Leite

Reny Picot confirma subas de preto dun céntimo por litro

A industria incluirá nos pagos de xaneiro as cantidades a maiores que percibe da distribución desde decembro polas súas vendas de marca branca. A Plataforma iniciará contactos con todos os grupos políticos en demanda dun paquete de medidas urxentes en apoio ó sector lácteo

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 11/02/2016 6:12 p.m.

Os gandeiros que lle entregan o leite a Reny Picot xa están recibindo a confirmación da industria dun aumento do prezo do leite nos pagos de xaneiro. A suba, que fontes do sector produtor sinalan que será próxima a un céntimo por litro, é consecuencia dos cartos a maiores que percibe desde decembro a industria pola venda de marcas brancas ás cadeas de distribución.

Tras os compromisos acadados en decembro entre gandeiros e distribución, Leche Celta foi a primeira industria en anunciarlle unha suba ó sector, de 0,5 céntimos. Lactalis, logo dunhas semanas de confrontación cos gandeiros, tamén anunciou unha suba para este mes, aínda que queda por concretar a canto ascenderá; e a estas empresas vén a sumarse agora Reny Picot, cunha suba que se achegará ó céntimo por litro. Queda pendente outra reunión do sector con Central Lechera Asturiana, unha das empresas beneficiadas polos acordos coa distribución.

Contactos da Plataforma cos grupos políticos

A Plataforma en Defensa do Sector Lácteo de Galicia vai iniciar a partir de hoxe unha serie de contactos con todos os grupos políticos en demanda dun programa de medidas urxentes de apoio ó sector lácteo. Desde a Plataforma entenden que, tanto a nivel galego como estatal, débense artellar medidas urxentes para garantir a recollida de todo o leite a prezos sostibles, o control ordenado de excedentes e a eliminación de impagos e contratos abusivos, así como o seguemento do leite que se paga a prezo de po, de xeito que se garanta que efectivamente ese é o seu destino.

As organizacións que compoñen a Plataforma consideran que a adopción de medidas debe realizarse de xeito urxente, a fin de non comezar a primavera coa actual situación de incertidume sobre os excedentes, segundo indican en nota de prensa.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada