Forestal

¿Que cambios introduce a Xunta na prevención de incendios para aplicar en 2018?

20/11/2017 11:37 p.m.

O Pleno do Parlamento Galego aprobou este luns pola tarde varios cambios na política de prevención de incendios e de xestión forestal en Galicia. Fíxose a través da lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2018. A iniciativa saíu adiante cos votos a favor do Partido Popular e cos votos en contra da oposición, que coincidiu en interpretar que os cambios representan un “recoñecemento do fracaso” das políticas do goberno de Feijóo en prevención de lumes e de ordenación forestal.

Igualmente, as tres forzas da oposición -PsdeG-PSOE, BNG e En Marea- critican a forma escollida para realizar estes cambios, a través da lei de acompañamento dos orzamentos, e pola tanto sen a participación sectorial e sen os informes preceptivos.

¿Cales son os principais cambios que se introducen na prevención de lumes e na ordenación forestal para 2018?

Tal e como xa avanzou Campo Galego nas últimas semanas, os principais cambios que se introducen a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos son:

-Suprímense as distincións que se establecían sobre a plantación de especies pirófitas e a partir de agora quedará prohibido plantar piñeiros, eucaliptos e acacias nos 50 metros arredor de edificacións, vivendas e urbanizacións, instalacións, límite do solo urbano, rural e urbanizable (as faixas secundarias de xestión da biomasa).

-Respecto a data en que os traballos de roza terán que estar rematados, adiántase ao 31 de maio, cando ata o de agora era en xuño.

-Axilízanse as accións que deben executar as administracións con carácter subsidiario. Así, cando se requira xestionar a biomasa a propietarios de parcelas descoñecidos e ilocalizables, bastará cun aviso cun prazo de 15 días no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Ábrese tamén a posibilidade de limpar os montes máis descoidados sen que teña que existir consentimento das persoas responsables nin autorización xudicial, sempre que estas parcelas non teñan consideración de domicilio.

-Cando exista un grave risco para as persoas e os bens materiais, poderán delimitarse por decreto as zonas de actuación prioritaria para que se limpen de xeito inmediato. Bastará cunha resolución da propia Consellería do Medio Rural ou dos concellos.

-Establécese a posibilidade incluso de chegar a expropiar predios de titular descoñecido en que non se estea xestionando debidamente a biomasa e, polo tanto, teña que facelo unha Administración pública. O requisito será que os custos destes traballos sexan superiores ao valor catastral do terreo.

Do mesmo xeito, vaise incorporar tamén a incautación de madeira cando sexa a Administración a que limpe ese territorio de xeito subsidiario e se desta venda existe beneficio, o importe resultante incorporarase a un fondo de nova creación que permitirá ter orzamento para executar outras rozas.

-Os montes veciñais en man común que non estean explotados adecuadamente poderán declararse en estado de grave abandono de xeito que poidan ser incorporados ao Banco de Terras. Así, poderá ofertarse a súa xestión a terceiros que estean dispostos a poñer o monte en valor durante 50 anos, sempre e cando a comunidade rexeite o coidado do monte ou a súa posta en valor.

Algo similar sucederá con aqueles terreos que dificulten a xestión dos montes por parte das Sociedades de Fomento Forestal (Sofor). Neste caso, ou ben se incorporarán ao Banco de Terras ou incluso se expropiarán co mesmo obxectivo de poñelas á disposición da Sofor en cuestión e que poidan xestionalas en común.

-A partir do próximo ano cando os propietarios incumpran a súa obriga de limpar o monte, as distancias mínimas que establece a Lei de montes ou manteñan en estado de abandono predios que foron concentrados, e estes incumprimentos provoquen ou agraven un incendio forestal, os custos de extinción tamén poderán ser repercutidos aos propietarios.

-Incluiranse nas redes primarias de xestión de biomasa as subestacións eléctricas e estacións de telecomunicacións, o que significa que nos cinco metros de perímetro destas instalacións non se poderán plantar especies pirófitas e deberá xestionarse a biomasa.

-Incluiranse nas faixas secundarias as vivendas illadas en solos rústicos a máis de 400 metros do monte.

Etiquetado
Ir a la portada