Noticias de empresa

Sat García Quintana, como a dixitalización cambiou o traballo na granxa

Esta gandería da Mariña lucense, xestionada por tres familias socias, experimentou un cambio radical no manexo do seu rabaño coa introdución do programa Uniform – Repro e de dous robots de muxido

Campo Galego 31/07/2019 8:55 p.m.

“Se nos din hai uns anos que imos ter o control do gando que logramos hoxe en día coa dixitalización, non o cremos. É algo esaxerado”, resume Paco Oliveros, un dos socios de Sat García Quintana. A gandería, ubicada en Valboa (Trabada, Lugo) afrontou desde hai oito meses un cambio sustancial, coa incorporación de dous robots de muxido e do programa Uniform-Repro, co que pasou a xestionar a diario o traballo na granxa e o control dos animais.

Falamos con Paco Oliveros e con José Oliveros, que xunto coas súas respectivas mulleres, Natalia Yañez e María Orozo, encárganse da xestión dos 190 animais en muxido da Sat García Quintana, así como das vacas secas. A outra parella socia da Sat, Antonio García e Berta Quintana, ocúpase de toda a recría dos animais da granxa. A gandería ten na actualidade unhas 120 vacas no robot e segue muxindo na sala de ordeño outras 70, un traballo do que se ocupan Natalia e María.

- Como foi a introdución dos robots e do programa Uniform-Repro?
Paco: Estamos todos en fase de adaptación. O primeiro robot Lely puxémolo hai 8 meses e co programa Uniform Repro comezamos a traballar un mes despois, xa conectado co robot. Para nós todo o tema dixital foi novidade e estamos aínda aprendendo, pero a día de hoxe, se nos quitaran toda a información que temos no programa e tivésemos que volver á situación anterior, sería un problema.

"Chegas pola mañá e tes na pantalla principal do programa os partos que vas ter, os secados que vas ter e os celos que houbo de noite" (Paco Oliveros)

Moitas veces falamos do muxido no robot, que é importante e faino ben, pero o que máis notamos na granxa foron os datos que temos agora porque non estabamos niso.

José: Nosoutros faciamos todo a ollo e non era o mesmo. Temos un establo moi aberto, onde ves ben ós animais, pero hai moitas horas ó día que non estás aquí e é imposible que te deas de conta de todo. Estabamos ademais sincronizando celos, que era un gasto importante, e hoxe en día non é necesario. As vantaxes do manexo da granxa co programa son esaxeradas. Facilítache moito a detección de celos e problemas. Ao final do ano, son moitas as vacas nas que melloras o manexo grazas á información que recibes.

- En que cuestións o programa Uniform Repro vos axudou a mellorar o manexo do rabaño?
Paco: As principais cuestións que miramos no programa son integrados dos datos dos robots, como a actividade, para a detección de celos, e a rumia. Tamén a temperatura do leite porque permíteche detectar cando algunha vaca vai ter algún problema. Os informes que che aporta o programa facilitan moito o manexo dos animais. Se por exemplo vas ó informe de saúde e ves que algunha vaca baixou a rumia e que ten menos actividade, sabes que hai un problema con ese animal, probablemente que estea coxo.

José: Eu comparo o programa coa prevención que temos no establo en canto a manexo, de ter as vacas ben, con boas camas, hixiene, auga, etc. O programa é outra parte que pode axudar moito á mellora do manexo dos animais.

[caption id="attachment_95253" align="aligncenter" width="660"] Vista dos lotes de animais que están funcionando cos robots de muxido.[/caption]

- Como facedes agora a organización do traballo co programa?
Paco: Tu chegas pola mañá e tes na pantalla principal do programa os partos que vas ter, os secados que vas ter e os celos que houbo de noite. Son as cousas que máis usamos no día a día e logo cando tes tempo, é ver datos e datos. Pódenseche pasar perfectamente un par de horas mirando datos e nin te das de conta.

O programa tamén ten unha funcionalidade de lista de tarefas, que é útil, por exemplo, cando tes que aplicar tratamentos porque sáltache a alerta desa tarefa, pero coma non estamos tratando case nada, pois é algo que non utilizamos.

[caption id="attachment_95269" align="aligncenter" width="660"] A gandería preocúpase de manter area suficiente nas camas, o que lle permitiu mellorar a saúde dos animais.[/caption]

Jose: A min se me din hai anos que muximos 190 vacas e que non tiramos o leite dun teto, diría que é imposible. Para conseguir iso tes que estar atento a moitas cousas, ter un bo mantemento de tódalas instalacións e os cubículos cheos de area.

"A min se me din hai anos que muximos 190 vacas e que non tiramos o leite dun teto, diría que é imposible" (José Oliveros)

É máis un tema de prevención que de traballo porque en verdade, eu ando uns 15 quilómetros ó día, polo que di unha aplicación do móbil, pero non collo un peso. Fas todo con maquinaria e o programa é un elemento máis que che axuda a controlar mellor a granxa. Chegas e controlas como está todo. Unha gandería de leite move moitos volumes, pero no pouco é onde vas notar a diferencia. Ter coidado das cousas é a base de todo.

[caption id="attachment_95235" align="alignright" width="320"] O programa permite rexistros e consultas a través do móbil.[/caption]

- Utilizades o programa no ordenador ou na aplicación do teléfono móbil?
Paco: Case todo no móbil porque é moi cómodo. Estás no patio e podes ir metendo os datos directamente coa aplicación, a medida que vas facendo todo o traballo diario de secados, inseminacións, partos… O único que fago no ordenador son as cuestións de clínica veterinaria e as baixas de animais que saen da granxa, porque normalmente metes máis datos. Co programa traballei eu sobre todo, ata o de agora, pero Pepe tamén vai colléndolle o truco.

