Forestal

Reunión de seguemento do plan de innovación forestal apoiado por Inditex

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán acolleu unha xuntanza para evaluar o traballo realizado no marco do convenio de colaboración coa firma téxtil

Campo Galego 21/09/2017 7:25 p.m.

A Consellería do Medio Rural e Inditex veñen de manter un encontro no Centro de Investigación Forestal de Lourizán para valorar o ‘Plan de Innovación e Mellora Forestal 2010-2020’, no que colabora a firma téxtil.

A Consellería do Medio Rural e Inditex están a colaborar para impulsar o sector forestal galego a través dun convenio para o desenvolvemento do “Plan de Innovación e Mellora Forestal 2010-2020”. Ambas partes veñen de manter un novo encontro (o quinto) no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en Pontevedra, para facer seguimento deste acordo.

O plan de innovación impulsado en colaboración con Inditex ten por obxectivo incrementar a produción e calidade dos produtos forestais. O convenio entre ambas partes persegue apoiar tres programas diferentes, centrados nos ecosistemas forestais, a mellora xenética e silvícola, e a protección forestal. Ademais, o acordo aborda tamén a dotación de investigadores post-doctorais nas actividades previstas no plan, así como a formación de persoal investigador.

Aproveitando a reunión, visitouse o laboratorio de xenética molecular, onde se explicou o proceso levado a cabo para identificar nos viveiros de Galicia as variedades tradicionais de castaña, o dispositivo experimental de lume forestal (Delfor) e finalmente unha parcela ensaio de clons de cerdeira.

No encontro de traballo participaron o secretario xeral e do Consello da compañía, Antonio Abril, e o director de Sustentabilidade Ambiental da mesma, Antonio Álvarez, e –por parte da Xunta– o director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández-Couto; o director do centro de Lourizán, Enrique Martínez; e o secretario técnico do Instituto Galego de Calidade Agroalimentaria (Ingacal), Alfonso Ribas.

Etiquetado
Ir a la portada