Desenvolvemento rural

Reábrese a posibilidade de queimas de restos agrícolas e forestais

Desde este martes 28 poderanse realizar as comunicacións e solicitudes de autorización a través do teléfono 012

Campo Galego 27/11/2017 2:26 p.m.

As queimas de restos agrícolas e forestais amoreados, que permanecían suspendidas polas adversas condicións meteorolóxicas, poderán solicitarse de novo a partir de mañá, martes 28 de novembro. Medio Rural decidiu reabrir a posibilidade de facer queimas ante a baixada do risco de incendios forestais.

As persoas que desexen queimar restos agrícolas amoreados deberán comunicalo a través do teléfono 012 con dous días de antelación. No caso de queimas de restos forestais amoreados, deberase solicitar unha autorización con alomenos 7 días de antelación e un axente visitará o lugar para emitir o correspondente permiso.

As primeiras queimas de restos agrícolas, por tanto, poderanse facer a partir do xoves 30 de novembro. En calquera caso, a Consellería lembra que en días de vento e altas temperaturas, tanto as comunicacións como as autorizacións perden a súa validez.

Recomendacións
Lembramos algunhas das principais cuestións a ter en conta á hora de efectuar queimas de restos amoreados.

- Antes de iniciar o proceso, hai que limpar unha franxa perimetral de 5 metros ó redor da fogueira.

- En caso de vento, non se poderá prender a fogueira. Se o vento comezase despois de prendida, haberá que apagala.

- Débese vixilar o lume e non se pode abandonar a fogueira ata dúas horas despois de extinguida, a fin de evitar que se reproduzan as lapas.

- Dado o risco que leva consigo o lume para a seguridade persoal, as queimas deben facelas un mínimo de dúas persoas.

Etiquetado
Ir a la portada