Forestal

Recomendan retirar dos soutos os ourizos afectados por fungos

Medio Rural emite un aviso fitosanitario tras confirmar a incidencia nos castiñeiros dun fungo, ‘Gnomoniopsis smithogilvyi’, que causa podremia nos froitos

Campo Galego 07/12/2021 11:53 a.m.

Os soutos de castiñeiros víronse afectados esta campaña por unha serie de fungos que mermaron a produción de castaña. O aumento da incidencia de fungos nas árbores especúlase con que está relacionado cun verán atípico, con alta humidade e condicións de temperatura e falta de vento que favoreceron o desenvolvemento de enfermidades. A Consellería do Medio Rural vén de emitir un aviso fitosanitario sobre o problema, tras analizar os complexos fúnxicos presentes nos soutos afectados, principalmente no sureste de Ourense.

Da análise dos fungos, realizada polo Laboratorio Fitopatolóxico de Areeiro, despréndese que un dos principais ataques débese ó fungo ‘Gnomoniopsis smithogilvyi’. O seu impacto máis notorio no castiñeiro é que deixa os froitos secos e os ourizos sen desenvolver, pudendo caer de xeito prematuro. Xunto a este fungo, detectáronse outros máis habituais, como ataques de antracnose en follas.

En conxunto, estas enfermidades fúnxicas, unidas á praga da avespiña do castiñeiro, insectos minadores e a outras ameazas, poden afectar seriamente á saúde das árbores, reducindo a súa vitalidade e minguando as producións de castaña.

Medio Rural vén de emitir un aviso fitosanitario no que, tendo en conta os sistemas de reprodución do fungo, recomenda retirar os ourizos afectados do solo, así como os restos de castiñeiro caídos sobre o chan. O obxectivo é sanear o entorno dos soutos no posible para que na próxima campaña se produza unha menor incidencia de enfermidades fúnxicas.

Síntomas na madeira
A maiores dos danos sobre os froitos, a ‘Gnomoniopsis’ pode producir danos sobre a madeira en forma de cancros. Son cancros que se diferencian visualmente dos do chancro do castiñeiro, causados por ‘Cryphonectria parasitica’, xa que mentres estes teñen unha cor máis laranxa, os do novo fungo son máis avermellados e escurecen ata negro co paso do tempo.

Tras detectarse a forte incidencia de ‘Gnomoniopsis’, a Consellería incide en que se están a estudar posibles medidas contra a enfermidade, como pode ser a busca de pés de castiñeiro resistentes á doenza, de cara a incluílos no programa de mellora xenética da especie, ou o uso de determinadas bacterias e fungos que poidan actuar como antagonistas da enfermidade.

Medio Rural anuncia tamén que a partir de inicios do 2022 incorporará 28 novas parcelas de castiñeiro a rede de vixilancia da saúde dos soutos galegos, na que ata o de agora había 13 enclaves.

Chancro do castiñeiro
En canto ós pés afectados por chancro do castiñeiro, Medio Rural está desenvolendo desde hai anos un programa de inoculación de pés afectados. Calquera propietario pode solicitar participar no programa a través do seu Distrito Forestal ou Oficina Agraria Comarcal máis próxima. Tamén pode escribir directamente ó correo electrónico sanidadeforestal.cmrm@xunta.gal.

Etiquetado
Ir a la portada