Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas viaxaron ata Xapón para protagonizar un seminario dirixido a destacados profesionais do sector. O secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, foi o encargado de realizar a presentación aos prescriptoresxaponeses sobre as principais características diferenciadoras dosAlbariños Rías Baixas e das diferentes subzonas onde se elaboran.
A sesión, á que acudiron representantes de importantes restaurantes nipóns, estendeuse durante unha hora. Tras as explicacións sobre a terra, o proceso de elaboración e as esixencias de calidade que marca o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas para os viños, os asistentes tiveron a oportunidade de catar un total de 13 marcas.
A xornada promocional continuou no Hotel New Otani Fukuoka. Neste lugar, a Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizou unha cea maridaxe con diferentes pratos tradicionais xaponeses. Nela, mostrouse a versatilidade dos viños amparados coa cociña deste país a través de oito marcas. Así mesmo, os preto de vinte asistentes tamén puideron degustar outros viños amparados.
A esta cita acudiron compradores de grandes almacéns, distribuidores de viños e xornalistas especializados. Non faltou o apoio dos membros honorarios do consulado español en Fukuoka,Hirosada Oyamada e Takamichi Okuno a esta promoción.
Mercado en alza
A xornada desenvolvida hoxe en Fukuoka inclúese dentro do Plan Xapón que o Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas de leva a cabo no devandito país e no que conta coa colaboración da Oficina Económica e Comercial da Embaixada de España en Tokyo. O principal obxectivo desta é afianzar e estender a presenza dos viños neste país.
Non en van, a exportación de viños Rías Baixas a Xapón incrementouse considerablemente na última década. De feito, as cifras de litros vendidos no país nipón cuadriplicáronse dende 2004. Mentres que neste ano se rexistrou a venda de 23.227,50 litros, en 2014 esta cantidade ascendeu ata os 94.642,50.