José: Estou comezando con el. Á xente maior cústanos máis a informática, pero isto é o futuro, non hai volta que darlle. Quen queira seguir nisto, a partir de 30 vacas debería estar informatizado.

[caption id="attachment_95256" align="alignright" width="320"] Pantalla principal do programa no ordenador.[/caption]

- No voso caso, como vos decidistes a implantar o programa?
Paco: O que nos impulsou a introducilo foi o noso veterinario de Serivet, Juanjo. Nós, ó principio, acababamos de poñe-lo robot e xa tiñamos bastante con adaptarnos a el, pero decidímonos e a verdade é que ben. No programa tes todo o que pasa na granxa. Podes comparar todo, desde fertilidade dun touro, datos de partos, de produción… Facilítache tomar decisións. Vou poñer este touro ou o outro. Esta vaca, que pensabas que era boa, miras os datos de produción e igual te das de conta de que non era o que pensabas. Permíteche tomar decisións máis rápido, anticipas as decisións.

- Como definiriades en poucoas palabras as vantaxes do programa?
Paco: É útil, facilita moito o traballo e é rentable.

[box style="0"]

[caption id="attachment_95244" align="aligncenter" width="660"] María Orozo e Natalia Yañez ocúpanse do muxido. Antes dos robots, leváballes sete horas ó día, agora pouco máis de dúas.[/caption]

Terra e man de obra profesional, principais necesidades para o sector na comarca

As ganderías de Paco e José asociáronse nunha Sat hai uns 16 anos como vía para mellorar a calidade de vida. Fai cinco anos uníronse con outra granxa coa mesma idea de gañar en futuro e de repartir mellor o traballo. A Sat García Quintana conta agora con seis persoas no traballo diario: Antonio e Berta, que se ocupan da recría; María e Natalia, que se encargan do muxido das vacas que están na sala; Paco, que leva o traballo das terras; e Pepe, que se encarga do mantemento diario da granxa. A cooperativa Os Irmandiños (Clun), na que está a gandería, ocúpase da distribución da ración.

É un sistema que lles permite librar un fin de semana cada dous, ter máis tempo para o control do gando e mesmo para asumir parte das obras que hai que facer periodicamente na granxa.

Base territorial
A granxa manexa unha superficie de algo máis de 60 hectáreas, das que a gran maioría, unhas 55 hectáreas, están a rotación de millo e raigrás. “Temos que facer un traballo moi intensivo da terra porque hai pouca superficie na zona” -explica Paco Oliveros-. “Para estar ben en base territorial, no noso caso necesitariamos outras 15 ou 20 hectáreas. Na situación actual, temos que mercar cada ano arredor de 400-500 toneladas de millo, e tamén adquirimos alfalfa e algo de palla”.

[caption id="attachment_95262" align="alignright" width="320"] A gandería ubicou os pozos de purín nunha zona próxima á maioría de fincas.[/caption]

“Na nosa zona o que falta é superficie e superficie cómoda para traballar, porque hai fincas pequenas e con desniveis grandes. É o problema que temos” -sinala José Oliveros-. “Pode haber fincas dispoñibles pero que están lonxe, polo que tes que descartalas. As fincas teñen que estar preto do establo porque ó ano, entre outros traballos, moves moitos metros cúbicos de purín, que tes que aplicar e tapar”.

“Antes non te dabas de conta de que se tes unha finca lonxe, non che compensa o tempo que pasas en viaxes no tractor ata ela” -completa Paco-. “O máis lonxe que estamos collendo fincas é a 3 quilómetros. Ofrecéronnos varias a 7-8 quilómetros, pero para coller unha finca a esa distancia, ten que ser moi boa de terreo, grande e con accesos fáciles”.

Todo o traballo das campañas agrícolas, salvo a colleita do millo, faino a propia granxa. É unha decisión que tomaron pola falta de man de obra profesional na comarca. Existe a posibilidade de traballar con empresas de servizos, pero para optimizar os rendementos, prefiren encargarse eles do traballo. “Entre sementar o millo un mes antes ou despois, pode haber unha diferenza de rendemento de 15.000 quilos por hectárea. Cando hai campaña, hai que botar horas”, conclúen.

[caption id="attachment_95250" align="aligncenter" width="660"] Nave de vacas secas e parideira, posta en marcha hai un par de anos, unha instalación que lle dá comodidade ás vacas.[/caption]

Produción
A gandería comercializa arredor de 7.400 litros de leite ó día, dos que unha parte van para Central Lechera Asturiana, da que é socia unha das granxas orixinais da Sat, e outra parte para Inleit, a firma que está a montar a planta de Curtis, que polo de agora envía o leite a súa factoría de Guadalajara.

"En xenética, o que máis buscamos son ubres ben colocados e velocidade de muxido"

A media de produción da gandería ronda os 42 litros por vaca. Os animais están divididos en tres lotes, un de alta produción en robot, cunha media de tres muxidos ó día e 48-50 litros de produción; outro lote en robot de vacas de primeira lactación, cunha produción duns 38 litros de media, e un terceiro lote en sala de muxido que se ordeña dúas veces ó día.

Xenética
En calidades, a granxa ronda os ,3,30 de proteína, 3,75 de graxa e menos de 100.000 células somáticas. “Á hora de inseminar as vacas, miramos que os touros sexan positivos en graxa e proteína, pero non son aspectos nos que nos esteamos a centrar. O que máis miramos na xenética son as ubres ben colocadas e a velocidade de muxido. Cando visitas granxas con robots, daste de conta de que hai vacas que botan o dobre de tempo que outras no robot, así que é un tema importante para nós”, valora Paco.

A gandería está tamén seleccionando touros A2A2, pois entende que é un leite con perspectivas de mercado no futuro.

[/box]

Etiquetado
Ir a la portada