeo abordarán no Seminario de Desenvolvemento Rural Leader que se celebrará o venres, 29 de setembro, en Lugo.

Organizado polo GDR Comarca de Lugo ­–o axente encargado de xestionar os fondos Leader en Castroverde, O Corgo, Friol, Guntín, Lugo, Outeiro de Rei e Rábade­– a xornada terá lugar no salón de actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia de 10:00 a 14:30 horas.

José Ángel Santos Sánchez, alcalde de Friol e presidente da Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo; e José Manuel Balseiro Orol, delegado da Xunta en Lugo, inaugurarán o seminario ás 10:00 horas. Tras a apertura, o presidente da Rede Estatal de Desenvolvemento Rural Reder, José Andrés García Mouro, exporá a conferencia marco “Principios de aplicación do Programa Leader correspondente ao período 2014-2020”.

Experiencias anteriores

O alcalde de Friol moderará, ademais, un debate sobre a realidade e as potencialidades do territorio na comarca de Lugo no que participarán Juan Pérez Orozco, de Xeito Rural; Marcos Trashorras Reija, representante do Concello de O Corgo; e Rafael Rivadulla Varela, de Agronovo.

O seminario incluirá tamén un taller de experiencias Leader no que os participantes poderán coñecer de primeira man iniciativas xa executadas no marco deste programa en diferentes lugares da comunidade autónoma e do resto do Estado.

O taller estará moderado pola xerente do GDR Comarca de Lugo, Paz Rodríguez Rivera; e intervirán David Larrión Gil, xerente GAL Zona Centro de Valladolid, e Francisco Javier Rodríguez Medela e Martín Alemparte Vidal, xerentes dos GDR Asociación Miño-Ulla e Ribeira Sacra-Caurel, respectivamente.

Plan de dinamización

O evento, de carácter gratuíto, finalizará ás 14:00 horas, e tras o acto de clausura por parte da conselleira de Medio Rural, haberá unha degustación de produtos.

O Seminario de Desenvolvemento Rural Leader forma parte do plan de animación do GDR Comarca de Lugo para promover o desenvolvemento económico e social no marco do programa europeo. O plan contou con accións formativas en Outeiro de Rei, O Corgo, Guntín, Friol, Castroverde, Lugo e Rábade entre o 18 e o 26 de setembro.

Velaquí o programa do Seminario de Desenvolvemento Rural Leader:

Etiquetado
Ir a la portada