Viña

Recomendan renovar os tratamentos contra o mildio

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 16/07/2022 8:13 a.m.

O último aviso fitosanitario emitido dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, alerta de novo do risco de proliferación de mildio nos viñedos. A pesar das elevadas temperaturas rexistradas, esta semana tamén houbo varias xornadas nas que as condicións de humidade relativa e foliar foron moi propensas para a aparición deste patóxeno. Así, é que o persoal técnico de Areeiro está a atopar nas súas revisións unha variedade de situacións, dende viñedos moi sans a outras cepas nas que apareceron acios con mildio larvado, algunhas mesmo tras tratamentos dados nos últimos 7 días.

Ante esta situación, o dificultoso que resulta controlar o mildio larvado e as treboadas que se produciron nas últimas horas e as que se agardan para os vindeiros días, dende Areeiro recomendan renovar os tratamentos contra o mildio. Aconsellan empregar un funxicida de acción penetrante ou de fixación ás ceras cuticulares. “Se aínda está recente a anterior aplicación antimildio, o tratamento pode facerse inmediatamente despois das choivas e xa cun funxicida cúprico”, especifican no aviso fitosanitario.

Oídio e black rot

Coas elevadas temperaturas tamén se agardaba que puidesen aparecer nos viñedos síntomas de oídio, porén nas revisións realizadas apenas atoparan cepas afectadas. “É moi importante facer revisións ás viñas para unha adecuada xestión do cultivo, aínda que as condicións ambientais (ou os modelos matemáticos) suxiran que non son necesarias”, sinalan dende Areeiro.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

A partir de agora a sensibilidade dos acios a este patóxeno irá diminuíndo, pero aínda poden verse afectados, causando perdas directas (endurecemento e rachado dos grans) e indirectas (entrada de botrite). Por este motivo tamén aconsellan renovar os tratamentos, pero non debe facerse con xofre dadas as elevadas temperaturas.

Esta semana tampouco observaron danos por blac rot, que pode seguir afectando á uva ata o pintado. Así, manteñen a recomendación de vixiar aquelas viñas nas que se teñan dado danos na uva ou naquelas que estean próximas a viñas abandonadas afectadas. Especialmente neste tipo de casos, aconsellan aplicar funxicidas antimildio e antioidio con efectos fronte a este outro fungo.

Outras incidencias

Esta semana tamén observaron un maior número de plantas coa sintomatoloxía típica das enfermidades de madeira, ao igual que vides con síntomas de estrés hídrico nos terreos máis areosos. Ademais, as esfollas excesivas e sen criterio lóxico que se practicaron sobre algunhas plantas están provocando que os acios máis expostos rematen con danos pola radiación solar.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada