Agricultura

San Sadurniño en flor, unha iniciativa de apoio ós viveiros locais de planta ornamental

O Concello de San Sadurniño impulsa unha iniciativa coa que auxiliar ós viveiristas e empresas do sector primario locais ó tempo que engalanan o municipio con plantas e flores. A proposta está a ter gran acollida entre os veciños ó superar xa as 100 encargas

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 28/05/2020 10:56 a.m.

O sector da planta ornamental e a flor cortada foi un dos grandes prexudicados pola crise do coronavirus, que os deixou sen poder vender a súa produción en plena campaña e ocasionou grandes perdas económicas. Neste contexto, o Concello de San Sadurniño puxo en marcha hai dúas semanas a iniciativa “ San Sadurniño en flor” coa que pretende apoiar ós viveiros e empresas do municipio relacionadas co sector primario.

Ademais, esta proposta, coa que queren engalanar o municipio con plantas e flores, tamén busca recuperar a esencia da Feira da Plantación do mes de abril, que este ano foi suspendida por mor do coronavirus, cando acadaría a súa 25 edición. Con este proxecto agardan que San Sadurniño entre no circuíto estatal “Vilas en Flor”, xestionado en Galicia pola Fundación Juana de Vega.

A iniciativa “San Sadurniño en flor” proponlle á veciñanza decorar con plantas e flores as fiestras, balcóns, soleiras, peches e patios do concello. Para iso, o departamento de Desenvolvemento local, en colaboración con Vivergal e outros viveiros da zona, axudaralle ós veciños a iniciar o proceso decorativo cun pequeno lote de plantas de tempada que lle entregarán na casa de balde. Ademais, as mellores decoracións realizadas con estas plantas levarán premio.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Peticións dende todo o concello

A iniciativa está a ter unha boa acollida entre a veciñanza, tal e como comenta o titular de Desenvolvemento local, Manuel Varela, quen tamén agarda que se incrementen as peticións nestas últimas xornadas de prazo.

Ata media tarde do mércores, contabilizáranse un total de 108 peticións. O maior número de solicitudes produciuse en San Sadurniño, onde se rexistraron 46, seguida de Naraío con 24, Lamas con 11, 9 en Bardaos, 8 procedentes de Santa Mariña, 7 desde Igrexafeita e 3 de Ferreira.

Decorar con plantas ten premio

A entrega das plantas, que se fará entre o 1 e o 12 de xuño ás persoas que se inscribiran para participar, será o primeiro paso para poder optar a distintos lotes de premios. Unha vez reciban as plantas, os veciños deberán pensar onde e como colocalas para que queden o máis lucidas posible. Dende o Concello recomendan botarlle imaxinación e colocalas en lugares onde se vexan ben dende a vía pública. Asimesmo, o lote entregado polo Concello poderá combinarse con máis flores ou variedades de planta, así como con outros elementos decorativos.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Unha vez que se teñan os espazos decorados deberán facer 2 ou 3 fotos que logo terán que enviar ó Concello por correo electrónico ou por WatsApp antes do 22 de xuño, indicando na mensaxe o nome e o enderezo da persoa participante.

Un xurado integrado por unha persoa nomeada polo Concello e dúas en representación dos viveiros fará as valoracións dos conxuntos fotografados e incluso poderá visitar os que considere necesario. As decoracións premiadas daranse a coñecer o día 30 de xuño, así como a data da entrega de premios para as tres categorías coas que conta o concurso: 10 lotes de produtos, proporcionados por empresas locais do sector primario, para as mellores composicións florais de exterior, 10 para as xanelas ou balconadas máis floridas e outros 10 para os patios, peches ou xardíns máis vistosos.

As persoas interesadas en participar nesta proposta e recibir o lote de plantas gratuítas terán ata mañá venres ás 14.00 horas para inscribirse no teléfono 616 332 919 ou enviar un correo a agustin.perez(arroba)sansadurnino.gal indicando no asunto "San Sadurniño en flor", ademais do nome, os apelidos, o enderezo e un teléfono de contacto. Esas dúas vías tamén serán as que deban empregar para enviar as fotos das composicións.

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada