Apicultura

“Semana Máis que Mel” do 15 ao 19 deste mes en Santiago

10/11/2022 6:04 p.m.

Do 15 ó 19 de novembro de 2022 terá lugar en Santiago de Compostela a “Semana Máis que Mel”, un evento cun amplo programa de actividades para todos os públicos, no que se falará sobre cultura, medioambiente e saúde arredor do mundo das abellas e dos seus produtos.

Oganizadas polo colectivo Máisquemel, as actividades realizaranse entre o Museo de Historia Natural da USC e a Biblioteca Pública Anxel Casal.

A semana comezará cunha visita guiada na exposición Apiarte, o martes 15 de novembro. Esta mostra, instalada na Biblioteca Anxel Casal durante todo o mes de novembro. inclúe pintura, escultura e artesanía creada arredor do mundo das abellas, e vai acompañada por unha selección de diferentes colmeas do mundo e outros materiais didácticos. Ese mesmo día, Suso Asorey, biólogo e activista en defensa das abellas, falará de apicultura urbana, unha práctica en auxe a nivel mundial, e o xoves 17 a IXP Mel de Galicia ofrecerá unha cata de meles coa que descubrir o amplo abano de cores e sabores dos meles galegos, seguida dunha charla a cargo da farmacéutica Rosa Vázquez, sobre as múltiples propiedades dos produtos da colmea.

No Museo de Historia Natural, o mércores 16 de novembro, os biólogos, Marcos González, director do museo, e José Carlos Otero, entomólogo e autor de “La vida secreta de los insectos”, exporán a problemática do declive dos insectos e amosarán a riqueza e diversidade destes animais. A tarde do venres 18 haberá obradoiros infantís nos que aprenderán a importancia dos polinizadores e a necesidade de protexelos e coidalos, así como valorar todo o que aportan.

Para rematar a semana, o sábado 19 haberá unha visita de apiturismo ó Museo O Enredo do Abelleiro, en Arzúa, na que acompañarán como guías o seu fundador, Isidro Pardo, e Suso Asorey.

Para participar na Semana Máis que Mel é necesario inscribirse antes do 14 de novembro en info@maisquemel.gal ou por tel. 981 589 534. Para máis información: www.maisquemel.gal

Ir a la portada