Forestal

Reforestación popular no monte veciñal do Viso, afectado por un lume no verán

A comunidade de montes, ubicada en Redondela, congregou a máis de 50 persoas para celebrar o Día da Árbore e facer unha plantación de 500 árbores, entre carballos, castiñeiros e piñeiros

Campo Galego 11/04/2017 8:43 a.m.

A comunidade de montes do Viso (Redondela, Pontevedra), afectada por un lume o pasado mes de agosto, acometeu unha reforestación popular con motivo do Día da Árbore. O acto congregou a máis de 50 persoas, tanto comuneiros como voluntarios que quixeron amosar o seu apoio ó monte veciñal.

Co acto, celebrado o pasado domingo, quíxose poñer en valor o traballo en conxunto a prol do monte veciñal. A comunidade do Viso agradeceu a ampla participación e destacou a importancia simbólica do acto. “É un pequeno exemplo de que a pesar de que o monte quedase arrasado cos incendios forestais, é deber de toda a sociedade voltar a comezar e deixarlle ás xeracións futuras o mellor monte posible”, subliña o presidente da comunidade, Álvaro Durán.

En total, plantáronse en cuestión de horas máis de 500 árbores entre carballos, castiñeiros e piñeiros. O Viso agradece tamén a colaboración de empresas, como foi o caso de "Xirela" e de "Maquinaria Agrícola Carpintero".

Etiquetado
Ir a la portada