Viña

Recomendan mellorar a aireación das viñas para reducir o risco de mildio

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Campo Galego 03/06/2022 11:45 p.m.

Logo de que a Estación Fitopatolóxica de Areeiro emitira a comezos de semana un aviso fitosanitario ofrecendo algunhas recomendacións dada a alarma suscitada entre os viticultores pola aparición de abundantes de manchas de mildio nos predios, este venres a situación volveuse máis tranquila. No seu último informe, os técnicos apuntan a que se seguen constatando algunhas manchas novas de mildio, máis grazas ós periodos sen choiva que houbo, a maioría das viñas xa están protexidas polos novos tratamentos.

Con todo, apuntan que é posible que continúen aparecendo novas manchas, dadas as condicións favorables para a enfermidade que se rexistran dende hai varias semanas, o que provoca ciclos constantes e solapados de infección.

Dende Areeiro recomendan realizar todas as labores de cultivo (poda en verde, desnetado, roza da vexetación do solo) que poidan proporcionar unha mellor aireación das viñas, para así reducir o risco de infección de mildio.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Esta semana tamén constataron unha maior cantidade de danos por Black rot en folla, en especial naqueles predios próximos a plantas abandonadas que tamén presentaran síntomas. Aínda que por agora non detectaron danos no acio, nin nas cepas abandonadas, recomendan estar moi atentos ante estes síntomas, xa que comeza o período de maior sensibilidade das cepas a este fungo.

Polo momento, nas revisións en campo non constataron presenza de oído. Porén, os técnicos avisan que despois deste periodo de precipitacións e dada a fenoloxía da viña é de esperar que non tarden en aparecer os primeiros danos en cepas de Albariño.

Malia ter apenas capturas nas trampas de feromonas, os técnicos tamén constataron un incremento do número de niños de primeira xeración da couza do acio. Ademais, en viñas do Rosal detectaron varias follas coas bugallas características do Janetiella oenophila, que non causa maiores danos na viña.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada