Noticias de empresa

Recomendacións para evitar accidentes coa fendedora da leña

30/07/2021 9:31 a.m.

O mes de agosto sole aproveitarse no rural galego para picar e secar a leña para o inverno. Nas últimas décadas extendeuse o uso de aparellos mecánicos para facilitar o traballo, como a fendedora acoplada ao tractor para o corte e o rachado dos toros. Supuxo un importante aforro de traballo pero o seu uso tamén implica riscos de accidente.

Neste sentido, a Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), ten a disposición do sector unha guía cunhas recomendacións clave para corte e rachado da leña con fendedora en condicións de seguridade. Son estas:

Operacións previas:

-Planificar o traballo.
-Realizar o mantemento das máquinas seguindo as instrucións do fabricante.
-Verificar o funcionamento dos equipos e dos elementos de seguridade.

Enganche e desenganche do apeiro:

-Estabilizar o apeiro.
-Unha vez centrado o apeiro e o tractor, desengranar a marcha e a toma de forza.
-De haber un axudante, non se interpoñerá entre o tractor e a máquina durante a manobra de enganche ou desenganche e manterase a un lado ata que o tractor estea inmobilizado.
-Colocar os bulóns e os pasadores de seguridade, de xeito que o apeiro quede axustado lonxitudinal e transversalmente e os brazos inferiores do tractor estabilizados.
-Colocar a xunta cardán coa toma de forza do tractor desconectada, comprobar o axuste de todos os pasadores e amarrar as cadeas antirrotación do tubo de protección.
-Conectar todas as conexións hidráulicas e eléctricas.

Desprazamentos:

-Comprobar que a carga do eixe dianteiro do tractor nunca sexa inferior ao 20% do seu peso.

-Colocar, antes de acceder á vía pública, a máquina en posición de transporte e situar a rampla elevadora de troncos (se se dispón) nunha posición máis elevada.

-Circular á velocidade axeitada e respectando as normas de circulación.

Corte e rachado de troncos:

-Posicionar o tractor en superficie horizontal e co freo de estacionamento.
-Posicionar a fendedora sobre unha superficie horizontal, de xeito que quede apoiada nos tres pés sen que exista risco de envorcadura.
-O operador debe colocarse nunha zona lisa e sen obstáculos.
-Non manipular a máquina dúas persoas ao mesmo tempo.
-Manter a distancia de seguridade con outras persoas.
-Manter a distancia de seguridade co raio de acción da rampla cargadora para a elevación de troncos (se se dispón dela).
-Unha vez colocado o tronco na posición correcta, hai que retirarse da área de proxección do cilindro e colocarse en liña co mando de accionamento. Accionar o mando coas dúas mans e non manipular o tronco ata que chegue o cilindro ao final da carreira.
-Traballar co diámetro de tronco indicado polo fabricante.
-Non superar en ningún caso as revolucións de traballo da máquina indicadas polo fabricante.

Inspección da máquina durante o proceso de corte e rachado (se fose necesario):

-Poñer o motor ao ralentí.
-Desembragar a árbore da toma de alimentación da máquina.
-Bloquear o tripuntal na posición requirida.
-Apagar o tractor.
-Asegurar que non existe ningún elemento nin persoa que poida modificar as condicións anteriores (manipulación do tractor, mandos, freos, arranque etc.)

Remate:

-Desenganchar o apeiro nunha zona chá e libre de obstáculos, proceder de igual maneira que para o enganche, pero en orde inversa.
-Facer as reparacións de mantemento, limpar e comprobar os elementos de
corte.

Descarga aquí a guía completa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) sobre corte e rachado da leña con fendedora.

 

Etiquetado
Ir a la portada