Desenvolvemento rural

Publicadas as normas complementarias dos plans de mellora e de incorporación

Organizacións agrarias e cooperativas critican o retraso da normativa e piden unha ampliación do prazo de solicitude das axudas, que conclúe o 2 de maio

Campo Galego 20/04/2017 1:02 p.m.

A Consellería do Medio Rural vén de publicar na súa web as normas complementarias da orde de axudas para plans de mellora, incorporacións e creación de pequenas explotacións. Este documento era agardado desde hai días polo sector, pois marca cuestións como requisitos a cumprir, investimentos subvencionables e niveis de apoio para cada gasto.

A convocatoria de axudas abriuse o 1 de abril e remata o 2 de maio, se ben as normas complementarias non se publicaron ata hoxe, 20 de abril, o que suscita críticas de organizacións agrarias e cooperativas. O sector demanda unha ampliación do prazo de solicitude, pois entende que, en menos de dúas semanas, é inviable elaborar tódalas memorias xustificativas e estudos técnico-económicos que se requiren.

Desde Unións Agrarias lembran en nota de prensa que a día de hoxe non hai ningunha solicitude presentada ante a Xunta, pois a ausencia das normas complementarias impedía concretar os proxectos a presentar. Unións sinala ademais que esta época é mala para as granxas, ó coincidir co ensilado da herba, polo que pide unha prórroga. De non efectuarse, é previsible que moitas solicitudes queden fóra, advirte a organización agraria.

As normas complementarias sinalan cuestións como os investimentos subvencionables e módulos a aplicar, requisitos e criterios de prioridade. Para os investimentos en instalacións que precisen de permisos ou licenzas administrativas, sinálase que o prazo límite para contar con esas autorizacións é o 15 de setembro do 2017.

Pódense consultar as normas complementarias completas en Pdf na páxina web da Consellería do Medio Rural.

Etiquetado
Ir a la portada