O análise trimestral do mercado lácteo de Rabobank apunta a un panorama continuista na situación dos prezos do leite durante 2016. O servizo de investigación do banco holandés considera que os prezos no campo repuntarán cara o 2017, da man dunha recuperación da demanda internacional de produtos lácteos.
As perspectivas a curto prazo continúan sendo, por tanto, pesimistas. A previsión é que os baixos prezos reduzan o crecemento da produción en Europa, se ben a produción non caerá, polo que o mantemento dos actuais prezos e a súa posible recuperación dependerá do aumento do consumo.
Rabobank sinala que o consumo de lácteos continúa crecendo en Asia e Estados Unidos e prevé un crecemento lento pero constante nas principais rexións importadoras de lácteos.
Noutras zonas produtoras do globo, caso de Nova Zelanda, a produción da campaña 2015/2016 será máis alta do agardado debido ao aumento de choivas no verán do globo sur. En Estados Unidos, os prezos tenden á baixa polos altos stocks e o debilitamento da balanza comercial, en tanto en Arxentina e Brasil a produción está a contraerse, lastrada por altos custos.