Viña

Santiago de Compostela descobre a singularidade dos viños amparados pola D.O Monterrei

Ademais desta acción destinada ao público especializado, a D.O. organizará o 15 e o 16 de xullo o Túnel do Viño, no que os asistentes poderán degustar as mostras seleccionadas polas distintas adegas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
14/07/2015 10:31 a.m.

A sede de Campus Stellae, situada na compostelá Plaza daQuintana, acolleu hoxe a presentación de 34 marcas de viño pertencentes a 18 adegas incluídas na D.O Monterrei. Diversos profesionais do sector déronse cita no lugar e participaron nunha degustación dos viños da colleita 2014 nun acto que estivo apadriñado polo actor galego Rubén Riós, orixinario do municipio de Riós, un dos concellos que conforman a denominación de orixe de Monterrei. A dirección da cata correu a cargo do experto Luis Paadín, que se encargou de ofrecer as explicacións técnicas oportunas, acompañado da presidenta da D.O de Monterrei, Asunción Rodríguez, e de persoal do Conselo Regulador.

No acto participaron, ademais, o director-xerente de GaliciaCalidade, Alfonso Cabaleiro, e o secretario xeral de Medio Rural e Montes da Xunta de Galicia, Tomás Fernández-Couto.

Trece premios no período 2007-2015
Durante o acto, a presidenta da D.O, Asunción Rodríguez, sinalou que a xornada se enmarca nunha iniciativa de promoción itinerante dos viños de Monterrei, que percorrerá varias cidades. "A emblemática Praza da Quintana pareceunos o lugar idóneo para iniciar o percorrido", sinalou Rodríguez, quen puxo en valor, ademais, como mostra da puxanza e do éxito dos viños de Monterrei o feito de que trece marcas desta D.O (tanto de carácter colleiteiro como industrial) fosen distinguidas entre 2007 e 2015 como mellor viño branco ou tinto de Galicia. De feito, na última edición dos premios anuais que promove a Xunta distinguiuse a Gargalo Treixadura &Albariño, da D.O Monterrei, como mellor branco de Galicia.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Máis de 2.000 anos de historia
Pola súa banda, o experto Luis Paadín referiuse ao carácter diferenciado dos viños de Monterrei en relación ao doutras denominacións de orixe galegas. Segundo sinalou, aínda que "de características atlánticas" o microclima da zona (con máis calor que noutras áreas) marca os viños e os fai singulares. "Son uns viños moi divertidos e moi variados, moi diferentes uns doutros",asegurou. Tamén recordou Paadín que Monterrei foi o primeiro lugar de Galicia onde se plantaron viñedos "hai máis de 2.000 anos". "Monterrei ten unha historia única e a explosión que viven os seus viños non é froito da casualidade", apostilou.

Por último, o secretario xeral de Medio Rural da Xunta de Galicia fixo fincapé na relevancia de combater "a venda ilegal de viño". Segundo recordou Fernández-Couto, vender viño sen etiqueta é unha "irregularidade" e compralo supón unha "irresponsabilidade".

Monterrei exporta o 17% da súa produción
Esta campaña de promoción pretende dar a coñecer a singularidade e tradición vinícola de Monterrei e poñer en valor os viños industriais e colleiteiros que existen na zona e que cada vez contan cun maior prestixio no ámbito nacional e internacional. De feitos, o ano pasado a D.O de Monterrei exportou ao estranxeiro o 17% da súa produción total. Despois de Santiago de Compostela, Madrid será a seguinte urbe na que o público poderá coñecer directamente as singularidades dos produtos desta D.O.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Túnel do Viño
Ademais desta xornada destinada ao público especializado, a D.O. organizará os días 15 e 16 de xullo, tamén na Praza da Quintana, o Túnel do Viño, no que os asistentes poderán degustar as mostras seleccionadas polas distintas adegas.

O consumidor dispoñerá de todo tipo de información sobre estas, así como de todo o material preciso para catar as distintas referencias de Monterrei dispoñibles para a ocasión. Ademais, aquelas persoas que desexen adquirir algún dos viños presentes na degustación, poderán facelo no punto de venda directa presente tamén na sala.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada