Viña

Recomendan tratar as viñas e as froiterias danadas pola saraiba

Loading ad.
Ad could not be loaded.
27/03/2017 4:42 p.m.

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA) vén de facer público o seu último aviso fitosanitario, no que advirte da necesidade de tratar a viña e outros cultivos para minimizar os danos producidos pola sarabia caída nos últimos días. Así mesmo, os técnicos sinalan que é preciso vixiar os gromos de maceiras e pereiras para detectar moteados e, por outra banda, aplicar o tratamento nas camelias afectadas polos ácaros que provocan a caída dos botóns florais.

A técnico responsable da Unidade de Artrópodos da EFA, Rosa Pérez, explica que a sarabia que caeu a semana pasada en practicamente todas as zonas da provincia de Pontevedra ten causado roturas nos gromos herbáceos das viñas máis desenvolvidas, así como noutro tipo de cultivos.

Ante esta situación, e nesta altura do ano, cando aínda se está a iniciar o nacemento dos gromos, o máis conveniente nas plantacións novas de pequena superficie é eliminar as partes moi afectadas para inducir novos nacementos. No resto de casos, á marxe de aplicar a mesma medida, débese realizar un tratamento cun funxicida que favoreza a cicatrización de feridas. Neste sentido aconséllanse tres dos produtos recomendados para o control da excoriose, así como tamén os cúpricos. No caso de que volvan producirse os episodios de sarabia haberá que renovar as aplicacións, a ser posible nas 48 horas seguintes.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Tratamento das maceiras e pereiras contra o moteado

En canto ás maceiras e pereiras, nas plantas con historial de moteado é preciso vixiar moi ben a agromada, posto que neste estado as plantas presentan unha elevada sensibilidade ó patóxeno e as condicións ambientais húmidas que se están a rexistrar favorecen as infeccións.

Por outra banda, o aviso fitosanitario tamén fai referencia a diferentes afeccións da camelia, como son os ácaros da caída do botón floral (Cosetacus camelliae) e os gurgullos. “Nesta época as plantas de diferentes variedades e cultivares de camelia xa mostran os gromos tenros en crecemento. É precisamente este o momento idóneo para aplicar un tratamento fronte a estes ácaros”, subliña Pérez, destacando que existen diferentes produtos fitosanitarios autorizados polo Ministerio.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Así mesmo, en canto aos gurgullos, Pérez destaca que os gromos en crecemento poden atraer insectos, especialmente nas fincas onde se presentan todos os anos. “No caso de observarse é conveniente a súa eliminación para evitar que causen prexuízos ó valor ornamental destas plantas”, subliña.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada