Desenvolvemento rural

Suspendidas en San Sadurniño as xornadas ‘Apostando polo sector primario’

O Concello coruñés cancela o evento, previsto para este sábado, pola expansión do coronavirus en Galicia. Baralla facer parte das xornadas de xeito virtual máis adiante

Campo Galego 24/08/2020 10:17 a.m.

O Concello de San Sadurniño (A Coruña) decidiu cancelar as xornadas 'Apostando polo sector primario', previstas para este sábado 29 de agosto. O titular de Desenvolvemento local, Manolo Varela, comunicoulle xa aos poñentes e ás persoas inscritas a cancelación da xornada técnica ao redor do sector primario. "Fixemos unha avaliación técnica de seguridade específica para a COVID-19 e tras cotexar distintos aspectos, entre eles a procedencia de poñentes e participantes doutras áreas sanitarias, chegouse á conclusión de que o risco ante unha eventual exposición ao virus é demasiado alto nestes momentos, tendo en conta ademais que o perfil da maioría de asistentes, con idades que superan os 55 anos, entraría dentro dos considerados grupos de risco."

Varela engade que a intención do seu departamento é manter o programa para máis adiante readaptándoo a un formato virtual. "Hai ferramentas que nos permiten organizar as charlas a través da rede, co que incluso poderiamos chegar a un público máis amplo. É algo no que estamos traballando e do que informaremos proximamente. Ben é certo que non será o mesmo, xa que a xornada tamén incluía visitas guiadas polo arboreto, a horta de froiteiras e o paseo fluvial, pero a día de hoxe é a mellor opción para non ter que sacrificar todo o programa".

Etiquetado
Ir a la portada