Desenvolvemento rural

‘Rural imaxinado’, un encontro para debatir sobre presente e futuro

A rede Revolta de investigación en Agroecoloxía e Historia, composta por sete grupos de investigación de universidades galegas, fai un chamamento ás persoas interesadas en participar na xornada, que se celebrará en Lalín o 13 de novembro.

Campo Galego 08/10/2015 8:38 a.m.

Lalín acollerá o 13 de novembro un encontro de debate sobre o presente e o futuro do rural. O evento, que leva por nome ‘Rural imaxinado: do presente a un futuro porvir’, está programado pola rede Revolta, na que participan sete grupos de investigación das universidades galegas que traballan sobre o medio rural, a agroecoloxía e a historia agraria.

A través do encontro, a rede procura tecer un espazo de discusión crítica que permita pensar en alternativas que se están dando ou se poden dar no medio rural para que este siga sendo un espazo cheo de vida. O debate que se quere abrir no ‘Rural imaxinado’ parte de dúas cuestións de base, explican os organizadores: “Que estamos facendo desde o medio rural para respostar ós retos ós que nos enfrontamos no século XXI?, e como podemos imaxinarnos o futuro que está por vir?”.

Presentacións
O encontro Rural imaxinado celebrarase o 13 de novembro en Lalín. Será de asistencia gratuita e ten aberta a convocatoria de presentacións. A rede Revolta, que organiza a xornada, fai un chamamento á participación no evento: “Nos últimos tempos están abrollando unha manchea de proxectos innovadores e novos relatos que están relendo o pasado, presente e o futuro no rural, e por este motivo é polo que dende a rede ReVOLTA se quere contar coa participación de facedores de experiencias productivas innovadoras, investigadoras/es, activistas ou pensadores e interesadas/os en xeral”.

Quen queira facer unha presentación teñen de prazo ata o 15 de outubro para facerlla chegar á organización a través do correo electrónico rede.revolta@usc.es.

A idea da Rede Revolta é que as presentacións sirvan ou ben para trasladar experiencias produtivas alternativas a nivel de produción e comercialización, ou ben, nun plano investigador, para dar respostas a cuestións relativas ó rural. “Que imaxinarios se dan hoxe no rural?, como se vive o territorio?, é a innovación só cousa de empresas?, como se reconceptualizan as comunidades na actualidade?” son algunhas das cuestións que suxiren desde a rede.

As mesas temáticas nas que se insertarán as presentacións xiran en torno a 4 eixos: comunidade, outras economías, subxectividades e resiliencia – innovación. As presentacións poderán ser orais, por vídeo, interactivas, etc.

O acto desenvolverase o 13 de novembro na Casa do Concello de Lalín.

Máis información: http://revolta.usc.es/

Etiquetado
Ir a la portada