Carne

Récord no prezo medio do vacún maior en Silleda

A Centra Agropecuaria de Galicia rexistrou esta mañá un novo prezo medio récord para o vacún maior ó acadar os 995,58 euros. Nos becerros a tendencia foi á baixa nos animais de recría e nos carniceiros houbo subas nos cruces industriais. Sube o porco cebado e baixan os leitóns

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 30/06/2020 10:16 p.m.

A Central Agropecuaria de Galicia –Abanca acadou hoxe un récord anual no prezo medio da categoría de vacún maior ó chegar ós 995,58 euros. A cifra supera os 943,48 euros acadados o pasado 10 de marzo que se situaba como a mellor do ano ata o momento. O prezo está motivado tanto pola calidade dos exemplares presentes esta mañá como pola mellora dos prezos pagados por estes animais, segundo indican dende a Central.

Por categorías, as vacas de primeira acadaron hoxe un prezo medio de 1.083 euros, logo dunha baixada de 27 euros con respecto á pasada feira. Os animais de segunda, a categoría máis numerosa, incrementaron o seu valor en 4 euros ata os 735 euros. Mentres, as vacas de desvelle situáronse nos 462 euros tras unha suba de 2 euros con respecto do martes pasado.

Nos becerros de recría, a tendencia foi á baixa en tódalas categorías dos frisóns, mentres que nos cruces industriais rexistráronse incrementos. Así, nos animais de raza Frisoa de menos de 20 días houbo unha baixada de 19 euros e cotizáronse a un prezo medio de 85 euros. Os becerros de entre 20 e 50 días, a categoría máis abundante da xornada, experimentou unha redución de 26 euros e pasan a situarse nos 108 euros. Nos xatos de máis de 50 días o prezo medio foi de 133 euros, logo dunha baixada de 3 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

No caso da recría de cruces industriais a categoría de animais máis novos, con menos de 20 días, rexistrou unha suba de 20 euros ata acadar os 222 euros de media. A única baixada nesta raza produciuse nos becerros de entre 20 e 50 días, onde o prezo medio se reduciu 17 euros ata situarse nos 266 euros. A suba máis destacada foi a dos tenreiros de máis de 50 días, cuxo prezo medio chegou ós 416 euros tras un incremento de 55 euros.

Houbo tamén diferencias entre as razas no caso dos becerros carniceiros. Así, nos animais frisóns o prezo caeu en 115 euros ata os 346 euros de media. Nos cruces industriais a tendencia foi á alza tanto para os machos, que incrementaron o seu valor en 116 euros ata acadar os 906 euros; coma para as femias que se cotizaron a 804 euros, tras unha suba de 55 euros.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Novas subas no porco cebado

As mesas de cotización do porcino acordaron esta mañá novas subas no porco cebado, mentres que nos leitóns producíronse baixadas dos prezos. Así, o valor do porco selecto e o normal incrementouse en 0,020 euros e sitúanse a un prezo medio de 1,355 e 1,330 euros respectivamente. Nos animais de Canal II a suba foi de 0,026 euros ata acadar 1,727 euros por quilo. A única excepción produciuse nos porcos de desvelle onde o prezo se reduciu en 0,020 euros ata situarse entre 0,47 e os 0,53 euros por quilo.

Logo de varias semanas sen cambios no prezo dos leitóns acordouse unha baixada de 2 euros. Deste modo, os animais procedentes dunha única granxa sitúanse nos 50 euros, mentres que os chegados de diferentes ganderías teñen un valor de 45 euros. O prezo por quilo é de 2,5 e 2,25 euros respectivamente.

O mercado do ovo mantense esta semana sen variacións. Os ovos da categoría XL cotízanse a 1,56 euros a ducia, os da L acadan 1,17 euros, os da M sitúanse a 1,07 euros e os de menor tamaños, os da S, a 0,92 euros a ducia. As galiñas de desvelle acadan un prezo medio de entre 0,04 e 0,12 euros por quilo.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Na lonxa de Madrid, esta semana o prezo do coello mantense tamén sen variacións e cotízase a 1,75 euros o quilo.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada