Nunha recente xuntanza en Santiago de Compostela o presidente da INLAC expuña a intención da interprofesional láctea de revisar, xunto cos demais actores, os criterios da etiquetaxe de Produtos Lácteos Sostibles (PLS)(1). En dito foro foi posto de manifesto o desacordo da inteprofesional na utilización de argumentos pseudocientíficos e sen ningún tipo de contraste para desacreditar o consumo de leite.
Na súa intervención, o presidente de INLAC mencionou a relevancia que dende a interprofesional se lle quere dar á etiquetaxe PLS. Neste sentido, no presente artigo intentarei contribuír a que esta etiquetaxe reflicta o concepto de sustentabilidade dun xeito máis holístico considerando a produción na súa globalidade.
Sustentabilidade
A primeira vez que se acuñou o termo crecemento sostible ou sustentable foi derivado do informe Brundtland elaborado no marco da ONU, que no ano 1987 ante a deriva do consumismo desmedido do modelo económico imperante no mundo, acendeu a voz de alarma sobre a non sustentabilidade do sistema de produción. Definiuse neste informe como sistema sostible a aquel que é capaz de atender as necesidades presentes sen condicionar as das xeracións futuras. Na definición faise fincapé na dimensión medioambiental, social e económica que un sistema sostible debe abranguer.
Esta definición será a primeira a considerar cando se elabore algo que se defina como sostible, e se falamos de produtos lácteos as compoñentes sociais e medioambientais deben tamén de ser tidas en conta.
Despois da definición lanzada dende a Organización de Nacións Unidas creouse un certo consenso en torno ao termo, e xurdiu a figura do triángulo da sustentabilidade, no que cada un dos tres vértices está ocupados por unha destas palabras: medioambiente, sociedade e economía, establecéndose unións entre elas que teñen que ver coa eficiencia na utilización de recursos (economía-ecoloxía), equidade e salarios (economía-sociedade) e seguridade e respecto (sociedade-ecoloxía).
O encaixe destes desafíos de sustentabilidade dentro do sector lácteo deberían ser os vimbios cos que facer o cesto dos produtos lácteos sostibles. Para facer isto con racionalidade é imprescindible o coñecemento do punto de partida e a dirección a tomar.
Situación actual
Nun recente traballo realizado por Centros Públicos de Investigación Agraria do Norte de España(2) analízase a estrutura produtiva do sector de leite nesta zona. Por primeira vez danse datos concretos de como se alimentan as vacas de leite nestas cinco comunidades autónomas que producen o 60% do leite español.
Na análise de estrutura de explotacións tirada deste estudio segue a verse que a inmensa maioría das explotacións teñen unha fortísima compoñente familiar na man de obra e que o tamaño tense incrementado fortemente.
As 16700 explotacións que abrangue o estudo producen anualmente 3.8 millóns de toneladas de leite, do que resulta unha media de 220 toneladas por explotación. Claro está que destas 16700 explotacións as 10000 (60%) de menor tamaño producen tan só 0.8 MTm (20%) e as 6700 (40%) restantes 3 MTm (80%), o que supón un tamaño produtivo medio de 447 Tm de leite/ano para este grupo de explotacións.
“Non ten nada que ver o custe marxinal de produción ou a eficiencia co tamaño das explotacións”
O tamaño medio das explotacións francesas non chega ás 300 Tm de leite e as irlandesas con pouco mais de 400 Tm de leite por explotación basean a súa capacidade exportadora non en ser cada vez máis grandes, senón en ser cada vez máis eficientes. Ligar tamaño a eficiencia é un erro bastante común pois nada ten que ver o custe marxinal de produción ou a eficiencia co tamaño das explotacións.
É certo que as economías de escala funcionan pero tenden a ser asintóticas, polo que a análise de parámetros de eficiencia e custo marxinal son máis acaidos para falar de rendibilidade de explotación. Non é axeitado, por tanto, atribuír un suposto éxito económico como algo circunscrito exclusivamente ao tamaño das explotacións.
Demandas sociais
Xa se comentou con anterioridade que un dos vértices do triángulo da sustentabilidade é o eido social. Por iso, é de máximo interese saber cales son as demandas e sensibilidades que os consumidores e, por extensión, o conxunto da sociedade teñen da nosa actividade leiteira.
Neste sentido, vense de publicar recentemente un estudo feito polo Institut d´Élevage(3) no que se lle demanda a unha serie de actores da sociedade francesa sobre as súas preocupacións concernentes á produción de leite. Despréndense opinións moi interesantes e moi a ter en conta cando falamos de sustentabilidade. Así, no estudo reflíctese unha gran preocupación pola emisión de gases efecto invernadoiro, a competencia na utilización de alimentos entre humanidade e animais(4), medra a preocupación pola intensificación da produción e tamén pola utilización de antibióticos.
“En Francia os consumidores están cada vez máis preocupados polo impacto medioambiental da produción leiteira”
Por outra parte, a DG-Agri ven de lanzar o pasado mes de outubro un Grupo Focal(5) sobre sistemas de produción de leite no que se pretenden dar as chaves para unha produción de leite máis robusta e resiliente. A resiliencia mide a capacidade dunha actividade de volver ao seu estado produtivo habitual despois de sufrir variacións importantes nalgún dos seus factores de produción. Sería por exemplo a capacidade dunha gandería de vacún de leite de resistir unha baixada de prezos importante ou a capacidade de adaptación a novas demandas lexislativas, sociais ou de calquera outro tipo.
O informe de partida deste grupo focal xa está publicado e todo apunta a que no informe final a resiliencia ou adaptabilidade das explotacións de leite ás demandas sociais van ser tidas moi en consideración.
Sustentabilidade na produción de leite
Visto o panorama e antes de lanzar calquera tipo de etiquetaxe falando das bondades e da sustentabilidade do sistema de produción de leite, deberíamos de ter en conta unha seria de consideracións entre as que destacan:
-Deberíamos de saber trasladar á sociedade as diferenzas substanciais entre as vacas de leite como produtoras de alimentos e calquera outra actividade produtiva ou de consumo en canto á emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI).
-Destacar a capacidade dos ruminantes de extraer enerxía e proteína de fontes vexetais ricas en celulosa, fronte outras especies monogástricas que requiren alimentos menos fibrosos, ricos en amidón, potencialmente consumíbeis polos humanos.
-A produción de leite está baseada en explotacións familiares cunha alta suficiencia proteica e forraxeira que lles confire unha alta resiliencia ante as volatilidades dos prezos.
“A suficiencia forraxeira e proteica son conceptos a ter en conta a hora de falar de sustentabilidade”
-As granxas familiares, que son granxas economicamente viables, conlevan unha serie de intanxibles moi apreciados polas sociedade tales como a preservación da paisaxe, o mantemento da vida no rural e a loita contra os lumes. De feito, as granxas de leite en Galicia son os mellores e os máis baratos cortalumes do país.
-A mellora na eficiencia no sistema de produción de leite redundará sempre en melloras económicas e medioambientais. Canta máis cantidade de proteína sexa capaz de xerar na miña explotación sen utilizar nitróxeno de síntese menor emisión de gases efecto invernadoiro provocarei e menor dependencia da importación de alimentos teremos. A suficiencia forraxeira e proteica son conceptos a ter en conta a hora de falar de sostenibilidade.
Conclusión: “Non nos deixemos levar por cantos de serea de granxas de milleiros de vacas”
O xeito en que os gandeiros e gandeiras galegos producen o leite encaixa moi ben nas demandas que ten a sociedade. Non nos deixemos de levar por cantos de serea que nos levarían a non ser competitivos nin economicamente, nin socialmente.
Unha produción baseada nos recursos propios, con granxas familiares de tamaño medio e cunha baixa competencia por recursos válidos para a alimentación humana é o que a sociedade entende por sostible. Ademais, no caso galego encaixa co noso xeito de producir o leite.
César Resch Zafra
Vogal de Terra e Leite
Investigador do INGACAL/CIAM
(1) http://www.mapama.gob.es/es/megustalaleche/productos-lacteos-sostenibles/
(2) http://ciam.gal/pdf/informeinia.pdf
(3) http://www.ifip.asso.fr/sites/default/files/pdf-documentations/delanoue2015-gisdemain-2.pdf
(4) http://www.journees3r.fr/IMG/pdf/Texte_8_Systemes__S-Laisse.pdf
(5) https://ec.europa.eu/eip/agriculture/en/content/focus-groups/robust-and-resilient-dairy-production-systems