Desenvolvemento rural

¿Que impacto teñen no solo os antibióticos de uso veterinario?

Un proxecto estatal no que participa a Universidade de Vigo analiza o impacto que teñen no solo os antibióticos de uso veterinario. En Galicia non se teñen realizado estudos científicos sobre esta materia.

24/05/2017 4:58 p.m.

Entre o 30 e o 80% dos antibióticos empregados en gandaría son excretados por ouriños e feces, acumulándose en esterco e xurros que ao ser aplicados no solo pasan ao medio natural cunha mobilidade que depende da capacidade de adsorción-desorción do terreo.

Neste sentido, un proxecto de investigación estatal no que participan investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense estuda a presenza e dinámica de antibióticos en excretas de gando e en solos de cultivo, tendo como obxectivos últimos identificar áreas de alto risco de contaminación por antibióticos e valorar medidas para reducir a súa concentración e o seu paso á cadea alimentaria e ás augas.

A pesar da capacidade de impacto desta contaminación e de que Galicia posúe unha importante actividade agrícola e gandeira, os investigadores sinalan que non existen estudos científicos en detalle sobre a presenza e dinámica de antibióticos en solos agrícolas e pasteiros galegos, motivo polo cal xorde este traballo.

O proxecto que desenvolven investigadores da Área de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Vigo leva por título “Problemas ambientais derivados da presenza de antibióticos de uso veterinario no solo: mobilidade, degradación e efectos sobre os microorganismos”.

Ata agora non se realizara un estudo científico en Galicia sobre a presenza de antibióticos no solo agrícola

O estudo, financiado con 119.790 euros na convocatoria Retos da Sociedade do Ministerio de Economía e Competitividade do ano 2015, está liderado polo profesor Manuel Arias e participan nel, entre outros, os investigadores e investigadoras desta área Juan Carlos Nóvoa, David Fernández, Cristina Pérez, Remigio Paradelo e Flora Alonso, completando o equipo Monstserrat Díaz, do CSIC.

O traballo enmárcase nun proxecto máis amplo e coordinado no que investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, baixo a coordinación de Esperanza Álvarez, participan encargándose no seu caso de estudar a adsorción-desorción destes antibióticos no solo, o seu transporte e as medidas de control utilizando bioadsorbentes.

As tetraciclinas e sulfonamidas son os antibióticos máis vendidos e con maior risco para o solo

O estudo, explican os seus responsables, parte da hipótese de que a alta densidade de gando, o uso de antibióticos nel e a aplicación de dexeccións gandeiras nos solos de pradería e cultivo determinan de maneira importante a presenza neles de antibióticos e que as características deste solo poden afectar ao comportamento xeral destes contaminantes no medio ambiente.

Deste xeito, ao longo do proxecto, os investigadores analizarán o contido de antibióticos en excretas de vacún, porcino e aviar de diferentes explotacións gandeiras de Galicia onde a aplicación de abonos e residuos de orixe gandeira é intensa.

Especificamente estudarase a presenza dos antibióticos tetraciclinas e sulfonamidas, os máis vendidos e considerados respectivamente pola Unión Europea os segundos e cuartos antibióticos de maior risco en canto á vulnerabilidade dos solos.

Degradación segundo a luz e o tipo de solo

No traballo liderado polos investigadores ourensáns, que arrancou en 2016, "estúdase concretamente a degradación dos antibióticos en presenza ou ausencia de luz e o efecto da capacidade de absorción do solo nesta posible degradación”. “Ademais avalíase o efecto dos antibióticos sobre os microorganismos do solo, atendendo á actividade das comunidades bacterianas e ao incremento da tolerancia destas aos antibióticos", tal e como explica o seu responsable.

A cotolerancia entre distintos antibióticos e a tolerancia a antibióticos inducida pola presenza de cobre, níquel, zinc e arsénico, tamén é outros dos focos de interese deste traballo.

Testaranse bioadsorbentes como cuncha de mexillón, cortiza de piñeiro e cinza de biomasa

Conxuntamente cos investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, os membros da Área de Edafoloxía e Química Agrícola tamén avaliarán a capacidade de bioadsorbentes (como cuncha de mexillón, cortiza de piñeiro e cinza de biomasa) para minimizar os efectos negativos dos antibióticos sobre as comunidades bacterianas do solo.

Ao longo dos tres anos nos que se desenvolve o proxecto, ata 2018, os investigadores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense que participan neste estudo cuantificarán a presenza dos antibióticos seleccionados na vexetación de pradería (raíces e tallo), no trigo (gran) e na pataca (tubérculo).

[caption id="attachment_45968" align="alignleft" width="300"] Equipo do Campus de Ourense que está a realizar o estudo.[/caption]

Tamén estudarán a mobilidade dos antibióticos en solos de distintas características a través de diversas técnicas. Neste senso identificarán os solos de especial vulnerabilidade, aqueles onde a mobilidade é alta, o que se relacionará con propiedades físicas e química dos diferentes solos, fundamentalmente areosos e con baixo contido en carbono.

Ademais de avaliar a degradación tanto en presenza de luz como en escuridade e establecer a influencia do fenómeno de absorción en dita disipación, os investigadores analizarán o efecto de distintos solos con diferente capacidade de absorción na posible degradación dos antibióticos estudados.

Etiquetado
Ir a la portada