Desenvolvemento rural

Sarria exalta esta fin de semana os produtos do agro na Mostra Gandeira de San Isidro Labrador

13/05/2017 12:09 p.m.

O concello de Sarria exalta este fin de semana os produtos do agro na XXIX Mostra Gandeira de San Isidro Labrador.

Poxa de gando Frisón, exposición e concurso de gando de Rubia Galega, mostra de artesanía ou espectáculo ecuestre son só algunhas do amplo programa de actividades para o sábado e o domingo.

Sábado 13 de maio 2017
11:30 - Inauguración.
12:00 - Poxa de gando Frisón (AFRICOR)
17:00 - Exhibición de aves de cetrería.
18:30- Exhibición canina (Agility)
20:30 - Degustación de chourizos e iscos, acompañada polo grupo musical Dúo Camelia.

Domingo 14 de maio 2017
10:00 - Inauguración.
10:30 - Exposición de gando de raza Rubia Galega (Acruga)
11:00 - Recepción de autoridades no Consistorio.
12:00 - Misa seguida de procesión dende Santa Marina ata o mercado de gando.
16:30 - Concurso gando de raza Rubia Galega (Acruga).
18:30 - Sorteo de dúas xatas.
19:00 - Espectáculo ecuestre.

Apoio da Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación de Lugo destinará a Sarria, no marco do Plan Único, 500.000 euros do Orzamento de 2017. E desta cantidade, o Concello achegará 3.000 euros para a Feira de San Isidro. Ademais, o organismo provincial cederá dúas xatas da Granxa Gayoso Castro, que serán sorteadas durante a xornada do domingo.

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, subliñou ete xoves durante a presentación do programa da feira que “unha das prioridades do Goberno da Deputación é o impulso do medio rural, por iso contribuímos a organizar este tipo de iniciativas coas que poñer en valor un dos motores económicos da nosa provincia como é o sector primario. Concello e Deputación propuxémonos o pasado ano recuperar esta cita, que xa é tradición en Sarria, e que nesta 29 edición non me cabe dúbida de que repetirá éxito, xa que está previsto que participen unha vintena de ganderías”.

Campos Conde lembrou ademais que o Goberno da Deputación vai a poñer en funcionamento en breve o primeiro Centro de Recría de ganado vacún público de España. De feito, recentemente organizouse unha comisión técnica que valorou as ofertas presentadas e na que saíu seleccionada unha entidade. O proceso atópase agora nun período de adxudicación inicial que se resolverá nos vindeiros meses.

Etiquetado
Ir a la portada