Leite

Seminario para analizar o impacto do fin das cotas en Galicia

Alternativa Galega de Esquerda organiza o venres 4 de setembro unha sesión en Teo para abordar as consecuencias da liberalización do sector lácteo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
G.B. 28/08/2015 6:31 p.m.

Teo acollerá o próximo venres 4 de setembro unha xornada para analizar o impacto da liberalización do sector lácteo en Galicia no contexto europeo e internacional. A actividade, organizada por Alternativa Galega de Esquerda (Age), estará precedida dun seminario sobre o fin das cotas que se celebrará en Bruxelas os días 2 e 3 de setembro, ó que acudirá un grupo de 25 gandeiros galegos. A actividade foi presentada esta mañá en rolda de prensa pola eurodiputada de Age Lidia Senra.

A xornada que se celebrará en Galicia iniciarase ás 11.30 horas do venres coas intervencións de Isabel Vilalba (Sindicato Labrego) e de Phillippe Collin (Confederation Paysanne, de Francia). Senra incidiu na presentación de hoxe no interese que ten coñecer a situación no país veciño tras o acordo pechado en xullo polo Ministerio de Agricultura de Francia entre industrias, distribución e gandeiros.

Na sesión de tarde, a partir das 15.30 horas, inservirán Diane Dowling (National Farmer’s Union (Canadá) e Néstor Alfredo Díaz (Fensuagro, Colombia – Vía Campesina).

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A actividade terá lugar na Casa Común de Oza (Ribas, Teo, a escasos quilómetros da capital galega.

“Europa ten que reducir a produción de leite”

A eurodeputada de Age, Lidia Senra, que fora no seu día secretaria xeral do Sindicato Labrego, analizou, a preguntas dos xornalistas, a crise actual de prezos do leite e as perspectivas dunha posible regulación da produción en Europa.

- O comisario de Agricultura da UE, Phil Hogan, foi contundente esta semana á hora de dicir que as cotas lácteas remataron e que non volverán. ¿Vós defendedes un retorno temporal ás cotas e novos instrumentos de regulación do mercado?
- En primeiro lugar, hai que dicir que é normal que o comisario diga que as cotas non volverán, xa que é un gran defensor da liberalización do sector lácteo e dos agronegocios. Desde a nosa perspectiva, Europa ten que reducir a produción a nivel global, ata un nivel que lle permita cubrir o mercado interior e ter uns pequenos excedentes. Ademais, tería que producirse unha redistribución dos dereitos de produción na UE.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

"Coas cotas, había cousas que non funcionaban, pero o abandono do control da produción só agravou os problemas"

- Estes días, un articulista sostiña nun xornal galego que os que antes estaban en contra das cotas, agora defenden o seu regreso. Estás de acordo con esa perspectiva?
- Eu o que sempre dixen foi que a implantación das cotas deixou a este país cun volume de produción ridículo e que inviabilizaba ó sector lácteo. A demanda fundamental era de máis cota. A comezos dos 90 tiñamos 100.000 granxas familiares e hoxe xa só quedan 10.000. Tamén nos opuxemos ó mercado de cotas, que levou a que o sector se endebedase de xeito tremendo, pero sempre defendemos un control da produción, un modelo de explotacións de tamaño humano, familiar, e que se resolvese o problema do prezo, que é algo que non resolvían as cotas por si soas. Había cousas que non funcionaban, pero co abandono do control da produción, estamos peor aínda.

- En canto á situación de crise de prezos pola que pasa o sector. Cre posible unha intermediación política que impulse un acordo entre industrias, gandeiros e distribución?
- Eu lémbrome de reunións que había no pasado entre os sindicatos agrarios e a industria nas que se chegaban a acordos de prezos. Outra cousa é que eses acordos foran máis ou menos difíciles e que houbese que presionar. O escenario agora é que ese tipo de negociacións se quere desarticular e non hai vontade política para intermediar na crise do sector. De aí que a conselleira estea a dicir que as solucións pasan polas organizacións de produtores, cando nunca fixeron falta organizacións de produtores para negociar o prezo do leite.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada