A Consellería do Medio Rural aconsella no seu boletín agrometeorolóxico deste venres realizar un tratamento contra o verme da mazá.
Os nacementos de larvas de verme da mazá (Cydia pomonella) xa comenzaron nas zonas produtoras temperás de Galicia, correspondendo ás comarcas das Mariñas Coruñesas (estación meteorolóxica de Guísamo) e Tabeirós Terra de Montes e Santiago (estación de Vedra-Pazo de Galegos), e están a iniciarse nas zonas produtoras medias, comarca das Mariñas Coruñesas (estación de Mabegondo), Lugo (estación de Portomarín) e Ortegal e Mariñas Luguesas (Estación de Lourenzá).
É previsible que o mesmo aconteza no resto das zonas de Galicia nos próximos días. Polo tanto, nas parcelas onde se cultivan maceiras e pereiras deben realizarse aplicacións de insecticidas-larvicidas.
Estes tratamentos renovaranse no prazo máximo de 12-14 días, ou antes se se producen chuvias de certa intensidade que puideran lavar o produto aplicado. Recoméndase alternar as materias activas usadas para evitar problemas de resistencia
Moteado
Polo demais, aconséllase unha vixilancia extrema para aplicar tratamentos con precisión en maceiras afectadas polo moteado se as condicións climatolóxicas dos vindeiros días pasan a ser de humidade elevada e temperaturas suaves-altas.
Para as maceiras afectadas polo pulgón, unha recomendación é pulverizar con xabrón potásico diluído en auga, e conservar a fauna auxiliar (sobre todo xoaniñas) que axudarán a controlar esta praga. Lémbrase a importancia dun abonado racional, para evitar un exceso de vigor que favoreza o desenvolvemento do pulgón.